RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2015 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid. - Diario Oficial de Galicia de 19-03-2015

TIEMPO DE LECTURA:


O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2015 figura a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía do Consello da Cultura Galega na Casa de Velázquez en Madrid para contribuír, deste xeito, a acrecentar o estudo e a investigación da proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Esta resolución ten como obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid, que se inclúen como anexos a esta resolución, coa finalidade de contribuír ao estudo e investigación da proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.

As bolsas regulamentadas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. Cada bolsa estará dotada con mil euros (1.000,00) de estadía mensual por un período de tres (3) meses.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria

A contía de cada unha das bolsas será de mil euros mensuais (1.000,00 euros), coa retención fiscal que corresponda. Nesta contía están incluídos os custos da Seguridade Social (cota social e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1693/2011, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

O Consello da Cultura Galega financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, por un importe de seis mil euros (6.000,00 euros).

Para o gasto que se proxecta existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Pola súa parte, a Casa de Velázquez asumirá os gastos da hospedaxe. Proporcionará, ademais, tarifas preferenciais (boursier) para os gastos de manutención na cafetaría da Casa de Velázquez. Igualmente, ofreceralles a posibilidade de empregar os espazos de traballo e documentación da Casa de Velázquez. Do mesmo xeito, poderán participar nas actividades de investigación e creación da Casa de Velázquez.

O Consello da Cultura Galega proporcionará, en caso de ser necesario, a cada bolseiro/a o seu correspondente seguro que cubra as continxencias de accidentes e responsabilidade civil no desenvolvemento da estadía.

Terceira. Duración

A duración de cada unha das bolsas será de tres (3) meses e desenvolverase preferentemente entre os meses de abril e novembro de 2015. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa; en calquera caso, a data límite de finalización das bolsas será o 31 de decembro de 2015.

As bolseiras e os bolseiros que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarias delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación académica requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega.

d) Non incorrer nalgunha das causas de prohibicións para ser beneficiario/a, ás cales se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os formularios das solicitudes tamén estarán dispoñibles nas páxinas web do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal) e da Casa de Velázquez (https://www.casadevelazquez.org).

A presentación das solicitudes poderá, de igual forma, facerse de forma presencial no rexistro do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar; praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Documentación

Xunto coa solicitude (segundo o modelo que figura como anexo III desta orde) presentarase, ademais, a seguinte documentación en orixinal ou copia:

- Copia do DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

- Título académico requirido no anexo correspondente ou, no caso de non telo, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición (só no caso de non autorizar a súa consulta).

- Certificación académica oficial completa en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Os/as titulados/as que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación deste 1º ciclo, igualmente, con expresión da nota media do expediente académico. Os/as solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemente europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

- Currículo, acompañado da documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

- Copia título lingua galega (nivel perfeccionamento ou Celga 4).

- Presentación dunha memoria explicativa do proxecto que presenta para a obtención da bolsa, segundo se especifica no anexo correspondente. A devandita memoria debe presentarse en formato A4, mecanografada a duplo espazo e por unha soa cara, e a súa extensión non será inferior a cinco nin superior a dez páxinas. A non presentación desta memoria suporá a exclusión do candidato ou candidata.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Xerencia do Consello da Cultura Galega revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompletas as solicitudes, conter erros ou non achegar toda a documentación acreditativa dos requisitos xerais exixidos por medio desta convocatoria, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos; se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición da bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante a publicación no taboleiro de anuncios e nas páxinas web do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal) e da Casa de Velázquez (https://www.casadevelazquez.org).

Sétima. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Consello da Cultura Galega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Oitava. Protección de datos persoais

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Procesos selectivos, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Consello da Cultura Galega. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Consello da Cultura Galega, mediante o envío dunha comunicación a través do correo electrónico rexistro@consellodacultura.gal.

Novena. Instrución

A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Xerencia do Consello da Cultura Galega.

A avaliación das solicitudes será realizada por unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección terceira do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

- Presidente: un membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

- Vogais: tres persoas especialistas nos ámbitos de coñecemento para os cales se convocan as bolsas, dos que dous serán propostos pola Casa de Velázquez en Madrid.

- Secretario: o secretario do Consello da Cultura Galega.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non poden asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

Décima. Criterios xerais de selección

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

- Expediente académico, que se valorará de forma proporcional ata un máximo de 10 puntos. A nota media do expediente académico persoal calcularase de acordo co baremo establecido na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

- Currículo da persoa solicitante e experiencia dentro dos ámbitos de coñecemento aos que van destinadas estas bolsas, ata un máximo de 4 puntos.

- Memoria-proxecto elaborada polo/a candidato/a ou candidata: ata un máximo de 6 puntos. Serán criterios para ter en conta a orixinalidade do proxecto presentado e a súa relevancia para a proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polas persoas solicitantes que non fosen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

Décimo primeira. Procedemento

Unha vez rematado o proceso de avaliación dos méritos das e dos solicitantes, a comisión de valoración confeccionará un informe en que se concrete a atribución motivada das puntuacións. A Xerencia do Consello da Cultura Galega, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. Esta proposta farase pública nas páxinas web do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal) e da Casa de Velázquez (https://www.casadevelazquez.org).

Abrirase un prazo de dez (10) días hábiles, que empezarán a contar a partir do día seguinte ao da data de publicación da listaxe coa puntuación provisional, co fin de que as persoas interesadas poidan realizar as reclamacións sobre esta, nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria. Seguidamente, resolverá as reclamacións e expoñerá a seguir a listaxe definitiva de posibles bolseiros ou bolseiras, no mesmo lugar citado anteriormente, na cal figurarán os/as candidatos/as propostos/as e 5 suplentes, ordenados/as pola puntuación total, tendo en conta que só se valorarán os méritos alegados ou relacionados co anexo ao cal opte a persoa solicitante. A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a bolseira ou bolseiro seleccionada/o non se incorpore na data establecida, cando manifeste expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renuncie a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

De non presentarse solicitudes ou se ningún dos/das candidatos/as presentados/as resulta idóneo/a, a comisión de valoración poderá establecelo así no seu informe.

Décimo segunda. Resolución e publicación

O órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución ao presidente do Consello da Cultura Galega, como órgano resolutorio do expediente, na cal constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais puntos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Esta resolución de concesión da bolsa será comunicada ao director da Casa de Velázquez.

A resolución de concesión da bolsa publicarase no taboleiro de anuncios e nas páxinas web do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal) e da Casa de Velázquez (https://www.casadevelazquez.org)., mediante relación nominal do/a beneficiario/a e suplentes e demais supostos, pola que se considerarán notificados/as para todos os efectos os/as solicitantes, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as interesadas e os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, perante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, regulamentadora da xurisdición contencioso-administrativa.

De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de cinco meses, contados a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para considerar desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de concesión da subvención.

Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses, a partir da publicación da concesión das bolsas, para recuperaren a documentación presentada.

Décimo terceira. Aceptación de bolsas

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa polo/a beneficiario/a, este/a disporá do prazo de dez (10) días hábiles para comunicarlle ao Consello da Cultura Galega a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa polo/a beneficiario/a, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo unha declaración responsable na cal conste o número IBAN (International Bank Account Number), onde deberá ser aboada a bolsa.

Se nese prazo algún dos/das beneficiarios/as fai renuncia expresa da bolsa, procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

A data de incorporación establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora no prazo de 15 días hábiles seguintes á data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada de atraso, que deberá ser alegada por escrito no referido prazo. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

Décimo cuarta. Pagamento e xustificación

O pagamento da bolsa realizarase a mes vencido na conta bancaria indicada pola persoa interesada, logo da correspondente certificación emitida pola Casa de Velázquez en Madrid, sempre que as actividades desenvolvidas se realicen con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa. Co último pagamento os/as beneficiarios/as deberán presentar declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo quinta. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os bolseiros e bolseiras.

Décimo sexta. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento

a) Se algún/algunha dos/das beneficiarios/as destas bolsas decide renunciar a ela, é seleccionado/a para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se produce algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao presidente do Consello da Cultura Galega, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes.

b) As beneficiarias e os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento por parte da bolseira ou bolseiro de calquera das condicións recollidas na presente orde e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponde en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) A concesión destas bolsas será incompatible con axudas destinadas para o mesmo fin.

e) Os bolseiros ou as bolseiras seleccionadas adquirirán a obriga de mencionar a súa condición de bolseiro/a do Consello da Cultura Galega nas teses de doutoramento ou en calquera outro traballo de investigación no que participe.

Décimo sétima. Réxime de desenvolvemento

Primeira. Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Casa de Velázquez en Madrid. Os/as titores/as elaborarán un plan formativo para os/as bolseiros/as no que quedará reflectido o horario e as normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación.

Segunda. Os/as bolseiros/as seleccionados/as quedarán obrigados/as a:

a) O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Seguir as indicacións técnicas dos responsables da Casa de Velázquez en Madrid.

c) Achegar, ao finalizar a bolsa, unha memoria explicativa do resultado desta.

Terceira. A Casa de Velázquez en Madrid poderá proporlle ao presidente do Consello da Cultura Galega a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

Disposición adicional primeira

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

A concesión das bolsas reguladas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional terceira

Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2015

Ramón Villares Paz

Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Unha bolsa de estadía para a investigación na Casa de Velázquez en Madrid

Esta bolsa ten como finalidade facilitar a presenza dun/dunha investigador/a na Casa de Velázquez en Madrid.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

- Estar en posesión do título universitario de licenciado/a ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2010/11 ou posterior.

- A investigación que se vai desenvolver pertencerá ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopen en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e a proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.

- O investigador ou investigadora deberá presentar unha memoria explicativa do proxecto de investigación que resuma as características xerais da investigación que vai levar a cabo, ao cal se debe xuntar unha carta de convite dalgún centro de investigación, estudo ou documentación situado en Madrid, así como un escrito do responsable da investigación sobre o interese do proxecto.

ANEXO II

Unha bolsa de estadía de creación na Casa de Velázquez en Madrid

Esta bolsa ten como finalidade facilitar a presenza dun/dunha creador/a na Casa de Velázquez en Madrid. Está destinada a creadores ou creadoras do ámbito das artes visuais (agás pintores e escultores) ou músicos.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

- Estar en posesión do título universitario de licenciado/a ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2010/11 ou posterior.

- O creador ou creadora deberá presentar unha memoria explicativa que resuma as características xerais do proxecto que vai levar a cabo.

- Os proxectos de artes visuais (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo) ou composición musical deberán estar avalados por un responsable dun centro de creación, dun museo, dun conservatorio, etc. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

Cultura
Investigación
Gallego
Educación
Formación
Idiomas
Dependencia
Ciencia
Artes
Música
Museos