Bases das subvencions para o fomento do emprego mediante proxectos relacionados coa investigacion, a innovacion e o emprego en Vigo 2018 - Boletín Oficial de Pontevedra de 19-09-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 19/09/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social
  • Documento en formato PDF

BASES REGULADORAS DAS SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO MEDIANTE PROXECTOS RELACIONADOS COA INVESTIGACIÓN, A INNOVACIÓN E O EMPREGO

Base 1ª.- OBXECTO, FINALIDADE E BENEFICIARIAS DAS SUBVENCIÓNS

Obxecto:

Esta convocatoria de subvencións, realizada pola Concellería de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relación con Sindicatos do Concello de Vigo, ten por obxecto a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa investigación, a innovación e o emprego a entidades sen ánimo de lucro, que se realicen como máximo entre o 1 xaneiro e o 15 de outubro de 2018.

Finalidade:

A finalidade ou obxectivo que se pretende acadar coa convocatoria é que mediante a investigación e a innovación, se fomente o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación, preferentemente relacionadas co sector secundario, que poidan dar lugar a xeración de emprego e permitan:

' Facilitar a adquisición de experiencia no ámbito da investigación e a innovación en sectores de interese para o emprego en Vigo e Galicia.

' Fomentar as actividades ocupacionais e informativas de cara a unha integración laboral.

' Fomentar a investigación e o desenvolvemento de proxectos que melloren a actividade económica, preferentemente do sector secundario, cara a incidir na mellora real e o incremento do emprego.

Beneficiarias:

Poderán concorrer a esta convocatoria pública as entidades sen ánimo de lucro, que estean inscritas, no Rexistro Municipal de Asociacións (RMA), ou teñan solicitado a súa inscrición antes da aprobación das presentes bases pola Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo.

Base 2ª.- REQUISITOS DOS SOLICITANTES

Poderán solicitar subvencións e obter a condición de beneficiarias as entidades, sen ánimo de lucro, que reúnan os seguintes requisitos:

1. Que teñan a súa sede social ou delegación no termo municipal de Vigo.

2. Que estean debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións (RMA) ou teñan solicitado a súa inscrición antes da aprobación das presentes bases pola Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo.

3. Que, conforme aos seus estatutos ou normas reguladoras, teñan obxectivos e finalidades coincidentes cos establecidos nas presentes bases, e que veñan desenvolvendo actividades de investigación e innovación en proxectos relacionados coa industria, cando menos 6 meses antes da publicación da convocatoria.

4. Que dispoñan dunha estrutura suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos e acrediten a experiencia e capacidade necesaria para acadalos.

5. Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, co Concello de Vigo e coa Seguridade Social.

6. O/s interesado/s poderá/n autorizar, expresamente, ao Concello de Vigo para consultar dita información tributaria na Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). Noutro caso, será preciso achegar a oportuna certificación.

7. Acompañar á solicitude a documentación preceptiva detallada na Base novena desta convocatoria.

Base 3ª.- GASTOS SUBVENCIONABLES

En xeral, son gastos subvencionables os que, de xeito indubitado, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido por estas bases reguladoras.

A efectos desta subvención, sempre e cando se acredite a realización dos gastos de funcionamento e difusión necesarias para o desenvolvemento do proxecto, e das actividades que motivan a súa concesión, considéranse gastos subvencionables, os realizados dentro dos prazos establecidos na convocatoria entre os meses de 1 xaneiro e o 15 de outubro de 2018, que se revelen como obxectivamente necesarios para que a/as entidades poidan cumprir os fins que lle son propios ou derivados específicamente das contratracións de persoal e gastos de funcionamento realizadas para o desenvolvemento das actividades programadas, e que teñan acomodo no obxecto de convocatoria:

' Custes salariais derivados do persoal contratado e/ou da entidade con cargo a subvención.

' Custes de seguridade social a cargo da entidade do persoal contratado e/ou da entidade con cargo a subvención.

' Gastos financieiros e de xestión relacionados coa posta en marcha do proxecto presentado.

' Gastos de difusión, publicidade e asistencia a eventos.

' Gastos de aluguer de locais e maquinaria.

' En xeral todos aqueles necesarios para a execución do proxecto ou proxectos preentados.

En ningún caso serán subvencionables:

- Intereses, recargos e sancións administrativas e penais

- Os gastos de procedementos xudiciais

Tampouco se considerarán como gastos subvencionables incluidos entre os custos salariais obxecto da subvención, os seguintes:

a) A indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

b) Os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

c) As vacacións pagadas, pero non desfrutadas.

d) As horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.

En ningún caso, o custe dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Base 4ª.- CONTÍA TOTAL E CRÉDITO ORZAMENTARIO

a) A contía total destinada a estas subvencións serán como máximo de 30.000 ¬ (trinta mil euros), que se imputarán con cargo á partida 2410 4800000 'Programa de axudas ao plan de emprego municipal', dos orzamentos xerais do Concello de Vigo.

b) O importe máximo da subvención ou axuda será de 15.000,00 ¬ e, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custe da actividade ou actuación subvencionada.

c) A concesión da subvención non xerará ningún dereito á percepción da mesma en futuras convocatorias.

Base 5ª.- ANTICIPO A CONTA

Para facilitar a administración da axuda concedida poderase tramitar un anticipo a conta de ata un 50% da axuda outorgada polo Concello, previa petición da entidade, na que xustifique o destino dos fondos solicitados e a necesidade financeira dos mesmos. O 50% restante ingresarase unha vez se teña xustificado a totalidade do programa conveniado, tal como se establece na liquidación final.

Conforme ao previsto no artigo 42 e ss. do RD 887/2006, neste suposto optase por non esixir ningún tipo de garantía á entidade beneficiara ao ter en conta, tanto o carácter social da actividade subvencionada, coma a traxectoria en anteriores colaboracións coas entidades destinatarias da convocatoria.'

Base 6ª.- COMPATIBILIDADE DA SUBVENCIÓNS

Estas subvencións serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

As entidades beneficiarias deberán comunicar ao Concello de Vigo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa presentación da xustificación da subvención outorgada.

En calquera caso, o importe total da subvención ou subvencións recibidas non poderá superar o da actividade subvencionada, en cuxo caso, procederase na forma prevista no artigo 34 do RD 887/2006, de 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, 17 de novembro, Xeral de Subvencións (RLXS).

De existir no orzamento municipal vixente consignación presupostaria nominativa ao favor dunha entidade para a concesión dunha subvención ou axuda directa, é dicir, para a formalización dun convenio, para axudar ao financiamento da contratación e de gastos subvencionados segundo estas bases, a entidade solicitante non poderá concorrer na presente convocatoria.

Base 7ª.- OBRIGAS QUE ASUMEN AS BENEFICIARIAS

As beneficiarias das subvencións conforme á presente normativa, están obrigadas a:

1. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da convocatoria.

2. Acreditar que se realizaron os gastos subvencionados asumindo as obrigas e demais responsabilidades legalmente esixibles en cada caso.

3. Para os efectos de difusión pública, en todos os lugares onde se realicen as actividades, deberá figurar de forma visible, cartel informativo no que constará o financiamento do Concello de Vigo, segundo o Anexo VIII aprobado nesta convocatoria e que estará a disposición no Servizo de Desenvolvemento Local e Emprego para todos/as aqueles/as que o soliciten. Así mesmo, na páxina web e/ou nas redes sociais, ata a finalización do ano 2018, publicitarase que o Concello de Vigo colaborou no financiamento dos gastos.

4. Someterse ás actuacións de comprobación, seguimento, control financeiro e inspección que o Concello de Vigo considere necesario levar a cabo, para o que facilitará toda a información e documentación complementaria que se lle requira.

5. Responder legalmente da falta de veracidade dos datos expostos e do incumprimento das presentes bases.

6. Cumprir as condicións que se establecen nestas Bases para a concesión da subvención.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, por canto poderán ser obxecto de actuación de comprobación e control.

8. Comunicar, con motivo da xustificación da subvención, a obtención doutras subvencións para os mesmos gastos subvencionados nesta convocatoria, ou para a mesma finalidade procedentes de calquera das administracións públicas ou entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, así como, outros ingresos ou recursos que financien a mesma.

9. Estar ao corrente fronte ás súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

10. Responder da veracidade da información e autenticidade da documentación achegadas.

11. Cumprir coas demais obrigas establecidas no art. 14 da LXS.

Base 8ª.- PRAZO E PRESENTACIÓN DA SOLICITUDE

En cumprimento da obriga imposta polo artigo 14.2.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPAC), establécese o emprego, de xeito exclusivo, de medios electrónicos, para presentar e tramitar a solicitude desta subvención a través da sede electrónica do Concello de Vigo https://sede.vigo.org/expedientes/sede/?lang=ga, por calquera dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica admitidos na sede electrónica, que se poden consultar no enlace https://sede.vigo.org/expedientes/usuarios/login.jsp?lang=ga.

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación complementaria correspondente, será de 10 días hábiles, a contar dende o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que será comunicado desde a Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) que opera como sistema nacional de publicidade de subvencións, nos termos do art. 30 da LPAC.

As solicitudes de subvención achegaranse debidamente cumprimentadas, mediante os modelos oficiais aprobados con estas bases, que estarán dispoñibles na páxina web (www.vigo.org) e no Servizo de Información do Concello de Vigo.

No caso de que se achegue a solicitude presencialmente por parte dos obrigados polo art. 14.2 LPAC, requirirase a súa subsanación mediante a súa presentación electrónica. A estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que tivese realizado a subsanación.

Todas as solicitudes, así coma as posibles subsanacións telemáticas contempladas no parágrafo anterior, deberanse achegar antes de que remate o prazo outorgado para a súa presentación, sen que caiba ter por presentadas aquelas achegadas con carácter extemporáneo.

BASE 9ª.- DOCUMENTACIÓN

A documentación complementaria deberá achegarse asinada electronicamente e remitirase a través do Rexistro electrónico do Concello de Vigo. Os solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se a documentación complementaria se achegase presencialmente, será requirida para emendala a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes anexarán á solicitude a documentación que se indica a continuación:

a) I 'Solicitude': Unha solicitude de participación, con expresión, segundo proceda, de:

- Datos da entidade solicitante

- Datos do/a representante legal

- Identificación dun dispositivo electrónico (teléfono móbil ou similar) e/ou dunha dirección de correo electrónico, que servirán para o envío dun aviso de notificación de posta a disposición das notificacións electrónicas.

- Domicilio a efectos de notificación

- Datos do proxecto (contía solicitada)

- Lugar, data e sinatura electrónica

b) Anexo II: Declaración responsable de cumprimento dos requisitos asinada electronicamente.

c) Anexo III: Ficha de solicitude de transferencia bancaria ou certificación bancaria.

d) Anexo IV: Declaración responsable das axudas solicitados e/ou concedidas asinada electronicamente.

e) Anexo V: 'Memoria do proxecto de contratacións, actividades e metodoloxía a empregar no proxecto a realizar' asinado electronicamente.

f) Anexo VI: Autorización para a consulta e verificación de datos polo Concello de Vigo, para comprobar se o/a solicitante ten ou non débedas coa AEAT, Tesourería da Seguridade Social, a Axencia Tributaria de Galicia e Concello de Vigo. No caso de non querer achegar este Anexo ou de non estar debidamente cuberto, o solicitante terá que achegar as Certificacións de estar ao corrente coas obrigas tributarias e frónte a Seguridade Social, vixentes de conformidade co art. 23.3 RLXS, de xeito que, de ter presentados os certificados requiridos no Concello de Vigo cunha antigüidade inferior a seis meses, non será esixible a súa presentación, sempre que se indique o número de expediente no que obran.

g) Calquera outra comunicación de modificación ou actualización de datos da entidade que consideren relevante (declaración de utilidade pública, honras, distincións...), podendo, así mesmo, acompañar os elementos que estimen convenientes para completar os datos dos modelos, que serán tidos en conta á hora de estudar e avaliar as solicitudes.

Porén, o solicitante poderá acollerse ao establecido no art. 28.2 da LPAC, que indica que os interesados non estarán obrigados a achegar documentos que fosen elaborados por calquera Administración, sempre que o interesado expresase o seu consentimento a que sexan consultados ou solicitados os devanditos documentos. En relación co dereito a non presentar documentos que obren en poder da administración convocante, debe facerse constar a data e órgano ou dependencia na que foron presentados, ou, no seu caso, o número de expediente ou procedemento no que se fixeron valer.

O departamento convocante pode requirir, canta outra documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para participar na convocatoria considere necesaria, así como, complementar a información facilitada pola entidade, para unha mellor avaliación das solicitudes achegadas.

Base 10ª.- CRITERIOS DE VALORACIÓN DOS PROXECTOS

A concesión das subvencións atenderá a criterios obxectivos e tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo sempre como límite a dispoñibilidade orzamentaria da Área de Emprego destinadas para tal fin no presente exercicio. Neste sentido, levarase a cabo a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de acordo cos criterios de valoración que se indican, adxudicándolle as axudas proporcionalmente á puntuación obtida, co límite fixado na presente convocatoria e dentro do crédito dispoñible.

Como criterios xerais de valoración para o outorgamento das subvencións, terase en conta:

1. Calidade e viabilidade técnica e económica do proxecto. Ata 20 puntos.

a) Valoraranse o proxecto de actividades, atendendo ás mesmas de maneira individual e tendo en conta:

' Que sexan capaces de xerar grupos de innovación na actividade económica de Vigo e o seu entorno, ou programas estables de innovación e investigación frónte a accións puntuais

' Que se baseen na análise das necesidades existentes no entorno económico e laboral e, que teñan viabilidade técnica.

' Colaboración, coordinación e concertación dos proxectos con outras entidades asociativas e aposta pola promoción de alianzas e do traballo en rede.

' No caso de que a proxecto de actividades non obteña a puntuación mínima de dez (10) puntos por este concepto, entenderase desestimada a solicitude.

2. Áreas económicas relacionado co proxecto:

a) Tecnoloxias da comunicación 5 puntos

b) Automoción 5 puntos

c) Industria naval 5 puntos

d) Biotecnoloxía 4 puntos

e) Enerxías renovables 4 puntos

f) Outras áreas e/ou sectores 2 puntos

3. Uso da lingua galega no proxecto/s 5 puntos

A Comisión de Valoración encargada da avaliación dos proxectos terá en consideración os datos presentados pola entidade xunto co seu propio coñecemento, a través dos datos existentes nos Servizos da área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relación con Sindicatos do Concello de Vigo.

BASE 11ª.- PREAVALIACIÓN DAS SOLICITUDES E SUPOSTOS DE DESESTIMACIÓNS

Nesta fase de preavaliación, verificarase o cumprimento das condicións impostas para acadar a condición de entidades beneficiaras das subvencións.

Unha vez examinada a documentación achegada polas entidades, desestimaranse as seguintes solicitudes:

1. Cando as actividades que se pretenden fomentar, segundo memoria achegada:

' Non se axusten aos fins e obxectivos perseguidos nesta convocatoria.

' Aquelas de carácter político e doutrinal de signo partidario e/ou confesional.

' Aquelas que, en consideración ao proxecto e programación, non reúnan as condicións mínimas de interese xeral, non acadando a puntuación mínima na valoración específica da memoria de actividades, indicando unha mala definición do mesmo ou que a materia non se axusta aos obxectivos e finalidades da convocatoria.

' Cando non se axuste á solicitude o proxecto de fomento do emprego que fundamentan a concesión da subvención.

2. Con carácter xeral:

' Aquelas que non cumpran cos requisitos establecidos na Base 2ª desta convocatoria e na lexislación vixente aplicables para acadar a condición de beneficiarias.

' Aquelas que non tivesen achegado a correspondente/s renuncia/s cando proceda, no exercicio orzamentario anterior á presente convocatoria.

' Aquelas solicitudes para Programas que comprenden gastos subvencionables que xa foron solicitados noutras áreas ou servizos do Concello de Vigo ou subvencionados pola Concellería de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relación con Sindicatos no vixente exercicio orzamentario.

BASE 12ª.- PROCEDEMENTO: INSTRUCIÓN, RESOLUCIÓN, NOTIFICACIÓN E/OU PUBLICACIÓN, RECURSOS E RENUNCIA

1. Todos os trámites administrativos que se deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados a través da sede electrónica do Concello de Vigo.

2. O Servizo de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, revisará os expedientes, comprobando que conteñen a documentación esixida. No caso de documentación incompleta ou defectuosa, requirirase á solicitante para que nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 68 da LPAC, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

As notificacións electrónicas realizaranse a través da sede electrónica do Concello de Vigo. Remitiranse aos/ás interesados/as os avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle aos/ás técnicos/as do servizo, que baixo a dirección da xefatura do servizo, poderán realizar de oficio cantas actuacións estimen necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación da veracidade dos datos achegados en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

4. A avaliación das solicitudes de subvención, conforme aos criterios sinalados na Base Décima, realizarase pola Comisión de Valoración, órgano colexiado constituído ao efecto e que terá a seguinte composición:

' 1 Presidente: O concelleiro delegado da Área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relación con Sindicatos ou concelleiro en quen delegue.

' 2 Vogais: O xefe de servizo de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local e un/unha técnico do mesmo.

' 1 Secretario: Actuará como secretario un dos vogais membro da Comisión, con voz e voto.

O concelleiro delegado da Área, resolverá o nomeamento dos titulares e suplentes da referida Comisión.

A Comisión poderá requirir a presenza ou solicitar o asesoramento de expertos sobre materias concretas se o considera conveniente.

5. As solicitudes avaliaranse con arreglo á documentación achegada, no seu caso, aos informes emitidos, ás limitacións orzamentarias existentes e aos criterios de avaliación establecidos na Base Décima, deixando constancia en acta do resultado da avaliación debidamente motivada.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes achegadas, o órgano colexiado remitirá a acta na que se concrete o resultado da avaliación, á vista do cal, o instrutor do procedemento formulará proposta de resolución definitiva á Xunta de Goberno Local, como órgano competente para resolver o procedemento, na que incluirá unha relación na que se indicarán todos/as as solicitantes que participan na convocatoria co NIF, nome, nº de expediente, puntuación obtida, estimación da súa solicitude ou desestimación (con indicación do/s motivo/s polo/s que se lle denega), e o importe da subvención que se lle outorga; farase constar, así mesmo, que da información que obra en poder do órgano instrutor, despréndese que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

7. O prazo de resolución e notificación será de catro meses contados a partir da publicación desta convocatoria. A resolución do procedemento será obxecto de publicación para xeral coñecemento na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org).

En calquera momento anterior á resolución do procedemento de subvencións, a interesada poderá desistir da/s súa/s solicitude/s; desistimento que será aceptado de plano pola administración concedente, declarando concluso/s o/s procedemento/s correspondente/s, de conformidade cos artigos 84 e seguintes da LPAC.

8. A resolución do procedemento notificarase electrónicamente ás entidades solicitantes a través da sede electrónica. Remitiranse aos/ás interesados/as os avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Dende o día seguinte á notificación da resolución, as beneficiarias dispoñen dun prazo de dez (10) días naturais para a aceptación ou renuncia da subvención concedida, que debe comunicarse por escrito ao Servizo de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, transcorrido o cal, sen manifestación expresa ao respecto, entenderase tácitamente aceptada.

10. Todas as subvencións concedidas, individualmente consideradas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e programa específico subvencionado, serán publicadas na Base de Datos Nacional de Subvencións.

11. O vencemento do prazo máximo sen terse dictado e notificado a resolución expresa, lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de subvención, sen prexuízo do disposto no art. 24.3.b) da LPAC.

12. Contra a resolución administrativa que aprobe as presentes bases e as resolucións que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro mes sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses. Así mesmo, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos, os prazos contaranse a partir do día seguinte ao da notificación, publicación ou desestimación do recurso de reposición.

13. A beneficiaria poderá renunciar, expresamente, á subvención concedida; renuncia que será aceptada de plano pola administración concedente, declarando concluso o/s procedemento/s correspondente, de conformidade co artigo 94 da LPAC. A non presentación da/s correspondente/s renuncia/s cando proceda, determinará a imposibilidade de concorrer á convocatoria de subvencións da Concellería de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relación con Sindicatos no vindeiro exercicio presupostario.

Base 13ª.- PRAZO E FORMA DE XUSTIFICACIÓN DA SUBVENCIÓN OUTORGADA

As beneficiarias, no prazo de quince (15) días e sempre antes do 1 de novembro de 2017, a contar desde o remate das accións de do proxecto de fomento do emprego subvencionado, deberá xustificar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e, no seu caso, da aplicación dos fondos recibidos. A tal efecto deberá achegar electronicamente unha conta xustificativa: composta dunha memoria de actividades e dunha memoria económica.

' Memoria de actividades realizadas, conforme ao proxecto achegado coa solicitude, que fundamentaron a concesión da/s subvención/s realizadas, e na que deberá figurar, como mínimo, e para cada unha delas, a seguinte información:

- Denominación

- Financiamento.

- Contratacións realizadas:

' Novas contratacións:

- Denominación do/s posto/s.

- Perfís profesionais.

- Persoas contratadas.

- Período de contratación.

- Xornada laboral indicando horarios de desenvolvemento das actividades.

- Contratos do persoal da entidade para o desenvolvemento do proxecto:

' Denominación do posto.

' Perfíl profesional.

' Persoa asignada ao proxecto.

' Período de traballo.

' Xornada laboral indicando horarios de desenvolvemento das actividades.

- Nos cursos de formación realizados ao persoal contratado con cargo á subvencións explicitarase:

' Programa do curso.

' Horas de formación.

' Identificación dos participantes e do monitor/a con apelidos e nome, enderezo e número de teléfono.

- Actuacións realizadas por persoal contratado con cargo á subvención.

' Datas e lugar de celebración.

' Colectivo destinatario, número de beneficiarios e programación desenvolvida.

- Dous exemplares do material de información, boletíns ou libros editados e publicidade relacionada co fomento do emprego.

- Memoria de prensa e comunicación.

- Acreditar, mediante inserción, en lugar destacado do lugar de traballo e na páxina web da entidade ou en calquera outra na que se difundan as actividades desenvolvidas polo persoal contratado e/ou asignado con cargo á subvención, do logotipo e/ou cartel oficial da convocatoria do Concello de Vigo, e para cada unha das actividades levadas a cabo, a difusión pública do cofinanciamento, en todo caso, para a actividades executadas con posterioridade á presentación das solicitudes de subvencións.

' Memoria económica: que incluirá a relación dos custos salariais e de seguridade social, así coma dos outros custos (gastos financieiros e de xestión), cunha relación de todos os xustificantes de pago dos gastos incorridos, á que se xuntarán as facturas electrónicas e/ou copias dixitalizadas compulsadas das facturas orixinais en papel e/ou os demais documentos de valor probatorio equivalente. Indicarase o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios e doutras subvencións ou recursos que financiasen tamén a actividade subvencionada:

- Custos salariais: as retribucións de persoal xustificaranse mediante:

' Contrato de traballo do/s novo/s traballador/es contratados

' Contrato de traballo e/ou vida laboral do persoal da entidade con cargo á subvención.

' Boletíns de cotización á Seguridade Social: Recibo de liquidación de cotizacións e Relación nominal de traballadores, ou documento equivalente expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

' Nóminas correspondente aos meses imputados.

' Modelo 111 (retencións e ingresos a conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento.

' Documentos bancarios correspondentes que xustifiquen o pagamento das nóminas do persoal (transferencia bancaria, cheque nominativo, certificacións)

- Outros custos: reflectiranse nunha táboa todos os gastos acreditados mediante facturas electrónicas e/ou copias dixitalizadas compulsadas das facturas orixinais en papel, indicando o nome de empresa, o número de CIF, a data, o número de factura e o IVE. Computarase o gasto acreditado deducindo o IVE, salvo que se xustifique a exención do dito imposto (achegarase, a tal efecto, unha declaración responsable da entidade de non dedución do IVE ou o acordo de exención do IVE) e deberá indicarse o importe que se imputa á subvención (total/parcial).

Non será preciso que nos documentos xustificativos de pago conste de forma expresa que os pagos aos que os mesmos se refiren foron satisfeitos con anterioridade ao proceso de xustificación do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

A beneficiaria deberá estar ao corrente no seu cumprimento coas obrigas tributarias (administracións estatal, autonómica e local) e coa Seguridade Social. Se a entidade non autorizou ao Concello para a súa expedición por medios telemáticos deberá achegar de novo os certificados correspondentes ou a declaración responsable naqueles supostos previstos no artigo 31.7.e) da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia.

Para o caso de que a entidade beneficiaria declare ter recibido outras subvencións para os mesmos gastos subvencionados nos Programas desta convocatoria, ou para a mesma finalidade procedentes de calquera das administracións públicas ou entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, deberá achegar copia electrónica da resolución de concesión das mesmas.

A beneficiaria achegará unha declaración responsable na que declare que son certos todos os datos reflectidos na documentación achegada para xustificar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos recibidos.

Conforme establece o Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvención, no seu artigo 70.3, trancorrido o prazo establecido de xustificación sen presentarse esta ante o órgano administrativo competente, éste requerirá ao beneficiario para que no prazo improrrogable de quince días sexa presentada aos efectos previstos neste Capítulo. A falla de presentación da xustificación no prazo establecido neste apartado levará consigo a exixencia do reintegro e demáis responsabilidades establecidas na Lei Xeral de Subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste apartado non eximirá ao beneficiario das sancións que, conforme á Lei Xeral de Subvencions, correspondan.

Base 14ª.- COMPROBACIÓN DAS SUBVENCIÓNS

No caso de ser incompleta ou defectuosa a documentación achegada, concederase a entidade beneficiaria un prazo improrrogable de dez (10) días hábiles para a súa subsanación ou entrega, transcorridos os cales, sen atender ao requirimento, teranse por desistidos da súa petición previa resolución ditada nos termos previstos no art. 21 da Lei 39/2015, de 01 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O persoal técnico do Servizo, será o encargado do seguimento da execución da subvención, así como de informar sobre a adecuada xustificación da subvención, mediante a emisión dun informe que incorporará ao expediente, no que se poña de manifesto expresamente o cumprimento total do obxecto da subvención ou daquelas circunstancias que imposibiliten a aprobación da xustificación, a desestimación ou desistimento da solicitude, así como, a renuncia á subvención.

Base 15ª.- OBRIGA DE INFORMACIÓN

As entidades beneficiarias deberán facilitar toda a información e documentación que, que en relación aos expediente de subvencións, lle sexa requirida pola Concellaría de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relación con Sindicatos, así como, pola Intervención Municipal, Tribunal de Contas e Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Base 16ª.- ABOAMENTO

O aboamento das subvencións efectuarase mediante transferencia bancaria, unha vez sexan debidamente xustificada.

Antes de proceder ao pago das subvencións, comprobarase que a entidade beneficiaria está ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, tal e como se indica na Base 13ª.

Así mesmo, deberá comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Base 17ª.- PERDA DO DEREITO AO COBRO: REVOGACIÓN, MINORACIÓN, NULIDADE E REINTEGRO DAS SUBVENCIÓNS. RÉXIME DE INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

a) Dará lugar á perdida do dereito ao cobro da subvención e, por ende, á súa revogación, o incumprimento por parte da entidade beneficiaria da subvención, de calquera das obrigas previstas nestas bases-convocatoria e, en particular de:

' A obriga de xustificación no prazo legalmente establecido.

' A non achega da memoria de actividades ou cando a mesma non se axusta aos termos da Base Décimo Segunda.

' As obrigas, requisitos, condicións e demais circunstancias, establecidas nestas Bases, con motivo da concesión das subvencións

' Finalidade para a que se concederon que determinou o seu outorgamento

' Adopción de medidas de difusión do financiamento público recibido nos termos previstos nestas Bases

' Ocultación ou falsidade de datos e/ou documentos ou obtención de subvencións falseando as condicións requiridas para iso.

' Concorrencia de calquera outra das causas previstas no art. 37 da LXS.

O acordo da Xunta de Goberno Local que determine a revogación total ou parcial da subvención, adoptarase previa instrución do expediente, cuxo inicio se notificará á entidade, co conseguinte trámite de audiencia e prazo para formular alegacións, e no que deberá constar informe e proposta razoada do servizo.

No caso de que, por concorrencia de subvencións, a contía das axudas superen o custe do proxectos subvencionados, procederá a redución ou minoración da subvención no exceso, no seu caso, reintegro das cantidades percibidas indebidamente.

b) Cando o incumprimento da actividade subvencionada se traduza nunha diminución significativa das actuacións subvencionadas, traducible a termos económicos, en función do proxecto presentado e o seu presuposto, que non implique verdadeiro incumprimento do obxectivo ou condicións da subvención, procederá a aplicación da regra de proporcionalidade a efectos de perda do dereito ao cobro e conseguinte redución proporcional da contía da subvención.

c) Para a determinación das causas de nulidade e anulabilidade do acordo de concesión das axudas e de reintegro das mesmas, estarase ao disposto nos artigos 36 e ss. da LXS. En todo caso, cando concorran causas de reintegro, a entidade reintegrará as cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de demora dende o aboamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro.

d) En canto ás infraccións e sancións en que poidan incorrer os beneficiarios destas axudas, e o procedemento para a súa imposición, estarase ao disposto no Título IV da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e RD 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento nos seus preceptos básicos, ou, no seu caso, o título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvención de Galicia, e normativa reguladora do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Base 18ª.- TRATAMENTO DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

Os datos das entidades solicitantes e os dos seus representantes serán incorporados aos ficheiros municipais. A finalidade da súa recollida é a instrución do procedemento para a concesión das subvencións obxecto das presentes bases reguladoras, a práctica das publicacións, comunicacións e notificacións de obrigado cumprimento, o seguimento e comprobación da actividade subvencionada e demais actuacións previstas na normativa reguladora das subvencións, en orden á conclusión do proceso de subvencións, polo que a súa achega é obrigatoria.

Os referidos datos serán tratados e protexidos de acordo co previsto na normativa de Protección de Datos de Carácter Persoal. A beneficiaria poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante o Concello de Vigo a través do Servizo de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local.

Base 19ª.- NORMATIVA DE APLICACIÓN

Esta convocatoria réxese polas súas Bases, pola Lei 9/2007 do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia; a Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e o Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, nos seus preceptos básicos; a lexislación básica do Estado en materia de réxime local; os preceptos non básicos da Lei 38/2003 e do Real Decreto 887/2006; as Bases de Execución do Orzamento do Concello de Vigo para o ano 2018, as restantes normas de dereito administrativo e, no seu defecto, as normas de dereito privado.

Base 20ª.- PUBLICIDADE

As presentes bases reguladoras e a convocatoria, cuxo contido responde ao disposto no art. 20 da LSG, publicarase conforme ao establecido no artigo 20.8 apartados a) e b) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, en aplicación dos principios recollidos na Lei 19/2013, de 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, publicarase, unha vez aprobadas, a convocatoria e bases reguladoras da convocatoria de 'Subvencións para o fomento do Emprego mediante proxectos relacionados coa investigación, a innovación e o emprego' en:

' A convocatoria, na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), no Portal de Transparencia e na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org), conforme ao art. 14.1 da LSG, a publicación que determinará o inicio do prazo de 10 días hábiles para a presentación de solicitudes, será a do extracto enviado pola BDNS e que se realice no Boletín Oficial da Provincia.

' As bases reguladoras, no BOP, no Portal de Transparencia e na páxina web do Concello de Vigo (www.vigo.org).

As subvencións concedidas remitiranse á BDNS para a súa publicación con indicación segundo cada caso, da convocatoria, o programa e crédito presupostario ao que se imputen, beneficiaria, cantidade concedida e finalidade da subvención con expresión do proxecto subvencionado.

Vigo, a 13 de setembro de 2018,- O concelleiro de Emprego, Economía, Voluntariado e Relación con Sindicatos.

Empleo y contratación
Empleo
Investigación
Innovación
Industria
Voluntariado
Actividades sindicales
Fomento del empleo
Participación ciudadana
Fomento de la participación ciudadana
Inserción laboral
Eventos
Servicios Sociales
Alquiler de vivienda
Dependencia
Formación
Gallego
Prensa
Empresa