BASES DE SUBVENCIÓNS DE APOIO Á CULTURA PARA ACTIVIDADES E INVESTIMENTOS ANO 2015 - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno desta Deputación, na súa sesión ordinaria do 19 de decembro de 2014, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

BASES DE SUBVENCIÓNS DE APOIO Á CULTURA, DIRIXIDAS A ENTIDADES

PARA ACTIVIDADES E INVESTIMENTOS. ANO 2015

A Deputación establece as bases reguladoras de concesión de subvencións públicas destinadas a promover e fomentar actividades culturais, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia.

1. Obxecto

A Deputación de Pontevedra concederá subvencións para promover, fomentar e difundir as actividades culturais que organicen as persoas físicas e xurídicas sen fin de lucro no seu ámbito territorial e, excepcionalmente, fóra deste, cando teñan relevancia para os intereses provinciais, durante o exercicio actual, así como as destinadas a recuperar e conservar o patrimonio provincial. Serán prioritarias nesta convocatoria as accións tendentes a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais para que acaden os obxectivos que lles son propios, contribuíndo deste xeito á modernización e recuperación da nosa cultura, así como as tendentes a xerar beneficios no seu contorno.

A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015, convocándose con cargo ó Orzamento da Deputación para o ano 2015 as subvencións que a continuación se detallan:

Materia

Programa

Aplicación orzamentaria

Cultura

A/15

Actividades culturais

15/330.3340.489.05

B/15

a. Instrumentos

b. Vestiario

15/330.3340.789.00

C/15

Infraestrutura

15/330.3340.789.04

O programa A/15, de actividades culturais, diríxese a entidades culturais da nosa provincia para o financiamento de concursos literarios, periodísticos, festivais folclóricos, intercambios culturais, certames, exposicións e outros.

O programa B/15, de instrumentos ou vestiario, diríxese a financiar os grupos e as asociacións musicais da nosa provincia para a adquisición, a recuperación e o arranxo de instrumental ou vestiario propio, debendo indicar na solicitude unicamente un dos conceptos, ou ben instrumentos ou ben vestiario.

O programa C/15, de infraestrutura, diríxese ó financiamento para a construción ou a rehabilitación de centros culturais ou restauración de monumentos, entre outros.

Quedan excluídos desta convocatoria e, polo tanto non serán obxecto de subvención, as seguintes actividades e investimentos:

- As actividades ou investimentos subvencionados, no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación e as asociacións de veciños que soliciten subvención polo PAC

- Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ó longo de todo o ano

- As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares

- A edición de libros, revistas, a gravación de CD, os obradoiros e os cursos

- Os gastos gastronómicos, agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

2. Beneficiarios

Poderán solicitar estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

Carecer de fins de lucro (acreditándoo cunha declaración responsable do representante)

Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra deste cando versen sobre temas de interese para a provincia

Non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas.

Estar ó corrente coas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica

Non poderán ser beneficiarios destas subvencións as ANPAS nin as asociacións que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.

3. Solicitudes e documentación

Os interesados poderán presentar unha única solicitude por cada programa. Por cada solicitude que realicen deben presentar os expedientes completos.

As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación, no da súa sede de Vigo, no Servizo de Cultura ou na páxina web da Deputación (www.depo.es), achegando ademais a seguinte documentación:

- Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade, actualizada (coa sinatura dixital)

- Fotocopia cotexada do DNI do representante legal

- Memoria explicativa dunha actividade concreta ou do investimento a que se realizará, asinada polo representante. No caso das actividades culturais xerais deben indicar unha única actividade. En ningún caso se subvencionan as actividades que se realizan ó longo de todo o ano, debe ser unha actividade concreta, que se terá que indicar o lugar e a data de realización

- Orzamento detallado e totalizado (incluíndo as cantidades, os prezos unitarios e o IVE detallado) dunha actividade concreta e determinada ou, no seu caso, do investimento a realizar, asinado polo representante

A entidade terá que solicitar, cando menos, tres ofertas de distintos provedores no caso de que o gasto sexa superior a 50.000,00 euros, para realizar obras, ou superior a 18.000,00 euros para adquirir equipamento

- No caso de obras ou investimentos, a acreditación da titularidade ou, no seu caso, a cesión de uso do ben para o que se solicita a subvención. Non se admitirán os arrendamentos nin a cesión de uso por persoas físicas particulares

- Cando se trate de obras de reforma ou ampliación de instalacións e edificiacións xa existentes deberán presentar fotografías e planos da situación actual

- O beneficiario deberá acreditar, no momento da solicitude, a obligatoriedade ou non de obter licenzas, autorizacións ou permisos

- No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, o beneficiario deberá destinar os bens ó fin concreto para o que se lle concedeu a subvención, durante un período non inferior a dez anos no caso de bens inscribibles nun rexistro público, nin a cinco para o resto dos bens. (art. 31.4 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións LXS)

- Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade ou o investimento para subvencionar

- Declaración de que a entidade non está incursa en causas de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas e de aceptar as bases da convocatoria

- Certificación ou declaración responsable de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica

- Declaración do número de socios da entidade

- Certificación orixinal dos datos bancarios ou copia cotexada co nome da entidade peticionaria

As entidades poderán autorizar a Deputación para solicitar as certificacións de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Facenda autonómica.

En caso de non reunir a solicitude os datos esixidos ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámites.

Naqueles casos nos que, despois de requirirlle documentación, sigan sen completala, arquivarase a solicitude sen máis trámites.

4. Lugar e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse no Rexistro xeral desta institución de luns a sábado, no da súa sede de Vigo de luns a venres ou a través de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 2 de febreiro de 2015.

5. Valoración e concesión

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a adxudicación das subvencións os seguintes criterios:

1. Difusión da actividade: de ámbito local, provincial, nacional, internacional, ata 15 puntos

2. Número de persoas que participan e se benefician da actividade, ata 15 puntos

3. Número de socios da asociación, ata 10 puntos

4. Orzamento total da actividade ou investimento e porcentaxe solicitada de financiamento, ata 30 puntos

5. Adecuación das actividades ou investimentos ó interese provincial, ata 30 puntos

A concesión destas subvencións é compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, tendo en conta que o conxunto de todas elas en ningún caso poderá superar o 100 % do custo da actividade ou investimento que desenvolva o beneficiario.

6. Procedemento de concesión

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe do Servizo de Cultura, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no artigo 24 da LXS.

As solicitudes de subvención para cada un dos programas serán avaliadas conforme ós criterios sinalados anteriormente pola Comisión de valoración, órgano colexiado composto por:

Presidente: a deputada presidenta da Comisión de cultura

Vogais: dous técnicos do Servizo de Cultura

un técnico do Servizo de Intervención

Secretario: actuará como secretario, sen voto, un funcionario do Servizo de Cultura

A Comisión de valoración poderá:

1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver

2. Emitir un informe a respecto das solicitudes de subvención

O procedemento ordinario de concesión das subvencións é o de concorrencia competitiva. Non obstante, ó longo do exercicio orzamentario poderanse resolver aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non puidesen presentarse no prazo sinalado, reservando para estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total destes programas para a súa concesión directa, tal como se establece na base 25.2ª das de execución do vixente Orzamento provincial.

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ó previsto no art. 58 da Lei 30/1992.

Logo de transcorridos seis meses a partir do día seguinte ó que remate o prazo de presentación da solicitude sen notificarse a resolución os interesados estarán lexetimados para entender como desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

7. Modificación da resolución

Tal como se establece no artigo 64 do Regulamento da LXS (R. d. 887/2006, de 21 de xullo), unha vez notificada a resolución de concesión, despois da solicitude razoada, o beneficiario da subvención poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se manteña a finalidade da axuda, que poderá autorizarse sempre que non se danen dereitos de terceiros.

Esta solicitude de modificación deberá presentarse no prazo dun mes desde a notificación da concesión e será obxecto de Resolución da Presidencia, logo da proposta previa da Comisión avaliadora que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

' Se o orzamento da nova actividade ou investimento é superior ou igual ó subvencionado inicialmente, manteranse as condicións da subvención concedida en canto ó importe da subvención e orzamento subvencionado

' Se o orzamento da nova actividade ou investimento é inferior ó subvencionado inicialmente a Comisión avaliadora, logo do informe previo do Servizo de Cultura, deberá determinar o novo importe da subvención e o novo orzamento subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos

8. Xustificación

Unha vez notificada a aprobación das subvencións concedidas e realizada a actividade ou o investimento os beneficiarios deberán xustificalas antes do 31 de marzo de 2016.

Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos establecidos no orzamento inicial e, con carácter xeral, non se admitirán como válidos os xustificantes referidos a alimentos e bebidas.

Para cobrar a subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

a. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, orixinais ou copias cotexadas, polo importe da subvención concedida, indicando en cada factura o número de unidades, os prezos unitarios destas e mais o custo total de cada unidade. Non se admitirán para xustificar as nóminas de persoal propio da entidade.

As facturas presentadas para xustificar as subvencións con data posterior á finalización do prazo de xustificación en ningún caso terán carácter de gasto subvencionable.

b. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de relevo que os gastos que figuran na antedita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontran no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación para o seu exame, tal como se establece na base 25.8ª. 2.c das de execución do vixente Orzamento provincial.

c. Os gastos xustificados deberán axustarse no posible ós conceptos incluídos no orzamento inicial, sen que se aboe máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.

d. Os gastos que figuren na conta xustificativa serán aboados preferiblemente para os beneficiarios antes da presentación da xustificación da subvención pero, en todo caso, deben aboarse no prazo máximo dun mes desde a percepción dos fondos. O gasto non pagado ou pagado fóra deste prazo non se considerará subvencionable.

e. Os beneficiarios das subvencións provinciais deben empregar, con carácter xeral, formas de pagamento a terceiros que poidan acreditarse mediante un documento expedido por unha entidade financeira no que quede identificado o beneficiario, o importe e a data de pagamento (tarxetas bancarias de crédito ou débito, talóns nominativos, transferencias bancarias, etc.), e só excepcionalmente poderá empregarse o pagamento en metálico cando non sexa posible outra forma alternativa. O incumprimento desta disposición para algún gasto implicará que ese gasto se considere non subvencionable, sempre supere o importe de 900,00 euros.

f. No caso de subvencións de execución de obras ou instalacións que superen os 12.000,00 euros poderase esixir un informe previo do técnico provincial correspondente.

g. Declaración de que non se recibiron outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada.

h. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación, situación que determinará de oficio a propia institución.

i. Memoria xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na solicitude de subvención, debidamente asinada, na que se indiquen as actividades ou investimentos realizados e os resultados obtidos.

j. Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da Deputación da actividade ou investimento subvencionado, sendo suficiente a declaración responsable do representante conforme se realizou.

9. Pagamento

Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

- No caso de que se xustifiquen gastos polo 100 % do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención

- No caso de que se xustifiquen gastos inferiores ó 100 % aboarase a parte proporcional da subvención, que non será de aplicación cando esta sexa de importe inferior a 600,00 euros

O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

10. Incumprimento

Logo de vencido o prazo de xustificación sinalado na base oitava ou, no seu caso, o establecido na prórroga sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación xustificativa, o Servizo de Cultura requiriralle que a presente no prazo improrrogable de quince días.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e demais responsabilidades previstas na LXS.

11. Devolución e reintegro

As subvencións concedidas deberán ser devoltas ou reintegradas nos seguintes casos:

a. Por obtelas falseando as condicións requiridas

b. Por non aplicalas ós fins para os que foron concedidas

c. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

12. Órgano de aprobación

De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do Orzamento para o ano 2015 e cumprindo o establecido no artigo 18 da LXS, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

13. Xurisdición aplicable

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou no prazo dun mes, entendéndose como desestimado se transcorre este período de tempo sen contestar; neste caso poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, como se prevé no artigo 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Igualmente, contra esta resolución tamén poderá interpoñerse directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo indicado. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entende desestimado.

14. Dereito supletorio

Para o non disposto nestas bases contemplarase o establecido nas de execución do Orzamento xeral da Deputación do exercicio 2015, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e na demais lexislación de desenvolvemento.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

Cultura
Actividad cultural
Gastronomía
Literatura
Sector del libro
Ampas
Obras de rehabilitación