R.P. 8915/2017 pola que se aproba a convocatoria de bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos para o ano 2017 - Boletín Oficial de A Coruña de 24-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de A Coruña
  • Tipo: Becas
  • Plazo: Ver Detalles , 24/03/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Particulares
  • Documento en formato PDF

ANUNCIO

CONVOCATORIA DE BOLSAS PARA PERFECCIONAMENTO DE ESTUDOS ARTÍSTICOS PARA O ANO 2017

1.- Liñas xerais.

1.1.- Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de vinte bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, destinadas a financiar o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia durante o período 2017-2018, distribuídas nas seguintes áreas:

Área de artes plásticas e visuais: 3 bolsas

Área de danza e artes do movemento: 2 bolsas

Área de teatro e interpretación escénica: 3 bolsas

Área de música: 8 bolsas

Área de audiovisual: 2 bolsas

Área de ilustración e banda deseñada: 2 bolsas

A finalidade das bolsas é a mellora das cualificacións académicas das persoas destinatarias, completando e actualizando os seus niveis formativos.

A dotación das bolsas é de 9.000 € cada unha delas e o seu importe total, 180.000 € , impútase á aplicación orzamentaria 0612/3262/481, na que existe crédito adecuado e suficiente.

1.2.- Tramitación.

Polo que se refire ao tipo de tramitación, as bolsas desta convocatoria tramitaranse de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal.

A tramitación telemática aplicarase a todas as fases do procedemento: solicitude, concesión e pago; incluíndo en cada unha delas, as notificacións e as comunicacións, os requirimentos de información e documentación, e os envíos de documentación que foran necesarios para tramitar os expedientes.

Conforme ao disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administraciones públicas, notificarase ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten aos seus dereitos e intereses.

A resolución das persoas admitidas e excluídas e as de concesión provisional e definitiva das bolsas, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada Lei 39/2015, notificarase mediante publicación no taboleiro de edictos e na páxina web da Deputación, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente en materia de notificacións administrativas.

2.- Solicitantes.

Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas residentes na provincia da Coruña que pretendan realizar estudos de perfeccionamento artístico fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

2.1.- Acreditar a residencia en calquera concello da provincia da Coruña, mediante a presentación dun certificado ou volante de empadroamento cunha antigüidade mínima dun ano antes da data da publicación no BOP da convocatoria. A data de expedición do certificado ou volante será posterior á da publicación desta convocatoria no BOP.

2.2.- Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo ou superior nivel á dos estudos para os que se solicita a bolsa.

2.3.- Non ser titular no momento da adxudicación da bolsa e durante a duración desta, de ningunha outra bolsa de estudos para o mesmo período, aínda que os estudos sexan diferentes.

2.4.- Os/as titulares de bolsa só poderán selo en tres convocatorias. As persoas solicitantes que xa fosen titulares de bolsa en tres convocatorias anteriores estarán excluídas de participar nesta.

2.5.- Cada participante poderá presentar unha única solicitude.

Obrigas das persoas solicitantes:

Tendo en conta que a tramitación será telemática:

A persoa que solicita a bolsa deberá dispoñer dun enderezo de correo electrónico que non poderá variar ao longo de toda a tramitación do expediente, xa que as comunicacións dirixiranse a ese enderezo. Excepcionalmente poderase, de forma xustificada, modificarse o enderezo inicial coa obriga de notificar a dita circunstancia á Deputación.

Deberán dispoñer de certificado dixital:

A persoa que solicite a bolsax

A persoa que a represente perante a Deputación (se é distinta da que solicita a bolsa)x

Para o caso dos/as menores de idade a persoa solicitante será sempre o/a menor e a persoa representante será o pai, nai ou titor legal do menor, que se responsabilizará de todas as obrigas derivadas de que o seu fillo/a sexa titular/beneficiaria da bolsa.

3.- Documentación.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal

Achegarase tamén a seguinte documentación que terá que vir asinada do seguinte xeito:

No caso das declaracións, compromisos e outra documentación, pola persoa que presente a solicitude da bolsa.x

3.1.- Fotocopia do documento nacional de identidade ou do documento que regulamentariamente o substitúa.

3.2.- Área das bolsas á que opta, con indicación detallada dos estudos que vai realizar na que deberá constar expresamente:

A) Contido dos estudos a realizar, que corresponderán ao período 2017-2018.

B) Obxectivos que pretende acadar.

C) Duración, con indicación o máis aproximada posible das datas de inicio e fin, e que non será inferior a tres meses.

D) Lugar de realización.

Non se poderá optar a máis dunha área por solicitude.

3.3.- Carta de aceptación, ou aval do/a director/a ou do/a responsable do centro onde se van realizar os estudos.

Para aqueles casos nos que por razóns temporais non se poida acreditar a inscrición no centro, terá que acreditarse a aceptación para a realización das probas de acceso.

3.4.- Currículo académico e relación doutros méritos extracurriculares da persoa solicitante que irá acompañado da documentación gráfica, audiovisual e demáis que considere necesaria.

Deberá acreditarse formación previa na área de estudos para a que se solicita a bolsa de perfeccionamento.

3.5.- Certificado ou volante de empadroamento con data actualizada e con expresión da antigüidade mínima que se establece no apartado 2.2 desta convocatoria

3.6.- Declaración doutras axudas solicitadas para o mesmo fin.

3.7.- Declaración do/a titor/a legal no caso de solicitude de bolsas por menores de idade.

3.8.- Autorización á Deputación para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria e a Seguridade Social con anterioridade aos pagos.

4.- Lugar, prazo de presentación da solicitude e desistimento.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal.

A presentación telemática producirá plenos efectos xurídicos, sempre que a solicitude sexa presentada dentro do prazo establecido.

Inicio do prazo de presentación de solicitudes: 00.00 horas do día seguinte ao de publicación no BOP

Fin do prazo de presentación de solicitudes: 14.00 horas do día 27 de abril de 2017

A Deputación publicará na súa páxina web e no taboleiro de anuncios, a resolución das persoas solicitantes admitidas e excluídas polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e da súa publicación na citada páxina web.

No prazo de 10 días dende a publicación da resolución dos/as solicitantes admitidos e excluídos poderán as persoas interesadas formular as reclamacións para emendar erros. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que desiste da súa petición nos termos do artigo 85 da Lei 39/2015, de 1 de outubro.

Tamén será causa de desistencia da solicitude, non axustarse aos termos da convocatoria, ou o incumprimento dos requisitos establecidos nela.

5.- Tribunais.

Constituirase un tribunal para cada área das bolsas. Realizarase de forma conxunta cando menos a xuntanza inicial dos tribunais. De ser posíbel, o resto de sesións será igualmente conxunta .

A composición dos tribunais publicarase na páxina web da Deputación e no taboleiro de anuncios, con anterioridade á súa reunión, co fin de que poidan interpor, no seu caso, os recursos legais pertinentes.

Cada tribunal estará presidido pola deputada presidenta da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística, e tres representantes do mundo da cultura, expertos en cada un dos ámbitos, sendo secretario o da Deputación ou a persoa na que delegue, e requirirá para a súa válida constitución a maioria simple dos seus membros.

Cada un dos tribunais valorará as solicitudes que lle correspondan en función da área asignada na instancia polas persoas solicitantes; non obstante na primeira reunión que se realice, poderán reasignarse a outra área e por conseguinte a outro tribunal, aqueles proxectos que polas súas especiais características ou por erro das persoas solicitantes, non estéan correctamente clasificados, coa finalidade de que sexan avaliados polo tribunal competente.

Cada tribunal formulará a súa proposta de concesión, que será motivada, e as súas deliberacións serán segredas.

6.- Avaliación das solicitudes e resolución da convocatoria.

O órgano competente para ditar o acordo de resolución da convocatoria é o presidente da Deputación.

6.1.- Os tribunais convocarán as persoas solicitantes das bolsas das áreas de interpretación escénica, música e danza e artes do movemento para que realicen unha proba de interpretación e, de ser o caso, unha entrevista persoal para responder a preguntas do tribunal sobre os estudos ou proxecto a realizar.

As probas de interpretación serán libres, gravaranse en formato audiovisual e realizaranse a porta aberta.

O xurado poderá entrevistar nesa mesma proba as persoas candidatas coa finalidade de ampliar información sobre o proxecto a realizar.

Tamén poderán convocar ás persoas solicitantes de bolsas de artes plásticas e visuais e de audiovisual para a realización dunha entrevista persoal.

A convocatoria destas probas realizarase mediante publicación na páxina web e o taboleiro de anuncios da Deputación. As persoas aspirantes serán notificadas por vía telemática ao correo electrónico de contacto que indiquen na solicitude.

6.2.- A valoración das solicitudes realizarase de acordo cos seguintes criterios e puntuacións:

A) Áreas de artes plásticas e visuais; ilustración e banda deseñada; audiovisual:

Interese do proxecto presentado e, se for o caso, entrevista persoal: ata 4 puntos.x

Currículo académico da persoa solicitante: ata 4 puntos.x

Outros méritos extra-curriculares a valorar polo tribunal segundo a documentación presentada: ata 2 puntos.x

B) Áreas de danza e artes do movemento; teatro e interpretación escénica; música:

Interese do proxecto presentado: 2 puntos.x

Valoración da proba e entrevista, se é o caso: 3 puntos.x

Currículo académico da persoa solicitante: 4 puntos.x

Outros méritos extra-curriculares a valorar polo tribunal segundo a documentación presentada: ata 1 punto.x

A puntuación total de cada solicitante obterase pola suma das puntuacións anteriores.

Nos apartados de valoración do currículo académico e doutros méritos extracurriculares, só se terán en conta aqueles méritos debidamente documentados pola persoa solicitante.

6.3.- Os tribunais poderán declarar desertas as bolsas en calquera das áreas que son obxecto da convocatoria cando a calidade das proposta presentadas non acade os criterios mínimos para a súa concesión, despois de ter feita a súa ponderación. As bolsas desertas poderanse asignar a outra área.

6.4.- Cada tribunal poderá nomear o número de suplentes que considere oportuno, establecendo unha orde de prioridade en función da puntuación obtida. Estas persoas accederán ás bolsas, unicamente, no caso de existir algunha renuncia ou revogación polo incumprimento das obrigas desta convocatoria.

6.5.- A resolución da convocatoria será dada a coñecer mediante a publicación na páxina web www.dacoruna.gal e no taboleiro de anuncios, e producirá os efectos de notificación ás persoas interesadas, polo que a presentación leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e da súa publicación na citada páxina web.

A Presidencia da Deputación ditará resolución de concesión provisional que será notificada ás persoas interesadas na forma prevista na convocatoria, concedéndose un prazo de 10 días hábiles no que poderán desistir da solicitude ou presentar alegacións. No caso de non formular desistencia expresa ou alegacións, a bolsa considerarase aceptada tacitamente e a resolución provisional elevarase a definitiva.

A resolución de concesión provisional non crea dereito ningún a favor do/a bolseiro/a proposto fronte á Deputación mentres ésta non lle notifique a resolución definitiva de concesión.

6.6.- Contra a resolución definitiva, poderán ser interpostos, con carácter potestativo, os seguintes recursos:

Recurso de reposición, perante o presidente da Deputación Provincial, no prazo dun mes.

Recurso contencioso administrativo, perante a xurisdición contencioso administrativa, no prazo de dous meses.

Ambos os dous prazos contaranse dende o día seguinte ao da notificación da resolución da convocatoria, de conformidade co establecido na base 6.5 desta convocatoria.

A presentación dos recursos sinalados non poderá facerse con carácter simultáneo.

6.7.- Os/as titulares das bolsas, mediante exposición suficientemente razoada e por causas sobrevidas á data de presentación da documentación desta convocatoria, poderán solicitar a modificación do proxecto inicial ou o cambio por outro distinto, e sempre con anterioridade ao inicio dos estudos.

Estas solicitudes someteranse ao estudo do tribunal da área que fixo a proposta de adxudicación para os efectos de determinar se procede autorizar o cambio de proxecto ou pola contra, deixar sen efecto a adxudicación.

7.- Realización do proxecto e obrigas dos bolseiros.

Coa finalidade de acreditar a realización do proxecto, os/as titulares das bolsas terán que cumplir todas as normas establecidas nos apartados anteriores e ademáis:

7.1.- Comezar os estudos obxecto da bolsa no cuarto trimestre (setembro a decembro) de 2017, salvo no caso dos/as suplentes que poderán comezar os estudos no ano 2018.

7.2.- Presentar trimestralmente e dende a data de inicio dos estudos, memorias parciais, que virán asinadas polo/a bolseiro/a, e polo centro ou pola persoa directora dos estudos, con indicación dos pasos seguidos ata o momento da presentación e do estado no que se atopan os estudos.

7.3.- Presentar a memoria final ao finalizar os estudos, xunto co informe do centro ou do director dos estudos, con indicación do aproveitamento da bolsa e dos resultados obtidos. Esta memoria deberá presentarse no prazo de un mes dende a finalización dos estudos.

Estas memorias parciais e final serán presentadas telemáticamente a través da plataforma telemática SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal, coa fin de que o tribunal valore a súa idoneidade.

Os prazos de presentación poderán ser prorrogados despois de solicitude razoada, e sempre que se presente cunha antelación mínima dun mes con respecto á data de presentación.

A presentación fóra de prazo das memorias parciais ou da memoria final sen que medie solicitude razoada de prórroga que sexa admitida favorablemente pola Deputación, levará aparellada a imposición dunha sanción, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento, e poderá dar lugar á devolución do importe cobrado ata o momento no que se produza o incumprimento, ao que se lle engadirán os correspondentes xuros de demora.

7.4.- Os/as bolseiros/as da área de artes plásticas, ademais do anterior, entregarán á Deputación, unha obra realizada durante o período dos estudos, no prazo máximo de seis meses dende a data de pagamento do último prazo da bolsa.

7.5.- Cooperar coa Deputación nas actuacións de comprobación que sexan necesarias para verificar o cumprimento das condicións determinantes da concesión.

7.6.- Comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento do cumprimento e efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

7.7.- Comunicar a renuncia á bolsa no caso de que se produza unha causa determinante desta renuncia.

8.- Pagamento.

As bolsas aboaranse en dous prazos:

75% (6750,00 € ), despois da presentación da seguinte documentación:

A) Xustificante da matrícula ou inscripción que acredite os estudos que vai realizar.

O prazo máximo para a súa presentación é o cuarto trimestre (setembro a decembro) de 2017.

B) Impreso de comunicación de datos bancarios para o rexistro de terceiros, para os efectos de domiciliación dos importes que lle serán aboados pola Deputación da Coruña.

Este modelo atópase no enderezo: http://www.dacoruna.gal/deputación/impresos/xerais

25% (2250,00 € ), despois de finalizar os estudo e da presentación telemática da seguinte documentación:

A) Memoria final dos estudos realizados.

B) Informe do centro ou da persoa directora dos estudos, con indicación do aproveitamento da bolsa e dos resultados obtidos.

O prazo máximo para a súa presentación é de un mes dende a data de finalización dos estudos.

Para o pago das bolsas, as persoas adxudicatarias destas deberán estar ao corrente nas súas obrigas tributarias. Neste senso, o/a bolseiro/a deberá autorizar para que a Deputación poida obter as certificacións acreditativas de que está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar o pago da bolsa.

Os pagos realizaranse por transferencia bancaria á conta indicada polo/a bolseiro/a.

9.- Incumprimentos e sancións.

Unha vez transcorrido o prazo de xustificación sinalado nestas bases sen que o/a bolseiro/a presentase a documentación xustificativa, a unidade xestora requirirá para que a presente no prazo improrrogable de 15 días dende a notificación.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a pérdida ao dereito de cobro da bolsa outorgada, e ao procedemento de reintegro do primeiro plazo percibido, sen prexuízo das responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

A presentación da documentación neste prazo excepcional non eximirá ao bolseiro da sanción que lle corresponda segundo a seguinte gradación:

Atraso na presentación da xustificación ata un mes: sanción do 10 % do importe da bolsa, co límite de 150 € .x

Atraso na presentación da xustificación dun mes ata tres: sanción do 20 % do importe da bolsa, co límite de 400 € .x

Atraso na presentación da xustificación de máis de tres meses: sanción do 30 % do importe da bolsa, co límite de 900 € .x

A sanción será descontada do importe da achega provincial a percibir.

10.- Propiedade dos traballos.

A propiedade dos traballos será dos/as titulares das bolsas salvo o disposto para as incluídas na área de artes plásticas.

En calquera publicación ou estrea das obras obxecto da bolsa farase constar a publicidade do financiamento provincial.

A Deputación poderá programar algunha actividade co fin de amosar públicamente os beneficios e o aproveitamento obtidos como resultado das bolsas.

11.- Compatibilidade das bolsas.

As presentes bolsas son incompatibles con calquera outras que puideren concederse para o mesmo obxecto e período, por parte de calquera entidade ou persoa pública ou privada.

A obtención simultánea doutra axuda será causa de reintegro da bolsa adxudicada.

Disposición final.

Para os casos non previstos nas presentes bases, será de aplicación a Lei 38/2003 Xeral de Subvencións, o seu Regulamento aprobado por R.D. 887/2006, e as Bases de Execución do Orzamento Xeral da Deputación do ano 2017.

Os/as participantes nesta convocatoria aceptan en todos os seus termos as presentes bases e a resolución correspondente, sen perxuizo da presentación dos recursos pertinentes.

A Coruña, 21 de marzo de 2017.

O Presidente

Valentín González Formoso

2017/2425

Artes
Música
Danza
Teatro
Cultura
Formación
Normalización lingüística
Exposiciones