Convenio Colectivo de Empresa de DEPUTACION PROVINCIAL DE OURENSE. PERSOAL FUNCI...E LABORAL de Ourense
Convenios
Convenio Colectivo de Emp...de Ourense

Última revisión
10/02/2004

Convenio Colectivo de Empresa de DEPUTACION PROVINCIAL DE OURENSE. PERSOAL FUNCIONARIO E LABORAL de Ourense

Tiempo de lectura: 33 min

Tiempo de lectura: 33 min

Ordenanza reguladora do cadro de persoal e da clasificacion e provision de postos de traballo da Deputacion Provincial de Ourense (Boletín Oficial de Ourense num. 28 de 04/02/2004)

De conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, faise público que Corporación Provincial, na sesión do día da data, acordou aprobar definitivamente a ordenanza provincial reguladora do cadro de persoal e da clasificación e provisión de postos de traballo da Deputación Provincial de Ourense, co texto acordado na mesa xeral de negociación, ordenala súa publicación no BOP e resolveu ademais s alegacións que se formularan ó texto inicialmente aprobado.

En consecuencia, e para a súa entrada en vigor nos termos da vixente lexislación, publícase a continuación o texto íntegro da referida ordenanza:

Ordenanza reguladora do cadro de persoal e da clasificación e provisión de postos de traballo da Deputación Provincial de Ourense. Capítulo I. Disposicións xerais. Capítulo II. Dos cadros de persoal. Capítulo III. Dos postos de traballo. Capítulo IV. Da relación de postos de traballo. Sección 1 ª .Contido e determinacións da relación de postos de traballo.

Sección 2 ª .Normas xerais de procedemento para a aprobación e entrada en vigor da relación de postos de traballo.

Sección 3 ª .Normas específicas para as modificacións sen incidencia orzamentaria.

Capítulo V. Da provisión dos postos de traballo. Sección 1 ª .Formas de provisión. Sección 2 ª . Concurso. Sección 3 ª .Libre designación. Sección 4 ª .Comisión de servicios. Sección 5 ª . Adscrición provisional. Sección 6 ª .Redistribución de efectivos. Sección 7 ª .Reasignación de efectivos. Sección 8 ª .Permuta. Disposicións adicionais. Disposición transitoria. Disposición final. Capítulo I. Disposicións xerais. Artigo 1. O presente regulamento díctase en uso das competencias provinciais de autoorganización e ten a consideración de norma de aplicación e desenvolvemento das disposicións legais vixentes en materia de regulación de cadros de persoal e clasificación e provisión de postos de traballo.

Artigo 2. 1. É obxecto do presente regulamento regulalos cadros de persoal funcionario e laboral ó servicio da Deputación Provincial de Ourense, así como establecelas normas de clasificación e provisión dos postos de traballo reservados ambas clases de empregados.

2. Os postos de traballo reservados ó persoal eventual de confianza ou asesoramento especial tamén serán obxecto de clasificación, e na relación de postos de traballopoderanse establecer condicións específicas para o acceso a estes.

Artigo 3. A través da relación de postos de traballo cada posto de traballo poderáselle reservar exclusivamente ó persoal funcionario, ó laboral ou ó eventual, ou ben preverse a súa provisión indistinta mediante persoal funcionario ou laboral, cando as leis o permitan, co fin de aumentalas expectativas de carreira profesional dos empregados provinciais.

Artigo 4. 1. Establécese un réxime clasificatorio común para os postos de traballo de persoal funcionario e laboral da Deputación Provincial de Ourense mediante a aplicación, a estes últimos, do previsto legalmente para os postos de funcionarios en canto á clasificación en niveis dos postos de traballo e valoración económica dos postos determinante da asignación do complemento específico, así como da posibilidade de configurar, sempre que a lexislación vixente o permita, postos de acceso indistinto para persoal laboral ou funcionario. Este réxime clasificatorio rexerá sen prexuízo das especialidades propias de cada clase de persoal.

2. O réxime clasificatorio común tamén lle será de aplicación ó persoal eventual no que non resulte incompatible ou contradictorio coa natureza desta clase de empregados públicos.

Artigo 5. É obxecto da clasificación común

a) Favorecer e ampliala mobilidade interna dos empregados provinciais, ó non ser obrigatorio, en todo caso, reservar postos de traballo en exclusiva para cada un dos dous tipos de empregados citados, sen prexuízo da existencia de postos reservados en exclusiva a funcionarios públicos en razón da natureza das súas funcións.

b) Equiparalo sistema de promoción profesional do persoal laboral ó dos funcionarios, mediante a aplicación a aquel do grao persoal previsto para este nas normas.

Capítulo II. Dos cadros de persoal. Artigo 6. Establécese a existencia de dous cadros de persoal na Deputación Provincial de Ourense, que se denominarán cadro de persoal estructural e cadro de persoal orzamentario.

Artigo 7. 1. O cadro de persoal estructural comprende exclusivamente ó persoal funcionario de carreira e ó persoal laboral fixo, correspondéndolle a cada un destes empregados públicos provinciais unha praza no devandito cadro de persoal.

2. A titularidade dunha praza no cadro de persoal estructural obtense mediante a superación do correspondente proceso selectivo para o ingreso na función pública provincial ou a celebración de contrato laboral fixo, outorgándolle o dereito á obtención dun posto de traballo correspondente ó grupo de clasificación e á escala, subescala ou categoría profesional que corresponda.

3. As prazas estructúranse en grupos de clasificación, en función da titulación esixida para o ingreso. Os referidos grupos, así como as titulacións que os determinan, son os seguintes, tanto para o persoal funcionario como laboral:

- Grupo A: título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

- Grupo B: título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de 3 º grao ou equivalente.

- Grupo C: título de bacharel, formación profesional de 2 º grao ou equivalente.

- Grupo D: título de graduado escolar, formación profesional de 1 º grao ou equivalente.

- Grupo E: certificado de escolaridade. 4. As prazas de funcionarios agruparanse en escalas e subescalas, podendo distinguirse, dentro destas últimas, clases, categorías e especialidades de acordo coa lexislación vixente.

5. As prazas do persoal laboral agruparanse igualmente en categorías profesionais, procurando a súa homoxeneización coas do persoal funcionario.

6. Os funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional que presten servicios na Deputación Provincial de Ourense consideraranse adscritos ó cadro de persoal estructural da Deputación pola adquisición do seu posto de traballo.

Artigo 8. O cadro de persoal orzamentario é o resultante da conxunción do cadro de persoal estructural e a relación de postos de traballo, comprendendo as dotacións orzamentarias para tódolos postos de traballo existentes na Deputación Provincial en cada anualidade, xa correspondan a prazas de cadro de persoal estructural ( postosde funcionarios de carreira e persoal laboral fixo) ou non ( postos de persoal eventual e laboral temporal) .

Capítulo III. Dos postos de traballo. Artigo 9. Cada empregado provincial será ocupante dun posto de traballo, establecéndose as súas condicións de acceso na presente normativa e concretaranse na relación de postos de traballo.

Artigo 10. 1. Os postos de traballo, tanto de persoal laboral como funcionarial, clasifícanse en 19 niveis, que van do 12 ó 30, ambos inclusive.

2. Os empregados provinciais poderán acceder ós postos de traballo que teñan asignado un nivel que estea dentro do intervalo establecido para o grupo de clasificación ó que pertenza a súa praza.

3. Os intervalos de niveis de postos de traballo, que lle corresponden a cada grupo de clasificación, son os seguintes:

- Grupo A: do 20 ó 30. - Grupo B: do 16 ó 26. - Grupo C: do 14 ó 22. - Grupo D: do 12 ó 18. - Grupo E: do 12 ó 14. Artigo 11. Tódolos empregados públicos con praza no cadro de persoal estructural da Deputación Provincial de Ourense posuirán un grao persoal, que se corresponderá con algún dos 19 niveis nos que se clasifican os postos de traballo.

Artigo 12. 1. O grao persoal adquírese polo desempeño dun ou máis postos do nivel correspondente durante dous anos continuados ou tres con interrupción.

2. Se durante o tempo no que o empregado provincial desempeña un posto se modificase o nivel deste, o tempo de desempeño computarase co nivel máis alto no que o referido posto estivese clasificado.

3. Non obstante o anterior, os empregados provinciais que obteñan un posto de traballo superior en máis de dous niveis ó correspondente ó seu grao persoal, consolidarán, cada dous anos de servicios continuados, o grao superior en dous niveis ó que posuísen, sen que en ningún caso poidan superalo correspondente ó posto desempeñado, nin o intervalo de niveis correspondente ó seu corpo ou escala.

4. O tempo de permanencia na situación de servicios especiais será computado, para os efectos de consolidación do grao persoal, como prestado no último posto desempeñado na situación de servicio activo ou no que posteriormente se obtivera por concurso, se é o caso.

5. O grao persoal poderá adquirirse tamén mediante a superación de cursos específicos ou outros requisitos obxectivos que, no ámbito das súas competencias, determine o Pleno da Deputación Provincial.

O procedemento de acceso ós cursos e fixación dos demais requisitos obxectivos fundarase exclusivamente en criterios de mérito e capacidade e a selección deberá realizarse mediante concurso.

Artigo 13. 1. Os empregados provinciais terán dereito, calquera que sexa o posto de traballo que desempeñen, ó percibo, alomenos, do complemento de destino dos postos do nivel correspondente ó seu grao persoal.

2. Os empregados provinciais que cesen nos seus postos de traballo obtidos mediante concurso por modificación do contido ou por supresión destes, continuarán percibindo, mentres non se lles adscriba a outro posto correspondente á súa escala e subescala, as retribucións complementarias correspondentes ó posto suprimido ou que o seu contido fora modificado.

Artigo 14. Os postos de traballo reservados persoal eventual, así como os postos de carácter laboral temporal que poidan existir non se corresponderán con prazas do cadro de persoal estructural, aínda que poidan estar previstos na relación de postos de traballo. En consecuencia, os titulares dos mentados postos non poderán ser considerados titulares de prazas no cadro de persoal estructural, nin polo tanto dos dereitos vinculados á referida condición.

Así mesmo, os empregados públicos provinciais que ocupen postos correspondentes prazas do cadro de persoal estructural, con carácter interino, tampouco poderán ser considerados titulares das referidas prazas.

Capítulo IV. Da relación de postos de traballo. Sección 1 ª .Contido e determinacións da relación de postos de traballo.

Artigo 15. 1. A relación de postos de traballo é o instrumento técnico, comprensivo de tódolos postos de carácter fixo da Deputación Provincial de Ourense, a través do que se realiza a ordenación do persoal de acordo coas necesidades dos servicios e análise, clasificación e valoración económica dos postos de traballo.

2. A relación de postos de traballo formará parte integrante do orzamento xeral da Deputación Provincial, incluíndose dentro do anexo de persoal.

3. A relación comprenderá tamén os postos reservados persoal eventual de confianza ou asesoramento especial, e poderá comprender aqueloutros que, respondendo a necesidades permanentes, deban ser servidos, en atención ás súas peculiares características, por persoal laboral temporal.

Artigo 16. 1. A relación de postos de traballo definirá a estructura da organización administrativa provincial, establecendo as unidades administrativas que a integran, constitutivas do organigrama, e os postos de traballo que comprende cada unha das devanditas unidades administrativas, vinculados por unha xefatura común, en aplicación do principio de xerarquía administrativa.

2. A definición dos postos de traballo terá o seguinte contido mínimo:

a) Denominación

b) Descrición do seu contido funcional

c) Número de postos homoxéneos con que se dota a cada unidade administrativa.

d) Carácter singularizado ou non do posto

e) Requisitos do desempeño. . Prazas que poidan acceder. Formación específica. . Requirimentos específicos

f) Forma de provisión

g) Nivel de complemento de destino ou concepto equivalente para o persoal laboral.

h) Complemento específico asignado ó posto, con expresión dos factores determinantes da súa asignación, ou concepto equivalente para o persoal laboral.

i) Observacións especiais, se é o caso. 3. As determinacións da relación de postos de traballo conteranse nos seguintes documentos básicos:

a) Memoria xustificativa dos criterios utilizados para a clasificación e valoración dos postos.

b) Organigrama da administración provincial

c) Fichas individualizadas de cada posto de traballo. A relación poderá conter outros documentos complementarios que se consideren pertinentes para unha mellor expresión das súas determinacións.

Artigo 17. A denominación do posto de traballo establecerase de forma que exprese, o mellor e máis sinteticamente posible, o seu contido.

Artigo 18. Definiranse como non singularizados aqueles postos de traballo que non se individualicen ou distingan polo seu contido esencial doutros postos da mesma natureza, nivel de complemento de destino, complemento específico e forma de provisión.

Definiranse como singularizados tódolos demais postos. A relación de postos de traballo asignaralles idéntica denominación a tódolos postos de traballo non singularizados que teñan o mesmo contido, sen prexuízo de que á devandita denominación común se lle poida engadir, en cada caso, a indicación da súa adscrición a unha concreta unidade administrativa.

Cando, en virtude dunha modificación da relación, se creen novos postos de traballo homoxéneos un posto, ata daquela único, a mencionada modificación levará consigo a recualificación dese posto como non singularizado.

Artigo 19. 1. A determinación na relación de postos de traballo referida ás prazas que poden acceder a cada posto de traballo operará ante os supostos de vacante deste.

2. De acordo coas normas que regulan as condicións de acceso ós postos de traballo, as previsións da relación procurarán darlles cabida ó maior número e variedade de prazas posible en cada caso, co fin de favorecela promoción profesional e o aproveitamento eficiente dos recursos humanos provinciais.

3. A relación poderá prevela existencia de postos de segunda actividade na subescala de subalternos de administración xeral e/ou nas categorías profesionais equivalentes de persoal laboral, ós que poderán acceder ademais dos empregados públicos pertencentes ás ditas subescalas e categorías, os titulares de prazas de funcionarios de servicios especiais ou categorías profesionais laborais equivalentes, nos supostos en que, por razóns de idade ou saúde, os ditos empregados provinciais vexan minguadas s súas facultades para un óptimo e adecuado desempeño dos seus postos de traballo, sempre e cando dita perda de facultades non supoña a declaración de incapacidade permanente do empregado provincial. O procedemento de acceso, que terá carácter regrado e obxectivo, establecerao anualmente a Presidencia, oídos os órganos de representación unitaria dos traballadores e trala súa negociación previa a través da mesa xeral de negociación ou co Comité de Empresa, de selo caso.

Artigo 20. A formación específica necesaria para a ocupación do posto de traballo recollerá, nos casos en que se estime conveniente para o mellor desempeño deste, algunha das circunstancias seguintes:

- Formación diferente á da praza, que deberá posuír ou estar disposto a recibir.

- Formación concreta da praza, cando esta poida comprender diversas especialidades.

- Tempo concreto de antigüidade no desempeño de postos de traballo dun determinado contido.

- Experiencia profesional no sector público ou privado. Artigo 21. Os requirimentos específicos do posto recollerán, de selo caso, se este está afectado por todos ou algún dos seguintes, os cales se considerarán parte do contido do posto:

a) Dispoñibilidade para o exercicio das funcións do posto fóra da xornada habitual dos empregados públicos provinciais e que poderá ser de dúas clases:

- Normal. - Con localización a través dos medios que indique Deputación.

b) Xornada de traballo especial

c) Calquera outra esixencia específica do posto que se estime preciso aclarar ( obrigación de realizar determinadas funcións, obrigación de manexar determinadas máquinas ou ferramentas, obrigación de desprazarse fóra do municipio onde teña o centro de traballo de modo habitual, etc. ) .

Artigo 22. No apartado de observacións farase constar calquera previsión que poida afectar ás condicións de acceso, requirimentos específicos, contido ou ó propio mantemento do dito posto no futuro ( postos extinguir, postos pendentes de transformación ou calquera outra análoga) .

Artigo 23. A forma de provisión do posto indicará se este se cubrirá por concurso ou mediante libre designación, no suposto de vacante, como formas normais e provisión definitiva, e sen prexuízo da posibilidade de aplicalas formas excepcionais de provisión previstas na presente ordenanza, nos supostos e condicións nela previstos.

Artigo 24. O complemento de destino corresponde ó nivel dos postos de traballo na estructura organizativa a que se refire o artigo 11 da presente ordenanza.

Artigo 25. O nivel que se fixe a cada posto de traballo poderá permitir, cando iso sexa posible e se estime conveniente, o acceso de prazas pertencentes máis dun grupo de titulación.

Sección 2 ª .Normas xerais de procedemento para a aprobación e entrada en vigor da relación de postos de traballo.

Artigo 26. O proxecto de relación de postos de traballo, formado pola Presidencia, seguirá para a súa tramitación, aprobación e entrada en vigor o mesmo procedemento que o orzamento xeral da entidade da que forma parte, trala súa consulta e negociación cos órganos de representación do persoal provincial.

Artigo 27. A consulta e negociación do proxecto de relación de postos de traballo deberá levarse a cabo tanto cos órganos de representación unitaria do persoal Xunta de Persoal e Comité de Empresacomo coas organizacións sindicais máis representativas, a través da mexa xeral de negociación.

O contido da relación de postos de traballo suxeito a negociación obrigatoria será exclusivamente o referido a materias que teñan tal carácter na lexislación vixente.

No marco da mesa xeral de negociación, as partes representadas poderán aprobar, de común acordo, as súas propias normas de funcionamento e procedemento de negociación.

Artigo 28. As modificacións da relación de postos de traballo rexeranse polas mesmas normas procedementais establecidas para a súa aprobación, sen prexuízo do seguinte suposto de modificación puntuais sen incidencia orzamentaria, para o que se aplicarán as regras especiais establecidas na sección 3 ª do presente capítulo:

Cambio de adscrición de postos de traballo entre unidades, que non comporte modificación no contido dos postos.

Artigo 29. No suposto no que as modificacións da relación de postos de traballo comporten a supresión ou modificación dun posto, e con carácter previo ou simultáneo á súa negociación cos órganos de representación de persoal, daráselle audiencia, por dez días hábiles, ó empregado provincial afectado e solicitarase informe do xefe da unidade administrativa correspondente.

Artigo 30. Nos supostos de supresión de postos de traballo ocupados, ou cando a súa modificación implique a súa perda sobrevida por inadaptación do empregado que o ocupaba ós novos requisitos establecidos, deberá procederse á adscrición provisional do empregado afectado a un posto de traballo do seu grupo de titulación, escala e subescala ou categoría profesional, dentro do mesmo municipio, e con idénticas retribucións complementarias ás establecidas para o posto suprimido ou modificado, ata tanto obteña un novo posto con carácter definitivo. De non existilo devandito posto de traballo, deberá procederse á súa creación con carácter transitorio, e para os sos efectos de poder proceder á adscrición provisional prevista no presente artigo.

Artigo 31. Aplicaránselle á relación de postos de traballo as normas sobre publicación, entrada en vigor e réxime de impugnación que rexen para o orzamento xeral da Deputación Provincial.

Sen prexuízo disto, a relación de postos de traballo poderá establecer previsións específicas para a entrada en vigor diferida de todas ou algunhas das súas determinacións, cando esto se estime preciso para a súa correcta aplicación.

Sección 3 ª .- Normas específicas para as modificacións sen incidencia orzamentaria.

Artigo 32. 1. - En todo momento poderase cambiala adscrición dun posto de traballo dunha unidade administrativa a outra.

O cambio de adscrición de postos pode deberse a algunha das dúas causas seguintes:

a) Ó traslado de funcións entre unidades. Ten lugar cando unha función, que se realiza nunha determinada unidade, é asignada a outra, trasladándose con ela os postos de traballo que desempeñan a referida función.

b) Á redistribución do número de postos entre unidades, sen que se altere o número total destes.

2. - O cambio de adscrición de postos de traballo entre unidades regulado nesta sección non poderá comportar ningunha outra modificación deles; en tal caso, deberá seguirse o procedemento xeral de modificación da relación de postos de traballo.

Non se poderá realizalo cambio de adscrición de postos cando implique cambio do municipio de desempeño, agás consentimento expreso do titular do posto ou que o cambio de adscrición fose previsto nun plano de emprego, cos límites establecidos na lexislación vixente neste último caso.

Artigo 33. O cambio de adscrición de postos entre unidades acordarase por resolución da Presidencia, previo informe da representación unitaria dos empregados.

Capítulo V. - Da provisión dos postos de traballo.

Sección 1 ª .- Formas de provisión.

Artigo 34. 1. - Os postos de traballo da Deputación Provincial de Ourense proveranse ordinariamente a través dos sistemas de concurso ou libre designación, segundo se determine para cada un deles na relación.

2. - Nos casos previstos nas normas xerais e no presente regulamento, os postos de traballo tamén se poderá prover polas seguintes formas:

a) Comisión de servicios

b) Adscrición provisional

c) Redistribución de efectivos

d) Reasignación de efectivo

e) Permuta. Artigo 35. Os empregados provinciais que ocupen postos nos que se modifique a forma de provisión continuarán desempeñando estas e, para os efectos de cesamento, rexeranse polas regras do sistema polo que foron nomeados.

Artigo 36. Unha vez producida vacante nun posto de traballo, sexa concurso ou libre designación a forma de provisión prevista, deberase proceder á convocatoria para a súa provisión mediante o procedemento previsto na relación, no prazo máximo de tres meses, agás cando se acorde inicialo procedemento para a súa supresión ou modificación. No caso de que o posto sexa modificado, o prazo de tres meses para a súa convocatoria computarase desde a data do acordo de modificación.

Non será necesario proceder á convocatoria para a provisión nos supostos nos que, vacante un posto de traballo, non existan empregados públicos provinciais do cadro de persoal estructural que reúnan os requisitos establecidos na relación para a obtención dos devanditos postos. Nestes casos, procederase á inclusión da praza vacante correspondente na seguinte oferta de emprego público da Corporación, salvo se se decide a supresión ou modificación do devandito posto de traballo.

Sección 2 ª .- Concurso.

Artigo 37. 1. - O concurso constitúe o sistema normal de provisión e nel valoraranse, con relación ó posto de traballo que se trate de prover, os méritos que se conteñan nas bases das correspondentes convocatorias.

2. - O concurso poderá ter carácter ordinario ou específico. 3. - No concurso ordinario, as bases da convocatoria determinarán, de modo regulado, a valoración dos méritos considerados.

4. - No concurso específico as bases poderán recollela valoración de determinados méritos, especificamente vinculados ás características do posto, sen que a puntuación alcanzada por estes méritos específicos poida exceder do 30 % da puntuación total. Para a valoración dos méritos específicos poderá establecerse a elaboración de memorias ou a celebración de entrevistas, que deberán especificarse necesariamente na convocatoria, axustándose ó disposto no artigo 45.4 do Regulamento de ingreso, promoción e provisión de postos de traballo dos funcionarios civís da Administración do Estado, aprobado por Real Decreto 364/1995, de 10 de marzo.

A utilización do concurso específico deberá xustificarse adecuadamente na convocatoria, e en todo caso só será de aplicación á provisión de postos de traballo que reúnan os seguintes requisitos:

Carácter singularizado. Atribución de funcións de xefatura de unidades administrativas ou que requiran especiais aptitudes cunha valoración regulada que non sexa posible ( talescomo a capacidade de dirección, capacidade de toma de decisións, especial creatividade ou outras análogas) .

Artigo 38. As convocatorias para a provisión de postos de traballo polo procedemento de concurso conterán necesariamente, nas súas bases, o seguinte:

a) Definición completa do posto segundo a relación vixente

b) Carácter específico ou ordinario do concurso

c) Méritos para valorar e baremo consonte co que se puntuarán estes.

d) Previsión da elaboración de memorias e celebración de entrevistas, se é caso.

e) Composición da comisión de valoración

f) Prazo e forma de presentación das solicitudes e acreditación de méritos.

Artigo 41. - Para poder participar nos concursos de provisión de postos de traballo, os empregados provinciais deberán permanecer en cada posto de destino definitivo un mínimo de dous anos, salvo as excepcións previstas nas normas sobre función pública.

Artigo 39. As comisións de valoración dos concursos estarán constituídas por cinco membros, integrados por:

a) O presidente ou deputado en quen delegue, que será presidente do tribunal.

b) O xefe do servicio de Recursos Humanos

c) O xefe da unidade á que pertenza o posto de traballo obxecto do concurso, no caso de postos adscritos especificamente á devandita unidade. No suposto de unidades administrativas complexas, terá a consideración de xefe da unidade, para estes efectos, o que o sexa da de carácter superior. No caso de que os xefes das unidades correspondentes xa sexan membros da comisión por estar nos supostos previstos nas letras a) ,b) , d) , ou e) do presente artigo, serán substituídos polo seu inferior xerárquico inmediato.

d) Un representante da Xunta de Persoal ou do Comité de Empresa, segundo a natureza do posto. Se se tratase de postos indistintos, cada órgano de representación unitaria elixirá un representante.

e) O secretario xeral da Deputación ou funcionario que legalmente o substitúa, que actuará como secretario do tribunal, con voz e voto.

No caso de que, de acordo coas regras establecidas na letra d) ,o número de membros da comisión resultase ser par, o presidente designará un vocal máis, entre empregados públicos con titulación adecuada para o desempeño da función de valoración.

2. - A composición das comisións de valoración será predominantemente técnica, debendo pertencelos vocais grupo de titulación igual ou superior ó esixido para os postos convocados.

3. - As comisións de valoración poderán acordala designación de expertos que, como asesores, actúen con voz e sen voto.

4. - As comisións de valoración proporán ó candidato que obtivese maior puntuación, podendo condicionarse a súa elección á superación dun curso de formación específica para o desempeño do posto, cando así estea previsto na relación de postos de traballo e nas bases da convocatoria.

5. - As comisións de valoración rexeranse, en canto ó seu funcionamento, polas regras comúns aplicables ós órganos colexiados das administracións públicas.

Artigo 40. O órgano competente para a aprobación das bases dos concursos de provisión de postos de traballo, así como a resolución destes, trala proposta da comisión, é o presidente da Deputación Provincial.

En todo caso, o presidente da Deputación só poderá apartarse da proposta da comisión cando aprecie a existencia de infracción manifesta do ordenamento xurídico na devandita proposta; en tal caso, e con carácter previo á resolución, deberá someter a coñecemento da comisión a consideración da existencia da devandita infracción. A comisión poderá estimar, total ou parcialmente, as obxeccións expostas pola Presidencia, formulando se é o caso unha proposta alternativa, ou ben ratificarse na súa proposta inicial.

Artigo 42. Os empregados provinciais que accedan a un posto de traballo polo procedemento de concurso só poderán ser removidos deste:

a) Por sanción disciplinaria que produza a perda do posto, tralo expediente tramitado conforme coa normativa vixente.

b) Por notoria falta de capacidade para o desempeño do posto, manifestada por rendemento insuficiente, que non comporte inhibición e que impida realizar con eficacia as funcións atribuídas este.

2. - A remoción levarase a cabo con suxeición ó seguinte procedemento:

1 º )Incoación do expediente, mediante resolución motivada do presidente, como xefe superior do persoal, de oficio ou pedimento do xefe da unidade correspondente, no caso de postos adscritos. En dita proposta designarase un instructor do procedemento.

2 º )Notificación ó ocupante do posto e outorgamento dun prazo de audiencia de 15 días hábiles.

3 º )Audiencia ó órgano de representación unitaria competente.

4 º )Á vista do resultado do trámite de audiencia, o instructor poderá acordala apertura dun período probatorio, cumprimentado o cal o instructor procederá á formulación da proposta de resolución, da que se dará un novo trámite de audiencia ó interesado, remitíndose o expediente completo á presidencia para a súa resolución.

3. - Os empregados provinciais removidos do seu posto terán dereito a ser adscritos provisionalmente a un posto correspondente á súa praza, en tanto non obteñan un mediante concurso ou libre designación. De non existir vacante, o presidente disporá a creación dun posto, con carácter temporal, co fin de proceder á adscrición provisional do empregado afectado, posto que será suprimido automaticamente unha vez cese adscrición provisional.

Artigo 43. Estarán obrigados participar en tódolos concursos que se convoquen a postos correspondentes ás súas prazas os empregados que se encontren en situación de adscrición provisional un posto de traballo.

Sección 3 ª .- Libre designación. Artigo 44. A libre designación constitúe un sistema excepcional de provisión dos postos de traballo, mediante o que a designación do empregado provincial para o posto que se trate de prover se realiza de forma discrecional, de entre os que cumpran os requisitos do desempeño do posto previstos na relación.

Só poderán ser clasificados como postos de traballo para prover mediante libre designación os postos de traballo singularizados que correspondan a xefaturas con marcadas funcións directivas, e os postos que teñan funcións que poidan cualificarse de confianza de órganos políticos.

Artigo 45. As convocatorias para a provisión dun posto de traballo polo procedemento de libre designación conterán nas súas bases, necesariamente, o seguinte:

a) Definición completa do posto de acordo coa relación

b) Se é o caso, criterios de selección específicos que rexerán o procedemento.

c) Prazo e forma de presentación de solicitudes.

Artigo 46. Oórgano competente para a provisión de postos de traballo mediante libre designación é o presidente da Deputación.

Artigo 47. Os empregados que ocupen un posto de traballo polo procedemento de libre designación poderán ser removidos deste con carácter discrecional, por resolución do presidente. Previamente á adopción da resolución, concederase ó interesado un prazo de cinco días para trámite de audiencia.

Unha vez removidos, adscribiráselles provisionalmente a un posto de traballo correspondente á súa praza, sen prexuízo do seu dereito a percibilas retribucións complementarias do posto do que foron removidos en tanto non obteñan outro mediante concurso ou libre designación.

Sección 4 ª .- Comisión de servicios.

Artigo 48. Considérase comisión de servicios adscrición provisional un posto de traballo dun empregado provincial que cumpra os requisitos de desempeño do posto previstos na relación, por razón de urxente e inaprazable necesidade, mantendo, durante o período que dure a comisión, a titularidade do posto de orixe.

Artigo 49. 1. - Nas comisións de servicios observaranse as seguintes regras

a) Terán unha duración máxima dun ano, prorrogable por outro, en caso de non cubrirse o posto con carácter definitivo.

b) O tempo prestado en comisión de servicio será tido en conta para os efectos de consolidación do grao persoal correspondente ó nivel do posto desde o que se produce a comisión.

c) Os postos de traballo cubertos temporalmente mediante comisión de servicios, serán incluídos na seguinte convocatoria de provisión que se produza.

2. As comisións de servicio terán sempre carácter voluntario, sendo requisito para a súa validez e eficacia a aceptación por parte do empregado provincial interesado.

Artigo 50. Oórgano competente para outorgalas comisións de servicios é o presidente da Deputación, dando conta á representación dos traballadores.

Sección 5 ª .Atribución temporal de funcións

Artigo 51. Poderanse atribuír temporalmente a un posto de traballo funcións especiais que non estean asignadas especificamente ningún outro ou que, por causa do maior volume temporal de tarefas ou outras razóns conxunturais, non poidan ser atendidas con suficiencia polos empregados que desempeñen con carácter permanente os postos de traballo que teñan asignadas as devanditas tarefas.

O empregado afectado terá dereito a percibir unha gratificación por servicios extraordinarios, de acordo coas normas que se establezan nas bases de execución do orzamento vixente.

Será de aplicación á atribución temporal de funcións o disposto para as comisións de servicios no artigo 49.2, así como limitación temporal establecida no 49.1. a)

A competencia para acordala atribución temporal de funcións correspóndelle á Presidencia, dando conta á representación dos traballadores.

Sección 6 ª .- Adscrición provisional.

Artigo 52. Considérase adscrición provisional a provisión dun posto de traballo con carácter temporal por un empregado provincial nos seguintes supostos:

a) Cando o empregado provincial sexa removido do seu posto de traballo obtido por concurso ou libre designación, ata que obteña outro con carácter definitivo.

b) Cando o posto que desempeña o empregado provincial fose suprimido.

c) Cando o interesado solicite o reingreso ó servicio activo e proceda dalgunha das situacións que non leven consigo a reserva de posto de traballo.

d) Nos casos de empregados de novo ingreso, en tanto non obteñan o seu primeiro posto mediante calquera outra forma de provisión.

Artigo 53. Nas adscricións provisionais de postos de traballo observaranse as seguintes regras:

a) Os empregados provinciais adscritos provisionalmente deberán cumprilos requisitos de desempeño do posto previstos na relación.

b) Os postos de traballo cubertos por adscrición provisional serán incluídos na seguinte convocatoria de provisión que se produza, salvo cando se trate de postos creados con carácter temporal para a adscrición de empregados removidos dos seus postos.

c) Os empregados provinciais adscritos provisionalmente a un posto de traballo teñen obrigación de participar en tódolos procedementos que se convoquen para postos nos que reúnan os requisitos de acceso. Para tal efecto, e de non facelo voluntariamente, serán incluídos de oficio e con carácter forzoso nos devanditos procedementos, tomándose en consideración para os efectos de valoración unicamente os méritos de que teña constancia fidedigna a administración, para o caso de non se aleguen por parte do interesado.

Artigo 54. Oórgano competente para resolvelas adscricións provisionais de postos de traballo é o presidente da Deputación, dando conta á representación dos traballadores.

Sección 7 ª .- Redistribución de efectivos. Artigo 55. Considérase redistribución de efectivos adscrición, por necesidades do servicio e con carácter definitivo, dun empregado provincial a un posto de traballo de contido esencialmente idéntico e coa mesma natureza, complemento de destino, complemento específico e forma de provisión que o posto de procedencia.

A redistribución de efectivos só procederá entre postos non singularizados que sexan homoxéneos entre si.

Artigo 56. O cómputo dos dous anos para a consolidación do grao persoal realizarase desde a data na que se accedeu ó posto que se desempeñaba no momento da redistribución.

Artigo 57. Oórgano competente para acordalas redistribucións de efectivos é o presidente da Deputación, dando conta á representación dos traballadores.

Sección 8 ª .- Reasignación de efectivos. Artigo 58. Considérase reasignación de efectivos adscrición, con carácter definitivo, dun empregado provincial a un posto de traballo, cando o que viñese desempeñando fose obxecto de supresión ou modificación substancial, derivada dun plano de emprego.

A reasignación de efectivos poderá afectar a postos de traballo singularizados.

Artigo 59. A reasignación de efectivos efectuarase aplicando criterios obxectivos relacionados coas aptitudes, formación, experiencia e antigüidade que se concretarán no plano de emprego.

Artigo 60. O órgano competente para resolvelas reasignacións de efectivos é o presidente, trala aprobación do plano de emprego polo Pleno da Corporación e de acordo coas súas determinacións.

Sección 9 ª .- Permuta.

Artigo 61. Considérase permuta a forma de provisión, con carácter definitivo, mediante o intercambio de postos de traballo entre empregados provinciais en activo.

Artigo 62. As permutas axustaranse ás seguintes regras

a) Os postos de traballo para permutar deben ser de igual natureza e forma de provisión, con idéntico complemento de destino e complemento específico.

b) Deben emitir informe favorable os xefes superiores das unidades que pertenzan os postos obxecto de permuta.

c) A ningún dos empregados provinciais interesados debe faltarlle menos de dous anos para cumprila idade de xubilación forzosa.

d) Serán anuladas s permutas se nos dous anos seguintes á data na que teñan lugar se produce a xubilación voluntaria dalgún dos permutantes.

e) Os empregados interesados deberán reunir, en cada caso, os requisitos de acceso ó posto ó que desexan acceder mediante este sistema.

Artigo 63. Oórgano competente para autorizalas permutas é o presidente.

Disposicións adicionais. Primeira. - Racionalización de escalas e subescalas de funcionarios provinciais e establecemento de categorías profesionais do persoal laboral.

A Deputación Provincial procederá, mediante un plano de emprego, á racionalización das escalas e subescalas dos seus funcionarios propios actualmente existentes, así como ó establecemento de categorías profesionais análogas para o persoal laboral, no prazo máximo dun ano a partir da entrada en vigor da primeira relación de postos de traballo, establecendo as previsións oportunas para integración de todo o persoal fixo actualmente existente no cadro de persoal estructural resultante, para os efectos de establecela adecuada coordinación entre o devandito cadro de persoal e a relación de postos de traballo.

Segunda. - Réxime específico dos funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional.

A clasificación de postos de traballo reservados funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional, así como a súa provisión, rexerase polo establecido na súa normativa específica.

Disposición transitoria. Ata tanto non se proceda á aprobación da primeira relación de postos de traballo da Deputación Provincial, os empregados públicos provinciais manterán as funcións e retribucións que ata a data viñan desempeñando, sen prexuízo da aplicación das actualizacións retributivas que se prevexan no orzamento xeral da Deputación para cada exercicio, e da posibilidade de aprobar un Catálogo provisional, de conformidade co establecido na Lei 46/1985, de 27 de decembro, e a Disposición Transitoria 2 ª do Real Decreto 861/1986, de 25 de abril.

Disposición derrogatoria. Á entrada en vigor da presente ordenanza quedarán derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó nela establecido.

Disposición final. O presente regulamento entrará en vigor o primeiro día hábil seguinte ó da publicación do seu texto íntegro no BOP de Ourense, sempre e cando transcorrese o prazo previsto no artigo 70.2, en relación co 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e sen prexuízo do establecido na disposición transitoria única.

Ourense, 30 de xaneiro de 2004. O presidente. Asdo. : José Luis Baltar Pumar.