Bases reguladoras de subvencións dirixidas ás entidades medioambientais para o ano 2016 - Boletín Oficial de A Coruña de 12-09-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 12/09/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social, Empresas y autónomos, Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

Bases reguladoras de subvencións dirixidas ás entidades medioambientais para o ano 2016

O concelleiro delegado da Área de Infraestruturas, ditou a resolución nº 1093/2016, do 06 de setembro de 2016, que é do teor literal seguinte:

'D E C R E T O

ANTECEDENTES:

Con data 22 de xullo de 2016 redactáronse as bases reguladoras de subvencións dirixidas a entidades medio ambientais para o ano 2016.

Con data 29 de xullo de 2016 o técnico de servizos emitiu informe favorable relativo ás citadas bases.

Con data 25 de agosto de 2016 tramitouse a proposta de gasto núm. 81/2016 fiscalizada pola interventora municipal.

FUNDAMENTOS LEGAIS:

O Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 05 de marzo, que aproba o Texto refundido da lei de facendas locais, e a Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

O Decreto de delegacións da Alcaldía Núm 1251/2015 de data 23 de decembro de 2015, no que se designa a Antonio Lourés Rebolo, concelleiro-delegado da Área de Infraestruturas, que comprende, en particular: Obras municipais e Medio Ambiente.

POLO PRESENTE RESOLVO:

1º.- Aprobar as bases reguladoras de subvencións dirixidas as entidades medio ambientais para o ano 2016 que deseguido se reflicten:

BASES REGULADORAS DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS ÁS ENTIDADES MEDIO AMBIENTAIS PARA O ANO 2016

Dentro do labor de fomento e apoio ás iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que ten atribuído o Concello das Pontes de García Rodríguez, convócanse as presentes axudas na área de Medio ambiente para o período que vai comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016.

1.- FINALIDADE E OBXECTO

O Concello das Pontes de García Rodríguez quere pola presente convocatoria dar apoio ás entidades medio ambientais e contribuír para que acaden os obxectivos que lles son propios, a fomentar a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación, contribuíndo deste xeito a impulsar a democratización da sociedade.

As subvencións ás entidades medio ambientais irán destinadas a actividades medio ambientais e infraestruturas e equipamento. Os gastos en infraestrutura e equipamento só serán subvencionables ata un máximo dun 25% da subvención concedida.

Destinaranse 3.000,00 € ás subvencións para actividades medio ambientais con cargo á aplicación orzamentaria 2016.0.172.14890 e 1.000,00 € para infraestrutura e equipamento con cargo á aplicación orzamentaria 2016.0.172.17800.

2.- RÉXIME XURÍDICO

Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Lei 5/1997, do 22 de xullo de administración local de Galicia.

Real D.L. 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais.

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Bases de execución do orzamento para o ano 2016.

3.- SOLICITANTES.

Poderán optar aos programas contidos na presente convocatoria as entidades que cumpran os seguintes requisitos:

- Estar legalmente constituídas.

- Estar inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia, e no Rexistro de Asociacións do Concello das Pontes.

- Carecer de fins de lucro.

- Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial do Concello ou sobre temas de interese para o Concello.

- Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

- Estar ao día nas súas obrigas tributarias ca Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello, e nas súas obrigas legais co persoal que preste servizos para as entidades solicitantes.

4.- CONDICIÓNS E OBRIGAS.

- A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva.

- As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a facer constar a colaboración e patrocinio prestado polo Concello das Pontes de García Rodríguez en toda a información (impresa, informática e audiovisual) que se faga das actividades ou investimentos subvencionados e na súa páxina web.

- Con carácter xeral a subvención solicitada nunca superará o 100 % do presuposto estimativo de gastos presentados e posteriormente xustificados.

5.- DOCUMENTACIÓN

As solicitudes formularanse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro Xeral do Concello ou na Sección de Medio Ambiente.

Achegarase tamén a seguinte documentación:

5.1.- DOCUMENTACIÓN XERAL DA ENTIDADE

A.- Fotocopia compulsada da tarxeta do CIF da entidade e do NIF do representante. No caso da achega do CIF da entidade por parte das delegacións ou agrupacións locais, deberá acreditarse que contan coa autorización correspondente.

B.- Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade adaptados á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo.

C.- Certificación orixinal dos datos bancarios da entidade, segundo o modelo aprobado polo Concello.

D.- Certificación orixinal acreditativa do acordo de solicitude e do nomeamento do representante para as súas relacións co Concello.

E.- Certificación do número de socios en activo a data 1/01/2016.

F.-Declaración de estar ao corrente das súas obrigas coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello, e nas súas obrigas legais co persoal que preste servizos para as entidades solicitantes o cal non terá ningunha clase de vínculo nin relación laboral co Concello das Pontes

G.- Declaración do representante de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

H.- Autorización para que o Concello poida obter as certificacións acreditativas de que a entidade está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar os pagamentos das subvencións.

No caso de non dar esta autorización, a entidade deberá presentar as acreditacións con anterioridade ao pagamento.

De conformidade co art. 35.f) da Lei 30/1992, se os documentos solicitados nos apartados A, B, e C, anteriores están en poder do Concello, o solicitante non terá que remitilos outra vez, pero terá que sinalar a data e a dependencia na que se presentaran anteriormente.

5.2.- DOCUMENTACIÓN ESPECÍFICA DA SUBVENCIÓN EN FUNCIÓN DA TIPOLOXÍA DA ENTIDADE.

I.- Memoria explicativa da/s actividade/s para as que se solicita a subvención; a memoria deberá facer mención ás persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda, o calendario fixado e antigüidade da mesma (anualidades que se leva realizando a actividade)

J.-Enumeración das actividades medio ambientais relevantes realizadas pola entidade nos últimos tres anos.

K.- Orzamento estimado dos gastos, e previsión de ingresos correspondentes para os ditos gastos

L.- Importe da subvención solicitada e declaración doutras subvencións solicitadas para a mesma finalidade.

Acompañaranse así mesmo, o compromiso da entidade respecto do seguinte:

A documentación que se entregue en fotocopia ha de vir compulsada.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base 4 deberase solucionar no prazo de dez días dende a recepción do requirimento.

6.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.

6.1.- As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez ou en calquera outros rexistros públicos aos que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.2.- O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte á publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e terá unha duración máxima de dez días.

Estas peticións tramítanse de acordo coas presentes bases.

7.- RESOLUCIÓN DOS PROGRAMAS.

A concesión das subvencións realizarase, mediante réxime de concorrencia competitiva, por resolución da Alcaldía. A Comisión Avaliadora previo informe do Servizo correspondente de Medio Ambiente puntuará as solicitudes presentadas que serán recollidas nunha acta, e levará a proposta obtida ao alcalde, que incluirá as puntuacións outorgadas, as actividades subvencionadas e o importe económico da subvención concedida a cada entidade.

A comisión avaliadora estará composta polos seguintes membros:

Presidente: alcalde ou concelleiro/a en quen delegue.

Vogais: dous/dúas concelleiros/as e dous/dúas traballadores/as municipais nomeados polo alcalde.

Na comisión actuará como secretario/a, sen voto, o secretario da corporación ou funcionario en quen delegue.

7.1.- Valoración das solicitudes.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

- Adecuación do programa ou actividades ao contexto e programación medio ambiental do Concello: ata 30 puntos.

- Contenido medio ambiental do programa ou actividade e o seu interese: ata 20 puntos.

- Beneficiarios directa e indirectamente polas actividades: ata 20 puntos.

- Carácter continuo e non ocasional das actividades: ata 10 puntos.

- Número de actividades relevantes acreditadas durante os tres últimos anos: ata 10 puntos.

- Esforzo económico da asociación para a realización das actividades e procura de financiamento alternativa: ata 5 puntos.

- Número de socios da entidade: ata 5 puntos.

7.2.- Notificación e publicidade da resolución.

A resolución de concesión deberá notificarse expresamente a todos os solicitantes de forma fidedigna, publicando no Boletín Oficial da Provincia as subvencións concedidas no exercicio anterior.

Contra o rexeitamento expreso ou presunto das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.

7.3.- Reformulación de solicitudes.

Unha vez notificada a resolución de concesión, a reformulación de solicitudes a que se refire o artigo 27 da Lei xeral de subvencións e o artigo 61 do seu regulamento de desenvolvemento, será automática, de tal modo que se o importe da subvención outorgada é inferior ao solicitado polo beneficiario, o presuposto subvencionado que debe ser obxecto de xustificación posterior reducirase proporcionalmente.

7.4.- Modificación de concepto.

Unha vez notificada a resolución de concesión, despois de solicitude razoada do beneficiario da subvención, poderá autorizarse a reformulación da solicitude inicial, mediante o cambio dos obxectivos ou conceptos concretos que se detallan na memoria ou presuposto da solicitude, sempre que se manteña a finalidade da subvención.

Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución da Xunta de Goberno Local, despois da proposta previa da Comisión Avaliadora.

8.- XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO.

8.1.- Pagamento.

As subvencións aboaranse do seguinte xeito: o 80 % no momento da concesión e o 20 % restante trala xustificación dos gastos.

Para o cobro da subvención as entidades deberán estar ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello das Pontes de García Rodríguez, situación que determinará de oficio o concello, a través do Servizo Municipal de Recadación.

Así mesmo, as entidades deberán acreditar que están ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

As certificacións acreditativas desta situación poderán ser solicitadas polo concello no caso de ter autorización outorgada pola entidade.

8.2.- Prazo de xustificación

O prazo para a xustificación das subvencións finalizará o día 30 de novembro de 2016, se ben antes de finalizar o prazo, poderá ampliarse por solicitude do interesado ou por proposta razoada da unidade xestora, ata o 31 de xaneiro de 2017.

Se non se presenta a xustificación dentro de prazo (inicial ou prorrogado), será requirido ao beneficiario para a súa presentación (art.70 do Regulamento de subvencións). A falta de presentación no prazo de 15 días dende o requirimento, dará lugar a que por resolución da Alcaldía se inicie expediente de anulación do correspondente compromiso. A resolución final notificaráselle á entidade e á Intervención municipal para o seu reflexo contable.

A data límite para a xustificación rematará o 31 de xaneiro de 2017.

8.3.- Consideracións xerais

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos aprobados no presuposto inicial, e con carácter xeral non se admitirán como xustificantes facturas de bebidas alcohólicas, tabaco ou calquera outro produto considerado lesivo para a saúde.

O presuposto subvencionado a xustificar será o importe total da subvención concedida.

No caso de ter outras subvencións ou ingresos propios para o mesmo obxecto que, en concorrencia coa subvención do Concello, teñan un importe superior á cantidade resultante do cálculo anterior, o presuposto subvencionado a xustificar será a suma das subvencións e ingresos.

O gasto xustificado documentalmente deberá acadar polo menos, o importe do presuposto subvencionado.

8.3.1.- Considerase gasto realizado aquel que foi efectivamente pagado con anterioridade ao remate do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

8.3.2.- O importe das subvencións concedidas, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións públicas ou entidades privadas, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

8.3.3.- Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións doutras administracións públicas ou entidades privadas, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

8.3.4.- As entidades beneficiarias das subvencións municipais deben utilizar, con carácter xeral, formas de pago a terceiros que poidan acreditarse mediante un documento expedido por Entidade financeira no que quede identificado o beneficiario, o importe e a data de pago (cartóns bancarios de crédito ou débito, talóns nominativos, transferencias bancarias, cheques, etc), e só excepcionalmente poderá utilizar o pago en metálico cando non sexa posible outra forma alternativa (peaxe de autoestrada, billetes de aparcadoiro, etc). O incumprimento desta disposición implicará que o devandito gasto se considere 'non subvencionable' de conformidade cos artigos 72.2, 75.2 e 89 do Regulamento de subvencións en relación cos artigos 31.2 e 37 da Lei Xeral de subvencións sempre que devadito gasto non supere o importe de 300 €'.

8.3.5.- O beneficiario deberá someterse aos procedementos de control ou auditoría que se realicen pola Intervención municipal, polos seus propios medios ou a través de empresas colaboradoras, e tamén, na condición de contratante, aos procedementos de control que poida realizar o Consello de Contas de Galicia, o Tribunal de Contas ou calquera outro órgano de control interno ou externo, nacional ou europeo. E como resultado dos ditos procedementos, poderá esixirse responsabilidade administrativa, consonte ao previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e de ser o caso, responsabilidade penal, de conformidade co Código Penal.

8.4- Gastos subvencionables.

Consideraranse gastos subvencionables, aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, e se realicen no prazo establecido pola convocatoria. En ningún caso o seu custo poderá ser superior ao valor de mercado.

8.4.1.- Os gastos derivados da organización e realización das actividades subvencionadas; o material funxible non inventariable relacionado directamente coas actividades subvencionadas.

8.4.2.- Os gastos de infraestruturas e equipamento derivados da organización e realización das actividades subvencionadas (só serán subvencionables ata un máximo dun 25% da subvención concedida).

8.4.3.- Seguros de responsabilidade civil e accidentes, cos pertinentes certificados e facturas.

8.4.4.- Retribucións a persoal técnico e dos monitores que teñan relación laboral ou de arrendamento e servizos coa entidade, acreditaranse mediante facturas ou nóminas, só se admitirá minuta cando reflicta a correspondente retención do IRPF, e a repercusión do IVE.

8.4.5.- Os gastos correspondentes a voluntarios ou monitores que colaboren coa entidade ou asociación impartindo algunha actividade, curso, etc, de forma esporádica, dereitos de arbitraxe, conferenciantes, poderán xustificarse presentando un recibo ou minuta que contará cos seguintes datos:

- Nome, CIF e enderezo da entidade.

- Nome e apelidos do monitor, ou seu NIF e enderezo.

- A cantidade que recibe e correspondente retención de IRPF.

- O concepto polo que se paga (actividade, cursiño, etc.).

- Datas nas que se impartiu a actividade, curso...

- Lugar e data da emisión do recibo.

- Sinatura do monitor ou voluntario.

Xunto con esta documentación acompañarase:

- Certificado do secretario/a da entidade declarando que o perceptor e persoa allea á mesma

- Declaración xurada do perceptor conforme a cantidade recibida é en concepto de gratificación pola súa colaboración

8.4.6.- Premios en metálico, que terán a correspondente retención de IRPF cando superen os 300 €. O xustificante do pago do premio contará cos seguintes datos:

- Bases ou cartel no que consten os premios en metálico a outorgar.

- Nome, CIF e enderezo da entidade.

- Nome e apelidos do premiado, o seu NIF e enderezo.

- A cantidade que recibe en concepto de premio e o correspondente retención de IRPF se é necesario.

- O concepto polo que se recibe o premio (competición, etc.).

- Datas na que se desenvolveu o concurso

- Lugar e data da emisión do premio.

- Sinatura do premiado.

8.4.7.- Gastos de mantemento (aluguer, luz, auga, teléfono, consumibles, oficina).

8.4.8.- Axudas de custo por desprazamento relacionada coa actividade subvencionada. No caso de xustificar con axudas de custo, deberá achegarse ticket xustificativo do gasto efectuado en caso de desprazamento por autoestrada e factura a nome do/a perceptor/a da indemnización no caso de manutención. En todo caso estarase ao disposto no artigo 9 do R.D. 439/2007, do 27 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas en canto ás contías máximas excluídas de gravame. O concello facilitará un modelo de axudas de custo para que sexa cuberto e entregado coa conta xustificativa.

8.5.- Documentación xustificativa.

Para o cobro da subvención as entidades deberán presentar unha CONTA XUSTIFICATIVA SIMPLIFICADA, mediante a achega da seguinte documentación:

A.- Unha memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención con indicación das actividades realizadas, dos beneficiarios e dos resultados obtidos.

B.- Unha relación clasificada dos gastos realizados, asinada polo/a secretario/a da entidade, co visto e prace do seu/súa presidente,/a e con identificación dos acredores (nome da empresa e CIF ou, de ser o caso, nome, apelidos completos e NIF), dos conceptos de gasto (nº de factura ou documento equivalente, importe e data de emisión), e data de pagamento.

C.- As facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente, incorporados na relación clasificada de gastos.

As facturas serán compulsadas polo órgano xestor da subvención e devoltas aos/ás interesados/as, deixando constancia de que foron utilizadas como xustificante da subvención concedida, mediante a impresión nas mesmas dunha dilixencia ou cuño no que se especifique a súa utilización para a xustificación da subvención correspondente e do importe subvencionado.

Só excepcionalmente se admitirán tickets por importe inferior a 150 €, nos que consten os datos do expendedor (nome da empresa e CIF), e os do/a cliente/a (entidade e CIF), sempre que se trate dalgúns dos supostos contemplados no artigo 4 do regulamento polo que se establecen as obrigas de facturación (R.D. 1496/2003): vendas polo miúdo, vendas ou servizos ambulantes, transportes de persoas, servizos de hostalería e restauración prestados por restaurantes, bares, cafeterías, e establecementos similares, así como a subministración de bebidas o comidas para consumir no acto, utilización de instalacións deportivas, peaxes, aparcamentos, etc.'

D.- Unha certificación expedida polo/a secretario/a da entidade, co visto e prace do seu/súa presidente/a, na que se faga constar que o gasto foi reflectido, na forma preceptiva, no libro de contabilidade da entidade, segundo o disposto no art. 14.1 da Lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións.

E.- Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións obtidas doutras Administracións públicas ou entidades privadas para o mesmo obxecto, con indicación do seu importe ou procedencia, ou, pola contra, declaración de non ter outras subvencións públicas ou privadas para o mesmo obxecto.

No caso de concorrencia de subvencións públicas que se atopen xustificadas, poderá achegarse certificación da Administración concedente, na que se detallen os conceptos subvencionados e os importes xustificados e período ao que se refiren os gastos.

Así mesmo, no caso de concorrencia de subvencións públicas que se atopen xustificadas, poderá achegarse certificación da Administración concedente, na que se detallen os conceptos subvencionados e os importes xustificados e período ó que se refiren os gastos.

F.- Acreditación gráfica do cumprimento da obriga de facer constar a colaboración do concello en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que se teña feito das actividades ou investimentos subvencionados.

De conformidade co disposto no artigo 14.1f) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11.f) da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios están obrigados a levar libros e rexistros contables e rexistros dilixenciados.

8.6.- Tramitación da xustificación.

Para os efectos de xustificar os gastos entenderase que o gasto está realizado o que foi pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación e coa achega da documentación sinalada na base anterior.

Á vista da documentación xustificativa presentada e despois dos informes da Sección de Medio Ambiente e do Servizo de Fiscalización, o órgano competente valorará o cumprimento das actividades subvencionadas e se a documentación é correcta, procederase ao pagamento da subvención.

No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección.

Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención e pagamento dela, terase en conta o seguinte:

No caso de que se xustifique gasto polo 100% do presuposto subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.

No caso de que se xustifique gasto inferior ao 100% e, polo menos do 50% do presuposto subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.

No caso de que se xustifique gasto inferior ao 50% do presuposto subvencionado, non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, polo que non se aboará cantidade ningunha, sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador correspondente.

O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade.

9.-Réxime sancionador.

Será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.

Disposición adicional primeira.

Con carácter xeral admitiranse fotocopias sempre que veñan compulsadas:

- Diante de notario.

- Polo rexistro xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez.

- Polo rexistro doutros organismos públicos, naqueles casos nos que se presenten os documentos a través doutros organismos públicos que estean autorizados para os efectos de rexistro.

Disposición adicional segunda.

Para o non previsto nesta convocatoria, en especial todo aquilo que fai referencia á posibilidade de levar a cabo un

control financeiro no ano seguinte das subvencións xustificadas e pagadas, serán de aplicación as normas incluídas nas Bases de execución do presuposto xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez para o exercicio de 2016 e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento.

En ningún caso a presente convocatoria xerará dereito ningún a favor dos solicitantes mentres tanto non se dean as condicións presupostarias, procedimentais e xurídicas de aplicación.

Disposición adicional terceira

Os datos da subvención concedida quedarán incorporados ao rexistro público de subvencións, tendo dereito os interesados á protección dos datos de carácter persoal, nos termos previstos na Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección da datos de carácter persoal.

2º.- Aprobar un gasto polos seguintes conceptos, importes e con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

MATERIA

APLICACIÓN PRESUPOSTARIA

IMPORTE (€)

Actividade xeral (medio ambiente)

2016.0.172.14890

3,000.00 €

Infraestrutura e equipamento (medio ambiente)

2016.0.172.17800

1,000.00 €

3º.- Publicar estas bases no Boletín Oficial da Provincia'

As Pontes de García Rodríguez, 08 de setembro de 2016

O concelleiro-delegado da Área de Infraestruturas

Antonio Lourés Rebolo

2016/7454

Medio Ambiente
Empresa
Dependencia
Alquiler de vivienda
Restaurantes
Transporte
Hostelería y hoteles
Deporte
Transporte y vehículos
Hostelería