Bases II Concurso de vídeo-creación para centros de ensino - Boletín Oficial de A Coruña de 19-03-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 19/03/2015 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

A Xunta de Goberno da cidade de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 27 de febreiro de 2015 adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

'18.- PROPOSTA DA CONCELLEIRA DELEGADA DE CULTURA E PATRIMONIO RELATIVA AO II CONCURSO DE VÍDEO-CREACIÓN PARA CENTROS DE ENSINO.

.../

BASES

O Concello de Santiago convoca o II CONCURSO DE VÍDEO-CREACIÓN PARA CENTROS DE ENSINO co fin de promover o uso do galego na comunidade educativa e na súa contorna, procurando asemade unha maior difusión e valoración dos traballos audiovisuais escolares que se encamiñan a este mesmo fin.

A convocatoria e a resolución deste concurso de concorrencia competitiva rexerase polas seguintes bases:

1. O obxectivo do concurso é contribuír á creación e difusión de traballos audiovisuais escolares no ámbito da normalización lingüística.

2. Poderán concursar os traballos realizados nos centros de ensino que conten coa participación de alumnado das etapas infantil, primaria, secundaria obrigatoria ou secundaria postobrigatoria matriculado no curso 2014-2015.

A temática dos audiovisuais xirará en torno á promoción do uso da lingua galega en calquera ámbito e con calquera focaxe, xénero, etc. Quedarán excluídos os traballos que non traten deste tema. Ademais será requisito que o contido do audiovisual se vincule dalgún xeito con Santiago de Compostela.

Os traballos estarán en soporte dixital, non poderán exceder de 10 minutos de duración.

3. A participación no concurso formalizarase ao presentar no Rexistro Xeral do Concello unha copia do audiovisual xunto coa ficha de inscrición segundo o modelo anexo a estas bases e unha relación de todas as persoas participantes no traballo na qu e conste a vinculación ao centro, se é o caso. Admitiranse tamén os traballos presentados noutros rexistros ou enviados por correo postal sempre que se cumpran os requisitos esixidos pola lexislación de procedemento administrativo.

Ademais, de xeito paralelo, deberá enviarse unha copia da mesma ficha de inscrición e, de ser posible, do traballo presentado, ao seguinte enderezo electrónico do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, dlg@santiagodecompostela.org, co fin de facilitar a incorporación de todos os audiovisuais ao espazo de difusión que se cree para a valoración do público.

A inscrición será formalizada polo representante legal do centro escolar en nome deste e do equipo que realizara o proxecto.

Non se establece límite ningún no número de traballos que pode presentar cada centro.

4. A propiedade dos traballos permanecerá nos seus autores, que deberán contar coas autorizacións que cumpran en materia de protección da propiedade intelectual para o material que utilicen así como cos permisos legalmente esixibles para a gravación e difusión das imaxes que empreguen, especialmente de persoas menores de idade.

A participación no concurso implica a cesión dos dereitos para difundir os traballos presentados no ámbito da normalización da lingua e da promoción desta actividade por parte do Concello de Santiago.

5. O prazo para a entrega dos traballos remata o 2 de maio de 2015.

6. Establécense as seguintes categorías de participación:

- Infantil

- Primaria

- Secundaria obrigatoria

- Secundaria postobrigatoria

7. Na avaliación dos traballos teranse en conta os seguintes criterios, a xuízo do xurado: orixinalidade, creatividade, calidade artística, calidade técnica e eficacia comunicativa en relación co obxectivo do traballo.

8. O xurado estará formado por persoas especializadas no ámbito do ensino, da normalización da lingua e do audiovisual.

9. O xurado deberá ditaminar cal é, ao seu xuízo, o gañador en cada unha das categorías.

Ademais, habilitarase na rede un espazo no que se publicarán os traballos recibidos co fin de que sexan coñecidos e avaliados polo público e no cal se estableza un mecanismo para contabilizar as valoracións que reciban durante un período determinado de tempo.

10. O ditame do xurado será elevado á Xunta de Goberno Local, como órgano competente para resolver o concurso e adxudicar os premios que se establecen para cada unha das categorías:

- Infantil: 400 euros.

- Primaria: 400 euros.

- Secundaria obrigatoria: 400 euros.

- Secundaria postobrigatoria: 400 euros.

- Premio do público: 400 euros.

10. A dotación destes premios aboarase con cargo á aplicación do orzamento xeral do Concello de Santiago para o exercicio 2014 número 020 33402 48901.

11. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases en todo o seu contido.'

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2015

O ALCALDE,

ASDO/AGUSTÍN HERNÁNDEZ FERNÁNDEZ DE ROJAS

2015/2986

Escuelas
Gallego
Infancia
Cultura
Educación
Normalización lingüística
Alumnado
Artes