BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC) PARA O ANO 2015 - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno na sesión celebrada do día 19 de decembro de 2014 aprobou as 'Bsases Reguladoras do Programa de Acción Comunitaria (PAC), para o ano 2015', cuxo texto dí como segue:

'BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC),

PARA O ANO 2015

Primeira. Finalidade e obxecto

A Deputación de Pontevedra, no marco das competencias que ten atribuídas, destina importantes recursos a apoiar as agrupacións e asociacións de veciños (en adiante agrupacións) na realización de investimentos, tanto obras coma adquisicións, considerados de interese público, que se impulsen no exercicio 2015.

Os obxectivos dos investimentos que se financiarán con cargo a este programa serán os seguintes:

a) A mellora do medio rural e de barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles que lles permita ós seus habitantes unhas adecuadas condicións de vida.

b) O desenvolvemento das propias agrupacións co obxecto de aumentar a súa capacidade de xestión e resolución de problemas, fomentar a súa participación nos distintos ámbitos de actuación e propiciar a súa sustentabilidade. Esta solución requirirá a unión de recursos, esforzos e vontades.

Poderán ser obxecto da subvención:

- Investimentos (obras e adquisicións de bens duradeiros) que estean relacionados coas competencias establecidas nos artigos 25 e 26 da Lei 7/85 de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, agás a compra de terreos.

O importe total da axuda económica concedida para esta finalidade utilizarase exclusivamente:

- No caso de obras, na adquisición de materiais e/ou alugamento de maquinaria

- No caso de subministracións, na adquisición destas

Quedan excluídas deste programa as asociacións de maiores, culturais, deportivas e empresariais, entre outras, xa que dispoñen da súa propia convocatoria de axudas. Só, excepcionalmente, se poderá valorar que outras entidades sen ánimo de lucro distintas das veciñais participen nesta liña de subvencións, sempre e cando voluntaria e decididamente se organicen para participar na vida da comunidade para acadar un fin e benestar común e o obxecto e finalidade da subvención se axuste ó disposto nestas bases.

Segunda. Financiamento

O seu financiamento e réxime acomodaranse ó determinado nestas bases.

O referido programa de subvencións, por importe dun millón (1.000.000,00) de euros, financiarase con cargo ó Orzamento de 2015, aplicación 942.4590.789.07, que poderá incrementarse mediante suplementación de créditos.

Terceira. Requisitos

As actuacións comunitarias caracterizaranse pola concorrencia dos seguintes requisitos:

a) Libre determinación das agrupacións na elección dos investimentos que desexen realizar

b) Voluntariedade na participación e liberdade sobre a forma de organizarse

Cuarta. Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas aquelas agrupacións que reúnan os seguintes requisitos:

1. Carecer de fins de lucro

2. Desenvolver as súas actuacións no ámbito territorial do municipio ó que pertence

3. Non estar incursas en causas de prohibición para ser beneficiarias ou percibir subvencións da Administración pública

4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias (Estado e Comunidade Autónoma), coa Tesourería da Seguridade Social e non ter débedas coa Deputación

Ó abeiro do disposto no artigo 11.3 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, poderán acceder á condición de beneficiarios agrupacións de persoas físicas carentes de personalidade xurídica que cumpran os requisitos anteriores e que poidan levar a cabo os proxectos obxecto desta liña de subvencións.

Quinta. Solicitudes e documentación

As solicitudes, cubertas en todos os seus extremos, formalizaranse nos modelos que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación (de luns a venres de 8:30 a 14:30 h e de 17:00 a 19:00 h, e o sábado de 9:00 a 13:00 h), no rexistro da súa sede de Vigo (de luns a venres de 9:00 a 14:00 h), no Servizo de Cooperación ou na páxina web www.depo.es, achegando ademais a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do investimento a realizar que será asinada polo representante da agrupación, na que se fará constar a data, e que irá acompañada dun esbozo de situación. Cando se trate de obras de reforma ou ampliación de instalacións ou edificacións existentes deberán incluírse entre a documentación fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

b) Orzamento do investimento ou da adquisición a realizar, que deberá describir con claridade conceptos e cantidades (número de horas de alugamento, número de pezas, metros cúbicos ou lineais de material, etc.) e o seu prezo unitario. O orzamento, no que se fará constar a data e que será asinado polo representante da asociación, debe aplicar o IVE do 21 %. Só será subvencionable o IVE que non sexa deducible, e deberá sinalar expresamente a agrupación esta circunstancia (se o IVE é deducible ou non) na solicitude.

Cómpre sinalar que, de acordo co disposto na base primeira, con cargo a este programa de axudas non se financia a man de obra, soamente a adquisición de material, subministracións ou o alugueiro de maquinaria.

c) Declaración responsable na que conste o acordo adoptado polos membros da agrupación para a realización do investimento en réxime de acción comunitaria, co nomeamento dun representante único e identificación deste, sinalando expresamente o compromiso de completar o financiamento do investimento mediante a achega do traballo, transporte, maquinaria ou metálico, así como de asumir os riscos que puidesen xurdir con ocasión da prestación antes citada (anexo III).

d) Acta de nomeamento dos representantes da agrupación (anexo II) ou, de ser unha asociación constituída, fotocopia compulsada da acta de nomeamento da xunta directiva actual.

e) Fotocopia cotexada do CIF, no caso de contar con el.

f) Fotocopia cotexada do DNI do representante. No caso de agrupacións carentes de personalidade xurídica, unha fotocopia cotexada do DNI de, cando menos, tres titulares que figuren na acta de nomeamento dos representantes desta.

g) Declaración responsable na que conste se a agrupación obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien o investimento a subvencionar e compromiso de lle comunicar á Deputación as que se obteñan nun futuro (anexo I).

h) Declaración responsable de estar ó corrente das obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, así como de non ter débedas de ningún tipo coa Deputación na que tamén se autorice á institución provincial para obter as correspondentes certificacións (anexo I)

i) Declaración de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria, asumindo o compromiso de lles dar cumprimento ás condicións da subvención (anexo I).

j) Certificación, da sucursal correspondente, da conta bancaria na que haberá de ingresarse o importe da subvención, que debe estar a nome da agrupación ou, como mínimo, de tres titulares que figuren na acta de nomeamento dos representantes desta.

Incúmbelles ás agrupacións obter as licenzas necesarias para acometer as obras solicitadas e o cumprimento das normas contractuais e urbanísticas, consonte ó disposto na Lei 9/2002, de 30 de decembro, do solo e urbanismo de Galicia, e o Decreto 28/1999, de 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística e demais disposicións aplicables.

Solicitarán licenza do Concello sen prexuízo das autorizacións ou concesións que sexan necesarias outorgar polos organismos competentes. Se non se precisan autorizacións farase constar expresamente.

Cando a actuación se realice sobre instalacións deportivas, administrativas, relixiosas ou edificacións de calquera uso deberase acreditar a titularidade do ben en cuestión ou achegar un documento con valor probatorio (convenio, contrato, acta, acordo plenario) que confirme a cesión da instalación á agrupación así como que esta asume os custos derivados da súa rehabilitación, mantemento, mellora e conservación. Non se concederán subvencións se non queda debidamente acreditado que o beneficiario é a agrupación.

Ademais, nos casos de subvencións concedidas para a rehabilitación, mellora, construción e adquisición de bens inventariables, deberán manter a súa adscrición ó fin que fundamentou a concesión durante un período non inferior a dez anos. O incumprimento desta obriga, que se producirá en todo caso co alleamento do ben, dará lugar ó reintegro da subvención percibida.

No caso de agrupacións que presenten varias solicitudes de subvención achegarán un expediente completo por cada unha delas. Non obstante, no procedemento ordinario, que é o de concorrencia competitiva, so participará unha das solicitudes achegadas e desestimaranse as demais. Nestes casos a agrupación deberá establecer unha prelación nas solicitudes, indicando a de maior preferencia.

Se a solicitude remitida, acompañada da documentación, non reunise os requisitos da convocatoria ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non o facer, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites.

Sexta. Lugar e prazo de presentación

As solicitudes irán dirixidas ó presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro xeral da Deputación (de luns a venres de 8:30 a 14:30 h e de 17:00 a 19:00 h, e o sábado de 9:00 a 13:00 h), no rexistro da súa sede de Vigo (de luns a venres de 9:00 a 14:00 h) ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro (na súa redacción segundo o Real decreto lei 8/2011, de 1 de xullo).

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións para este programa comezará o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e rematará o 2 de febreiro de 2015.

Sétima. Compatibilidade

Estas axudas serán compatibles con outras axudas ou subvencións concedidas por outras entidades para o mesmo investimento, pero en ningún caso a contía delas poderá superar o custo real do investimento subvencionado. Para tal efecto comunicaráselle á Deputación de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

Así mesmo, estas axudas non son compatibles con outras concedidas por outros Servizos da Deputación para a mesma finalidade no exercicio 2015, polo que as agrupacións deberán comunicarlle á Deputación tal circunstancia, de darse o caso.

Oitava. Criterios de concesión

A asignación de axudas ou subvencións dos distintos investimentos (obras ou adquisicións), farase en función dos seguintes criterios:

1º. Por realizar investimentos en servizos básicos para a comunidade, contemplados no artigo 26 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, valorarase ata 10 puntos, asignando a máxima puntuación ás obras incluídas no citado artigo 26.

2º. O número de membros que compoñen a agrupación, que se valorará con ata 10 puntos, asignando maior puntuación ás agrupacións con maior número de membros.

3º. A repercusión social e incidencia nos habitantes da actuación solicitada, que se valorará con ata 10 puntos, asignando maior puntuación canto maior sexa o número de habitantes do municipio ou da comunidade beneficiados coa realización do investimento.

4º. O grao de eficacia na xestión de actuacións subvencionadas en exercicios anteriores, que se valorará con ata 5 puntos, asignando a máxima puntuación a aquelas agrupacións que executaron e xustificaron correctamente actuacións precedentes e menor a aquelas que as xustificaron con requirimentos previos.

5º. A importancia do investimento, que se valorará con ata 25 puntos, empregando como indicadores:

- Tipo de investimento, asignando maior puntuación ás actuacións que teñan por obxecto a execución e a mellora de infraestruturas básicas, a recuperación e posta en valor do patrimonio ou a recuperación e mellora do contorno medioambiental

- Carácter innovador, asignando maior puntuación ás propostas novas que as que supoñan unha continuación de actuacións desenvolvidas en anos anteriores

- Impacto e alcance territorial (zona rural, municipio, capital de provincia), priorizándose actuacións desenvolvidas nas áreas rurais con menor capacidade económica e de xestión

- Cooperación e coordinación, tamén con outras entidades (de ser o caso), e calquera outro indicador que permita valorar a súa incidencia de cara ó fomento do investimento, que a xuízo da Comisión de avaliación se deba considerar

Novena. Instrución e resolución

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe de Servizo de Cooperación Municipal, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos expedientes. Así mesmo, deberá elaborar un informe-proposta provisional, explicando e motivando a aplicación dos criterios de concesión establecidos na base oitava.

O informe-proposta provisional será sometido a estudo e será avaliado pola Comisión de valoración, órgano colexiado composto por:

Presidente: o da Deputación ou o deputado en quen delegue

Vogais: o presidente da Comisión informativa de Cooperación Municipal e a xefa do Servizo de Cooperación

Secretario: actuará como secretario, sen voto, un funcionario do Servizo de Cooperación

A Comisión de valoración poderá solicitar cantos informes estime necesarios para resolver e deberá emitir un informe-proposta definitivo no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario, aquelas solicitudes que, tralo seu exame, se acrediten como razóns de interese público ou social que xustifiquen a súa concesión, reservándose para estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal como se prevé na base 25.2 das de execución do vixente Orzamento provincial. As propostas de concesións de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente, previo informe de fiscalización do Servizo de Intervención.

Transcorridos seis meses a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

Décima. Reformulación de subvencións

Os beneficiarios poderán solicitar a reformulación da súa petición cando o importe da axuda económica proposta sexa inferior á solicitada e soamente poidan asumir o financiamento da actuación se se produce un axuste dos compromisos e condicións da subvención outorgable. Neste caso, para manter o financiamento público sen a necesidade dun novo proceso selectivo será necesario formalmente cumprir os seguintes trámites:

1. No momento da comunicación da proposta provisional de concesión os beneficiarios poderán reformular a solicitude para axustar os compromisos á subvención asignada, sempre antes de que o órgano competente resolva a concesión definitiva.

2. A solicitude de reformulación irá acompañada dunha nova memoria e dun novo orzamento (ambos os dous asinados e con data); o novo orzamento deberá indicar aquelas actuacións contempladas no orixinal ás que desexa aplicar a axuda económica que se lle outorgue.

O novo orzamento e a nova memoria informaráselles ós servizos correspondentes e deberá respectar o obxecto e a finalidade da solicitude orixinal e demais requisitos e condicións previstos nas bases desta convocatoria e demais normas reguladoras de subvencións.

No caso de non achegar o impreso de reformulación, e sen prexuízo da posibilidade de modificar o acordo de concesión cando concorre algunha das circunstancias previstas na base décimo segunda, entenderase que o beneficiario está conforme co importe da axuda económica concedida.

Décimo primeira. Comprobación da situación inicial dos investimentos

No caso de axudas destinadas á execución de obras, unha vez realizada a proposta provisional de concesión, e necesariamente antes do acordo de concesión definitiva, a Deputación, de oficio, a través do Servizo de Infraestruturas, comprobará a realidade e a situación destes así como a súa viabilidade.

Décimo segunda. Publicidade

As asociacións e agrupacións que sexan beneficiarias desta liña de axudas deberán darlle a adecuada publicidade ó financiamento dado pola Deputación para a realización da actividade subvencionada do seguinte xeito:

' Deberá facerse constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas, páxina web e outros) o apoio que recibe por parte da Deputación de Pontevedra. Isto farase incluíndo o logotipo da institución provincial nun lugar visible tal e como se indica no anexo de publicidade

' Obrigatoriamente, ó remate da actividade subvencionada, deberá acreditarse o cumprimento desta cláusula coa presentación dunha proba gráfica que certifique a difusión da actuación subvencionada

' No anexo de publicidade e na páxina web www.depo.es atópase o exemplo de tratamento que se lle debe dar á imaxe institucional da Deputación

' Para dúbidas ou aclaracións cómpre contactar co Servizo de Comunicación Institucional da Deputación a través do correo electrónico comunicacion@depo.es ou do teléfono 986 804 100

Décimo terceira. Modificacións de subvencións

As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou as rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles contados desde a notificación do acordo de concesión definitivo.

Unha vez recaída a resolución de concesión poderase solicitar un único cambio ou modificación do seu contido, sempre e cando non se prexudiquen dereitos de terceiros e concorran circunstancias excepcionais que o aconsellen e así o decida o presidente ou deputado en quen delegue.

As circunstancias serán as seguintes:

- Ter recibido axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados, que cubran a totalidade do investimento

- Ter prioridade a realización doutro investimento que precise cometer a agrupación

- Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que impida a súa realización

Non se admitirá o cambio de aplicación ou modificación do investimento subvencionado se non se solicita formalmente antes do día 28 de febreiro de 2016, xa que os investimentos deberán estar completamente rematados nos prazos establecido nestas bases.

Décimo cuarta. Xustificación e aboamento das subvencións

1. Os investimentos deberán estar executados na súa totalidade a 30 de xuño de 2016. As facturas acreditativas do gasto efectuado que contemplen unha data posterior á citada en ningún caso terán o carácter de gasto subvencionable.

Non obstante, se se producisen circunstancias imprevistas que lle impidan ó beneficiario rematar en prazo o investimento este poderá solicitar unha prórroga.

A petición de prórroga formularase por escrito explicando as razóns que deben xustificar o seu outorgamento. A petición achegarase con data límite o 10 de xuño de 2016, co obxecto de que o órgano encargado de resolver poida, con suficiente antelación, proceder á modificación dos prazos de execución e xustificación dos correspondentes gastos.

A prórroga non poderá exceder da metade do prazo estipulado para a execución da actuación.

2. O prazo para presentar a documentación xustificativa do gasto realizado remata o día 30 de setembro de 2016. Nos casos de concesión dunha prórroga na execución o prazo de xustificación ampliaríase proporcionalmente sen que en ningún caso poida exceder de 3 meses desde a data límite de finalización contemplada na prórroga.

Esixirase a xustificación do 100 % do orzamento presentado para recibir a totalidade da subvención.

No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100 % do orzamento subvencionado aboarase a parte proporcional da subvención.

3. Para percibir as subvencións concedidas, de acordo con estas bases, cómpre presentar directamente na Deputación os seguintes documentos:

a. Conta xustificativa dos gastos no modelo normalizado, na que se relacionarán as facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o CIF, o número da factura, o concepto e o importe) ata completar a totalidade do orzamento que serviu de base á concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no presuposto inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

b. Facturas orixinais, ou fotocopias compulsadas, con data comprendida entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de xuño de 2016, conformadas polo presidente da agrupación veciñal, indicando o DNI. Só se admitirán aquelas que inclúan a adquisición de materiais, subministracións ou alugueiro de maquinaria de acordo co orzamento achegado. Deben achegarse facturas, como mínimo, polo importe da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar unidades (cantidades, pezas, metros lineais e cúbicos, etc.) e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto as facturas non se admitirán a trámite, dando lugar á perda da subvención concedida.

c. Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos. Memoria na que se indicará a data e asinaraa o representante da agrupación veciñal.

d. Se o importe do gasto subvencionable supera a contía de cincuenta mil (50.000,00) euros, nos casos de obras, ou de dezaoito mil (18.000,00) euros, nos casos de subministracións, a agrupación debe achegar tres orzamentos para verificar a asignación eficiente dos recursos económicos outorgados.

e. Declaración responsable de non ter recibido outras subvencións de administracións públicas ou detalle do financiamento obtido para a finalidade subvencionada e declaración responsable de que os ingresos obtidos non superan o custo desta (conta xustificativa).

f. Certificación de estar ó corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma, coa Seguridade Social (situación que se determinará de oficio polo Servizo de Cooperación) e de non ter débedas de ningún tipo coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia institución provincial a través do Servizo de Intervención.

g. Proba gráfica de darlle difusión ó investimento subvencionado, facendo constar a colaboración da Deputación e do Servizo de Cooperación, ademais de cumprir co disposto na base décimo primeira sobre a publicidade (anexo de publicidade). A este respecto o Servizo de Infraestruturas supervisará que foi posto o cartel ou a placa de publicidade da subvención concedida e, de non ser así, non sé procederá ó libramento desta.

Será necesario tamén o informe dos técnicos provinciais correspondentes, que será solicitado polo Servizo de Cooperación, ó obxecto de comprobar a realidade do investimento, e de que o executado se axusta ó previsto na memoria e no orzamento.

A documentación acreditativa do gasto efectuado debe remitirse ó Servizo de Cooperación como data límite o 30 de setembro de 2016, agás nos casos de solicitude de prórroga na execución. Transcorrido este prazo sen a achegar os servizos administrativos do Servizo de Cooperación requiriranlle ó beneficiario para que no prazo improrrogable de quince días emende esta situación. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste apartado non eximirá ó beneficiario das sancións que, conforme á Lei 38/2003, de 17 de novembro, lle correspondan.

A finalización do prazo adicional sen achegar a documentación xustificativa dará lugar á perda do dereito ó cobro da subvención.

O aboamento da subvención practicaráselle directamente á agrupación na conta bancaria indicada por esta.

As agrupacións son responsables de efectuar o pagamento ó provedor da subministración no prazo máximo dun mes, a contar desde as transferencias dos fondos por parte da Deputación, e de custodiar aqueles documentos (copias de transferencias bancarias, talóns nomitativos, extractos de tarxetas bancarias&) que acrediten o pagamento realizado. Se, como consecuencia das actuacións de comprobación ou de control financeiro realizadas pola Deputación, se constata o incumprimento destas obrigas, dará lugar ó reintegro da subvención percibida.

Décimo quinta. Devolución e reintegro

As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

a) Por obtelas falseando as condicións requiridas

b) Por non aplicalas ós fins para os que se concederon

c) Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei 30/1992, de 26 de novembro. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento xeral de recadación.

Décimo sexta. Aprobación das bases

De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para o 2015, e cumprindo co establecido no artigo 18 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, e demais lexislación aplicable, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

Décimo sétima. Dereito supletorio

Para o non disposto nestas bases contemplarase o establecido nas bases de execución do Orzamento xeral da Deputación para o exercicio 2015, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, no Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, e demais lexislación aplicable.

Décimo oitava. Recursos

Contra o acordo da aprobación destas bases, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, segundo o disposto nos artigos 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo establecido no artigo 46 da citada lei.

Todo isto sen prexuízo de que poida interpoñerse calquera outro recurso que se considere pertinente.

ANEXOS DA CONVOCATORIA E MODELOS DE PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN

Todos os anexos referidos nestas bases ou modelos normalizados para a solicitude e a xustificación destas subvencións serán facilitados no Rexistro xeral da Deputación, no da súa sede de Vigo, no propio Servizo de Cooperación ou ben a través da páxina web www.depo.es.'

2014021794

Alquiler de vivienda
Deporte
Obras de rehabilitación
Transporte
Medio Ambiente
Innovación