CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS PARA A CONSOLIDACIÓN DO PLAN COMPOST REVITALIZA - Boletín Oficial de Pontevedra de 04-12-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Convocatorias
  • Plazo: Ver Detalles , 04/12/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Administraciones públicas, Particulares
  • Documento en formato PDF

Introdución

As obrigas legais fixadas en diversos textos normativos de aproveitamento da fracción orgánica dos residuos municipais (en diante FORM) están moi lonxe de poder cumprirse nas datas fixadas de manterse inmóbil a situación actual. O obxectivo de compostar, polo menos, o 25 % da FORM antes do ano 2020 non se poderá acadar se non se comezan a dar xa pasos firmes e decididos nesta dirección.

Neste sentido, a Deputación de Pontevedra ten entre os seus obxectivos estratéxicos potenciar a área de Medio Ambiente, cun senso claro pola colaboración cos concellos a través do Plan Compost Revitaliza, no que aposta principalmente polos composteiros individuais (en diante COIN) e os centros de compostaxe comunitaria (en diante CCC).

En relación con estes últimos a Administración provincial ten instalados en 21 concellos da provincia un total de 54 CCC con 377 unidades modulares de compostaxe (en diante UMC) con capacidade unitaria para tratar a FORM producida por entre 60 e 300 persoas, que funcionan perfectamente e contan coa aprobación das veciñas e veciños que participan no proceso.

Non obstante, unha vez posto en marcha o Plan Revitaliza, resultaba preciso, para poder seguir avanzando na súa efectividade, acadar un marco máis estable para proceder á súa organización, ao cálculo de necesidades e demais aspectos.

Para cumprir esa premisa a Xunta de Goberno, na sesión do 14 de outubro de 2016, aprobou o Protocolo de actuación para a adhesión dos concellos ao Plan Revitaliza (BOPPO núm. 199, de 18 de outubro de 2016), cun corpo mínimo de obrigas ben delimitadas e definidas por parte da Deputación e dos concellos que permitan acadar os obxectivos fixados e determinar con precisión as necesidades futuras, cos seguintes obxectivos:

' Determinar as necesidades de persoal, tanto de mestras e mestres composteiros coma de persoal técnico superior ou de calquera outro tipo, necesarios para dar continuidade ao Plan

' Determinar as necesidades formativas de persoal

' Precisar as necesidades de triturado para acadar economías de escala

' Facer previsións de dotacións económicas

' Dimensionar o servizo correspondente na Deputación

' Elaborar os mecanismos de colaboración entre a Deputación e os concellos

' Dar estabilidade á colaboración da Deputación cos concellos e determinar un marco de actuación definido e previsible

Unha vez formalizada esa adhesión, cada municipio beneficiouse de varias actuacións postas en marcha pola Deputación de Pontevedra, desde a formación do persoal ata dúas liñas de subvencións convocadas para consolidar o Plan Revitaliza co obxectivo de establecer unha serie de axudas para impulsar o tratamento da fracción orgánica dos residuos municipais (FORM).

A liña 1 permítelles aos concellos adheridos dispoñer dun plan de residuos individualizado no que se estuda que parte da poboación pode compostar de xeito individual, canta pola vía dos centros de compostaxe comunitaria e canta a través dunha planta de tratamento. Tamén se terán en conta cuestións coma o tipo de recollida ou a existencia de produtores singulares.

A liña 2 tivo por obxecto subvencionar a adquisición dos COIN e CCC necesarios para a posta en marcha do novo sistema baseado na compostaxe, así como dos materiais complementarios para o seu bo funcionamento (trituradoras, remolques etc.), dotada con 1.250.557,45 euros.

Ao remate da primeira convocatoria foron 29 os concellos adheridos ao Plan Revitaliza, dos cales 24 solicitaron participar na liña 1 e 8 na liña 2, cifras que superaron as previsións iniciais e que obrigaron a Deputación de Pontevedra a facer un grande esforzo para dotarse dos medios humanos e técnicos necesarios para poder cumprir coas esixencias formuladas presentes e tamén futuras, xa que logo, nas últimas datas, se están a recibir numerosas peticións de concellos que, por diferentes motivos, non entraron nesta primeira convocatoria.

Por iso, co obxectivo de atender esta demanda dos concellos que están a demostrar un grande interese pola compostaxe, a Deputación de Pontevedra decide abrir unha nova e última convocatoria neste mandato para adherirse ao Plan Compost Revitaliza e acceder á liña 1 de subvencións, ao ser materialmente imposible atender máis concellos na liña 2 ao requirir os xa beneficiarios desta liña gran parte do persoal adscrito ao Plan Revitaliza.

Esta iniciativa provincial enmárcase no ámbito competencial que a lexislación vixente en materia de réxime local lles encomenda ás deputacións, xa que deben dirixir a súa actividade a cooperar no fomento do desenvolvemento económico e social en toda a provincia e a asegurar a prestación integral e adecuada dos servizos de competencia municipal, entre os que se atopan a recollida e o tratamento de residuos.

Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 26.2.a) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, na redacción dada pola Lei 27/2013, de 13 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, nos concellos de menos de 20.000 habitantes a Deputación coordinará a prestación dos servizos de recollida e tratamento de residuos; pola súa banda, o artigo 36.1.c) desta lei establece que é competencia da Deputación a prestación dos servizos públicos de carácter supramunicipal e, no seu caso, supracomarcal, e o fomento ou, no seu caso, a coordinación da prestación unificada de servizos dos concellos do seu respectivo ámbito territorial. En particular, asumirá a prestación do servizo de tratamento de residuos nos concellos de menos de 5.000 habitantes cando estes non procedan á súa prestación.

Nesa mesma liña, o artigo 6 da Lei 10/2008 de residuos de Galicia atribúelles ás deputacións competencia para adoptar as medidas oportunas para asegurar, conforme ao establecido na lexislación vixente en materia de administracións locais, a colaboración precisa cos concellos na prestación do servizo de recollida e xestión de residuos urbanos, e inclúe estes servizos como de carácter preferente nos plans provinciais de obras e servizos.

O artigo 30 do Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, de 18 de abril, establece que a Deputación cooperará para a efectividade dos servizos municipais, preferentemente dos obrigatorios, aplicando para este fin os medios económicos propios desta que se lle asignen ou as subvencións ou axudas de calquera outra procedencia.

En relación co exposto confecciónanse as seguintes bases reguladoras.

Primeira. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é impulsar o tratamento da FORM mediante a compostaxe, con axudas para facer fronte aos sobrecustos transitorios derivados da súa posta en marcha no período de cambio do actual sistema de recollida e tratamento ao novo sistema baseado na compostaxe, nas súas variantes complementarias COIN e CCC e, excepcionalmente, PCC, coa seguinte orde de prelación:

1.º Compostaxe individual (COIN)

2.º Centros de compostaxe comunitaria (CCC)

3.º Plantas comarcais de compostaxe (PCC)

En concreto, poderá ser obxecto de axuda a seguinte liña de subvención:

Liña 1. A asistencia técnica para a redacción dos plans municipais de recollida e tratamento de residuos domiciliarios que respondan aos criterios do Plan Compost Revitaliza por persoal técnico da Deputación de Pontevedra, coa colaboración municipal, achegando toda a información ou documentación precisa para a súa elaboración; e, excepcionalmente, a asistencia para o deseño técnico e planos acoutados das posibles PCC.

Segunda. Beneficiarios

Poderán presentar as solicitudes os concellos cun censo de poboación inferior aos 50.000 habitantes, ben individualmente ou agrupados, para as actuacións necesarias para cambiar o actual sistema por outro baseado na compostaxe.

Só poderán acollerse a estas axudas os concellos adheridos ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Terceira. Financiamento

As axudas da liña 1 relativas á colaboración técnica para a redacción dos plans municipais de recollida e tratamento de residuos domiciliarios por persoal técnico da Deputación e, excepcionalmente, ao soporte técnico para o deseño e planos acoutados das posibles PCC serán sufragadas na súa totalidade pola Deputación.

Cuarta. Criterios de concesión

En relación con esta liña de subvencións concederanse todas as solicitudes presentadas; daráselles preferencia a aqueles concellos que, pola súa dispersión da poboación, índice de ruralidade, baixa densidade etc., permitan acadar progresivamente o tratamento do 100 % da súa FORM vía COIN e/ou CCC segundo os estudos previos elaborados polo persoal técnico provincial, que lles serán facilitados aos concellos que así o soliciten; terase en conta, ademais, o aproveitamento óptimo dos recursos humanos da Deputación.

Quinta. Solicitudes e documentación

Para poder participar nesta liña de subvencións, redacción de plans, presentarase a seguinte documentación:

' Solicitude da alcaldesa ou do alcalde, xunto ao acordo de aprobación desta por parte do órgano municipal competente do concello ou concellos solicitantes, neste último caso segundo o convenio de colaboración subscrito ao respecto, de acordo co modelo anexo

' Certificación do acordo de adhesión do concello ou concellos solicitantes ao Plan Compost Revitaliza, conforme ao protocolo publicado no BOPPO núm. 199, de 18 de outubro de 2016

' Definición escrita e gráfica do ámbito aproximado no que se pretende implantar o novo sistema, de non ser en todo o concello ou concellos

' Certificado, expedido pola funcionaria ou funcionario público competente, no que se faga constar o seguinte:

a) Se o concello obtivo ou solicitou calquera outra axuda ou subvención

b) Que o concello non está incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas públicas

c) Que está ao corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social

As agrupacións de concellos que se constitúan para optar a estas axudas presentarán o seguinte:

' Acordo de solicitude de cada concello da agrupación de concellos

' Convenio de colaboración interadministrativa

' Nomeamento dunha persoa como representante legal para estes efectos

' Declaración de qué concello vai recibir o importe da axuda e de que deberá presentar a documentación para o pagamento e a xustificación

No caso de presentar incompleta a documentación á que se refire esta base requirirase ao interesado para que emende as faltas ou omisións no prazo máximo de dez días hábiles, indicándolle que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Lugar e prazo de presentación

As solicitudes irán dirixidas á presidenta da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro xeral da Deputación, no da súa sede en Vigo ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os horarios dos rexistros son os seguintes:

- Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra (avda. Montero Ríos, s/n, Pontevedra), de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas

- Rexistro da sede da Deputación en Vigo (r/ Oporto, 3, 36201 Vigo), de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Sétima. Instrución e procedemento

1.-A instrución do procedemento de concesión, que corresponde ao Servizo de Asistencia Intermunicipal, comprenderá as seguintes actividades ou fases:

a. Unha vez presentadas as solicitudes realizarase o estudo e a súa comprobación por parte do servizo instrutor

b. O xefe do servizo ten a condición de órgano instrutor. As actividades do instrutor comprenderán:

b.1. Petición de informes; o prazo de emisión será de 10 días, salvo que se autorice un prazo maior. Se o órgano instrutor o considera necesario, sobre todo no caso de investimentos, solicitará un informe dos servizos técnicos provinciais para comprobar o estado actual e, posteriormente, poder verificar a realización e valoración do investimento ou a finalidade subvencionada.

b.2. Informe-proposta do xefe de servizo no que se valorarán as solicitudes á luz dos criterios de concesión, no que se explique o sistema de valoración que se seguiu, relacionando as solicitudes por orde decrecente de puntuación e sinalando a subvención que lle corresponde a cada un deles. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas, motivando as razóns das desestimacións.

2.-Informe de fiscalización de Intervención de todos os expedientes e do informe-proposta.

3.-Estudo do informe-proposta por parte da comisión de avaliación, que neste expediente estará formada por:

Presidenta: Marina Piñeiro Novo, xefa do Servizo de Cooperación cos Municipios

Vogais: Eugenio Marcote Carballo, enxeñeiro xefe do Servizo de Cooperación cos Municipios; María Martínez Abraldes, técnica de Medio Ambiente adscrita ao Servizo de Asistencia Intermunicipal; e José Fernández López, xefe do Servizo de Orzamentos, Plans e Urbanismo

Secretario: Gabriel Rodríguez Alonso, xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal

4.-Proposta de resolución definitiva. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión, formulará a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención e a súa contía. Tamén recollerá as solicitudes rexeitadas e os motivos do rexeitamento.

5.-A proposta de resolución definitiva non crea ningún dereito a favor do beneficiario proposto fronte á Administración, mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Oitava. Resolución

1.-Unha vez aceptada, no seu caso, a proposta de resolución definitiva, o órgano competente resolverá o procedemento

2.-A resolución deberá motivarse, quedando acreditados no procedemento os fundamentos da resolución que se adopte

3.-A resolución, ademais de conter o solicitante ou a relación de solicitantes aos que se lles concede subvención, fará constar, no seu caso, de maneira expresa, a desestimación do resto das solicitudes

4.-Prazo máximo para resolver e notificar. A resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo maior ou así veña previsto na normativa da Unión Europea. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria, salvo que esta pospoña os seus efectos a unha data posterior.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Novena. Natureza e réxime xurídico

As axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria teñen a natureza xurídica de subvencións en especie, de acordo cos criterios establecidos na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

O seu réxime xurídico axústase ao disposto nestas bases, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS) e no seu Regulamento (Real decreto 887/2006, de 21 de xullo), na Lei 9/2007, de 13 de xullo, de subvencións de Galicia (LSG), na Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (LRBRL), na Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, nas bases de execución do orzamento para o exercicio 2017 e na demais normativa aplicable.

Décima. Recursos

Contra o acordo de aprobación destas bases, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao desta publicación (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas), ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto no artigo 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e todo iso no prazo establecido no artigo 46 desta lei, sen prexuízo de que se poida utilizar calquera outro recurso que se estime conveniente.

Gestión de residuos
Reciclaje
Medio Ambiente
Formación