CONVOCATORIA BOLSEIRO TURISMO - Boletín Oficial de Pontevedra de 24-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Becas
  • Plazo: Ver Detalles , 24/03/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Empresas y autónomos, Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

CONVOCATORIA: CREACION BOLSA DE COLABORACIÓN PARA A REALIZACIÓN DE TAREFAS DE INFORMACIÓN NA OFICINA DE TURISMO DE COVELO NO ANO 2017

Por Resolución da Alcaldía de data 17 de marzo de 2017 aprobouse a convocatoria e as bases reguladoras que a continuación se reproducen, do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de colaboración para a realización de tarefas de información na oficina de turismo de Covelo o ano 2017.

'B A S E S

PRIMEIRA. OBXECTO

Estas bases teñen por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade, unha bolsa de práctica laboral destinada a Diplomados/as ou Graduados/as en Turismo ou Técnico Superior de Guía, Información e asistencias turísticas ou equivalente, sen experiencia laboral previa, coa finalidade de promover e completar a súa formación na oficina Municipal de Turismo do Concello de Covelo.

A condición de bolseiro/a non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral ou contractual co Concello de Covelo.

SEGUNDA. DURACIÓN

A duración da bolsa será de seis meses a razón de seis horas ao día durante un total de 50 días repartidos da seguinte maneira:

Ano 2017

- Maio: 16 e 17 (2 días)

- Xuño: 5, 6, 7, 17, 18, 24 e 25 (7 días)

- Xullo: 1, 2, 3, 4, 5, 8, 9, 12, 15, 16, 19, 22, 23, 24, 25, 26, 29 e 30 (18 días)

- Agosto: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 9, 12, 13, 14, 15, 16, 19, 20, 23, 26, 27 e 30 (18 días)

- Setembro: 2, 3, 8, 9 e 10 (5 días)

O calendario inicial pode ser obxecto de modificación polo Concello de Covelo por razóns de servizo. Mantendo non obstante o número de días e horas estipuladas.

TERCEIRA. CONDICIÓNS DOS ASPIRANTES

Poderán ser beneficiarios destas bolsas as persoas físicas que, tendo plena capacidade de obrar e non estando inhabilitadas para obter axudas e subvencións públicas, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun dos países membros da Unión Europea.

2. Estar en posesión do título de Diplomado/Graduado en Turismo ou Técnico Superior de Guía, Información e asistencias turísticas ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

3. Non ter cumpridos os 31 anos de idade na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

4. Non estar incapacitado fisicamente nin padecer enfermidade que poida impedir o desenvolvemento da actividade obxecto da bolsa.

5. Non ter sido beneficiario dunha bolsa remunerada de duración igual ou superior a un ano no Concello de Covelo.

6. Non ter experiencia laboral previa na profesión ou área de coñecementos, entendendo por tal non ter estado contratado polo grupo 1, 2 ou 3 de cotización, por un período de tempo de duración non superior a 12 meses.

7. Estar inscrito/a nalgunha oficina do Servizo publico de emprego de Galicia como demandante de emprego ou mellora de emprego

8. Acreditar o coñecemento da lingua galega, nivel Celga IV.

9. Estar en posesión do carne de conducir B e ter a súa disposición de vehículo propio.

10. Estar disposto a asumir os gastos de desprazamento ó centro de traballo de destino.

11. Non estar incurso nalgunha das prohibicións sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

CUARTA. DOTACIÓN ECONÓMICA

Esta bolsa ten unha dotación económica total de 60 euros por día (correspondentes a 6 horas diarias de traballo) de realización das tarefas de información e promoción turística, sendo obxecto da correspondente retención do rendemento ó traballo e da dedución da Seguridade Social, estipuladas legalmente. Esta cantidade será incompatible con calquera outra remuneración ou axuda por parte das administracións públicas ou entidades privadas a partir do momento e que sexa concedida.

O/A bolseiro/a terá que asumir os gastos de desprazamento derivados da súa actividade.

En virtude do establecido no Real Decreto 1493/2011, de 24 de outubro, a situación do/a bolseiro/a asimilarase a un contrato de formación no referente á cotización á Seguridade Social, non existindo a obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, polo Fondo de Garantía Salarial, e pola Formación Profesional. Emporiso, utilizarase un código de conta de cotización específico para o bolseiro/a como participante en programas de formación.

QUINTA. PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As instancias dirixiranse ó Ilmo. Sr. Alcalde do Concello de Covelo e presentaranse no modelo oficial ANEXO I, no Rexistro Xeral do Concello de Covelo, en horario de 9:00 a 14:00 horas ou en calquera das formas admitidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

1. Xunto coa solicitude, debidamente cumprimentada, achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Documento acreditativo da titulación esixida ou de estar en condicións de obtela na data que remate o prazo para presentar as solicitudes.

c) Certificación do expediente académico no que conste a nota media.

d) Certificado acreditativo do coñecemento da lingua galega correspondente ó nivel Celga IV.

e) Certificación ou fotocopia compulsada dos títulos en idiomas de centros especializados (so valorarase a partires do nivel B1).

f) Declaración xurada na que a persoa interesada se compromete a renunciar, se fose seleccionado, a calquera tipo de actividade remunerada durante a vixencia da bolsa.

g) Declaración xurada de non ter sido beneficiario con anterioridade de ningunha outra bolsa remunerada no Concello de Covelo, nin nos extinguidos organismos autónomos, de duración igual ou superior a 12 meses.

h) Certificado que acredite non estar incapacitado fisicamente nin padecer enfermidade que poida impedir o desenvolvemento da actividade que constitúa o obxecto da bolsa, ou declaración xurada da persoa solicitante conforme cumpre este requisito.

i) Certificado de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social actualizado, con data posterior ó día da publicación esta convocatoria( entregar todas as páxinas)

j) Fotocopia da tarxeta de demanda de emprego ou de mellora de emprego.

k) Declaración xurada conforme se está disposto a asumir os gastos de desprazamento ó centro de traballo.

2. Para presentaren as instancias os solicitantes estarán ao disposto no artigo 23, apartados 3,4 e 5 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, en todo o que sexa de aplicación, ademais do recollido no apartado primeiro desta cláusula.

SEXTA. EMENDAS

1. Unha vez expirado o prazo de presentación de instancias, o Concello ditará unha resolución na que declare aprobada a lista de admitidos e excluídos, especificando, no seu caso, os motivos de exclusión, que será publicada na páxina web e no taboleiro de anuncios do Concello de Covelo.

Os aspirantes excluídos ou omitidos disporán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, no seu caso, o defecto que motivase a exclusión. No suposto de producírense reclamacións deberá ditarse unha nova resolución estimándoas ou desestimándoas e aprobando a lista definitiva, que se publicará na web e no taboleiro de anuncios do concello.

Dentro dese prazo poderán emendar os defectos formais da documentación acreditativa dos méritos alegados na presentación de instancias.

2. Con carácter previo á realización da entrevista persoal, a Comisión seleccionadora avaliará a documentación acreditada dos méritos presentados de acordo co establecido nestas bases.

SÉTIMA. COMISIÓN DE SELECCIÓN

Para a selección dos bolseiros constituirase unha Comisión, que estará integrada polos seguintes membros:

- Presidente: Secretaria- Interventora do Concello ou persoa en que se delegue

- Vocais: Educadora Familiar do Concello ou persoa en que se delegue

- Vocal: Traballadora Social do Concello ou persoa en que se delegue

- Vocal: Técnico do Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, ou persoa en quen se delegue.

- Secretario-Vogal: Auxiliar de Secretaria do Concello ou persoa en que se delegue

O Tribunal non poderá actuar ou constituírse sen a presenza de polo menos de tres dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente, sendo imprescindible a presenza do Presidente.

OITAVA. SELECCIÓN DOS BOLSEIROS

O proceso de selección desenvolverase en dúas fases. A primeira, de concurso e valoración da documentación presentada polos aspirantes admitidos, e a segunda, de entrevista persoal cos candidatos que superen o corte establecido na primeira fase.

1. PRIMEIRA FASE: BAREMO DE MÉRITOS

Os méritos acreditados polos interesados serán valorados conforme ós seguintes criterios:

a) Expediente académico: ata un máximo de 2,00 puntos. No caso de expedientes académicos nos que non conste nota media, calculada para as titulacións universitarias polo R.d 1125/03, e para os ciclos de formación profesional polo R.d 1147/2011, do 29 de xullo, valorarase con 0,00 puntos. No caso de que algunhas das titulacións convocadas non estea calculada polas referidas normas ou estas non se especifiquen, poderase establecer un sistema de valoración proporcional.

b) Posuír unha titulación superior distinta a esixida nas bases da convocatoria 0,50 puntos/título, ata un máximo de 1,00 punto.

c) Por ter realizado cursos universitarios de posgrao, doutorado ou máster dunha duración superior a 150 horas, relacionados co contido da bolsa, 0,50 puntos/máster, posgrao ou doutorado, ata un máximo de 1,5 puntos.

d) Por ter realizado cursos de idioma estranxeiro de nivel B1 ou superior, 0,50 puntos/nivel superior acadado, ata un máximo de 2,00 puntos.

e) Por transcorrer entre catro ou máis anos dende a finalización dos estudos de formación profesional: 0,50 puntos.

f) Por transcorrer entre tres e catro anos dende a finalización dos estudos de formación profesional: 0,40 puntos.

g) Por transcorrer entre dous e tres anos dende a finalización dos estudos de formación profesional: 0,30 puntos.

h) Por transcorrer menos de dous anos dende a finalización dos estudos de formación profesional: 0,20 puntos.

As puntuacións outorgadas serán publicadas no taboleiro de anuncios do Concello de Covelo e na páxina web ó menos dous días hábiles de antelación á data en que se celebrará a entrevista.

2. SEGUNDA FASE: ENTREVISTA PERSOAL

A entrevista terá lugar unha vez concluída a valoración de méritos e convocarase ós candidatos nun único chamamento por Resolución de Alcaldía que publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web, e quedarán decaídos no se dereito aqueles que non comparezan no lugar e día sinalado.

A entrevista versará sobre os seus méritos, nivel de idiomas e coñecementos previos do medio, a fin de poder comprobar a preparación dos candidatos nas materias relacionadas coas actividades que se van a desenvolver no destino.

A entrevista valorarase de cero a dous puntos.

Despois de rematar as entrevistas e no prazo máximo de dez días, a Comisión publicará no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello as puntuacións outorgadas e a proposta de adxudicación xunto coa relación de candidatos seleccionados, indicando o candidato/ha seleccionado/a e os correspondentes suplentes.

NOVENA. CONDICIÓNS XERAIS

Establécense as seguintes condicións xerais:

1. As funcións do/a bolseiro/a serán, entre outras, as seguintes:

- Facilitar información ó turista sobre os recursos turísticos do concello, así como calquera outra información que pola súa natureza ofreza atractivo para o visitante, actuacións que se desenvolverán a modo de prácticas na Oficina de Turismo do Concello.

- Manexo e actualización do servizo de turismo a través da páxina web do Concello de Covelo.

- Programación e organización de actividades, excursións e visitas guiadas as zonas de interese turístico do entorno municipal.

- Estudio do perfil do turista que visita o concello.

2. As persoas beneficiarias comprometeranse a observar o horario de traballo e a disciplina do centro ou entidade onde se desenvolva a súa práctica laboral co fin de non entorpecer o labor do persoal do centro.

3. O feito de aceptar e facer uso destas bolsas non xera ningunha relación laboral nin funcionarial co Concello de Covelo polo que non implica, en consecuencia, ningún tipo de compromiso para un posterior contrato ou vinculación con este Concello.

4. O pagamento do importe da bolsa realizarase por mensualidades vencidas. As cantidades

correspondentes estarán suxeitas ás retencións que procedan, de conformidade co previsto no R.d. 439/2007, de 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas.

5. Antes de que transcorran os últimos quince días do período de duración da bolsa, o beneficiario estará obrigado a presentar unha memoria sobre o conxunto dos traballos realizados, especificando os obxectivos conseguidos, a metodoloxía empregada e os principais resultados dos estudios practicados.

DÉCIMA. REVOGACIÓN E REINTEGRO DA BOLSA

O Ilmo. Sr. Alcalde de Covelo poderá, en calquera momento, mediante unha resolución motivada, revogar a bolsa a persoa adxudicataria se non cumpre debidamente as condicións esixidas nestas bases, ou as normas xerais de funcionamento do organismo, aténdose ó establecido nos artigos 36 e seguintes da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, e suspendendo o aboamento da bolsa.

De concorrer algunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, corresponderá o reintegro total cando o beneficiario incumpre total e absolutamente as condicións impostas para a concesión e a execución da bolsa.

DÉCIMO PRIMEIRA. SUSPENSIÓN

No caso de enfermidade, debidamente xustificada que impida o desenvolvemento da bolsa de práctica laboral, acreditada mediante certificado médico, poderase acordar unha suspensión temporal desta, por un período máximo de dez días. Se transcorrido este prazo non se incorpora a persoa beneficiaria, resolverase a bolsa e procederase a súa provisión, no seu caso, segundo a orde establecida na relación de suplentes. A suspensión implicará a interrupción da dotación económica, debendo restablecerse o seu aboamento coa continuidade das actividades de práctica laboral. O período de suspensión da bolsa non será contabilizado como período de goce.

DÉCIMO SEGUNDA. RENUNCIA

No caso de renuncia á bolsa, a persoa adxudicataria deberá presentar no Rexistro Xeral a correspondente solicitude dirixida ó Ilmo. Sr. Alcalde de Covelo, quen poderá adxudicar a bolsa que quede vacante ó candidato suplente polo período restante, segundo a orde de puntuación obtida no proceso de selección.

DÉCIMO TERCEIRA. DEVOLUCIÓN DA DOCUMENTACIÓN

Transcorridos tres meses desde o final do proceso selectivo, a documentación presentada, excepto a instancia, será destruída, polo que se lles recomenda ós interesados que a retiren no referido prazo.

DÉCIMO CUARTA. DEREITOS SUPLETORIOS

A convocatoria, a selección das persoas candidatas e a realización dos traballos que dan dereito á bolsa suxeitaranse ao previsto nestas bases, á Lei Xeral de Subvencións e a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.'

Estas bases e anexos para participar no proceso selectivo tamén poderán consultarse no Taboleiro de Anuncios (Sede electrónica). (www.concellodecovelo.es)

O prazo de presentación de instancias para participar no proceso selectivo é de 10 días hábiles a contar dende o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín oficial da Provincia.

Covelo, na data que figura na marxe.-O Alcalde, Juan Pablo Castillo Amigo.

Turismo
Empleo
Empleo y contratación
Formación
Formación profesional
Gallego
Idiomas
Carnet de conducir
Vehículos
Promoción turística
Estudios