C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLOS DE TOEN-CASTRELO DE MIÑO (SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS SOLIDOS URBANOS) de Ourense

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Mayo de 2013 en adelante

TIEMPO DE LECTURA:

Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor Vigencia PDF
C. Colectivo Pacto para a regulacion das condicions laborais dos traballadores adscritos ao servizo de recollida de residuos solidos urbanos nos concellos de Toen-Castrelo de Miño 30/10/2013 Boletín Oficial de Ourense 01/05/2013 Vigente Documento oficial en PDF
Pacto para a regulacion das condicions laborais dos traballadores adscritos ao servizo de recollida de residuos solidos urbanos nos concellos de Toen-Castrelo de Miño (Boletín Oficial de Ourense núm. 250 de 30/10/2013)

Preambulo

En Ourense, no Pazo Provincial, con data 5 de abril de 2013, comparecen:

Dunha parte, don José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación Provincial de Ourense.

Doutra parte, on Francisco Javier Vázquez Rodríguez, traballador adscrito ao servizo de recollida de residuos sólidos urbanos nos concellos de Toén-Castrelo de Miño.

Dá fe do acto don Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.

Os comparecentes recoñécense mutuamente capacidade para o outorgamento deste acto e, na súa virtude,

EXPOÑEN

1º) O Pleno da Deputación Provincial de Ourense aprobou, con data do 23 de marzo de 2007, o Convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Toén e posteriormente a Corporación provincial, na sesión ordinaria do 30 de marzo de 2012, e os plenos dos concellos de Castrelo de Miño, na sesión do 30 de marzo de 2012, e Toén, na sesión do 24 de maio de 2012, aprobaron a subscrición dun Convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e os ditos municipios para a prestación por parte da Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada e con carácter supramunicipal, dos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos nos ditos concellos, entrando en vigor, en todo caso, con efectos do 1 de maio de 2007.

2º) Así mesmo, na data do 21 de abril de 2008, notificóuselles aos traballadores adscritos aos servizos municipais de recollida de residuos sólidos urbanos dos concellos de Toén e Castrelo de Miño as condicións e efectos da sucesión de empresa, quedando a Deputación Provincial subrogada nos contratos laborais dos devanditos traballadores con efectos do 1 de maio de 2007, conforme co establecido no Estatuto dos traballadores e con pleno respecto aos dereitos laborais adquiridos.

3º) Á vista do Convenio de cooperación, así como na proposta sobre as condicións e efectos da sucesión de empresa, a Presidencia adoptou as medidas oportunas para pór en marcha a negociación das condicións laborais aplicables ao persoal transferido e, así, designáronse os representantes da Deputación na mesa negociadora e procedeuse á convocatoria da mesa para a súa constitución (da que se achega acta).

Polo exposto, as partes acordan subscribir este pacto que regula as relacións laborais dos traballadores adscritos ao servizo de recollida de residuos sólidos urbanos nos concellos de Toén e Castrelo de Miño, de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS


Primeira.- Obxecto

Constitúe o obxecto deste pacto a regulación das condicións laborais dos traballadores, que voluntariamente se acollan a este, adscritos ao servizo de recollida de residuos sólidos urbanos nos concellos de Toén e Castrelo de Miño.


Segunda.- Natureza

Este pacto establécese tendo en conta o previsto no artigo 44.4 do Estatuto dos traballadores, polo que se permite que, a través da figura do pacto en contrario e unha vez consumada a sucesión de empresa, se opte pola aplicación do Convenio colectivo da empresa cesionaria, no canto do Convenio colectivo que no momento da transmisión estivese vixente na empresa cedente. Todos os acordos recollidos neste pacto serán de obrigado cumprimento para as partes que o subscriban.


Terceira.- Contido

O contido deste pacto será o seguinte:

- En primeiro lugar, os traballadores transferidos e os seus representantes obríganse, tras a entrada en vigor deste pacto, a renunciar á aplicabilidade do Convenio colectivo dos seus respectivos concellos.

- En segundo lugar, aos ditos traballadores que subscriban este documento aplicaráselles o vixente Convenio colectivo, que foi modificado por acordo da Deputación e a Presidencia do Comité de Empresa o día 28 de maio de 2012 e ratificado polo Pleno da Deputación o día 31 de maio de 2012, procedendo á súa publicación no BOP o día 8 de agosto de 2012, así como, en materia de prestacións económicas na situación de incapacidade temporal o día 15 de outubro de 2012, procedendo á súa publicación no BOP o día 11 de decembro de 2012 do persoal laboral fixo da Deputación Provincial de Ourense, en toda a súa extensión e integridade e dende a data de entrada en vigor deste pacto.

- En terceiro lugar, aos traballadores transferidos valoraránselles os seus postos de traballo de acordo cos criterios establecidos pola Relación de postos de traballo (RPT) da Deputación Provincial de Ourense, nos termos establecidos nas táboas salariais recollidas no anexo 1.

A aplicación dos criterios de valoración da RPT implica o establecemento da mesma estrutura salarial que os funcionarios, é dicir: soldo base, trienios, complemento de destino, complemento específico e dúas pagas extraordinarias polo importe, cada unha delas, do soldo base e trienios correspondente, 100; do complemento de destino e 100% do complemento específico, todo isto de conformidade co previsto tanto no Real decreto-lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público como na Lei de orzamentos xerais do Estado do actual exercicio.

A valoración do complemento específico dos postos resulta de aplicar unha fórmula que é a suma dun treito fixo e un treito variable. O treito fixo para o condutor-operario de lixo é de 6.977,081 euros. O treito variable resulta de ter en conta as especiais circunstancias de dificultade, autonomía, dedicación, responsabilidade, penosidade e perigosidade e incompatibilidade, aplicándolle unha serie de puntos por factor e grao. O valor do punto é de 101,1172 para os choferesoperarios de lixo. En concreto, nos postos para tratar a valoración é a seguinte:

- Condutor-operario lixo: dificultade técnica, grao 1; autonomía, grao 0; dedicación, grao 0; responsabilidade, grao 1; penosidade e perigosidade, grao 4 e incompatibilidade, nivel 3. Total puntos: 20. Complemento específico anual: 8.999,42 euros.

A retribución anual bruta será de 23.777,18 euros, sen incluír antigüidade.

Por último, as partes acordan que, aos traballadores que opten por subscribir este acordo, se lles atribuirá, como grao persoal consolidado, o actual nivel 18, de acordo coa competencia e capacidade para negociar das partes e co carácter de obriga que o pacto proxecta para estas.

- En cuarto lugar, as partes acordan a aplicabilidade do Convenio colectivo para o persoal laboral fixo da Deputación de Ourense aos traballadores do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos que opten por esta, en toda a súa extensión e integridade, coas especificidades contidas neste documento.

- En quinto lugar, as partes acordan que se faga constar neste pacto a garantía de reversión da que dispoñen os traballadores que se acollan a este, no seu concello de orixe; para o suposto de perda de vixencia, por calquera causa, do Convenio de cooperación entre a Deputación e o concello de procedencia dos traballadores. A forza de obrigar de tal garantía deriva:

a) Da aprobación plenaria polos mesmos entes de tal garantía.

b) Deste propio acordo colectivo.

Para o caso de perda de vixencia, por calquera causa, do Convenio de cooperación entre a Deputación e o concello de procedencia, entraría en xogo tal garantía de reversión, implicando que o concello quedaría obrigado a rescatar, baixo a figura da sucesión de empresa, os traballadores transferidos previamente á Deputación Provincial, no marco do Convenio de cooperación. É dicir, o concello sería o sucesor da Deputación Provincial na súa condición de empregadora. Os dereitos laborais adquiridos ao abeiro do Convenio colectivo da Deputación Provincial e en virtude deste pacto considéranse dereitos adquiridos e conservaranse no suposto de reversión dos traballadores ao concello.


Cuarta.- Duración e vixencia

Este pacto entrará en vigor a partir do 1 de maio de 2013 e a súa vixencia será a mesma que a do Convenio colectivo para o persoal laboral fixo da Deputación Provincial de Ourense. Non obstante, os dereitos adquiridos polos/as traballadores/as, como consecuencia da subscrición deste acordo, pasarán a ser parte integrante e indisociable do núcleo básico dos seus contratos laborais, polo que non poderán ser compensados nin absorbidos por pactos colectivos posteriores e serán respectados e mantidos na súa totalidade.


Quinta.- Denuncia e interpretación

A denuncia do pacto ten que ser feita, por escrito, por algunha das partes que o negociaron, así como por calquera outra parte legalmente lexitimada, formulada cunha antelación mínima de tres meses ao remate de cada ano natural.

Por outra banda, a interpretación ou solución de dúbidas e discrepancias ao redor da aplicación de calquera dos apartados deste pacto correspóndelles ás partes que integraron a mesa constituída para a súa subscrición, que se obrigan a utilizar a vía do consenso para tal misión.


Sexta.-Réxime xurídico, rexistro e publicación no BOP

Este pacto terá natureza laboral. A súa revisión en vía xudicial, así como dos actos e acordos ditados na súa execución ou derivados deste, corresponderalles aos órganos da xurisdición social.

Unha vez aprobado e subscrito polas partes, este acordo será rexistrado na Delegación Provincial da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia en Ourense, para o seu depósito e posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

Asinantes: Asdo.: José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación Provincial de Ourense.

Asdo.: Francisco Javier Vázquez Rodríguez, traballador adscrito ao servizo de recollida de residuos sólidos urbanos no Concello de Toén.

Dou fe. Asdo.: Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.