BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN MUNICIPAL (PAM), SECCIÓN ACTIVIDADES, PARA O EXERCICIO 2015. - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno, na súa sesión celebrada o 19 de decembro de 2014, aprobou as 'Bases reguladoras do Programa de Acción Municipal, SECCIÓN ACTIVIDADES (PAM - ACTIVIDADES), para o exercicio 2015', cuxo texto dí como segue:

'BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN MUNICIPAL (PAM),

SECCIÓN DE ACTIVIDADES, PARA O ANO 2015

Primeira. Obxecto

A finalidade desta convocatoria é apoiar e contribuír ó desenvolvemento social, cultural e deportivo dos concellos e demais entidades locais da provincia cunha poboación de entre 1.000 e 50.000 habitantes. Para iso, subvencionarase a realización, durante o ano 2015, de actividades culturais, deportivas e, especialmente, de contido social, relacionadas con servizos sociais comunitarios tanto básicos coma específicos e servizos sociais especializados, con atención especial á igualdade, á loita contra a violencia de xénero e á exclusión social, á axuda no fogar, á atención a dependentes, maiores, discapacitados e menores, hábitos saudables e loita contra as drogodependencias, situacións de emerxencia ou de urxente necesidade social e, en xeral, calquera outra actividade relacionada cos servizos sociais. Estas, xestionadas libremente polas entidades locais, insírense dentro deste Programa de acción municipal, sección actividades, co obxectivo de asegurar a prestación integral e adecuada dos servizos de competencia municipal.

Poderán ser obxecto da subvención as seguintes actividades organizadas polas entidades locais:

1. As que contribúan ó desenvolvemento cultural, educativo e social das persoas do municipio ou da entidade local beneficiaria ou que teñan relación con estes e que está proxectado que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015. En xeral, o tipo de actividades susceptibles de subvención son as que deseguido se relacionan:

I. De difusión cultural, favorecedoras da extensión e divulgación da cultura: proxeccións de cine e vídeo, representacións teatrais, música, folclore e tradición, viaxes estritamente culturais dun ou máis días de duración e outros eventos semellantes

II. Artísticas, favorecedoras da creatividade e da iniciativa cultural: fomento dos grupos de teatro e musicais, creacións literarias como revistas (culturais, científicas e outras), recitais, concursos sobre literatura, etc.

III. Lúdicas, favorecedoras do esparexemento e do lecer: festexos tradicionais folclóricos ou semanas culturais, entre outras

IV. Formativas, favorecedoras da promoción educativa, cultural e profesional das persoas do municipio/entidade local: cursos de formación xeral, ciclos culturais, conferencias socioculturais ou encontros e xornadas de estudo, entre outras

V. Calquera outra actividade cultural semellante ás anteriores

2. As que contribúan ó desenvolvemento e promoción do deporte dentro da provincia de Pontevedra e que estea proxectado que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015. En xeral, o tipo de actividades que se detallan a continuación:

I. Organizativas de eventos deportivos puntuais, como campionatos, ligas e outras

II. Participativas en eventos deportivos, de carácter puntual e extraordinario

III. De fomento do deporte, que teñan como finalidade a promoción, o fomento e a formación deportiva con carácter específico ou inespecífico

IV. Calquera outra actividade deportiva semellante ás anteriores

3. As que contribúan ó desenvolvemento no ámbito social, a paliar situacións de emerxencia social e á mellora dos servizos sociais comunitarios, básicos, específicos e especializados, poñendo especial atención na igualdade, na axuda no fogar, na loita contra a violencia de xénero, na inclusión social, na atención á dependencia, no voluntariado social, no apoio a colectivos e familias necesitados como os discapacitados, nos nosos maiores, na infancia e na xuventude, en hábitos saudables e na loita contra as drogodependencias, na inmigración, en situacións de emerxencia social e, en xeral, calquera outra área ou sector de carácter social que teña cabida dentro do concepto de servizos sociais e que estea proxectado que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015. En xeral, o tipo de actividades susceptibles de subvención son as que deseguido relacionamos:

I. As dirixidas a persoas en risco de exclusión social: inmigrantes, discapacitados, persoas maiores, vítimas da violencia de xénero, infancia, xuventude e outros

II. As destinadas a promover hábitos saudables e á prevención, ó tratamento e á reinserción das persoas drogodependentes e toxicómanas

III. As que teñan por obxecto a valoración e a detección dunha situación de emerxencia social ou de urxentes necesidades sociais, así como a prestación de servizos de orientación, asesoramento e/ou asistencia para paliar os seus efectos

IV. As formativas, divulgativas e/ou de promoción de carácter social

V. Calquera outra actividade de carácter social semellante ás anteriores que teña por obxecto desenvolver servizos sociais comunitarios, básicos ou específicos, e/ou especializados

Segunda. Financiamento

Tanto o seu financiamento coma o seu réxime acomodaranse ó determinado nestas bases.

Este programa, por importe de un millón (1.000.000,00) de euros, financiarase con cargo ó proxecto de gasto denominado 'Programa de acción municipal, sección actividades, 2015', do Orzamento de 2015, nas aplicacións 942.9420.462.00, 942.2311.462.00 (actividades de acción social), 942.3340.462.00 (actividades culturais) e 942.3410.462.00 (actividades deportivas), e poderá incrementarse mediante suplementación de créditos.

O 80 % deste crédito, é dicir, oitocentos mil (800.000,00) euros, repartirase por concorrencia competitiva e o 20 % restante, douscentos mil (200.000,00) euros, resérvase para a súa concesión polo procedemento de concesión directa.

A axuda económica poderá acadar ata o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito orzamentario autorizado para a convocatoria.

Terceira. Requisitos

As actividades sociais, culturais e deportivas de ámbito local caracterizaranse pola concorrencia dos seguintes requisitos:

a) Libre determinación das entidades locais na elección das actividades que desexan realizar

b) Voluntariedade na participación e liberdade das entidades locais de organización destas actividades

Cuarta. Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas todos os concellos da provincia cunha poboación de entre 1.000 e 50.000 habitantes que desexen acollerse a esta convocatoria e que teñan previsto realizar actividades sociais, deportivas e/ou culturais no período comprendido desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2015.

Os beneficiarios da subvención estarán obrigados ó seguinte:

a) Comunicarlle á Deputación de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración, incluída o propio organismo provincial, ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

b) Difundir convenientemente e facer constar en toda a información que a actividade está subvencionada pola institución provincial nos termos e condicións que se establecen na base décimo primeira desta convocatoria.

c) Comunicarlle ó Servizo de Cooperación calquera eventualidade na actividade ou programa subvencionado, cando afecte a tal subvención e no momento en que aquela se produza.

d) Proporcionar toda a información que lle sexa requirida polo Servizo de Cooperación, encargado do seguimento e da evolución das subvencións.

Quinta. Solicitudes e documentación

As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación (de luns a venres de 8:30 a 14:30 h e de 17:00 a 19:00 h, e o sábado de 9:00 a 13:00 h), no da súa sede de Vigo (de luns a venres de 9:00 a 14:00 h), no Servizo de Cooperación ou na páxina web www.depo.es, achegando, ademais, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa da actividade a desenvolver, debidamente asinada polo representante

b) Orzamento da actividade a realizar no que apareza o IVE, detallado e debidamente asinado polo representante

c) Resolución ou certificación do acordo do órgano competente da entidade local no que se determine a actividade e se solicite a subvención para a súa realización

d) Certificación do secretario (ou interventor) na que conste se a entidade local obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien a actividade a subvencionar e o compromiso de lle comunicar á Deputación as que se obteñan nun futuro (anexo I).

e) Certificación do secretario (ou interventor) de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria, asumindo o compromiso de cumprir as condicións da subvención (anexo I).

As entidades locais deberán presentar as solicitudes especificando as actividades concretas e a súa tipoloxía e sinalando, na medida do posible, o prazo para a súa execución, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude e especificando unha soa actividade por solicitude.

A falsidade de calquera dos datos presentados dará lugar á perda da subvención concedida, ademais doutras medidas que para o caso poida arbitrar a institución provincial.

Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos indicando que, en caso de non o facer, terase por desistida a súa solicitude, arquivándose sen máis trámites.

Sexta. Lugar e prazo de presentación

As solicitudes irán dirixidas ó presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro xeral da institución provincial e no da súa sede de Vigo, no horario arriba indicado, ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, (na súa redacción segundo o Real decreto lei 8/2011, de 1 de xullo).

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións que se acollan a este programa finalizará o 10 de febreiro de 2015.

Sétima. Compatibilidade

As axudas serán compatibles con outras achegas ou subvencións concedidas por outras entidades para a mesma actividade, pero en ningún caso o seu volume conxunto poderá superar o 100 % do custo real da actividade subvencionada. Para tal efecto comunicaráselle ó organismo provincial a obtención doutras achegas para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración e/ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros.

Estas axudas non son compatibles con outras concedidas no exercicio 2015 por outros servizos da institución provincial para a mesma finalidade, polo que as entidades locais deberán comunicarlle, de se dar o caso, á Deputación tal circunstancia.

Oitava. Criterios de concesión

Un importe fixo de cincocentos noventa mil (590.000,00) euros repartirase de forma lineal entre os concellos da provincia que se adhiran a este plan, correspondéndolle a cada un deles dez mil (10.000,00) euros.

A cantidade restante, douscentos dez mil (210.000,00) euros, repartirase da forma seguinte:

Poboación

Grupo 1

De 1.000 a 10.000

Grupo 2

De 10.001 a 20.000

Grupo 3

De 20.001 a 50.000

Porcentaxe

20 %

40 %

40 %

Cantidade por grupo

42.000,00 €

84.000,00 €

84.000,00 €

Total

210.000,00 €

Ó grupo 1, cunha poboación de entre 1.000 e 10.000 habitantes, aplícaselle unha porcentaxe do 20 %, polo que lle corresponden corenta e dous mil (42.000,00) euros. Ó grupo 2, cunha poboación de entre 10.001 e 20.000 habitantes, aplícaselle unha porcentaxe do 40 %, polo que lle corresponden oitenta e catro mil (84.000,00) euros. Por último, ó grupo 3, cunha poboación de entre 20.001 e 50.000 habitantes, correspóndenlle oitenta e catro mil (84.000,00) euros.

Estas cantidades repartiranse entre o número de concellos que forman o grupo proporcionalmente á poboación de dereito.

Para estes efectos a poboación da entidade local a considerar será a última publicada polo INE na data de publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

En consecuencia, cada concello coñecerá as cantidades que lle corresponden dentro dos cinco primeiros días hábiles seguintes ó da publicación destas bases no BOPPO. Ademais de recibiren a correspondente notificación poderán ser informados dirixíndose ó Servizo de Cooperación.

Unha vez feito o reparto cada beneficiario presentará as actividades ás que vai destinar o importe da axuda que lle corresponde.

Non poderá concederse subvención para un investimento que teña un orzamento inferior a mil (1.000,00) euros, incluído o IVE.

Novena. Instrución e resolución

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe do Servizo de Cooperación, que realizará de oficio as actuacións que estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos expedientes. Así mesmo, deberá elaborar un informe-proposta provisional explicando e motivando a aplicación do criterio de concesión establecido na base oitava.

Este informe-proposta será sometido a estudo e avaliación pola Comisión de valoración, órgano colexiado composto por:

Presidente: o da Deputación ou o deputado en quen delegue

Vogais: o presidente da Comisión informativa de Cooperación Municipal e o xefe do Servizo de Cooperación

Secretario: un funcionario do Servizo de Cooperación, que non disporá de voto

A Comisión de valoración poderá acadar os informes que estime oportunos para resolver e deberá emitir un informe respecto das solicitudes de subvención.

Non se subvencionarán actividades que teñan un orzamento inferior a mil (1.000,00) euros.

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver ó longo do exercicio orzamentario aquelas solicitudes de concellos e demais entidades locais da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes que teñan un interese público, social, económico ou humanitario excepcionais, reservando para estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal e como se prevé na base 25.3 das de execución do vixente Orzamento provincial. As propostas de concesións de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente, previo informe de fiscalización do Servizo de Intervención.

Transcorridos seis meses a partir do día seguinte ó que remate o prazo de presentación da solicitude sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

Décima. Publicidade

As entidades locais que sexan beneficiarias deberán darlle a adecuada publicidade do financiamento concedido pola Deputación da actividade subvencionada do seguinte xeito:

' Deberá facerse constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas, páxina web e outras) o apoio que recibe por parte da institución provincial. Isto farase incluíndo o seu logotipo nun lugar visible en todas as comunicacións tal e como se indica no anexo de publicidade

' Obrigatoriamente, ó remate da actividade subvencionada, deberá acreditarse o cumprimento desta cláusula coa presentación dunha breve memoria das accións de comunicación realizadas

' No anexo de publicidade e na páxina web (www.depo.es) atópase o exemplo de tratamento que se lle debe dar á imaxe institucional da Deputación

' Para dúbidas e/ou aclaracións pódese contactar co Servizo de Comunicación Institucional a través do correo electrónico comunicacion@depo.es ou do teléfono 986 804 100

Décimo primeira. Modificacións das subvencións

As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou as rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles, contados desde a súa notificación.

Unha vez recaída a resolución de concesión poderase solicitar o cambio ou a modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria. Ademais, só se admitirá un cambio ou modificación no contido da resolución.

As circunstancias excepcionais serán as seguintes:

- Non dispor de crédito suficiente para levar a cabo a actividade

- Ter recibido axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados que cubran o importe da actividade

- Ter prioridade na realización doutra actividade e non se conte con crédito de financiamento para levalo a cabo

- Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que impida a súa realización

O cambio de aplicación ou modificación da actividade subvencionada terá que ser solicitado antes do día 1 de decembro do 2015 e sempre que existan razóns excepcionais que o aconsellen e así o decida o presidente ou o deputado en quen delegue.

Décimo segunda. Xustificación e aboamento

1. Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizada a actividade os beneficiarios deberán xustificalas no prazo de tres meses desde a súa finalización e, en todo caso, antes do 31 de marzo de 2016.

2. No caso de non poder presentar a xustificación na data establecida no apartado anterior as entidades beneficiarias poderán solicitar unha ampliación do prazo establecido para a xustificación sempre que non exceda da metade deste e, en todo caso, non se superen os tres meses, ademais de que non prexudique dereitos de terceiros.

3. A solicitude de prórroga deberá obrar nesta Deputación o 1 de marzo de 2016.

Esixirase a xustificación do 100 % do orzamento presentado para recibir a totalidade da subvención.

No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100 % do orzamento subvencionado aboarase a parte proporcional da subvención.

4. Para recibir as subvencións concedidas, de acordo con estas bases, cómpre presentar directamente na institución provincial os seguintes documentos:

a. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou o gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, identificando acredor e documento, importe, data de emisión, se é posible, data na que se pagou e información, no seu caso, das desviacións con relación ó orzamento que serviu de base á concesión (anexo da conta xustificativa).

b. Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento, e non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

c. Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas, debendo corresponder o gasto coa actividade subvencionada, con data comprendida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2015, ambas as dúas incluídas. A xustificación con facturas será, como mínimo, polo importe da subvención concedida.

d. Memoria explicativa e detallada da realización da totalidade da actividade, con expresa mención dos resultados obtidos, debidamente asinada polo representante.

e. Certificación do secretario ou interventor (ou funcionario competente) acreditativa de que os gastos que figuran na conta xustificativa son reais e se aplicaron á actividade subvencionada, quedando a disposición da Deputación para o seu exame, de se considerar oportuno, os xustificantes correspondentes.

f. Declaración do concello/entidade local de lle dar difusión á actividade subvencionada, na que fará constar a colaboración da Deputación a través do Servizo de Cooperación (anexo da conta xustificativa), ademais de cumprir co disposto na base décimo primeira sobre a publicidade (anexo de publicidade). A este respecto o Servizo de Fiscalización da Deputación poderá comprobar, en calquera momento, se se fixo a publicidade da subvención concedida e, de non ser así, non se procederá ó libramento desta.

g. Declaración de que non se recibiron outras subvencións de administracións públicas para a finalidade subvencionada ou, no caso de recibilas, detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da actividade subvencionada (anexo da conta xustificativa).

h. Declaración responsable de se realizar a actividade de acordo coa finalidade para a que se concedeu a subvención (anexo da conta xustificativa).

i. Acordo do órgano competente aprobando as facturas ou ben certificación acreditativa do acordo.

O aboamento da subvención practicaráselle directamente á entidade local beneficiaria da subvención.

Décimo terceira. Devolución e reintegro

As axudas concedidas deberán devolverse ou reintegrarse nos seguintes casos:

a. Por obtelas falseando as condicións requiridas

b. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida

c. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei 30/1992, de 26 de novembro. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento xeral de recadación.

Décimo cuarta. Aprobación das bases

De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para o 2015, e cumprindo o establecido no artigo 18 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

Décimo quinta. Dereito supletorio

Para o non disposto nestas bases contemplarase o establecido nas de execución do Orzamento xeral da Deputación para o exercicio 2015, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais lexislación aplicable.

Décimo sexta. Recursos

Contra o acordo da aprobación destas bases, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, segundo o disposto nos artigos 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo establecido no artigo 46 da citada lei.

Todo isto sen prexuízo de que poida interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente.

Anexos da convocatoria e modelos de presentación de documentación

Todos os anexos referidos nestas bases ou modelos normalizados para a solicitude e a xustificación destas subvencións serán facilitados no Rexistro xeral da Deputación, no da súa sede de Vigo, no propio Servizo de Cooperación ou ben a través da páxina web www.depo.es.'

2014021795

Actividades de servicios sociales
Deporte
Cultura
Cultura e idiomas
Servicios Sociales
Discapacidad
Inclusión social
Emergencia social
Literatura
Educación
Drogodependencia
Deporte
Formación
Promoción deportiva
Actividad cultural
Eventos deportivos
Inmigración
Infancia
Ciencia
Artes
Música
Eventos
Teatro
Dependencia
Familia
Tercera edad
Voluntariado
Actividades deportivas
Acción social