Convocatoria bolsas estudos a universitarios - Boletín Oficial de A Coruña de 20-09-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Becas
  • Plazo: Ver Detalles , 20/09/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

A Xunta de Goberno Local do Concello de Betanzos, en sesión realizada o 8 de setembro de 2016, aprobou as bases da convocatoria de Bolsas de Estudos Universitarios para o curso académico 2016/2017, procedéndose a súa publicación aos efectos oportunos. O prazo de presentación será de 20 días hábiles.

BASES DA CONVOCATORIA DE BOLSAS DE ESTUDO A UNIVERSITARIOS/AS

CURSO ACADÉMICO 2016/2017

1.- OBXECTO E FINALIDADE

Estas bases teñen como obxecto regular o procedemento para a concesión, polo Concello de Betanzos, de bolsas de estudo, como medida de fomento e contribución aos gastos orixinados polo comenzo do curso escolar, así como de transporte ou estancia, dirixidas a alumnos e alumnas do municipio matriculados/as en centros de estudos universitarios.

2º.- CRÉDITO ORZAMENTARIO E CONTÍA DAS AXUDAS

O orzamento das bolsas convocadas para o curso 2016/2017 ascende á cantidade de 10.000,00 euros, con cargo á aplicación presupostaria 326/481.00.

Os importes das bolsas, segundo os tramos de renda per cápita mensual da unidade familiar, serán os seguintes:

- Rendas de 0 a 286,26 €....................400 €

- Rendas de 286,27 a 339,51 €...........300 €

- Rendas de 339,52 a 392,76 €...........200 €

- Rendas de 392,77 a 412,38 €...........150 €

3º.- BENEFICIARIOS E REQUISITOS

Poderán solicitar estas bolsas os alumnos e alumnas universitarios/as de Betanzos, ou en caso de ser aínda menor de idade os representantes legais-pai, nai, titor/a- que cumpran os seguintes requisitos:

- Estar empadroado/a no Concello de Betanzos tanto o alumno/a como a persoa solicitante da axuda de ser o caso e convivir no mesmo domicilio.

- Estar matriculado/a en ensino universitario no curso académico 2016/2017.

- Que os ingresos económicos da unidade familiar non superen a renda máxima establecida nas bases.

- Presentar a solicitude e a documentación necesaria nos prazos estipulados.

- Non ser debedor da Facenda Municipal.

- Cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario/a e coas obrigas que isto supón, tal e como se establece na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4.- SOLICITUDES E PRAZO

As solicitudes das axudas, debidamente cubertas e asinadas pola persoa solicitante, e acompañadas da documentación correspondente, presentaranse no modelo oficial que figura como anexo no rexistro xeral do Concello.

O prazo de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte á data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

5.- DOCUMENTACIÓN

Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

- Fotocopia do DNI do alumno/a solicitante da axuda.

- Fotocopia do libro de familia, o no seu defecto, documento que acredite a unidade familiar.

- Fotocopia do Título de familia numerosa se é o caso.

- Fotocopia do resgardo da matrícula nun centro universitario no curso académico 2016/2017.

- Xustificante de ingresos económicos: fotocopia da declaración do IRPF de cada membro computable da unidade familiar ou, se é o caso, certificado emitido pola Axencia Tributaria relativos ao ano 2015.

- Copia do contrato de arrendamento da vivenda e do último recibo de pagamento do alugueiro, se é o caso.

- Certificado do INEM que acredite a situación de demanda de emprego e se percibe ou non prestación, se é o caso.

- Fotocopia do certificado de discapacidade ou incapacidade nun grao igual ou superior ao 33% de ser alegada por algún membro da unidade familiar.

- Documentación acreditativa no caso de ser familia monoparental ou de ausencia de ambos os dous proxenitores: copia da sentenza de separación/divorcio, convenio regulador, resolución de medidas paterno-filiais, xustificante de acollemento familiar, defunción, etc.

- Se procede, outros documentos que acrediten incidencias familiares graves que poidan ser puntuadas no baremo, tales como violencia de xénero, cargas familiares, enfermidades crónicas/dependencia, etc.

O empadroamento e convivencia comprobarase de oficio.

As actuacións de discapacidade, familia numerosa e desemprego que non sexan acreditadas documentalmente no momento da presentación da solicitude suporá a renuncia implícita a ser valorado no epígrafe correspondente do baremo.

6.- CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN

Para proceder á adxudicación das bolsas aplicarase o seguinte baremo:

- Por cada membro da unidade familiar....................................... 2 puntos

- Discapacidade dalgún membro da unidade familiar c/u .......... 2 puntos

- Pola condición de familia monoparental .................................. 3 puntos

- Pola ausencia de ambos os dous membros parentais .............. 6 puntos

- Por familia numerosa.............................................................. 3 puntos

- Por situación de desemprego dos proxenitores (1):

- Con subsidio c/u ........................................................... 2 puntos

- Sen subsidio c/u ............................................................ 4 puntos

(1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do dia anterior ao da publicación destas bases. No caso de familias monoparentais adxudicarase a puntuación do epígrafe correspondente computado por dous.

- Renda per cápita mensual:

. De 0 a 286,26 € ............................................................. 7 puntos

. De 286,27 a 339,51 € .................................................... 5 puntos

. De 339,52 a 392,76 € .................................................... 3 puntos

. De 392,77 a 412,38 € .................................................... 1 punto

* Para os efectos destas bases, entenderase por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar de convivencia o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos anuais desta.

* Entenderase por unidade familiar de convivencia a formada por pais, titores ou gardadores e fillos menores de 18 anos ou maiores desa idade cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo a situación existente no momento de presentación das solicitudes.

* No caso de familias monoparentais, para os efectos do cálculo da renda per cápita, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Considerarase familia monoparental a constituída por un só proxenitor co que convive a/o filla/o e que constitúe o sustentador único da familia (pai/nai solteiro/a que non convivan e os cónxuxes en situación de separación, divorcio ou viuvez).

No caso de divorcio ou separación dos pais, non se considerará membro computable aquel que non conviva co causante. Si terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, e o seus ingresos serán incluídos dentro do cómputo da renda familiar.

* A renda familiar obterase da suma dos ingresos de calquera natureza obtidos por cada un dos membros computables da unidade familiar. Para os devanditos efectos teranse en conta os ingresos correspondentes ao ano 2015 e tomarase como referencia a suma da base impoñible xeral máis a base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas que non fixeron a declaración de IRPF o cálculo dos ingresos obteranse dos datos reflectidos no certificado emitido pola Axencia Tributaria, sumando os rendementos netos.

* Nos casos que proceda descontaranse os gastos derivados do alugueiro da vivenda ata un máximo de 250 € mensuais.

*Aquelas solicitudes que presenten unha renda per cápita mensual superior á máxima establecida no baremo serán resoltas como denegadas.

As bolsas serán adxudicadas ás familias que obteñan a maior puntuación ata esgotar orzamento asignado. En caso de igual puntuación terá preferencia a solicitude de renda per cápita máis baixa.

No caso de quedar bolsas vacantes, por perda da bolsa ou por renuncia voluntaria a esta dalgún adxudicatario, poderán ser outorgadas a aqueles solicitantes que lles foran denegadas por falta de crédito orzamentario por rigorosa orde de puntuación.

7.- TRAMITACIÓN E RESOLUCIÓN DAS SOLICITUDES

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, estas serán valoradas polo persoal de educación conforme aos criterios establecidos no apartado anterior.

No caso de que a documentación achegada polos solicitantes impida a valoración do expediente por estar incompleta ou defectuosa, requirirase aos interesados para que no prazo de 10 días poidan presentala, con indicación de que de non facelo así se lles terá por desestimada a súa petición.

Seguidamente as solicitudes serán fiscalizadas pola intervención municipal e se procederá a súa resolución pola Alcaldía - Presidencia e á publicación no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web da listaxe provisional de solicitudes, concedidas e denegadas, contra a que se poderán interpor reclamacións durante un prazo de dez días naturais. Finalizado este prazo será aprobada e publicada a listaxe definitiva, coa que se entenden contestadas as reclamacións presentadas.

Betanzos, 13 de setembro de 2016

O ALCALDE,

Asdo.: José Ramón García Vázquez

2016/7580

Alumnado
Familia
Familia numerosa
Familia monoparental
Escuelas
Transporte
Empleo
Empleo y contratación
Vivienda
Dependencia
Educación