Convocatoria para a concesión de subvencións municipais 2015 - Boletín Oficial de A Coruña de 26-02-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: CERRADO , 26/02/2015 hasta 26/08/2015
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

Na sesión plenaria deste Concello celebrada o día 14 de febreiro de 2015, aprobouse a convocatoria que consta deseguido para a concesión de Subvencións Municipais para o 2015, permanecerá exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello, a efectos de reclamacións, por prazo de quince días hábiles, a contar desde o seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP.

Ata o 18 de marzo de 2014, todos os interesados poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro de Entrada do Concello, na forma en que se establece na devandita convocatoria.

PROXECTO DE BASES REGULADORAS DA CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS MUNICIPAIS PARA O 2015

OBXECTO.- Constitúeo a regulación específica da convocatoria para a concesión de subvencións por parte deste Concello no 2015 segundo as normas aprobadas no marco das Bases de execución do orzamento de 2014, prorrogado para o 2015, que serán de aplicación no non previsto nela.

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES.- As subvencións que se outorguen ao amparo desta convocatoria poderán ter como finalidade a realización de actividades de carácter educativo, social, cultural, deportivo, de ocio e tempo libre e de defensa de dereitos e intereses dos veciños, o mantemento das entidades que as desenvolven e a realización de investimentos ou adquisición de equipamento por estas. Exclúense as festas patronais, ás que se aplica un tratamento diferente e as actividades de ocio que non teñan un contido predominantemente social, cultural ou deportivo.

FINANCIAMENTO.- Os créditos que se destinan para estes programas, que poderán minorarse en función das solicitudes, son o seguintes:

Para actividades

- Cultura, ocio e tempo libre: 6.500 €

con cargo á partida orzamentaria 2014.0.334.0000.48000

- Promoción e fomento do deporte: 6.500 €

con cargo á partida orzamentaria 2014.0.341.0000.48000

Para investimentos de desenvolvemento rural: 16.000 €

con cargo á aplicación orzamentaria 2014.0.414.0000.78000

BENEFICIARIOS.- Poderán ser beneficiarias todas as persoas físicas ou xurídicas, asociacións, agrupacións, comunidades veciñais, comités organizadores, etc., que carezan de fins de lucro e realicen actividades de interese xeral, en especial para este municipio, domiciliadas nel, que estean ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, que non estean incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, que cumpran os requisitos establecidos no art. 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de subvencións, e que non teñan pendentes de xustificación subvencións deste Concello concedidas en exercicios anteriores, salvo que excepcionalmente se lles concedese prórroga para iso.

SOLICITUDES.- Formalizaranse no impreso normalizado que se facilitará nas oficinas municipais (Anexo I), no que se indicará a liña á que optan, e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación. Ademais, poderase requirir a documentación complementaria que se considere oportuna. Só poderá realizarse unha solicitude para cada liña de axuda, actividade ou investimento, por beneficiario.

- Fotocopia compulsada dos estatutos e do CIF do solicitante e do NIF do representante e acreditación da súa representación.

- No caso de Comunidades veciñais ou Comités organizadores, prego de sinaturas con identificación en forma.

- Memoria explicativa da actividade ou investimento acompañado do Proxecto técnico, de ser o caso.

- Orzamento de gastos e ingresos.

- Calquera outro que sirva para valorar a solicitude

De conformidade co art. 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro (LRXAPePAC), se os documentos solicitados nos apartados anteriores estiveran en poder deste Concello, o solicitante non terá que achegalos de novo, debendo indicalo na súa solicitude.

A documentación que se presente en fotocopia, terá que estar compulsada.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación a que se refire este punto, deberase solucionar no prazo de dez días desde a recepción do requirimento.

PRAZOS.- As solicitudes presentaranse no Concello desde a súa publicación no taboleiro de anuncios e ata o 18 de marzo de 2015, en horario de oficina e ata as 15:00 horas do último día. Non se terán en conta as solicitudes que se reciban no Rexistro de Entrada unha vez transcorrido dez días hábiles desde que finalice o devandito prazo, nin as que non se presenten no modelo oficial.

No caso de solicitudes defectuosas, concederase un prazo de dez días para a súa corrección, arquivándose sen máis trámites cando non se emenden os defectos.

CONCESIÓN.- As subvencións, que xunto con outras axudas non poderán superar o 100 por 100 do custo da actividade, serán concedidas por acordo da Xunta de Goberno Local, previa proposta da Comisión avaliadora de subvencións, que estará integrada polos mesmos membros que a Xunta de Goberno Local e cos mesmos cargos.

As solicitudes seleccionaranse e determinarase o importe das subvencións correspondentes, unha vez consideradas as actividades e investimentos que teñen previsto realizar, despois da súa valoración ponderando as seguintes circunstancias:

Interese das actividades ou investimentos: 5 puntos.

Núm. de beneficiarios, directos ou indirectos, ponderados no tempo polas actividades ou investimentos: 5 puntos.

Adecuación das actividades ou investimentos que se van realizar ao interese local: 10 puntos.

Capacidade económica e participación do solicitante no financiamento: 5 puntos.

O acordo de concesión será publicado no taboleiro de anuncios municipal e notificado aos beneficiarios no prazo máximo de dous meses, que se contará desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo, os solicitantes aos que non se lles notificou resolución expresa, entenderán que a súa solicitude foi denegada.

OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS.-

- Realizar a actividade ou investimento nas condicións en que foi concedida.

- Comunicar ao concello as axudas concedidas ou que lles concedan outros entes públicos ou privados coa mesma finalidade.

- Non aplicar a subvención a finalidades distintas.

- Someterse ás actividades de comprobación e inspección do concello.

- A afectación do material perdurable adquirido á finalidade concreta da subvención, terá un prazo mínimo obrigatorio de 5 anos, así como deberá estar dispoñible para o control financeiro.

- Conservar a contabilidade precisa e os documentos xustificativos da aplicación dos fondos concedidos durante o prazo de 4 anos.

- Asumir todas as responsabilidades legais e civís das actividades que se realizan.

XUSTIFICACIÓN.- Os beneficiarios poderán xustificar a aplicación da subvención á finalidade para a que foi concedida ata as 15:00 horas do día 30 de novembro de 2015. Este prazo poderá prorrogarse por un período máximo de tres meses, logo de petición razoada formulada antes de que finalice. Unha vez transcorrido o prazo ou a súa prórroga sen xustificación, a subvención quedará anulada.

A xustificación realizarase mediante a presentación dunha declaración do beneficiario (Anexos II e III) en que acredite o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e declare se recibiu ou non outras axudas para o mesmo fin e unha relación de gastos (Anexo IV) ou certificación de obra, acompañada de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas, ou no caso de concursos, os recibos dos premios, que sumen polo menos o importe da subvención concedida e o certificado do número de conta IBAN.

O importe da subvención reducirase ata a contía xustificada cando non se efectúe a xustificación na súa totalidade.

No caso de concorrencia doutras subvencións, a xustificación deberá facerse, como mínimo, por un importe igual á suma da subvención municipal e das restantes que concorran.

A Xunta de Goberno Local, á vista da documentación que se presente, tras a comprobación previa de que o beneficiario se atopa ao día nas súas obrigacións fiscais co Concello, valorará o cumprimento da finalidade básica e, no seu caso, acordará o pagamento no prazo máximo dun mes.

Excepcionalmente poderá autorizarse o cambio dos obxectivos concretos que se detallen na memoria que serviu de base para a concesión da subvención.

Unha vez concedida a subvención poderá anticiparse ata o 75% se así o solicitan as persoas beneficiarias.

INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.- O incumprimento do disposto na presente convocatoria dará lugar á revogación e, no seu caso, reintegro da subvención.

Os beneficiarios das subvencións, quedarán sometidos ás responsabilidades e réxime sancionador establecido no artigo 82 da Lei xeral orzamentaria.

PUBLICIDADE.- Estas bases, despois de ser aprobadas polo Pleno da Corporación, publicaranse integramente no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, para o efecto de apertura da convocatoria e para que todos os interesados poidan examinala e, no seu caso, presentar as súas reclamacións no prazo máximo de quince días hábiles, a contar desde a inserción do anuncio de exposición pública no BOP.

No non previsto, estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Monfero, 19 de febreiro de 2015,

O Alcalde

Benjamín M. Rodríguez Abad

2015/1993

Actividades de ocio y tiempo libre
Ocio y tiempo libre
Deporte
Cultura
Cultura e idiomas
Educación
Fiestas Populares
Deporte
Desarrollo Local y Rural
Promoción deportiva
Desarrollo rural
Exposiciones