ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AXUDAS DE INCLUSIÓN SOCIAL DO CONCELLO DE LALÍN - Boletín Oficial de Pontevedra de 08-09-2016

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 08/09/2016 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

Tras a aprobación inicial polo Pleno da Corporación do Concello de Lalín, na sesión ordinaria celebrada o pasado 26 de maio de 2016, e dado que durante o período de información pública non se presentaron reclamacións, de conformidade co artigo 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, enténdese definitivamente aprobado o acordo ata entón provisional. De conformidade co previsto no artigo 70.2 da Lei 7/1985 procédese á publicación do texto íntegro de dita ordenanza.

ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AXUDAS DE INCLUSIÓN SOCIAL DO CONCELLO DE LALÍN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Constitución Española no seu artigo 39 recolle o mandato aos poderes públicos para asegurar a protección social, económica e xurídica da familia. No mesmo senso o artigo 41: 'os poderes públicos garantirán a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade.'

O artigo 148.1.20 do texto constitucional establece que as Comunidades Autónomas poderán asumir competencias en materia de asistencia social.

Segundo a Lei 7/1985, Reguladora de Bases de Réxime Local modificada pola Lei 27/2013, de 12 de decembro, de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local o municipio, para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, pode promover actividades e prestar os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal, exercendo en todo caso, como competencias propias, nos termos da lexislación estatal e autonómica, en materias tales como: avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, garante a protección total da familia; en especial, a das familias valoradas de especial consideración, ás que se lles asegura un trato preferente nos ámbitos educativos, da vivenda, cultura, novas tecnoloxías, etc. Segundo o seu artigo 8.2 :

2. O municipio, para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, poderá promover toda clase de actividades e prestar todos os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e as aspiracións da veciñanza.

O municipio exercerá, en todo caso, de conformidade co disposto na lexislación de réxime local e sectorial de servizos sociais, competencias nas seguintes materias:

a) A prestación de servizos sociais comunitarios básicos e específicos.

b) A execución de programas e proxectos destinados á atención á familia.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro,de servizos sociais de Galicia atribúe aos Concellos a competencia dos servizos sociais comunitarios básicos que teñen entre as súas funcións o estudo e diagnóstico social da comunidade, a detección e análise de necesidades e demandas no seu ámbito de intervención.

O mesmo texto normativo no seu artigo 18 establece dentro do Catálogo de Servizos Sociais as prestacións económicas orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias valoradas dos individuos ou das familias e a estimular a súa incorporación social e laboral. Así o artigo 21 dentro das prestacións económicas inclúe as axudas de emerxencia e necesidade social.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia ten por obxecto establecer e regular un conxunto de medidas e recursos específicos para as persoas en situación ou risco de exclusión social, co fin de mellorar a cohesión e a inclusión social en Galicia.

En todo caso, este tipo de axudas económicas débense conceder unicamente seguindo os criterios xerais establecidos nesta Ordenanza, e, tal como se ven facendo na actualidade, mediante unha valoración profesional que teña en conta os seguintes aspectos: a tipoloxía do problema ou necesidade social a cubrir, a pertinencia da axuda económica para dar resposta á demanda ou necesidade, o seu grao de urxencia, a non existencia doutros medios ou recursos para solucionala, a prevención de situacións de risco o desprotección para menores, a prevención de situacións de risco e/o desprotección para persoas maiores e evitar deterioro de situacións persoais que poidan abocar en procesos de exclusión social.

Por todo elo, e tendo en conta a necesidade de lograr respostas e solucións axeitadas ás diversas necesidades das persoa, sen menoscabo da necesaria homoxeneización da atención, de xeito que todo cidadán teña os mesmos dereitos ante as mesmas situacións de necesidade, independentemente do lugar de residencia, faise necesario que a organización, as normas de funcionamento e de xestión de estas prestacións se realice cos mesmos criterios en todos e cada unha das Unidades de Traballo Social que configuran o a Concellería de Benestar Social do Concello de Lalín.

En este marco normativo e en base ás competencias atribuídas ao Concello de Lalín en materia de servizos sociais nace a presente Ordenanza de Axudas de Inclusión Social:

Artigo 1 .- Obxecto e Finalidade

1-É o obxecto de esta Ordenanza a regulación das axudas de inclusión social destinadas a persoas ou familias en situación ou risco de inclusión social empadroadas e residentes no Concello de Lalín.

2-Enténdense por axudas de inclusión social as prestacións de carácter non periódico que teñen como finalidade posibilitar ou reforzar os procesos de inclusión social das persoas ou familias determinadas no artigo 2 así como atender as situacións de grave emerxencia de persoas ou familias vulnerables que poidan desencadear un proceso de exclusión social.

3-As axudas de inclusión social están destinadas a sufragar gastos extraordinarios e urxentes segundo a tipoloxía das mesmas de acordo ao artigo 8 da Ordenanza e deben formar parte de un proceso de intervención social encamiñado a superar a situación de necesidade plantexada, mediante unha axuda económica.

4-Para favorecer a súa eficacia e adecuación á súa finalidade, as persoas ou unidades de convivencia perceptoras de estas axudas vincularanse a proxectos de traballo social ou socioeducativos desenvolvidos desde os servizos sociais comunitarios que se responsabilizarán do seu seguimento.

5-As axudas de inclusión só se poderán adicar á finalidade para a cal foron concedidas.

Artigo 2 .- Persoas beneficiarias

As axudas municipais de inclusión social diríxense a aquelas persoas individuais e unidades de convivencia empadroadas e/ou residentes no Concello de Lalín que se atopen en situación ou risco de exclusión social sempre que cumpran ademais os requisitos establecidos en esta Ordenanza.

Artigo 3 .- Definicións

a) Unidade de convivencia : para os efectos de este regulamento, entenderase por tal o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio e se atopen vinculadas coa persoa solicitante por matrimonio ou relación análoga de afectividade, por adopción, acollemento ou parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo grao. Con todo, cando nunha mesma unidade de convivencia existan unha ou máis unidades familiares con menores ó seu cargo, considerarase que cada unha delas constitúe unha unidade de convivencia independente.

b) Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM): aplicarase o que estea en vigor no momento de presentar a solicitude.

c) Situación ou risco de exclusión social : enténdese que unha persoa e/ou unidade de convivencia se atopan en situación ou risco de exclusión social cando presente ausencia grave ou déficit grave de recursos económicos de acordo aos criterios do artigo 7 e concorra algún dos seguintes factores:

' Situación de desemprego.

' Situación de cargas familiares non compartidas.

' Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias aditivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.

' Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.

' Ser unha persoa vítima de violencia doméstica.

' Ter unha discapacidade valorada superior ao 33%.

' Ser inmigrante ou emigrante retornado.

' Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.

' Proceder do cumprimento de pena nunha institución penitenciaria.

' Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.

' Pertencer a unha minoría étnica.

' Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

' Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.

' Calquera outro factor non previsto expresamente neste artigo sempre que , ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Artigo 4.- Dotación Orzamentaria.

A concesión das axudas axustarase ás aplicacións orzamentarias 231.480.00 e 2311.480.00.

Artigo 5.- Réxime de incompatibilidades.

Non poderán outorgarse axudas polo mesmo concepto que se concedesen por outras administracións ou organismos públicos, excepto, se a axuda concedida non solventase a necesidade podendo, en este caso, complementarse dende esta administración sen que en ningún caso poida superar o custe total do obxecto da axuda.

Será incompatible a concesión da axuda económica co desfrute gratuíto de servizos que cubran as mesmas necesidades.

Artigo 6.- Requisitos Xerais dos/as Solicitantes.

Os requisitos para acceder a estas axudas son os seguintes:

a) Ser maior de idade ou estar emancipado/a legalmente ou, no seu defecto, ter iniciado legalmente o trámite de emancipación. No obstante, poderán solicitalas excepcionalmente aqueles/as menores que teñan fillos/as a cargo.

b) Que o/a solicitante estea empadroado/a e teñan a súa residencia efectiva no Concello de Lalín, de forma ininterrompida, cunha antigüidade mínima de seis meses a contar dende a data de presentación de solicitude.

O resto de membros que conformen a unidade de convivencia deberán estar empadroados/as no Concello de Lalín no momento de presentación de solicitude.

De este período estarán exentos/as:

Os/as solicitantes que acrediten unha situación de emigrante retornado/a de acordo ao artigo 3 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Persoas acollidas en aloxamentos institucionais.

Persoas que teñan recoñecida a condición de persoa refuxiada polo organismo competente da Administración Xeral do Estado, ou aquelas persoas cuxa solicitude de asilo se tivese admitido a trámite ou, sen admitirse, teñan autorizada da permanencia en España por razóns humanitarias ou de interese social, no marco da lexislación reguladora dos dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España e da súa integración social.

Vítimas de violencia de xénero ou doméstica que cambien o seu domicilio por motivos de seguridade.

No caso de valoración positiva do/a traballador/a social de referencia en base á diagnose social.

c) Encontrarse en situación ou risco de exclusión social segundo o artigo 3.

d) Presentar a solicitude e toda a documentación acreditativa de esa situación de necesidade.

e) Cumprir coa escolarización e asistencia regular a clase dos menores en idade de escolarización obrigatoria.

f) Non ter solicitado a persoa individual nin ningún membro da unidade de convivencia unha axuda económica de inclusión social municipal para a mesma finalidade no ano natural salvo en casos excepcionais e debidamente motivados nos que a necesidade sobrevida requira atención urxente e inmediata.

g) Non ter pendente de xustificar outra/s axuda/s de inclusión social do Concello de Lalín.

h) Non ter concedidas, no mesmo exercicio, axudas polo mesmo concepto por parte doutro organismo, entidade ou administración pública que cubran a totalidade da necesidade pola que se solicita a prestación.

i) Aceptar expresamente as condicións que figuren no proxecto de intervención consensuado coa persoa solicitante en caso de que se estime procedente.

NON poderán acceder a estas axudas municipais:

a) Cando, de existir, non se teñan utilizado as canles que outras administracións teñan establecido para atender este tipo de necesidade ( Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), Axudas de Inclusión Social (AIS) ....).

b) Cando se perda o dereito a unha prestación pública recoñecida por causas imputables á persoa solicitante da axuda.

Artigo 7.- Requisitos económicos dos/as beneficiarios/as

Considérase que non se dispón de ingresos suficientes con que atender total ou parcialmente aos gastos específicos de carácter básico, cando os recursos económicos mensuais (unha vez descontados,no seu caso, os gastos procedentes da vivenda habitual (préstamo hipotecario ou alugueiro), ata un máximo de 200€/mes), non sexan superiores ao 75 % do IPREM, para un membro, incrementándose segundo os seguintes tramos:

- 1º convivente adicional: o 14 % do importe mensual do IPREM.

- 2º convivente adicional: o 12 % do importe mensual do IPREM.

- 3º e sucesivos ou sucesivas conviventes adicionais: o 10 % do importe mensual do IPREM.

Os medios económicos computáranse de conformidade aos seguintes puntos:

- O total de ingresos que reciba nos 6 meses anteriores á formulación da solicitude o/a solicitante e as persoas que constitúan a unidade de convivencia, en concepto de salarios, rendas, pensións, retribucións, prestacións, axudas, subsidios ou calquera outra.

En caso de causa sobrevida, debidamente motivada, computaranse os ingresos correspondente ao mes inmediatamente anterior á presentación da solicitude.

- Cando se teña dereito persoal ou real sobre bens mobles ou inmobles susceptibles de producir rendemento económico terán a consideración de ingresos as rendas netas que efectivamente se perciban.

Artigo 8 .- Tipoloxía de Axudas.

a) Gastos de atención sanitaria e sociosanitaria non cuberta polos sistemas públicos de saúde.

b) Gastos de vivenda que posibiliten a permanencia da persoa ou unidade familiar no domicilio habitual:

b.1. Gastos de alugueiro de vivenda ou amortización de hipoteca.

b.2. Fianzas para alugueiro de vivenda.

b.3. Equipamento mobiliario básico da vivenda.

b.4. Débedas de subministros e servizos tales como recibos de enerxía eléctrica, auga, gas e lixo.

b.5. Altas e/ou gastos derivados de contratos de subministros.

c) Aloxamentos ( pensións, cuartos, .....) situados no Concello de Lalín.

d) Alimentación básica.- destinadas á compra de alimentos, de primeira necesidade así como alimentación infantil ou persoas con dietas especiais debida ás restricións alimenticias prescritas por facultativo/a ( persoas celíacas, diabéticas,....).

e) Produtos de hixiene e de limpeza destinados á compra de produtos básicos de uso común para a limpeza da vivenda así como de produtos de aseo persoal.

f) Gastos causados por actuacións complementarias e de acompañamento vinculadas a itinerarios de inclusión social e formación.

Artigo 9.- Número e contía de axudas

Con carácter xeral só se poderá conceder unha axuda de inclusión social do mesmo tipo por ano.

O importe das axudas modularase atendendo ao concepto concreto da necesidade, á consecución do obxectivo de satisfacer ou axudar a cubrir a necesidade, ao gasto necesario para satisfacela, á situación socioeconómica do/ a solicitante. A axuda poderá cubrir o gasto total da necesidade, cando así sexa avaliado polo/a traballador/a social que o fará constar no informe social. En xeral os importes máximos serán:

a) O máximo anual que se poderá conceder por unidade de convivencia, por un só concepto será o 60% do IPREM.

b) O máximo anual que se poderá conceder por unidade de convivencia, por varios conceptos será o 80% do IPREM.

c) Nos supostos de excepcional gravidade, o/a Concelleiro/a da área de Benestar Social poderá propor incrementar estas axudas ata o límite que considere necesario, para atender convenientemente a necesidade sobrevida, sempre que estea debidamente xustificado e avaliado no Informe do/a Traballador/a Social.

Artigo 10 .- Solicitudes e documentación

O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude, en modelo oficial e dirixida ao Sr. Alcalde, por parte da persoa interesada no Rexistro Xeral Municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo común das administracións públicas e do réxime xurídico do sector público, vixente en cada momento, acompañada da documentación esixida en cada caso.

Así mesmo poderase iniciar de oficio mediante informe emitido polos/as traballadores/as sociais que iniciarán o expediente a todos os efectos.

Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación ( en caso de que non figure en poder do Concello de Lalín ou a mesma non estea actualizada) :

a) Fotocopia do DNI do/a solicitante e dos membros maiores de 18 anos. No caso de estranxeiros:

-Cidadáns da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, Suíza e os seus familiares: certificado de inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros ou, no seu caso, tarxeta de residencia de familiar de cidadán da Unión.

-Cidadáns doutros Estados: autorización de residencia.

b) Fotocopia do libro de familia completo ou documentación oficial acreditativa dos membros da unidade.

c) Declaración do IRPF do último exercicio de todos os membros da unidade de convivencia (só no caso de que o solicitante non autorice ao Concello de Lalín para obter doutras Administracións e organismos públicos e privados a información necesaria para tramitar e resolver as solicitudes, incluída a AEAT).

d) Informe do ORAL sobre bens inmobles e vehículos de tracción mecánica.

e) De ser o caso, nóminas dos seis meses, inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude, de todos os membros da unidade.

f) Informe de Vida Laboral.

g) De ser o caso, certificado de pensións da Seguridade Social, subsidio de desemprego, RISGA ou de calquera outra prestación pública que se estea a percibir por calquera dos membros da unidade de convivencia.

h) Extracto de movementos de todas as contas bancarias das que sexan titulares calquera das persoas que integran a unidade de convivencia que inclúan os doce meses anteriores á formulación da solicitude.

i) No caso de separación ou divorcio, deberá presentar documentación acreditativa da situación, e de selo caso, de pensións alimenticias e compensatorias así como reclamación das mesmas en caso de non ser satisfeitas.

j) De ser o caso, contrato de alugueiro ou copia da escritura de constitución de hipoteca.

k) Achegarase tamén o certificado de conta bancaria para poder realizar o pagamento.

l) Orzamento e/ou factura do/s gasto/s estipulados no artigo 8.

m) Declaración de débedas de alugueiro e/ou da constitución da fianza asinada pola persoa arrendadora.

n) Certificado de conta bancaria da persoa física ou xurídica emisora do orzamento e/ou da factura.

o) Informe de facultativo/a, do sistema público de saúde, que xustifique a necesidade ou conveniencia da axuda solicitada e se está ou non cuberta polo sistema público de saúde..

p) Declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade.

q) Declaración xurada respecto do desfrute gratuíto de servizos que cubran a mesma necesidade para a que se solicita a axuda.

r) Acreditar a condición de vítima de violencia doméstica ou de xénero.

s) Compromiso de destinar a axuda á finalidade para a que é concedida.

t) Documento delegado de pago.

u) Calquera outra documentación que sexa requirida polos/as traballadores/as sociais para poder tramitar e valorar as solicitudes presentadas.

Artigo 11 .- Lugar e prazo de presentación de solicitudes

11.1. A solicitude acompañada da documentación acreditativa presentarase no Rexistro Xeral do Concello de Lalín para o seu traslado á concellería con competencias en servizos sociais.

11.2.O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto todo o ano.

Artigo 12 .- Tramitación, resolución e notificación ás persoas solicitantes

12.1 O/a traballador/a social realizará un estudio das solicitudes presentadas e emitirá un Informe social no que se recolla unha síntese, a situación, obxecto, valoración, un ditame técnico e unha proposta de intervención profesional. Para a súa elaboración terán de conta as circunstancias da persoa e/ou unidade de convivencia en relación co artigo 3, co cumprimento dos requisitos de acceso así como as características da situación concreta de necesidade ou emerxencia. A valoración social contida no informe concluirá cunha proposta sobre a idoneidade e a procedencia, ou non, da concesión da axuda de inclusión social.

Se fose necesario, requirirá para que no prazo estipulado na normativa de procedemento administrativo común das administracións públicas e do réxime xurídico do sector público vixente en cada momento, subsane a solicitude ou complete a documentación perceptiva, coa advertencia de que, de non facelo así, teráselle por desistido da súa petición, logo da resolución.

12.2. O/A Concelleiro/a delegado/a elaborará a oportuna proposta sobre a concesión ou denegación da axuda solicitada.

12.3. Unha vez completado o expediente, previa fiscalización de Intervención, elevarase ao órgano municipal competente a proposta de concesión ou denegación segundo corresponda, para que emita resolución.

Artigo 13 .- Resolución

A resolución do procedemento corresponderá ao órgano municipal competente en cada momento.

A resolución, que porá fin á vía administrativa, notificarase á persoa interesada nun prazo máximo de 10 días.

A resolución deberá producirse nun prazo máximo de 2 meses desde a solicitude, trascorrido o devandito prazo sen que se producise resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa petición.

Con respecto á resolución por silencio administrativo e ao réxime de recursos estarase ao disposto na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común das administracións públicas e do réxime xurídico do sector público.

Artigo 14.- Pagamento

Unha vez aprobada a concesión da axuda por parte do órgano competente e previa presentación da factura ou recibo correspondente, en caso de que non se tivese achegado coa solicitude, procederase ao pagamento do importe concedido.

O pagamento efectuarase á persoa física ou xurídica emisora da factura no número de conta que figure no expediente administrativo. O departamento de intervención - tesourería achegará os correspondentes xustificantes de pago ao departamento de servizos sociais.

En casos excepcionais e debidamente xustificados no expediente cabe a posibilidade de pagamento en efectivo á persoa solicitante, que deberá de presentar documentación xustificativa do emprego da axuda, para o concepto para o que foi concedida, no prazo de 60 días naturais a contar dende o día seguinte ao cobro da axuda.

En todo caso para o pagamento da axuda teranse que seguir cumprindo os requisitos que deron lugar á concesión da mesma.

Artigo 15 .- Obrigas das Persoas Beneficiarias

Serán obrigas das persoas beneficiarias destas axudas:

a) Comunicar aos servizos sociais comunitarios todas aquelas variacións habidas na súa situación socio-familiar, económica e de domicilio que puidera modificar as circunstancias que motivaron a solicitude nun prazo máximo de 15 días.

b) Destinar as cantidades concedidas aos fins para os que foron concedidas.

c) Permitir e facilitar a actuación dos servizos sociais comunitarios para avaliar a súa situación sociofamiliar e comprobar a aplicación da axuda á finalidade para a que foi concedida.

d) Presentar documentación xustificativa de aplicación dos fondos para a finalidade para a que foron concedidos, en caso de pagamento en efectivo.

e) Reintegrar os importes recibidos cando non se apliquen para os fins para os que se concederon.

f) Escolarizar aos/ás menores ao seu cargo que estean en idade escolar obrigatoria.

g) Cumprir o proxectos de intervención deseñado polo/a traballador/a social.

h) Facilitar toda a información que fose requirida pola Concellería con competencias en servizos sociais, Intervención xeral municipal, Tribunal de Contas e Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 16.- Causas de Denegación:

' Renuncia á solicitude presentada.

' Falecemento da persoa solicitante.

' Traslado da residencia do solicitante a outro Concello.

' Desaparición das causas que deron lugar á presentación da solicitude.

' Non cumprir os requisitos estipulados e/ou superar o límite económico da presente Ordenanza.

' A tipoloxía de axuda non se axusta ao establecido no artigo 8 da presente Ordenanza.

' Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 15.

' Falsidade ou ocultación de datos.

Artigo 17.- Revogación

O incumprimento, total ou parcial, das condicións establecidas nesta ordenanza e, en especial, o falseamento das condicións requiridas para acceder ás axudas, a utilización destas para finalidades distintas das previstas, o incumprimento da obriga de xustificación ou a duplicidade que infrinxa o regulado sobre compatibilidade, constituirán causas determinantes da revogación da axuda concedida, coa conseguinte obriga de reintegro das cantidades e xuros de mora correspondentes.

En canto ao réxime de infraccións e sancións aplicable e ó procedemento para a súa imposición, estarase ao previsto sobre o particular na normativa reguladoras das subvencións públicas.

Artigo 18 .- Protección de datos

De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos de carácter persoal que se faciliten na participación do presente procedemento serán incorporados nun ou varios ficheiros, cuxo responsable é o Concello de Lalín, con domicilio en Praza de Galicia,s/n -Lalín- Pontevedra, onde se poderán exercitar en todo momento os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e, se é o caso, o de oposición.

Mediante a participación no presente procedemento, os titulares dos datos persoais facilitados consenten expresamente o seu tratamento coa finalidade de levar a cabo a tramitación deste procedemento.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Entrada en Vigor

Esta ordenanza entrará en vigor segundo o disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.

Lalín, a 31 de agosto de 2016.-O Concelleiro de Benestar Social, Nicolás Mª González Casares.

Inclusión social
Servicios Sociales
Actividades de servicios sociales
Familia
Vivienda
Víctimas de violencia de género
Bienestar social
Emigración
Escolarización
Asistencia social
Hipotecas
Exposiciones
Tercera edad
Educación
Cultura
Familias en situación de vulnerabilidad
Minorías étnicas
Fomento de vivienda digna
Formación
Vehículos
Estudios
Infancia
Celiaquía
Empleo y contratación
Escuelas
Empleo