Ordenanza reguladora do premio do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira - Boletín Oficial de A Coruña de 29-05-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 29/05/2018 hasta ----
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

A Corporación municipal en pleno, en sesión ordinaria de data 26 de marzo de 2018, aprobou, con carácter inicial, a Ordenanza reguladora do premio do Concurso Internacional de novela curta Cidade Centenaria de Riveira.

Exposta ao público durante trinta días, non se presentou ningunha reclamación ou suxestión, polo que, de conformidade co establecido no art. 49 c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, enténdese definitivamente aprobada.

A teor do previsto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, e artigo 196.2 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, publícase integramente o citado texto normativo, que entrará en vigor unha vez transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985.

Por tratarse dunha disposición administrativa de carácter xeral, non procede recurso en vía administrativa, se ben poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, na forma e nos prazos que establecen as normas da indicada xurisdición.

ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO PREMIO DO CONCURSO INTERNACIONAL DE NOVELA CURTA CIDADE CENTENARIA DE RIVEIRA

Exposición de motivos

Este certame literario xurde en 2006 con motivo dos actos de conmemoración do Centenario da concesión do título de Cidade a Riveira e tras o éxito recollido grazas en boa parte ao apoio de Edicións Xerais de Galicia, ao converter a obra gañadora de cada edición nunha publicación comercial da colección de narrativa desta editorial e consolidarse nun dos certames literarios en lingua galega máis prestixiosos da nosa terra.

A área de cultura do Concello de Riveira decidiu seguir apostando polo concurso, que de xeito bianual se convoca co fin de posta en valor, promoción, apoio e difusión da literatura en lingua galega e ao tempo conmemorar esta efeméride da concesión do título de cidade a Riveira outorgado pola S.M. o Rei Alfonso XIII o 23 de marzo de 1906.

Bases ou articulado

As bases xerais que son obxecto desta ordenanza fiscal reguladora co fin de institucionalizar o certame e dar maior impulso, transparencia e publicidade ao mesmo, serán as seguintes.

1.- Obxecto.

O obxecto da presente subvención é a posta en valor, promoción, apoio e difusión da literatura en lingua galega.

2.- Requisitos dos beneficiarios.

Poderán concorrer ao certame de novela curta todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia, cun único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003) de temática libre, orixinal e inédito, non excluíndose a gañadores/as de anteriores edicións.

3.- Forma de presentación das novelas.

A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 caracteres con espazos, presentarase por quintuplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara (tipo de letra Times New Roman, tamaño 12), debidamente grampados ou encadernados co título e pseudónimo, sen firma ou calquera outro elemento que poida ser identificador do/a autor/a. Deberá ademais incorporar un CD co arquivo dixital do texto.

A plica, en sobre aparte co título e o pseudónimo, deberá conter no seu interior os datos do autor/a e fotocopia de identificación (DNI/pasaporte), así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita.

4.- Prazo e lugar de presentación dos textos.

O prazo de admisión dos orixinais regularase na convocatoria que deberá aprobar a XGL.

Os traballos, citando a correspondente edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira , remitiranse por correo postal a Concello de Riveira, Rexistro Xeral. Á/a da Área de Cultura, Praza do Concello, s/n, 15960, Riveira, A Coruña, España. Poderá presentarse tamén de xeito presencial no Rexistro Xeral ou instancia de solicitude de participación no Rexistro Electrónico ou a través dos medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común, comprometéndose a entregar os cinco exemplares impresos a posteriori e sempre antes de transcorridos dez días naturais unha vez rematado o prazo de admisión.

5.- Contía do premio.

Establécese un Primeiro e Único premio en metálico que será determinado na convocatoria que deberá aprobar a XGL, diploma conmemorativo e publicación da obra, que será realizada por Edicións Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.

O/a autor/a terá que recoller persoalmente o premio na data, lugar e hora que sinale a organización do certame, a non asistencia, ou delegación sen que estea debidamente xustificada por causa maior, suporá a renuncia a este.

6.- Procedemento de concesión do premio.

O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que non quedará deserto. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura a educación e as letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto no mes citado en cada convocatoria aprobada pola XGL, coincidindo cunha programación de transcendencia literaria e cultural organizada polo concello.

O acto de entrega do premio terá lugar na data fixada en cada convocatoria aprobada pola XGL, do cal se dará conta anticipadamente aos medios de comunicación e ás persoas interesadas. A publicación e presentación da obra gañadora establecerase tamén en cada convocatoria aprobada pola XGL, acto no que tamén se convocará a seguinte edición do certame.

Os traballos non premiados serán destruídos vinte días naturais despois do veredicto, polo que a súa reclamación farase persoalmente e con identificación na dependencia municipal a determinar nas bases específicas aprobadas pola XGL en cada convocatoria, durante ese prazo.

7.- Criterios de valoración.

Para a concesión dos premios valorarase a técnica literaria, a calidade da escritura e a orixinalidade, entre outros aspectos.

8.- Aceptación das bases.

O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das devanditas bases.

9.- Convocatoria.

A convocatoria aprobarase polo órgano competente e publicarase na BDNS e un extracto da mesma no BOP.

Disposición final primeira

En todo o non previsto nesta ordenanza de carácter xeral, será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e canto establece a normativa estatal de réxime local e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia de réxime autonómico.

Disposición final segunda

Esta ordenanza xeral, unha vez que sexa aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación, publicarase integramente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, de conformidade co establecido no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e entrará en vigor, transcorrido o prazo de quince días previsto no art. 65.2 do citado texto legal.

En Riveira, a 23 de maio de 2018.

O ALCALDE

Manuel Ruiz Rivas

2018/3691

Literatura
Gallego
Cultura
Actividades conmmemorativas
Exposiciones
Comercio y marketing
Educación
Medios de comunicación
Cultura e idiomas
Dependencia