IX Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais - Boletín Oficial de A Coruña de 22-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 22/03/2017 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

IX Concurso Fran Pérez Narf para Grupos e Artistas Musicais

Coa intención de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como para lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico, compositor para espectáculos musicais e teatrais e dinamizador cultural, que foi o cantante Fran Pérez Narf , a Deputación da Coruña convoca o IX Concurso Musical Deputación da Coruña, que pasa a denominarse a partir desta edición Concurso Fran Pérez Narf , para Grupos e Artistas Musicais , de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira

Poderá participar calquera grupo ou artista musical galego ou residentes en concellos galegos, do ámbito da música pop e variantes (folk, rock, rap, reggae...), que non fosen premiados nos cinco anos naturais anteriores do concurso.

Os/as persoas participantes non poderán formar parte de máis dun grupo dos que participen no concurso, Os/as artistas que se presenten individualmente, tampouco poderán formar parte de grupo ningún.

Segunda

Establécense os seguintes premios:

1.º clasificado: 3.000 €

2.º clasificado: 2.000 €

3.º clasificado: 1.500 €

4.º e 5.º clasificado: 1.000 €

Estas cantidades están suxeitas ás retencións legais que lles sexan de aplicación.

Os/as 5 finalistas poderán formar parte dunha programación específica de apoio á difusión da súa creatividade, que no seu momento, será impulsada ou participada pola Deputación da Coruña.

Terceira

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que poderá obterse na web: www.dacoruna.gal ou no Rexistro Xeral da Deputación.

Co impreso enviarase a seguinte documentación:

* Relación de compoñentes do grupo e instrumentos.

* Certificado ou volante de empadroamento en calquera concello galego. No caso dos grupos, deberán presentalo, polo menos, un terzo dos seus compoñentes.

* Descrición das súas necesidades técnicas, de montaxe e plano do escenario.

* Breve biografía do/a artista ou grupo.

* Informe fotográfico e de prensa.

* CD ou traballo discográfico, que deberá conter un mínimo de catro temas orixinais e compostos polo/a artista ou grupo; se o CD tivese máis de catro temas, deberán indicarse os que sexan orixinais.

O material estará correctamente identificado cos datos do/a artista ou grupo.

Cuarta

O prazo de presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 15 de xullo de 2017.

As solicitudes serán presentadas no Rexistro Xeral da Deputación e poderán ser enviadas ao enderezo da Deputación, Avda. Porto da Coruña 2, 15003 A Coruña, indicando no sobre IX Concurso Fran Pérez Narf para Grupos e Artistas Musicais.

Quinta

O xurado estará presidido pola deputada-presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito musical, nomeadas por ela.

As funcións de secretaría exerceraas o secretario da Corporación, ou a funcionaria ou funcionario en quen delegar.

A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación (www.dacoruna.gal), co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

Sexta

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 17 da Ley 40/2015, de 1 de octubre, de Régimen Jurídico del Sector Público.

As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente.

O xurado presentará a súa proposta á Presidencia da Deputación, que é o órgano competente para conceder os premios.

A decisión do xurado, que terá lugar no segundo semestre do ano 2017, será dada a coñecer a través do taboleiro e da páxina web da Deputación.

Sétima

7.1.- Preselección.

O xurado realizará unha primeira selección dun total de cinco artistas e/ou grupos despois da audición dos CD recibidos.

Os grupos e/ou artistas que resulten preseleccionados accederán á fase de actuación en directo.

7.2.- Concerto.

A actuación de cada un dos grupos ou artistas participantes terá unha duración máxima de 30 minutos, en que interpretarán temas do CD presentado.

A organización do concurso facilitaralles aos grupos e/ou artistas que accedan á fase de concerto en directo, equipo de son, escenario e equipo de iluminación; tamén fixará os horarios das probas de son e da actuación de cada un deles.

Os grupos ou artistas que participen nesta fase recibirán a cantidade de 300 € , cada un deles/as, en concepto de indemnización por gastos de desprazamento.

Oitava

Non se devolverán os CD non premiados que, a partir do día seguinte á decisión do xurado, serán destruídos.

Novena

A participación na presente convocatoria supón a total aceptación destas bases, así como a autorización á Deputación da Coruña para difundir, por un período máximo de seis meses e por calquera canle, os temas orixinais incluídos nos CD presentados polos gañadores.

A Coruña, 14 de marzo de 2017.

O Presidente da Deputación

Valentín González Formoso

2017/2274

Música
Cultura
Cultura e idiomas
Prensa
Normalización lingüística