BASES DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA APOIAR O DEPORTE DE COMPETICIÓN FEDERADO, ANO 2015 - Boletín Oficial de Pontevedra de 02-01-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 02/01/2015 hasta 02/07/2015
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 19 de decembro de 2014, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

BASES DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA APOIAR O DEPORTE DE COMPETICIÓN FEDERADO, ANO 2015

Dentro do labor de fomento e apoio ás iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que ten atribuído esta Deputación, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas e coñecedora das carencias que teñen aqueles que desexan realizar a súa práctica, establece subvencións para paliar ese déficit, que se rexerán polas seguintes:

BASES

1. FINALIDADE E OBXECTO

1.1 Esta convocatoria, destinada a clubs deportivos federados, ten como obxectivo específico apoiar as entidades deportivas nas actividades derivadas da participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, autonómico ou nacional, convocadas por organismos oficiais ou federacións deportivas galegas, nas modalidades deportivas con implantación na provincia de Pontevedra, conforme ó disposto na Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e demais normativa de aplicación.

1.2 A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015, convocándose con cargo ó Orzamento da Deputación para o 2015 a subvención que a continuación se detalla:

Materia

Programa

Importe

Aplicación orzamentaria

Deportes

F/15 Deporte federado

400.000,00 €

15/340.341.489.23

2. BENEFICIARIOS

Poderán optar a estas subvencións as entidades e clubs deportivos que cumpran os seguintes requisitos:

2.1. Carecer de fins de lucro (acreditarase cunha declaración responsable do solicitante)

2.2. Estar ó corrente coas obrigas tributarias da Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda e coa Seguridade Social

2.3. A modalidade practicada polos clubs federados ten que ter implantación na provincia de Pontevedra

2.4. Estar inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte

2.5. Non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas

Non poderán ser beneficiarios destas subvencións as entidades ou clubs deportivos que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no ano 2014 polo mesmo programa.

3. SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN

Cada club só poderá formular unha única solicitude dunha modalidade deportiva concreta. Esta realizarase nos modelos normalizados, que se facilitarán no Rexistro xeral, no Servizo de Deportes ou na páxina web www.depo.es.

Ademais, achegarase a seguinte documentación:

3.1. Fotocopia actualizada do CIF da entidade ou club deportivo (coa sinatura dixital)

3.2. Fotocopia cotexada do DNI do representante legal

3.3. Certificación orixinal dos datos bancarios da entidade ou copia cotexada

3.4. Orzamento asinado estimativo de gastos, referido á modalidade deportiva correspondente á temporada 2014 ou 2014/2015, segundo a modalidade deportiva

3.5. Declaración na que conste se se solicitaron outras axudas ou subvencións coa mesma finalidade

3.6. Declaración de que a entidade non está incursa en causas de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas, así como aceptar as bases da convocatoria

3.7. Certificación ou declaración responsable de estar ó corrente coas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega e coa Seguridade Social

3.8. Certificación da Federación Galega ou nacional correspondente, na que se especifique:

3.8.1. A participación do equipo en competición na temporada 2014/2015

3.8.2. O número de equipos participantes por categoría do equipo, nivel da competición e sexo

3.8.3. O número de licenzas por categoría e sexo que participan en competición na temporada 2014/2015

3.8.4. A participación do equipo sénior en competición de ámbito nacional na temporada 2014/2015, con denominación da competición e grao de nivel nacional

Excepcionalmente, aquelas entidades ou clubs de modalidades deportivas que se desenvolvan durante o ano natural deberán presentar o certificado da federación correspondente ó ano 2014.

A documentación que se entregue fotocopiada deberá estar debidamente cotexada.

As entidades poderán autorizar a Deputación para solicitar as certificacións de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, Facenda galega e coa Seguridade Social.

En caso de que a solicitude non reúna os datos esixidos ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado que nun prazo de 10 días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámites.

4. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

4.1. LUGAR

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro xeral da Deputación:

- Sede de Pontevedra: avda. Montero Ríos, s/n (de luns a sábado)

- Sede de Vigo: rúa Oporto, 3 (de luns a venres)

Tamén de calquera das maneiras que se establecen no artigo 38.4 da Lei 30/1992. No caso de presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que as solicitudes sexan datadas e seladas polo funcionario correspondente.

4.2. PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 2 de febreiro de 2015.

5. VALORACIÓN DAS SOLICITUDES

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades que se van realizar e ponderaranse as seguintes circunstancias:

a. Nivel de competición da agrupación ou club: ata 25 puntos

b. Número de licenzas federativas: ata 25 puntos

c. Número de equipos participantes por categorías na actual temporada: ata 25 puntos

d. Equipo sénior en categoría nacional: 5 puntos

e. Adecuación das actividades que se van realizar ó interese da promoción do deporte base na provincia: ata 20 puntos

As propostas da concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano de goberno competente.

Transcorridos seis meses a partir do día seguinte ó do remate do prazo de presentación da solicitude sen que os interesados obteñan unha resposta expresa entenderase desestimada a petición.

A concesión destas subvencións é compatible con outras que reciban para o mesmo fin, tendo en conta que o conxunto de todas elas en ningún caso poderá superar o 100 % do orzamento que presente o club ou entidade.

6. PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe do Servizo de Deportes, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no art. 24 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

As solicitudes de subvención para cada un dos programas serán avaliadas conforme ós criterios sinalados anteriormente, pola Comisión de valoración, órgano colexiado composto por:

Presidente: a deputada presidenta da Comisión de Deportes e Xuventude

Vogais: dous técnicos do Servizo de Deportes

un técnico do Servizo de Intervención

Secretario: actuará como secretario, sen voto, un funcionario do Servizo de Deportes

A Comisión de Valoración poderá:

1. Acadar os informes que estime necesarios para resolver

2. Emitir un informe respecto das solicitudes de subvención

O procedemento ordinario de concesión das subvencións é o de concorrencia competitiva. Non obstante, ó longo do exercicio orzamentario poderanse resolver aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non se puidesen presentar no prazo sinalado, polo que non procedería a convocatoria pública, reservando para estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total destes programas para a súa concesión directa, tal como se establece na base 25.2ª das de execución do vixente Orzamento provincial.

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ó previsto no art. 58 da Lei 30/92.

Despois de transcorridos seis meses a partir do día seguinte de que remate o prazo de presentación da solicitude, sen notificarse a resolución, os interesados quedarán lexitimados para entender como desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

7. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO

Unha vez notificadas as subvencións concedidas os clubs beneficiarios deberán xustificalas antes do 31 de marzo de 2016.

Para cobrar estas subvencións as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación a través do Servizo de Intervención.

O aboamento da subvención materializarase mediante transferencia bancaria na conta sinalada pola entidade.

O beneficiario da subvención, para efectos de xustificación e de acordo co establecido na base 25.8ª-2º.f de execución do Orzamento de 2015, deberá remitir un certificado acreditativo de toma de razón na contabilidade da entidade ou club e declaración de se recibiron ou non outras subvencións ou axudas coa mesma finalidade. Nas subvencións que superen os 1.200,00 € deberán presentar, xunto cos documentos anteriores, o estado das contas da entidade do exercicio corrente ou un estado de execución do orzamento de gastos e ingresos.

Ademais, os clubs ós que se lle outorguen subvencións por un importe igual ou superior a 6.000 € quedan na obriga de inserir na súa vestimenta o anagrama de Deputación cunhas medidas aproximadas de 20 cm. Tamén deberán aparecer nos paneis publicitarios ou pancartas das súas instalacións deportivas, acreditando mediante fotografías nítidas ou recortes de prensa da presentación do equipo esa circunstancia.

Os logotipos oficiais que se deben inserir están dispoñibles na páxina web www.depo.es (área de descargas-imaxe corporativa).

8. INCUMPRIMENTO

Unha vez vencido o prazo de xustificación sinalado na base 7ª ou, no seu caso, o establecido na prórroga sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación xustificativa, o Servizo de Deportes requiriralle que a presente no prazo improrrogable de quince días.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e as demais responsabilidades previstas na Lei 38/2003.

9. DEVOLUCIÓN E REINTEGRO

As subvencións concedidas deberán ser devoltas ou reintegralas polos seguintes motivos:

a. Obtelas falseando as condicións requiridas

b. Non aplicalas ós fins para as que foron concedidas

c. Incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

10. ÓRGANO DE APROBACIÓN

De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para 2015 e cumprindo o establecido no artigo 18 da Lei 38/2003, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

11. XURISDICIÓN APLICABLE

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ó previsto no art. 58 da Lei 30/92.

Unha vez transcorridos seis meses contados desde o día seguinte ó do remate do prazo de presentación da solicitude sen notificarse a resolución os interesados quedarán lexitimados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, no prazo dun mes, un recurso de reposición perante o órgano que a ditou e entenderase como desestimado se transcorre este período sen recibir contestación. Neste caso poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do Contencioso Administrativo, como se prevé no artigo 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Contra esta resolución tamén se poderá interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo indicado.

En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

12. DEREITO SUPLETORIO

Para o non disposto nestas bases aplicaranse as normas incluídas nas bases de execución do Orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2015 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

Deporte
Deporte
Clubes y entidades deportivas
Promoción deportiva
Federaciones deportivas
Prensa