BASES REGULADORAS PARA CONCESIÓN POR CONCORRENCIA COMPETITIVA DE ANTICIPOS A MUNICIPIOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 2015. - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno, na sesión celebrada o día 19 de decembro de 2014, aprobou as Bases Reguladoras para a concesión por concorrencia competitiva de anticipos a municipio da provincia de Pontevedra, ano 2015, cuxo texto di como segue:

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN POR CONCORRENCIA COMPETITIVA

DE ANTICIPOS A MUNICIPIOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA, ANO 2015

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de préstamos a longo prazo, sen xuros, destinados a financiar os investimentos dos concellos e mancomunidades de municipios que reúnan os requisitos e as condicións establecidos nelas.

Segunda. Natureza xurídica

A Deputación de Pontevedra subvenciona a totalidade dos xuros destes anticipos polo que, de acordo co disposto no artigo 2.4.h da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS), se rexerán por esta lei e terán a consideración xurídica de subvencións. Así mesmo, será aplicable o Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais (TRLRFL).

Terceira. Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas todos os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior ós 25.000 habitantes, de acordo co último padrón ou actualización publicados polo INE; tamén poderán solicitar axudas por concesión directa as mancomunidades de municipios da provincia.

Ademais, as entidades locais solicitantes deben cumprir os seguintes requisitos:

Ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente ou, no caso de prórroga, cumprir co previsto no artigo 50 do TRLRFL

Non ter pendentes de pagamento as cotas de amortización vencidas de exercicios anteriores ou a comisión de formalización dalgún anticipo xa concedido

Cuarta. Financiamento

Para financiar este programa existe consignación na aplicación 942.9420.821.20 do Orzamento provincial do exercicio 2015, cun crédito inicial de un millón cincocentos mil (1.500.000,00) euros.

Excepcionalmente, en caso de non esgotarse este crédito poderíase crear unha nova convocatoria con estrita suxeición a estas bases e, asemade, o crédito pode ser ampliado a través dunha nova convocatoria en caso de producírense modificacións na aprobación do orzamento ou nos distintos expedientes de modificacións de crédito, todo isto, conforme ó disposto nos artigos 58 e 59 do R. d. l 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da LXS.

Quinta. Finalidade para a cal se poden conceder anticipos reintegrables

Con cargo a este programa pódense conceder anticipos para as seguintes finalidades:

Con carácter preferente, para facerlle fronte á achega dos beneficiarios ós investimentos incluídos nos plans provinciais de cooperación, ós investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios así como a outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou a Comunidade Autónoma

Para o resto de investimentos en obras e servizos dos entes locais beneficiarios

Con carácter excepcional poderanse conceder anticipos para operacións de tesourería, para facerlles fronte a necesidades urxentes ou desfases transitorios, previo informe dos servizos de Cooperación e de Intervención da Deputación, cando o considere así o órgano competente para conceder

Sexta. Características dos anticipos

Os anticipos que concede a Deputación a través do Servizo de Cooperación terán as seguintes características:

Importe máximo que se pode conceder: o 80 % do custo do investimento, sen que supere os 400.000 euros. En casos especiais o órgano competente para resolver poderá, motivadamente, incrementar a porcentaxe e o importe absoluto. Así mesmo, cando tras a asignación, de acordo cos límites anteriores, haxa excedente de crédito poderánselles incrementar os importes inicialmente concedidos a todos os solicitantes ata o esgotamento do crédito sobrante ou proceder a unha nova convocatoria

Xuros: os anticipos que se concedan non reportan xuros

Comisións: o 2 %, por unha soa vez, para facerlles fronte ós gastos de administración; esixiranse antes da formalización do contrato e ingresaranse na conta de Abanca número 2080.5401.57.3110106612

Sétima. Solicitude e documentación

As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se entregarán totalmente cubertos e que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación de luns a sábado, no da súa sede de Vigo de luns a venres, no Servizo de Cooperación ou na páxina web www.depo.es; achegarase ademais a seguinte documentación:

Solicitude asinada polo alcalde do Concello ou polo presidente do ente local na que se indiquen con claridade o orzamento e o importe do anticipo que se solicita (anexo I)

Proxecto do investimento que se vai realizar, cando sexa necesario segundo o previsto no Texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), no seu regulamento ou nas normas complementarias. En caso de non ser necesario, unha memoria explicativa e un orzamento detallado da obra ou o do servizo que se vai realizar

Certificación da entidade local solicitante pola cal:

Se aproban as condicións do contrato de anticipo

Se compromete a consignar nos seus orzamentos, nos exercicios nos que estea vixente o anticipo, a cantidade necesaria para proceder á súa amortización, agás a destinada a operacións de tesourería (anexo III)

Se faculta á Deputación para reter ou compensar calquera saldo que teña ó seu favor con toda clase de débedas vencidas e pendentes de pagamento (anexo III)

Certificado do esforzo fiscal, do número de habitantes e de ter o orzamento municipal aprobado para o exercicio corrente ou, no seu defecto, de telo prorrogado de acordo co previsto no artigo 50 do TRLRFL (anexo II)

Certificado de ter pagadas as cotas de amortización vencidas e, no caso de que algunha delas venza antes da sesión de concesión do préstamo, o compromiso de proceder ó seu pagamento sen exceder esa data (anexo II)

Certificación na que conste se se obtivo ou se solicitou calquera outra axuda, subvención, ingreso ou recurso que financie o investimento que se vai subvencionar, así como o compromiso de comunicarlle á Deputación os que se obteñan nun futuro (anexo II)

Certificación de non estar incurso en ningún dos supostos de incompatibilidade, incapacidade ou prohibición para percibir subvencións (anexo II)

Compromiso de cumprir as condicións da subvención, coa aplicación do anticipo á finalidade subvencionada e de darlle a difusión necesaria (anexo II)

Compromiso de comunicarlle á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro a solicitude da operación de crédito e, se é o caso, a súa concesión, así como calquera outro requisito establecido na normativa reguladora das operacións de crédito no ámbito local (anexo II)

Datos bancarios para, se é o caso, realizar o aboamento do anticipo (anexo II)

Certificado sobre o aforro neto, de acordo coa última liquidación do seu orzamento, e sobre a débeda viva pendente de amortizar na data da solicitude

A documentación que se presente será orixinal ou, no caso de estar fotocopiada, deberá ir cotexada.

Nos casos de defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base ou de incumprimento do previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado que emende as faltas no prazo máximo de 10 días hábiles, indicándolle que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no art. 42 da Lei 30/92.

Oitava. Forma e prazo de presentación

As axudas que se contemplan nesta convocatoria poderán solicitarse a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e ata o día 2 de febreiro de 2015.

As solicitudes irán dirixidas ó presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro xeral desta institución de luns a sábado, no da súa sede de Vigo de luns a venres ou a través de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Novena. Criterios de concesión e cuantificación dos anticipos

Os anticipos que se concedan por concorrencia competitiva concederanse de acordo coas seguintes normas:

Achegas a plans provinciais de investimentos (PID), convenios e investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, valoraranse ata 20 puntos

Investimentos en servizos públicos contemplados nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, de 2 abril, de bases de réxime local (LBRL), valoraranse ata 15 puntos

Interese provincial: proxectos que primen o desenvolvemento sostible, a eficiencia enerxética, o abastecemento e o saneamento da auga, a xeración de infraestruturas ou a creación de emprego valoraranse ata 30 puntos

Achega do Concello ó investimento, valorarase ata 10 puntos

Esforzo fiscal per cápita, valorarase ata 5 puntos

Número de habitantes do ente local, valorarase á inversa, ata 20 puntos

Décima. Instrución, comisión de valoración e resolución

A instrución do procedemento de concesión dos anticipos correspóndelle á xefa do Servizo de Cooperación, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos expedientes. Así mesmo, deberá elaborar un informe-proposta no que aplique os criterios de concesión e cuantificación establecidos na base novena.

O informe-proposta, fiscalizado polo Servizo de Intervención, estudarao e avaliarao unha Comisión de valoración que, ademais, poderá recabar cantos informes estime necesarios e emitirá unha proposta na que lle suxerirá motivadamente ó organo competente a concesión e/ou desestimación das solicitudes de anticipos tramitadas.

A Comisión de valoración é un órgano colexiado composto por:

Presidente: o da Deputación ou o deputado en quen delegue

Vogais: o presidente da Comisión informativa de Cooperación Municipal e a xefa do Servizo de Cooperación

Secretario: actuará como secretario, sen voto, un funcionario do Servizo de Cooperación

O procedemento ordinario de concesión destes préstamos é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario, aquelas solicitudes nas que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario; reservándose para estes efectos a Presidencia un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal e como se prevé na base 25.2 das de execución do vixente Orzamento provincial. As propostas de concesión someteranse á aprobación do órgano competente previo informe do Servizo de Cooperación e fiscalización do Servizo de Intervención.

Despois de transcorrer seis meses a partir do día seguinte ó remate do prazo para presentar a solicitude sen que os interesados obteñan resposta expresa entenderase desestimada a petición.

Décimo primeira. Modificación dos anticipos

Unha vez adoptado o acordo ou a resolución de concesión poderase solicitar un único cambio ou modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, segundo o establecido nas distintas normas desta convocatoria.

Estas circunstancias poderán ser:

Recibir axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados que cubran a totalidade do investimento

Ter prioridade na realización doutro investimento que teña que acometer a entidade local e non conte con crédito suficiente para levalo a cabo

Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que impida a súa realización

O cambio de aplicación ou modificación da finalidade do anticipo deberase solicitar antes de que finalice o prazo de disposición.

Décimo segunda. Publicidade

As entidades locais que sexan beneficiarias da concesión dun préstamo deberán darlle a adecuada publicidade ó financiamento obtido da Deputación:

En todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas, páxina web e outras) deberán facer constar o apoio que reciben por parte da Deputación de Pontevedra. Isto farano incluíndo o logotipo da institución provincial nun lugar visible en todas as comunicacions, tal e como se indica no anexo de publicidade

No citado anexo e na páxina web www.depo.es atópase o exemplo de tratamento que se lle debe dar á imaxe institucional da Deputación

Para dúbidas e/ou aclaracións pódese contactar co Servizo de Comunicación Institucional do organismo provincial a través do enderezo electrónico comunicacion@depo.es ou do teléfono 986 804 100

Décimo terceira. Xustificación, pagamento e disposición do anticipo

O pagamento das disposicións do anticipo farase a medida que se xustifique a realización dos investimentos que se financian con este; aboarase para cada xustificación que se presente a parte proporcional en relación co custo total do investimento.

Para percibir o importe do anticipo, de acordo con estas bases, é necesario presentar ante a Deputación os seguintes documentos:

Conta xustificativa dos gastos (anexo IV) na que relacionarán as certificacións, facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo, identificando o provedor, CIF, número de factura ou certificación, concepto e importe

Certificacións de obra, facturas orixinais ou cotexadas, debidamente dilixenciadas, cos requisitos que lles dean validez, aprobadas polo órgano competente da entidade local. No caso de investimentos achegaranse o contrato e a acta de comprobación de replanteo cando este requisito sexa esixible de acordo co disposto no R. d. l. 3/2011, de 14 de novembro; ademais, a última certificación acompañarase da acta de recepción

Tratándose da adquisición de bens inmobles debe achegarse a escritura pública do contrato de compravenda. Neste caso poderase presentar a documentación xustificativa do gasto despois da disposición do anticipo

Declaración acreditativa de que os gastos que figuran na conta xustificativa son reais e se aplicaron á finalidade subvencionada, quedando á disposición da Deputación para o seu exame se esta entidade o considerase oportuno (anexo IV)

Certificación de que se lle deu a debida divulgación do financiamento obtido da Deputación con indicación dos medios onde se publicitou. A Deputación poderá comprobar, a través dos servizos de inspección, que se lle deu a adecuada publicidade; de non ser así non se procederá ó libramento do anticipo

Declaración de que as axudas recibidas non superan o custo do investimento para o cal se concedeu o anticipo (anexo IV)

Esixirase a xustificación do 100 % do orzamento ou do proxecto que serviu de base para a concesión do anticipo; en caso de xustificarse un gasto inferior ó 100 % aboarase a parte proporcional do préstamo.

Non se procederá ó libramento do anticipo no caso daqueles concellos que teñan pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos en exercicios anteriores.

O prazo de disposición será, como máximo, de dous anos contados desde a sinatura do contrato. Só en casos especiais debidamente xustificados se poderá prorrogar por un período máximo dun ano.

O prazo para xustificar o anticipo será o mesmo que para a súa disposición.

Décimo cuarta. Amortización do anticipo

Teranse en conta as seguintes indicacións:

Amortización: non pode superar os 15 anos desde o ano seguinte ó da formalización do contrato, excepto para as operacións a curto prazo concertadas para corrixir os déficits transitorios de tesourería, que, de conformidade co disposto no artigo 51 do TRLRFL, deberán quedar canceladas no exercicio (o 31 de decembro). Así mesmo, agás para as operacións de tesourería, as entidades locais poderán solicitar un período de carencia que non excederá os tres anos desde a formalización do contrato

As amortizacións serán por períodos naturais anuais e faranse efectivas na conta de Abanca número 2080.5401.57.3110106612

O importe de cada amortización anual será o resultado de dividir o saldo disposto entre os anos que falten para finalizar a amortización

Inicio da amortización: o ano seguinte ó da formalización do contrato, salvo para aquelas entidades locais que, despois de transcorrer este prazo, aínda non dispuxesen do anticipo, en cuxo caso a amortización comezará o ano seguinte a aquel no que se realice a primeira disposición e non poderá superar o prazo de quince anos

No caso de que as mancomunidades de municipios non aboen as amortizacións correspondentes a responsabilidade será mancomunada; serán os respectivos concellos que compoñen a mancomunidade os que terán que afrontar as débedas contraídas coa Deputación, ben procedendo voluntariamente ó seu pagamento, ben detraendo a propia Deputación de Pontevedra a cantidade adebedada mediante os sistemas de compensación que considere axeitados

Décimo quinta. Compatibilidade con outras subvencións

Os anticipos son compatibles con calquera outra subvención ou axuda pública ou privada, nacional ou comunitaria, destinada a financiar o investimento, sempre e cando o importe agregado das subvencións e o anticipo non superen o custo total do investimento.

No caso de que o importe agregado das subvencións e o anticipo superen o importe do custo do investimento recortarase o importe do anticipo.

Décimo sexta. Réxime sancionador

Será de aplicación o réxime sancionador previsto na LXS, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.

Décimo sétima. Reclamacións

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse un recurso de reposición ante o órgano que as ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro mes sen que haxa contestación; neste caso poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, tal e como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Así mesmo, contra esta resolución poderá interpoñerse

directamente o antedito recurso contencioso-administrativo no prazo indicado. En todos os casos os prazos contarán a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación ou, se é o caso, á publicación no BOPPO ou á data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

Décimo oitava. Dereito supletorio

Para o non previsto nestas bases contemplarase o establecido nas de execución do Orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2015, na LXS (BOE núm. 276, de 18 de novembro de 2003), no seu regulamento (BOE núm. 176, de 25 de xullo de 2006), na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no R. d. l. 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o TRLRFL e nas demais disposicións vixentes que resulten de aplicación.

ANEXOS DA CONVOCATORIA E MODELOS DE PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN

Todos os anexos referidos nestas bases ou os modelos normalizados para a solicitude destas subvencións facilitaranse no Servizo de Cooperación ou ben a través da páxina web www.depo.es.

2014021791

Créditos bancarios
Empleo
Empleo y contratación