Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE ARES. PERSOAL LABORAL (15100020012015) de Coruña
Convenios
Convenio Colectivo de Emp... de Coruña

Última revisión
18/03/2015

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE ARES. PERSOAL LABORAL (15100020012015) de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 19 de Marzo de 2015 en adelante

Tiempo de lectura: 118 min

Tiempo de lectura: 118 min

Documento oficial en PDF(Páginas 40-76)

Resolucion de inscricion e publicacion do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Ares (Boletín Oficial de A Coruña num. 52 de 18/03/2015)

Visto o expediente do Colectivo de traballo do PERSOAL LABORAL DO CONCELLO DE ARES (código n.º 15100020012015), que foi subscrito pola Comisión negociadora o día 7 de xaneiro de 2015, e ratificado polo Pleno da Corporación o 13 de febreiro de 2015, de conformidade co disposto no artigo 90.º.2 e 3.º do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, co establecido no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, e na Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Taballo da Comunidade Autónoma de Galicia, e en aplicación do disposto polo artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público

ESTA XEFATURA DE TRABALLO E BENESTAR ACORDA:

1.º.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.º.-Dispoñer a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

A Coruña, a 3 de marzo de 2015.

Xefa territorial

M..ª PILAR CARIDAD ALONSO

CONVENIO COLECTIVO DO PERSOAL LABORAL AO SERVIZO DO CONCELLO DE ARES

CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.-Representación e lexitimidade.

As partes que concertan este convenio son o Concello, no exercicio da súa autonomía local, e o Comité de Empresa do persoal laboral, constituídos en Mesa de Negociación do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, en uso das atribucións conferidas polo Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.

Artigo 2.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación no ente territorial do Concello de Ares e na totalidade de organismos e entes públicos que formen ou poidan formar parte do mesmo.

Artigo 3.-Ámbito persoal.

O presente Convenio aplicarase integramente ao persoal laboral fixo, ao persoal laboral indefinido, así como ao restante persoal de carácter temporal, nas súas diferentes modalidades contractuais, ao servizo do Concello de Ares, ou que se incorpore durante a vixencia do mesmo, e en todo aquilo que sexa compatible coa natureza da súa relación de emprego. En todo caso, exceptuarase deste eido de aplicación ao persoal laboral contratado con cargo a programas ou plans con substantividade propia - ao marxe da actividade ordinaria, habitual e estrutural da Administración Municipal do Concello de Ares -, e que sexan obxecto de financiamento e/ou subvención externo, ou que prevexan, de forma específica, a aplicación dun Convenio Colectivo diferente do presente

As dúbidas ou discrepancias que poidan xurdir, ao respecto do persoal a incluír no eido persoal de aplicación do presente Convenio, nos termos do previsto no presente artigo, serán obxecto de estudo e tratamento no seo da Comisión Paritaria de Seguimento e Control. Así, poderán ser aplicables, previo obxecto de estudo e tratamento, no seo da Comisión Paritaria de Seguimento e Control, ao restante persoal non incluído no referido ámbito persoal de aplicación do Convenio, que preste servizos no Concello de Ares en réxime de contratación laboral e en todo aquilo que sexa compatible coa natureza da súa relación de emprego, as previsións contidas no presente Convenio en materia de xornada laboral, asistencia e permanencia no traballo, vacacións, licenzas e permisos, selección, consolidación de emprego e seguridade e saúde no traballo, así como aqueloutras que, en desenvolvemento do propio Convenio e da lexislación vixente, poidan resultar aplicables.

Artigo 4.-Ámbito temporal, vixencia e denuncia.

1. O presente Convenio Colectivo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, abarcando o seu período de vixencia un ano dende a entrada en vigor do convenio, data na que se entenderá prorrogado por anualidades, de non existir denuncia dalgunha das partes, ata que a entrada en vigor do novo Convenio substitúa ao anterior trala oportuna negociación.

2. O Convenio considerarase denunciado cando así o faga calquera das partes por escrito con tres meses de antelación á finalización da súa vixencia ou de calquera prórroga, a fin de iniciar as negociacións e deliberacións do novo Convenio, en data non posterior a un mes contado a partir da data de denuncia.

Artigo 5.-Obxecto.

O presente convenio regula e facilita o normal desenvolvemento das relacións de traballo, dentro do seu ámbito de aplicación, e derroga as normas iguais ou de inferior rango no que se opoñan ao seu contido.

Artigo 6.-Carácter.

O Convenio ten un carácter necesario e indivisible para todos os efectos, no sentido de que as condicións pactadas neste constitúen un todo orgánico e unitario.

Artigo 7.-Condicións máis beneficiosas.

Enténdese este Convenio como o marco global máis favorable. A Comisión de Seguimento e Interpretación estudará, caso por caso, a aplicación a persoas determinadas de condicións laborais máis beneficiosas que estean recoñecidas con anterioridade á entrada en vigor do mesmo.

As condicións do presente Convenio teñen carácter complementario da normativa vixente no Réxime aplicable ao persoal laboral ao servizo das administracións locais de Galicia. En todo caso, as melloras establecidas ou que se establezan noutras disposicións de calquera rango que afecten no seu ámbito ao persoal laboral ao servizo das Administracións Locais de Galicia, serán de aplicación ao persoal do Concello de Ares, consonte ao principio de norma máis favorable ou condición máis beneficiosa, sen prexuízo das actualizacións e adaptacións a que fai referencia o artigo 13.d) deste convenio.

Artigo 8.-Irrenunciabilidade.

Terase por nula e por non feita a renuncia por parte dos traballadores de calquera beneficio establecido no convenio.

Artigo 9.-Aplicación favorable.

Como norma xeral, unha vez aplicado o convenio, e trala consulta á Comisión de seguimento e interpretación, tódalas condicións establecidas no mesmo, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade, en canto ao seu sentido e alcance, terán que ser interpretadas e aplicadas do xeito que resulte máis beneficioso para os traballadores, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

Artigo 10.-Aplicación directa.

As partes signatarias do convenio comprométense á aplicación directa deste e a non promover cuestións que puideran supoñer modificacións das condicións pactadas no texto.

Artigo 11.-Publicidade do convenio.

Con independencia da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia a publicidade do presente texto farase por conta do Concello, dando coñecemento do mesmo a todo o persoal.

Artigo 12.-Conflitividade laboral.

Antes de adoptar medidas disciplinarias ou actitudes conflitivas de carácter colectivo ou individual, as partes asinantes do Convenio comprométense a esgotar a vía do diálogo dentro da propia institución, acudindo á Comisión de seguimento, constituída segundo o establecido no capítulo seguinte.

CAPÍTULO II.-SEGUIMENTO E CONTROL

Artigo 13.-Comisión paritaria de control e seguimento.

1. Trala entrada en vigor deste convenio constituírase unha Comisión Paritaria de control e seguimento. Na súa composición, que será paritaria, estarán representadas as partes negociadoras e asinantes do convenio.

2. Correspondéndolle expresamente as seguintes funcións:

a) Interpretar a totalidade dos artigos e cláusulas do convenio.

b) Vixiar o cumprimento do pactado e denunciar, no seu caso, os incumprimentos.

c) Estudar, propor e, cando proceda, resolver aquelas cuestións ou reclamacións que, de común acordo, lle sexan sometidas polas partes.

d) Actualizar o contido do presente convenio para adaptalo ás modificacións que poidan derivarse de cambios normativos ou de acordos ou pactos subscritos entre as administracións públicas e os sindicatos.

e) Facer o seguimento e, no seu caso, desenvolvemento da aplicación do convenio. A tal efecto emitirá, cando o considere conveniente, un informe sobre estes extremos.

f) Asegura-la non discriminación da muller, controlando a igualdade de trato, os posibles abusos, agresións de orde sexual, laborais, físicas ou psíquicas, tanto por parte dos compañeiros de traballo, como dos superiores.

g) Impedir a realización de toda conduta abusiva ou de violencia psicolóxica que se realice de xeito sistemático sobre un traballador, manifestada especialmente a través de reiterados comportamentos, palabras ou actitudes que lesionan a dignidade ou integridade psíquica do mesmo e que poñan en perigo ou degraden as súas condicións de traballo.

h) Calquera outra función que expresamente se lle atribúa no convenio ou que, de común acordo, as partes consideren conveniente.

Artigo 14.-Réxime de funcionamento.

1. A Comisión Paritaria reunirase, con carácter ordinario, semestralmente e de xeito extraordinario cando o solicite polo menos o 50% dos seus compoñentes. A Comisión Paritaria deberá resolver, no prazo máximo de 30 días hábiles, os asuntos sometidos nas reunións ordinarias e no prazo máximo de 15 días hábiles os asuntos sometidos nas reunións extraordinarias.

2. Para estes efectos a Comisión poderá utilizar os servizos ocasionais ou permanentes de asesores, con voz pero sen voto.

3. A Comisión contará cun secretario, que será un empregado designado polo Concello e que actuará na mesma con voz pero sen voto.

4. As convocatorias das sesións realizaraas o secretario, co visto e prace dos voceiros, mediante citación por escrito na que conste, lugar data e hora, así como a orde do día. A convocatoria enviarase ás partes cunha antelación mínima de sete días hábiles, respecto da data prevista de celebración, no caso de sesións ordinarias, e dous días naturais para o caso de sesións extraordinarias.

5. A orde do día das sesións será fixada polo secretario, co visto e prace dos voceiros.

6. Para que as sesións poidan celebrarse validamente será precisa a asistencia de, polo menos, o 51% de cada unha das dúas representacións, así como do secretario ou de quen o substitúa no cargo.

7. Os acordos deberán adoptarse por mais do 50% de cada unha das dúas representacións, sendo de carácter obrigatorio e vinculantes para ambas partes.

8. De cada xuntanza e ao seu remate, o secretario redactará a correspondente acta na que haberá de constar o lugar, data e hora de comezo e remate da reunión, nomes e apelidos dos presentes, os asuntos tratados, os acordos adoptados cun resumo das opinións emitidas e a expresión dos votos. A correspondente acta así redactada pasarase inmediatamente á aprobación e sinatura de tódolos asistentes.

9. As actas das sesións arquivaranse nun rexistro que custodiará o secretario, baixo a súa responsabilidade, tendo que expedir as certificacións oportunas dos acordos que as referidas actas conteñan, cando así se reclame por parte lexitimamente interesada.

10. Cando ámbalas partes así o consideren, crearanse comisións de traballo específicas para tratar temas concretos e predeterminados. Estas comisións elaborarán ditames que logo serán presentados á Comisión, non sendo estes vinculantes senón meramente informativos.

11. As comunicacións oficiais verificaranse sempre directamente e por escrito, sen que poidan admitirse traslados e reproducións a través doutras instancias.

12. No supostos de discrepancias no seo da Comisión Paritaria, as partes, de mutuo acordo, poderán someter as mesmas a un procedemento de mediación, finalizado o cal sen resultados positivos, poderán exercer as acciones que estimen pertinentes.

CAPÍTULO III.-DEREITOS SINDICAIS

SECCIÓN 1.ª.-DO DEREITO Á ACTIVIDADE SINDICAL

Artigo 15.-Dereito á sindicación.

1. O persoal do Concello de Ares ten dereito a sindicarse libremente en defensa e promoción dos seus intereses profesionais, económicos e sociais.

2. O dereito á libre sindicación comprende o dereito a afiliarse ao sindicato da súa elección, a separarse do que estivese afiliado, non podendo ninguén ser obrigado a afiliarse a un sindicato, e a elixir libremente aos seus representantes.

Artigo 16.-Protección para o exercicio do dereito a actividade sindical.

1. O Concello proporcionará a axeitada protección ao persoal ao seu servizo contra todo acto antisindical que implique discriminación ou demérito relacionado co seu emprego.

2. A dita protección exercerase especialmente contra todo tipo de accións ou actuacións que persigan:

a) Influír nas condicións de emprego do/a traballador/a para que este se afilie ou non a unha central sindical, que deixe de ser membro dela, ou que renuncie á actividade sindical.

b) Fustigar ou relegar a calquera traballador/a no seu lugar de traballo, ou prexudicalo de calquera xeito a causa da súa pertenza a unha central sindical ou da súa participación nas actividades sindicais.

c) Condicionar o emprego público á esixencia de afiliación ou non a calquera central sindical, ou á esixencia de causar baixa na mesma.

Artigo 17.-Exercicio da actividade sindical.

1. O persoal do Concello ten dereito a dedicarse á acción sindical no lugar, tempo e forma previstos na Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, así como polo Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores e a Lei 7/ 2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, así como en calquera outra norma que sexa de aplicación.

2. Para estes efectos, entenderase como ámbito material inmediato para a acción sindical no Concello os centros de traballo, considerándose como tales, tanto o propio de cada traballador/a como calquera outra dependencia, establecemento ou local pertencente ao Concello, aínda que se encontre situado en sede distinta.

Artigo 18.-Respecto ás necesidades do servizo.

Os dereitos recoñecidos aos traballadores municipais neste capítulo, exercitaranse co debido respecto ás persoas e bens, procurando sempre non interferir na boa marcha do traballo.

SECCIÓN 2.ª.-DAS SECCIÓNS SINDICAIS

Artigo 19.-Dereito a constituír seccións sindicais.

Os traballadores do Concello afiliados a centrais sindicais legal e validamente constituídas e recoñecidas poderán constituír seccións sindicais de conformidade co establecido no presente capítulo e coa lexislación vixente.

Artigo 20.-Constitución das seccións sindicais.

Para a atribución das garantías, facultades, funcións e competencias recoñecidas neste Convenio, as seccións sindicais deberán acreditar que as centrais sindicais ás que pertencen obtiveron polo menos o 10% dos votos nas eleccións dos órganos de representación do persoal celebradas no Concello ou que teñen a condición de organizacións sindicais máis representativas, de conformidade co previsto na LOLS.

De non cumprise estes requisitos, as seccións sindicais que poidan terse constituído terán atribuídos os dereitos e condicións de carácter xenérico que se recoñecen, na normativa vixente, e de maneira xeral, a todas as seccións sindicais.

Artigo 21.-Atribucións das seccións sindicais.

As seccións sindicais terán, entre outras, as seguintes facultades, garantías, funcións e competencias:

a) Representar e defender os intereses da central sindical á que pertencen e dos afiliados da mesma.

b) Posuír e exercer a través dos correspondentes comités, delegados ou representantes sindicais, a representación legal para asuntos sociolaborais de todos e cada un dos seus afiliados, sen prexuízo doutras formas legais de representación que puidesen recabar os mesmos.

A atribución de representación ás seccións sindicais implica, entre outras facultades, a de realizar calquera clase de intervención, pedimento, reivindicación ou reclamación de índole sociolaboral, por escrito ou mediante comparecencia, en nome e representación de calquera afiliado, sen menoscabo do exercicio individualizado das mesmas que puidese realizar este.

c) Recibir, do xeito previsto na normativa vixente, a máis completa información en todos os asuntos do persoal Concello por medio dos seus delegados.

d) Recoller as diversas reivindicacións sociolaborais do persoal ao servizo do Concello e propoñelas ás autoridades ou órganos correspondentes dos representantes do persoal.

e) Informarse por iniciativa propia de todas as cuestións que afecten ao persoal do Concello. Para estes efectos, os delegados ou representantes sindicais poderán ter acceso a toda a documentación relativa ás ditas cuestións, previa autorización da Alcaldía, dentro dos límites legais, así como da reserva e o non abuso. O Concello garantirá a consulta ou reprodución gratuíta daqueles que se consideren precisos para o exercicio da actividade sindical, sen prexuízo das garantías que se consideren oportunas para evitar o extravío dos documentos, así como das responsabilidades legais en que os solicitantes puidesen incorrer por incumprimento do deber de reserva profesional e sindical.

f) Exhibir e difundir libremente, en horas e lugares de traballo, calquera tipo de información, prensa, propaganda e publicacións de carácter sindical ou de interese laboral ou profesional.

Para estes efectos, o Concello disporá a colocación, ás súas expensas, de taboleiros de anuncios sindicais para a exposición e divulgación de calquera documentación do tipo anteriormente sinalado en todos os centros de traballo pertencentes ao Concello, en lugares adecuados e visibles. O número, tamaño e distribución dos taboleiros, será o adecuado ás dimensións e estrutura do centro, de xeito que se garanta a máis ampla publicidade e accesibilidade ao que se expoña.

g) Convocar e celebrar reunións e asambleas, tanto de afiliados como de todo ou parte do persoal nos termos previsto no Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores e a Lei 7/ 2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público.

h) Empregar asesores en calquera actividade que realicen no exercicio das súas competencias.

i) Para recadar as cotas sindicais, a sección sindical poderá acordar co Concello o seu desconto en nómina, logo da autorización dos seus afiliados.

j) Presentar e negociar perante os órganos resolutorios correspondentes cantos asuntos procedan en materia de condicións de traballo, seguridade e saúde laboral, réxime de asistencia, seguridade e previsión social, no que sexa competencia do Concello e de conformidade coa regulamentación relativa aos dereitos de negociación e participación que se recollen na lei e no presente Convenio.

k) Expresar libremente opinións respecto das materias relativas á súa esfera de actividade.

l) Proporcionar asistencia e defensa, e obter audiencia no suposto de seguirse procedemento disciplinario contra calquera dos seus afiliados, sen prexuízo do dereito individual de audiencia, regulada no dito procedemento.

Artigo 22.-Delegados sindicais.

1. As seccións sindicais validamente constituídas, segundo os criterios estipulados a tal efecto no presente convenio, no seu artigo 21, terán dereito a designar un delegado sindical.

2. Os delegados sindicais terán as seguintes funcións e dereitos:

a) Exercitar as competencias atribuídas á sección sindical que representan.

b) Convocar as reunións da sección sindical.

c) Dispoñer, sen menoscabo das súas retribucións, do mesmo número de horas sindicais que os membros dos órganos de representacións dos traballadores dentro da xornada de traballo, sen prexuízo das que lle poidan corresponder por ser tamén membro dos mesmos.

d) Exercer en nome e representación da súa sección sindical cantas accións xudiciais ou administrativas requira o cumprimento da súa función.

e) Serlle admitida a súa abstención ou escusa no suposto de ser designado como instrutor ou secretario nun expediente disciplinario.

Artigo 23.-Sixilo profesional.

Tanto os delegados de persoal, como as seccións sindicais no seu conxunto observarán sixilo profesional no exercicio das súas funcións en todas aquelas materias sobre as que o Concello sinale expresamente o carácter reservado. En todo caso, ningún tipo de documento entregado polo Concello ás seccións sindicais e aos seus delegados poderá ser utilizado fóra do estrito ámbito municipal e para fins distintos dos que motivaron a súa entrega.

SECCIÓN 3.ª.-DO DEREITO Á REPRESENTACIÓN COLECTIVA

Artigo 24.-Os representantes do persoal.

O Comité de Empresa é o órgano de representación específico do conxunto do persoal laboral do Concello de Ares, e son os representantes específicos deste persoal diante do Concello, sen prexuízo da representación que corresponda aos delegados das seccións sindicais en relación cos seus afiliados.

Artigo 25.-Garantías e facultades.

Sen prexuízo do previsto no Estatuto dos Traballadores e demais normativa vixente ao respecto os membros do comité de empresa ou delegados de persoal laboral terán as seguintes garantías e facultades:

a) Audiencia do órgano ao que pertencen no suposto de seguirse procedemento disciplinario a un traballador, sempre que exista pedimento expreso neste senso por parte do inculpado, e sen menoscabo do dereito de audiencia do propio interesado.

b) Expresar individual ou colexiadamente con liberdade as súas opinións nas materias relativas á esfera da súa representación, podendo confeccionar, publicar e distribuír información de interese profesional, laboral ou social.

Para estes efectos, o Concello facilitará aos órganos de representación idénticos medios que os sinalados para as seccións sindicais.

c) Non ser trasladados, sancionados nin discriminados no seu traballo, promoción económica ou profesional, durante o exercicio das súas funcións nin dentro dos dous anos seguintes á expiración do seu mandato por razón do desempeño da súa representación.

d) Dispor dun crédito de horas mensuais retribuídas, para o exercicio das súas funcións, de conformidade co número e limitación fixadas na normativa que resulte de aplicación en cada momento.

e) Poderanse acumular nun ou varios membros dos representantes do persoal ou delegados da sección sindical as horas sindicais correspondentes a outros membros dos órganos de representación e delegados da mesma sección sindical, sen exceder do máximo total, podendo quedar relevado ou relevados do traballo, sen prexuízo da súa remuneración, e da súa promoción e carreira profesional tanto a nivel horizontal como vertical.

f) Utilizar un local facilitado polo Concello na medida das súas posibilidades para actividades sindicais cunhas características e equipamento que satisfagan as diversas necesidades que, en canto a capacidade, dotación, material e situación física puidesen presentarse. Este local será compartido coas seccións sindicais.

g) Seralles admitida a súa abstención ou escusa no suposto de ser designados como instrutores ou secretarios nun expediente disciplinario.

h) Dispor dun taboleiro, en lugar visible, de uso exclusivo para os representantes legais dos traballadores.

Artigo 26.-Competencias.

Sen prexuízo do previsto no Estatuto dos Traballadores e demais normativa vixente ao respecto, os representantes do persoal (comité de empresa ou delegados de persoal laboral) terán as seguintes competencias:

a) Recibir, do xeito previsto na normativa vixente, a máis completa información en todos os asuntos de persoal do Concello.

b) Consonte o establecido na Lei 2/91 do 7 de xaneiro sobre dereitos de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación, o Concello entregará ao Comité de Empresa unha copia básica de todos os contratos de relación laboral que realice no seu ámbito institucional. Igualmente daralles traslado dos acordos de cesamento de calquera traballador.

c) Propoñer e negociar perante os correspondentes órganos resolutorios do Concello cantos asuntos procedan en materia de condicións de traballo, seguridade e saúde laboral, réxime de asistencia, seguridade e previsión social, no que sexa competencia do Concello.

d) Ser oídos na fase preparatoria do proceso de formación da vontade administrativa orientada á adopción de acordos en materia de persoal, consonte co previsto no presente capítulo e na normativa de xeral aplicación, sen prexuízo da preceptiva negociación sobre os asuntos indicados no presente convenio e na lexislación vixente.

Artigo 27.-Capacidade e sixilo profesional.

1. Recoñéceselle aos representantes do persoal capacidade para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ao ámbito das súas competencias.

2. En canto ao deber de manter sixilo no exercicio das súas funcións, aos representantes do persoal seranlles de aplicación as regras previstas neste Convenio para as seccións sindicais e os seus delegados.

SECCIÓN 4.ª.-DO DEREITO DE REUNIÓN

Artigo 28.-Dereito de reunión.

Os traballadores/as do Concello poderán exercitar o dereito de reunión cos requisitos e condicións sinaladas nesta sección e na demais normativa de aplicación.

Artigo 29.-Lexitimación para o exercicio.

Están lexitimados para convocar reunións:

Ï O Comité de Empresa ou delegados de persoal.

Ï As organizacións sindicais, directamente ou a través dos delegados sindicais.

Ï Un número de traballadores non inferior ao 33% da plantilla.

Artigo 30.-Do lugar e momento da reunión.

1. As reunións no centro de traballo autorizaranse, preferentemente, fora das horas de traballo, salvo acordo entre o órgano competente en materia de persoal e quenes estean lexitimados para convocalas.

2. As reunións no centro de traballo, dentro da xornada laboral, non poderán superar as 15 horas anuais, e só se poderán denegar por mor de forza maior. A resolución denegatoria deberá ser motivada.

3. Sen prexuízo do anterior, en período electoral as candidaturas que se presenten poderán convocar e celebrar asembleas de persoal dentro da xornada laboral, por un tempo máximo para todas elas de 4 horas en cada centro de traballo.

4. Non existirá ningún tipo de limitación para celebrar reunións fóra da xornada de traballo, sempre que se garanta a seguridade das instalacións ou dependencias que deberán ser previamente solicitadas con tempo suficiente.

5. En calquera caso, a celebración da reunión non prexudicará a prestación dos servizos.

6. O Concello facilitará, na medida das súas posibilidades, os locais adecuados para que as reunións poidan celebrarse.

Artigo 31.-Convocatoria da reunión.

Os requisitos para celebrar unha reunión son os seguintes:

a) Comunicar por escrito ó Concello a súa celebración con antelación de dous días hábiles se a reunión ten lugar fóra da xornada de traballo, e de cinco días se é dentro da xornada laboral.

b) Indicar no escrito:

a. Día, hora e lugar de celebración.

b. Colectivo ao que se convoca.

c. Orde do día.

d. Identificación dos asinantes, que deberán estar lexitimados para convocar a reunión consonte o disposto neste capítulo.

c) As reunións entenderanse autorizadas e poderán celebrarse sen outro requisito se a autoridade competente non formula obxeccións á mesma mediante resolución motivada cando menos vintecatro horas antes da celebración.

SECCIÓN 5.ª.-DOS DEREITOS DE NEGOCIACIÓN E PARTICIPACIÓN COLECTIVA

Artigo 32.-Do dereito á negociación colectiva.

1. Principios xerais.

a) Os traballadores teñen dereito á negociación colectiva, representación e participación institucional para a determinación das súas condicións de traballo.

b) Por negociación colectiva, enténdese o dereito a negociar á determinación das condicións de traballo dos empregados da Administración Pública.

c) Por participación institucional, enténdese o dereito a participar, a través das organizacións sindicais nos órganos de control e seguimento das entidades u organismos que a lei contemple ou por acordo se decida na mesa xeral de negociación.

d) As organizacións sindicais máis representativas no ámbito da función pública están lexitimadas para a interposición de recursos en vía administrativa e xurisdicional contra das resolución dos órganos de selección.

Artigo 33.-Mesas de Negociación do Concello de Ares.

1. No ámbito do Concello de Ares, a negociación colectiva do persoal laboral levarase a cabo no seo dos seguintes órganos;

A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Ares e a Mesa de Negociación do Convenio Colectivo do Persoal Laboral.

2. A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Ares terá como obxecto a negociación de todas aquelas materias e condicións de traballo comúns ao persoal laboral e funcionario ao servizo da entidade municipal, sendo competencia da Mesa de Negociación do Convenio Colectivo os procesos de negociación preceptivos para aprobación e modificación do Convenio Colectivo. De calquera xeito, en caso de existires dúbidas ao respecto do órgano negociador competente nunha determinada materia, debe ser a mesa Xeral de Negociación do Concello de Ares, en primeira instancia, a que asuma a súa discusión ou derivación, no seu caso, ao órgano negociador competente,

A Mesa Xeral de Negociación do persoal Concello de Ares constituirase de xeito paritario, estando presentes, dunha parte, a representación do Concello, e doutra, os representantes das Organizacións Sindicais máis representativas (conforme aos criterios de lexitimidade representativa e proporcionalidade na composición das mesas que ao respecto se establece na Lei 7/2007 de 12 de abril e demais normativa de aplicación) e representantes do Comité de Empresa, sen prexuízo do dereito dos representantes legais dos funcionarios a asistir con carácter asesor e informativo.

a) Por acordo entre as partes, designarase un empregado municipal do Concello para asumir as funcións de secretario da mesa de negociación, que será o encargado de redactar a correspondente acta de cada reunión, da que dará fe. Esta acta será ademais asinada por todos os membros da mesa. O secretario encargarase tamén das tarefas administrativas propias da preparación, convocatoria e publicidade da mesa de negociación.

b) As reunións da mesa de negociación do Concello terán lugar cunha periodicidade mínima anual. Igualmente terán lugar reunións cando o soliciten de común acordo as partes ou os representantes de calquera das partes.

c) A orde do día das reunións será determinada conxuntamente, podendo incluír calquera das partes cantos asuntos consideren oportunos. As partes recibirán notificación formal da celebración das reunións cunha antelación mínima de 48 horas, poñendo simultaneamente á súa disposición toda a documentación relativa aos asuntos incluídos na orde do día para os efectos do seu coñecemento e estudo previo.

d) Calquera das partes poderá deixar sobre a mesa os asuntos que, ao seu entender, requiran dun máis detido exame ou emisión de informe, ou cando considere que faltan datos ou antecedentes de importancia para fundamentar a adopción de acordos ou resolucións. Do mesmo xeito, calquera dos representantes de ambas partes poderá facer constar, tanto na acta da reunión como na parte expositiva da posterior resolución, o ditame ou informe que emitan ao respecto os órganos da corporación, as discrepancias de calquera índole e os argumentos en que se fundamenten.

3. A Mesa de Negociación do Convenio Colectivo do Persoal Laboral constituirase ao amparo do disposto no Estatuto dos Traballadores, conformarase paritariamente polo Concello e o Comité de Empresa, sen prexuízo do dereito das Organizacións Sindicais con presenza nos órganos de representación a asistir, con carácter asesor e informativo. O seu réxime de reunións e funcionamento regularase de igual xeito que o disposto nos apartados a), b), c) e d) do punto anterior deste artigo.

A mesa negociadora do Convenio Colectivo, terá as competencias e contidos de negociación a que fai referencia o título III do Real Decreto Lexislativo 1/1995, polo que se aproba o Estatuto dos Traballadores, sendo competente, igualmente, para a negociación daquelas materias respecto das que dito texto legal lles confire competencias, por tratarse de cuestións con influencia nas condicións de traballo fundamentais do persoal laboral. En calquera caso, de tratarse de materias comúns para persoal laboral e funcionario, o órgano Competente será a Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Ares

Artigo 34.-Materias obxecto da negociación.

Serán obxecto de negociación, no seu eido respectivo, en relación coas competencias sinaladas no presente Convenio para cada órgano de negociación, as materias que, segundo a normativa aplicable en cada momento, merezan esta consideración, co alcance que legalmente proceda en cada caso. A tal efecto tomarase como referencia o estipulado ao respecto polo EBEP no seu artigo 37.

Artigo 35.-Principio de boa fe na negociación.

En todo caso, as negociacións realizaranse sempre baixo o principio de boa fe.

SECCIÓN 6.ª.-DO DEREITO DE FOLGA

Artigo 36.-O dereito de folga.

O persoal laboral municipal poderá exercer o dereito de folga nos termos recollidos na lexislación vixente.

CAPÍTULO IV.-DEREITOS E DEBERES

Artigo 37.-Dereitos dos traballadores municipais.

1. Dereitos individuais.

Os traballadores municipais teñen os seguintes dereitos de carácter individual en correspondencia coa natureza xurídica da súa relación de servizo:

a) Á inmobilidade na praza legalmente adquirida.

b) Ao desempeño efectivo das funcións ou tarefas propias da súa condición profesional e de acordo coa progresión alcanzada na súa carreira profesional.

c) Á progresión na carreira profesional e promoción interna segundo principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade mediante a implantación de sistemas obxectivos e transparentes de avaliación.

d) A percibir as retribucións e as indemnización por razón do servizo.

e) A participa na consecución dos obxectivos atribuídos á unidade onde preste os seus servizos e a ser informado polos seus superiores das tarefas a desenvolver.

f) Á defensa xurídica e protección da Administración Pública nos procedementos que se sigan ante calquera orde xurisdicional como consecuencia do exercicio lexítimo das súas funcións ou cargos públicos.

g) Á formación continua e á actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais, preferentemente en horario laboral.

h) Ao respecto da súa intimidade, orientación sexual, propia imaxe e dignidade no traballo, especialmente fronte ao acoso sexual, propia dignidade no traballo, especialmente fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, moral e laboral.

i) Á non discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnico, xénero, sexo ou orientación sexual, relixión ou conviccións, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

j) Á adopción de medidas que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

k) Á liberdade de expresión dentro dos límites do ordenamento xurídico.

l) A recibir protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo.

m) Ás vacacións, descansos, permisos e licenzas.

n) Á xubilación segundo os termos e condicións establecidas nas normas aplicables.

o) Ás prestacións da Seguridade Social correspondentes ao réxime que lles sexa de aplicación.

p) Á libre asociación profesional.

q) Á súa integridade física e unha adecuada política de seguridade e hixiene.

r) Aos demais dereitos recoñecidos polo ordenamento xurídico.

2. Dereitos individuais exercidos colectivamente.

Os traballadores municipais teñen os seguintes dereitos individuais que se exercen de forma colectiva:

a) Á liberdade sindical.

b) Á negociación colectiva e á participación na determinación das condicións de traballo.

c) Ao exercicio da folga, coa garantía do mantemento dos servizos esenciais da comunidade.

d) Á formulación de conflitos colectivos de traballo, de acordo coa lexislación aplicable en cada caso.

e) Ao de reunión, nos termos establecidos no presente convenio.

3. Dereito á carreira profesional e promoción interna, avaliación do desempeño.

1. Aspectos xerais:

a) O persoal do Concello terá dereito á promoción profesional

b) A carreira profesional é o conxunto de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

c) No Concello de Ares fixaranse formas de carreira profesional e promoción profesional horizontais e verticais.

d) Os sistemas de avaliación que se establezan como base para valorar o grao de interese, iniciativa ou esforzo do persoal municipal, e a carreira profesional ou sistemas de promoción, deberán manter criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación e serán obxecto de negociación cos órganos de representación.

2. Os procesos de promoción profesional, carreira profesional e avaliación de desempeño, ademais dos cumprimentos legais ao respecto, constituirán materias de negociación colectiva no ámbito do Concello.

Artigo 38.-Deberes dos traballadores municipais e principios éticos e de conduta.

Deberes e principios éticos:

Os traballadores municipais deberán desempeñar con dilixencia as tarefas que teñan asignadas e velar polos intereses xerais con suxeición e observancia da Constitución e do resto do ordenamento xurídico, e deberán actuar con arranxo aos seguintes principios: obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, imparcialidade, confidencialidade, dedicación ao servizo público, transparencia, exemplaridade, austeridade, accesibilidade, eficacia, honradez, promoción da contorna cultural e ambiental, e respecto á igualdade entre mulleres e homes, que inspiran o Código de Conduta dos traballadores públicos configurado polos principios éticos e de conduta regulados nos artigos seguintes.

1. Os traballadores públicos respectarán a Constitución e o resto de normas que integran o ordenamento xurídico.

2. A súa actuación perseguirá a satisfacción dos intereses xerais dos cidadáns e fundamentarase en consideracións obxectivas orientadas cara á imparcialidade e o interese común, á marxe de calquera outro factor que exprese posicións persoais, familiares, corporativas, clientelares ou calquera outras que poidan chocar con este principio.

3. Axustarán a súa actuación aos principios de lealdade e boa fe coa Administración na que presten os seus servizos, e cos seus superiores, compañeiros, subordinados e cos cidadáns.

4. A súa conduta basearase no respecto dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, evitando toda actuación que poida producir discriminación algunha por razón de nacemento, orixe racial ou étnico, xénero, sexo, orientación sexual, relixión ou conviccións, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

5. Absteranse naqueles asuntos nos que teñan un interese persoal, así como de toda actividade privada ou interese que poida supor un risco de expor conflitos de intereses co seu posto público.

6. Non contraerán obrigacións económicas nin intervirán en operacións financeiras, obrigacións patrimoniais ou negocios xurídicos con persoas ou entidades cando poida supor un conflito de intereses coas obrigacións do seu posto público.

7. Non aceptarán ningún trato de favor ou situación que implique privilexio ou vantaxe inxustificada, por parte de persoas físicas ou entidades privadas.

8. Actuarán de acordo cos principios de eficacia, economía e eficiencia, e vixiarán a consecución do interese xeral e o cumprimento dos obxectivos da organización.

9. Non influirán na axilización ou resolución de trámite ou procedemento administrativo sen xusta causa e, en ningún caso, cando iso comporte un privilexio en beneficio dos titulares dos cargos públicos ou a súa contorna familiar e social inmediato ou cando supoña un menoscabo dos intereses de terceiros.

10. Cumprirán con dilixencia as tarefas que lles correspondan ou se lles encomenden e, no seu caso, resolverán dentro de prazo os procedementos ou expedientes da súa competencia.

11. Exercerán as súas atribucións segundo o principio de dedicación ao servizo público absténdose non só de condutas contrarias ao mesmo, senón tamén de calquera outras que comprometan a neutralidade no exercicio dos servizos públicos.

12. Gardarán secreto das materias clasificadas ou outras cuxa difusión estea prohibida legalmente, e manterán a debida discreción sobre aqueles asuntos que coñezan por razón do seu cargo, sen que poidan facer uso da información obtida para beneficio propio ou de terceiros, ou en prexuízo do interese público.

Principios de conduta.

1. Tratarán con atención e respecto aos cidadáns, aos seus superiores e aos restantes traballadores públicos.

2. O desempeño das tarefas correspondentes ao seu posto de traballo realizarase de forma dilixente e cumprindo a xornada e o horario establecidos.

3. Obedecerán as instrucións e ordes profesionais dos superiores, salvo que constitúan unha infracción manifesta do ordenamento xurídico, nese caso poranas inmediatamente en coñecemento dos órganos de inspección procedentes.

4. Informarán aos cidadáns sobre aquelas materias ou asuntos que teñan dereito a coñecer, e facilitarán o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigacións.

5. Administrarán os recursos e bens públicos con austeridade, e non utilizarán os mesmos en proveito propio ou de persoas achegadas. Terán, así mesmo, o deber de velar pola súa conservación.

6. Rexeitarase calquera agasallo, favor ou servizo en condicións vantaxosas que vaia máis aló dos usos habituais, sociais e de cortesía, sen prexuízo do establecido no Código Penal.

7. Garantirán a constancia e permanencia dos documentos para a súa transmisión e entrega aos seus posteriores responsables.

8. Manterán actualizada a súa formación e cualificación.

9. Observarán as normas sobre seguridade e saúde laboral.

10. Porán en coñecemento dos seus superiores ou dos órganos competentes as propostas que consideren adecuadas para mellorar o desenvolvemento das funcións da unidade na que estean destinados. A estes efectos poderase prever a creación da instancia adecuada competente para centralizar a recepción das propostas do persoal municipal ou administrados que sirvan para mellorar a eficacia no servizo.

11. Garantirán a atención ao cidadán en galego ou castelán, segundo este o solicite.

CAPÍTULO V.-CALIDADE DOS SERVIZOS E ABSENTISMO LABORAL

Artigo 39.-Calidade dos servizos e absentismo laboral.

O Concello de Ares e os órganos de representación legal dos seus traballadores potenciarán os instrumentos de control e redución do absentismo laboral a través da proposta, entre outras, de sistemas e procedementos de medidas de mellora da calidade na prestación do servizo público aos cidadáns, da medición cuantitativa e cualitativa do absentismo laboral e seguimento deste, realizando os estudios necesarios sobre as súas causas e adoptando, se é o caso, as medidas que sexan procedentes para a súa redución.

Co fin de materializar e dar cumprida execución a dito compromiso, loitando de maneira efectiva contra o absentismo laboral e, de xeito particular, contra as ausencias inxustificadas do persoal municipal, resultarán aplicables as seguintes previsións, sen prexuízo daquelas outras que en cada momento poidan ser obxecto de aprobación

1.-O persoal virá obrigado a comunicar todas aquelas ausencias que se produzan, ao inicio da xornada laboral, mediante o correspondente aviso ao superior inmediato ou responsable da unidade/servizo de pertenza, seguíndose igual procedemento no caso de ser causa sobrevida durante a xornada laboral.

As ausencias e faltas de puntualidade e/ou permanencia do persoal, en que se aleguen causas de enfermidade, incapacidade temporal e outras causas de forza maior, requerirán o aviso inmediato ao superior inmediato ou responsable da unidade/servizo correspondente, así como a súa posterior xustificación acreditativa, que será notificada ao órgano competente en materia de persoal.

En todo caso, e sen prexuízo da facultade discrecional dos titulares das unidades administrativas de esixir en calquera momento a xustificación documental oportuna, nos supostos de incapacidade temporal, risco durante o embarazo e risco durante a lactancia natural, a presentación do parte médico acreditativo deberá realizarse, como máximo, ao cuarto día dende o inicio da mesma. Devandito parte e os sucesivos de confirmación, coa periodicidade que regulamentariamente proceda, deberán presentarse na unidade competente en materia de persoal, no prazo máximo de tres días hábiles desde a súa expedición; así mesmo, unha vez expedido o parte médico de alta, a incorporación ao posto de traballo deberá ser o primeiro día hábil seguinte á súa expedición, achegando nese momento o citado parte na unidade competente en materia de persoal.

Nos casos de ausencia parcial ao posto de traballo, como consecuencia da asistencia a consulta, proba ou tratamento médico, dito período de tempo se considerará como de traballo efectivo, sempre que a ausencia se limite ao tempo indispensable e se xustifique, adecuadamente, a asistencia do empregado á hora fixada para a cita médica.

2.-As ausencias e faltas de puntualidade e permanencia do persoal que non queden debidamente xustificadas, conforme ao criterios sinalados, darán lugar á correspondente dedución proporcional de haberes, sen prexuízo das medidas disciplinarias que procedan.

Serán consideradas como xustificadas todas aquelas ausencias autorizadas e derivadas do exercicio dos dereitos recoñecidos, na normativa vixente, en materia de vacacións, licenzas, permisos e incapacidade laboral, e que sigan o procedemento legalmente establecido, para a súa concesión, así como os criterios e normas fixados, para ese efecto, no Concello de Ares. Igualmente, tamén merecerán esta consideración, non dando lugar á dedución retributiva fixada na Disposición Adicional Trixésimo Oitava da Lei 17/2012, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2013, os casos de ausencia durante a totalidade dunha da xornada ordinaria de traballo, e ata un máximo de catro días ao longo ano, por causa de enfermidade ou accidente, que non de lugar a incapacidade temporal; neste caso, deste cómputo total de catro días, só tres poderán ter lugar en días consecutivos. Todo ilo sen prexuízo de que exista a obriga de que ditas ausencias deban ser comunicadas, con carácter inmediato, ao superior inmediato ou responsable do centro ou servizo, e obxecto de posterior xustificación, unha vez reincorporado o empregado ao seu posto, mediante declaración xurada ao respecto da causa da referida ausencia.

3.-Non obstante, aquelas ausencias e faltas de puntualidade e/ou permanencia do persoal que non se deriven dos supostos sinalados no punto anterior, ou respecto das que non se poida achegar xustificación documental, e que non supoñan, acumuladamente, máis de tres horas ao mes, ou trinta horas ao ano, tamén terán a consideración de xustificadas, non procedendo, xa que logo, dedución retributiva ningunha; todo ilo sen prexuízo de que exista a obriga de que ditas ausencias deban ser comunicadas, con carácter inmediato, ao superior inmediato ou responsable do centro ou servizo. En todo caso, no momento en que se superen os devanditos cómputos horarios, ben sexan as tres horas en cómputo mensual, ou as trinta horas en cómputo anual, procederase á dedución retributiva proporcional, considerando, a tal efecto, a totalidade de horas de ausencia contabilizadas.

4.-Coa finalidade de proceder a unha materialización efectiva destas previsións, acadando a participación e colaboración activa de todo o persoal municipal, procederase a remitir, xunto coas dúas nóminas inmediatamente posteriores á súa entrada en vigor, e nos casos dos traballadores en que se constate a existencia de ausencias inxustificadas, relatorio detallado de ditas ausencias, así como das deducións retributivas que procederían; unha remisión que se fará, en todo caso, a meros efectos informativos, advertíndose, non obstante, que unha vez finalizado este período transitorio de dous meses, toda ausencia inxustificada que sobrepase os límites fixados ao efecto dará lugar a unha dedución de haberes proporcional.

5.-En calquera caso, das medidas que se adopten para reducir o absentismo informarase puntualmente á Comisión Paritaria de control e seguimento, así como aos órganos de representación dos traballadores.

CAPÍTULO VI.-CALENDARIOS LABORAIS, XORNADAS E HORARIOS

Artigo 40.-Calendario laboral ordinario.

1. O calendario laboral ordinario para o persoal ao servizo do Concello de Ares será o que se estableza, con carácter xeral polos organismos competentes da Administración central, autonómica e local, dentro das súas respectivas competencias, e afecte ao conxunto da Administración Local de Galicia e ao Concello de Ares, en particular; todo iso sen prexuízo dos calendarios especiais que, polas particularidades dos diferentes servizos, e en atención ao seu interese e adecuada prestación, poidan existir.

2. Os calendarios laborais dos distintos servizos municipais aprobaranse, anualmente, antes do inicio de cada ano natural, con arranxo ás presentes normas e serán de coñecemento público de todo o persoal. Nos devanditos calendarios incluiranse a concreción dos horarios específicos dos distintos servizos e/ou unidades e, de ser o caso, os períodos nos que non caiba o goce de permisos nin vacacións por razóns do servizo. As modificacións sobrevidas deberán ser informadas, previamente, e coa antelación suficiente, aos órganos de representación do persoal, así como aos traballadores directamente afectados.

3. Naqueles supostos nos que non se establezan, de forma específica, os calendarios específicos dos distintos servizos, serán de directa aplicación os criterios fixados, con carácter xeral, na presente regulación.

4. O calendario laboral conterá a distribución anual da xornada, e haberá de respectar as seguintes condicións:

a) A duración da xornada mínima de traballo, fixada en 37,5 horas semanais de traballo efectivo, de promedio, en cómputo anual, equivalente a 1664 horas anuais, sen que poida menoscabarse o cómputo anual da mesma como consecuencia da xornada intensiva de verán ou do goce das festividades locais, autonómicas e nacionais.

b) Os horarios acomodaranse ás necesidades do servizo, respondendo ao criterio de facilitar a atención á cidadanía.

c) Durante a xornada de traballo poderase gozar dunha pausa, por un período de trinta minutos, que se computará como traballo efectivo, sempre que a xornada sexa de seis ou máis horas continuadas. Esta interrupción non poderá afectar á prestación dos servizos e, con carácter xeral, poderá efectuarse entre as dez e as doce trinta horas.

d) A distribución anual da xornada non poderá alterar o número de días de vacacións que estableza a normativa en vigor.

5. Os días 22 de maio e 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas municipais, a excepción dos servizos de Rexistro e Información Xeral, así como as correspondentes aos servizos especias - nos termos do definido no presente Convenio. O criterio de compensación horaria será de dous días de descanso por cada día traballado.Os calendarios laborais incorporarán dous días de permiso cando os referidos 24 e 31 de decembro coincidan en festivo, sábado ou día non laborable. Todas estas previsións aplicaranse sen que isto menoscabe o cumprimento da xornada mínima de traballo, en cómputo anual, de obrigado cumprimento.

Igualmente, os calendarios laborais tamén incorporarán, cada ano natural, un día de permiso por cada festivo, cando algunha ou algunhas festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído e non recuperable, e non substituíble pola Comunidade Autónoma, coincidan con sábado, (ver anexo II; calendario de días festivos para o ano 2015)

Artigo 41.-Xornada laboral.

1. A duración da xornada de traballo no Concello de Ares será a que, en cada momento, estea establecida para a Administración Xeral do Estado. Deste xeito, no momento de asinar o presente Convenio a xornada xeral de traballo do persoal ao servizo do Concello de Ares será de 37 horas e media semanais de traballo efectivo, de promedio, en cómputo anual, equivalente a 1664 horas anuais, todo elo sen prexuízo das adecuacións e modificacións que, como consecuencia das previsións normativas que resulten de aplicación, en cada momento, nesta materia, sexa preciso realizar.

Neste cómputo de xornada incluiranse as horas de asistencia aos cursos de formación programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal para a capacitación e cualificación profesional ou para a adaptación a un novo posto de traballo e de asistencia obrigada.

2. A xornada ordinaria de traballo do Concello de Ares realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 8.30 horas e as 14.30 horas de cada día, salvo modificacións ou flexibilidades previstas ou autorizadas, e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características, de conformidade co fixado no anexo I do presente Convenio. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, atendendo a razóns de servizo, entre as 7.45 e as 15.30 horas, ou nunha tarde á semana.

Para a determinación da parte flexible da xornada, teranse en conta as preferencias do persoal, así como as necesidades e dispoñibilidades de cada un dos servizos, primando, en todo caso, a súa correcta cobertura e prestación. En todo caso, a ordenación da parte flexible da xornada deberá garantir a adecuada prestación e apertura do servizo de Rexistro Municipal e Información os sábados.

Corresponderá a cada un dos responsables dos distintos servizos, a determinación motivada dos devanditos horarios flexibles, así como a acreditación da súa compatibilidade coa adecuada prestación de ditos servizos

Os sábados pola mañá permanecerá aberto o servizo de Rexistro Xeral, en horario de 9.00 a 13.00 horas.

A cobertura deste servizo realizarase, con carácter rotatorio e equitativo, entre o persoal de administración xeral do Concello, que terá dereito a unha compensación horaria nos mesmos termos fixados para os traballos extraordinarios, sempre e cando se poida acreditar esta natureza extraordinaria (por riba da xornada mínima de obrigada cumprimento. O criterio de compensación horaria será de un día de descanso a elixir, atendendo a razóns de servizo, ao longo da seguinte semana.

3. Durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambos inclusive, poderase establecer unha xornada intensiva de traballo, a razón de seis horas e media continuadas de traballo, a desenvolver entre as 8.00 e as 14.30 horas, de luns a venres, garantíndose, en todo caso, a cobertura e apertura do servizo de rexistro e información os sábados.

A opción por esta redución horaria deberá ser comunicada ao departamento encargado da xestión ordinaria de recursos humanos no mes de xaneiro dese ano. No caso de que se opte por a citada redución de xornada estival, o persoal virá obrigado a recuperar as horas non realizadas ao longo do resto do ano.

O persoal do Concello con redución de xornada disporá dunha redución proporcional durante este período.

Esta redución de xornada quedará condicionada a que a prestación dos servizos quede debidamente garantida, polo que deberá adaptarse a esta circunstancia.

Cando polas características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible esta redución, o tempo de redución computarse sobre a xornada anual de traballo, de tal xeito que a distribución concreta da mesma garanta unha compensación horaria semellante a dos restantes traballadores.

4. Os criterios xerais que se veñen de sinalar aplicaranse sen prexuízo das modificacións ou flexibilidades horarias autorizadas en desenvolvemento das disposición normativas vixentes ao respecto, e con independencia dos horarios específicos que se establezan nos servizos que, polas súas especiais características, non poidan adecuarse a esta regra xeral.

En todo caso, nos supostos nos que, polas especias características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible esta distribución ordinaria da xornada, deberase garantir, en todo momento, o cumprimento dunha xornada equivalente, de tal xeito que a distribución concreta da mesma cumpra coa xornada mínima semanal referida ou, no seu caso, co equivalente anual de 1664 horas.

Artigo 42.-Tempo de traballo efectivo. Descansos.

1. Durante a xornada laboral ordinaria dispoñerase dunha pausa de trinta minutos de descanso, computable como de traballo efectivo, sempre que a xornada sexa de seis ou máis horas continuadas. Este descanso non poderá afectar á prestación dos servizos e, con carácter xeral, deberá efectuarse entre as 10.00 e as 12.30 horas. O persoal en réxime de xornada partida, gozará de dúas pausas de 15 minutos, distribuídas nas dúas partes da xornada laboral, e no medio de cada unha delas respectivamente, computándose como de traballo efectivo.

2. Todo o persoal terá dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompidos que, como regra xeral, comprenderá a tarde do sábado e o domingo, sen prexuízo das particularidades fixadas, con carácter específico, nos horarios e xornadas dos servizos especiais, cuxas especiais características, non permiten a súa adaptación aos criterios xerais vixentes en materia de xornada e horario de traballo.

3. Entre a finalización dunha xornada e o comezo da seguinte mediará, como mínimo, un período de 12 horas, salvo situacións excepcionais debidamente xustificadas.

4. O tempo de traballo computarase de modo que tanto ao comezo como ao remate da xornada diaria, o traballador se atope no seu posto de traballo, considerándose como traballo efectivo aquel que sexa imprescindible para recoller, ordenar e gardar roupa, materiais e útiles de traballo. A mesma consideración terá o tempo utilizado para cumprir coas normas de seguridade e hixiene.

5. Para o persoal que desenvolva a súa actividade en lugares de traballo non fixos ou itinerantes, o cómputo da xornada normal de traballo comezará a partir da súa presenza no lugar de recollida ou reunión establecido ou no centro de control, tanto na entrada como na saída do traballo.

6. Todo o regulado no presente artigo debe entenderse sen prexuízo das particularidades fixadas, con carácter específico, nos horarios e xornadas dos servizos especiais, cuxas particulares características, non permiten a súa adaptación aos criterios vixentes, con carácter xeral e ordinario, en materia de xornada e horario de traballo.

Artigo 43.-Calendario de servizos especiais.

1. Naqueles servizos municipais que pola natureza da súa actividade deban organizarse por quendas de traballo, estas efectuaranse mediante a rotación entre todos os traballadores. Procurarase que nos servizos nos que a actividade se desenvolva en domingos, festivos, horas nocturnas, ou en condicións de perigosidade, penosidade ou toxicidade, as xornadas traballadas nas devanditas circunstancias sexan repartidas equitativamente entre todo o persoal adscrito ao servizo, sen prexuízo das situacións que por saúde laboral impidan o traballo a quendas ou nocturno, especialmente no período de maternidade, procurando os mecanismos necesarios para que os traballadores alternen os festivos traballados cada ano natural, en relación ós festivos traballados o ano anterior.

2. Os calendarios de servizos especiais poderán dispor dun sistema de quendas, atendendo á dispoñibilidade de persoal e os servizos a realizar, respectando, en todo caso, o descanso entre xornadas, que non poderá ser inferior a 12 horas, e o descanso semanal ininterrompido de 24 horas que se engadirá ao anterior. O goce do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, por pedimento do/a traballador/a e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación.

3. O cómputo da xornada de traballo adecuarase aos criterios fixados para o resto do persoal e servizos.

4. Os calendarios de servizos especiais preverán a xornada laboral ordinaria dos mesmos, así como, de selo caso, a parte variable do horario.

5. A elaboración e tramitación destes calendarios rexerase polos mesmos criterios establecidos para os calendarios ordinarios.

Artigo 44.-Servizos extraordinarios fóra da xornada laboral.

1. O exceso de horas realizadas, por razóns do servizo, só serán considerados servizos extraordinarios cando previamente se autorizara a súa realización, se constatara a existencia de crédito dispoñible, e posteriormente se acreditara a súa realización, polo responsable e/ou concelleiro do servizo. O exceso de horas realizadas voluntariamente e sen causas xustificadas, non poderá ser reclamado para a súa compensación como servizos extraordinarios.

2. En calquera caso, a compensación por servizos extraordinarios, será realizada en tempo de descanso, e so excepcionalmente, e de xeito motivado, ante a imposibilidade de compensación horaria, se procederá a súa compensación económica, conforme aos criterios fixados no presente artigo. Esta compensación horaria deberá materializarse, preferentemente, en xornadas de traballo completas, que deberá ser compatible, en todo caso, coa adecuada prestación dos servizos correspondentes.

3. Especificamente, terán a consideración de servizos extraordinarios as horas necesarias para asistir a xuízos ou comparecencias fóra da xornada de traballo, derivados da prestación do servizo. Para estes efectos, computaranse un mínimo de 3,5 horas extraordinarias se o xuízo ou comparecencia ten lugar no mesmo partido xudicial, e de sete horas se trata dun partido distinto, sen prexuízo da xustificación oportuna. Igualmente, para o persoal da quenda de noite que teña que acudir a xuízo na mañá seguinte a da súa quenda, autorizaráselle a ausencia do servizo para facilitar a asistencia ao xuízo polo tempo necesario.

Se o día convocado para asistir a declarar ó Xulgado o traballador estivera gozando do seu día de descanso, será substituído por outro día de descanso.

Igualmente, considéranse horas extraordinarias as consumidas polo persoal que realice traballo por quendas na espera do relevo correspondente, sen prexuízo da esixencia da responsabilidade correspondente polo incumprimento do horario.

4. Os responsables dos servizos ou unidades administrativas responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización de servizos extraordinarios, así como da veracidade das circunstancias que xustifiquen a súa realización.

5. Para o debido control do número de horas extraordinarias feitas, levarase un rexistro por servizos co número de horas realizado trimestralmente que, en todo caso, será entregado tamén trimestralmente aos representantes dos traballadores.

6. O número de horas extraordinarias realizadas por cada traballador non poderá exceder de 80 ao ano. Non se computarán a estes efectos as motivadas pola necesidade de reparar e previr sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, independentemente da súa compensación como hora extraordinaria.

7. A compensación por servizos extraordinarias, que se realizará, preferentemente, con tempo de descanso, ata completar xornadas completas de traballo, se materializará conforme aos seguintes criterios; a razón de 2 horas por cada hora traballada; no caso de que sexan realizadas en domingos, festivos ou de noite compensaranse con 2 horas de descanso, e 3 horas se concorren as dúas circunstancias..

No caso de compensación económica, o réxime de valoración de ditas horas será o seguinte:

- Con carácter xeral, cada hora extraordinaria traballada será retribuída co valor dunha hora ordinaria de traballo incrementada no 50%.

- As horas extraordinarias traballadas en domingo, festivo ou de noite retribuiranse co valor dunha hora ordinaria de traballo incrementada nun 75%.

- No caso de que concorran ambas circunstancias, festivo e nocturno, as horas extraordinarias traballadas retribuiranse co valor dunha hora ordinaria de traballo incrementada nun 125%.

A tales efectos, o valor da hora ordinaria de traballo calcularase dividindo as retribucións totais anuais (excluíndo os complementos de antigüidade) entre a xornada de traballo anual vixente en cada momento.

En calquera caso, para a determinación das compensacións correspondentes, ven sexa en tempo libre ou, de ser o caso, en contías económicas, aplicaranse os seguintes criterios horarios:

- Entenderase por traballo en período nocturno, o efectuado entre as 10 da noite (22.00 horas.) e as 8 da mañá (08,00 horas).

- Entenderase por traballo en período festivo, o realizado no tempo que medie entre as 22.00 horas da véspera de festivo, domingo, ou día de libranza previsto no calendario laboral propio de cada servizo -de ser o caso-, e as 24.00 horas de cada festivo, domingo ou día de libranza.

Artigo 45.-Tempos para a formación.

1. O tempo de asistencia aos cursos de formación programados ou autorizados por distintos órganos ou servizos municipais para a capacitación profesional, para a adaptación a un novo posto de traballo ou para a promoción profesional, considerarase tempo de traballo para todos os efectos

2. Así mesmo, para facilitar a formación profesional e o desenvolvemento persoal dos empregados públicos concederanse permisos para os seguintes supostos:

a) Permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional recoñecidos, durante os días da súa celebración.

b) Permiso non retribuído, dunha duración máxima de tres meses, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional non directamente relacionados coa función pública, sempre que a xestión do servizo e a organización do traballo o permitan.

Os períodos de goce destes permisos non poderán acumularse a outros tipos de permisos e licenzas.

CAPÍTULO VII.-VACACIÓNS, PERMISOS, LICENZAS E SITUACIÓNS NORMATIVAS

Artigo 46.-Réxime de permisos, licenzas, vacacións e situacións administrativas.

Con independencia do regulado no presente Capítulo, no que se refire á regulación do réxime de permisos, licenzas, vacacións e situacións administrativas do persoal laboral ao servizo do Concello de Ares, deberase estar ao disposto nas previsións normativas que resulten aplicables, en cada momento, ao persoal funcionario ao servizo da administración local de Galicia; todo ilo sen menoscabo das previsións normativas específicas que se deriven da aplicación da lexislación laboral ordinaria así como da peculiar tipoloxía laboral do persoal afectado.

Artigo 47.-Permisos e licenzas.

1. No referente ao réxime de permisos e licenzas do persoal laboral municipal estarase ao disposto, ao respecto, nas previsións normativas que resulten aplicables, en cada momento, ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

En base a estas previsións, no momento de asinar o presente Acordo, ao persoal laboral ao servizo do Concello de Ares seralles de aplicación o réxime de permisos fixado, con carácter básico, no artigo 48 do Estatuto Básico do Empregado Público.

2. Sen prexuízo do fixado no punto anterior, o persoal laboral tamén poderá gozar dos seguintes permisos por motivos da conciliación da vida persoal, familiar e laboral e por razón de violencia de xénero:

A) Permiso por parto: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple. O permiso distribuirase á opción da empregada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. No caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos os proxenitores traballen, a nai, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo esta se atope en situación de incapacidade temporal.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan no caso de discapacidade do fillo ou filla ou de parto múltiple.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

B) Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do menor adoptado ou acollido e por cada fillo, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple.

O cómputo do prazo contarase á elección do empregado, a partir da decisión administrativa ou xudicial do acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que un mesmo menor poida dar, en ningún caso, dereito a varios períodos de gozo deste permiso.

No caso de que ambos os proxenitores traballen, o permiso distribuirase á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan en caso de adopción ou acollemento múltiple e de discapacidade do menor adoptado ou acollido.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Se fose necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado ou acollido, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses.

Con independencia do permiso de ata tres meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto previsto no devandito parágrafo, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial do acollemento.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.

C) Permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla: terá unha duración de vinte e nove días naturais, que gozará o pai a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo do Concello, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.

Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas a) e b).

A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos previstos nas alíneas a) e b) nos seguintes supostos:

- Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.

- Se a filiación paterna non estivese determinada.

- Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.

- Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.

No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea.

Nos casos previstos nas alíneas a), b) e c), o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos do persoal durante todo o período de duración do permiso, e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.

Os empregados que fixesen uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, así que finalice o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.

D) Permiso por razón de violencia de xénero sobre o persoal: as faltas de asistencia do persoal vítima da violencia do xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións nas que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde, segundo proceda.

Así mesmo, o persoal vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito á redución da xornada coa diminución proporcional da retribución ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicables, nos termos que para estes supostos estableza a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

E) Permiso por coidado de fillo menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave; o persoal terá dereito, sempre que ambos proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente traballen, a unha redución da xornada de traballo de cando menos a metade da duración de esta, percibindo as retribucións íntegras con cargo aos presupostos do Concello, para o coidado, durante a hospitalización e tratamento continuado, do fillo menor de idade afectado polo cancro (tumores malignos, melanomas ou carcinomas) ou por calquera outra enfermidade grave que implique un ingreso hospitalario de larga duración e requira a necesidade do seu coidado directo, continuo e permanente acreditado por informe do Servicio Público de Saúde ou órgano administrativo sanitario da Comunidade Autónoma ou, no seu caso, da entidade sanitaria concertada correspondente e, como máximo, ata que o menor cumpra os 18 anos.

Cando concorran en ambos proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente, polo mesmo suxeito e feito causante, as circunstancias necesarias para ter dereito a este permiso ou, no seu caso, poidan ter a condición de beneficiarios da prestación establecida para este fin no Réxime da Seguridade Social que lles sexa de aplicación, o persoal terá dereito á percepción das retribucións íntegras durante o tempo que dure redución da súa xornada de traballo, sempre que o outro proxenitor, adoptante ou acolledor de carácter preadoptivo ou permanente, sen prexuízo do dereito á redución da xornada que lle corresponda, non cobre as súas retribucións íntegras en virtude deste permiso ou como beneficiario da prestación establecida para este fin no Réxime da Seguridade Social que lle sexa de aplicación. En caso contrario, só se terá dereito á redución de xornada, coa conseguinte redución de retribucións.

Asemade, no suposto de que ambos presten servizos no Concello este poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns fundadas no correcto funcionamento do servizo.

Artigo 48.-Vacacións.

1. As vacacións anuais retribuídas do persoal serán dun mes natural, ou de vinte e dous días hábiles anuais por ano completo de servizo, ou en forma proporcional ao tempo de servizos efectivos, e gozaranse polos empregados públicos, de forma obrigatoria, dentro do ano natural e ata o quince de xaneiro do ano seguinte; preferentemente, o goce de, cando menos, metade das mesmas, realizarase nos meses de xullo e agosto, e en períodos mínimos de cinco días hábiles consecutivos, sempre que os correspondentes períodos de vacacións sexan compatibles coas necesidades do servizo. Non obstante, e sempre que as necesidades do servizo o permitan, poderase solicitar o goce independente de ata un máximo de 5 días hábiles por ano natural.

Para estes efectos, os sábados non serán considerados días hábiles, salvo que nos horarios especiais se estableza outra cousa.

2. Para os efectos de determinar o período computable para o cálculo das vacacións anuais, as ausencias do traballo por motivos independentes da vontade do empregado público, tales como enfermidade, accidente ou maternidade, así como aqueloutras derivadas do goce de licenzas e permisos legalmente recoñecidos, computarán como servizos efectivos.

3. O calendario de vacacións elaborarase anualmente, mediante resolución de alcaldía, ou persoa en que delegue, antes do 1 de abril do ano en que se vaian a desfrutar, téndose en conta as necesidades dos diferentes servizos e/ou unidades, e oídos os órganos de representación do persoal, sendo de coñecemento público para todo o persoal.

4. A organización das vacacións permitirá a distribución equitativa das mesmas, a través de sistemas de rotación, entre todos os traballadores da unidade ou servizo correspondente, sen prexuízo do dereito de elección preferente recoñecido no presente artigo e na normativa que resulte de aplicación.

En caso de colisión de intereses entre traballadores que desexan un mesmo período de vacacións, sen que ningún deles se atope en situación de elección preferente, terá preferencia aquel que non gozase deste período o ano anterior.

5. Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos ou maiores dependentes ao seu coidado.

6. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan.

7. A baixa por maternidade, enfermidade ou accidente interromperá o cómputo de período vacacional e reanudarase de acordo coas necesidades do servizo despois da alta. De producirse colisión de intereses entre un traballador afectado por unha enfermidade ou por un accidente e aqueles outros do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.

8. Cando o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, parto ou lactancia natural, ou co permiso de maternidade, ou coa súa ampliación por lactancia, a empregada terá dereito a gozar as vacacións en data distinta, aínda que houbera terminado o ano natural ao que correspondan. Gozarán deste mesmo dereito quen estean gozando do permiso de paternidade.

9. No caso de que o traballador cese por xubilación ou falecemento sen gozar das vacacións que lle corresponderan, terá dereito (él ou os seus dereitohabintes) a que se lle inclúa na liquidación o importe da parte proporcional das vacacións devengadas e non disfrutadas polo período de tempo traballado durante o ano.

Artigo 49.-Tramitación e xestión de permisos.

1. As solicitudes de permisos que sexan previsibles faranse mediante escrito presentado nun rexistro habilitado ao efecto na unidade/departamento encargado da xestión ordinaria de recursos humanos, segundo modelo formalizado a disposición dos traballadores (incorporado xunto coas presentes normas). Para estes efectos, nos diferentes servizos/unidades, así como na unidade/departamento encargado da xestión ordinaria de recursos humanos, existirán modelos normalizados de solicitude. Estes impresos deberán ser cubertos polo interesado/a, facendo constar a clase de permiso ou licenza que se solicita e a súa duración, e achegando, de ser o caso, a xustificación documental pertinente. No caso de que non sexa posible achegar a xustificación documental no momento da solicitude, esta deberase presentar dentro do prazo de sete días naturais contados a partir da data de comezo do permiso. En caso contrario, procederase a descontar das percepcións salariais a parte correspondente, nos termos previstos no presente documento.

2. Nos casos nos que o modelo formalizado de solicitude de permisos non se adapte ás circunstancias da solicitude do empregado, este poderá presentar a súa petición mediante escrito personalizado, no que, en todo caso, deberán figurar de xeito claro, os datos do empregado, unha exposición das causas alegadas, así como o que se solicita.

3. Para a solicitude de asuntos particulares non será necesario presentar xustificación, coa única obrigación de achegar a conformidade do responsable do servizo/unidade, que acreditará a compatibilidade dos días solicitados coa adecuada prestación do servizo afectado. Cando, por estas razóns, nos sexa posible gozar do mencionado permiso antes de finalizar o mes de decembro, poderá concederse no mes de xaneiro seguinte. En calquera caso, os permisos por asuntos particulares non poderán acumularse, en ningún caso, aos períodos de vacacións anuais.

Sen prexuízo do anterior, e sempre que as necesidades do servizo o permitan, os días por asuntos particulares, así como, no seu caso, os días de permiso previstos no artigo 40.5. do presente Convenio, poderán ser acumulados aos días de vacacións que se gocen de forma independente.

4. As comunicacións dos permisos sobrevidos, ou imprevisibles, debaranse facer, verbalmente, e conxuntamente, ao departamento/unidade de recursos humanos e ao responsable do servizo/unidade correspondente. En calquera caso, presentarase a oportuna xustificación documental do permiso dentro do prazo de sete días naturais contados a partir da data de comezo do mesmo. En caso contrario, procederase a descontar das percepcións salariais a parte proporcional correspondente, nos termos previstos no presente documento.

5. Os permisos e licenzas deberán solicitarse con cinco días hábiles de antelación, como mínimo, e dita solicitude deberá conter a conformidade do responsable do servizo/unidade, salvo os casos de urxente necesidade, nos que será aplicable o indicado no punto anterior. Será causa suficiente de denegación do permiso a súa presentación fóra de prazo.

Nos casos en que o responsable do servizo/unidade néguese a dar a súa conformidade, deberá achegar informe aclaratorio respecto dos motivos da súa negativa.

Asemade, nos casos en que sexa imposible conseguir que o responsable do servizo/unidade revise, e de conformidade, de ser o caso, á solicitude, o empregado deberá achegar, xunto co modelo formalizado de petición de permisos, un escrito no que se sinalen as causas de tal circunstancia (ausencia do responsable, imposibilidade de localización)

6. A tramitación das solicitudes corresponde ao departamento/unidade de recursos humanos, que se encargará de efectuar as dilixencias e procurar os informes oportunos para determinar a correspondente resolución.

7. A concesión dos permisos e licenzas corresponde ao Alcalde-Presidente ou persoa en quen delegue.

8. As licenzas e permisos debidamente tramitados e xustificados constitúen un dereito do persoal municipal, polo que calquera resolución negativa de permisos ou licenzas será debidamente motivada e argumentada. En caso de producirse resolución denegatoria o interesado terá dereito a ser escoitado, acompañándose, si así o decide, a representación legal dos traballadores.

De conformidade co establecido no apartado anterior, as solicitudes formuladas en forma e prazo (de acordo ao establecido nas presentes normas), serán resoltas e notificadas aos solicitantes coa debida antelación á data en que deba comezar o goce do permiso ou licenza solicitados. En calquera caso, si tal notificación non se produce con dous días de anterioridade ao comezo do goce do permiso ou licenza solicitados, dita solicitude entenderase concedida nos termos do solicitado.

9. Carecerán de validez e consideraranse nulos para todos os efectos os permisos e licenzas que non sexan tramitados e resoltos conforme ao establecido nas presentes normas, sen prexuízo do establecido para os casos imprevisibles de urxente necesidade.

10. Nos casos excepcionais nos que os permisos solicitados non se adapten ao procedemento exposto con anterioridade, en forma e prazo, e fosen presentados con carácter de urxencia, a concesión dos mesmos, por parte do órgano competente, terá carácter potestativo, debendo entenderse a falta de resolución con carácter denegatorio.

Artigo 50.-Situacións administrativas.

Para a determinación do alcance, contido e condicións xerais das situacións administrativas do persoal laboral será de aplicación a normativa vixente en cada momento ao para o persoal funcionario ao servizo das administracións locais de Galicia, en todo aquilo que non sexa incompatible co tipo de relación laboral dos interesados, así como co Texto Refundido do Estatuto dos Traballadores e restante normativa laboral aplicable, sendo de aplicación, en cada caso, a norma máis favorable ao traballador.

CAPÍTULO VIII.-PLANIFICACIÓN, ORDENACIÓN E CLASIFICACIÓN DO PERSOAL LABORAL MUNICIPAL

Artigo 51.-Obxecto e instrumentos de planificación.

A planificación dos recursos humanos no Concello, será a base para a eficacia na prestación dos servizos e a eficiencia na utilización dos seus recursos económicos, a través dunha axeitada dimensión, distribución, formación e promoción profesional e mobilidade.

Artigo 52.-Plans de emprego.

1. O Concello poderá elaborar plans de emprego ou instrumentos similares para a ordenación dos seus recursos humanos que inclúan:

a) Análise das dispoñibilidades e necesidades de persoal, tanto dende o punto de vista do seu número de efectivos, como dos perfís profesionais ou niveis de cualificación dos mesmos.

b) Previsións sobre os sistemas de organización do traballo e modificación de estruturas dos postos de traballo.

c) Medidas de mobilidade, entre as que poderá figurar a suspensión de persoal externo a un determinado ámbito ou a convocatoria de concursos de provisión de postos limitado a persoal dos ámbitos que se determinen.

d) Medidas de promoción interna e de formación do persoal.

e) A previsión e incorporación dos recursos humanos a través do acceso as Ofertas de Emprego

2. Os Plans de Emprego serán obxecto de negociación na Mesa Xeral de negociación e disporá dunha memoria xustificativa das necesidades e obxectivos do plan.

Artigo 53.-Programación funcional.

A programación funcional dun área de traballo determinará as instrucións que, en uso da capacidade de organización e dirección do traballo, determine cada responsable da área de xestión ou actividade, en orde a articular coordinadamente as actividades do servizo e entre estes no seu caso, e servirá para valorar o adecuado cumprimento das funcións do persoal, e como base nos procesos de avaliación dos mesmos.

Artigo 54.-Cadro de persoal e ofertas de emprego.

1. O Concello aprobará anualmente, a través do seu orzamento, o cadro de persoal no que figuren todas as prazas reservadas a funcionarios, persoal laboral e eventual.

Deste cadro de persoal informarase e darase conta na Mesa Xeral de Negociación do Concello, con anterioridade á aprobación polo Pleno da Corporación.

2. As necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que deban proverse coa incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, o que comportará a obriga de convocar os correspondentes procesos de selección para as prazas comprometidas, fixando un prazo máximo para a convocatoria dos mesmos. En todo caso a execución do proceso non poderá superar o máximo legal actual de tres anos.

A Oferta de Emprego Público será obxecto de tratamento, cos representación legal do persoal, no seo da Mesa Xeral de Negociación, e poderá conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos.

Artigo 55.-Rexistro de Persoal.

O Concello constituirá un rexistro de persoal no que inscribirá todo o persoal ao seu servizo, incluíndo os datos da súa historia curricular e de carreira profesional desenvolvida.

Artigo 56.-Relación de postos de traballo.

1. O Concello de Ares estruturará a súa organización a través da Relación de Postos de Traballo ou outros instrumentos organizativos similares.

2. Os mencionados instrumentos de ordenación dos postos de traballo serán publicados anualmente, e as súas modificacións e aprobación serán obxecto de información e, no caso de afectar ás condicións de traballo do persoal, de negociación, en atención ao disposto, no presente Convenio.

3. Estes instrumentos de ordenación de postos comprenderán, alomenos, a denominación dos postos, os grupos de clasificación profesional, os corpos, escalas ou categoría, no seu caso, aos que se atopan adscritos, os sistemas de provisión e as retribucións complementarias.

Artigo 57.-Clasificación profesional do persoal laboral.

1. Co obxecto de acadar unha homologación real do persoal funcionario e laboral do Concello de Ares, e co gallo de facilitar unha xestión áxil e integral dos cadros de persoal, ao persoal laboral municipal seralle de aplicación o mesmo sistema de clasificación profesional, en grupos, que o vixente, en cada momento, para o persoal funcionario ao servizo do Concello de Ares.

2. En base a este principio de homologación, o persoal laboral clasifícase de acordo coa titulación esixida para o seu acceso, nos mesmos grupos e cos mesmo criterios e requisitos que os establecidos para o persoal funcionario do Concello de Ares, de conformidade co sistema fixado no anexo III do presente convenio, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

Igualmente, o persoal laboral clasificarase, atendendo ás súas características funcionais e profesionais, dentro dos postos de traballo que integran cada grupo profesional, de conformidade co sistema fixado no anexo III do presente convenio.

3. En tanto non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios a que se refire o artigo 76 da Lei 7/ 2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, para o acceso aos grupos de clasificación definidos neste Convenio seguirán sendo válidos os títulos universitarios oficiais vixentes á entrada en vigor do propio Estatuto Básico do Empregado Público.

En base ao disposto na disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, será de aplicación, co carácter transitorio estipulada na mencionada disposición, o modelo de equiparación sinalado a tal efecto para os grupos profesionais existentes con anterioridade á entrada en vigor desta normativa, sen prexuízo das modificacións que proceda realizar como consecuencia do desenvolvemento normativo que sexa de aplicación para o persoal funcionario ao servizo da administración local de Galicia.

CAPÍTULO IX.-ACCESO A CONDICIÓN DE PERSOAL LABORAL DO CONCELLO DE ARES, PROVISIÓN E MOBILIDADE

SECCIÓN 1.ª.-SELECCIÓN E ACCESO

Artigo 58.-Acceso ao emprego do persoal laboral.

1. A selección do persoal laboral ao servizo do Concello de Ares realizarase de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistemas de concurso, oposición ou concurso-oposición libre, segundo o caso, nos que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

2. En todo caso, na selección do seu persoal laboral, o Concello de Ares estará ao disposto no presente convenio, no título IV da Lei 7/2007 de 12 de abril, do Empregado Público, no Real Decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Ingreso do persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma Galega e no Real Decreto 896/1991, do 7 de xuño, polo que se aproban as regras básicas e programas mínimos do procedemento de selección dos funcionarios de Administración local, así como á restante normativa que, en cada momento, resulte aplicable

Artigo 59.-Órganos de selección.

1. Os órganos de selección adecuarán o seu funcionamento, composición e actuacións aos criterios e normas previstas nas disposicións normativas sinaladas anteriormente. En calquera caso, ditos órganos serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros, así como aos criterios de paridade vixentes en cada momento.

2. O persoal de elección o de designación política, os funcionarios interinos e o persoal temporal e eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

3. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación o por conta de ninguén. Os órganos de selección conformaranse oída a representación sindical.

Artigo 60.-Sistemas selectivos.

1. Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste Convenio e na normativa vixente. Os órganos de selección velarán polo cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre sexos.

2. Os procedementos de selección coidarán especialmente a conexión entre o tipo de probas a superar e a adecuación ao desempeño das tarefas dos postos de traballo convocados, incluíndo, no seu caso, as probas prácticas que sexan precisas. As probas poderán consistir na comprobación dos coñecementos e a capacidade analítica dos aspirantes, expresados de forma oral ou escrita, na realización de exercicios que demostren a posesión de habilidades e destrezas, na comprobación do dominio de linguas estranxeiras e, no seu caso, na superación de probas físicas.

3. Os procesos selectivos que inclúan, ademais das preceptivas probas de capacidade, a valoración de méritos dos aspirantes, só poderán outorgar a devandita valoración unha puntuación proporcionada que non determinará, en ningún caso, por si mesma, o resultado do proceso selectivo.

4. O Concello poderá crear órganos especializados e permanentes para a organización de procesos selectivos, podéndose encomendar estas funcións aos Institutos ou Escolas de Administración Pública.

5. Para asegurar a obxectividade e a racionalidade dos procesos selectivos, as probas poderán completarse coa superación de cursos, de períodos de prácticas, coa exposición curricular polos candidatos, con probas psicotécnicas ou coa realización de entrevistas. Igualmente poderán esixirse recoñecementos médicos.

6. Os sistemas selectivos do persoal laboral serán os de oposición e concurso oposición, que deberán incluír en todo caso unha ou varias probas para determinar a capacidade dos aspirantes e establecer a orde de prelación. Só en supostos excepcionais, debidamente motivados se poderá utilizar o sistema de concurso, que consistirá, unicamente, na valoración de méritos.

7. Os Órganos de selección non poderán propoñer o acceso á condición persoal municipal dun número superior de aprobados ao de prazas convocadas, agás que estea previsto na convocatoria. No obstante cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria de aspirantes que sigan aos propostos co fin do seu nomeamento como titulares das prazas.

8. A prestación de servizos noutras administracións públicas valorarase en méritos.

9. Nos sistemas de selección que se realicen para o acceso ás prazas do Concello terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega. As bases das convocatorias establecerán a forma para a súa avaliación.

Artigo 61.-Selección do persoal temporal.

1. A selección do persoal temporal farase de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. O referido sistema deberá permiti-la máxima axilidade na selección, en razón da urxencia requirida para o desempeño transitorio dos postos de traballo ou das funcións correspondentes. En todo caso, o persoal temporal deberá reunir os requisitos xerais de titulación e as demais condicións esixidas para participar nas probas de acceso aos correspondentes postos fixos.

2. Para a selección de persoal laboral temporal elaborarase, no marco da negociación colectiva, un regulamento que conteña as normas e criterios aplicables ao respecto. En tanto o mesmo non sexa aprobado e publicado, a cobertura das vacantes que puideran existir esixirá, en todo caso, a convocatoria pública en libre concorrencia e o respecto dos principios xerais vixentes para a selección do restante persoal.

SECCIÓN 2.ª.-PROVISIÓN E MOBILIDADE

Artigo 62.-Réxime aplicable á provisión de postos e mobilidade do persoal laboral.

1. A provisión de postos e mobilidade do persoal laboral municipal se realizará de conformidade cos mesmos criterios e normas legalmente aplicables, en cada momento, aos persoal funcionario do Concello, en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

2. En todo caso, o Concello proverá os postos de traballo mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. O sistema ordinario de provisión de postos de traballo de persoal laboral será o concurso e, de xeito excepcional, e naqueles supostos en que así o prevea a RPT ou instrumento de ordenación de persoal similar, a libre designación. De calquera xeito deberase garantir, en ambos casos, a convocatoria pública.

4. No referente ás situacións excepcionais e provisionais de cobertura de postos, ao marxe dos procedementos ordinarios de provisión referidos anteriormente, estarase ao previsto na normativa que resulte aplicable, en cada momento, ao persoal funcionario municipal. en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

CAPÍTULO X.-INCOMPATIBILIDADES

Artigo 63.-Réxime de incompatibilidade.

A todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste Convenio aplicaráselle o réxime de incompatibilidades de conformidade coas normas estatais e autonómicas vixentes na materia e aplicables ao persoal funcionario ao servizo do Concello de Ares

CAPÍTULO XI.-NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Artigo 64.-Normalización lingüística.

1. Os traballadores do Concello teñen o dereito e o deber de desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en idioma galego, como lingua propia de Galicia e da súa Administración local, e polo tanto a acceder á formación lingüística precisa para un adecuado desempeño do seu posto de traballo.

2. O Concello proporcionará os instrumentos axeitados para propiciar un coñecemento adecuado da lingua galega. Os traballadores do Concello teñen o dereito e o deber de asistir a cursos de aprendizaxe, perfeccionamento e especialización do idioma galego precisos para un adecuado desempeño do seu posto de traballo.

3. O tempo investido na asistencia aos devanditos cursos será computado como tempo efectivo de traballo e os gastos de desprazamento e axudas de custo xeradas pola asistencia aos mesmos serán de conta do Concello cando se trate de cursos programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal e de asistencia obrigada.

4. Para darlle cumprimento a normalización do idioma galego no Concello e para garantir o dereito dos administrados, en atención ao artigo 6.3 da Lei de Normalización lingüística, nas probas de selección, terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.

A estes efectos, alomenos unha das probas do proceso selectivo deberá realizarse en galego, sen prexuízo doutras probas adicionais que se puidesen prever para aquelas prazas que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

CAPÍTULO XII.-RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 65.-Réxime disciplinario.

1. O persoal laboral do Concello queda suxeito ao réxime disciplinario recollido no título VII, da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, na Lei da Función Pública de Galicia e demais normas que resulten aplicables ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia, en todo aquilo que sexa compatible co seu réxime xurídico. En todo o non previsto por este Convenio e a normativa de referencia, será de aplicación ao fixado pola lexislación laboral.

2. A responsabilidade disciplinaria, o exercicio da potestade disciplinaria, faltas, sancións, prescricións e procedemento disciplinario configurarán no seu conxunto o réxime disciplinario.

3. As faltas disciplinarias cometidas polos traballadores municipais no exercicio dos seus cargos poden ser moi graves, graves e leves, co alcance e contido establecidos na lexislación básica referida.

4. No referido ao procedemento disciplinario será de aplicación o Decreto 94/1991, do 20 de marzo do Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Comunidade Autónoma ou calquera outra norma que, en desenvolvemento da lexislación básica, poida estar vixente para o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia

5. O réxime disciplinario establecido enténdese sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer os traballadores municipais, que se fará efectiva na forma que determine a lei.

6. En todo caso garantirase a audiencia do interesado e a representación pola súa parte das alegacións que considere oportunas ao longo do procedemento, así como a audiencia dos órganos de representación dos traballadores nos momentos procesuais determinantes da resolución final, como son a incoación do expediente e a formulación do prego de cargos e da proposta de resolución.

CAPÍTULO XIII.-CARREIRA PROFESIONAL E PROMOCIÓN INTERNA

Artigo 66.-Principios xerais.

1. O persoal laboral do Concello de Ares terá dereito ao desenvolvemento persoal a través da promoción profesional e a carreira profesional.

A carreira profesional é o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

En base ao desenvolvemento normativo existente ao respecto, o Concello comprométese ao desenvolvemento dun modelo de Carreira Profesional baseado nos seguintes principios xerais;

a) Recoñécese o dereito do persoal laboral municipal á súa promoción profesional.

b) Dita promoción comprenderá non só a progresión de natureza vertical, senón tamén sistemas de progresión profesional dentro do posto de traballo desenvolvido, é dicir, unha carreira horizontal. Ámbolos dous sistemas de progresión non son excluíntes entre si, polo que os traballadores do Concello poderán progresar simultaneamente en ambas modalidades, sempre e cando se tivesen implantado nun mesmo eido.

c) A relación de postos de traballo, ou instrumento organizativo similar vixente no Concello, configúrase como instrumento que posibilita a progresión vertical, conforme ao sistema de provisión vixente en cada momento

d) A avaliación do desempeño e a competencia profesional adquirida constituirán elementos esenciais no desenvolvemento da carreira profesional.

e) A xestión das necesidades de Recursos Humanos rexerase polo criterio de preferencia do persoal do Concello para a cobertura das vacantes de prazas ou postos, mediante os respectivos procedementos de promoción interna e provisión de postos.

f) Os Plans de Formación procurarán que os traballadores públicos, ademais de mellorar nos coñecementos e habilidades que teñen relación directa co desempeño dos seus postos de traballo, poidan adquirir os coñecementos e habilidades que permitan o seu progreso profesional, e que esta formación superior sexa tida en conta como mérito á hora de participar en convocatorias de promoción interna ou de provisión de postos de traballo.

g) Ademais das modalidades de carreira profesional previstas no presente capítulo, o verdadeiro impulso ao progreso profesional vén dado pola orientación a este propósito das diferentes ferramentas de xestión de Recursos Humanos, que para a consecución dun verdadeiro pulo á carreira profesional deben ter necesariamente un proceso de xestión e actualización áxil.

h) O sistemas e procedementos que, en desenvolvemento dos criterios xerais establecidos no presente texto, así como na restante normativa de aplicación, ao respecto da Carreira profesional, sexa necesario concretar, serán obxecto de tratamento no marco da negociación colectiva.

Artigo 67.-Réxime e modalidades de carreira profesional do persoal laboral municipal.

As modalidades de desenvolvemento profesional do persoal laboral serán as que de seguido se relacionan, cuxa materialización se fará efectiva de conformidade cos criterios fixados, ao respecto no presente Convenio; en todo caso, en todo o non regulado, de xeito específico, no presente Convenio, estarase ao previsto na normativa que resulte aplicable, en cada momento, ao persoal funcionario municipal, en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

a) Carreira horizontal, que consiste na progresión de grao, categoría, chanzos ou outros conceptos análogos, sen necesidade de cambiar de posto de traballo e con criterios obxectivos de avaliación e valoración do desempeño e traxectoria profesional00000000000000000

b) Carreira vertical, que consiste no ascenso na estrutura de postos de traballo a través dos sistemas de provisión vixentes en cada momento

c) Promoción interna vertical, que consiste no ascenso dende unha categoría e/ou grupo ou subgrupo profesional a outro superior,

d) Promoción interna horizontal, que consiste no acceso a categorías do mesmo subgrupo ou grupo de clasificación profesional, conforme aos criterios vixentes en cada momento

Artigo 68.-Promoción interna.

1. A promoción interna consiste no ascenso dende un grupo ou subgrupo profesional a outro superior (promoción interna vertical) ou dentro do mesmo grupo ou subgrupo (promoción interna horizontal)

2. As condicións e alcance do exercicio do dereito á promoción interna do persoal municipal serán obxecto de tratamento e discusión, no seo da Mesa Xeral de Negociación do persoal do Concello de Ares, e con anterioridade á aprobación do cadro de persoal orzamentario e OEP correspondente, en función das necesidades de persoal existentes, respectando, en calquera caso, os criterios xerais establecidos no presente texto e na normativa de referencia aplicable en cada momento.

a) Promoción interna vertical.

1.Para poder participar nestes procesos os traballadores municipais deberán, posuír a titulación esixida para o ingreso á praza á que se opta, ter unha antigüidade de polo menos dous anos no grupo e/ou categoría, así como reunir os requisitos e superar as probas que para cada caso se establezan.

2. A promoción interna realizarase mediante procesos selectivos que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como os establecidos, segundo a normativa vixente, para o a acceso ao emprego público.

3. As devanditas convocatorias deberán respectar, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade, e poderán levarse a cabo en procesos separados dos de ingreso cando, por conveniencia da planificación xeral dos recursos humanos, así sexa determinado.

4. Para o acceso por promoción interna ás prazas do grupo A esixirase estar en posesión do título universitario de Grao. Naqueles supostos nos que a Lei esixa outro título universitario será este o que se teña en conta.

5. Os traballadores do subgrupo C1 que reúnan a titulación esixida poderán promocionar ao grupo A sen necesidade de pasar polo novo grupo B, coas condicións e requisitos establecidos neste texto e na normativa de aplicación.

6. Para o acceso por promoción interna a prazas do grupo B esixirase estar en posesión do título de Técnico Superior.

7. Poderá participar nos procesos de promoción dentro do grupo C o persoal municipal que, carecendo da titulación esixida, acredite unha antigüidade mínima de dez anos no subgrupo de pertenza ou ben teña unha antigüidade mínima de cinco anos e supere os cursos de formación que se determinen polos órganos da Corporación.

8. As prazas reservadas a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de cobertura libre.

b) Promoción interna horizontal.

O traballadores municipais poderán acceder a outras categorías encadradas no mesmo grupo que teñan asignadas funcións substancialmente coincidentes no seu contido profesional e no seu nivel técnico, sempre que estean na posesión da titulación esixida en cada caso e superen os procesos selectivos establecidos a tal efecto.

Poderán ser eximidos dalgunha das probas aqueles traballadores que procedan da mesma área de especialidade profesional que a correspondente á categoría á que se pretende promocionar.

c) Promoción interna cruzada.

No seo da Mesa Xeral de negociación do persoal do Concello de Ares determinaranse os Corpos e Escalas de funcionarios aos que poderá acceder o persoal laboral dos grupos e categorías profesionais equivalentes ao grupo de titulación correspondente ao Corpo ou Escala a que se pretenda acceder, sempre que desempeñen funcións substancialmente coincidentes ou análogas no seu contido profesional e no seu nivel técnico, se deriven avantaxes para a xestión dos servizos, se encontren en posesión da titulación académica requirida e superen as correspondentes probas selectivas.

Artigo 69.-Avaliación do desempeño.

a) Concepto e alcance.

1. O Concello de Ares comprométese a desenvolver sistemas que permitan a avaliación do desempeño de todo o seu persoal, incluído o laboral.

2. A avaliación do desempeño é o instrumento a través do que se acredita o compromiso dos traballadores municipais na mellora dos servizos públicos e na consecución dos obxectivos da administración municipal, e mediante o cal se mide e se valora a conduta profesional e o rendemento ou logro dos resultados.

3. Os sistemas de avaliación do desempeño no Concello de Ares rexeranse por criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, e aplicaranse sen menoscabo dos dereitos dos traballadores municipais.

4. Os procesos de avaliación poderán ter efectos sobre a percepción do complemento de produtividade, o desenvolvemento da carreira profesional, a formación e a provisión dos postos de traballo, conforme ao criterios e condicións vixentes en cada un destes eidos para o persoal do Concello de Ares.

5. Con independencia do sistema xeral de avaliación vixente no Concello de Ares, poderán acordarse procesos específicos en determinados servizos municipais ou grupos profesionais que pola súa singularidade aconsellen un tratamento propio.

b) Comisión Técnica de Avaliación.

Crearase unha Comisión Técnica de Avaliación de carácter paritaria, integrada por representantes dos traballadores e da Administración, todos eles con voz e voto, podendo formar parte de devandita Comisión profesionais externos con experiencia en Recursos Humanos, con voz pero sen voto

A Comisión de Avaliación terá atribuídas as funcións de fixar, revisar e facer público, con carácter anual, e previamente ao inicio do procesos de avaliación, os criterios e baremos a utilizar para a avaliación, que serán sometidos á aprobación da Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Ares.

Así mesmo, esta Comisión tamén será a encargado de elaborar unha proposta de normas reguladoras do procedemento de xestión e tramitación dos expedientes de avaliación do desempeño, que, en todo caso, deberá ser ratificada pola Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Ares. A Comisión, á vista dos resultados das primeiras avaliacións realizadas, poderá propoñer modificacións no procedemento para axustalo a unha mellora no funcionamento dos servizos municipais.

CAPÍTULO XIV.-SISTEMA RETRIBUTIVO

Artigo 70.-Estrutura retributiva.

Sen prexuízo do fixado no presente capítulo, o sistema retributivo do persoal laboral do Concello de Ares incluído no eido de aplicación do presente convenio, será o mesmo que a establecido para os funcionarios ao servizo da Administración Local de Galicia e do Concello de Ares en cada momento.

O réxime retributivo que se define no presente capítulo resultará aplicable ao persoal laboral incluído no ámbito persoal de aplicación do presente convenio, así como a aquel persoal laboral que, sen incluírse no mesmo, e de ser o caso, se poida adscribir e vincular, formalmente, ao desenvolvemento de funcións de índole estrutural, de conformidade co previsto, ao efecto, pola RPT do Concello ou instrumento similar de ordenación de persoal vixente en cada momento.

En calquera caso, o persoal que, pola natureza da súa relación contractual, non lle resulte de aplicación o réxime retributivo fixado no presente capítulo, rexerase polo previsto, ao respecto, no seu convenio colectivo de referencia, sen que, como consecuencia do previsto no mesmo, poida percibir, con cargo ao presuposto municipal, contías superiores ás fixadas para o persoal incluído no eido de aplicación do presente Convenio e que desempeña idénticos postos e/ou categorías profesionais. Todo elo sen prexuízo de que, en aplicación do principio de respecto das condicións máis beneficiosas, se manteñan os dereitos económicos adquiridos polo persoal laboral municipal con anterioridade á entrada en vigor do presente Convenio; supostos que, en todo caso, deberán ser obxecto de estudo, caso por caso, no seo da Comisión Paritaria.

Tras a entrada en vigor do presente convenio, e mentres non sexan obxecto de materialización as previsións contidas, no mesmo, ao respecto do sistema retributivo, seguirán sendo aplicables os criterios anteriormente vixentes, con arranxo ás previsións e limitacións normativas vixentes en materia orzamentaria, e con pleno respecto dos dereitos económicos previamente adquiridos.

A estrutura retributiva do persoal laboral fixo ao servizo do Concello de Ares constará de retribucións básicas e complementarias.

a) Retribucións básicas:

a).1. O soldo, que se asigna en función da pertenza a cada subgrupo, ou grupo de clasificación profesional, cando este non teña subgrupo, en que se organizan as categorías profesionais e os postos de traballo.

a).2. Os trienios, consistentes nunha cantidade igual para cada subgrupo, ou grupo de clasificación profesional cando este non teña subgrupo, por cada tres anos de servizo na categoría profesional correspondente.

Para estes efectos, o cómputo de servizos realizarase de conformidade cos mesmos criterios e normas aplicables ao persoal funcionario municipal, en todo aquilo que sexa compatible coa súa relación de emprego

No caso de que o traballador preste os seus servizos sucesivamente en diferentes categorías de distinto grupo, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados en grupos anteriores. Asemade, cando o traballador cambie de antes de completar un trienio, a fracción de tempo transcorrido se considerará como tempo de servizos prestados no novo grupo

a).3. As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano por un importe mínimo cada unha delas dunha mensualidade do soldo e trienios e as retribucións complementarias de destino e específico, sen prexuízo das adecuacións que, respecto das mesmas, proceda realizar, como consecuencia das disposicións normativas aplicables en cada momento.

b) Retribucións complementarias:

b).1. O complemento de destino correspondente ao nivel do posto que se desempeñe, conforme ao previsto na Relación de Postos de Traballo, ou instrumento similar de ordenación de persoal vixente no Concello, e será igual para todos os postos do mesmo nivel.

b).2. O complemento específico destinado a retribuír as condicións particulares dos postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade. En ningún caso poderá asignarse máis dun complemento específico a cada posto de traballo. A súa contía se correspondera co previsto na Relación de Postos de Traballo, ou instrumento similar de ordenación de persoal vixente no Concello.

b).3. O complemento de produtividade destinado a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa con que o traballador desempeñe o seu traballo.

O límite global da súa contía será fixado nos orzamentos anuais. A súa asignación, que corresponderá á Alcaldía, realizarase conforme criterios obxectivo de reparto e asignación individualizada. Os devanditos criterios serán obxecto de negociación coa representación legal dos traballadores e posterior aprobación por parte do Pleno. As cantidades que perciba cada traballador serán públicas.

b).4. As gratificacións por servizos extraordinarios fóra da xornada laboral, non poderán en ningún caso ser fixas na contía, nin periódicas no súa percepción. A compensación económica dos servizos extraordinarios realizarase, se ser o caso, conforme aos criterios previstos no artigo 44 do presente convenio.

c) Os traballadores percibirán tamén as correspondentes indemnizacións por razón do servizo.

Artigo 71.-Contía das retribucións básicas e complementarias.

1. As retribucións básicas dos traballadores do Concello devengaranse, cada ano, na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lei de Presupostos Xerais do Estado.

2. O complemento de destino dos traballadores do Concello devengarase cada ano na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lei de presupostos xerais do Estado, conforme ao nivel asignado a cada posto de traballo ou, no seu caso, ao grado persoal consolidado correspondente a cada traballador.

O nivel correspondente a cada posto será o determinado pola relación de postos de traballo, ou instrumento de ordenación de persoal similar que estea vixente no Concello, e sexa aplicable ao persoal incluído no eido de aplicación do presente Convenio.

3. As contías do complemento específico determinaranse pola relación de postos de traballo, ou instrumento de ordenación de persoal similar que estea vixente no Concello, e sexa aplicable ao persoal incluído no eido de aplicación do presente convenio.

Artigo 72.-Indemnización por razón de servizo.

A regulación do seu alcance e contidos correspóndese co definido no Real Decreto 462/2002 de 24 de maio e demais normas que o desenvolven e actualizan as súas contías.

Artigo 73.-Indemnización especial.

Defínese como tal a compensación que corresponde ao traballador polos danos, perdas ou gastos extraordinarios que se produzan por razón ou como consecuencia dos servizos encomendados.

Excepcionalmente o Concello poderá aboar unha indemnización especial polos danos, perdas ou gastos extraordinarios derivados de sinistro ou catástrofe que afecte ao traballadores municipais de xeito individual ou colectivamente.

A avaliación da contía corresponderá a Alcaldía ou, no seu, á Xunta de Goberno Local, logo de examinar tanto o ditame pericial oportuno como o informe da representación sindical.

Artigo 74.-Retribucións en situacións de Incapacidade laboral.

O réxime retributivo aplicable en situacións de incapacidade temporal do persoal laboral ao servizo deste Concello adecuarase aos criterios que a continuación se relacionan, sen prexuízo das adecuacións que proceda realizar como consecuencia das previsións e limitacións normativas vixentes, en cada momento, ao respecto desta materia.

1. Aboarase un complemento, ata alcanzar o 100% das retribucións que se veñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade, dende a data de inicio, nos supostos de incapacidade temporal por continxencias profesionais, así como nos supostos de incapacidade temporal por continxencias comúns que xeren:

- Hospitalización.

- Intervención quirúrxica, e a menor ambulatoria, así como as intervencións médicas invasivas como a colonoscopia, gastroscopias e outras de características similares.

- IT derivada de accidente.

- Períodos de recuperación por estes casos ou postoperatorios.

- Lesións, feridas, mutilacións, intoxicacións ou deformidades que requiran tratamento específico domiciliario ou ambulatorio.

- IT que causen alteracións de mobilidade dos traballadores para cuxa recuperación sexa necesario tratamento específico domiciliario ou ambulatorio.

- IT sen hospitalización por enfermidades infecciosas, mentais, crónicas, dexenerativas, irreversibles/incurables, así como as que se citan no listado de enfermidades graves que constitúen o anexo do RD 1148/2011, de 29 de xullo, para a aplicación e desenrolo, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou enfermidades graves.

- IT derivada de enfermidades intercorrentes (complicacións ou enfermidades que sobreveñan no curso doutra enfermidade).

- IT por enfermidade relacionada coa discapacidade recoñecida nun grao do 33% ou superior.

- IT sen hospitalización pero que requiran tratamento ou terapia hospitalaria (ex. diálisis).

- Procesos oncolóxicos.

- Enfermidade común producida polo embarazo.

- Risco no embarazo.

- Risco durante o período de lactancia.

- Períodos de maternidade/paternidade.

- Situacións de violencia de xénero, violencia familiar/no fogar, acoso laboral ou sexual, que se acredite coa correspondente resolución xudicial ou administrativa ou presentando a denuncia formal.

- Recaída nos procesos anteriores recollidos neste puntos.

2. Nos restantes casos de incapacidade temporal que se derive de continxencias comúns o complemento calcularase de conformidade coas seguintes regras:

a) Dende o primeiro día da situación de incapacidade temporal ata o terceiro día, inclusive, aboarase un complemento ata acadar o 50% das retribucións que se viñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade.

b) Dende o cuarto día da situación de incapacidade temporal ata o vixésimo día, ambos inclusive, aboarase un complemento ata acadar o 75% das retribucións.

c) A partir do vixésimo primeiro día, inclusive, aboarase un complemento ata acadar o 100% das retribucións que se viñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade.

Artigo 75.-Actualización das contías das retribución.

As retribucións do persoal experimentarán o incremento que a Lei de Presupostos Xerais do Estado fixe para o persoal ao servizo das Administracións Públicas.

Artigo 76.-Nómina.

Tódalas percepcións do persoal realizaranse a través da nómina, establecéndose a prohibición de facelo doutro xeito. O cobro da nómina deberá poder efectuarse antes do último día do mes, podendo derivarse responsabilidades noutro caso. A nómina, que se deriva do Libro de Rexistro de Persoal, deberá conter tódolos datos persoais precisos e os conceptos retributivos detallados en concreto, sempre de xeito claro, o importe bruto, as deducións e o importe líquido, procurando a maior transparencia e claridade posibles.

CAPÍTULO XV.-ACCIÓN SOCIAL E OUTROS DEREITOS

Artigo 77.-Fondo social.

1. O Concello de Ares, en virtude das dispoñibilidades orzamentarias, poderá dotar, no seu orzamento anual, unha partida ou fondo para o financiamento de gastos de natureza social e sanitaria do todo o seu persoal, incluído o laboral. A dotación desta partida, así como as accións financiadas con este fondo, serán obxecto de negociación na Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Ares.

2. A xestión e a asignación individualizada do importe desta partida realizarase de conformidade co Regulamento de Acción social, que deberá ser obxecto de negociación na Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Ares.

Artigo 78.-Anticipos.

1. A petición do interesado/a o Concello, sempre e cando haxa dispoñibilidade orzamentaria, ao persoal municipal anticipos de cantidades sobre o soldo, e a súa devolución efectuarase mediante deducións mensuais en nómina e sen que xeren ningún tipo de xuro.

A contía dos devanditos anticipos será de ata 4 mensualidades dos haberes totais líquidos. A devolución efectuarase nos seguintes prazos:

a) Dez meses para os anticipos dunha mensualidade.

b) Vinte meses para os anticipos de dúas mensualidades.

c) Trinta meses para os anticipos de tres mensualidades.

d) Corenta meses para os anticipos de catro mensualidades.

2. A súa devolución realizarase mediante dedución en cada nómina mensual. Por pedimento do/a interesado/a, os anticipos poderán amortizarse en prazos inferiores aos establecidos ou mediante entrega de contías a tanto alzado. En todo caso, o período máximo de devolución solicitado polo persoal non pode sobrepasar a data da súa xubilación.

3. Será requisito imprescindible para poder solicitar o anticipo salarial ter unha antigüidade mínima dun ano e que a vinculación laboral co Concello teña, de principio, unha duración superior ao período de devolución do anticipo e que non teña outro anticipo sen cancelar.

4. Os anticipos poderanse solicitar presentando nunha instancia oficial ao efecto no Concello, polo solicitante, vía rexistro, recollendo ano, mes día e hora de presentación.

Os anticipos serán adxudicados por estrito orde de presentación e cos seguintes matices:

Terán dereito en primeiro lugar aqueles traballadores que nunca o solicitaran ata o momento; en todo caso en orde inversa ó número de anticipos concedidos.

Non se poderán percibir outro anticipo ata que remate o prazo elixido orixinalmente para a amortización dun anterior.

Os traballadores que tiveran concedido anticipo nos últimos cinco anos ocuparán o último lugar en caso de existencia de máis dunha solicitude.

Existirá unha Comisión paritaria composta representantes do Concello e do Persoal que resolverá o outorgamento de anticipos en casos de dúbida respecto deste artigo.

5. No suposto de que o traballador a quen se lle outorgou un anticipo causara baixa no seu posto de traballo, como consecuencia da extinción da súa relación laboral, concesión de calquera tipo de excedencia, permiso sen soldo ou suspensión da relación laboral, con excepción da dimanante de incapacidade temporal ou maternidade na muller traballadora, deberá reintegrar as cantidades non devoltas dentro do mesmo mes en que se produza a mencionada baixa.

Artigo 79.-Asistencia xurídica e responsabilidade civil.

1. O Concello garantirá a prestación de asistencia xurídica a todo o persoal que a precise por razón de conflitos con terceiros derivados da prestación do servizo.

2. Así mesmo, o Concello asumirá as posibles responsabilidades civís que puidesen derivarse da prestación do servizo dos traballadores municipais, agás nos casos de neglixencia debidamente probada. Para estes efectos, o Concello poderá subscribir unha póliza de seguro que garanta unha cobertura adecuada por este concepto.

Artigo 80.-Seguro de accidentes.

O Concello concertará unha póliza de seguro colectivo de accidentes para os seus traballadores, que cubra os riscos de morte e invalidez.

Con este fin constituirase una comisión formada, a partes iguais, por representantes do Concello e dos traballadores, co obxectivo de revisar, de xeito anual, a cobertura dos riscos referidos, tanto no referente aos supostos cubertos como aos capitais garantidos, e de conformidade coas dispoñibilidades orzamentarias existentes. A tal efecto, dita Comisión recabará ofertas - presupostos de varias entidades- co obxecto de establecer os importes concretos de indemnización, así como os supostos cubertos.

Artigo 81.-Segunda actividade e adaptación dos postos de traballo ás particulares condicións psicofísicas dos traballadores municipais.

1.-As partes asinantes do presente Convenio se comprometen a realizar cantas actuacións fosen necesarias para garantir a plena adecuación do desempeño laboral dos traballadores municipais as súas particulares condicións psicofísicas e ao seu singular estado de saúde. Adecuación que, de calquera xeito, debera materializarse, en primeiro termo, e de xeito preferente, coa revisión das funcións e tarefas habituais, sen necesidade da crear, con este única finalidade, novos postos.

En todo caso, antes de proceder á dita adaptación funcional, haberá que comprobar que as novas tarefas asignadas resultan necesarias e útiles dentro da actividade ordinaria do servizo ao que se atopa adscrito cada empregado, e que a súa asignación singularizada ao devandito traballador non supón un prexuízo ou grave alteración do adecuado funcionamento do mesmo; circunstancias que deberían ser acreditadas mediante informe do responsable directo do servizo, no que, asemade, tamén se deberían propoñer outras posibles tarefas a desenvolver, de xeito ordinario, polo traballador afectado, e compatibles co seu estado de saúde e o correcto funcionamento do servizo en cuestión.

A adaptación funcional por motivos de saúde deberá revestir carácter temporal e revisable naqueles supostos nos que, das particulares condicións psicofísicas motivadores da mesma, poida deducirse ou esperarse unha posible evolución positiva e/ou incluso a súa desaparición, circunstancias estas que xustificarían a recuperación da totalidade das atribucións funcionais propias do posto/praza e do perfil profesional do empregado en cuestión.

2. A segunda actividade é unha situación administrativa especial que ten por obxecto fundamental garantir unha adecuada aptitude psicofísica dos traballadores mentres permanezan en activo, asegurando a eficacia no servizo.

Na situación de segunda actividade permanecerase ata o pase á xubilación ou a outra situación que non poderá ser a de servizo activo, agás no caso de que a causa de pase á situación de segunda actividade fose a insuficiencia das aptitudes psicofísicas e a mesma teña desaparecido, suposto no que o traballador deberá reintegrarse ao seu posto de orixe.

En función da dispoñibilidade de persoal e das necesidades orgánicas e funcionais do Concello, os traballadores que pasen á situación de segunda actividade poderán ocupar aqueles postos de traballo que o Concello sinale na relación de postos de traballo, previa negociación.

Durante o pase a segunda actividade, o traballador que ocupe destino percibirá a totalidade das retribucións xerais que veña percibindo no momento do seu paso á situación de segunda actividade.

3. Coa finalidade de desenvolver as previsións contidas, no presente Convenio, ao respecto da adaptación dos postos de traballo ás particulares condicións psicofísicas dos traballadores municipais, así como no tocante ao réxime de segunda actividade, as partes asinantes se comprometen á elaboración dun regulamento comprensivo dos criterios, normas e procedementos aplicables ao respecto

Artigo 82.-Xubilación do persoal laboral.

No que atinxe á xubilación do persoal laboral estarase ao disposto na normativa aplicable, en cada momento, ao persoal laboral ao servizo da Administración Local de Galicia, de conformidade coas condicións e requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social que lle sexa igualmente aplicable.

CAPÍTULO XVI.-FORMACIÓN

Artigo 83.-Principios xerais.

O Concello recoñece como principio básico da súa política de recursos humanos o valor fundamental da formación continua como eixo fundamental na mellora dos servizos que presta e do dereito individual a progresión profesional dos seus persoal.

A formación constitúe o instrumento esencial da adquisición de novas competencias e permite a mellora da cualificación profesional necesarias para a mellora dos obxectivos de eficiencia, eficacia e calidade que inspiran a actuación pública e da planificación de recursos humanos.

No aspecto individual, constituirá un elemento esencial non so do recoñecemento na carreira profesional se non que servirá de base para a promoción nos supostos que recolle este Convenio.

Artigo 84.-Plans de formación.

1. De xeito xeral o Concello contará como base para a política de formación dun Plan de formación continua, ou establecerá a súa adhesión a plans agrupados que permitan acadar os fins da formación, a tal efecto deberán terse en conta as actividades que con carácter xeral se desenvolven noutras administracións públicas e de xeito especial as da Administración autonómica.

2. O Plan de formación do Concello de existir, ou no suposto da súa participación activa na elaboración doutros plans deberá fixar como mínimo.

a) Os obxectivos de carácter xeral de dito plan, así como es fixados para as diferentes areas de xestión de servizos municipais e o presuposto do mesmos.

b) Os obxectivos, modalidade formativa, descrición, destinatarios e sistemas de selección que respectará o principio de igualdade, de cada acción formativa a desenvolver, incluíndo aos responsables das mesmas, sexan persoas física ou xurídicas.

c) O ámbito temporal do plan e os calendarios de execución das accións formativas.

Artigo 85.-Acceso a formación.

Os traballadores do Concello terán a posibilidade de acceso á formación establecida nos plans de formación do Concello, ou aos que estea adherido, que terán a consideración de xornada efectiva de traballo. A tales efectos, disporase de 40 horas anuais, que serán computadas como xornada efectiva de traballo.

Complementariamente o Concello permitirá, sempre atendendo ás necesidades do servizo, a asistencia do persoal a seminarios ou en encontros de profesionais. Cando o contido destas accións o aconsellen, a súa asistencia poderá imputarse como xornada de traballo efectiva

CAPÍTULO XVII.-SAÚDE E SEGURIDADE

Artigo 86.-Introdución.

1. Aos efectos de prevención, seguridade e saúde laboral, será de aplicación no Concello a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de Prevención de Riscos laborais.

2. A acción en saúde laboral debe estar dirixida á prevención e ao control dos riscos nos lugares de traballo.

Artigo 87.-Funcións de prevención.

1. A alcaldía designará a un ou varios traballadores municipais para ocuparse da actividade de prevención de riscos profesionais. Para estes efectos será oída a representación sindical.

2. As funcións dos responsables de prevención axustaranse ao disposto no artigo 31 da Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 88.-Consulta e participación.

1. O exercicio da función de participación en materia preventiva levarase a cabo a través dos delegados de persoal.

2. A representación sindical terá dereito a participar nos procesos de determinación

Artigo 89.-Comité de seguridade e saúde.

1. O Comité de seguridade e saúde é o órgano paritario e colexiado de participación, destinado á proposta e consulta regular e periódica dos plans, programas e avaliación de prevención de riscos nas administracións locais.

2. Constituirase un único Comité de seguridade e saúde no ámbito do persoal funcionario e laboral ao servizo do Concello, que estará integrado polos delegados de prevención designados nos ditos ámbitos e por representantes do Concello en número non superior ao de delegados.

3. A constitución do Comité de seguridade e saúde farase proporcionalmente ao número de efectivos do persoal funcionario e laboral existente.

4. Nas reunións do Comité de seguridade e saúde poderán participar, con voz pero sen voto, os delegados sindicais e os responsables técnicos.

5. O comité de seguridade e saúde reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións neste.

6. O Comité de seguridade e saúde adoptará as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 90.-Delegados de prevención.

1. Os delegados de prevención, ao abeiro do disposto no artigo 35.4 da Lei de prevención de riscos laborais, serán designados polos representantes do persoal.

2. A designación dos delegados de prevención deberá realizarse entre os traballadores municipais.

3. O número de delegados de prevención que poderán ser designados no Concello axustarase á escala establecida no artigo 35.2 da Lei de prevención de riscos laborais.

4. O tempo utilizado polos delegados de prevención para o desempeño das funcións previstas no artigo 36 da Lei de prevención de riscos laborais, será considerado como de exercicio de funcións de representación, aos efectos de utilización do crédito de horas mensuais retribuídas previsto na letra e) do artigo 68 do Estatuto dos traballadores e a letra d) do artigo 11 da Lei 9/1987 de órganos de representación, e artigo 10.3 da Lei orgánica de liberdade sindical.

Os traballadores municipais designados como delegados de prevención que non gozaran de ningún tipo de crédito horario, a partir da súa designación contarán co mesmo crédito horario que os delegados sindicais.

5. Os órganos competentes proporcionarán aos delegados de prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.

6. A formación deberá ser facilitada pola Administración polos seus medios ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia.

7. O tempo dedicado á formación en materia de prevención de riscos será considerado como tempo de traballo, e o custo da súa asistencia asumido polo Concello, cando se trate de cursos programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal e sexan de asistencia obrigada.

Artigo 91.-Protección da saúde.

1. O Concello garantirá a correcta vixilancia da saúde de todos os seus traballadores por medio das probas e exames médicos previstos neste artigo.

2. As probas e exames médicos serán acordes ás funcións que se realizan en cada categoría, diferenciándoas en funcións dos riscos específicos dos respectivos postos de traballo. As probas médicas serán, por iso, específicas e repetiranse coa periodicidade suficiente para detectar posibles alteracións.

3. Os exames médicos serán voluntarios, agás aqueles imprescindibles para avaliar os efectos negativos das condicións de traballo sobre a saúde, para protexer a saúde, ou se, polas características do posto de traballo, a saúde do traballador puidera constituír un perigo para si mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas.

4. A periodicidade das probas será como mínimo anual, podendo ser menor se o caso o require.

5. O resultado das probas terá carácter persoal e privado, polo que o seu uso e difusión suxeitarase ao previsto na normativa vixente sobre esta materia.

6. As probas e exames efectuaranse, de ser posible, dentro da xornada laboral. O tempo empregado será o estritamente necesario, incluíndo o de desprazamento, e considerarase para todos os efectos como tempo efectivo de traballo no caso das probas de carácter obrigatorio. Nestes suposto os gastos de transporte correrán a cargo do Concello.

7. No suposto de probas ou exames obrigatorios efectuados fóra da xornada laboral o tempo empregado nos mesmos será compensado deducíndose da súa xornada laboral.

Artigo 92.-Saúde pública.

1. O Concello desenvolverá as accións e medidas en materia de seguridade e saúde laboral que sexan necesarias para lograr unhas condicións de traballo que non afecten a saúde dos traballadores.

2. A formulación destas accións e medidas deberán estar encamiñadas a lograr unha mellora da calidade de vida e ambiente de traballo, a desenvolver obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potenciación das técnicas preventivas como medio para a eliminación de riscos na súa orixe e a participación sindical nos centros de traballo, e a dotarse dunha planificación preventiva de acordo coa Lei de prevención de riscos laborais. Os representantes dos traballadores participarán e velarán polo seu cumprimento en todo momento.

3. As técnicas preventivas deberán tender á eliminación do risco para a saúde da persoa traballadora desde a súa propia xeración, tanto no que afecta ás operacións que se realicen como nos elementos empregados no proceso.

4. A formación en materia de saúde laboral e o adestramento profesional é un dos elementos esenciais para a mellora das condicións de traballo e seguridade: as partes asinantes do presente Convenio significan a importancia da formación como elemento de prevención e comprométense así mesmo a realizala de forma eficiente.

Artigo 93.-Roupa de traballo.

1. O Concello facilitará a todo o persoal ao seu servizo,a roupa de traballo e calzado profesional homologado e de uso obrigatorio.

Aos efectos da dotación da roupa de traballo, nos termos do sinalado no parágrafo anterior, disporase dun crédito máximo, por empregado, de 300 €. Con cargo a este crédito dotarase aos traballadores dos elementos necesarios e/ou de uso obrigatorio, segundo as necesidades dos diferentes servizos, e conforme ás propias solicitudes dos traballadores ou, no seu defecto, dos Comité de Empresa, e previa conformidade do responsable do servizo/unidade. En calquera caso, nos supostos de rotura e/ou desgaste xustificado dalgún dos elementos, estos deberán ser substituídos.

2. O Concello tamén facilitará os equipos de protección individual axeitados para o desempeño das súas funcións, cando as condicións e a natureza do traballo o requiran. Os equipos de protección individual deberán empregarse cando os riscos non se poidan evitar ou non se poidan limitar por medios técnicos de protección colectiva ou mediante medidas, métodos ou procedementos de organización do traballo, e serán repostos sempre que sexa preciso.

Disposición adicional primeira.

Todas aquelas melloras normativas que se produzan durante a vixencia deste Convenio e que sexan de aplicación directa ao persoal incluído no seu eido de aplicación, serán incorporadas como anexo do mesmo.

Disposición adicional segunda. Consolidación do emprego temporal e funcionarización de persoal laboral.

1. O Concello poderá realizar convocatorias extraordinarias para a consolidación de prazas ou postos de carácter estrutural, que se atopen dotadas orzamentariamente, e que estean a ser desempeñadas por persoal temporal ou interino con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005. Os criterios xerais aplicables ao desenvolvemento destes procesos, que, en todo caso, deberán adaptarse ao establecido na normativa de aplicación, serán obxecto da oportuna negociación coa representación dos traballadores

2. Os procesos de consolidación de emprego se regularán en base aos seguintes criterios básicos:

a) Son procesos extraordinarios que só poderán ser desenvolvidos coa finalidade, características e alcance establecidos neste Convenio e na normativa de aplicación

b) Os procesos garantirán os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

c) O contido das probas relacionarase coas tarefas e funcións habituais a desenvolver nos postos obxecto de consolidación

d) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concurrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste Convenio e an normativa de aplicación.

e) Na fase de concurso poderá valorarase, entre outros méritos, o tempo de traballo prestado nas Administracións Públicas e a experiencia nos postos obxecto de convocatoria.

f) Procurarase facilitar ao persoal, dentro dos plans de formación, ou a través de plans específicos, formación axeitada para a superación destes procesos.

3. Os procesos de funcionarización terán como obxectivo regularizar aquelas situacións nas que tarefas e funcións que, segundo a normativa vixente, deberían de ser prestadas por persoal funcionario, estean a ser desempeñadas por persoal laboral.

4. Os procesos de funcionarización respectarán os seguintes aspectos básicos, con independencia daquelas outras cuestións e criterios que, en aplicación da normativa vixente, deban de ser respectados en cada momento.

a) Os procesos de funcionarización regularanse polas bases específicas da convocatoria, que serán obxecto de negociación coa representación dos traballadores.

b) Poderán participar nos procesos o persoal laboral fixo que desempeñe funcións propias de persoal funcionario, e reúnan os requisitos xerais de acceso ao emprego público establecidos no presente Convenio e na normativa aplicable.

c) Procurarase facilitar ao persoal, dentro dos plans de formación, ou a través de plans específicos, formación axeitada para a superación destes procesos.

Disposición adicional terceira. Procedemento en caso de desacordo nos procesos de inaplicación das condicións de traballo.

Polas discrepancias que puideran xurdir, no seu caso, pola non aplicación das condicións de traballo as que se refire o artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores, o procedemento a seguir para solventar de maneira efectiva ditas discrepancias será o establecido, ao efecto, en dito artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores.

ANEXO I

Horarios específicos

Serán aplicables horarios específicos a aqueles servizos que, polas súas especias particularidades e natureza, requiran dunha especial ordenación horaria, resultando imposible a súa adecuación á xornada ordinaria de traballo fixada par o conxunto da Administración Municipal. En todo caso, dita distribución horaria específica deberá garantir o cumprimento da xornada mínima anual de traballo, así como a adecuada prestación do servizo, sendo igualmente aplicables, en todo aquilo que resulte compatible coa súa propia natureza, os criterios fixados, con carácter xeral, ao respecto da xornada laboral, no presente convenio.

Serán obxecto de incorporación, e tras previo proceso de negociación colectiva, no seo deste Anexo do Convenio, os horarios específicos que, segundo a realidade e evolución da propia actividade municipal, así como dos servizos prestados, sexa necesario configurar para adaptarse ás particulares necesidades dos mesmos.

ANEXO II

Calendario de días festivos para o ano 2015

(Calendario de días festivos que se fixa sen prexuízo das particularidades existentes nos servizos especias que, polas súas especias características e natureza, requiran dunha especial ordenación horaria, resultando imposible a súa adecuación ao calendario e xornada laboral ordinarios fixados, con carácter xeral, para o conxunto da Administración Municipal)

Festivos nacionais e autonómicos

1 de xaneiro Aninovo

6 de xaneiro Día de Reis

20 de marzo Día seguinte a San Xosé

2 de abril Xoves Santo

3 de abril Venres Santo

1 de maio Festa do Traballo

25 de xullo Día Nacional de Galicia

15 de agosto A Asunción

12 de outubro Día da Hispanidade

2 de novembro Día seguinte a todos os Santos

8 de decembro Inmaculada Concepción

25 de decembro Nadal

Festivos locais

18 febreiro Mércores de Cinza

26 de maio Voto de Chanteiro

Tendo en conta as previsións contidas no presente Convenio, ao respecto dos supostos de festividades laborais de ámbito nacional, de carácter retribuído e non recuperable, e non substituíble pola Comunidade Autónoma, que coincidan con sábado, para o ano 2015 se incorpora a posibilidade do goce dun día de permiso, como consecuencia de que o día 15 de agosto, A Asunción, coincida en sábado.

As previsións contidas, no presente anexo, serán obxecto de adecuación e revisión anual, conforme ás particularidades aplicables, na materia, nos diferentes anos.

ANEXO III

CLASIFICACIÓN PROFESIONAL

Grupos profesionais

1.-Grupo A, dividido en dous subgrupos A1 e A2.

Para o acceso a este grupo esixirase estar en posesión do título universitario de grao ou equivalente. Naqueles supostos nos que a Lei esixa outro título universitario será este o que se teña en conta.

2.-Grupo B.

Para o acceso ao grupo B esixirase estar en posesión do título de Técnico Superior, ou equivalente

3.-Grupo C. Dividido en dous subgrupos, C1 e C2, segundo a titulación esixida para o ingreso.

C1: título de Bacharelato ou técnico, ou equivalentes.

C2: título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou equivalente.

4.-A.P./C3.

Grupo profesional equivalente ás agrupacións profesionais á que fai referencia a disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, no que non se esixirá, para o acceso ao mesmo, estar en posesión de ningunha das titulacións previstas no sistema educativo.

Postos de traballo

1.-O persoal laboral incluído no eido de aplicación do presente Convenio clasificarase, de acordo co grupo en que se integra, e con arranxo ás súas funcións e características profesionais, nos seguintes grupos e postos de traballo

GRUPO A; SUBGRUPO A1

POSTOS DE TRABALLO

EQUIVALENTE ANTIGO GRUPO A

Esixencia do título universitario de grao ou antiga Licenciatura, ou equivalentes

TÉCNICO SUPERIOR

TÉCNICO DEPORTES

GRUPO A: SUBGRUPO A2

POSTOS DE TRABALLO

EQUIVALENTE ANTIGO GRUPO B

Esixencia do título universitario de Grao ou antiga Diplomatura, ou equivalentes

TÉCNICO MEDIO

TÉCNICO DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL

EDUCADOR SOCIAL/FAMILIAR

GRUPO B

POSTOS DE TRABALLO

Esixencia de título de Técnico Superior, ou equivalente

TÉCNICO ESPECIALISTA

GRUPO C; SUBGRUPO C1

POSTOS DE TRABALLO

EQUIVALENTE ANTIGO GRUPO C

Esixencia do título de Bacharelato, FP grao medio ou equivalente

TÉCNICO AUXILIAR/F.P GRAO MEDIO

GRUPO C; SUBGRUPO C2

POSTOS DE TRABALLO

EQUIVALENTE ANTIGO GRUPO D

Esixencia do título de ESO ou equivalente

AUXILIAR ADMINISTRATIVO

AUXILIAR SERVIZOS

GRUPO A.P./C3

POSTOS DE TRABALLO

EQUIVALENTE ANTIGO GRUPO E

Sen esixencia de titulación ou antigo certificado de escolaridade

CAPATAZ

OFICIAL

CONSERXE

PEÓN

PEÓN LIMPEZA-LIMPADOR

CONDUCTOR

2.-Corresponderalle á Comisión Paritaria de Seguimento e Control do Convenio a supervisión da aplicación efectiva do sistema de clasificación profesional que se ven de definir, encargándose do estudo e análise das dúbidas e/ou problemáticas que poidan existir, trala entrada en vigor do Convenio, ao respecto da integración dos traballadores nos diferentes grupos e postos de traballo.

2015/2601