R.P. 19837 pola que se aproban as Bases reguladoras e a Convocatoria de bolsas para estudos de danza e tres premios á excelencia na danza clásica do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación no ano 2018 - Boletín Oficial de A Coruña de 08-06-2018

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Premios
  • Plazo: Ver Detalles , 08/06/2018 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

Bases reguladoras e Convocatoria de bolsas para estudos de danza e tres premios á excelencia na danza clásica do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña no ano 2018

Por resolución do Presidente n.º 19837, do 6 de xuño de 2018, aprobáronse as Bases reguladoras e a Convocatoria de bolsas para estudos de danza e tres premios á excelencia na danza clásica do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña no ano 2018, que se transcriben deseguido:

BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA ESTUDOS DE DANZA E TRES PREMIOS Á EXCELENCIA NA DANZA CLÁSICA DO ALUMNADO DO CONSERVATORIO PROFESIONAL DE DANZA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA NO ANO 2018

1.- Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de bolsas para o perfeccionamento de estudos de danza e tres premios á excelencia na danza clásica do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza desta Deputación, con cargo á partida orzamentaria 0650/3261/481 do orzamento provincial do ano 2018, por importe total de 30.000 € .

2.- Importe das bolsas e premios.

2.1.- As bolsas terán un importe mínimo de 100 € .

A contía das bolsas establecerase en función dos seguintes criterios:

a) Importe da matrícula do curso: ata un máximo de 500 € .

b) Importe fixo por días de duración do curso, en concepto de axudas de custe, de acordo co R.D.462/2002, calculado segundo o seguinte:

* Cursos realizados en España: 76 € /día axuda completa: 28 € /día manutención e 48 € /día aloxamento

* Cursos realizados no estranxeiro: 152 € /día axuda completa; 56 € /día manutención e 96 € /día aloxamento.

c) Importe por desprazamentos: aboaranse os gastos xustificados mediante billetes de transporte público ou no caso de facerse en coche particular, a razón de 0,19 € /km.

Si a contía resultante da aplicación dos criterios citados é inferior a 100 € , denegarase a solicitude de bolsa.

2.2.- Os premios á excelencia na danza clásica concederanse a tres estudantes con sobresaliente ou matrícula de honra na materia de danza clásica no presente curso, terán un importe de 500€ e serán compatibles coas solicitudes de bolsas.

3.- Solicitantes.

Poderá participar na presente convocatoria de bolsas o alumnado do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, que queira realizar cursos de danza, tanto en España coma no estranxeiro, e para os premios as persoas que obtivesen nota de sobresaliente ou matrícula de honra na materia de danza clásica no presente curso.

Para o caso das persoas menores de idade, o/a solicitante será sempre o/a menor, e o/a representante (persoa que obrigatoriamente presenta a solicitude neste caso) será o pai, nai ou titor/titora legal do/a menor, que, ademais, se responsabilizará de todas as obrigas derivadas de que o seu fillo/a sexa titular/beneficiario/a da bolsa.

4.- Lugar e prazo de solicitude.

As solicitudes serán formalizadas nos modelos normalizados que se facilitarán na Secretaría do Conservatorio e presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación.

O prazo de presentación das solicitudes é de quince días dende o seguinte ao de publicación desta convocatoria no BOP.

A documentación tamén se poderá presentar neste prazo, en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas

5.- Documentación.

Coas solicitudes deberase xuntar a seguinte documentación:

5.1.- Fotocopia do DNI do alumno/a solicitante da bolsa e, no seu caso, de ser menor, a persoa que o represente.

5.2.- Xustificante de matrícula no Conservatorio Profesional de Danza no presente curso.

5.3.- Currículo artístico do alumno/a solicitante.

5.4.- Explicación do curso para o que se solicita a bolsa: nome e enderezo do Centro, denominación e duración do curso.

5.5.- Xustificante de matrícula no curso para o que se solicita a bolsa.

5.6.- Certificación dos datos bancarios no modelo aprobado pola Deputación.

5.7.- Escrito no que autorice á Deputación para que solicite, no seu nome, á Axencia Tributaria e á Seguridade Social, a acreditación de que a persoa solicitante está ao corrente nas súas obrigas cos citados organismos.

5.8.- Declaración doutras axudas solicitadas para o mesmo fin.

5.9.- Declaración do/a titor/a legal, no caso de seren menores de idade os/as solicitantes da bolsa.

Para os premios será necesario a presentación da documentación anterior con excepción dos apartados 5.4 e 5.5 e engadirase unha certificación da nota obtida no presente curso na especialidade de danza clásica.

6.- Composición do tribunal.

A concesión das bolsas e premios realizarase por resolución da Presidencia, despois da proposta do tribunal que será presidido pola deputada presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística, o director do Conservatorio de Danza e dous profesionais da danza.

O secretario será o da Deputación ou persoa na que delegue.

A composición do tribunal publicarase con anterioridade á súa reunión, coa finalidade de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

7.- Concesión.

Para decidir a concesión das bolsas teranse en conta os seguintes aspectos que se valorarán segundo se indica:

7.1.- O currículo académico e o nivel artístico (cualificacións, etc.): ata 50 puntos.

7.2.- A importancia e a duración do curso para o que se solicita a bolsa: ata 25 puntos.

7.3.- O informe da dirección do Conservatorio de Danza e Música: ata 25 puntos.

Para a concesión dos tres premios valorarase:

7.4.- Nota na asignatura de danza clásica: ata 50 puntos.

7.5.- O currículo académico e o nivel artístico (cualificacións, etc.): ata 25 puntos.

7.6.- O informe da dirección do Conservatorio de Danza e Música: ata 25 puntos.

A resolución da convocatoria darase a coñecer no taboleiro de anuncios da Deputación, no taboleiro de anuncios do Conservatorio Profesional de Danza e na páxina www.dacoruna.gal e producirá os efectos de notificación para as persoas interesadas.

Contra a resolución que porá fin á vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente o recurso de reposición, no prazo dun mes, dende o día seguinte ao da súa notificación ou o recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses, que se contará dende o día seguinte ao da súa notificación de conformidade co disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sen que poidan interpoñerse simultaneamente ambos os dous recursos.

8.- Pagamento.

As bolsas de importe superior ou igual a 200 € aboaranse en dous prazos, do seguinte xeito:

- O 50%, despois da presentación do xustificante da matrícula no curso para o que se solicita a bolsa.

- O 50% restante, despois da presentación da certificación de ter realizado o curso para o que se solicita a bolsa e a acreditación dos gastos correspondentes.

As bolsas de importe inferior a 200 € aboaranse nun único pago, despois da presentación da certificación de ter realizado o curso para o que se solicita a bolsa e a acreditación dos gastos correspondentes.

Os premios aboaranse nun único pago.

Para a percepción do importe da bolsa e dos premios, a persoa beneficiaria deberá estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así mesmo, deberá estar ao corrente das súas obrigas fiscais coa Deputación da Coruña, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Recadación.

9.- Obrigas dos/as bolseiros/as.

Estas bolsas e premios serán incompatibles con calquera outra axuda pública ou privada para o mesmo fin.

As bolsas deberán xustificarse antes do 31 de outubro de 2018.

Despois de transcorrer o prazo que, no parágrafo anterior, se sinala, sen que se acreditase a realización do curso para o que foi concedida a bolsa, a Sección de Cultura e Deportes iniciará o expediente de reintegro do importe percibido en concepto do primeiro prazo da bolsa, de acordo co procedemento establecido na Base 60.ª das bases de execución do Orzamento para 2018, segundo o disposto no Título II da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

10.- Protección de datos.

Os datos persoais recollidos serán incorporados e tratados no ficheiro Bolsas, premios e certames cuxa finalidade é conter os datos das persoas que solicitan ou desfrutan de bolsas financiadas pola Deputación, inscrito na Axencia Española de Protección de Datos co número do inscrición 2083510350, e poderán ser incluídos na páxina web. O órgano responsable do ficheiro é a Deputación Provincial da Coruña e o enderezo onde a persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición diante deste é a Avda. Porto da Coruña 2, 15003 A Coruña, todo o cal se informa en cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/119, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e a súa normativa de desenvolvemento.

11.- Aceptación das bases.

As persoas solicitantes aceptan, en todos os seus termos, as bases xerais da presente convocatoria, así como a resolución que corresponda, sen prexuízo do dereito á reclamación xudicial.

Para os casos non establecidos nas presentes bases aplicarase o disposto nas Bases de execución do Orzamento Xeral da Deputación da Coruña de 2018.

A Coruña, 6 de xuño de 2018.

O presidente O secretario

Valentín González Formoso José Luis Almau Supervia

2018/4189

Danza
Alumnado
Artes
Coches
Transporte público
Cultura
Música
Normalización lingüística
Deporte
Deporte