BASES REGULADORAS DO PLAN DE CONSERVACIÓN E FUNCIONAMENTO DE BENS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2015. - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

Segundo o disposto no artigo 36 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (LRBRL), modificada pola Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, a Deputación debe asegurar o acceso da poboación da provincia ó conxunto dos servizos mínimos de competencia municipal e garantir a maior eficacia e economía na súa prestación, mediante calquera fórmula de asistencia e cooperación. Con esta finalidade a institución provincial pode outorgar subvencións e axudas con cargo ós seus recursos propios para a realización e o mantemento de obras e servizos municipais, o que se instrumentará a través de plans especiais ou ben doutros instrumentos específicos.

Neste sentido, segundo o previsto no artigo 109 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, da Administración local de Galicia, a Deputación de Pontevedra, para a xestión dos seus intereses, no ámbito das súas competencias e a través de diferentes plans, encárgase de facer efectiva a prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos de titularidade municipal, colaborando nos labores de acondicionamento, limpeza e mellora de zonas ambientais, conservación e mantemento das infraestruturas e, tamén, a reposición, recuperación e adecuación das praias e areais do litoral.

As circunstancias sobrevidas do actual contexto de crise económica xeneralizada, que derivou nun cambio de escenario orzamentario, afectoulles a todas ás administracións públicas, sen que a Administración local sexa unha excepción. Deste marco orzamentario fortemente restritivo deriva, entre outras consecuencias, a imposibilidade para a maior parte dos concellos da provincia de prestar determinados servizos ou executar obras esenciais para a comunidade.

Á vista das necesidades dos concellos, no orzamento do ano 2015 prevese o crédito necesario para realizar unha convocatoria de axudas ós municipios, coa denominación de Plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2015.

As mencionadas axudas ou subvencións irán destinadas a financiar o custo salarial total, incluída a cotización á Seguridade Social, de traballadores desempregados, a tempo parcial (25 horas semanais) por un período de seis meses, segundo o importe do Salario Mínimo Interprofesional.

O número de traballadores que contratará cada concello determinarase en función da poboación do municipio. Non obstante, en caso de consideralo oportuno, este podería solicitar un número inferior.

Con esta finalidade ponse en marcha esta convocatoria de subvencións para lles prestar asistencia e cooperación ós concellos da provincia e como medida de fomento da contratación de persoas desempregadas en situación de exclusión social.

En consecuencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG) e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS), acórdase convocar axudas e subvencións para a execución do Plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2015, que se rexerá polas seguintes

BASES

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Estas bases teñen por obxecto regular as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións destinadas a financiar a prestación de servizos mínimos de competencia municipal mediante a contratación de persoas desempregadas.

Artigo 2. Financiamento

O financiamento deste programa efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 942.9420.462.03, dos orzamentos provinciais para o ano 2015, na que existe crédito por importe de seis millóns douscentos vinte e seis mil cento catro (6.226.104,00) euros.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos e criterio de concesión

Estas axudas e subvencións van dirixidas ós concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que non estean incursos nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da LSG.

O número de traballadores por concello determinarase en función da súa poboación. Para estes efectos a poboación da entidade local que se vai considerar será a última publicada polo INE na data de publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) destas bases.

Deste xeito, a cantidade total que se vai repartir farase segundo a táboa seguinte:

Número de habitantes

Grupo 1

De 0 a 2000

Grupo 2

De 2.001 a 5.000

Grupo 3

De 5.001 a 10.000

Grupo 4

De 10.000 a 20.000

Grupo 5

De 20.001 a 50.000

Número de traballadores

14

20

24

30

34

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se prestarán

Os servizos que se van desenvolver serán de interese xeral e social e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa

b) Favorecer na súa execución ou prestación a formación e as prácticas profesionais das persoas desempregadas que se van contratar

c) Ser prestados ou executados no ámbito municipal

d) Responder a necesidades de persoal urxentes e inaprazables, é dicir, necesidades mínimas para o exercicio das súas funcións ou o desempeño das súas competencias en termos razoables de eficacia e tendo en conta a crise económica

d.1) Que esas necesidades afecten a sectores, funcións ou categorías profesionais prioritarios indispensables para poder satisfacer as necesidades básicas da vida persoal ou social dos particulares, de acordo coas circunstancias de cada momento ou lugar, ou necesarios para o benestar dos veciños e, tamén, os que permitan asegurar o funcionamento regular da propia entidade e dos seus órganos de goberno

Artigo 5. Subvención: contía

As mencionadas axudas ou subvencións irán destinadas a financiar, durante un período de seis meses, a contratación laboral a tempo parcial en xornada ordinaria de 25 horas semanais, que comprende o custo salarial e a cotización á Seguridade Social, de persoas desempregados (calquera que sexa a categoría profesional) que reúnan os requisitos establecidos no artigo 11.1 destas bases, co límite máximo de catro mil cento oitenta e un con oitenta e oito (4.181,88) euros por traballador, e os concellos poderán, no seu caso, complementar a cantidade que sexa necesaria ata acadar os salarios que correspondan por categoría profesional.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As entidades que queiran ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases deberán presentar o modelo de solicitude que figura como anexo I, xunto coa documentación á que se fai referencia no artigo 7.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 2 de febreiro de 2015.

O feito de non se axustar ós termos da convocatoria ou a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 ó 56 da LSG.

Artigo 7. Documentación

Xunto co formulario de solicitude deberase presentar a seguinte documentación:

a) Copia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal en vigor da entidade solicitante

b) Copia compulsada ou cotexada do NIF da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou a acta, onde se determine esta representación

d) Memoria global dos servizos que se van desenvolver, indicando o perfil das persoas desempregadas que se van contratar, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI ou PREPARA)

e) Declaración responsable na que se fagan constar os seguintes extremos:

- O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da LSG

- O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de beneficiario da subvención referida no artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión

Se a partir do exame da documentación se comprobase que esta non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se presenta na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, indicando que, de non o facer, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, terase por desistida a súa petición, previa a correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 8. Procedemento

O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

O Servizo de Cooperación será o encargado de tramitar os expedientes.

Logo de revisados os expedientes e completada a documentación, no seu caso, remitiránselle á Comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe.

Esta Comisión estará composta pola xefa do Servizo de Cooperación, o xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal e a xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación.

Artigo 9. Resolución

O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de valoración ó presidente da Deputación para que este decida sobre a concesión ou a denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a data de inicio, o tempo de realización da obra ou servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos esixibles para a súa percepción e seguimento.

As resolucións dos expedientes instruídos, ó abeiro do disposto nesta orde, esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, poderá interpoñerse contra elas un recurso potestativo de reposición ante o presidente da Deputación, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ó da súa notificación, ou presentar directamente un recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación.

As subvencións concedidas ó abeiro destas bases publicaranse, xunto coa entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no BOPPO.

Artigo 10. Réxime da aceptación e renuncia da subvención

Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente as subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou as rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles desde a súa notificación.

Artigo 11. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores

Os traballadores que sexan contratados para realizar as obras ou prestar os servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI ou PREPARA), inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección coma no da formalización do contrato.

As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores que necesiten mediante a presentación da correspondente oferta na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reunir as persoas que sexan contratadas para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

Para a xestión das ofertas establécese como ámbito de busca de emprego o municipio da entidade solicitante.

A entidade beneficiaria será quen realice a selección definitiva dos candidatos.

No procedemento de selección teranse en conta os seguintes criterios, entre outros que poida establecer o propio Concello:

a) Darlles preferencia ós candidatos que leven inscritos como demandantes de emprego máis dun ano

b) Darlles preferencia ós candidatos que non foran contratados polo Concello no ano 2015

c) Darlles preferencia ós candidatos con niveis de renda máis baixa

d) Darlles preferencia ós candidatos con cargas familiares

Artigo 12. Contratación dos traballadores

Unha vez efectuada a selección dos traballadores na forma prevista no artigo anterior a entidade beneficiaria procederá á súa contratación tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución na que se concede a subvención.

As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

No caso de que algún dos traballadores contratados renuncie ó contrato antes da súa finalización o Concello poderá formalizar un novo contrato para substituír o anterior polo tempo restante, sen que en ningún caso a duración total do inicial e do substituto poida exceder os seis meses.

Todos os contratos deben estar formalizados entre o 1 e o 31 de marzo do 2015, para que todos se inicien antes do 1 de abril do 2015, agás os casos excepcionais de substitución por renuncia e polo tempo restante, sen que en ningún caso a subvencionabilidade dos contratos poida exceder o 30 de setembro de 2015.

En ningún caso a relación laboral xurdida entre a entidade beneficiaria e o traballador vinculará a Deputación de Pontevedra.

Artigo 13. Xustificación e pagamento

O pagamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

- O 50 % ó inicio da obra ou servizo, que se acreditará coa certificación do secretario do Concello. Aboarase segundo o número de contratos formalizados ata esa data

- O 50 % restante ó inicio do cuarto mes de contrato, previa certificación do

secretario do Concello sobre a continuidade da actividade na que se fagan constar a identificación dos traballadores e as datas de inicio e fin do contrato

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na LSG, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención

b) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, de aplicarse o convenio colectivo propio do Concello

c) Comunicarlle á Deputación as modificacións substantivas que afecten á realización da actividade que vaian desenvolver os traballadores contratados, así como as renuncias e novos contratos polo tempo restante, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención

d) Comunicarlle á Deputación a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional

e) Difundir que a actividade que se vai desenvolver foi financiada pola Deputación

Artigo 15. Xustificación e seguimento

Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos subvencionados a entidade beneficiaria deberá cumprir as seguintes obrigas:

â-ª Presentar a través do Rexistro xeral da institución provincial a seguinte documentación no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da finalización da obra ou servizo:

- Memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores contratados

- Certificado de fin de servizo

- Certificación do secretario ou do interventor acreditativa de que os gastos son reais e de que se aplicaron á finalidade subvencionada, quedando á disposición da Deputación para o seu exame cos xustificantes correspondentes. Neste certificado deberanse concretar as cantidades aboadas en concepto de salario e cotización empresarial á Seguridade Social e as cantidades deducidas na liquidación de cotas a ese mesmo organismo (modelo TC1), en concepto de incapacidade temporal dos traballadores contratados con cargo a esta subvención, cuxa contía deberá excluírse do cálculo do gasto total elixible realizado polo concello e que, no seu caso, dará lugar á obriga de reintegro á institución provincial

Artigo 16. Revogación e reintegro

Procederase á revogación das subvencións e ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada LSG.

O modelo normalizado para a solicitude desta subvención facilitarase no Rexistro xeral desta Deputación, no Servizo de Cooperación e a través da páxina web www.depo.es

Empleo y contratación
Empleo
Formación
Inclusión social
Contratación de desempleados