Bases reguladoras de subvencións dirixidas ás entidades culturais para o ano 2017 - Boletín Oficial de A Coruña de 08-06-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 08/06/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social, Empresas y autónomos, Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

A concelleira-delegada da Área de Antención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local ditou a resolución número 828/2017, do 30 de maio de 2017, que é do seguinte teor literal:

'DECRETO

ANTECEDENTES DE FEITO

Con data 25 de maio de 2017 redactáronse as bases reguladoras de subvencións dirixidas a entidades culturais para o ano 2017.

Informe da xestora cultural de data 29 de maio de 2017 relativo ás bases da convocatoria.

Retencion de crédito de data 23/05/2017.

Informe de fiscalización favorable núm. 242/2017 de data 30 de maio do interventor accidental.

FUNDAMENTOS LEGAIS:

O Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 05 de marzo, que aproba o Texto refundido da lei de facendas locais, e a Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

POLO PRESENTE RESOLVO:

1º.- Aprobar as bases reguladoras de subvencións dirixidas a entidades culturais, para o ano 2017 que deseguido se reflicten:

Bases reguladoras de subvencións dirixidas ás entidades culturais para o ano 2017

Primeiro.- Beneficiarios.

Entidades privadas sen ánimo de lucro que cumpran cos seguintes requisitos:

- Que os seus estatutos teñan obxectivos e finalidades culturais.

- Estar legalmente constituídas e non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percepción das axudas ou subvencións públicas.

- Estar inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia, e no Rexistro de Asociacións do Concello das Pontes.

- Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial do Concello ou sobre temas de interese para o Concello.

Segundo.- Obxecto.

A presente convocatoria, de conformidade co disposto na Lei 7/1985, de bases do réxime local, Lei 5/1997, de administración local de Galicia, Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, Lei de subvencións de Galicia, título V das bases de execución do orzamento do Concello das Pontes para o exercicio de 2017.

O Concello das Pontes de García Rodríguez quere pola presente convocatoria dar apoio ás entidades culturais e contribuír para que acaden os obxectivos que lles son propios, a fomentar a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación, contribuíndo deste xeito a impulsar a democratización da sociedade.

Condicións e obrigas

- As entidades que organicen actividades de programación cultural quedarán obrigadas a comunicalo con anterioridade ao servizo de cultura do Concello das Pontes, co fin de organizar a programación cultural anual do Concello. O incumprimento desta obriga poderá ser causa da perda da subvención.

- Con carácter xeral a subvención solicitada nunca superará o 100 % do presuposto estimativo de gastos presentados e posteriormente xustificados.

Actividades e gastos subvencionables.

As subvención ás entidades culturais irán destinadas a actividades culturais e infraestruturas e equipamento. Os gastos en infraestruturas e equipamento só serán subvencionables ata un máximo dun 25% da subvención concedida.

Terceiro.- Importe.

Destinaranse 100.000,00 € ás subvencións para actividades culturais con cargo á aplicación orzamentaria 2017.0.334.48900 e 8.625,00 € para infraestrutura e equipamento con cargo á aplicación orzamentaria 2017.0.334.78000.

Cuarto.- Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

A solicitude terá exclusivamente formato electrónico e deberá presentarse a través da sede electrónica do concello https://sede.aspontes.com/es/index.html .Só se poderá presentar unha solicitude por titular (se se presentan máis, só se valorará a primeira).

O prazo será de DEZ días contados a partir do día seguinte ao da publicidade do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

As solicitudes cumprimentaranse pola persoa que actúe en nome ou representación da persoa xurídica solicitante, mediante certificado electrónico dalgunha das autoridades recoñecidas como emisoras. A este efecto serán válidos, polo tanto, o certificado dixital da persoa xurídica ou ben o certificado dixital da persoa física que represente á entidade.

Tamén poderán presentarse por calquera dos medios regulados no art. 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. E en canto a subsanacións e melloras atenderase ao disposto no artigo 68. 4.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

- Fotocopia da tarxeta do CIF da entidade (agás as xa rexistradas no rexistro de entidades do concello)

- Fotocopia da tarxeta do NIF do representante (agás as xa rexistradas no rexistro de entidades do concello)

- Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade adaptados a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo (agás as xa rexistradas no rexistro de entidades do concello)

- Certificación dos datos bancarios da entidade, segundo modelo dispoñible na sede electrónica : https://sede.aspontes.com/gl/procedimientosytramites/tramites/solicitudgeneral

- Declaración xurada do beneficiario ou o seu representante das subvencións solicitadas para a mesma finalidade ou de non ter solicitadas subvencións para a mesma finalidade.

- Certificación acreditativa do acordo de solicitude e do nomeamento do representante para as súas relacións co Concello.

- Certificación do número de socios en activo a data 01/01/2017

- Certificación na que a entidade se compromete a facer constar a colaboración do Concello das Pontes en toda a información que realice do desenvolvemento das actividades.

- Declaración de estar ao corrente das súas obrigas coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello, e nas súas obrigas legais co persoal que preste servizos para as entidades solicitantes o cal non terá ningunha clase de vínculo nin relación laboral co Concello das Pontes.

- Declaración do representante de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

- Declaración do representante, na que conste que a entidade está ao corrente das súas obrigas coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello.

- Declaración do representante, de non estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública.

- Autorización para que o Concello poida obter as certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social nas que se acredite que a entidade está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Documentación específica en función da tipoloxía da entidade

-Memoria explicativa da/s actividade/s para as que se solicita a subvención; a memoria deberá facer mención ás persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda, o calendario fixado e antigüidade da mesma (anualidades que se leva realizando a actividade)

-Enumeración das actividades culturais relevantes realizadas pola entidade nos últimos tres anos.

-Orzamento estimado dos gastos, e previsión de ingresos correspondentes para os ditos gastos

- Importe da subvención solicitada e declaración doutras subvencións solicitadas para a mesma finalidade.

Coa finalidade de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos ou expertos.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base deberá ser emendado no prazo de dez días dende a recepción do requirimento.

Quinto.- Criterios de valoración.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

Para o caso das entidades culturais os criterios para a valoración será dun total 100 puntos.

- Adecuación do programa ou actividades ao contexto e programación cultural do Concello: ata 30 puntos.

Coincidencia coas liñas estratéxicas, obxectivos e criterios das áreas municipais de cultura, tal como eventos tradicionais; impacto previsto; ámbito xeográfico;colectivo ao que vai dirixido (incluíndo todos os grupos de idade); consolidación do programa (programa desenvolvido anteriormente); colaboración con outros entes; relación entre o interese do programa e o orzamento presentado:

- Contido cultural do programa ou actividade e o seu interese: ata 20 puntos.

- Beneficiarios directa e indirectamente polas actividades: ata 20 puntos.

- Carácter continuo e non ocasional das actividades: ata 10 puntos.

- Número de actividades relevantes acreditadas durante os tres últimos anos: ata 10 puntos.

- Esforzo económico da asociación para a realización das actividades e procura de financiamento alternativa: ata 5 puntos.

- Número de socios da entidade: ata 5 puntos.

Sexto.- Procedemento de concesión.

O réxime aplicable á subvención é o de concorrencia competitiva. A concesión da subvención realizarase mediante resolución da Concelleira Delegada, a proposta motivada da comisión avaliadora que requirirá informe do servizo de cultura (órgano instrutor do expediente) no que figure que da información que consta no seu poder, derívase que os beneficiarios reúnen todos os requisitos necesarios para acceder á subvención. A comisión avaliadora realizará a comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de acordo cos criterios sinalados no artigo anterior, propoñendo a adxudicación da subvención a aquelas que tiveran maior valoración, sen exceder, en ningún caso, o importe da dotación orzamentaria fixada nestas bases. A comisión avaliadora redactará unha acta puntuando as solicitudes de acordo cos criterios enumerados nas bases e propoñendo un importe a subvencionar.

A comisión avaliadora estará composta polos seguintes membros:

Presidente: a concelleira de atención, participación cidadá e desenvolvemento local ou persoa en quen delegue.

Vogais: dous concelleiros/as designado/as polo alcalde, e dous traballadores municipais.

Na comisión desenvolverá as funcións de secretaría, sen voto, persoal funcionario da unidade

administrativa á que lle corresponda a súa tramitación.

Será preceptivo informe previo do servizo de Intervención sobre a existencia de crédito dispoñible, adecuado e suficiente así como o de fiscalización previa do gasto e das solicitudes.

Sétimo.- Prazo de resolución e notificación.

A resolución deberá conter a relación de solicitantes que resulten beneficiarios e o importe concedido e a desestimación se houbera de solicitudes. Contra a desestimación expresa ou presunta das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.

O acordo definitivo que outorga ou denega a subvención será notificado aos solicitantes.

Reformulación de solicitudes.

Unha vez notificada a resolución de concesión, a reformulación de solicitudes a que se refire o artigo 27 da Lei xeral de subvencións e o artigo 61 do seu regulamento de desenvolvemento, será automática, de tal modo que se o importe da subvención outorgada é inferior ao solicitado polo beneficiario, o presuposto subvencionado que debe ser obxecto de xustificación posterior reducirase proporcionalmente.

Modificación de concepto.

Unha vez notificada a resolución de concesión, despois de solicitude razoada do beneficiario da subvención, poderá autorizarse a reformulación da solicitude inicial, mediante o cambio dos obxectivos ou conceptos concretos que se detallan na memoria ou presuposto da solicitude, sempre que se manteña a finalidade da subvención.

Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución despois da proposta previa da Comisión Avaliadora.

Oitavo.- Prazo de xustificación.

O prazo de xustificación finaliza o 30 de novembro de 2017, se ben antes de finalizar o prazo, poderá ampliarse por solicitude do interesado ou por proposta razoada da unidade xestora.

Se non se presenta a xustificación dentro de prazo (inicial ou prorrogado), será requirido ao beneficiario para a súa presentación (art.70 do Regulamento de subvencións). A falta de presentación no prazo de 15 días dende o requirimento, dará lugar a que por resolución da Alcaldía se inicie expediente de anulación do correspondente compromiso. A resolución final notificaráselle á entidade e á Intervención municipal para o seu reflexo contable.

En calquera caso, a data límite para a xustificación non poderá exceder da fixada nas bases de execución do presuposto xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez para o exercicio 2017.

Noveno.- Forma de xustificación.

O importe da subvención está vinculado ao orzamento total da actividade ou proxecto, subvencionado. O beneficiario deberá xustificar que realizou a actividade ou proxecto de que se trate, nos termos da memoria presentada ou, no seu caso, da reformulación realizada.

Haberá que xustificarse a totalidade do gasto orzamentado aprobado na resolución declarativa da subvención, que será o indicado no seu día no orzamento presentado coa solicitude, ou no seu caso, no orzamento reformulado.

Cando o importe xustificado sexa inferior ou superior ao presentado na solicitude de subvención, so se aceptarán desviacións de financiamento debidamente xustificadas.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos aprobados no orzamento inicial.

Considerase gasto realizado aquel que foi efectivamente pagado con anterioridade ao remate do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

Deberá xustificarse tanto o 100% da subvención concedida polo Concello de As Pontes coma o importe obtido por outros ingresos e/ou subvencións que financiaran a actividade subvencionada para o que entregarán relación con indicación do importe e a súa procedencia.

Sistema de xustificación.

A xustificación terá exclusivamente formato electrónico e deberá presentarse a través da Sede Electrónica do Concello, https://sede.aspontes.com/es/index.html

En xeral, a xustificación efectuarase mediante a presentación pola persoa ou entidade beneficiaria dunha conta xustificativa simplificada, segundo se describe a continuación.

A conta xustificativa incluirá:

a) A memoria das actividades levadas a cabo para a execución do programa.

b) Unha relación clasificada de ingresos e gastos, asinada dixitalmente polo secretario e o presidente (ou representante) da entidade correspondente á execución do programa da festa.

A relación clasificada de ingresos conterá unha relación individualizada de todas as achegas recibidas, así como dos ingresos obtidos por publicidade, patrocinio, etc., co importe total calculado; no caso das achegas de empresas, anuncios na relación deberá constar o nome da empresa e CIF, ou no seu caso, nome, apelidos completos en abreviaturas e NIF.

A relación clasificada de gastos conterá unha relación individualizada con indicación do concepto de gasto subvencionado, acredores (nome da empresa e CIF, ou de ser o caso, nome, apelidos completos en abreviaturas e NIF), dos tipos de documentos (nº de factura ou documento equivalente, importe, data completa de emisión e data de pago). Indicaranse as desviacións acaecidas.

c) Facturas ou documentos con valor probatorio equivalente que se presentarán electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso. As copias dixitalizadas presentadas garantizarán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/207, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Deberá acompañarse xustificante bancario no que deben constar o número de factura, obxecto de pago, identificación da persoa pagadora e a destinataria do pago, que deberá coincidir con quen expide a factura.

As entidades beneficiarias das subvencións municipais deben utilizar, formas de pago a terceiros que poidan ser acreditadas mediante documento expedido por unha entidade financeira (transferencia bancaria, tarxetas de débito ou crédito, cheque ou talón nominativo, etc.) no que quede identificado o beneficiario, excepcionalmente poderase realizar o pagamento en metálico para gastos de ata 300 € nos que non resulte posible a utilización dun dos medios anteriormente indicados.

Toda a documentación deberá presentarse en formato PDF (o máximo do total dos arquivos presentados por cada rexistro telemático será de 15MB).

Unicamente serán gastos subvencionables os que respondan de maneira indubidable á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido e que ademais estean efectivamente pagados con anterioridade ao vencemento do prazo da xustificación da subvención. Aos efectos da consideración de subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando que de xustificado o pago mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

d) Acreditación gráfica do cumprimento da obriga de facer constar a colaboración do concello en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que se teña feito das actividades ou investimentos subvencionados.

Gastos subvencionables.

Consideraranse gastos subvencionables, aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, e se realicen no prazo establecido pola convocatoria. En ningún caso o seu custo poderá ser superior ao valor de mercado.

- Os gastos derivados da organización e realización das actividades subvencionadas; o material funxible non inventariable relacionado directamente coas actividades subvencionadas.

- Os gastos de infraestruturas e equipamento derivados da organización e realización das actividades subvencionadas (só serán subvencionables ata un máximo dun 25% da subvención concedida).

- Seguros de responsabilidade civil e accidentes, cos pertinentes certificados e facturas.

- Retribucións a persoal técnico e dos monitores que teñan relación laboral ou de arrendamento e servizos coa entidade, acreditaranse mediante facturas ou nóminas, só se admitirá minuta cando reflicta a correspondente retención do IRPF, e a repercusión do IVE.

- Os gastos correspondentes a voluntarios ou monitores que colaboren coa entidade ou asociación impartindo algunha actividade, curso, etc, de forma esporádica, dereitos de arbitraxe, conferenciantes, poderán xustificarse presentando un recibo ou minuta que contará cos seguintes datos:

- Nome, CIF e enderezo da entidade.

- Nome e apelidos do monitor, ou seu NIF e enderezo.

- A cantidade que recibe e correspondente retención de IRPF.

- O concepto polo que se paga (actividade, cursiño, etc.).

- Datas nas que se impartiu a actividade, curso...

- Lugar e data da emisión do recibo.

- Sinatura do monitor ou voluntario.

Xunto con esta documentación acompañarase:

- Certificado do secretario/a da entidade declarando que o perceptor e persoa allea á mesma

- Declaración xurada do perceptor conforme a cantidade recibida é en concepto de gratificación pola súa colaboración

- Premios en metálico, que terán a correspondente retención de IRPF cando superen os 300 €. O xustificante do pago do premio contará cos seguintes datos:

- Bases ou cartel no que consten os premios en metálico a outorgar.

- Nome, CIF e enderezo da entidade.

- Nome e apelidos do premiado, o seu NIF e enderezo.

- A cantidade que recibe en concepto de premio e o correspondente retención de IRPF se é necesario.

- O concepto polo que se recibe o premio (competición, etc.)

- Datas na que se desenvolveu o concurso

- Lugar e data da emisión do premio.

- Sinatura do premiado.

- Gastos de mantemento (aluguer, luz, auga, teléfono, consumibles, oficina).

- Axudas de custo por desprazamento relacionada coa actividade subvencionada. No caso de xustificar con axudas de custo, deberá achegarse ticket xustificativo do gasto efectuado en caso de desprazamento por autoestrada e factura a nome do/a perceptor/a da indemnización no caso de manutención. En todo caso estarase ao disposto no artigo 9 do R.D. 439/2007, do 27 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas en canto ás contías máximas excluídas de gravame. O concello facilitará un modelo de axudas de custo para que sexa cuberto e entregado coa conta xustificativa.

Falta de xustificación ou xustificación insuficiente.

Vencido o prazo de xustificación, ou de ser o caso da prórroga, sen que a entidade presentara a documentación xustificativa, o departamento de cultura requiriraa para que a presente no prazo improrrogable de quince días. A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e demais responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección. Pasado o dito prazo iniciarase o procedemento de reintegro, xunto ao interese de mora, nos termos establecidos no apartado 1 do artigo 37 da Lei xeral de subvencións.

No caso de non ter xustificada a subvención correctamente en forma e prazo estipulados, a entidade non poderá participar na convocatoria de convenio do ano 2018.

Décimo.- Forma de pago.

As subvencións aboaranse do seguinte xeito: o 80 % no momento da concesión e o 20 % restante trala xustificación da subvención. Deberase constituír unha garantía polo importe anticipado incrementado no 20%, exonerados de garantías os beneficiarios de subvenciones concedidas por importe de menos de 3.000€ segundo o art. 42 do regulamento da Lei de subvencións.

A subvención concedida será aboada mediante transferencia bancaria á conta corrente da persoa ou entidade que figure no certificado de datos bancarios entregado coa documentación de solicitude.

O aboamento da subvención non se levará a cabo se a persoa ou entidade beneficiaria tivese pendente xustificar algunha subvención cuxo prazo de xustificación xa finalizara. Tampouco se procederá ao aboamento se a persoa ou entidade non reintegrara algunha subvención anterior cando así se lle requirira.

Para o cobramento da subvención a entidade deberá estar ao corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Tributaria, Seguridade Social e o Concello das Pontes, situación esta última que determinará de oficio o propio Concello, a través do Servizo de Recadación.

Décimo primeiro.- Compatibilidade con outras axudas.

Esta subvención é compatible con outras axudas, de entidades públicas ou privadas. En ningún caso o importe da subvención municipal poderá ser de tal contía que, en concorrencia con outros ingresos, subvencións ou axudas, supere o custo da actividade xustificada polo beneficiario.

Décimo segundo.- Publicidade da subvención por parte do beneficiario.

Á entidade solicitante que se lle conceda a subvención, deberá facer público este financiamento municipal, incluíndo o escudo do Concello en toda a publicidade que se xere (carteis, folletos, follas informativas...) nos medios electrónicos ou audiovisuais e nos anuncios que poida publicar nos medios de comunicación escritos.

Décimo terceira.-

Para o non previsto nestas bases será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, así como as normas incluídas nas bases de execución do orzamento xeral do Concello para o ano 2017'.

As Pontes de García Rodríguez, 02 de xuño de 2017

A concelleira delegada da Área de Antención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local

M. Montserrat García Chavarría

2017/4813

Cultura
Cultura e idiomas
Actividad cultural
Fomento de la participación ciudadana
Participación ciudadana
Empresa
Eventos
Alquiler de vivienda
Medios de comunicación