Convenio Colectivo de Empresa de ACEUVE de Galicia
Convenios
Convenio Colectivo de Emp...de Galicia

Última revisión
16/12/2013

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de ACEUVE de Galicia

Empresa Autonómico. Versión VIGENTE. Validez desde 07 de Octubre de 2013 en adelante

Tiempo de lectura: 51 min

Tiempo de lectura: 51 min

Documento oficial en PDF(Páginas 22-51)

RESOLUCION do 22 de novembro de 2013, da Direccion Xeral de Traballo e Economia Social, pola que se dispon a inscricion no rexistro e a publicacion no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo das empresas Aceuve, S.L. e Aceuve Mantenimiento, S.L. (Diario Oficial de Galicia num. 239 de 16/12/2013)

Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo das empresas Aceuve, S.L. e Aceuve Mantenimento, S.L., que se subscribiu o 7 de outubro de 2013, dunha parte a dirección da empresa e doutra a representación dos traballadores das empresas Aceuve, S.L. e Aceuve Mantenimento, S.L., e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro.

Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo.

Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

 
Artigo 1. Partes asinantes do convenio colectivo

Son partes asinantes do presente convenio as sociedades Aceuve, S.L. (CIF B36683902) e Aceuve Mantenimento, S.L. (CIF B36754471) (as empresas) e os representantes legais dos seus traballadores/as (a representación social), coa asistencia:

• Das empresas: Miriam Natalia Varela Villanueva, DNI 36148887-V.

• Dos representantes legais dos traballadores/as de Aceuve Mantenimento, S.L.: Paula Herrero Molinos, con DNI 33281099-F, José Luís Abalde Caride, con DNI 36024533-R.

• Dos representantes legais dos traballadores/as de Aceuve, S.L.: Fernando Moreira González, con DNI 73241131-T.

Artigo 2. Ámbito persoal

Rexeranse polo presente convenio a totalidade dos traballadores e traballadoras que na actualidade, ou no sucesivo, presten os seus servizos nas empresas reguladas polo ámbito funcional do presente convenio colectivo.

O presente convenio colectivo será de aplicación a todos os traballadores/as que desempeñen a súa actividade nos diferentes centros de traballo, con independencia da súa modalidade contractual ou categoría profesional, independentemente da súa nacionalidade, sempre que as condicións recoñecidas no presente convenio sexan máis beneficiosas que as do lugar de que procedan.

Artigo 3. Ámbito funcional

O presente convenio será de aplicación a todas as empresas integrantes do Grupo Aceuve, cuxas actividades principais son as de mantementos e servizos, instalacións eléctricas e xestión enerxética. En particular, aplicarase o presente convenio ás sociedades Aceuve, S.L. (CIF B36683902) e Aceuve Mantenimento, S.L. (CIF B36754471).

Artigo 4. Ámbito territorial

As normas do presente convenio serán de aplicación en todos aqueles centros de traballo que as mercantís afectadas teñan establecidos ou establezan en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Ámbito temporal, vixencia

O presente convenio entrará en vigor e producirá plenos efectos desde o momento da súa sinatura.

A vixencia do convenio será de 2 anos e abranguerá o período comprendido entre a data da súa sinatura (7 de outubro de 2013) e o 31 de decembro de 2015, prorrogándose automaticamente por períodos sucesivos de 2 anos, salvo denuncia expresa de calquera das partes asinantes con, ao menos, 3 meses de antelación á finalización da súa vixencia, ou de calquera das súas prórrogas.

Unha vez denunciado e expirada a súa duración inicial ou a das sucesivas prórrogas, o acordo manterase vixente durante o período de negociación, que nunca poderá ser superior a 1 ano.

Transcorridos 6 meses desde o inicio das negociacións, ambas as partes sométense expresamente ao procedemento de mediación establecido no Acordo interprofesional galego de solución extraxudicial de conflitos de traballo, para solucionar de maneira efectiva as discrepancias existentes tras o transcurso do procedemento de negociación sen alcanzarse un acordo.

Transcorrido un ano desde a denuncia do convenio colectivo sen que as partes asinen un novo texto, ou sen que se resolvan as discrepancias existentes entre as partes por medio do procedemento anteriormente sinalado, o presente convenio manterá a vixencia do seu contido normativo.

Artigo 6. Vinculación á totalidade

As condicións pactadas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica, o presente convenio será considerado globalmente.

A anulación e interpretación contraria á intención dos asinantes de calquera dos artigos do presente convenio colectivo pola autoridade laboral ou pola xurisdición competente obrigará as partes a negociar e, se for o caso, adaptar á lei o/s artigo/s que correspondan.

Calquera modificación legal ou regulamentaria que afecte as condicións pactadas será de aplicación inmediata e terase en conta co obxecto de adaptar no menor prazo posible o texto do convenio ao disposto na modificación normativa, logo de sometemento á consideración da comisión paritaria.

CAPÍTULO II. CONTRATACIÓN

 
Artigo 7. Período de proba

Observarase o disposto no artigo 14 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8. Contratos formativos

O contrato de traballo en prácticas e o contrato para a formación regularanse conforme o disposto no artigo 11 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 9. Indemnización por fin de contrato

Por expiración do tempo convido ou realización da obra ou servizo obxecto do contrato, ao finalizar o contrato, excepto nos casos do contrato de interinidade e dos contratos formativos, o traballador terá dereito a recibir unha indemnización segundo o disposto no artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como na disposición transitoria décimo terceira do Estatuto dos traballadores.

Aqueles importes que os traballadores con contratos de duración determinada puidesen vir percibindo mensualmente en concepto de indemnización por temporalidade descontaranse da indemnización referida no parágrafo anterior no momento do seu aboamento, ao finalizar o contrato.

Artigo 10. Contrato a tempo parcial

Regularase de conformidade co disposto no artigo 12 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 11. Dereito á información

Sen prexuízo do dereito á información establecido no artigo 64 do Estatuto dos traballadores, as empresas entregarán unha copia básica do contrato que asine o/a traballador/a, nun prazo non superior a 10 días, á representación legal dos/as traballadores/as (comité de empresa, delegado/a de persoal ou, se for o caso, delegado/a sindical), quen asinará o recibo para efectos de acreditar que se produciu a entrega.

CAPÍTULO III. PERCEPCIÓNS ECONÓMICAS (CONCEPTO, ESTRUTURA, COMPENSACIÓNS, INDEMNIZACIÓNS)

 
Artigo 12. Absorción e compensación

As condicións pactadas no presente convenio colectivo forman un todo indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente no seu cómputo anual.

Os conceptos económicos establecidos no presente convenio absorberán e compensarán todos os existentes na empresa no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a denominación, natureza e orixe deles.

Artigo 13. Retribucións: táboa salarial, estrutura salarial, devindicación do salario e forma de pagamento

Táboa salarial.

Establécese unha táboa de percepcións mínimas garantidas pola xornada laboral ordinaria, que será, para cada traballador, a que corresponda ao seu grupo profesional e nivel salarial, sen discriminación ningunha por razón de sexo, e que se conten no anexo I do presente convenio.

Estrutura salarial.

A) Salario base: é a parte da retribución do traballador fixada con carácter básico por unidade de tempo (anexo I).

B) Complemento ad personam: é a diferenza entre o salario base daqueles traballadores de alta na empresa no momento de sinatura do presente convenio que exceda o salario base recollido no anexo I do presente convenio (artigo 14).

C) Complemento de convenio colectivo: este concepto unicamente se inclúe na estrutura salarial daqueles traballadores de alta na empresa na data da sinatura do presente convenio (artigo 15).

D) Complemento de antigüidade consolidado: este concepto unicamente se inclúe na estrutura salarial daqueles traballadores que na data da sinatura do presente convenio veñan percibindo un complemento de antigüidade (artigo 16).

Todos os complementos integrados na estrutura salarial do presente convenio serán cotizables segundo a lexislación vixente.

Devindicación do salario e forma de pagamento.

O salario base devindicarase durante todos os días naturais polos importes establecidos para cada nivel na táboa salarial.

O salario bruto pactado percibirase en 12 mensualidades de 30 días coincidentes cos 12 meses naturais, incluíndo dúas pagas extraordinarias de 30 días cada unha rateadas. De mutuo acordo entre a empresa e o traballador poderá pactarse o aboamento das pagas extraordinarias segundo o disposto no artigo 19 do presente convenio.

Todas as percepcións se aboarán mensualmente, por períodos vencidos e dentro dos cinco primeiros días naturais do mes seguinte á súa devindicación.

Artigo 14. Complemento ad personam

Este complemento integrarase no sistema retributivo de todos aqueles traballadores de alta na empresa na data de subscrición do presente convenio colectivo. Por medio do presente complemento aboaranse as diferenzas salariais existentes entre o salario base mínimo recollido no anexo I e o salario base que viñese percibindo o traballador até a data de subscrición do presente convenio.

Polo tanto, a natureza do presente complemento é de carácter persoalísimo.

Artigo 15. Complemento de convenio colectivo (CCC).

Exclusivamente para os traballadores que na data da sinatura do presente convenio estean de alta na empresa e viñesen percibindo, en aplicación de convenios colectivos sectoriais provinciais, por conceptos distintos de salario, soldo base, salario base ou salario de convenio.

Para efectos meramente enunciativos e sen que isto supoña un numerus clausus, podemos citar a seguinte relación: complemento de asistencia e puntualidade, complemento de aquendamento, complemento transporte, complemento de xefe de equipo, incentivo de produción, complemento de posto de traballo …

O complemento de convenio colectivo integra todos estes conceptos retributivos e incentivos salariais que desaparecen da estrutura salarial, e que son substituídos polo CCC en contía equivalente á que viñan percibindo individualmente por todos estes conceptos os traballadores das empresas.

Respecto a aqueles conceptos salariais de carácter variable, farase unha media do percibido durante os últimos 12 meses por cada traballador co obxecto de concretar o importe total do presente complemento.

Artigo 16. Complemento de antigüidade consolidado (CAC)

Os contratos realizados a partir da data de subscrición do presente convenio non devindicarán antigüidade. Os contratos xa realizados deixarán de devindicar antigüidade a partir da data de subscrición do presente convenio.

Unicamente aqueles traballadores que na data de subscrición do presente convenio teñan recoñecida antigüidade na empresa e veñan percibindo un complemento de antigüidade en virtude dela seguirán percibindo o dito importe a través do complemento de antigüidade consolidado (CAC).

Artigo 17. Complemento de traballos especiais

Os postos de traballo que impliquen penosidade, toxicidade ou perigosidade darán dereito á correspondente bonificación. A determinación ou cualificación do traballo como penoso, tóxico ou perigoso farase por acordo entre o empresario e a representación legal dos traballadores/as. En caso de desacordo decidirá a autoridade laboral:

A expresada bonificación establécese así para o ano 2013/2014:

- Cando se produza un só suposto: 0,57 €/h.

- Se se producen 2 ou máis supostos: 0,88 €/h.

Artigo 18. Complemento de nocturnidade

Considerarase traballo nocturno o comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas da mañá. O salario/hora correspondente ao horario nocturno comportará un incremento do 25 % sobre o salario base/hora máis os complementos.

No caso daqueles traballadores que de forma voluntaria realicen a súa xornada laboral sempre en quenda de noite (ao menos o 90 % da súa xornada anual), tamén se lles aboará o complemento de nocturnidade durante as súas vacacións. En caso contrario unicamente se aplicará ao número de horas efectivamente realizadas en horario nocturno.

Artigo 19. Pagas extraordinarias

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá dúas pagas extraordinarias correspondentes aos meses de xullo e decembro. Estas pagas serán recoñecidas en proporción ao tempo traballado, equivalentes cada unha de elas a 2/14 partes do salario bruto anual, e cada unha delas devindicarase por semestres naturais do ano en que se outorguen.

A paga correspondente ao primeiro semestre aboarase entre os días 10 e 25 de xullo e a correspondente ao segundo semestre será aboada entre o 1 e o 20 de decembro.

Non obstante o anterior, prevese expresamente a posibilidade de que as empresas opten polo pagamento rateado mensual das distintas pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias, salvo pacto entre traballador e as empresas, ratearanse en 12 mensualidades.

Artigo 20. Incrementos salariais

Para o ano 2014 o incremento salarial unicamente se aplicará se o IPC medio anual resulta superior ao 2 % e tan só pola diferenza entre o dito punto porcentual e o IPC real medio anual. En ningún caso o incremento salarial poderá superar o 1 %.

Para o ano 2015 páctase un incremento salarial de ao menos un 1 %, máis un incremento porcentual que unicamente se fará valer a partir dun incremento do IPC do 2,5 %, e unicamente pola diferenza entre o dito punto porcentual e o IPC real medio anual. En ningún caso o incremento salarial poderá superar o 1,5 %.

Os incrementos aplicaranse sobre o salario base e os complementos que o traballador veña percibindo, e faranse efectivos ao saberse o IPC real do ano anterior.

Artigo 21. Saídas, axudas de custos e viaxe. Quilometraxe

Cando un traballador sexa desprazado da localidade para a que foi contratado (entendendo por desprazamento o concepto recollido nos parágrafos 4º e 5º do artigo 40 do Estatuo dos traballadores), terá dereito á percepción de axudas de custos, salvo que o dito desprazamento teña para el maiores prexuízos económicos, caso en que o traballador deberá presentar xustificación fidedigna e obxectiva dos ditos prexuízos, que serían asumidos pola empresa e retribuídos durante o mes en curso.

O importe das axudas de custos será o seguinte:

- 10,60 € cando deba facer unha comida fóra da localidade.

− 21,20 € cando deba facer dúas comidas fóra da localidade.

− 31,80 € cando teña que pernoitar fóra da localidade e realizar dúas comidas e almorzo.

− Prevese, así mesmo, unha axuda de custos corrida de 55 €/día por cada día que o traballador deba permanecer fóra de Galicia con motivo da execución dunha obra. Esta axuda de custos corrida devindicarase desde o inicio (día de chegada ao destino) ata a fin da obra (día de retorno do traballador).

− Cando por circunstancias produtivas e con motivo da prestación de servizos dentro da localidade se dea algún dos supostos descritos nos puntos precedentes, aplicaranse as axudas de custos en idénticos termos aos xa descritos.

Nestes casos, o desprazamento en vehículo particular dará dereito ao cobramento de 0,22 €/km. Se se efectúa desprazamento en vehículo da empresa, non procederá o cobramento de cantidade ningunha por quilómetro. Se o desprazamento se realiza en transporte público, percibirase o importe do billete. A empresa decidirá se para cada desprazamento o empregado debe utilizar transporte público ou da empresa.

Caberá, para efectos de simplicidade, efectuar pactos de compensación global por quilometraxe efectuada en vehículo propio.

As axudas de custos previstas no presente artigo constitúen un concepto extrasalarial, de natureza indemnizatoria ou compensatoria, e de carácter irregular, que ten como finalidade o resarcimento ou compensación dos gastos de manutención e, se for o caso, aloxamento do traballador, ocasionados como consecuencia da situación de desprazamento.

CAPÍTULO IV. XORNADA E TEMPO DE TRABALLO

 
Artigo 22. Xornada laboral

A xornada máxima ordinaria de traballo será computada anualmente e, en concreto, será de 1.770 horas de traballo efectivo.

Artigo 23. Distribución irregular da xornada de traballo

Respectando o número de horas anuais de traballo convidas no artigo precedente, así como os períodos mínimos de descanso diario semanal, as empresas poderán facer unha distribución irregular da xornada en períodos de 3 meses.

O número de horas que poderán ser aplicadas á distribución irregular da xornada non poderá ser superior a 89 horas en cada período trimestral. A distribución semanal poderá superar as 40 horas de traballo co límite de nove horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase nos períodos de menos traballo.

A distribución irregular da xornada indicada no parágrafo anterior realizarase respectando o calendario laboral. Antes do inicio de cada período de distribución irregular de xornada publicarase o calendario correspondente previsto para o dito período. Esta publicación realizarase, como mínimo, con cinco días de antelación ao inicio do dito período.

Esta distribución irregular da xornada, equivalente ao 20 % da xornada anual, unicamente resultará aplicable, dadas as peculiaridades da actividade, aos servizos que presten as empresas. Nas actividades de instalacións e obras, a distribución irregular da xornada non poderá superar o 10 % da xornada anual, coa diminución equivalente da súa repartición trimestral.

Artigo 24. Descansos e festivos

Establécese un descanso semanal de dous días, acumulables por períodos de até 14 días, que se desfrutarán preferiblemente en sábados e domingos.

Todo traballador con xornada continuada terá dereito a un descanso de 20 minutos obrigatorios, computable como tempo efectivo de traballo.

Os traballadores terán dereito a descansar os días festivos correspondentes ao lugar de prestación habitual do servizo ou de execución da obra.

Artigo 25. Calendario laboral

Durante o primeiro trimestre de cada ano, as empresas publicarán un calendario laboral no cal se establecerán os criterios xerais de distribución dos distintos servizos e, de xeito xeral, a previsión inicial da distribución do tempo de traballo do cadro de persoal da empresa.

Este calendario marco quedará aberto e será susceptible de modificacións (de afectación individual ou colectiva) de carácter mensual ou semanal, segundo o disposto no artigo 22 do presente convenio colectivo, e deberán comunicarse, se for o caso, as modificacións que del se realicen no menor prazo posible.

Do mesma maneira, a empresa poderá acordar un calendario individualizado con cada traballador atendendo ás súas concretas circunstancias persoais e familiares.

O novo calendario laboral será de aplicación a partir do ano 2014.

Artigo 26. Licenzas retribuídas

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración polos motivos e o tempo seguinte:

− Por matrimonio do traballador: 17 días naturais.

− Por matrimonio de fillos, pai, nai ou irmáns do traballador ou do seu cónxuxe: 1 día natural, será 1 día laborable se é fóra da provincia.

− Por nacemento ou adopción de fillo: 3 días laborables.

− Por morte do cónxuxe ou de fillos: 15 días naturais.

− Por falecemento de padres naturais e políticos, e fillos políticos: 5 días naturais.

− Por enfermidade grave ou intervención cirúrxica que necesite hospitalización, do cónxuxe ou fillos: 2 días naturais, que serán ampliables a catro se o traballador necesita desprazarse fóra da comunidade autónoma.

− Por falecemento, enfermidade grave ou hospitalización de pais, netos, avós ou irmáns, incluíndo os políticos: 3 días naturais, ampliables a 4 cando necesite desprazarse fóra da comunidade autónoma.

− Polo suposto de traslado de domicilio: 1 día natural.

− Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

− Por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que se poderá dividir en dúas fraccións de media hora, ou ben a unha redución de xornada normal dunha media hora coa mesma finalidade. As traballadoras por lactación rexeranse pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e poden acumular os períodos de desfrute de forma ininterrompida 16 días laborables.

− Nos casos de nacemento de fillos prematuros, ou que por calquera causa deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a nai ou o pai terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora diaria, mentres dura a hospitalización do menor.

− En caso de necesidade, logo de aviso e xustificación, a empresa deberá conceder un permiso sen retribuír até un período de 10 días naturais, en caso de enfermidade grave de parentes até segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

− Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, logo de aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

− Todo o anteriormente exposto neste artigo será de aplicación para as parellas de feito acreditadas e inscritas no rexistro público correspondente.

Artigo 27. Vacacións

Os traballadores afectados polo presente convenio colectivo gozarán dun período de vacacións de 24 días laborables.

A distribución do período de vacacións será acordada entre as empresas e os seus traballadores e, en caso de desacordo, corresponderá a cada unha das partes a designación do 50 % (12 días) das vacacións.

Os traballadores comunicarán o período de desfrute das súas vacacións con antelación suficiente.

Para isto, durante o primeiro trimestre do ano, as empresas facilitarán un calendario no taboleiro de anuncios co obxecto de que os traballadores poidan fixar as súas vacacións, non máis tarde do día 31 de marzo de cada ano.

Para a fixación das vacacións por parte dos traballadores debe terse en conta que non poderán coincidir nun mesmo período temporal 2 traballadores dun mesmo servizo, se isto supón que o dito servizo quede desatendido. Neste suposto, e en caso de desacordo entre os traballadores dun mesmo servizo, terá prioridade o traballador con maior antigüidade na empresa, inverténdose esta orde de preferencia ao ano seguinte (ou sucedéndose a orde de preferencia segundo este criterio).

Cando o período de vacacións fixado no calendario vacacional da empresa a que se refiren os parágrafos anteriores coincida no tempo cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, o parto ou a lactación natural ou co período de suspensión do contrato de traballo previsto no artigo 48.4 e 48.bis do Estatuto dos traballadores, terase dereito a desfrutar as vacacións en data distinta á da incapacidade temporal ou á do desfrute do permiso que por aplicación dese precepto lle correspondese, ao finalizar o período de suspensión, aínda que rematase o ano natural a que correspondan.

No non regulado neste artigo observarase o disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 28. Excedencias

Observarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 29. Horas extraordinarias

As partes comprométense a reducir ao mínimo indispensable as horas extraordinarias, axustándose aos seguintes criterios:

a) Non se terá en conta, para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral nin para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, sen prexuízo da súa compensación como horas extraordinarias, segundo o disposto no presente artigo.

b) As partes comprométense ao estrito cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

As horas extraordinarias serán aboadas co valor da hora ordinaria segundo os importes reflectidos no anexo I, ou ben o traballador poderá optar por compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído.

As horas extraordinarias efectuadas en horario nocturno ou en días festivos serán aboadas cun incremento do 25 % de recarga por encima do valor da hora ordinaria.

CAPÍTULO V. SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

 
Artigo 30. Principios xerais

Será de aplicación a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o regulamento que a desenvolve.

Artigo 31. Roupa de traballo

Os traballadores que, como consecuencia directa do traballo, desenvolvan ou padezan unha deterioración na súa indumentaria particular poderán solicitar das empresas, por escrito, e as empresas terán obrigación de facilitarlles dous uniformes de traballo, con obrigación de utilizalos de forma habitual e permanente. Se for o caso, as empresas poden fixar neles o seu anagrama ou nome comercial. Aos traballadores que traballen en mollado facilitaráselles calzado de seguridade.

Artigo 32. Formación en materia de prevención de riscos laborais

As empresas proporcionarán formación en materia preventiva suficiente e adecuada ao posto de traballo, con carácter inicial e cando se introduzan novas tecnoloxías ou equipamentos de traballo, nas condicións establecidas no artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais.

As horas de asistencia a estas accións formativas computaranse como tempo de traballo efectivo.

A formación en materia preventiva e ambiental poderase organizar e xestionar de conformidade co que prevé o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego.

Artigo 33. Vixilancia da saúde

En materia de vixilancia da saúde observarase o disposto na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

CAPÍTULO VI. CLASIFICACIÓN PROFESIONAL, MOBILIDADE FUNCIONAL

 
Artigo 34. Organización do traballo

A organización do traballo será facultade exclusiva da dirección das empresas, que a levará a cabo no exercicio das súas potestades de organización, planificación, dirección e control da execución do traballo, mediante a disposición das instrucións e normas de funcionamento necesarias, segundo a lexislación vixente.

Artigo 35. Clasificación profesional

De conformidade co disposto no artigo 22 do Estatuto dos traballadores, establécese a clasificación profesional dos traballadores e traballadoras que presten servizos na empresa por medio de grupos profesionais.

Dentro de cada grupo profesional existirán varios niveis retributivos, en función das circunstancias que requiran ou aconsellen unha retribución diferenciada respecto ao nivel retributivo inferior e de forma que se permita un adecuado desenvolvemento da carreira profesional prevista neste convenio colectivo.

Por acordo entre as empresas e o/a traballador/a, establecerase o contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo, así como a súa equiparación ao grupo profesional correspondente segundo o previsto no presente convenio colectivo. De igual modo, asignarase ao traballador ou á traballadora unha das categorías integrantes de cada grupo, á que corresponderá un nivel retributivo concreto.

Artigo 36. Correspondencia de categorías profesionais a grupos profesionais

Incorpórase ao presente convenio colectivo, como anexo II, unha táboa sobre a correspondencia das antigas categorías profesionais aos niveis salariais contidos nos actuais grupos profesionais.

Este sistema de clasificación profesional pretende obter unha máis razoable acomodación á estrutura produtiva e organizativa das empresas adaptando a prestación do traballo aos cambios económicos, tecnolóxicos, produtivos e organizativos da actividade, sen mingua ningunha da dignidade, oportunidades de promoción profesional e xusta retribución dos traballadores e as traballadoras das empresas.

Artigo 37. Grupos profesionais

As funcións descritas para cada grupo son meramente enunciativas, podendo asignarse funcións similares ou accesorias ás descritas.

A estrutura xerárquica do grupo, así como a clasificación profesional dos traballadores, virán determinadas pola dirección da empresa atendendo á seguinte orde e factores:

1) Autonomía: factor derivado da maior ou menor dependencia xerárquica no desempeño das funcións, en virtude do organigrama ou esquema organizativo interno confeccionado pola dirección da empresa.

2) Responsabilidade: factor directamente vinculado ao grao de autonomía na execución das tarefas encomendadas, así como coa transcendencia das decisións adoptadas e a influencia delas nos resultados obtidos.

3) Complexidade: factor dependente da maior ou menor complexidade dos traballos encomendados, en virtude do nivel de exixencia requirido. Este factor encóntrase directamente vinculado a todos os anteriores, ben que tamén resultará determinante concretar en cada caso.

4) Coñecemento: factor dependente do grao de formación do traballador, necesario para a correcta execución das tarefas encomendadas.

Grupo I. Administración e servizos centrais.

Os/as traballadores/as integrados/as dentro deste grupo profesional desenvolverán as funcións de dirección e xerencia, coordinación, xestión administrativa, contabilidade, xestión financeira, xestión dos recursos humanos, confección de nóminas, control de calidade, prevención de riscos laborais …

Os traballadores encargados da xestión de cada área funcional actuarán con autonomía, asumindo a responsabilidade do correcto funcionamento da área produtiva ao seu cargo, dirixindo e coordinando os traballadores integrados nela, así como cantas outras funcións de dirección e/ou coordinación lles asigne a dirección das empresas. Dentro deste grupo profesional establécese a seguinte clasificación en función dos distintos niveis retributivos:

• Nivel I. Director xerente.

• Nivel II. Responsable de departamento.

• Nivel III. Administrativos.

• Nivel IV. Auxiliar administrativo.

Grupo II. Persoal técnico/operativo e de produción.

Os/as traballadores/as integrados/as dentro deste grupo profesional desenvolverán as funcións de elaboración de informes, estudos técnicos e deseños, confección de ofertas e orzamentos, xestión de vendas, organización do persoal operativo e de produción; fabricación de cadros eléctricos, instalacións eléctricas, mantemento e reparacións …

Os/as traballadores/as integrados/as dentro deste grupo profesional participarán directamente no desenvolvemento da actividade produtiva das empresas, en función dos seus coñecementos, capacidade e nivel de formación, distribuiranse entre as diferentes áreas produtivas de acordo coa natureza das funcións desenvolvidas, e asumirán cantas outras funcións lles asignen os responsables designados polas empresas ou pola propia dirección. Pola súa parte, os traballadores encargados da xestión de cada área funcional actuarán con autonomía, asumindo a responsabilidade do correcto funcionamento da área produtiva ao seu cargo, dirixindo e coordinando os traballadores integrados nela, así como cantas outras funcións de dirección e/ou coordinación lles asigne a dirección das empresas.

Dentro deste grupo profesional establécese a seguinte clasificación en función dos distintos niveis retributivos:

• Nivel I. Responsable de servizo e obra.

• Nivel II. Técnico produtivo.

• Nivel III. Operario responsable.

• Nivel IV. Operario.

• Nivel V. Auxiliar técnico.

• Nivel VI. Axudante.

Artigo 38. Mobilidade e polivalencia funcional

Sen prexuízo da inclusión de cada traballador/a nun determinado grupo profesional e a asignación do nivel retributivo correspondente, acorde coas funcións que desempeñe durante máis tempo, todo o persoal da empresa desempeñará, segundo as necesidades do servizo, calquera tarefa ou traballo que lle sexa encomendado pola empresa, propios do seu grupo profesional, dentro dos límites da capacidade, coñecementos e formación adquiridos.

CAPÍTULO VII. RÉXIME DISCIPLINARIO

 
Artigo 39. Réxime disciplinario

O presente acordo sobre o réxime disciplinario ten por obxecto o mantemento dun ambiente laboral respectuoso coa normal convivencia, ordenación técnica e organización das empresas, así como a garantía e defensa dos dereitos e lexítimos intereses de traballadores/as e empresarios.

A dirección das empresas poderá sancionar as accións ou omisións culpables dos traballadores/as que supoñan un incumprimento contractual dos seus deberes laborais, de acordo coa graduación das faltas que se establece nos artigos seguintes.

Corresponde ás empresas, en uso da facultade de dirección, impor sancións nos termos estipulados no presente acordo.

A sanción das faltas requirirá comunicación por escrito ao traballador, facendo constar a data e os feitos que a motivaron. Ao mesmo tempo, as empresas darán conta aos representantes legais dos traballadores/as de toda sanción por falta grave e moi grave que se impoña.

Imposta a sanción, o seu cumprimento temporal poderase dilatar até sesenta días despois da data da súa imposición.

Artigo 40. Graduación das faltas

Toda falta cometida polos/as traballadores/as se clasificará en atención á súa transcendencia ou intención en leve, grave e moi grave.

Artigo 41. Faltas leves

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1. Até tres faltas de puntualidade, con atraso superior a 5 minutos dentro dun período de 30 días.

2. Abandonar o servizo durante breve tempo. Considerarase breve até 10 minutos.

Se como consecuencia do tal abandono se causase ou se puidese causar á empresa, ao cliente ou a un terceiro prexuízo de carácter grave ou moi grave, a falta será, así mesmo, grave ou moi grave. Para a cualificación do prexuízo atenderase, entre outros criterios, á queixa do cliente, aos concretos danos ocasionados ou potenciais etc.

3. Non xustificar, suficientemente e/ou en prazo, dentro das 24 horas seguintes, a ausencia ao traballo.

4. Os pequenos descoidos e distraccións na realización do traballo. Se non son pequenos, ou aínda séndoo, supoñen ou poden supor consecuencias de gravidade, a falta considerarase grave ou moi grave, segundo as circunstancias do caso.

5. A inobservancia dalgún pequeno aspecto das ordes de servizo ou posto impartidas por un superior xerárquico, todo isto en materia leve. De tratarse dun aspecto de certa importancia manifesta, a falta considerarase grave ou moi grave.

6. Dado que gran parte dos servizos prestados polo persoal afectado polo presente convenio se prestan en lugares de traballo cuxa titularidade non corresponde ás empresas afectadas polo ámbito de aplicación do convenio, as partes pactan que se considerará grave, de maneira específica, o cumprimento de instrucións en materia de execución do servizo que sexan impartidas por persoal alleo a estas empresas. E terán a consideración de moi graves as iniciativas que en materia laboral (desfrute de permisos retribuídos, vacacións etc.), sexan adoptadas sen coñecemento das asinantes do convenio, ben por propia iniciativa do traballador infractor ou ben en cumprimento de directrices impartidas por persoal alleo ás empresas suscribentes.

7. A falta de respecto e consideración en materia leve a subordinados, compañeiros, mandos, persoal do cliente ou calquera terceiro estando de servizo, así como o emprego de palabras indecorosas ou malsoantes e a participación en discusións. Se o anterior revestise gravidade ou fose en extremo grave, a falta considerarase grave ou moi grave.

8. A falta de aseo e limpeza persoal, propios, do uniforme, da roupa ou equipamentos, isto de maneira ocasional. Aspecto descoidado. Non portar algunha parte do uniforme.

9. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio e demais circunstancias que afecten a actividade laboral.

10. O incumprimento do envío de, ao menos, dous partes de traballo nun período de 30 días, e as súas correspondentes chamadas á empresa co fin de informar do estado dos traballos, antes e despois da intervención do traballador.

Artigo 42. Faltas graves

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1. Cometer unha segunda falta leve, aínda que sexa de distinta natureza, no período de 90 días sempre que mediase sanción.

2. Máis de tres e menos de 11 faltas de puntualidade con atraso superior a 5 minutos dentro dun período de 180 días.

3. Non comunicar ás empresas, con carácter previo, a ausencia ao traballo. Non xustificar a inasistencia despois das 24 horas seguintes a esta.

4. A falta inxustificada ao traballo de até dous días nun período de 30 días. Esta falta será moi grave se a ausencia causa prexuízo moi grave. Bastará unha soa falta cando esta afecte o revezamento dun/unha compañeiro/a ou se como consecuencia da inasistencia se ocasiona prexuízo dalgunha consideración á empresa.

5. Abandono do servizo por máis de 10 minutos e até 120 nunha mesma xornada. Se se causan prexuízos moi graves a falta será considerada moi grave.

6. O falseamento ou omisión maliciosa dos datos que teñan incidencia tributaria ou na Seguridade Social.

7. A suplantación dun compañeiro ou o cambio de servizo ou quenda non autorizado previamente pola empresa.

8. O emprego de tempo de traballo, materiais etc. en cuestións alleas ao traballo ou en beneficio propio.

9. A utilización indebida ou inadecuada e por primeira vez de materiais, útiles ou medios análogos, titularidade da empresa, sempre que non sexa moi grave, caso en se considerará como tal.

10. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha deste, sempre que disto non derive prexuízo moi grave para as persoas ou as cousas, caso en que a falta tería a cualificación de moi grave.

11. A falta de aseo e limpeza persoal que produza queixas xustificadas dos compañeiros de traballo e sempre que previamente mediase a oportuna advertencia por parte da empresa.

12. Entremeterse en asuntos propios do cliente, o seu persoal ou visitas.

13. Os supostos de gravidade referidos no artigo 40 do presente convenio.

14. Incumprir as normas de seguridade e saúde establecidas pola empresa ou o cliente cando dese incumprimento poida derivar ou derive un risco non moi grave para si ou para terceiro.

15. Realizar intervencións solicitadas directamente polo cliente ao traballador fóra da xornada habitual ou do traballo habitual do servizo, sen comunicar a dita intervención á empresa nun prazo de 5 días.

16. Non facer uso da roupa de traballo da empresa (uniforme completo), o que imposibilita a identificación do traballador como membro do cadro de persoal da empresa.

17. O incumprimento de envío de entre 2 e 5 partes de traballo e as súas correspondentes chamadas á empresa co fin de informar do estado dos traballos, antes e despois da intervención do traballador.

18. Non informar de particularidades das instalacións que non fosen facilitadas polo cliente, datos útiles que facilitarán futuras intervencións (exemplos: permisos, chaves, vehículo especial etc.).

19. Non cumprir as obrigacións derivadas do uso de vehículo da empresa; deixar nos vehículos da empresa información confidencial de instalacións, chaves de acceso, claves, PC etc.

Artigo 43. Faltas moi graves

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

1. A reincidencia en comisión de faltas graves no período de 9 meses, aínda que sexan de distinta natureza, e sempre que mediase sanción.

2. Máis de 10 faltas de puntualidade con atraso superior a 5 minutos no período de 180 días. Abandono do servizo por máis de 120 minutos nunha mesma xornada. O abandono do servizo ou posto de traballo sen causa xustificada aínda por breve tempo, se como consecuencia disto se ocasiona un prexuízo grave á empresa ou aos compañeiros de traballo, se pon en perigo a seguridade ou é causa de accidente. Abandonar o traballo en posto de responsabilidade, independentemente do tempo de abandono.

3. A falta inxustificada ao traballo de máis de 2 días no período de 180 días.

4. A falsidade, transgresión da boa fe contractual, deslealdade, fraude, abuso de confianza, o furto, roubo, apropiación, tanto a compañeiros de traballo como a terceiros con motivo e ocasión de servizo. Inclúese ocultar, inutilizar ou causar estragos en materiais, útiles, ferramentas, maquinarias, aparellos, instalacións, edificios, efectos, teléfono, vehículo, documentos e demais medios proporcionados pola empresa.

5. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase que existe infracción laboral cando, encontrándose de baixa o/a traballador/a por calquera das causas sinaladas, realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén terá a consideración de falta moi grave toda manipulación efectuada para prolongar a baixa por accidente ou enfermidade.

6. A embriaguez ou o consumo de drogas estando de servizo.

7. A violación do segredo de correspondencia e outros documentos do persoal, de clientes ou da propia empresa. Dar a coñecer a terceiros non autorizados expresamente circunstancias que poidan afectar a intimidade das persoas ou a correcta prestación do servizo. A obtención, apropiación ou similar de documentos que directa ou indirectamente teñan que ver co servizo, así como a realización, a obtención ou o uso de fotocopias de tales documentos sen autorización previa e expresa da empresa.

8. Os malos tratos de palabra e obra de natureza moi grave, cara a algún compañeiro de traballo, superiores, clientes ou persoas directamente relacionadas con eles.

9. Diminución voluntaria e continuada do rendemento.

10. A participación en liorta ou pendencia estando de servizo ou fóra del, neste último caso por motivos de traballo.

11. Entregarse a xogos e distraccións durante a xornada. Durmir durante a xornada de traballo.

12. Pedir, exixir ou aceptar remuneración e outro beneficio do cliente ou outra persoa, isto relacionado co traballo.

13. A negativa expresa ou tácita reiterada a xustificar unha ou máis inasistencias.

14. Iniciar con outra persoa negociacións para prestaren o traballador ou un terceiro, sexa por conta propia ou allea, un servizo da mesma ou similar actividade da empresa.

15. A negativa a pasar revisións médicas obrigatorias nos termos do artigo 22 da LPRL e demais normativa concordante. Inclúese a non colaboración ao respecto.

16. Os supostos moi graves referidos nos artigos 40 e 41 do presente convenio.

17. A indisciplina ou desobediencia ás ordes ou mandatos das persoas de quen se depende organicamente no exercicio regular das súas funcións, sempre que isto ocasione ou teña unha transcendencia grave para as persoas ou as cousas.

18. O incumprimento de envío de máis de 5 partes de traballo e as súas correspondentes chamadas á empresa co fin de informar do estado dos traballos, antes e despois da intervención do traballador.

19. Permitir o acceso a un lugar de traballo a persoal non autorizado.

20. Incumprir as normas de seguridade e saúde establecidas pola empresa ou o cliente cando do dito incumprimento poida derivar ou derive un risco moi grave para si ou para terceiro. Non utilizar ou facelo indebidamente equipamentos, medios ou procedementos de protección.

21. Non informar a empresa de situacións de urxencias xurdidas no momento, durante ou despois dunha intervención.

22. O acoso sexual laboral. Considerarase ilícito condicionar algunha decisión laboral á aceptación de propostas sexuais. Todas as traballadoras e traballadores teñen dereito a ser tratados con dignidade e non se permitirá nin se tolerará o mencionado acoso no traballo. As empregadas e empregados teñen dereito a presentar ante a dirección denuncias se aquel se produce. Para o seu tratamento actuarase con prontitude e seriedade e con respecto aos bens xurídicos de todas as partes.

Artigo 44. Réxime de sancións. Sancións

As sancións máximas que se poderán impor pola comisión das faltas sinaladas son as seguintes:

a) Por faltas leves:

− Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

− Suspensión de emprego e soldo de 6 a 20 días.

c) Por faltas moi graves:

− Suspensión de emprego e soldo de 21 a 90 días.

− Despedimento.

Artigo 45. Prescrición

Dependendo da súa graduación, as faltas prescriben aos seguintes días:

− Faltas leves: 30 días.

− Faltas graves: 60 días.

− Faltas moi graves: 90 días.

A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, aos seis meses de terse cometido.

CAPÍTULO VIII. DEREITOS SINDICAIS

 
Artigo 46. Dereitos sindicais

Todos aqueles recoñecidos na lexislación vixente en cada momento e, en concreto, no título II do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, así como na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

CAPÍTULO IX. COMISIÓN PARITARIA

 
Artigo 47. Constitución

As partes asinantes acordan establecer unha comisión paritaria como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento do presente convenio colectivo. A dita comisión constituirase formalmente no prazo de quince días a partir da sinatura do presente convenio.

Artigo 48. Composición

A comisión estará integrada paritariamente por representantes de cada unha das dúas partes asinantes deste convenio colectivo: 3 representantes das empresas e 3 representantes dos traballadores (garantindo que todas as centrais sindicais con representación nas empresas formen parte da comisión paritaria en proporción ao seu grao de representación).

Esta comisión poderá utilizar os servizos ocasionais ou permanentes de asesores/as en cantas materias sexan da súa competencia. Os ditos asesores/as serán designados/as libremente por cada unha das partes.

O presidente/a terá carácter moderador e será elixido/a de común acordo polas empresas e a representación dos traballadores. A el/ela corresponde presidir e moderar as reunións, sen que a súa actuación desnaturalice en ningún caso o carácter paritario do órgano.

O secretario/a será designado/a polos reunidos/as para cada sesión.

Artigo 49. Funcións

A) Xenéricas.

Son funcións da comisión paritaria as seguintes:

1) Interpretación do convenio.

2) Conciliación naqueles problemas ou cuestións que lle sexan sometidos polas partes.

3) Vixilancia do cumprimento do pactado e todas aquelas outras que, de mutuo acordo, lle sexan conferidas polas partes.

4) Coñecer das discrepancias xurdidas durante o período de consultas, en procedementos de inaplicación das condicións de traballo previstas no convenio colectivo, segundo o disposto no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores.

5) Informe, con carácter obrigado e previo, en todas as materias de conflito colectivo.

6) Seguimento e verificación da correcta aplicación en todo o relativo á bolsa de traballo mencionada na disposición adicional segunda.

7) Desenvolvemento do contido normativo do presente convenio colectivo conforme o disposto na disposición transitoria primeira.

A comisión intervirá preceptivamente nestas materias, deixando a salvo a liberdade das partes para, esgotado este campo, proceder en consecuencia. Salvo que exista un prazo inferior na lexislación vixente, o ditame da comisión paritaria deberá producirse no prazo máximo de quince días hábiles contados desde a data da recepción do documento.

B) Específicas.

Compromisos específicos de negociación para o desenvolvemento de calquera capítulo doconvenio colectivo.

Artigo 50. Funcionamento

Habilitarase unha sala no centro de traballo para efectos de que a comisión poida dispor dela para celebrar as súas reunións.

As reunións desta comisión celebraranse con carácter ordinario a primeira quincena de cada trimestre a partir da sinatura do convenio por requirimento dunha das partes e, con carácter extraordinario, por petición de calquera das partes. Entre a solicitude de reunión e a súa celebración mediará un prazo de 48 horas como mínimo e 72 horas como máximo.

Artigo 51. Procedementos

A comisión paritaria actuará por instancia de parte e adoptará os seus acordos por maioría simple.

Poderán convocarse reunións extraordinarias de interese xeral por instancia das partes.

A comisión deberá resolver, con ou sen acordo, cantas cuestións poidan formulárselle, nun prazo non superior a 15 días naturais.

Artigo 52. Sistema de solución extraxudicial de conflitos de traballo. Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA)

Cláusula de sometemento expreso ao Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais, UGT, CIG e CC.OO. As partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas, así como aos procedementos de arbitraxe pactados ou os que se soliciten por instancia das partes. En todo caso:

1. As discrepancias producidas no seo da comisión paritaria solucionaranse de acordo cos procedementos regulados no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) e no seu regulamento vixente.

2. Dando debido cumprimento ao disposto no artigo 85.3.c) do Estatuto dos traballadores, para solucionar de maneira efectiva as discrepancias que poidan xurdir para a non aplicación das condicións de traballo a que se refire o artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, as partes acordan someterse aos procedementos regulados no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) e no seu regulamento vixente.

3. A solución dos conflitos colectivos de interpretación e aplicación do presente convenio colectivo efectuarase conforme os procedementos regulados no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) e no seu regulamento vixente.

CAPÍTULO X. CONCEPTO E EFICACIA

 
Artigo 53. Concepto e eficacia

O presente convenio colectivo obriga as empresas e os traballadores incluídos no seu ámbito de aplicación durante todo o tempo da súa vixencia.

Sen prexuízo do anterior, cando concorran causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, por acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores lexitimados para a negociación do convenio, poderase proceder, logo de desenvolvemento dun período de consultas nos termos do artigo 41.4 do Estatuto dos traballadores, a inaplicar na empresa as condicións de traballo previstas no presente convenio colectivo, seguindo o procedemento disposto no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores.

En caso de desacordo durante o período de consultas calquera das partes poderá someter a discrepancia á comisión do convenio, que disporá dun prazo máximo de sete días para pronunciarse, contado desde que a discrepancia lle fose formulada. Cando non se solicite a intervención da comisión ou esta non alcance un acordo, as partes someteranse ao procedemento extraxudicial de solución de conflitos colectivos establecidos no AGA segundo o disposto no punto 2 do artigo anterior.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 
D.T. 1ª. Dereito supletorio

O disposto neste convenio colectivo ten carácter prevalente sobre o establecido nos convenios de carácter supletorio deste, tanto en canto á súa estrutura como en canto aos importes económicos establecidos. En todas aquelas materias non reguladas expresamente no presente convenio observarase o disposto no convenio colectivo de traballo para empresas do metal da provincia de Pontevedra.

Con carácter subsidiario, en caso de que persistise baleiro normativo ou lagoa, observarase o disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na Lei de xurisdición social, na Lei orgánica de liberdade sindical e nas demais normas legais ou regulamentarias vixentes que resulten de aplicación.

Recoñecendo ambas as partes a ultraactividade do presente convenio colectivo nos termos establecidos no seu artigo 5, expresamente conveñen en que para o caso de que decaese a vixencia normativa do convenio (por imperativo legal ou calquera outra causa), o marco normativo regulador das condicións laborais dos traballadores será o convenio colectivo de traballo para empresas do metal da provincia de Pontevedra e, en defecto deste, outro de ámbito superior.

D.T. 2ª. Desenvolvemento do contido normativo do presente convenio colectivo

As partes asinantes do presente convenio colectivo acordan o desenvolvemento do seu contido normativo co obxecto de integrar todas as lagoas que puidesen existir.

Para tal efecto, as partes obríganse a someter ante a comisión paritaria todos os baleiros normativos existentes de que poidan ter coñecemento ou aqueloutras cuestións que calquera das partes considere necesario someter a estudo e negociación. O corpo normativo de referencia co obxecto de integrar plenamente o presente convenio será o convenio colectivo de traballo para empresas do metal da provincia de Pontevedra.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 
D.A. 1ª. Estrutura salarial dos traballadores con contrato de obra ou servizo determinado

Aqueles traballadores vinculados coa empresa a través dun contrato de obra ou servizo determinado ao abeiro do disposto no artigo 15.1.a) do Estatuto dos traballadores, de alta na empresa no momento da sinatura do presente convenio, terán recoñecidos, se for o caso, os complementos salariais establecidos nos puntos B, C e D da estrutura salarial disposta no artigo 13 do presente convenio. Así mesmo, a empresa respectará a estrutura salarial a estes traballadores sempre que, unha vez extinguido o seu contrato con motivo da finalización do servizo ou conclusión da obra, sexan obxecto dunha nova contratación nas empresas dentro dun prazo non superior a 7 meses desde o momento de extinción da relación laboral.

D.A. 2ª. Cláusula de mantemento de emprego

Durante a vixencia do presente convenio as empresas adquiren o compromiso de non substituír os empregados do cadro de persoal presentes na data da sinatura do acordo de convenio, e que puidesen ser despedidos por causas obxectivas, por novos empregados da mesma categoría profesional, ou equivalente, cun salario inferior ao establecido en convenios provinciais da industria siderometalúrxica, de aplicación nos diferentes centros de traballo na data do presente acordo.

Durante a vixencia do convenio, no suposto en que as empresas procedesen a extincións de contratos de traballo por causas obxectivas de persoal que actualmente (na data da sinatura do presente convenio) preste os seus servizos para algunha das empresas afectadas polo presente convenio, os ditos empregados incorporaríanse durante 1 ano tras a finalización da relación laboral a unha bolsa de traballo para futuras contratacións requiridas por cada unha das empresas.

Na súa virtude, os empregados terán un dereito preferente de incorporación a nivel autonómico ás vacantes que se poidan producir, correspondentes á mesma categoría e grupo profesional, sempre e cando se cumpran os requirimentos de formación e experiencia necesarios para acceder ao posto. As condicións contractuais da posible incorporación virán determinadas pola natureza do novo posto a que se acceda. Calquera continxencia fiscal derivada dela, en relación coa indemnización percibida pola anterior extinción, correrá por conta do empregado. A comisión paritaria do convenio efectuará un seguimento e verificación da correcta aplicación en todo o relativo á mencionada bolsa de traballo.

ANEXO I

Grupo I

Salario base*

CCC

CAC

Ad personam

Prezo

horas extraordinarias

Prezo horas sábado

Prezo horas festivos/domingo

Nivel I

Director xerente

23.995 €

S/C

S/C

S/C

17,27 €

21,39 €

25,70 €

Nivel II

Responsable departamento

18.150 €

S/C

S/C

S/C

13,09 €

16,21 €

19,47 €

Nivel III

Administrativos

14.850 €

S/C

S/C

S/C

10,72 €

13,40 €

19,09 €

Nivel IV

Auxiliar administrativo

12.320 €

S/C

S/C

S/C

7,42 €

9,28 €

11,13 €

Grupo II

Salario base*

CCC

CAC

Ad personam

Prezo

horas extraordinarias

Prezo horas sábado

Prezo horas festivos/domingo

Nivel I

Responsable de servizo e obra

18.150 €

S/C

S/C

S/C

13,09 €

16,21 €

19,47 €

Nivel II

Técnicos produtivos

15.510 €

S/C

S/C

S/C

11,19 €

13,98 €

16,79 €

Nivel III

Operario responsable

14.850 €

S/C

S/C

S/C

10,72 €

13,40 €

16,09 €

Nivel IV

Operario

13.860 €

S/C

S/C

S/C

8,59 €

10,74 €

12,89 €

Nivel V

Auxiliar técnico

12.320 €

S/C

S/C

S/C

7,42 €

9,28 €

11,13 €

Nivel IV

Axudante

12.100 €

S/C

S/C

S/C

7,42 €

9,28 €

11,13 €

* A táboa do salario base reflicte o salario bruto anual correspondente a cada nivel salarial, con inclusión das pagas extraordinarias, polo que o importe de cada unha delas será 1/14 parte do salario base.

ANEXO II. EQUIVALENCIAS

Grupo I

Administración e servizos centrais

Nivel I

Director xerente

-

Nivel II

Responsable departamento

Enxeñeiros/licenciados

Nivel III

Administrativos

Oficial 1ª/oficial 2ª

Nivel IV

Auxiliar administrativo

Auxiliar administrativo

Grupo II técnico

Operativo e de produción

Nivel I

Responsable de servizo e obra

Enxeñeiro técnico

Nivel II

Técnico produtivo

Técnico organización 1ª/encargado

Nivel III

Operario responsable

Oficial 1ª

Nivel IV

Operario

Oficial 2ª

Nivel V

Auxiliar técnico

Auxiliar técnico

Nivel VI

Axudante

Peón