Última revisión
16/02/2005
Convenio Colectivo de Empresa de PESCANOVA CHAPELA, S.A. (36002622011994) de Pontevedra
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Resolución do 17 de xaneiro de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Pescanova Chapela, S. A. (Diario Oficial de Galicia num. 32 de 16/02/2005)
Visto o texto do convenio colectivo da empresa Pescanova Chapela, S. A., con nº de código 3602622, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 21-12-2004, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 9-9-2004, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial
ACORDA:
Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 17 de xaneiro de 2005. Joaquín Macías Sánchez Delegado provincial de Pontevedra
Capítulo I Ámbito de aplicación e disposicións xerais
Artigo 1º.-Ámbito territorial. Este convenio colectivo establece as bases para as relacións laborais entre a empresa Pescanova Chapela, S. A. e os seus traballadores adscritos ao centro de traballo sito en Chapela-Redondela.
Artigo 2º.-Ámbito persoal. Este convenio colectivo abrangue todo o persoal do cadro nas súas diferentes categorías profesionais existente no momento da súa sinatura, nos centros de traballo aludidos no artigo anterior, así como os que posteriormente se incorporen aos respectivos cadros de persoal.
Artigo 3º.-Vixencia. O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2004 cun período de duración ata o 31-12-2004, e será denunciado por escrito, polo menos cun mes de antelación á data do seu vencemento; en caso contrario, prorrogarase por períodos anuais sucesivos.
O conxunto do articulado e as táboas anexas manterán a súa vixencia mentres as partes non acorden modificalo.
Artigo 4º.-Determinación das partes que o concertan. Este convenio colectivo concertase entre Pescanova Chapela, S. A., representada neste momento por Fernando Ilarri Junquera, José Fafián Seijo, Francisco Taboada Costas e o comité de empresa dela, como representación legal dos traballadores, composto polos membros abaixo asinantes.
Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas. Todas as condicións económicas establecidas neste convenio teñen carácter de mínimas e figurarán nas táboas salariais anexas, ou as que constan nas respectivas nóminas.
Terán carácter de absorbibles aquelas melloras que durante a vixencia do convenio e por disposicións legais puidesen establecerse.
Agás o especificado no artigo 23º deste convenio, no relativo á prima de tarde e prima de baixa temperatura, o persoal que con anterioridade ao convenio viñese desfrutando dalgún ou dalgunhas condicións máis beneficiosas, deberán conservalas.
Artigo 6º.-Comisión paritaria. Para a interpretación e vixilancia das condicións xerais pactadas neste convenio, crearase unha comisión paritaria composta por:
Parte social: o presidente do comité de empresa, secretario do comité de empresa e un representante de cada un dos sindicatos.
Parte empresarial: o mesmo número de representantes designados pola empresa.
No caso de que existan discrepancias entre as partes e non logre chegarse a un acordo, someteranse á xurisdición laboral competente.
Capítulo II Organización do traballo
Artigo 7º.-Principios xerais. A organización práctica do traballo, respectando a lexislación vixente en cada momento, é facultade da dirección da empresa e, por delegación, dos seus mandos ou representantes legais.
Todo isto sen mingua das funcións de información que as mesmas disposicións legais lles atribúan aos representantes dos traballadores, comité de empresa e seccións sindicais, se é o caso.
É política común dos traballadores e da dirección o mantemento de actitudes de información, diálogo e negociación que conduzan a esquemas participativos.
A empresa manterá e fomentará a formación e promoción profesional dos seus traballadores. Anualmente comunicarase ao comité de empresa o plan de formación.
Artigo 8º.-Regulación. Os contratos do persoal, calquera que sexa a súa modalidade, adaptaranse ás formas e condicións establecidas polas disposicións legais vixentes.
Artigo 9º.-Contratación temporal. Poderanse efectuar contratacións temporais segundo as modalidades previstas no artigo 15 do ET e disposicións de carácter xeral, cumprindo os requisitos e formalidades contidas nesa normativa.
Polo que se refire ao contrato temporal derivado das circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, será de aplicación o disposto no convenio colectivo de ámbito estatal para á industria de conservas, no que se refire á súa duración máxima, que será de 9 meses nun período de 12.
En canto aos contratos temporais para a realización dunha obra ou servizos determinados, consideraranse como traballos que poidan cubrirse con contratos desta natureza, entre outros, os seguintes:
* Construción, ampliación, rehabilitación e reparación de obras en xeral.
* Montaxe, posta en marcha e reparación de maquinaria e equipamentos; instalación.
* Actividades relativas a procesos organizativos industriais, comerciais, administrativos e de servizos, tales como:
-Centralización, agrupación de tarefas dispersas.
-Control de calidade.
-Investigación e desenvolvemento.
-Novo produto ou servizo.
-Apertura de novos mercados.
-Implantación, modificación ou substitución de sistemas informáticos, contables, administrativos e de xestión.
-Outras actividades que por analoxía sexan equiparables ás anteriores.
-A duración deste contrato será a das obras ou servizos que o xustifiquen pero se, transcorridos dous anos, o traballador se consolidase por calquera das causas descritas, transformarase o seu contrato en indefinido.
A subcontratación de obras e servizos poderá realizarse nos termos previstos no artigo 42 do ET pero sempre que teña plena ocupación todo o persoal fixo da empresa.
Artigo 10º.-Contratos formativos. A empresa poderá contratar traballadores en prácticas para a formación, de acordo coas disposicións legais vixentes.
Polo que se refire ao contrato para a formación, a súa regulación será a seguinte:
Os aprendices non poderán ocupar postos de traballo que quedaron vacantes por despedimento improcedente, obxectivo, ou por calqueira tipo de expediente de regulación de emprego.
Características do contrato para a formación:
-Duración: mínima de 6 meses e máxima de 2 anos.
-Prórroga: mínima de 6 meses.
-Idade: de 16 a 21 anos.
-Formación: plan de formación pactado cos representantes dos traballadores.
-Titor: cada dous traballadores como máximo terán un titor, que teña como mínimo o nivel de cualificación a adquirir polo traballador.
Salario: o primeiro ano o 100% do salario base do convenio, e o segundo ano o 120% do salario base do convenio.
O número destes traballadores non superá o 5% do persoal fixo.
Artigo 11º.-Vacantes e postos de nova creación. Na creación de novos postos de traballo na provisión de vacantes, cando se requira persoal de novo ingreso, a empresa terá en conta, en primeiro lugar, o persoal a que se refire o artigo 14º deste convenio, en segundo lugar, o persoal adscrito a outras empresas do grupo e, en terceiro lugar, as peticións dos fillos ou fillas de traballadores en activo, falecidos, xubilados ou pensionistas, concedendo lles o emprego, en todo caso, se superan as probas de aptitude que correspondan. Para postos de certa responsabilidade que precise a empresa, será necesario que as súas condicións e coñecementos non sexan inferiores aos doutros candidatos.
A empresa está obrigada a informar o comité de empresa das vacantes producidas e postos de nova creación. Así mesmo, darase difusión nos taboleiros de anuncios.
O comité de empresa participará, consonte o establecido no artigo 9º, no control das probas que fosen necesarias para a contratación de persoal.
Artigo 12º.-Período de proba. O persoal de novo ingreso terá carácter provisorio durante un período de proba variable, segundo a índole do labor que se vai realizar, consonte a seguinte escala:
-Técnicos titulados: seis meses.
-Titulados grao superior, contrato prácticas: dous meses.
-Titulados grao medio, contrato prácticas: un mes.
-Contratos de aprendizaxe: quince días.
-Resto do persoal: quince días. Durante os períodos que se sinalan, tanto o traballador coma a empresa poderán desistir da proba ou proceder á rescisión do contrato, sen aviso previo nin dereito a indemnización. Será nulo o pacto que estableza un período de proba cando o traballador teña xa desempeñado as mesmas funcións con anterioridade na empresa, e dentro da mesma categoría profesional, baixo calquera modalidade de contratación.
O traballador desfrutará, durante o período de proba, da retribución que corresponda á categoría profesional do traballo en que se clasificase. O período de proba será computado para efectos de antigüidade. Superado o período de proba, o traballador pasará a depender da empresa, coa categoría que corresponda en cada caso.
Artigo 13º.-Postos especiais. A empresa procurará empregar o persoal a que a súa capacidade física ou intelectural diminuíse por idade ou outros inconvenintes ocorridos antes da súa xubilación, en destinos axeitados ás súas condicións reais, no caso de que existan estes postos. Igual criterio se seguirá con quen se encontre na situación de invalidez permanente parcial para a súa profesión habitual.
Para isto teranse en conta as vacantes que se produzan nas seguintes seccións: oficinas de sección industrial, almacén de sección industrial, control de calidade, aseos e vestiarios, podendo cubrir a empresa, entrementres, provisoriamente, ditos postos durante un período máximo de quince días.
Artigo 14º.-Incorporación a outras empresas do grupo.
Os traballadores da empresa Pescanova Chapela, S. A. poderán ser destinados a outras empresas do mesmo grupo de empresas, cando existan razóns económicas, organizativas, técnicas ou produtivas que o xustifiquen, sempre que se respecten os límites da mobilidade funcional e o traslado non implique cambio de domicilio, e se efectúe dentro da área de influencia de Vigo.
A decisión de incorporación á nova empresa deberá comunicarse aos afectados e ao comité de empresa cunha antelación de 30 días naturais, agás acordo noutro sentido.
Os traballadores afectados por esta decisión incorporaranse ao cadro de persoal da empresa do seu novo destino, conservando a súa categoría profesional e antigüidade, que se respectará desde o seu ingreso en Pescanova, S. A.
O seu réxime económico será o vixente na empresa de novo destino, pero conservará en todo caso como garantía o seu salario en cómputo anual no momento do traslado, a excepción dos complementos vinculados ao posto de traballo.
En todo caso, e como condicións beneficiosas, seralles de aplicación o disposto no artigo 26º sobre complemento de IT do convenio de Pescanova Chapela, S. A. de 1994.
O horario será en réxime de quendas (xornada continuada) . O persoal trasladado a Frinova, S. A.
terá o horario que corresponda segundo o convenio colectivo desa empresa. Os que sexan trasladados a outras empresas do grupo incorporaránse a un réxime horario similar ao de Frinova, S. A. ou Pescanova Chapela, S. A.
No caso de necesidade de persoal fixo en Pescanova Chapela, S. A., terá preferencia de recolocación o persoal trasladado, no cal se lle aplicará na súa integridade o convenio de Pescanova Chapela, S. A.
Se a incorporación prevista neste artigo significase para o traballador un incremento nos seus gastos, debidamente acreditado, a empresa deberá de compensalo por isto. En ningún caso poderán alegarse gastos compensables achacables ao transporte, se a empresa proporciona medio de transporte nas mesmas condicións que a actualidade, aínda que se cambie o horario.
A aplicación deste artigo estará condicionada á existencia de excedente de man de obra na empresa debidamente acreditado. En caso contrario, deberá pactarse ou ben individualmente ou ben co comité de empresa.
A empresa comprométese a non utilizar este artigo cando o número de traballadores a incorporar as outras empresas do grupo sexa inferior a cinco, nin na quenda de noite, excepto acordo individual con traballador/es afectado/s.
Este artigo terá carácter obrigacional e perderá a súa vixencia a partir do 31-12-2005.
Artigo 15º.-Categorías. Créase a categoría profesional de operario de 2ª en produción, cámaras, cunha retribución segundo a táboa salarial, distribuídos nas 16 pagas habituais e a bolsa de vacacións. Percibirán, ademais, o complemento de presenza.
Integrarán esta categoría os que, sen chegaren á perfección exixida aos operarios e especialistas, executen os oficios propios da industria da alimentación con suficiente corrección e eficacia.
Aos operarios de 2ª que teñan a condición de persoal fixo (contratos por tempo indefinido) , ascenderán á categoría de operario/a transcorrido un ano desde a súa condición de fixo.
Artigo 16º.-Excedencias. Terá dereito á situación de excedencia, todo o persoal afectado por este convenio, de acordo coas normas reguladas no Estatuto dos traballadores.
A empresa queda obrigada para o persoal do taller mecánico, factoría e cámaras oficios varios, así como sección industrial, á readmisión dos solicitantes, cando estes a cursasen, polo menos, con dous meses de antelación, sempre e cando a excedencia sexa igual ou superior a un ano.
Capítulo III Xornada, vacacións e licenzas
Artigo 17º.-Xornada anual e horario. A xornada de traballo será de 1.749 horas de traballo efectivo ao ano. Para tal efecto non se computarán como tempo efectivo de traballo os descansos obrigatorios ou pactados.
O tempo de traballo computarase ao inicio e ao final da xornada no posto de traballo.
A xornada anual desenvolverase do seguinte xeito: Persoal de fábrica e mantemento: * Factoría e mantemento (quenda de mañá) :
-De luns a venres de 6.45 horas a 14.45 horas, con descanso de quince minutos.
* Factoría e mantemento (quenda de tarde) :
-De luns a vernes de 14.45 horas a 22.45 horas, con descanso de quince minutos.
* Factoría e mantemento (quenda de noite e limpteza) :
-De luns a venres de 22.45 horas a 6.45 horas, con descanso de quince minutos.
Persoal de oficinas: * Primeira quenda: Horario de inverno:
-De 8.00 a 15.00 horas de luns a venres.
-De 8.00 a 13.00 horas os sábados.
Horario de verán:
-De 8.00 a 14.30 horas de luns a venres.
-De 8.00 a 13.00 horas os sábados.
* Segunda quenda: Horario de inverno:
-De 8.00 a 13.30 horas e de 14.15 a 16.45 horas.
Horario de verán: de 8.00 a 14.30 horas. O horario do persoal da segunda quenda é de luns a venres.
A xornada intensiva de verán para o persoal de oficinas estenderase desde o 16 de xuño ao 30 de setembro para o ano 2004.
Traballo nas cámaras: nas cámaras que teñan que estar a-18º C ou inferiores cunha oscilación de máis ou menos 3º C, a permanencia no interior será de 6 horas. Cada 45 m de traballo ininterrompido no interior das cámaras, ou entrando e saíndo continuamente (carreteiros) , concederáselle un descanso de recuperación de quince minutos Completarán a xornada normal en traballos a realizar no exterior das cámaras.
Calendario laboral. De mutuo acordo entre a empresa e o comité, realizarase o calendario anual, que abranguerá a relación de días non laborables e período de vacacións, efectuando as correccións de horario que sexan pertinentes. Os días 24 e 31 de decembro non serán laborables.
Os horarios de traballo previstos neste artigo axustaranse en función do que resulte do calendario laboral que se pacte, respectando o número de horas efectivas anuais (1.749) .
Artigo 18º.-Horas extraordinarias. É firme vontade de ambas as partes a redución ao mínimo de horas extraordinarias.
Para o suposto de que fose necesaria a súa realización, retribuiranse segundo o valor dunha hora ordinaria incrementada nun 75%.
Para as horas extraordinarias realizadas en sábados, domingos e festivos, o valor das ditas horas incrementarase nun 100%.
Non se terán en conta, para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes ou por causa de forza maior, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratasen de horas extraordinarias.
Consideraranse horas extraordinarias estruturais as realizadas nos seguintes casos:
-Incidencia nas quendas de traballo provocados por licenzas retribuídas, ou IT.
-Ausencia imprevista da substitución no traballo a quenda.
-Reparacións perentorias.
-Peches de exercicio contable e confección de orzamentos.
As horas extraodinarias estruturais pactaranse co comité de empresa.
Artigo 19º.-Vacacións. Todo o persoal afectado por este convenio terá trinta días naturais de vacacións, que se aboarán coa retribución do salario da táboa anexa máis a antigüidade. O xeito da súa realización para o persoal da sección industrial será, como o pasado ano, en dúas quendas nos meses de xullo e agosto.
Se por dificultades imprevistas fose preciso efectuar un reaxuste de vacacións, estableceranse de mutuo acordo, de xeito que se salven os inconvenientes que poidan afectar o normal desenvolvemento do programa da empresa.
En canto ás vacacións do persoal masculino que polo seu traballo debe cubrir postos de mantenemento, sala de máquinas e resto do persoal, serán de forma rotativa, de tal xeito que os que por sorteo lles corresponda unha das datas que elixa, ao ano seguinte corresponderanlle as datas alternativas.
Todas aquelas persoas que estean en situación de IT durante o período de vacacións, poderá desfrutalas en calquera outra época dentro do ano.
O persoal de oficinas desfrutará as vacacións de acordo co mesmo criterio que ata a data, ben que de forma preferente entre os meses de xuño a setembro.
Artigo 20º.-Licenzas retribuídas. O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licenzas retribuídas nos casos seguintes:
a) Casamento: 15 días naturais.
b) Maternidade da esposa: 3 días naturais.
c) Enfermidade con internamento ou intervención cirúrxica, tamén con internamento do cónxuxe, pais, pais políticos, avós, fillos e fillos políticos: 3 días naturais (será preciso xustificante médico acreditativo) .
d) Falecemento do cónxuxe, pais, fillos, irmáns, pais e fillos politicos: 4 días retribuídos e 2 sen retribuír, se residen na provincia de Pontevedra; 4 días retribuídos e 1 sen retribuir, se é no resto de Galicia e 5 días retribuídos no resto de España.
e) Falecemento de avós e netos: 2 días.
f) Falecemento de irmáns políticos, avós políticos: 2 días; sobriños, sobriños políticos, tíos e tíos políticos: 2 días.
g) Por intervención cirúrxica, sen internamento, ou recoñecemento médico de pais, cónxuxes e fillos: 1 día.
h) Por cambio de domicilio: 1 día.
i) Cando haxa que acudir a probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios, nos cales se inclúe a Casa de Mar, con xustificante médico: 1 día.
j) Nacemento dun neto: 1 día. Nos casos que se teña que acompañar o cónxuxe e fillos a recoñecemento médico a Santiago de Compostela por enfermidade: 1 día; fóra da Comunidade Autónoma de Galicia: 3 días; e cando esta saída fose fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, a consecuencia de operación ou intervención cirúrxica con internamento: 5 días, acreditándose en todo caso, con certificado médico.
No caso de falecemento e no caso de internamento de familiares, se o traballador prestase servizos no día do feito causante en xornada inferior á metade, esta contaríase para o cómputo. Se polo contrario traballou máis da metade da xornada, non se terá en conta para o cómputo.
Consulta médica en Chapela: 2 horas; Casa do Mar de Vigo e Redondela: 3 horas; Moaña, Pontevedra, Ponteareas, Salceda, Domaio, Cangas e Meixoeiro: o tempo total da consulta, así como o tempo de desprazamento de regreso, debidamente acreditados.
Concédenselle os mesmos dereitos á compañeira/o que á/ao esposa/o, tanto nos casos de maternidade como enfermidade.
Todos os días indicados anteriormente consideraranse naturais.
Capítulo IV Réxime económico Artigo 21º.-Crecemento salarial. A partir do 1 de xaneiro de 2004 rexerán para todos os efectos os salarios que figuran na táboa anexa e que supuxeron un incremento salarial do 3,5%. O incremento porcentual, é dicir o 3,5%, aplicarase a todos os conceptos salariais, incluído o seguro de accidentes.
Artigo 22º.-Principios xerais sobre retribución. Todos os conceptos salariais que figuran neste convenio teñen a consideración de retribucións brutas, e sobre elas efectuaranse as correspondentes deducións por Seguridade Social, IRPF e calquera outra que puidese corresponder por aplicación legal.
Artigo 23º.-Conceptos retributivos. Salario base. Complementos salariais:
-Complemento convenio.
-Antigüidade.
-Complemento de asistencia.
-Complemento de tarde.
-Complemento de noite.
-Complemento de traballos especiais.
-Complemento sección corte de peixe.
-Prima por traballo a baixa temperatura.
-Complemento de traballos penosos, insalubres, perigosos.
-Complemento de controlista.
-Pagas extraordinarias.
-Bolsa de vacacións.
-Complemento de distancia.
-Axudas de custo.
-Complemento presenza.
Salario base. Salario por unidade de tempo ou de obra: o determinado no convenio e que figura na táboa salarial.
Complementos salariais. Complemento convenio: salario de cualificación por categoría profesional e é o que consta na táboa salarial.
Antigüidade. Todos os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de bienios ao 5% do salario mínimo interprofesional ata o máximo de 18 bienios, segundo o cálculo seguinte:
a) Bienios cumpridos ata o 1-1-1985, calculados a razón do 5% do salario mínimo interprofesional de 223,40 A.
b) Bienios a cumprir a partir do 1-1-1985, calculados a razón do 5% do salario mínimo interprofesional vixente no momento de cumprir tal bienio.
A cantidade resultante de sumar o calculado nas alíneas a) e b) configurará o importe da antigüidade adquirida.
A antigüidade, computarase desde o 1 de xaneiro do ano en que se cumpra o bienio.
Complemento de asistencia. Está en relación cos días de asistencia ao traballo e é o que consta na táboa salarial.
Prima de tarde. Establécese un complemento por traballar na quenda de tarde que consistirá na cantidade de 51,85
A mensuais ou a cantidade que proporcionalmente corresponda en función dos días efectivamente traballados nese turno, que supoñen 3,06 A/tarde.
Esta prima devengarase nas pagas extras e absorbe as cantidades que se viñan percibindo por este concepto e pola prima de tarde.
Respectaranse as condicións máis beneficiosas que puidese ter algún traballador por estes conceptos, no seu conxunto global.
Complemento de noite. Incrementarase o complemento actual nun 3,65%. Este complemento aboarase nas pagas extras.
Complemento de traballos especiais. Percibiranse segundo consta na táboa salarial anexa.
Complemento sección corte de peixe. Establécese un complemento por traballar no equipo da sección corte de peixe de 68,68 A mensuais ou a cantidade que proporcionalmente corresponda en función dos días efectivamente traballados nesa sección, que supoñen 3,02 A/día. Tamén percibirá o dito complemento o persoal que non sexa do equipo e que voluntariamente se incorporen a el.
Prima por traballo a baixa temperatura. Establécese esta prima para quen desenvolva o seu traballo no interior de cámaras frigoríficas a temperaturas iguais ou inferiores a-18º C. A esta prima aplicaraselle sempre o aumento acordado en cada convenio, non afectándolle a incidencia do salario mínimo interprofesional. En todo caso, respectaranse no seu conxunto as condicións máis beneficiosas que nestes momentos desfrutan os condutores de carretas elevadoras, que de acordo con este artigo, percibirán unha prima por día de traballo de 3,81 A.
Complemento de traballos penosos, molestos, insalubres e perigosos.
A todo o persoal que polas súas condicións de traballo se lle recoñeza actualmente unha prima polos ditos traballos, seguiraselle recoñecendo este dereito na contía que figura na táboa salarial anexa. Os ditos traballos pagaranse proporcionalmente ao tempo traballado.
Os demais traballadores que eventualmente teñan de realizar traballos desta natureza, percibirán un complemento do 20% do salario base, en proporción ao tempo traballado nestas condicións e mentres realicen o dito traballo.
Complemento de controlista. Establécese un complemento de 1,71 A por día traballado.
Pagas extraordinarias. Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará de catro pagas extraordinarias, aboadas a razón dunha mensualidade composta por salario base, complemento de convenio, complemento de distancia, prima de tarde, complemento de traballos especiais e complemento de traballos penosos, máis a antigüidade, como se ven facendo ata a data. As ditas pagas corresponden a:
a) O día 15 de marzo.
b) O día 15 de xullo.
c) O día 15 de outubro.
d) O día 15 de decembro. As ditas pagas faranse efectivas o día laboral inmediatamente anterior á data sinalada neste artigo.
As pagas correspondentes aos días 15 de xullo e 15 de decembro serán aboadas por semestres. A paga correspondente ao 15 de marzo, para o persoal que ingrese durante o ano, farase efectiva o día 31 de decembro, aboándoselle na súa parte proporcional.
A paga correspondente ao 15 de outubro seguirase devengando de acordo coa normativa da empresa, de considerala como paga de asistencia ao traballo e proporcionalmente ao tempo traballado, tendo tal consideración a situación de incapacidade temporal derivada de accidente laboral, maternidade e cando se produza a consecuencia de intervención cirúrxica ou de hospitalización.
Bolsa de vacacións. Recoñécese a todo o persoal afectado polo convenio, unha bolsa de vacacións de 686 A, que se fará efectiva coa paga de xullo.
Complemento de distancia. Todo o persoal afectado por este convenio, percibirá en concepto de complemento de distancia, a cantidade que figura na táboa anexa.
Axudas de custo. Cando por necesidades da actividade da empresa se considere preciso a continuidade da xornada laboral habitual de traballo en tres ou máis horas, a empresa facilitará unha axuda de custo de comida de 12,19 A. Deberá entón partirse a xornada laboral, considerándose un tempo entre 30 e 60 minutos, segundo circunstancias, para poder realizar a dita comida. Se esta continuidade da xornada laboral corresponde á segunda quenda de traballo, aplicarase cando se realicen dúas ou máis horas extraordinarias despois da dita xornada, en concepto de cea.
Nos casos especiais, co consentimento do seu xefe correspondente, se as necesidades do traballo urxente o requiren, poderíase autorizar o pagamento da axuda de custos sen a partición da xornada laboral establecida.
Complemento presenza. Créase neste convenio o complemento de presenza. Percibirase, sumado á paga de outubro, por día de traballo efectivamente traballado, e seguindo as súas mesmas normas. A contía deste complemento será de 1,62 A por día de traballo efectivo.
Capítulo V Beneficios sociais
Artigo 24º.-Idade de xubilación. Páctase a idade de xubilación aos 65 anos, para todo o persoal da empresa, sempre que se reúna os requisitos necesarios para ter dereito á pensión de xubilación do sistema da Seguridade Social española, respectando os dereitos individuais de cada traballador.
Ao se producir a xubilación consonte o disposto no parágrafo anterior, reconoceráselle ao traballador un premio segundo a seguinte escala:
a) Traballadores cunha antigüidade de 30 anos: catro mensualidades.
b) Traballadores cunha antigüidade de 20 anos: tres mensualidades.
c) Traballadores cunha antigüidade de 15 anos: dúas mensualidades.
d) Traballadores cunha antigüidade de 10 anos: unha mensualidade.
Se a xubilación se anticipa á idade de 65 anos, gratificarase con quince días máis por ano de anticipación.
Artigo 25º.-Xubilación parcial. A dirección da empresa e o comité de empresa colaborarán para facilitar o acceso dos traballadores á xubilación parcial de acordo coa lexislación de carácter xeral.
En todo caso requerirase o acordo individual entre o/a traballador/a afectado/a e a dirección da empresa.
Artigo 26º.-Seguro. Con independencia das indemnizacións obrigatorias da Seguridade Social, a empresa mediante a concertación de póliza de cobertura cunha entidade aseguradora, garantirá aos seus traballadores ou, no seu caso, aos seus herdeiros, e nos supostos que se especifican, as seguintes indemnizacións, cubrindo a póliza as 24 horas do día:
1.1. Por accidente non laboral. 1.1.1. Morte do traballador. Os heredeiros do traballador, ou no seu defecto a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de 56.418,52 A.
1.1.2. Invalidez permanente total ou invalidez absoluta do traballador e grande invalidez.
O traballador percibirá a cantidade 56.418,52 A para os primeiros casos, 112.837,04 A para os segundos, e 225.674,10 A para os terceiros.
1.2. Por accidente laboral. 1.2.1. Morte do traballador. Os heredeiros do traballador ou, no seu defecto, a persoa que el mesmo designara, percibirán a cantidade de 56.418,52 A.
1.2.2. Invalidez permanente total, invalidez permanente absoluta do traballador e grande invalidez.
O traballador percibirá a cantidade de 56.418,52
A para os primeiros casos, 112.837,04 A para os segundos, e 225.674,10 A para os terceiros.
Entenderase por invalidez permanente total, a incapacidade que inhabilite o traballador, de xeito permanente, para realizar todas ou as fundamentais tarefas da súa profesión habitual, aínda que poda dedicarse a outra distinta.
Entenderase por invalidez permanente absoluta, a incapacidade que inhabilite o traballador de xeito permanente para toda profesión ou oficio.
Entenderase por grande invalidez, a situación do traballador a efectos de incapacidade permanente absoluta e que, por consecuencia de perdas anatómicas ou funcionais, necesite a asistencia doutra persoa para realizar os actos máis esenciais da vida, como son vestirse, desprazarse, comer ou análogos.
As condicións quedan establecidas na póliza de seguros e entregarase ao comité de empresa unha copia oficial.
Artigo 27º.-Complemento IT. Cando o persoal da empresa estea en situación de incapacidade temporal, terá un complemento de ata o 100% do salario real, é dicir, percibirá a totalidade do salario como se estivese traballando.
Incluirase dentro deste complemento o de distancia. O complemento de presenza só se percibirá se á IT derivase de accidente de traballo ou enfermidade profesional.
Artigo 28º.-Utilización de servizos de comedor. Todo o persoal da empresa ten dereito ao servizo de cociña e comedores, de acordo coas condicións actuais, dentro do horario establecido para tal efecto.
Artigo 29º.-Tenda de peixe. Todo o persoal pertenecente ao cadro de persoal de Pescanova Chapela, S. A., ou pensionistas dela, terá dereito á adquisición de produtos comerciali zados por Pescanova, S. A., na tenda establecida para o efecto, nas condicións de pagamento seguintes:
a) Pagamento a crédito.
1. Produtos elaborados/precociñados/vexetais, prezo de tarifa oficial de Pescanova, S. A., cun desconto do 5%.
2. Marisco: prezo de tarifa oficial de Pescanova, S. A., cun desconto de 0,12 A/kg.
3. Peixe enteiro/filetes/graneis: prezo de tarifa oficial de Pescanova, S. A.
Sobre os prezos anteriores, incrementarase o IVE sobre prezo de tarifa.
b) Pagamento ao contado.
1. Produtos elaborados/precociñados/vexetais, prezo de tarifa oficial de Pescanova, S. A., cun desconto do 7,5%.
2. Marisco: prezo de tarifa oficial de Pescanova, S. A., cun desconto de 0,18 A/kg.
3. Peixe enteiro/filete/graneis: prezo de tarifa oficial de Pescanova, S. A., cun desconto de 0,02 A/kg.
Sobre os prezos anteriores incrementarase o IVE sobre prezo de tarifa.
Cando a empresa faga unha promoción dos seus produtos nas grandes áreas de alimentación da zona, esta farase igualmente na tenda da factoría.
Artigo 30º.-Fondo de pensións. A empresa estudará un plan de pensións para todo o persoal dela que no seu momento terá carácter voluntario para os traballadores.
Capítulo VI Seguridade e saúde laboral
Artigo 31º.-Principio xeral. As partes asinantes deste convenio comprométense a adoptar as medidas necesarias para asegurar a eficaz prevención dos riscos para a saúde e integridade física dos traballadores, actuando sobre os métodos e as condicións de traballo, así como sobre a actitude das persoas.
Artigo 32º.-Recoñecementos médicos. Levarase a cabo un recoñecemento médico, con carácter previo á incorporación ao traballo, que será efectuado polo servizo médico de empresa ou por unha entidade coa que se concerte tal prestación.
Anualmente, e en todo caso sempre que así proceda, efectuarase un recoñecemento médico a todos os traballadores.
Artigo 33º.-Roupa e medios de protección persoal. A empresa proporcionarálles aos traballadores os medios e roupas de protección persoal que resulten
exixibles para cada situación de risco, e faralles entrga das seguintes pezas de roupa:
-Operarios/as e encargados/as: Par de zocos:
1. Batas: 2. Xerseis:
1. Par de calcetíns: 4. Mandís de plástico: 2.
Cámaras: Par de botas illantes:
1. Pasamontañas:
1. Xerseis:
1. Fundas: 2. Traxe de frío:
1. Par de calcetíns: 4. Camisetas de frío: 2.
Mantemento: Par de botas:
1. Conxuntos: 3. Par de calcetíns: 4. Camiseta de frío: 2. Xerseis:
1. Anorak: 1.
Mozos e peóns: Par de botas:
1. Fundas: 2. Par de calcetíns: 4. Camisetas de frío: 2. Xerseis: 1.
Resto do persoal: Batas: 2. Par de zocos: 1.
A todo o persoal que entre nas cámaras, proporcionaráselle a roupa de frío adecuada.
Artigo 34º.-Vestiario. Polas circunstancias do traballo, será preciso que certo persoal utilice vestiarios axeitados ao traballo que efectúa. En tal caso, a empresa proverá o vestiario correspondente. A definición de tal vestiario e a súa calidade, así como os prazos de entrega, será consecuencia das disposicións vixentes, dos requirimentos especiais de traballo e do estudo técnico-sanitario deste, oído o comité de saúde da empresa. O vestiario será de dous equipos anuais, e farase entrega del na primeira quincena do mes de xaneiro.
Debido á mobilidade funcional, a todos os traballadores que teñan de ocupar postos de traballo a baixa temperatura (paella, filete, etc.) incorporaráselles nos equipos anuais un xersei e uns quentadores.
Capítulo VII Dereitos sindicais
Artigo 35º.-Garantías sindicais. A empresa garantirá o exercicio de todos os dereitos dos representantes legais dos traballadores recoñecidos no Estatuto dos traballadores, texto refundido (Real decreto lei 1/1995, do 24 de marzo) .
Non serán contabilizadas no cómputo de horas sindicais as destinadas a reunións coa empresa.
O crédito horario poderase acumular nun ou varios traballadores trimestralmente, logo de aviso e negociación coa empresa.
O crédito horario non se computará para efectos de cálculo do índice de absentismo.
Artigo 36º.-Asembleas. Os traballadores de Pescanova Chapela, S. A., ademais do dereito recoñecido no artigo 77 do ET, terán dereito á celebración dentro da xornada laboral dun máximo de 3 asembleas ao ano, cunha duración non superior a 30 minutos cada unha. A convocatoria e desenvolvemento destas asembleas regularase polo disposto no ET.
Asínase en Chapela, 9 de setembro do 2004. Pola empresa Polo comité
Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI
(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)
