Bases reguladoras de subvencións dirixidas ás entidades sociais para o ano 2017 - Boletín Oficial de A Coruña de 12-06-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 12/06/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

O concelleiro-delegado da Área de Réxime Local e Recursos Humanos ditou a resolución número 862/2017, do 05 de xuño de 2017, que é do seguinte teor literal:

D E C R E T O

Con data 31 de maio de 2017 redactáronse as bases reguladoras de subvencións dirixidas a entidades sociais para o ano 2017.

Con data 24 de maio de 2017 tramitáronse a proposta de gasto.

Con data 31 de maio de 2017 a traballadora social emite informe favorable relativo ás bases.

Con data 31 de maio de 2017 o interventor accidental emitiu informe favorable núm. 247/2017 relativo ás citadas bases.

FUNDAMENTOS LEGAIS:

O Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 05 de marzo, que aproba o Texto refundido da lei de facendas locais, e a Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

POLO PRESENTE RESOLVO:

1.º.- Aprobar as bases reguladoras de subvencións dirixidas a entidades sociais para o ano 2017 que deseguido se reflicten:

BASES REGULADORAS DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS ÁS ENTIDADES SOCIAIS PARA O ANO 2017

Dentro do labor de fomento e apoio ás iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que ten atribuído o Concello das Pontes de García Rodríguez, convócanse as presentes axudas na área de Benestar Social

Primeiro.- Beneficiarios.

Poderán optar aos programas contidos na presente convocatoria as entidades que cumpran os seguintes requisitos:

- Estar legalmente constituídas.

- Estar inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia e no Rexistro de Asociacións do Concello das Pontes.

- Carecer de fins de lucro.

- Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial do Concello ou sobre temas de interese para o Concello.

- Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

- Estar ao día nas súas obrigas tributarias ca Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello, e nas súas obrigas legais co persoal que preste servizos para as entidades solicitantes.

Segundo.- Obxecto.

O Concello das Pontes de García Rodríguez quere pola presente convocatoria dar apoio ás entidades sociais e contribuír para que acaden os obxectivos que lles son propios, a fomentar a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación, contribuíndo deste xeito a impulsar a democratización da sociedade.

En canto as subvencións as entidades sociais, as accións tendentes a impulsar actividades destinadas a persoas maiores, discapacitados, persoas con algunha adicción, etc, e xeral a inserción na sociedade de colectivos desfavorecidos e o fomento da igualdade.

Terceiro.- Contía.

Destinaranse 120.000,00 € ás subvencións para actividades sociais con cargo á aplicación orzamentaria: 2017.231.48900.

Cuarto.- Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

A solicitude terá exclusivamente formato electrónico e deberá presentarse a través da sede electrónica do Concello: https://sede.aspontes.com/es/index.html. Só se poderá presentar unha solicitude por titular (si se presentan máis, só se valorará a primeira).

O prazo será de DEZ días, contados a partir do día seguinte ao da publicidade do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

As solicitudes cumprimentaranse pola persoa que actúe en nome ou representación da persoa xurídica solicitante, mediante certificado electrónico de algunha das autoridades recoñecidas como emisoras. A este efecto serán válidos, polo tanto, o certificado dixital da persoa xurídica ou ben o certificado dixital da persoa física que represente á entidade

Tamén poderán presentarse por calquera dos medios regulados no art. 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

- Fotocopia da tarxeta do CIF da entidade. (Agás as xa rexistradas no rexistro de entidades do Concello).

- Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade adaptados á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo (agás a xa rexistradas no rexistro de entidades do concello).

- Fotocopia da tarxeta do NIF do representante.

- Certificación dos datos bancarios da entidade, segundo modelo dispoñible na sede electrónica : https://sede.aspontes.com/gl/procedimientosytramites/tramites/solicitudgeneral

- Declaración xurada do beneficiario ou o seu representante das subvencións solicitadas para a mesma finalidade ou de non ter solicitadas subvencións para a mesma finalidade.

- Certificación acreditativa do acordo de solicitude e do nomeamento do representante para as súas relacións co Concello.

- Certificación do número de socios en activo a data 01/01/2017.

- Certificación na que a entidade se compromete a facer constar a colaboración do Concello das Pontes en toda a información que realice do desenvolvemento das actividades.

- Declaración do representante, na que conste que a entidade está ao corrente das súas obrigas coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello.

- Declaración do representante, de non estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.

- Declaración xurada do beneficiario ou o seu representante das subvencións solicitadas para a mesma finalidade ou de non ter solicitadas subvencións para a mesma finalidade.

- Certificación acreditativa do acordo de solicitude e do nomeamento do representante para as súas relacións co Concello.

- Autorización para que o Concello poida obter as certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social nas que se acredite que a entidade está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Documentación específica en función da tipoloxía da entidade

- Memoria explicativa da/s actividade/s para as que se solicita a subvención; a memoria deberá facer mención ás persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda, o calendario fixado e antigüidade da mesma (anualidades que se leva realizando a actividade)

- Enumeración das actividades sociais relevantes realizadas pola entidade nos últimos tres anos.

- Orzamento estimado dos gastos, e previsión de ingresos correspondentes para os ditos gastos

- Importe da subvención solicitada e declaración doutras subvencións solicitadas para a mesma finalidade.

Coa finalidade de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos ou expertos.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base deberá ser emendado no prazo de dez días dende a recepción do requirimento.

Quinto.- Criterios de valoración.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

* Adecuación das actividades aos programas de servizos sociais municipais: ata 30 puntos.

* Fomento da integración de discapacitados e atención a persoas en risco de exclusión social: ata 30 puntos

* Atención ás persoas con algún tipo de adicción, e actividades que fomenten a prevención a través de persoal cualificado: ata 40 puntos.

Sexto.- Procedemento de concesión.

O réxime aplicable á subvención é o de concorrencia competitiva. A concesión da subvención realizarase mediante resolución do concelleiro delegado, a proposta motivada da comisión avaliadora que requirirá informe do servizo de Servizos Sociais (órgano instrutor do expediente) no que figure que da información que consta no seu poder, derívase que os beneficiarios reúnen todos os requisitos necesarios para acceder á subvención. A comisión avaliadora realizará a comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de acordo cos criterios sinalados no artigo anterior, propoñendo a adxudicación da subvención a aquelas que tiveran maior valoración, sen exceder, en ningún caso, o importe da dotación orzamentaria fixada nestas bases. A comisión avaliadora redactará unha acta puntuando as solicitudes de acordo cos criterios enumerados nas bases e propoñendo un importe a subvencionar.

A comisión avaliadora estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o concelleiro de deportes e xuventude ou persoa en quen delegue.

Vogais: dous concelleiros/as designado/as polo alcalde, e dous traballadores municipais.

Na comisión desenvolverá as funcións de secretaría, sen voto, persoal da unidade administrativa á que lle corresponda a súa tramitación.

Será preceptivo informe previo do servizo de Intervención sobre a existencia de crédito dispoñible, adecuado e suficiente así como o de fiscalización previa do gasto e das solicitudes.

Sétimo.- Resolución e notificación.

A resolución deberá conter a relación de solicitantes que resulten beneficiarios e o importe concedido, e a desestimación do resto de solicitudes. Contra a desestimación expresa ou presunta das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.

O acordo definitivo que outorga ou denega a subvención será notificado aos solicitantes.

Reformulación de concepto e modificación de concepto

Reformulación de solicitudes

Unha vez notificada a resolución de concesión, a reformulación de solicitudes a que se refire o artigo 27 da Lei xeral de subvencións e o artigo 61 do seu regulamento de desenvolvemento, será automática, de tal modo que se o importe da subvención outorgada é inferior ao solicitado polo beneficiario, o presuposto subvencionado que debe ser obxecto de xustificación posterior reducirase proporcionalmente.

Modificación de concepto

Unha vez notificada a resolución de concesión, despois de solicitude razoada do beneficiario da subvención, poderá autorizarse a reformulación da solicitude inicial, mediante o cambio dos obxectivos ou conceptos concretos que se detallan na memoria ou presuposto da solicitude, sempre que se manteña a finalidade da subvención.

Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución despois da proposta previa da Comisión Avaliadora.

Oitavo.- Prazo de xustificación.

O prazo de xustificación finaliza o 30 de novembro de 2017, se ben antes de finalizar o prazo, poderá ampliarse por solicitude do interesado ou por proposta razoada da unidade xestora.

Se non se presenta a xustificación dentro de prazo (inicial ou prorrogado), será requirido ao beneficiario para a súa presentación (art. 70 do Regulamento de subvencións). A falta de presentación no prazo de 15 días dende o requirimento, dará lugar a que por resolución do concelleiro de deportes se inicie expediente de anulación do correspondente compromiso. A resolución final notificaráselle á entidade e á Intervención municipal para o seu reflexo contable.

En calquera caso, a data límite para a xustificación non poderá exceder da fixada nas bases de execución do presuposto xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez para o exercicio 2017.

Noveno.- Forma de xustificación.

O importe da subvención está vinculado ao orzamento total da actividade ou proxecto, subvencionado. O beneficiario deberá xustificar que realizou a actividade ou proxecto de que se trate, nos termos da memoria presentada ou, no seu caso, da reformulación realizada.

Haberá que xustificarse a totalidade do gasto orzamentado aprobado na resolución declarativa da subvención, que será o indicado no seu día no orzamento presentado coa solicitude, ou no seu caso, no orzamento reformulado.

Cando o importe xustificado sexa inferior ou superior ao presentado na solicitude de subvención, so se aceptarán desviacións de financiamento debidamente xustificadas.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos aprobados no orzamento inicial.

Considerase gasto realizado aquel que foi efectivamente pagado con anterioridade ao remate do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

Deberá xustificarse tanto o 100% da subvención concedida polo Concello de As Pontes coma o importe obtido por outros ingresos e/ou subvencións que financiaran a actividade subvencionada para o que entregarán relación con indicación do importe e a súa procedencia.

Sistema de xustificación

A xustificación terá exclusivamente formato electrónico e deberá presentarse a través da Sede Electrónica do Concello, https://sede.aspontes.com/es/index.html

En xeral, a xustificación efectuarase mediante a presentación pola persoa ou entidade beneficiaria dunha conta xustificativa simplificada, segundo se describe a continuación.

A conta xustificativa incluirá:

a) A memoria das actividades levadas a cabo para a execución do programa.

b) Unha relación clasificada de ingresos e gastos, asinada polo secretario e o presidente (ou representante) da entidade correspondente á execución do programa.

A relación clasificada de ingresos conterá unha relación individualizada de todas as achegas recibidas, así como dos ingresos obtidos por publicidade, patrocinio, etc., co importe total calculado; no caso das achegas de empresas, anuncios na relación deberá constar o nome da empresa e CIF, ou no seu caso, nome, apelidos completos en abreviaturas e NIF.

A relación clasificada de gastos conterá unha relación individualizada con indicación do concepto de gasto subvencionado, acredores (nome da empresa e CIF, ou de ser o caso, nome, apelidos completos en abreviaturas e NIF), dos tipos de documentos (n.º de factura ou documento equivalente, importe, data completa de emisión e data de pago).

c) Facturas ou documentos con valor probatorio equivalente que se presentarán electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso as copias dixitalizadas presentadas garantizarán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotejo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/207, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Deberá acompañarse xustificante bancario no que deben constar o número de factura, obxecto de pago, identificación da persoa pagadora e a destinataria do pago, que deberá coincidir con quen expide a factura.

As entidades beneficiarias das subvencións municipais deben utilizar, formas de pago a terceiros que poidan ser acreditadas mediante documento expedido por unha entidade financeira (transferencia bancaria, tarxetas de débito ou crédito, cheque ou talón nominativo, etc.) no que quede identificado o beneficiario, excepcionalmente poderase realizar o pagamento en metálico para gastos de ata 300 € nos que non resulte posible a utilización dun dos medios anteriormente indicados.

Toda a documentación deberá presentarse en formato PDF (o máximo do total dos arquivos presentados por cada rexistro telemático será de 15MB).

Unicamente serán gastos subvencionables os que respondan de maneira indubidable á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido e que ademais estean efectivamente pagados con anterioridade ao vencemento do prazo da xustificación da subvención. Aos efectos da consideración de subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando que de xustificado o pago mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

d) Acreditación gráfica do cumprimento da obriga de facer constar a colaboración do concello en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que se teña feito das actividades ou investimentos subvencionados.

Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables:

- Os gastos derivados da organización e realización das actividades subvencionadas; o material funxible non inventariable relacionado directamente coas actividades subvencionadas.

- Seguros de responsabilidade civil e accidentes, cos pertinentes certificados e facturas.

- Retribucións a persoal técnico e dos monitores que teñan relación laboral ou de arrendamento e servizos coa entidade, acreditaranse mediante facturas ou nóminas, só se admitirá minuta cando reflicta a correspondente retención do IRPF, e a repercusión do IVE.

- Os gastos correspondentes a voluntarios ou monitores que colaboren coa entidade ou asociación impartindo algunha actividade, curso, etc, de forma esporádica, dereitos de arbitraxe, conferenciantes, poderán xustificarse presentando un recibo ou minuta que contará cos seguintes datos:

- Nome, CIF e enderezo da entidade.

- Nome e apelidos do monitor, ou seu NIF e enderezo.

- A cantidade que recibe e correspondente retención de IRPF.

- O concepto polo que se paga (actividade, cursiño, etc.).

- Datas nas que se impartiu a actividade, curso...

- Lugar e data da emisión do recibo.

- Sinatura do monitor ou voluntario.

Xunto con esta documentación acompañarase:

- Certificado do secretario/a da entidade declarando que o perceptor e persoa allea á mesma

- Declaración xurada do perceptor conforme a cantidade recibida é en concepto de gratificación pola súa colaboración

- Premios en metálico, que terán a correspondente retención de IRPF cando superen os 300 € . O xustificante do pago do premio contará cos seguintes datos:

- Bases ou cartel no que consten os premios en metálico a outorgar.

- Nome, CIF e enderezo da entidade.

- Nome e apelidos do premiado, o seu NIF e enderezo.

- A cantidade que recibe en concepto de premio e o correspondente retención de IRPF se é necesario.

- O concepto polo que se recibe o premio.

- Datas na que se desenvolveu o concurso

- Lugar e data da emisión do premio.

- Sinatura do premiado.

- Gastos de mantemento (aluguer, luz, auga, teléfono, consumibles, oficina).

- Axudas de custo por desprazamento relacionada coa actividade subvencionada. No caso de xustificar con axudas de custo, deberá achegarse ticket xustificativo do gasto efectuado en caso de desprazamento por autoestrada e factura a nome do/a perceptor/a da indemnización no caso de manutención. En todo caso estarase ao disposto no artigo 9 do R.D. 439/2007, do 27 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas en canto ás contías máximas excluídas de gravame. O concello facilitará un modelo de axudas de custo para que sexa cuberto e entregado coa conta xustificativa.

Falta de xustificación ou xustificación insuficiente

Vencido o prazo de xustificación, ou de ser o caso da prórroga, sen que a entidade presentara a documentación xustificativa, o departamento de cultura requirirá para que a presente no prazo improrrogable de quince días. A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e demais responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección. Pasado o dito prazo iniciarase o procedemento de reintegro, xunto ao interese de mora, nos termos establecidos no apartado 1 do artigo 37 da Lei xeral de subvencións.

No caso de non ter xustificada a subvención correctamente en forma e prazo estipulados, a entidade non poderá participar na convocatoria de convenio do ano 2018.

Décimo.- Forma de pago.

O aboamento da subvención efectuarase do seguinte xeito: 80% do importe da subvención mediante pago por anticipado. O 20% restante pagarase cando sexan xustificada a subvención. Deberase constituír unha garantía polo importe anticipado incrementado nun 20%, exonerados de garantías os beneficiarios de subvenciones concedidas por importe inferior a 3.000 € segundo o art 42.2 do regulamento da lei de subvencións.

A subvención concedida será aboada mediante transferencia bancaria á conta corrente da entidade que figure no certificado de datos bancarios entregado coa documentación de solicitude.

O aboamento da subvención non se levará a cabo se a entidade beneficiaria tivese pendente xustificar algunha subvención cuxo prazo de xustificación xa finalizara. Tampouco se procederá ao aboamento se a entidade non reintegrara algunha subvención anterior cando así se lle requirira.

Para o cobramento da subvención a entidade deberá estar ao corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Tributaria, Seguridade Social e o Concello das Pontes, situación esta última que determinará de oficio o propio Concello, a través do Servizo de Recadación.

Décimo primeiro.- Compatibilidade con outras axudas.

Esta subvención é compatible con outras axudas, de entidades públicas ou privadas. En ningún caso o importe da subvención municipal poderá ser de tal contía que, en concorrencia con outros ingresos, subvencións ou axudas, supere o custo da actividade xustificada polo beneficiario.

Décimo segundo.- Publicidade da subvención por parte do beneficiario.

Á entidade solicitante que se lle conceda a subvención, deberá facer público este financiamento municipal, incluíndo o escudo do Concello en toda a publicidade que se xere (carteis, folletos, follas informativas...) nos medios electrónicos ou audiovisuais e nos anuncios que poida publicar nos medios de comunicación escritos.

Disposición adicional primeira

Para o non previsto nestas bases será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, así como as normas incluídas nas bases de execución do orzamento xeral do Concello para o ano 2017.

2.º.- Aprobar un gasto polos seguintes concepto, importe e con cargo á seguinte partida orzamentaria:

MATERIA

APLICACIÓN PRESUPOSTARIA

IMPORTE (€ )

Actividade xeral (servizos sociais)

2017.231.48900

120.000,00 €

3.º.- Publicar estas bases no Boletín Oficial da Provincia .

As Pontes de García Rodríguez, 07 de xuño de 2017

O concelleiro-delegado da Área de Réxime Interno e Recursos Humanos

José Alén Álvarez

2017/4924

Discapacidad
Servicios Sociales
Actividades de servicios sociales
Deporte
Deporte
Empresa
Bienestar social
Tercera edad
Inclusión social
Alquiler de vivienda
Cultura
Medios de comunicación