Convocatoria de bolsas para deportistas da provincia para o ano 2018 - Boletín Oficial de A Coruña de 24-05-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Becas
  • Plazo: Ver Detalles , 24/05/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

RP número 16847 /2018, do 16 de maio de 2018, pola que se aproba a convocatoria de bolsas para deportistas da provincia para o ano 2018, que se transcriben deseguido:

CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA DEPORTISTAS DA PROVINCIA PARA O ANO 2018

1.-Liñas xerais

1.1.-Obxecto.

A Deputación provincial, no seu labor de promoción e difusión do deporte e consciente das dificultades que teñen moitos deportistas con talento, especialmente nas etapas de iniciación e de maior cambio corporal, para progresar naqueles deportes que teñan un carácter individual, pertencentes a algunha das disciplinas olímpicas, realiza a presente convocatoria de bolsas co obxecto de apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas, como posibilitar a súa participación en eventos deportivos, facilitándolles aos deportistas da provincia o acceso a unha preparación integral axeitada.

Establécense tres grupos:

Grupo A.-12-17 anos; deportistas nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2001 ( incluído) que non teñan o recoñecemento pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas Galegos/as de Alto Nivel (DGAN) no ano 2017.

Concederanse 15 bolsas de 3.000 € cada unha delas.

Grupo B.-18-23 anos; deportistas nacidos a partir do 1 de xaneiro de 1995 ( incluído) que non teñan o recoñecemento pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas Galegos/as de Alto Nivel (DGAN) no ano 2017.

Concederanse 15 bolsas de 3.000 € cada unha delas.

Grupo C.-Deportistas con recoñecemento, pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas Galegos/as de Alto Nivel (DGAN) nos anos 2015, 2016 ou 2017, e/ou deportistas con participación nos últimos Xogos Olímpicos/Paralímpicos de Río 2016.

Concederanse 15 bolsas de 4.000 € cada unha delas.

Exclúense da presente convocatoria os cursos dirixidos á obtención de títulos académicos ou deportivos.

Estas bolsas serán compatibles con outras axudas públicas ou privadas para a mesma finalidade, que lle deberán ser comunicadas á Deputación.

1.2.-Tramitación.

As bolsas desta convocatoria tramitaranse de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL.

A tramitación telemática aplicarase a todas as fases do procedemento: solicitude, concesión, pago, alegacións e recursos; incluíndo en cada unha delas, as notificacións e as comunicacións, os requirimentos de información e documentación, e os envíos de documentación que foran necesarios para tramitar os expedientes.

Conforme ao disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notificaránselles aos interesados as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses.

As resolucións dos admitidos e excluídos e a da concesión provisional e definitiva das bolsas, por tratarse de actos integrantes dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notificarase mediante publicación na páxina web da Deputación, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2.-Solicitantes.

2.1.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán participar nesta convocatoria os deportistas residentes na provincia da Coruña que reúnan os seguintes requisitos:

2.1.1.-Practicar un deporte, de carácter individual, que pertenza a un dos deportes olímpicos e disciplinas olímpicas, tanto de verán como de inverno, incluídos no programa oficial dos Xogos Olímpicos do ano 2016 e dos próximos Xogos Olímpicos de Tokyo, no ano 2020.

Ten a consideración de deporte de 'carácter individual' todo aquel deporte que, segundo a súa regulamentación, é practicado por un ou por dous deportistas como máximo

2.1.2.-Condicións particulares das e dos deportistas:

Grupo A) e B) Ter entre os doce e os vinte e tres anos cumpridos con data límite do 31 de decembro de 2018 e non ter o recoñecemento da Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas Galegos/as de Alto Nivel (DGAN) no ano 2017

Grupo C) Ter o recoñecemento, da Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas Galegos/as de Alto Nivel (DGAN) nos anos 2015, 2016 ou 2017, e/ou ter participado nos Xogos Olímpicos ou Xogos Paralímpicos de Río 2016

2.1.3.-Acreditar a residencia en calquera concello da provincia da Coruña, cunha antigüidade ininterrompida, polo menos, dende o 1 de xaneiro do 2017

A residencia acreditarase mediante a presentación do correspondente certificado ou volante de empadroamento. A data da expedición do certificado ou volante será posterior á da publicación desta convocatoria no BOP

2.1.4.-Dispoñer de licenza deportiva vixente, na data da publicación no BOP das bases da convocatoria, expedida pola federación deportiva correspondente.

2.1.5.-Acreditar nivel deportivo na modalidade practicada e ter proxección nas previsións de futuro.

Só se poderá solicitar bolsa por unha única modalidade deportiva.

2.2.-Obrigas das persoas solicitantes.

Tendo en conta que a tramitación será telemática:

A persoa que presenta a solicitude da bolsa deberá dispoñer dun enderezo de correo electrónico que non poderá variar ao longo de toda a tramitación do expediente, xa que as comunicacións dirixiranse a ese enderezo. Excepcionalmente e de forma xustificada, poderase modificar o enderezo inicial coa obriga de notificar a dita circunstancia á Deputación.

Deberán dispoñer de certificado dixital:

Ÿ A persoa que solicite a bolsa, ou

Ÿ A persoa que a represente perante a Deputación (se é distinta da que solicita a bolsa).

Para o caso de menores de idade (grupo A) a persoa solicitante será sempre o menor, e o representante (persoa que obrigatoriamente presenta a solicitude neste caso) será o pai, nai ou titor legal do menor, que, ademais, se responsabilizará de todas as obrigas derivadas de que o seu fillo/a sexa titular/beneficiario da bolsa.

3.-Documentación.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal.

Achegarase tamén a seguinte documentación que terá que vir asinada do seguinte xeito:

Ÿ No caso das declaracións, compromisos e outra documentación, pola persoa que presente a solicitude da bolsa.

3.1.-Documento nacional de identidade ou documento que regulamentariamente o substitúa. No caso de que o solicitante da bolsa xa achegase este documento, e non sufrise variación, non será necesaria a súa achega.

Neste caso deberán identificar o expediente no que foi achegado.

3.2.-Certificado ou volante de empadroamento en calquera municipio da provincia no que deberá constar de forma expresa a data do seu empadroamento, co fin de verificar o requisito da base 2.3. (antigüidade ininterrompida, polo menos, dende o 1 de xaneiro do 2017).

A data de expedición do certificado ou volante será posterior á da publicación desta convocatoria no BOP.

3.3.-Declaración de ter a licenza vixente na data da publicación no BOP das bases da convocatoria, expedida pola federación deportiva correspondente.

3.4.-Historial deportivo.

Para os grupos A e B:

Historial deportivo obtido durante o ano 2017, no que haberán de constar as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais ou internacionais, con especificación de datas, lugar e nivel de competición; este historial virá dilixenciado co visto e prace da federación deportiva correspondente en documento orixinal, segundo o modelo/patrón que figura na solicitude telemática da bolsa.

É imprescindible a presentación neste impreso que terá que vir obrigatoriamente certificado e selado pola federación.

Para o grupo C:

Historial deportivo obtido durante o ano 2017, no que haberán de constar as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións nacionais ou internacionais, con especificación de datas, lugar e nivel de competición, e a clasificación obtida nos XXOO de 2016; este historial virá dilixenciado co visto e prace da federación deportiva correspondente en documento orixinal, segundo o modelo/patrón que figura na solicitude telemática da bolsa,

É imprescindible a presentación neste impreso que terá que vir obrigatoriamente certificado e selado pola federación.

Será causa de exclusión automática a falta de presentación do historial deportivo no modelo facilitado pola Deputación na solicitude da bolsa.

As competicións non organizadas polas federacións deportivas deberán ser recoñecidas expresamente pola federación galega ou nacional correspondente, a través de certificación orixinal.

3.5.-Proxecto deportivo para a tempada actual.

3.6.-Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou percibidas para o mesmo fin.

3.7.-Certificación de datos bancarios segundo o modelo oficial da Deputación provincial (www.dacoruna.gal). No caso de que o solicitante da bolsa xa achegase este documento, e non sufrise variación, non será necesaria a súa achega.

Neste caso deberán identificar o expediente no que foi achegado.

3.8.-Se é o caso, certificación (expedida pola Secretaría co visto e prace da Presidencia do club) da pertenza da persoa deportista a un club da provincia da Coruña, cunha antigüidade mínima de dúas tempadas deportivas consecutivas (no mesmo club), cumpridas, antes da data da publicación no BOP das bases da convocatoria.

Presentala só se se cumpre o requisito, xa que poderá ser valorado polo tribunal.

A data desta certificación será posterior á da publicación desta convocatoria no BOP.

3.9.-Se é o caso, certificación (expedida pola Secretaría co visto e prace da Presidencia) que acredite a inclusión no programa preolímpico da Federación Española correspondente ou Consello Superior de Deportes.

Presentala só se se cumpre o requisito, xa que poderá ser valorado polo tribunal.

A data desta certificación será posterior á da publicación desta convocatoria no BOP.

3.10.-Declaración do titor/a legal, no caso de solicitude de bolsas do grupo A, de que se responsabiliza de todas as obrigacións derivadas de que o seu fillo/a sexa titular/beneficiario dunha subvención pública.

3.11.-Autorización para que a Deputación solicite as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria e a Seguridade Social.

3.12.-Certificación expedida pola Secretaría Xeral para o Deporte na que conste a inclusión ou non, do solicitante da bolsa, coma Deportista Galego/a de Alto Nivel (DGAN).

Nesta certificación constará de forma expresa, de ser o caso, os anos que obtivo esta consideración.

No caso de que a documentación fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de 10 días hábiles, contados dende o día seguinte ao da data de aceptación desta notificación, para a súa emenda.

Pasado o dito prazo sen que o solicitante da bolsa atenda o requirimento, entenderase que desiste da súa petición, de conformidade co disposto no art. 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

Serán rexeitadas automaticamente as solicitudes que conteñan documentos electrónicos que incorporen código malicioso ou dispositivo susceptible de afectar á integridade ou seguridade do sistema, omitan documentos obrigatorios esixidos, non se cubran os campos requiridos como obrigatorios ou cando conteñan incongruencias ou omisións que impidan o seu tratamento.

4.-Lugar, prazo de presentación da solicitude e desistencia.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal.

A presentación telemática producirá plenos efectos xurídicos, sempre que a solicitude sexa presentada dentro do prazo establecido.

Inicio do prazo de presentación de solicitudes

00.00 horas do día seguinte ao de publicación no BOP

Fin do prazo de presentación de solicitudes

14.00 horas do día 20 de xuño de 2018

A Deputación publicará na súa páxina web a resolución de admitidos e excluídos polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e para a súa publicación na citada páxina web.

No prazo de 10 días naturais, contados desde o día seguinte ao da data da publicación da resolución de admitidos e excluídos, poderán os interesados formular as reclamacións para emendar erros nas solicitudes descartadas. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que desiste da súa petición nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

Tamén será causa de desistencia da solicitude, non axustarse aos termos da convocatoria, ou o incumprimento dos requisitos establecidos nela.

5.-Composición do tribunal.

O tribunal que outorgará as bolsas estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del, o deputado-presidente da Comisión de Deporte e Mocidade e persoas de recoñecido prestixio no mundo do deporte, sendo secretario o da Corporación ou persoa na que delegue.

A composición do tribunal publicarase na páxina web da Deputación con anterioridade á súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

6.-Concesión das bolsas e notificación.

O tribunal formulará a súa proposta de selección dos bolseiros, que será motivada segundo as bases da convocatoria, e as súas actuacións serán secretas.

Na primeira reunión o tribunal establecerá os subcriterios de valoración que consideren adecuados de conformidade cos criterios e puntuacións previstos na base 6.1.

O órgano competente para aprobar a resolución de concesión é o presidente da Deputación.

6.1.-As solicitudes valoraranse segundo os criterios seguintes:

6.1.1.-Historial deportivo.-Asignaráselle á persoa deportista a puntuación correspondente ao resultado do maior nivel que obtivera no ano 2017 obtida en campionato oficial, ou campionato recoñecido pola federación deportiva correspondente.

O baremo para os Grupos A e B. será o seguinte:

Nivel 1: ata 40 puntos. Estará integrado polas persoas que cumpren algún dos requisitos seguintes:

Ÿ Medallista nos Campionatos do Mundo, Europa, categorías inferiores a sénior na modalidade deportiva individual.

Nivel 2: ata 30 puntos. Estará integrado polas persoas que cumpren algún dos requisitos seguintes:

Ÿ Clasificación entre os 6 primeiros no Campionato de España individual absoluto

Ÿ Medallista nos Campionatos de España individual categorías inferiores

Ÿ Ser internacional na súa categoría de idade ou superiores.

Nivel 3: ata 20 puntos. Estará integrado polas persoas que cumpren algún dos requisitos seguintes:

Ÿ Medallista en Campionatos autonómicos, Campionatos universitarios.

O baremo para o grupo C será o seguinte:

Nivel 1: ata 50 puntos. Estará integrado polas persoas que cumpren algún dos requisitos seguintes:

Ÿ Clasificación nos Xogos Olímpicos/Paralímpicos, Campionatos do Mundo absolutos, ata o rango 10.

Ÿ Clasificación en Campionatos de Europa absolutos, ata o rango 8.

Nivel 2: ata 40 puntos. Estará integrado polas persoas que cumpren algún dos requisitos seguintes:

Ÿ Clasificación nos Xogos Olímpicos/Paralímpicos, Campionatos do Mundo absolutos, entre o rango 11 ata o 18 inclusive.

Ÿ Clasificación nos Campionatos de Europa absolutos, entre o rango 9 ata o 12 inclusive.

6.1.2.-Proxecto deportivo.-O interese do proxecto presentado, a proxección de futuro da persoa deportista e a súa progresión: ata 5 puntos. (común para os grupos A, B, e C)

6.1.3.-Outros méritos.-O tribunal poderá valorar outros méritos, segundo a documentación presentada polo solicitante: ata 5 puntos. (común para os grupos A, B, e C)

Entre estes méritos poderase contemplar a pertenza da persoa deportista a un club da provincia da Coruña cunha antigüidade mínima de dúas tempadas deportivas consecutivas (no mesmo club), cumpridas, antes da data da publicación no BOP das bases da convocatoria, e a inclusión no programa preolímpico da Federación Española correspondente ou Consello Superior de Deportes.

Tamén se poderá valorar a especial dificultade ou dureza na consecución dalgunha das probas deportivas.

En caso de igualdade de puntuación, poderá terse en conta para dirimir o empate o feito de non ter percibida bolsa nas convocatorias anteriores da Deputación Provincial da Coruña, ou a data da presentación da solicitude (dándolle preferencia neste caso ás solicitudes presentadas en primeiro lugar), ou o feito de non ter solicitada calquera outra bolsa.

Os solicitantes que tivesen concedida pola Deputación Provincial da Coruña, unha bolsa os tres últimos anos consecutivos (inmediatamente anteriores ao da solicitude da bolsa), pasarán automaticamente a condición de suplentes.

6.2.-O tribunal poderá nomear os suplentes que considere oportuno, establecendo unha orde de prioridade.

Estes suplentes accederán ás bolsas unicamente no caso de existir algunha renuncia ou revogación por incumprimento das bases por parte dos titulares.

6.3.-A resolución da convocatoria darase a coñecer mediante a publicación na páxina web www.dacoruna.gal, e producirá os efectos de notificación ás persoas interesadas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e para a súa publicación na citada páxina web.

A Presidencia da Deputación ditará resolución de concesión provisional que lles será notificada aos interesados na forma prevista na convocatoria, concedéndose un prazo de 10 días naturais no que poderán desistir da solicitude ou presentar alegacións. No caso de non formular desistencia expresa ou alegacións, a bolsa considerarase aceptada tacitamente e a resolución provisional elevarase a definitiva.

A resolución de concesión provisional non crea dereito ningún a favor da persoa bolseira proposto fronte á Deputación mentres esta non lle notifique a resolución definitiva de concesión.

6.4.-Contra a resolución definitiva poderán ser interpostos, con carácter potestativo, os seguintes recursos:

Recurso de reposición, perante o presidente da Deputación Provincial, no prazo dun mes.

Recurso contencioso administrativo, ante a xurisdición contencioso administrativa, no prazo de dous meses.

Ambos os dous prazos contaranse dende o día seguinte ao da notificación da resolución da convocatoria, de conformidade co establecido na base 6.3 desta convocatoria.

A presentación dos recursos sinalados non poderá facerse con carácter simultáneo.

7.-Pagamento.

As bolsas aboaranse en dous prazos, do seguinte xeito:

* 40% á concesión da bolsa.

* 60% restante, tras a presentación da seguinte documentación:

Certificación da federación deportiva correspondente acreditativa dos resultados deportivos obtidos no ano 2018.

Informe do club ao que pertence a persoa deportista. No que conste a traxectoria deportiva, as actividades desenvolvidas pola persoa deportista durante o ano 2018, así como o aproveitamento da bolsa concedida, que deberá constar de forma expresa no informe.

A documentación para o aboamento do segundo prazo, deberá presentarse de xeito telemático dende o 2 de novembro e ata o 31 de marzo de 2019, ás 14.00 horas.

Para o pago das bolsas, os adxudicatarios destas deberán estar ao corrente nas súas obrigas tributarias. Neste senso, a persoa bolseira deberá autorizar a Deputación para que poida obter as certificacións acreditativas de que está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar o pago da bolsa.

Os pagos realizaranse por transferencia bancaria á conta indicada polo/a bolseiro/a.

Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da bolsa, terase en conta a certificación da federación e o informe favorable do club.

8.-Incumprimentos e sancións.

Unha vez transcorrido o prazo de xustificación sinalado nestas bases sen que a persoa bolseira presentase a documentación xustificativa, a unidade xestora requirirá para que a presente no prazo improrrogable de 15 días dende a notificación.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda ao dereito de cobro da bolsa outorgada, e ao procedemento de reintegro do primeiro prazo percibido, sen prexuízo das responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

A presentación da documentación neste prazo excepcional non eximirá a persoa bolseira da sanción que lle corresponda segundo a seguinte gradación:

Ÿ Atraso na presentación da xustificación ata un mes: sanción do 10% do importe da bolsa, co límite de 150 €.

Ÿ Atraso na presentación da xustificación dun mes ata tres: sanción do 20% do importe da bolsa, co límite de 400 €.

Ÿ Atraso na presentación da xustificación de máis de tres meses: sanción do 30% do importe da bolsa, co límite de 900 €.

A sanción será descontada do importe da achega provincial que se vai percibir.

9.-Obrigas dos bolseiros.

9.1.-Cumprir todas as normas establecidas nos apartados anteriores.

9.2.-Practicar a súa modalidade deportiva acudindo aos adestramentos correspondentes e participar nas probas ou encontros deportivos aos que se lle convoque, no ano 2018.

O incumprimento das condicións recollidas nas presentes bases, así como a renuncia á bolsa, terá como efecto a obrigatoriedade de devolución da cantidade percibida á que se lle engadirán os correspondentes xuros de mora.

Coas persoas que resulten beneficiarias das bolsas a deputación poderá programar algunha actividade por medio da cal se mostre o seu aproveitamento.

DISPOSICIÓN FINAL

Para os casos non previstos nas presentes bases, será de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e as Bases de execución do orzamento xeral da Deputación aprobadas para o ano 2018.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación das súas bases reguladoras.

A Coruña, 18 de maio de 2018

A Presidenta en funcions O Secretario

M.ª Goretti Sanmartin Rei José Luis Almau Supervía

2018/3535

Deporte
Deportistas y técnicos
Deporte
Promoción deportiva
Federaciones deportivas
Deporte adaptado
Eventos deportivos