SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA APOIAR O DESENVOLVEMENTO DE FESTIVAIS MUSICAIS E DE ARTES ESCÉNICAS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA-ANO 2017 - Boletín Oficial de Pontevedra de 27-03-2017

TIEMPO DE LECTURA:

  • Boletín: Boletín Oficial de Pontevedra
  • Tipo: Bases
  • Plazo: Ver Detalles , 27/03/2017 hasta ----
  • Beneficiarios: Asociaciones y economía social, Particulares
  • Documento en formato PDF

A Xunta de Goberno desta Deputación, na súa sesión ordinaria do 17 de marzo de 2017, adoptou, entre outros asuntos, aprobar as seguintes Bases:

BASES DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA APOIAR O DESENVOLVEMENTO DE FESTIVAIS MUSICAIS E DE ARTES ESCÉNICAS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA-ANO 2017

A Deputación de Pontevedra, dentro do seu obxectivo xenérico para promover e fomentar a cultura galega nas múltiples e variadas expresións artísticas, co fin de impulsar os sectores das artes escénicas e musicais na provincia de Pontevedra, establece as bases reguladoras de concesión de subvencións públicas destinadas a promover, fomentar e difundir as actividades teatrais e musicais que se levan a cabo no seu ámbito territorial, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa provincia co fin de contribuír á promoción, protección e difusión do patrimonio cultural do teatro e a música.

En consecuencia, a Deputación de Pontevedra aproba a convocatoria de concesión de axudas para apoiar o desenvolvemento e organización de festivais e certames de artes escénicas e de música na provincia de Pontevedra-Ano do Patrimonio 2017, que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e procedemento de concesión

1. Esta convocatoria ten por obxecto regular as axudas para a organización de festivais ou certames musicais e teatrais de recoñecido prestixio que teñan lugar na provincia de Pontevedra e que dediquen unha especial atención á programación e difusión da música e do teatro galego, ademais das outras variantes artísticas e que se levasen a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos.

Deste xeito, establécense dúas modalidades de actuación dentro da presente convocatoria:

1.1. Modalidade Festivais de música

1.2. Modalidade Festivais de artes escénicas

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

2.1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia e igualdade

2.2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados por esta administración

2.3. Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos

3. A concesión das axudas, de acordo co establecido no punto anterior, efectuarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva establecido no artigo 22.1 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).

4. Quedan excluídas desta convocatoria e, polo tanto, non serán obxecto de subvención, as seguintes actividades:

' As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación como festivais e certames organizados por bandas de música, asociacións e grupos folclóricos, rondallas, agrupacións e masas corais

' Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano

' Os gastos gastronómicos, agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria, para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, convocándose con cargo á aplicación 17/330.3340.489.05 do Orzamento da Deputación para o ano 2017 por un importe total de cento vinte mil (120.000) euros.

Terceira. Beneficiarios

Poderán solicitar estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

' Carecer de fins de lucro (acreditándoo cunha declaración responsable da persoa representante)

' Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra

' Non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas

' Non estar incurso nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei

' Estar ao corrente coas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, coa Facenda autonómica e coa Deputación de Pontevedra

Cuarta. Requisitos dos festivais

Para a modalidade Festivais de Música teñen que cumprir os requisitos seguintes:

a) Que se leve a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2017

b) Ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito grupos.

c) Que participen un mínimo de catro grupos galegos ou que teñan a presenza de máis de 15 compoñentes galegos e que se interpreten obras de autoría galega.

d) Ter realizado un mínimo de dúas edicións consecutivas anteriores á convocatoria destas bases

e) Incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector musical galego e/ou de formación musical

f) Empregar a lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais.

Para a modalidade Festivais de Artes Escénicas, teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) Que se leve a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2017

b) Ter unha duración mínima de dúas xornadas e contar cun mínimo de oito compañías

c) Que participen un mínimo de tres compañías galegas ou que se poñan en escena obras de autoría galega e que empreguen a lingua galega nas súas representacións

d) Ter realizado un mínimo de dúas edicións consecutivas anteriores á convocatoria destas bases

e) Incluír na programación actividades paralelas de posta en valor do sector teatral galego e/ou formativas

f) Empregar a lingua galega na comunicación nos diferentes soportes e no desenvolvemento das actividades paralelas, sen prexuízo do uso doutras linguas oficiais.

Quinta. Lugar e prazo de presentación

Estas bases reguladoras publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e con posterioridade remitiráselle a convocatoria á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), que será a que lle traslade ao BOPPO o seu extracto, sen prexuízo da súa inserción na web www.depo.gal e no taboleiro de anuncios.

O prazo para presentar as solicitudes empezará a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará o 17 de abril de 2017.

Entregaranse no Rexistro da institución provincial:

' Sede de Pontevedra: avda. Montero Ríos, s/n (de luns a venres)

' Sede de Vigo: rúa Oporto, 3 (de luns a venres)

Ou de calquera das formas previstas no artigo 16.4 da LPACAP.

A presentación da solicitude implicará que se autoriza a Deputación para o tratamento automatizado de todos os datos contidos nela.

As solicitudes presentadas fóra do prazo establecido non serán admitidas nesta convocatoria.

Se a solicitude non reúne os datos esixidos na convocatoria ou calquera dos previstos no artigo 66 da LPACAP requiriráselle ao interesado, de conformidade co establecido no artigo 68 da citada lei, para que nun prazo de 10 días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicándolle que, no caso de non o facer, terase por desistido da súa solicitude, que se arquivará sen máis trámites.

Naqueles casos nos que, despois de lle requirir a documentación, sigan sen completala, arquivarase a solicitude sen máis trámites.

Sexta. Solicitudes e documentación

As entidades interesadas poderán presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria, que se formalizará nos modelos normalizados que se facilitan no Rexistro xeral do organismo provincial, no da súa sede de Vigo, no Servizo de Cultura e Lingua ou na páxina www.depo.gal, á que se achegará ademais a seguinte documentación mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

a) Se a que solicita é unha persoa xurídica:

' Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade, actualizada (coa sinatura dixital), só no caso que se denegue expresamente a súa consulta

' Fotocopia cotexada do DNI da persoa representante legal da entidade, só no caso que se denegue expresamente a súa consulta

b) Se a que solicita é unha persoa física, copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade

c) Documentación específica requirida:

' Memoria completa e detallada do proxecto para o que se solicita a subvención, achegando os datos solicitados para este e que se axustarán aos criterios de valoración especificados na letra b) da base oitava, asinada pola persoa representante

' No caso de acreditar a presenza de máis de 15 compoñentes galegos, fotocopias cotexadas dos seus DNI ou certificados de empadroamento.

' Orzamento detallado e totalizado da actividade obxecto da subvención (incluíndo as cantidades, os prezos unitarios,o IVE detallado), no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo segunda, xunto coa previsión de ingresos, asinado pola persoa representante.

' Memoria da última edición do festival, na cal se detallen a súa antigüidade e as especificacións axustadas aos criterios de valoración que aparecen na letra a) da base oitava, asinada pola persoa representante. A esta memoria achegarase unha declaración responsable sobre a veracidade da información, que a Deputación de Pontevedra poderá comprobar en calquera momento.

' Dossier de prensa da última edición do festival.

' Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade para a que se solicita a subvención

Sétima. Autorizacións e consentimentos

A presentación da solicitude de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para consultar automaticamente datos en poder das administracións públicas (CIF da Entidade e DNI da persoa representante) e para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 23.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar a documentación necesaria e as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Oitava. Valoración e concesión

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a adxudicación das subvencións os seguintes criterios:

A. Criterios de valoración con respecto aos datos da edición 2016 (ata 50 puntos)

1. Número de grupos-compañías ou integrantes (contabilizar só un apartado): máximo 20 puntos.

1.1. Grupos-compañías ou con integrantes galegos: 1,5 puntos por grupo/compañía ou 0,5 puntos por integrante. Máximo 6 puntos

1.2. Grupos-compañías ou con integrantes do resto do Estado : 1 punto por grupo ou 0,5 puntos por integrante. Máximo 4 puntos

1.3. Grupos- compañías ou con integrantes internacionais: 2,5 puntos por grupo ou 0,5 puntos por integrante. Máximo 10 puntos

2. Asistencia ao festival. Achegarase documentación que o acredite: máximo 5 puntos.

2.1. Entre 500 e 1.000 espectadores: 1,5 puntos

2.2. Entre 1.001 e 5.000 espectadores: 2,5 puntos

2.3. Máis de 5.000 espectadores: 5 puntos

3. Actividades e/ou accións paralelas desenvoltas. Cada acción só poderá puntuar en cada un dos apartados onde se insira: máximo 10 puntos

3.1. Destinadas ao sector musical ou escénico: charlas, publicacións, apertura canles de distribución ou outras acción: 1 punto por acción. Máximo 5 puntos.

3.2. Destinadas a novos públicos, específicos e/ou en risco de exclusión: 1 punto por actividade ou acción. Máximo 5 puntos

3.3. Destinadas a proxectar o festival agás os días en que este teña lugar: 1 punto por actividade ou acción. Máximo 5 puntos

3.4. Destinadas ao fomento da lingua galega: 1 punto por grupo que teña no seu repertorio cando menos cinco temas en galego ou composicións de artistas galegos. No caso das compañías teatrais computarán as que se desenvolvan en galego. Máximo 5 puntos

4. Aportacións propias ó proxecto. Terase en conta a solidez financeira do festival, para o que se valorarán as achegas de fondos propios da entidade organizadora e os patrocinios de entidades privadas con respecto ao orzamento subvencionable (con IVE), admitindo como fondos propios as achegas de financiamento doutras administracións públicas, das cales se obtivese algún tipo de axuda

Valoraranse as aportacións propias realizadas ó proxecto de acordo coas seguintes porcentaxes: máximo 15 puntos.

4.1. Entre o 15 e o 30% do orzamento: 7 puntos

4.2. Entre o 30,01 e o 50 % do orzamento: 10 puntos

4.3. Máis do 50 % do orzamento: 15 puntos

B. Criterios de valoración da proposta para o ano 2017 (ata 50 puntos)

1. Antigüidade do festival: máximo 20 puntos

1.1. De 3 a 5 edición: 5 puntos

1.2. De 6 a 8 edicións: 10 puntos

1.3. Máis de 8 edicións: 20 puntos

2. Actividades paralelas que se vaian levar a cabo: máximo 10 puntos.

2.1. Destinadas ao sector musical ou teatral profesional: Charlas, publicacións, apertura de canles de distribución ou outras accións: 1 punto por acción. Máximo 5 puntos

2.2. Destinadas a novos públicos específicos e/ou en risco de exclusión: 1 punto por actividade ou acción. Máximo 5 puntos

2.3. Destinadas a proxectar o festival excepto os días en que este teña lugar: 1 punto por actividade ou acción. Máximo 5 puntos.

2.4. Destinadas ao fomento da lingua galega: 1 punto por grupo que teña no seu repertorio cando menos cinco temas en galego ou composicións de artistas galegos. No caso das compañías teatrais computarán as que se desenvolvan en galego. Máximo 5 puntos

3. Viabilidade do proxecto. Valorarase a porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento global (con IVE) do proxecto: máximo 20 puntos

3.1. 70 % do orzamento: 5 puntos

3.2. Entre o 50 % e o 69,99 % do orzamento: 10 puntos

3.3. Menos do 50 % do orzamento: 20 puntos

Quedarán excluídos de subvención aqueles festivais que non alcancen un mínimo de 50 puntos no total dos criterios de valoración.

Novena. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao xefe do Servizo de Cultura e Lingua, quen realizará de oficio todas as actuacións que estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos cales elaborará un informe-proposta no que figura a valoración das solicitudes segundo os criterios sinalados na base oictava, explicando o sistema seguido, de conformidade co previsto no artigo 19 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra e no artigo 24 da LXS.

Posteriormente realizarase un estudo do informe-proposta do xefe do Servizo pola Comisión de valoración das solicitudes de subvención, órgano colexiado composto por:

' Presidencia: o deputado de Cultura e Normalización Lingüística

' Vogalía: dous membros do equipo técnico do Servizo de Cultura e Lingua

un membro do equipo técnico do Servizo de Intervención

' Secretaría: un membro do funcionariado do Servizo de Cultura e Lingua, que actuará como secretario sen voto

A Comisión de valoración poderá:

1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver

2. Emitir un informe respecto das solicitudes de subvención

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

A resolución do procedemento notificaráselles aos interesados conforme ao previsto no artigo 40 da LPACAP.

Logo de transcorridos seis meses a partir do día seguinte en que finalice o prazo de presentación da solicitude sen lles notificar a resolución ás persoas interesadas estarán lexitimadas para entender como desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

Décima. Modificación da resolución

O beneficiario da subvención poderá solicitar a modificación da resolución de concesión, sempre que non se varie o contido ou a finalidade da axuda e non se danen dereitos de terceiros, axustándose ó establecido no artigo 64 do Regulamento da LXS (R. d. 887/2006, de 21 de xullo) e no artigo 16 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra.

A solicitude de modificación deberá estar suficientemente xustificada e presentarase no prazo dun mes desde a notificación da concesión da axuda.

Décimo primeira. Xustificación

As persoas beneficiarias da subvención, logo de concedida, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal se concederon, de acordo co proxecto achegado na solicitude.

Unha vez notificada a aprobación das subvencións concedidas e realizado o festival as persoas beneficiarias deberán xustificalas antes do 30 de marzo de 2018.

Para cobrar a subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na solicitude de subvención, debidamente asinada, na que se indique a programación realizada e os resultados obtidos.

b) Orixinais ou copias cotexadas de facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando en cada factura o número de unidades, os prezos unitarios destas e mais o custo total de cada unidade.

c) Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de relevo que os gastos que figuran na antedita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontran no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación para o seu exame, tal como se establece na base 25.8.2.c das de execución do vixente Orzamento provincial.

d) Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial, sen que se aboe máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida, establecéndose unha porcentaxe de desviación máxima no custo dos diferentes conceptos da actividade subvencionada con respecto ao orzamento inicial pormenorizado (que non debe superar o 20%)

e) Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da institución provincial do investimento subvencionado, mediante soportes publicitarios, físicos ou telemáticos, incluíndo o logo de Deputación de Pontevedra-Ano do Patrimonio.

f) Declaración de que non se recibiron outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e a declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada.

g) Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ao corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación, situación que determinará de oficio a propia institución.

Décimo segunda. Gastos subvencionables

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 23 do Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte, no cal se fará constar o logotipo da Deputación de Pontevedra, seguindo as súas normas de identidade corporativa

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais

d) Xestión de películas: dereitos de exhibición e transporte de copias

e) Premios consistentes en cantidades dinerarias e/ou galardóns oficiais, en cuxa convocatoria e publicidade constará a colaboración desta institución provincial: fabricación de estatuíñas, galardóns ou similares que se entreguen como premios do festival

f) Gastos de viaxes, de aloxamento e manutención das persoas participantes nas actividades propostas

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

En ningún caso serán subvencionables:

' Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade

' Os gastos de soldos, salarios ou calquera outro tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora do festival

' Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante

' Gastos protocolarios

' Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural

' Os gastos excluídos no artigo 23 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra

Décimo terceira. Obrigas das e dos beneficiarios

A realización dos festivais será de exclusiva responsabilidade das entidades, así como as obrigas fiscais e de seguridade social que delas se deriven. As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se fixese antes da solicitude da subvención

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado

c) Notificarlle á Deputación de Pontevedra as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Intervención da Deputación de Pontevedra, segundo a súa normativa

e) Facer constar os logotipos da Deputación de Pontevedra, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada

f) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións

Décimo cuarta. Pagamento

Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

' No caso de que se xustifiquen gastos polo 100 % do orzamento subvencionado aboarase a totalidade da subvención

' No caso de que se xustifiquen gastos inferiores ao 100 % aboarase a parte proporcional da subvención

O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada pola persoa perceptora.

Décimo quinta. Incumprimento

Logo de vencido o prazo de xustificación sinalado na base décimo primeira sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación xustificativa o Servizo de Cultura e Lingua requiriralle que a presente no prazo improrrogable de quince días.

De non presentar a documentación neste prazo perderase a subvención coas demais responsabilidades previstas na LXS.

Décimo sexta. Devolución e reintegro

As subvencións concedidas deberán devolverse ou reintegrarse nos seguintes casos:

' Por obtelas falseando as condicións requiridas

' Por non aplicalas aos fins para os que foron concedidas

' Por incumprir as persoas beneficiarias as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

Décimo sétima. Órgano de aprobación

De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do Orzamento para o ano 2017 e cumprindo o establecido no artigo 18 da LXS o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

Décimo oitava. Recursos

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou no prazo dun mes, entendéndose como desestimado se transcorre este período de tempo sen contestar; neste caso poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, como se prevé no artigo 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Igualmente, contra esta resolución tamén poderá interpoñerse directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo indicado. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entende desestimado.

Décimo novena. Dereito supletorio

Para o non disposto nestas bases contemplarase o establecido na Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra nas bases de execución do Orzamento xeral da Deputación do exercicio 2017, na LXS e na demais lexislación de desenvolvemento.

Con carácter supletorio, rexerá a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) e a Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

Música
Artes Escénicas
Cultura
Teatro
Gallego
Artes
Cultura e idiomas
Patrimonio cultural
Gastronomía
Formación
Prensa
Normalización lingüística
Transporte
Alquiler de vivienda
Empresa