Bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás asociacións do ámbito veciñal, social e de igualdade, polas actividades realizadas durante o ano 2018 - Boletín Oficial de A Coruña de 31-05-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 31/05/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social, Particulares
  • Documento en formato PDF

EDICTO

A Xunta de Goberno Local, na sesión de data 07/05/2018, por unanimidade dos seus membros e por delegación da alcaldía (Decretos de 15/06/2015 e de 01/03/2016 (núms. 463/15 e 175/16)), acorda:

Primeiro.- Aprobar as Bases da Convocatoria de subvencións a asociacións de ámbito veciñal, social e de igualdade para 2018, que se reflicten de seguido.

Segundo.- Proceder á súa exposición pública mediante edicto no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos do Concello.

BASES REGULADORAS PARA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS AS ASOCIACIÓNS DO AMBITO VECIÑAL, SOCIAL E DE IGUALDADE, POLAS ACTIVIDADES REALIZADAS DURANTE O ANO 2018

1.ª.- OBXECTO DA CONVOCATORIA.

As presentes bases teñen por finalidade regular a concesión de subvencións destinadas a actividades organizadas ou promovidas por asociacións veciñais de igualdade e benestar durante ano 2018, con cargo á partida 230/480.00 do Orzamento de 2017 prorrogado a 2018, por un importe total de 7.500 € .

Son obxectivos perseguidos polas axudas reguladas nestas bases a potenciación da inclusión social de persoas e colectivos, así como o fomento de actividades que melloren o benestar social e comunitario de todos os veciños e veciñas do concello de Teo.

2.ª.-BENEFICIARIOS/AS.

Serán beneficiarias ás asociacións veciñais, de igualdade e de benestar con ámbito de actuación no termo municipal do Concello de Teo para o desenvolvemento de actividades e programas de interese xeral.

Terán a consideración de actividades ou programas de interese xeral, para os efectos da presente convocatoria, aqueles que fomenten a participación cidadá como medio de mellora da calidade de vida e das relacións veciñais e que se potencie o desenvolvemento das persoas, das aldeas e das parroquias do Concello de Teo mediante actividades de carácter lúdico, social, culturas ou tempo libre. So serán subvencionables as recollidas na base terceira, deste documento.

As entidades terán que cumprir as seguintes condicións:

1) Poderán concorrer a esta convocatoria de subvencións todas as asociacións que cumpran os requisitos e as finalidades desta convocatoria e que fomenten a participación entre os/as veciños/as con ámbito de actuación no termo municipal do Concello de Teo.

2) Para ser beneficiarias das axudas as entidades veciñais deberán cumprir os seguintes requisitos:

x Estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Entidades do Concello de Teo.

x Ter os seus estatutos adaptados á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

x Non estar incursas as entidades ou as persoas que posúen a súa representación legal nalgún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiarios de subvencións por incapacidade ou incompatibilidade, establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

x Estar ao corrente das súas obrigas coa Seguridade Social e coa Administración Tributaria, e non ser debedor do Concello de Teo por calquera tipo de débeda de dereito público vencida, líquida e esixible por vía de prema.

x Ter debidamente xustificados os gastos correspondentes a subvencións concedidas e percibidas con anterioridade dende o Concello de Teo, así como non ter aberto ningún procedemento de reintegro das cantidades percibidas por algunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

x Achegar coa solicitude para concorrer na convocatoria a documentación que se detalla nestas bases reguladoras.

3) Os beneficiarios das axudas adquiren as seguintes obrigas:

x Realizar as actividades ou proxectos e cumprir os fins ou propósitos que fundamentan a concesión da subvención.

x Comunicar o inicio ou celebración das actividades subvencionadas con anterioridade a súa celebración, así como acreditar diante do Concello de Teo a realización da actividade na correspondente memoria.

x Deberá comunicarse calquera cambio que se faga en actividades subvencionadas en canto a horario, frecuencia, ou calquera outra alteración substancial da mesma.

x Facer constar en toda a publicidade e difusión das actividades e programas subvencionados a colaboración do Concello de Teo.

x Cumprir as condicións que se determinan nestas bases e na concesión da subvención ou axuda.

x Someterse ás actuacións de comprobación dos servizos correspondentes por razón da materia e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral do Concello de Teo.

x Comunicarlle ó Concello de Teo a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración pública ou de particulares ou entidades privadas, así como doutros ingresos ou recursos que financien a actividade.

Non poderán ter a condición de beneficiarios aquelas persoas ou entidades nas que concorran as circunstancias enumeradas no artigo 13.2 da Lei 38/2003.

3.ª.- ACTIVIDADES SUBVENCIONABLES.

Serán subvencionables as seguintes actividades realizadas dentro do territorio do concello de Teo no ano 2018:

x De tipo físico: ximnasia, ioga, pilates, aerobic, etc.

x De ocio e tempo de lecer que promovan espazos de convivencia e encontro: obradoiros de traballos manuais, restauración, música, lectura, danza, risoterapia, etc.

x De tipo formativo e informativo á colectividade: obradoiros de xogos tradicionais, conferencias, coloquios, etc.

x De actividades de interese patrimonial, medio ambiental ou de rutas.

x Celebracións tradicionais como magostos, cacharelas, entroido, etc.

En ningún caso serán subvencionables os seguintes gastos:

x As viaxes e os gastos de comidas ou restauración.

x Premios de concursos, nin de sorteos.

x Os establecidos no artigo 31.7 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

4.ª.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.

1) A solicitude normalizada da convocatoria (Anexo I) xunto coa documentación que se recolle na base anterior deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Teo, que irá acompañada dos seguintes documentos:

a) Documento asinado polo/a representante da entidade facendo constar as actividades programadas e as prazas para cada unha.

b) Copia cotexada do CIF, so necesaria no caso de non estar depositada no concello.

e) Certificación bancaria da conta onde se efectuarán os pagamentos. No caso de non tela depositado con anterioridade ou de ter cambiado.

f) Declaración xurada conforme o solicitante non está incurso en ningunha das causas de prohibición de percepción de subvencións ou axudas públicas mencionadas no artigo 13 da Lei 38/2003. Esta declaración esta incluída no anexo I.

No caso de solicitudes defectuosas ou incompletas, concederase un prazo de 10 días para a súa corrección, arquivándose sen máis trámites de non se emendaren os defectos en dito prazo.

2) O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

As solicitudes deberán conter unha ficha para a entidade (anexo I) e unha ficha de cada actividade. Esta ficha terá os datos completos da actividade e os datos de financiamento da mesma (anexo II). Cada entidade deberá indicar para que concepto se pide a axuda.

A convocatoria de subvencións farase pública no taboleiro de edictos do Concello.

5.ª.- IMPORTES MÁXIMOS DAS SUBVENCIÓNS.

En ningún caso o importe máximo da subvención de cada solicitante superará o 60% do orzamento da entidade ou asociación para as actividades obxecto da solicitude. Cada entidade indicara o importe máximo que poderá xustificar para esta subvención, non podendo concederlle un importe superior.

O importe da axuda ou subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que illada ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións supere o custo da actividade subvencionada.

A concesión da subvención non xerará ningún dereito á súa percepción en futuras convocatorias.

Ningunha entidade poderá obter unha subvención superior ao 30% da contía global.

6.ª.- ÓRGANO COMPETENTE E PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN.

As solicitudes dirixiranse á Concelleiro delegado de Benestar e Igualdade nos prazos indicados nas presentes Bases.

Os servizos sociais comunitarios serán o órgano competente para a instrución do procedemento, así como para a realización de cantas actuacións estimen necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que debe pronunciarse a resolución.

As valoracións das solicitudes e a formulación das correspondentes propostas de concesión de subvencións realizaraas unha Comisión de Valoración constituída para o efecto, que terá a seguinte composición:

x Presidente: A concelleiro da área de benestar e igualdade.

x Un/unha técnico/a da área de Participación ou área afín.

x Concelleira de Cultura e Educación do concello de Teo

A comisión será o encargada de requirir dos solicitantes a emenda de deficiencias nas solicitudes presentadas. Ademais elaborará un informe de cada unha das solicitudes presentadas no que se fará constar:

- Nome da entidade e contía máxima da subvención á que opta.

- Se está ou non completa a documentación do expediente, con expresión da data da finalización do prazo de presentación, no seu caso.

- Se cumpre os requisitos da convocatoria, con indicación expresa dos que non cumpra de ser o caso.

Esta Comisión elevará unha proposta de concesión á Xunta de Goberno Local previo informe da Intervención municipal. A Xunta de Goberno Local será o órgano competente para a adopción do acordo de concesión de subvencións. Este acordo esgotará a vía administrativa.

7.ª.- TRAMITACIÓN E VALORACIÓN DE SOLICITUDES.

Establécense como criterios de valoración das solicitudes do réxime de concorrencia competitiva, os seguintes:

x Valoración da actividade en Xeral da Entidade.

CRITERIOS COMÚNS PARA TODAS AS ACTIVIDADES DUNHA ENTIDADE

ATA 35 PUNTOS

Nivel de representatividade da asociación no seu territorio (número de socios/as censados no concello de Teo)

Ata 10 puntos

Nivel de colaboración e participación coas actividades de dinamización organizadas polo Concello de Teo

Ata 10 puntos

Pola primeira actividade

10 puntos

Pola segunda actividade

5 puntos

CRITERIOS TRANSVERSAIS

ATA 60 PUNTOS

Nivel de colaboración con outras entidades cidadás para o desenvolvemento da actividade

Ata 5 puntos

Actividades comunitarias para celebrar festas tradicionais

Ata 10 puntos

Promoción da participación cidadá e dinamización comunitaria, actividade destinada a implicación social

Ata 10 puntos

Déficit de actividades análogas no territorio de influencia

Ate 10 puntos

Colectivos ao que se dirixe a actividade (xuventude, muller, terceira idade) Estas actividades deberán ter como destinatarios específicos estes colectivos.

Ata 10 puntos

Promoción da lingua galega como obxectivo no desenvolvemento da actividade

Ata 5 puntos

Grao de innovación da actividade

Ate 10 puntos

8.ª.- RESOLUCIÓN DA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS.

A resolución da concesión deberá notificárselles expresamente a todos os solicitantes de forma fidedigna. En dita resolución indicáranse as actividades subvencionadas de acordo do punto 2 desta convocatoria

9.ª.- COMPROMISOS.

As entidades subvencionadas ao abeiro destas bases quedarán obrigadas a colaborar co Concello naquelas actividades que este organice cando lle sexa requirido e farán constar na súa publicidade o patrocinio do Concello de Teo.

10.ª.- XUSTIFICACIÓN DAS ACTIVIDADES E PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS.

A entidade beneficiaria da subvención estará obrigada a xustificar documentalmente o cumprimento das condicións impostas e a aplicación dos fondos recibidos, antes do día 15/11/2018.

A xustificación dos gastos conforme coa fin para a que a axuda foi concedida deberá realizarse mediante a achega da conta xustificativa, debera incluír:

x Facturas orixinais polo importe total da subvención concedida ó abeiro do establecido no artigo 30.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro (Lei xeral de subvencións e o seu regulamento).

x Poderase xustificar con copias compulsadas sempre que previamente na factura orixinal se inclúa a seguinte dilixencia asinada polo responsable da entidade veciñal: ESTA FACTURA FOI PRESENTADA COMO XUSTIFICACIÓN DE GASTO SUBVENCIONABLE NO CONCELLO DE TEO .

x Xustificantes do pagamento das facturas:

- No caso do pagamentos mediante transferencia bancaria: xustificante bancario.

- No caso de pagamentos por cheque nominativo: copia do cheque e extracto bancario onde conste o seu cargo na conta da entidade veciñal.

- Declaración xurada sobre a obtención de axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración pública ou de particulares ou de entidade privadas.

x Designación da conta bancaria na que se efectuarán os ingresos, segundo as normas establecidas pola Tesourería municipal. O modelo atópase na páxina web www.Teo.es, sección de Administración: Trámites: Descarga de impresos: Tesourería: Alta ou baixa de datos bancarios.

x Certificacións de estar ao corrente no cumprimento das obrigas de carácter tributario, da Seguridade Social e dos tributos municipais. Conforme co artigo 24.4 do R.d. 887/2006, do Regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións, a presentación da declaración responsable substituirá a estas certificacións naquelas subvencións nas que a contía a outorgar a cada entidade beneficiaria non supere na convocatoria o importe de 3.000 € .

Sobre a execución das actividades subvencionadas deberá achegarse:

x Memoria económica, indicativa de todos os ingresos e gastos relacionados coa actividade subvencionada:anexo III.

x Relación clasificada dos gastos por cada unha das actividades subvencionadas, con identificación do acredor e da factura ou documento equivalente, do seu importe, da data de emisión e da data de pagamento, de acordo co disposto no artigo 75 do R.d. 887/2006, do Regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

x Relación detallada por cada unha das actividades dos ingresos da entidade anexo IV.

x Datos xerais dos ingresos da entidade segundo anexo V.

x Memoria descritiva da totalidade das actividades subvencionadas.Conterá todos os datos da súa realización, participantes, docentes, horarios, lugar, duración e valoración. Se hai unha desviación do proxecto presentado, xustificarase o cambio.

Admitiranse como gastos subvencionables os seguintes:

1. Gastos de publicidade e difusión: imprenta, serigrafía, etc. (achegarase copia de materiais)

2. Gastos de materiais consumibles específicos das actividades.

3. Asistencias técnicas: monitores/as, docencia, etc.

4. Outros gastos relacionados coas actividades executadas.

Para o abono do importe das subvencións económicas concedidas, será imprescindible acreditar polos perceptores/as a aplicación efectiva dos fondos percibidos con destino á finalidade que motivou a concesión mediante a presentación da seguinte documentación:

As subvencións xustificaranse antes do 15 de novembro de 2018. Excepcionalmente e previa solicitude motivada de prórroga poderá presentarse xustificación ata o 15 de decembro de 2018. No caso de non xustificarse no prazo anteriormente mencionado, procederase á revogación da mesma. A non presentación da conta xustificativa dentro do exercicio 2018 dará lugar á pérdida da subvención.

Non serán gastos subvencionables:

- Os xuros debedores de contas bancarias.

- Os xuros, recargos e sancións administrativas.

- Os gastos de procedementos xudiciais.

O pagamento realizarase unha vez que os e as beneficiarias xustifiquen os gastos ocasionados na execución das actividades subvencionadas, sempre dentro do prazo sinalado no punto e). e despois da fiscalización da conta xustificativa pola Intervención Municipal e posterior aprobación da mesma pola Alcaldía, quen ordenará o pago.

O coeficiente de financiamento será 1, de xeito que, cando se presenten xustificantes por importe inferior ao concedido na achega, esta se verá reducida proporcionalmente.

11.ª.- CONTROL DA APLICACIÓN DO GASTO E RÉXIME SANCIONADOR.

Os servizos sociais comunitarios poderá solicitar en calquera momento as explicacións e documentos que considere necesarios para o oportuno seguimento das actividades subvencionadas.

Sen prexuízo do disposto na normativa xeral e nas Bases de Execución do Orzamento Municipal en materia de subvencións, os perceptores destas subvencións veranse na obriga de devolver as cantidades percibidas para o suposto de que incumpran algunha das condicións das bases recollidas na presente normativa.

12.ª.- RÉXIME XURÍDICO.

Nos aspectos non especificados nestas bases, as presentes axudas regularanse polo disposto na normativa xeral reguladora de subvencións, en especial, a Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

O que se fai público aos efectos da apertura do prazo de presentación de solicitudes de subvencións polas persoas ou entidades que correspondan, tal e como se recolle nas indicadas Bases.

13.ª.- COMPROMISO DE PUBLICIDADE.

As entidades que sexan destinatarias das axudas recollidas nestas bases deberan sinalar na publicidade das actividades realizadas durante o ano 2018 a seguinte lenda co apoio do concello de Teo , seguido do escudo oficial do mesmo.

Teo, 30 de abril de 2018.

O Concelleiro delegado de Benestar e Igualdade

Ignacio Iglesias Villar

Teo, 28 de maio de 2018.

O alcalde

Rafael C. Sisto Edreira

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

2018/3794

Participación ciudadana
Fomento de la participación ciudadana
Exposiciones
Bienestar social
Inclusión social
Fiestas Populares
Ocio y tiempo libre
Música
Actividades de ocio y tiempo libre
Danza
Medio Ambiente
Lectura
Servicios Sociales
Actividades de servicios sociales
Educación
Cultura
Innovación
Tercera edad
Gallego
Enseñanza