CONVOCATORIA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS, CONCELLO DE VILAGARCÍA 2018 - Boletín Oficial de Pontevedra de 01-06-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 01/06/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Empresas y autónomos
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada coa data 14 de maio de 2018 aprobou as seguintes BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA 2018, así como a súa publicación no BOPPO:

PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS

CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA 2018

BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA DO ANO 2018

BASE 1ª.-OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

1.1.-FINALIDADE

A presente disposición ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar a concesión, para o ano 2018 do PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS no ámbito do Concello de Vilagarcía de Arousa coa finalidade de colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no municipio apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais.

1.2.-BENEFICIARIOS/AS

Poderán acollerse a estas axudas os/as empresarios/as individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME), independentemente da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 2 de outubro de 2017 e o 30 de outubro de 2018 (entendendo por inicio de actividade a alta no I.A.E.). Para o carácter de PEME terase en conta o establecido no Anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión Europea.

1.3.-REQUISITOS XERAIS DOS/AS BENEFICIARIOS/AS:

' Que a empresa estea radicada en Vilagarcía de Arousa.

' Que sexan empresas de nova creación, considerando incluídos, neste concepto, os traspasos de negocios, exceptuando aqueles traspasos que se realicen entre cónxuxes ou parellas de feito e familiares por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao inclusive, así como as transformacións de forma xurídica.

' Que, como mínimo, unha das persoas promotoras estea en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo en calquera das formas xurídicas existentes.

' Non ter débedas coa Seguridade Social, coa Consellería de Economía e Facenda, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), nin a empresa nin as persoas socias.

' Non ter débedas co Concello de Vilagarcía de Arousa, nin a empresa nin as persoas socias.

' Non poderán obter a condición de beneficiario/a os/as empresarios/as e as pequenas empresas nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10, apartados 2 e 3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003 do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (no caso de sociedades, nin a sociedade nin os/as socios/as).

1.4 -TIPO, CONTÍA DAS AXUDAS E GASTOS SUBVENCIONABLES

As axudas son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar a creación do propio posto de traballo así como parte dos gastos iniciais de posta en marcha da actividade. O importe destas axudas será:

' Contía fixa. 500 ¬ pola creación do propio posto de traballo acreditada mediante a alta no Réxime Especial de Autónomos ou equivalente da Seguridade Social, mutualidade ou colexio profesional,con obriga de permanecer de alta alomenos dous anos no correspondente réxime da Seguridade Social.

' Contía variable. Equivalente á metade dos gastos iniciais de posta en marcha da actividade, cun máximo de 2.000 Euros por empresa, con idéntica obriga de manterse de alta no Réxime correspondente da Seguridade Social durante un período de dous anos.

' A axuda mínima de 500 ¬ terá carácter individual, polo tanto concederase a cada un dos promotores que acredite terse dado de alta na Seguridade Social, mutualidade ou colexio profesional, como traballador autónomo ou profesional independente .

Os gastos que poderán ser obxecto de subvención corresponderán aos realizados dende dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

Gastos obxecto de subvención:

a) Gastos de constitución: Serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa:

a 1) Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos

a 2) Licenza de obra e licenza de apertura

a 3) Alta no Rexistro Mercantil

a 4) Certificación negativa do nome da sociedade

a 5) Honorarios de notarías por escrituras públicas

a 6) Publicación nos Boletíns oficiais

a 7) Modelo 600 da Xunta de constitución da empresa.

b) Existencias iniciais de mercadorías: Serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.

c) Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: Serán subvencionables o 50% dos gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.

d) Primas de seguros: Serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade empresarial. (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).

e) Subministracións e gastos correntes. Serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial:

e 1) Auga

e 2) Teléfono

e 3) Electricidade

e 4) Gasóleo / gasolina

e 5) Material de oficina

e 6) Asesoría (só cotas mensuais)

e 7) Gas

e 8) Equipos de seguridade nas súas instalacións (só a cota mensual)

e 9) Publicidade

f) Dereitos de propiedade industrial: Serán subvencionables o 50% dos seguintes dereitos:

f 1) Patentes

f 2) Modelos de utilidade

f 3) Deseño industrial

f 4) Marcas de produtos ou servizos

f 5) Nomes comerciais

f 6) Dominio en Internet

f 7) Software de xestión

g) Imposto de vehículos de Tracción Mecánica (IVTM): Será obxecto de subvención o 50% do custo deste imposto. Só poderá subvencionarse un vehículo por empresa e sempre que sexa imprescindible para a actividade a desenvolver (transportista, comercial,...).

En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. A consideración como concepto obxecto de subvención de calquera outro gasto non incluído na anterior listaxe, se someterá a criterio do departamento xurídico do concello.

1.5.-RÉXIME DE CONCESIÓN DAS AXUDAS

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

O conxunto de axudas desta convocatoria son compatibles con calquera outra concedida por empresas públicas ou privadas, estatais ou internacionais, sempre que o importe total das axudas percibidas polo mesmo concepto non supere o custo total dos gastos subvencionables . En tal caso cando a actividade fose financiada con outros recursos deberá xustificarse o importe, procedencia e aplicación de tales fondos.

BASE 2ª.-COMPETENCIA E PROCEDEMENTO DE TRAMITACIÓN

2.1.-INSTRUCIÓN E TRAMITACIÓN DAS AXUDAS

A Concellería de Promoción Económica será a encargada da tramitación das solicitudes e emitirá unha proposta de concesión ou de denegación das axudas á Xunta de Goberno Local.

A Xunta de Goberno Local será o órgano competente para conceder ou denegar as axudas..

Á finalización do prazo de presentación de solicitudes ou no seu caso, ao esgotamento do orzamento, darase publicidade á relación de axudas concedidas no Taboleiro de Edictos e na sede electrónica do Concello 'sede.vilagarcia.gal'.

' De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007 e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade de tramitación atendendo ao disposto no artigo 16 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, concedendo a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito. O órgano xestor publicará na sede electrónica e na páxina web do Concello de Vilagarcía o esgotamento da partida orzamentaria e non tramitará as solicitudes posteriores destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

' Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 1.4 desta resolución, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

' No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a todas coa intensidade de axuda solicitada, o crédito distribuirase de maneira ponderada entre elas en función da solicitude e respectando o límite de intensidade máxima prevista na base 1.5.

' Conforme o artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos esixidos nesta lei e na presente resolución, a persoa interesada será requirida para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, procederase conforme ao que determina o artigo 21 da citada lei.

' Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao/á solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

' Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na que se indicarán as causas da mesma.

' Para as accións de control e seguimento, a Concellería de Promoción Económica poderá requirirlle aos/ás empresarios/as e/ou ás pequenas e medianas empresas beneficiarias a documentación necesaria co fin de comprobar que se cumpren as condicións para as que se concedeu a subvención.

BASE 3ª.-SOLICITUDES, OBRIGAS E PRAZO DE PRESENTACIÓN

3.1.-SOLICITUDES

As solicitudes das axudas reguladas na presente convocatoria, presentadas segundo modelo de solicitude e anexos normalizados (que estarán dispoñibles para a súa cumprimentación e descarga no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Vilagarcía sede.vilagarcia.gal), presentaranse vía telemática en cumprimento do disposto no artigo 14.2 e 3 da lei 39/2015 de 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Xunto co formulario de solicitude e anexos debidamente cumprimentados, deberá anexarse a seguinte documentación:

' Certificados de estar ao corrente nas súas obrigas coa Seguridade Social, coa Consellería de Facenda, AEAT (Axencia Estatal de Administración Tributaria)da sociedade e de todos/as os/as socios/as

' Alta no correspondente réxime da Seguridade Social e vida laboral dos/as empresarios/as traballadores/as que creen os seus propios postos de traballos.

' Alta no IAE da empresa ou empresario/a individual que solicita a axuda.

' NIF/DNI da empresa/empresario/a individual e dos socios/as/comuneiros/as

' DNI da persoa que solicita a subvención e documento acreditativo da súa condición de representante.

' Solicitude de licenza de apertura, licenza de obras ou comunicación previa cando sexa necesario para o desenvolvemento da actividade.

Asemade, deberá anexar a documentación seguinte:

' De ser o caso, escritura de constitución da empresa debidamente inscrita no Rexistro Mercantil

' Facturas dos gastos para os que se solicitou a subvención .

As facturas deberán conter os requisitos esixidos no Real Decreto 1619/2012 do 30 de Novembro polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigacións de facturación, dos que cabe destacar os seguintes:

- Número e, no seu caso, serie.

- Data da súa expedición.

- Nome e apelidos, razón ou denominación social completa de quen expide a factura e do/da destinatario/a das operacións.

- Número de identificación fiscal do/a obrigado/a a expedir factura e do/a destinatario/a.

- Enderezo do/a obrigado/a a expedir a factura e do/a destinatario/a das operación

- Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible, o imposto correspondente e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto destas operacións e calquera desconto ou rebaixa non incluído no prezo.

- O tipo impositivo ou tipos impositivos, no seu caso, aplicados ás operacións

- Cota tributaria que, no seu caso, repercuta, consignada por separado.

- Especificación, por separado, da parte de base impoñible correspondente a cada unha das operacións documentadas na mesma factura nos casos indicados.

' No caso de facturas referentes a aluguer de locais deberá presentar xunto coa factura o correspondente contrato de aluguer.

' No caso de facturas referentes aos seguros, deberá presentar xunto coa factura, póliza do mesmos

' Documentos bancarios de aboamento das facturas presentadas, debidamente selados pola entidade bancaria, constando debidamente identificados o emisor, receptor e concepto a que se refire o cargo bancario, así como o número de factura a que corresponde.

' Documento acreditativo do abono das taxas de licencias, indicando a contía aboada cando se solicite subvención por este concepto.

A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se o/a interesado/a presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicar a referencia do expediente e departamento responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se dispón del.

Cando a solicitude non reúna os requisitos esixidos, ou falte algún documento que resulte esixible, requirirase á/ás persoa/as interesada/as para que no prazo de dez días resolva/n a falla ou achegue/n os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non se fixese, desistirase da súa solicitude, arquivándose a/s mesma/s, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

No caso de dúbida sobre a documentación presentada, será a Comisión de Valoración integrada polos servizos técnicos e xurídicos do Concello, quen decida.

Toda a documentación deberá presentarse TELEMÁTICAMENTE debendo constar nos documentos que así o requiran, a sinatura dixital do interesado

A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das presentes bases reguladoras.

Todos os trámites administrativos que os/as interesados deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados por vía telemática accedendo á carpeta de interesado/expediente dispoñible na sede electrónica do concello.

3.2.-OBRIGAS

De acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obrigas da empresa beneficiaria:

' Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

' Acreditar, no momento da solicitude da axuda, que está ao corrente das súas obrigas fiscais coa Consellaría de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e coa Seguridade Social.

' Estar ao corrente no cumprimento coas obrigas tributarias co Concello Vilagarcía.

' Non procederá o pago da subvención en tanto a persoa ou empresa beneficiaria non acredite estar ao corrente no pagamento das súas obrigas fiscais e para coa Seguridade Social ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

' Manter a actividade que fundamente a concesión da subvención durante un tempo mínimo de dous anos. No suposto de darse de baixa ou modificar a actividade para a que se solicitou a subvención, con anterioridade a este prazo, deberá comunicar esta circunstancia ó Concello de Vilagarcía ata o último día do mes posterior a dita baixa ou modificación. O incumprimento desta obriga de comunicación pola persoa beneficiaria, comportará o reintegro da totalidade da axuda.

' Declarar as subvencións e axudas concedidas ou solicitadas polo mesmo concepto procedentes de calquera outra administración.

' O/A beneficiario/a deberá someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que se leven a cabo pola Comisión de Valoración, a quen corresponderá a comprobación destas subvencións, e facilitará a esta e á Intervención Municipal, toda a información que reclamen no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, para o cal deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3.3.-PRAZO DE PRESENTACIÓN

Os prazos de presentación de solicitudes, serán os que se indican a continuación ou ata esgotar o orzamento, e se contarán a partir o día seguinte á data da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O prazo de presentación de solicitudes para as empresas que iniciaran a súa actividade entre o 2 de outubro e o 31 de decembro de 2017, será ata o 30 de xullo de 2018.

O prazo de presentación de solicitudes para as empresas que iniciaran a súa actividade entre o 1 de xaneiro e o 1 de outubro de 2018, será ata o 30 de outubro de 2018.

A documentación relativa aos proxectos que non resulten subvencionados, poderá ser retirada das dependencias municipais polos/as solicitantes, previa solicitude que debe presentar no rexistro xeral do concello.

BASE 4ª.-CONCESIÓN DAS AXUDAS E TRAMITACIÓN DO PAGAMENTO

1. O servizo xestor (Concellería de Promoción Económica) que tramita a concesión, levará a cabo a comprobación da subvención, informando da adecuada xustificación da subvención, sen prexuízo da fiscalización que corresponda ó departamento de intervención.

A Xunta de Goberno Local será o órgano competente para decidir sobre a concesión ou denegación das axudas, previo informe da Concellería de Promoción Económica.

2. O prazo para resolver será, como máximo, de tres meses dende a presentación das solicitudes no Rexistro Xeral do Concello. As solicitudes irán resolvéndose a medida que se vaian presentando.

3. Transcorrido o devandito prazo de tres meses sen que a Xunta de Goberno Local dite resolución expresa, entenderase que é desestimada a petición da axuda. Esta desestimación presunta poderá ser recorrida en reposición nos termos e prazo do artigo 124 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, en calquera momento a partir do día seguinte ao vencemento dos tres meses sen que se dite resolución expresa.

4. O acordo da Xunta de Goberno Local, será notificado por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello, podendo a tal efecto o interesado designar unha dirección de correo electrónico para recibir os avisos de posta a disposición de calquera notificación que se dite dentro do seu expediente.

Contra dita resolución cabe interpoñer recurso perante a xurisdición contenciosa, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso- administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa.

Asemade, poderá formularse, de forma potestativa, recurso de reposición, no prazo de un mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015 de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

5. Unha vez concedidas as axudas faranse efectivas nun pagamento único

6. Notificada a concesión da correspondente axuda, o beneficiario deberá presentar (por vía telemática) no prazo de 20 días hábiles, unha fotografía do cartel informativo da subvención(que será subministrado pola Concellería de Promoción Económica), colocado en lugar visible do domicilio social da empresa.

BASE 5ª. PUBLICIDADE

5.1.-PUBLICIDADE DA CONVOCATORIA E DAS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DAS AXUDAS

A presente convocatoria, as Bases Reguladoras e modelos normalizados de solicitude das axudas para o ano 2018 do Programa de axudas municipais á creación de empresas do Concello de Vilagarcía de Arousa, publicarase e estarán a disposición dos interesados, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, na Sede electrónica do Concello sede.vilagarcia.gal, na páxina web www.vilagarcia.es e no Taboleiro de Edictos, unha vez aprobada pola Xunta de Goberno Local.

5.2.-PUBLICIDADE DAS SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS

Á finalización do prazo de presentación de solicitudes ou no seu caso, ao esgotamento do orzamento, darase publicidade á relación de axudas concedidas, na sede electrónica do Concello sede.vilagarcia.gal, no Taboleiro de Edictos do Concello de Vilagarcía de Arousa e na páxina web do Concello www.vilagarcia.es.

5.3.-PUBLICIDADE DO FINANCIAMENTO PÚBLICO

Os/as beneficiarios/as das subvencións obxecto desta convocatoria, deberán poñer no seu local un cartel, de forma visible, no que se indique que a actividade está financiada polo Concello de Vilagarcía de Arousa. O modelo normalizado do cartel será subministrado pola Concellería de Promoción Económica e estará dispoñible para a súa descarga na Sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal)

BASE 6ª.-TRATAMENTO DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

Os datos persoais que deban facilitar os/as solicitantes das axudas só serán utilizados para comprobar a concorrencia dos requisitos necesarios para obter estas axudas e serán tratados aos exclusivos efectos da concesión das mesmas, sendo responsable do tratamento dos datos o Concello de Vilagarcía.

BASE 7ª.-TRANSPARENCIA E BO GOBERNO

De conformidade co artigo 17 da lei 1/2016 de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno co artigo 15 da lei 9/2007 de 13 de xuño de subvencións de Galicia, a Concellería de promoción económica publicará na páxina web oficial do Concello de Vilagarcía e na Sede electrónica sede.vilagarcia.gal a relación das persoas e/ou entidades beneficiarias das axudas concedidas. Incluirá igualmente a contía das axudas e as sancións que no seu caso e como consecuencia delas puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

BASE 8ª.-PERDA DO DEREITO AO COBRO, RENUNCIA, NULIDADE,

RÉXIME DE INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

O incumprimento por parte do/a beneficiario/a da subvención de calquera das obrigas, requisitos, condicións e demais circunstancias que produciron o seu outorgamento, dará lugar, en cada caso, á perda do dereito ao cobro da subvención, á redución da contía da mesma ou ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas máis os correspondentes xuros de demora dende o momento do seu pagamento, sen menoscabo das sancións, que de ser o caso, resulten esixibles.

O/a beneficiario/a poderá renunciar voluntariamente á subvención nas condicións que establece a normativa legal de aplicación.

En canto ás causas de nulidade do acordo de concesión das axudas e de reintegro das mesmas, estarase ao disposto no artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

En relación ás infraccións e sancións en que poidan incorrer os/as beneficiarios/as destas axudas e procedemento para a súa imposición estarase ao disposto no Título IV da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e normativa que a desenvolve.

BASE 9ª.-SEGUIMENTO DAS AXUDAS. REINTEGRO

9.1. SEGUIMENTO

A Concellería de Promoción Económica, realizará o seguimento das actividades obxecto de subvención

9.2.CAUSAS DE REINTEGRO

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e exixencia do interese de demora correspondente dende o momento do abono da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para a súa obtención e/ou ocultando aquelas que houberan impedido a súa obtención.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo e/ou non realización da actividade obxecto de subvención

c) Resistencia, escusa obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación cando dela se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade da realización da actividade subvencionada ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administracións ou entes públicos.

9.3.PROCEDEMENTO DE REINTEGRO

O procedemento de reintegro de subvencións rexerase polas disposicións xerais sobre procedementos administrativos previstos na Lei 39/2015 de 1 de outubro de Procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida, no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración Pública da CCAA, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

Procederá o reintegro total da axuda concedida no caso de incumprir a obriga de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida no caso de non cumprir a obriga de manter a actividade durante dous anos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

Procederá o reintegro parcial do 2% da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga de cumprir coas medidas de publicidade da cofinanciación polo Concello de Vilagarcía, establecida na BASE 5ª punto 5.3.

Procederá o reintegro parcial polo exceso de financiamento, segundo o artigo 23 do Decreto 11/2009 de 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano de concesión a obtención de outras axudas no caso de que estas sexan compatibles.

Procederá o reintegro do 5% da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano de concesión a solicitude doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles.

A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real Decreto Lexislativo 5/2000 do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións da Orde Social, e da Lei 9/2007, do 13 xuño.

BASE 10ª.-NORMATIVA DE APLICACIÓN

A concesión destas axudas rexerase pola Lei 38/2003 do 17 de novembro, Xeral de Subvencións e o RD 887/2006, de 21 de xuño, que aprobou o seu regulamento, a lexislación básica do estado en materia de Réxime Local, a Lei 9/2007, de 13 de xuño de Subvencións de Galicia; os preceptos non básicos da Lei 38/2003 e do RD 887/2006; polas presentes Bases Reguladoras, polas Bases de Execución dos vixentes orzamentos municipais, as restantes normas de dereito administrativo, e no seu defecto, as normas de dereito privado.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

As accións incluídas nesta convocatoria financiaranse con cargo á asignación orzamentaria 241-470 'Fomento de empresas - subvencións para o fomento do emprego' do orzamento municipal para o ano 2018, cun importe total de 46.000 ¬

Poderase ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade do crédito nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

DISPOSICIÓN FINAL

Estas bases entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no B.O.P.

O Concello de Vilagarcía de Arousa quedará exento de calquera responsabilidade civil, mercantil, laboral ou calquera outra derivada das actuacións á que estean obrigadas as persoas ou entidades destinatarias das subvencións outorgadas

Vilagarcía de Arousa 14 de abril de 2018 Alberto Varela Paz

Empresa
Creación de empresa
Vehículos
Desarrollo económico
Alquiler de vivienda
Industrialización
Empleo
Empleo y contratación
Propiedad Industrial
Equipamiento informático
Comercio y marketing
Fomento del empleo