BASES DE SUBVENCIÓNS PARA CLUBS DEPORTIVOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA SEN ÁNIMO DE LUCRO QUE PARTICIPEN EN COMPETICIÓNS FEDERADAS DE ÁMBITO NACIONAL PARA O ANO 2017 - Boletín Oficial de Pontevedra de 27-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 27/03/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno desta Deputación, na súa sesión ordinaria de 17 de marzo de 2017, acordou, entre outros asuntos, aprobar as seguintes Bases:

BASES DE SUBVENCIÓNS PARA CLUBS DEPORTIVOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA SEN ÁNIMO DE LUCRO QUE PARTICIPEN EN COMPETICIÓNS FEDERADAS DE ÁMBITO NACIONAL PARA O ANO 2017

Entre as competencias atribuídas pola lexislación de réxime local ás deputacións atópase a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social do territorio provincial. O deporte constitúe unha actividade que incrementa a cohesión social, motivo polo cal se considera que o impulso provincial á oferta deportiva e o fomento do tecido asociativo deportivo potencian a práctica do deporte e tamén o desenvolvemento local.

Primeira. Obxecto

Esta convocatoria está destinada a clubs federados da provincia de Pontevedra de ámbito nacional que teñan polo menos un equipo participante na categoría sénior, así como aos clubs que participen na 3.ª división de fútbol, e ten como obxectivo específico apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito nacional convocadas por organismos ou federacións deportivas galegas ou españolas nas modalidades deportivas con implantación na provincia de Pontevedra.

A través destas Bases réxense as subvencións para o apoio a clubs deportivos federados do deporte nacional na temporada 2016-2017 e, no caso dos clubs que participen en competicións de ano natural, da temporada 2017.

Neste ámbito de actuación preténdese colaborar cos axentes sociais comprometidos co obxectivo de fomentar a cohesión do territorio e a igualdade de oportunidades en materia de deportes, con independencia das condicións persoais de cada cidadá ou cidadán e do lugar da provincia onde resida.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria, convocándose con cargo á aplicación 17/340.3410.489.20 do Orzamento da Deputación para o ano 2017 por un importe total de setecentos cincuenta mil (750.000,00) euros, repartidos da seguinte maneira:

- Atletismo: 24.500 ¬

- Bádminton: 13.000 ¬

- Baloncesto: 125.000 ¬

- Balonmán: 205.500 ¬

- Béisbol: 7.000 ¬

- Ciclismo: 80.000 ¬

- Fútbol: 136.000 ¬

- Fútbol sala: 26.000 ¬

- Rugby: 16.500 ¬

- Tenis de mesa: 17.500 ¬

- Voleibol: 33.000 ¬

- Outras modalidades: 66.000 ¬

Non obstante, a Comisión de valoración poderá, segundo o número de solicitudes, non repartir o total da cantidade asignada a 'Outras modalidades', para o que deberá motivar a súa decisión. En todo caso, ningunha entidade poderá recibir máis de 18.000 ¬ neste apartado.

Terceira. Gastos subvencionables

Os gastos subvencionables serán unicamente os de carácter corrente e os de adquisición de materiais funxibles xerados pola realización de actividades deportivas. Non serán obxecto de subvención os seguintes:

- Eventos deportivos singulares que poidan ser obxecto de subvención a través doutras convocatorias

- Adquisición de bens inventariables

- Gastos derivados das atencións protocolarias ou de viaxes de ocio

- Gastos financeiros

Cuarta. Beneficiarios

Poderán optar a estas subvencións os clubs deportivos federados nacionais que cumpran cos seguintes requisitos:

' Carecer de fins de lucro (acreditarase cunha declaración responsable da persoa solicitante)

' Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación

' A modalidade practicada polos clubs deportivos federados ten que ter implantación na provincia de Pontevedra

' Estar inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte

' Non estar incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas nin nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollida na lei

' Con respecto a 'Outras modalidades: 66.000 ¬', as entidades solicitantes deberán acreditar, para poder solicitar a subvención, desprazamentos a competicións oficiais federadas fóra da comunidade autónoma e dentro do ámbito estatal, cun mínimo de 7.500 km, de acordo co anexo I

Non poderán beneficiarse destas subvencións os clubs deportivos que teñan pendentes de xustificar subvencións concedidas no ano 2016 para o mesmo programa.

Quinta. Solicitudes e documentación

Cada club só poderá presentar unha única solicitude dunha modalidade deportiva concreta. Esta realizarase nos modelos normalizados, que se facilitarán no Rexistro xeral do organismo provincial, no da oficina periférica de Vigo, no Servizo de Deportes ou en www.depo.es. Xunto con cada solicitude presentarase a seguinte documentación, mediante os orixinais ou fotocopias cotexadas:

4.1. Fotocopia actualizada do CIF do club deportivo (coa sinatura dixital)

4.2. Fotocopia do DNI da persoa representante legal

4.3. Certificación orixinal da conta bancaria a nome do club

4.4. Orzamento estimativo de gastos e ingresos asinado e referido á modalidade deportiva correspondente á temporada 2016-2017 e, no caso dos clubs que participen en competicións de ano natural, á temporada 2017

4.5. Modelo de declaración responsable debidamente cuberta (modelo 100.024)

4.6. Certificación da federación galega ou española correspondente, segundo o modelo que figura como anexo II, na que se especifique:

4.6.1. A participación do equipo en competición na temporada 2016-2017

4.6.2. O número de equipos participantes por categoría, nivel da competición e sexo

4.6.3. O número de licenzas que participan en competición na temporada 2016-2017 por categoría e sexo

Excepcionalmente, aqueles clubs de modalidades deportivas que se desenvolvan durante o ano natural deberán presentar o certificado da federación correspondente ao ano 2017.

A documentación que se entregue fotocopiada deberá estar debidamente cotexada.

Os clubs deberán autorizar o organismo provincial para solicitar as certificacións de estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica e coa Seguridade Social.

Sexta. Lugar e prazo de presentación

Estas Bases reguladoras serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e con posterioridade remitiráselle a convocatoria á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), que será a que lle dea traslado ao BOPPO do seu extracto, sen prexuízo da súa inserción en www.depo.es e no taboleiro de anuncios.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.

Entregaranse no Rexistro xeral do organismo provincial:

- Sede de Pontevedra: avda. Montero Ríos, s/n (de luns a venres)

- Oficina periférica de Vigo: rúa Oporto, 3 (de luns a venres)

Ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

A presentación da solicitude implicará que se autoriza a Deputación ao tratamento automatizado de todos os datos contidos nela.

As solicitudes presentadas fóra do prazo anteriormente establecido non serán admitidas nesta convocatoria.

Se a solicitude non reúne os datos esixidos na convocatoria ou calquera dos previstos no artigo 66 da LPACAP, requiriráselle ao interesado, de conformidade co establecido no artigo 68 da citada lei, que nun prazo de 10 días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicándoselle que, no caso de non o facer, terase por desistida a súa solicitude, polo que se arquivará sen máis trámites.

Sétima. Procedemento de concesión e criterios de valoración

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e teranse en conta para a súa adxudicación os seguintes criterios:

Criterios de valoración específicos

Puntuación máxima

Ponderación

Nivel de competición da entidade debidamente especificado e acreditado

0-35

35 %

Número de licenzas federativas

0-20

20 %

Número de equipos participantes por categoría na actual temporada

0-20

20 %

Número de equipos en categorías base

0-15

15 %

Clubs que compitan con licenzas masculinas e femininas ou con diversidade funcional

0-5

5 %

Orzamento

0-5

5 %

Total

0-100

100 %

En 'Outras modalidades' teranse en conta ademais o número de quilómetros percorridos e o número de persoas desprazadas a cada campionato, segundo o seguinte baremo:

De 7.500 a 10.000 km

Ata 3 puntos

De 10.001 a 15.000 km

Ata 5 puntos

De 15.001 a 20.000 km

Ata 8 puntos

Máis de 20.000 km

Ata 10 puntos

De 1 a 5 persoas desprazadas que compitan

Ata 3 puntos

De 6 a 10 persoas desprazadas que compitan

Ata 5 puntos

11 ou máis persoas desprazadas que compitan

Ata 10 puntos

A concesión destas subvencións é compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, tendo en conta que o conxunto de todas elas en ningún caso poderá superar o 100 % do orzamento que presente o club.

Oitava. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao xefe do Servizo de Deportes, quen realizará de oficio todas as actuacións que estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales fará un informe-proposta no que figure a valoración das solicitudes segundo os criterios sinalados na base sexta, explicando o sistema seguido, de conformidade co previsto no artigo 19 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra e no artigo 24 da Lei 38/2006, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).

Posteriormente realizarase un estudo do informe-proposta do xefe de Servizo pola Comisión de valoración das solicitudes de subvención, órgano colexiado composto por:

' Presidencia: a deputada delegada da área de Deportes

' Vogalía: dous membros do persoal técnico do Servizo de Deportes e un membro do persoal técnico do Servizo de Intervención

' Secretaría: unha funcionaria ou funcionario do Servizo de Deportes, que actuará sen voto

A Comisión de valoración poderá:

' Solicitar cantos informes estime necesarios para resolver

' Emitir un informe a respecto das solicitudes de subvención

A concesión das subvencións levarase a cabo a través do procedemento de concorrencia competitiva establecido no artigo 21.1 da LXS.

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

A resolución do procedemento notificaráselles aos interesados conforme o previsto no artigo 40 da LPACAP.

Transcorridos seis meses a partir do día seguinte a aquel no que remate o prazo de presentación da solicitude sen notificar a resolución, os interesados estarán lexitimados para entender como desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

Novena. Xustificación e pagamento

Unha vez notificadas as subvencións concedidas, os clubs beneficiarios deberán xustificalas da seguinte maneira:

- Se a modalidade deportiva corresponde á temporada 2016/2017 xustificarase dentro dos 3 meses seguintes dende que remate a temporada, e en todo caso, antes do 31 de decembro de 2017

- Se a modalidade deportiva corresponde á temporada 2017 (ano natural) xustificarase ata o 30 de marzo de 2018

A xustificación deberá conter a seguinte documentación:

a) Conta xustificativa na que se relacionarán os conceptos de gastos por importe igual ou superior á subvención concedida pola Deputación, mais as axudas solicitadas e recibidas doutras administracións públicas, tal como se establece no artigo 24.1.b.f. da Ordenanza xeral de subvencións

b) Toma de razón na contabilidade do club deportivo (modelo 340.005)

c) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, na que se indiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos, así como a acreditación do financiamento da Deputación

d) Os clubs aos que se lles outorguen subvencións por un importe superior a 1.500 ¬ deberán acreditar a difusión do financiamento a través de calquera medio probatorio (prensa, valos, pancartas, vestimenta deportiva, páxina web...)

e) Facturas orixinais ou copias cotexadas destas polo importe da subvención concedida

Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

- No caso de que se xustifiquen gastos polo 100 % do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención

- No caso de que se xustifiquen gastos inferiores ao 100 %, aboarase a parte proporcional da subvención

O pagamento efectuarase mediante unha transferencia bancaria á conta sinalada polo club.

No caso de clubs que non teñan unha contabilidade, os gastos que non se paguen mediante unha entidade financeira non se considerarán subvencionables.

Para poder cobrar a subvención concedida, os clubs deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación.

Décima. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios de subvencións concedidas con cargo ao Orzamento provincial teñen as seguintes obrigas:

a. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións

b. Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. O prazo para a realización da actividade subvencionada será, para a temporada 2016/2017, ata o final desta, e no caso da temporada 2017, ata o 31 de decembro de 2017

c. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outras de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos competentes, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores

d. Dispoñer dos libros contables, os rexistros dilixenciados e os demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como de cantos estados contables e rexistros específicos esixan as bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control

e. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dada aos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control

Os logotipos oficiais que se deben inserir están dispoñibles na web www.depo.es (área de descargas/imaxe corporativa).

Décimo primeira. Incumprimento

Unha vez vencido o prazo de xustificación sinalado nestas Bases ou, de ser o caso, o establecido na prórroga, sen que o club beneficiario presentase a documentación xustificativa, o Servizo de Deportes requiriralle que o faga no prazo improrrogable de quince días.

O feito de non presentar a documentación neste prazo suporá a perda da subvención e as demais responsabilidades previstas na LXS.

Décimo segunda. Devolución e reintegro

As subvencións concedidas deberán ser devoltas ou reintegradas, entre outros, polos seguintes motivos:

- Obtelas falseando as condicións requiridas

- Non aplicalas aos fins para os que foron concedidas

- Incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas Bases

Décimo terceira. Órgano de aprobación

De acordo co establecido na base 16.2 das Bases de execución do Orzamento para o ano 2017 e cumprindo o establecido no artigo 18 da LXS, o órgano competente para a aprobación destas Bases é a Xunta de Goberno.

Décimo cuarta. Normativa aplicable

As subvencións que outorgue a Deputación réxense pola seguinte normativa:

- LXS, nos artigos de carácter básico e na súa normativa tamén básica de desenvolvemento

- Lei de subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento

- Artigos non básicos da LXS e normativa básica de desenvolvemento

- Lexislación de réxime local, estatal e autonómica

- Ordenanza xeral de subvencións da Deputación

- Bases de execución do Orzamento

- Actos administrativos ditados polos distintos órganos da Deputación

Décimo quinta. Recursos

Contra estas Bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, no prazo dun mes, un recurso de reposición perante o órgano que as ditou, que se entenderá como desestimado se transcorre este período sen recibir contestación. Neste caso poderá interpoñerse no prazo de dous meses un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, como se prevé no artigo 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Contra esta resolución tamén se poderá interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo indicado.

En todos os casos, os prazos contaranse a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entenda como desestimado.

Deporte
Deporte
Clubes y entidades deportivas
Promoción deportiva
Actividades de ocio y tiempo libre
Eventos deportivos
Actividades deportivas
Ocio y tiempo libre
Prensa