BASES II PREMIO DE INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS OLIMPIO ARCA - Boletín Oficial de Pontevedra de 08-06-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 08/06/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA

Redactadas as Bases Reguladoras do II PREMIO DE INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS OLIMPIO ARCA.

Visto o informe de Intervención número 2018-0208,

RESOLVO:

1º.-Convocar II PRMIO DE INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS OLIMPIO ARCA.

2º.-Aprobar as bases polas que se regula dito Concurso, segundo Anexo I que se incorpora a esta resolución

3º.-Autorizar un gasto de 1.500,00 ¬ con cargo á partida 334/48100.

ANEXO I

II PREMIO DE INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES

E CIENCIAS SOCIAIS OLIMPIO ARCA

O Concello de Cuntis convoca o II Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpio Arca, coa dupla intención de conmemorar e de homenaxear a figura de quen foi unha personalidade sobranceira da cultura galega polas súas contribucións aos ámbitos da escola, a etnografía, a literatura, así como pola recuperación do Patrimonio Cultural. Por tal motivo, cómpre ser recordado como un exemplo polo seu compromiso coas causas da instrución e da cultura. O Premio desenvolverase de acordo coas seguintes BASES:

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas maiores de 18 anos con independencia do seu lugar de procedencia.

SEGUNDA. Os traballos que se presenten deberán de estar escritos en lingua galega.

TERCEIRA. Os traballos deberán de ser orixinais e inéditos e a súa extensión deberá aproximarse ás 75 páxinas, equivalentes a 30.000 palabras, sen ter en conta bibliografía e anexos. Presentaranse mecanografados en letra tipo Times New Roman, corpo 12 a dobre espazo por ambas as caras do folio. Ademais, deberase achegar unha copia en soporte dixital coa finalidade de comprobar a extensión das obras.

CUARTA. Os traballos de investigación versarán sobre os ámbitos das ciencias sociais e as humanidades (arqueoloxía, etnografía, historia, filoloxía, literatura, filosofía...) de temática galega e terán que supoñer unha achega orixinal e novidosa ao coñecemento científico de calquera das disciplinas obxecto da convocatoria.

QUINTA. Os traballos poderán acompañarse de cantos materiais fotográficos e audiovisuais que se consideren necesarios para ilustrar suficientemente o texto.

SEXTA. Os traballos poderán enviarse por correo postal ao seguinte enderezo: II Premio de Investigación Olimpio Arca. Casa do Concello de Cuntis. Praza da Constitución nº4, 36670, Cuntis. Para os efectos de recepción dos traballos, terase en conta, na modalidade de envío postal, a data impresa sobre o selo. Tamén poderán ser depositados nas oficinas do Rexistro do Concello en horario de 9:00 a 13:30.

SÉTIMA. Xunto co traballo en sobre lacrado (3 copias en papel e unha en soporte dixital) identificado co lema autorizado, presentarase a solicitude cuxo modelo se publica no ANEXO I desta convocatoria, solicitando participar no concurso, conforme os requisitos esixidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, polo que a autora ou autor aportará a seguinte documentación:

a) Datos persoais do autor ou autora, domicilio, teléfono, fax, e-mail, etc. Farase constar expresamente o domicilio válido a efectos de notificación.

b) Fotocopia do Documento Nacional de Identidade (DNI) da autora ou autor.

c) Curriculum Vitae do autor ou autora que remite o traballo.

d) Declaración asinada aceptando expresamente as bases e condicións do Premio, garantindo que a obra non se atopa pendente de fallo de ningún outro Premio e que a autora ou autor ten, directa ou indirectamente, a libre disposición de todos os dereitos de explotación nas diferentes modalidades sobre a súa obra. Farase constar, así mesmo, que o traballo presentado non se publicou, foi exposto ou difundido dalgún outro modo en Galicia, España e no estranxeiro. (ANEXO II)

Nos envíos por correo electrónico deberase consignar na caixa do Asunto 'II Premio de Investigación Olimpio Arca', e incluiranse como documentos adxuntos o traballo e a documentación anteriormente indicada, todos en formato PDF.

OITAVA. O prazo de presentación dos traballos será de CATRO MESES a contar dende a publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

NOVENA. Conforme ao establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, se a solicitude non cumpre cos requisitos esixidos na convocatoria, requirirase á persoa interesada para que nun prazo máximo de DEZ DÍAS NATURAIS, emende as faltas ou aporte a documentación requirida. A non presentación dos traballos xunto coa solicitude non se considerará un requisito emendable.

DÉCIMA. XURADO

a) A composición do xurado farase pública na páxina web e no taboleiro de anuncios do Concello, nas Redes Sociais e no Boletín Oficial da Provincia:

b) O xurado resolverá todos aqueles aspectos non contemplados nestas bases que puidesen xurdir durante a deliberación e o proceso de concesión do premio.

c) O xurado reunirase para fallar o premio na data convocada a tal efecto.

UNDÉCIMA. Criterios de valoración. Valorarase entre outras cuestións, a orixinalidade e a metodoloxía empregadas, así como a base empírica ou a coherencia interna.

DUODÉCIMA. Premio e contía.

' PREMIO ÚNICO: 1500 ¬.

Este premio está suxeito ás oportunas retencións por IRPF.

DÉCIMO-TERCEIRA. A resolución e fallo definitivo do xurado ditarase e notificarase nun prazo máximo de DOUS MESES dende o peche de recepción dos orixinais.

DÉCIMO-CUARTA. Entrega do premio. A entrega do premio terá lugar nun acto público, convocado ao efecto, ao cal se lle dotará da transcendencia, solemnidade e publicidade adecuadas.

DÉCIMO-QUINTA. Obrigas das persoas participantes.

a) As persoas participantes deberán comprometerse, no propio escrito de presentación do premio, a ceder, de forma exclusiva, os dereitos de reprodución, distribución e comunicación pública dunha primeira edición, para poder proceder á publicación e exposición dos traballos premiados. Este compromiso non implica a cesión ou limitación dos dereitos de propiedade intelectual das autoras ou autores deses traballos.

b) Os traballos non premiados serán devoltos a petición das persoas participantes nun prazo de dous meses, unha vez publicado o fallo do Xurado. Finalizado este prazo, os traballos pasarán a formar parte dos fondos documentais do Concello de Cuntis.

c) Os traballos premiados pasarán directamente a integrarse nos fondos documentais do Concello de Cuntis.

DÉCIMO-SEXTA. Estas bases publicaranse na páxina web e no taboleiro de anuncios do Concello, nas Redes Sociais e no Boletín Oficial da Provincia.

DÉCIMO-SÉTIMA. A participación no certame implica a plena aceptación das bases.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

Investigación
Ciencia
Cultura
Literatura
Patrimonio cultural
Tercera edad
Gallego
Arqueología
Exposiciones
Medios de comunicación