ORDE do 21 de maio de 2015 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2015 ao abeiro do Plan de vivenda 2005-2008, regulado polo Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, e polo Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro. - Diario Oficial de Galicia de 03-06-2015

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Diario Oficial de Galicia
  • Tipo: Modificacion de subvenciones
  • Plazo: Ver Detalles , 03/06/2015 hasta ----
  • Documento en formato PDF

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda por conta da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.

A disposición transitoria cuarta do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda con cargo á Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, establece que as axudas derivadas de situacións creadas ao abeiro de plans anteriores, seguirán a súa tramitación, rexéndose de acordo coa súa normativa de orixe.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asume as competencias en materia de vivenda e solo en virtude do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Por todo o anterior e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Para os efectos do disposto no artigo 6 do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que acaden no exercicio 2015 a fase de concesión, indícanse as aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 onde figura o crédito con cargo ao que serán atendidas as axudas previstas no citado decreto:

- Para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas ao alugamento e de aloxamentos protexidos por parte de empresas privadas corresponde a aplicación 07.81.451B.770.0 por importe 124.000 €.

- Para a adquisición de vivenda protexida, usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro corresponde a aplicación orzamentaria 07.81.451B.780.1 por un importe máximo de 21.200 €.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Vivienda
Medio Ambiente
Alquiler de vivienda
Empresa
Familia