C. Colectivo , Revision. Convenio Colectivo de Empresa de FUNDACION SAN ROSENDO (82000882012006) de Galicia

Empresa Autonomico. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2016 en adelante

TIEMPO DE LECTURA:

  • Código: 8200882
  • Código Nuevo: 82000882012006
  • Tipo: Empresa
  • Ámbito: Galicia
  • Diario Oficial de Galicia nº 97 del 24/05/2016

    ...Convenio Colectivo de Empresa de FUNDACION SAN ROSENDO (82000882012006) de Galicia A Secretaría Xeral de Emprego resolve: Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de T... ...Convenio colectivo... ...Comisión Paritaria...

  • Código: 8200882
  • Código Nuevo: 82000882012006
  • Tipo: Empresa
  • Ámbito: Galicia
  • Diario Oficial de Galicia nº 63 del 30/03/2011

    Convenio Colectivo de Empresa de FUNDACION SAN ROSENDO Resolucion do 10 de marzo de 2011, da Direccion Xeral de Relacions Laborais, pola que se dispon a inscricion no rexistro e a publicacion, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ambito autonomico da empresa Fundacion San Rosendo. FUNDACION SAN ROSENDO Convenio Colectivo de Empresa de FUNDACION SAN ROSENDO (82000882012006) de Galicia Preambulo Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Fundación San Rosendo (código do convenio: 8
RESOLUCION do 3 de maio de 2016, da Secretaria Xeral de Emprego, pola que se dispon a inscricion no rexistro e a publicacion no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da Fundacion San Rosendo. (Diario Oficial de Galicia núm. 97 de 24/05/2016)

A Secretaría Xeral de Emprego

resolve:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016

Covadonga Toca Carús

Secretaria xeral de Emprego

Anexo

Convenio colectivo da Fundación San Rosendo 2016-2020

Artigo 1. Ámbito territorial

Este convenio colectivo será de aplicación aos centros de traballo da Fundación San Rosendo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito persoal

Quedan comprendidos no ámbito deste convenio colectivo os traballadores que presten os seus servizos nos centros de traballo afectados por el.

Quedan expresamente excluídos aqueles traballadores en residencias dependentes da Administración.

Artigo 3. Ámbito funcional

Este convenio será de aplicación a todos os centros de traballo que integren a Fundación San Rosendo.

Artigo 4. Vixencia e duración

Este convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2016 e a súa duración alcanzará ata o 31 de decembro de 2020.

Artigo 5. Denuncia e prórroga

Calquera das partes asinantes poderá denunciar este convenio con tres meses de antelación ao seu vencemento.

Para que a denuncia teña efecto terá que facerse mediante comunicación escrita á outra parte de maneira fidedigna en dereito.

En caso de non se producir a mencionada denuncia, entenderase que o convenio se prorroga automaticamente polo mesmo período, incrementándose unicamente os conceptos económicos no IPC resultante do ano anterior, segundo os datos publicados polo INE.

Artigo 6. Condicións máis beneficiosas

Todas as condicións económicas de calquera índole contidas neste convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións máis beneficiosas ca as expresadas neste convenio subsistirán para os que as veñan gozando e non poderán ser interpretadas como mellora xeral deste convenio.

Artigo 7. Comisión negociadora

A comisión negociadora estará formada polos representantes legais da Fundación San Rosendo e os membros do Comité intercentros da empresa, en representación dos traballadores, definidos no artigo 36 seguinte.

Artigo 8. Comisión paritaria

Créase unha comisión paritaria do convenio, como órgano de interpretación, arbitraxe e cumprimento deste convenio.

Ambas as partes acordan someter á comisión paritaria cantos problemas, discrepancias ou conflitos poidan presentarse ou xurdir da interpretación e aplicación do convenio, con carácter previo á presentación dos distintos supostos, ante a autoridade ou xurisdición laboral competente.

Artigo 9. Concertación do convenio

As partes que concertan o presente convenio son os representantes legais da Fundación San Rosendo e os seus traballadores, representados polos representantes elixidos polos distintos comités de empresa e delegados de persoal da fundación.

Ambas as partes recoñecen a súa validez como interlocutores.

Artigo 10. Vinculación á totalidade

No caso de que a xurisdición laboral, por instancia da autoridade laboral ou de calquera dos afectados, anule algún dos pactos deste convenio colectivo, quedará sen efecto soamente o pacto ou pactos que resulten afectados pola resolución xudicial que decrete a súa nulidade.

Cómpre engadir que o resto do convenio colectivo non se verá afectado pola declaración de nulidade de un ou de varios pactos e permanecerá a súa completa e absoluta validez e vixencia sempre que non decrete expresamente a súa nulidade a xurisdición competente.

Artigo 11. Organización do traballo

A organización do traballo será facultade da fundación, sen prexuízo do establecido neste convenio, no Estatuto dos traballadores e na demais lexislación aplicable.

Artigo 12. Clasificación profesional

Establécense os grupos profesionais, segundo o nivel de titulación, aptitudes profesionais, coñecementos ou experiencia exixida para o seu ingreso. En virtude da tarefa que se realizará e da idoneidade da persoa, cando non se crea necesaria a exixencia de titulación, o contrato determinará o grupo no cal se ten que integrar a persoa contratada, de acordo cos coñecementos e coa experiencia necesaria en relación coas funcións que se van exercer.

As categorías profesionais son as que se detallan na táboa salarial anexa a este convenio.

Artigo 13. Contrato de traballo e período de proba

a) Todos os contratos de traballo se formalizarán por escrito e incluirán, en todo caso, a expresión deste convenio colectivo, o cal reflectirá a relación laboral, así como profesional e as condicións laborais polas cales se contrata o traballador.

b) Establécese un período de proba a teor do regulado no ET de seis meses para técnicos titulados e de dous meses para os demais traballadores. Nas empresas de menos de vinte e cinco traballadores o período de proba fixarase en tres meses para os traballadores que non sexan técnicos titulados.

O período de proba deberá ser pactado por escrito e, durante a súa vixencia, as partes contratantes poderán resolver de forma unilateral e libremente a relación laboral sen necesidade de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

Artigo 14. Contratos de duración determinada

De conformidade co artigo 15.b) do ET, os contratos temporais por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa, poderán ter unha duración máxima de doce meses nun período de referencia de dezaoito meses.

Artigo 15. Cesamentos na fundación

O persoal que voluntariamente desexe causar baixa na fundación deberá notificarllo a esta última por escrito e recibir xustificante da recepción da dita petición, polo menos, coa antelación á data da baixa definitiva dun mes para todos os traballadores.

A falta do aviso previo establecido facultará a fundación para deducir das partes proporcionais que se deban aboar no momento da liquidación o equivalente diario da súa retribución real por cada día que falte de acordo co regulamentario aviso previamente fixado.

Artigo 16. Mobilidade no posto de traballo

Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores, así como a lexislación concordante.

Artigo 17. Formación profesional

Todo traballador, independentemente do grupo profesional a que pertenza, terá acceso a cursos, seminarios, conferencias, etc. de formación e perfeccionamento que organice a fundación.

De conformidade co previsto no artigo 23 do Estatuto dos traballadores e para facilitar a formación e promoción profesional no traballo, o persoal afecto ao presente convenio terá os seguintes dereitos:

a) Ao gozo dos permisos necesarios para concorrer a exames, así como unha preferencia a elixir quenda de traballo, se tal é o réxime instaurado na empresa, cando se cursen con regularidade estudos para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional.

c) Á concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

Artigo 18. Revisións periódicas

O traballador ten dereito a someterse libremente ás revisións médicas tanto previas ao ingreso no traballo como ás periódicas que sexan aconselladas ou propostas pola empresa ou polos organismos oficiais competentes, así como a someterse aos medios profilácticos ou de vacinación que sexan obrigatoriamente indicados por estes, con salvagarda do seu dereito constitucional á intimidade.

Artigo 19. Xornada de traballo

A xornada máxima de traballo para todo o persoal comprendido neste convenio e durante a súa vixencia será a equivalente a 40 horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual.

Artigo 20. Incapacidade temporal

No suposto de incapacidade temporal derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, a Fundación complementará na nómina mensual que comprenda esta incidencia a prestación recoñecida pola Seguridade Social ou mutua patronal de accidentes de traballo, ata alcanzar o 100% do salario que se percibise no caso de non se ter producido a situación de incapacidade temporal, durante un período máximo de 30 días.

Para estes efectos, non serán considerados emolumentos distintos aos fixos asignados a cada caso e que puidesen ter existido con carácter excepcional (incentivos, premios, horas extraordinarias, complementos por circunstancias especiais, etc.).

Para os efectos de percepción deste complemento na incapacidade temporal, a fundación e o comité de empresa poderanlle exixir ao traballador que se encontre nesa situación de IT a súa asistencia a un recoñecemento médico, que lle realizará a entidade ou o facultativo que se lle asigne. Os gastos que comporte serán por conta da fundación.

O ditame dese recoñecemento será vinculante para conceder ou denegar o complemento á prestación de incapacidade temporal, sen que poida ser obxecto de impugnación de clase ningunha, polo que é inoperante calquera outro informe ou ditame médico, aínda que proceda dos servizos públicos de saúde, para se conceder ou denegar ese complemento. O ditame será valorado conxuntamente entre o comité de empresa correspondente, o centro do traballador e a empresa.

Artigo 21. Descanso semanal

a) Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal dun día e medio ininterrompido, ou tres días cada 14 días de traballo.

b) Con independencia do establecido anteriormente, respectarase calquera fórmula que se pactase ou se pacte entre a fundación e os seus traballadores.

Artigo 22. Vacacións

O período de vacacións anuais será de 30 días naturais retribuídos, a razón de salario base máis antigüidade. Naqueles casos en que non se completase o ano de traballo efectivo, terán dereito á parte proporcional.

O período de gozo das vacacións fíxase nos meses de maio a outubro, ambos inclusive, e poderase fraccionar en dous períodos de 15 días, respectando sempre os seguintes criterios:

a) O réxime de quendas de vacacións farase por rigorosa rotación anual dos traballadores entre os distintos meses, iniciándose esta rotación o primeiro ano de antigüidade na empresa. Para tal efecto, constituiranse as correspondentes quendas de vacacións. Estas quendas faranse segundo o calendario laboral e segundo as prestacións do servizo.

O inicio do período de vacacións ou gozo das festas remunerables non pode coincidir cun día de descanso semanal, de forma e maneira que nestes casos se entenderán iniciadas as vacacións ao día seguinte do descanso semanal. Se o regreso das vacacións coincide co día libre, este deberá respectarse e o traballo reiniciarase o día seguinte.

b) O calendario de vacacións elaborarase dentro do primeiro trimestre de cada ano e, en todo caso, cun mínimo de dous meses de antelación á data de comezo do seu gozo.

Unha vez iniciado este, se se produce a situación de IT, este período non se interrompe. O traballador, non obstante, terá dereito ás súas percepcións salariais a razón da totalidade dos seus haberes durante a duración das vacacións.

As vacacións débense gozar durante o ano natural e non será posible acumulalas en anos seguintes, nin poden ser compensables economicamente agás nos casos de liquidación por extinción de contrato. Por iso, calquera que sexa a causa, o non gozo durante o ano natural supón a perda delas ou da fracción pendente de gozo.

No caso de incapacidade temporal derivada de embarazo, parto ou lactación natural, ou co período de suspensión do contrato de traballo previsto nos números 4, 5 e 7 do artigo 48 do ET, terase dereito a gozar das vacacións en data distinta á da incapacidade temporal ou á do permiso que lle pertencese aínda que terminase o ano natural a que corresponda.

No suposto de que o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal por continxencias distintas ás sinaladas no parágrafo anterior que lle imposibilite ao traballador gozalas, total ou parcialmente, durante o ano natural a que corresponden, o traballador poderá facelo unha vez que finalice a súa incapacidade, sempre que non transcorresen máis de dezaoito meses a partir do final do ano en que se orixinou.

Artigo 23. Xubilación

De cara a propiciar o rexuvenecemento do persoal sen prexuízo do necesario sostemento do emprego, as partes acordan declarar como idade recomendada de xubilación para o persoal a de 67 anos, ou a idade ordinaria de xubilación que se estableza na lexislación vixente en cada momento, coa condición de que, ao se adoptar esta medida, se cumpran os seguintes requisitos:

a) Os postos que queden vacantes deberanse cubrir simultaneamente mediante a transformación dos contratos temporais existentes na fundación en indefinidos e, na súa falta, a través de persoal de novo ingreso.

b) Que a persoa afectada teña cuberto o período de carencia necesario para poder acceder á prestación periódica da Seguridade Social na súa modalidade contributiva.

Artigo 24. Licenzas

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días naturais en caso de hospitalización: tres días en caso de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. No suposto de que o traballador necesite facer un desprazamento para tal efecto, o prazo será ampliado a catro días. Poderán ampliarse estes descontando os festivos remunerables e/ou vacacións, logo de solicitude do traballador.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

Igualmente, polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto e, nos casos de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, para a asistencia ás preceptivas sesións de información e preparación e para a realización dos preceptivos informes psicolóxicos e sociais previos á declaración de idoneidade, sempre, en todos os casos, que deban ter lugar dentro da xornada de traballo.

e) Aos permisos necesarios para concorrer a exames eliminatorios. O traballador gozará deste permiso polo tempo indispensable no día natural en que teña o exame, se presta os seus servizos en xornada diúrna. Se un traballador traballa de noite, o permiso gozarao na noite anterior ao exame.

f) No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase á opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. En caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, de ser o caso, da parte que reste do período de suspensión, computado desde a data do parto, sen que se desconte dela a parte que a nai puidese gozar con anterioridade ao parto. No suposto de falecemento do fillo, o período de suspensión non se verá reducido, salvo que, unha vez finalizadas as seis semanas de descanso obrigatorio, a nai solicite reincorporarse ao seu posto de traballo.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatamente posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos os proxenitores traballen, a nai, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor poderá seguir facendo uso do período de suspensión por maternidade inicialmente cedido aínda que, no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo, esta se atope en situación de incapacidade temporal.

No caso de que a nai non teña dereito a suspender a súa actividade profesional con dereito a prestacións de acordo coas normas que regulen a dita actividade, o outro proxenitor terá dereito a suspender o seu contrato de traballo polo período que lle correspondese á nai.

Nos casos de parto prematuro e naqueles que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, o período de suspensión poderá computarse, por instancia da nai ou, na súa falta, do outro proxenitor, a partir da data de alta hospitalaria. Exclúense do dito cómputo as seis semanas posteriores ao parto.

Nos casos de parto prematuro con falta de peso e aqueloutros en que o neonato precise hospitalización a continuación do parto por un período superior a sete días, o período de suspensión ampliarase en tantos días como o nacido se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.

Nos supostos de adopción, de garda con fins de adopción e de acollemento, de acordo co artigo 45.1.d) do ET, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliable nos supostos de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiple, en dúas semanas por cada menor a partir do segundo. A suspensión producirá seus efectos á elección do traballador, ben a partir da resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción, ben a partir da decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento. No caso de que ambos os proxenitores traballen, o período de suspensión poderá distribuírse a opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados no ET.

Nos supostos de nacemento de fillo, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, conforme o artigo 45.1.d), para a lactación do menor ata que este faga os nove meses, os traballadores terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. Quen exerza este dereito, pola súa vontade, poderá substituílo por unha redución da súa xornada en media hora coa mesma finalidade ou acumulalo en xornadas completas nos termos previstos na negociación colectiva ou no acordo a que chegue o empresario respectando, de ser o caso, o establecido naquela. Este permiso só poderá ser exercido por un dos proxenitores no caso de que ambos traballen.

No caso de nacemento de fillos prematuros ou que, por calquera causa, deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a nai ou o pai terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora. Así mesmo, terán dereito a reducir a súa xornada de traballo ata un máximo de dúas horas, coa diminución proporcional do salario.

Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de doce anos ou unha persoa con discapacidade que non desempeñe unha actividade remunerada, terá dereito a unha redución de traballo diaria, coa diminución proporcional do salario entre un mínimo dun oitavo e un máximo da metade de duración daquela.

g) 4 días por asuntos propios, os traballadores de tempo completo de día, limitados a un día por cada trimestre. O gozo da licenza por asuntos propios está suxeito ao cumprimento polo solicitante dun período previo de traballo de 3 meses como mínimo e este deberá dirixir a súa solicitude á fundación cun prazo de antelación de 8 días. O día solicitado non poderá coincidir no mesmo día autorizado para outro traballador do mesmo centro e débese gozar entre luns e xoves non festivos.

A maiores, acórdase que non se poderán solicitar como días por asuntos propios os días 24 de decembro, 31 de decembro e o día 5 de xaneiro de cada ano.

Os traballadores de noite terán dous días, un por semestre, os de tempo parcial, se traballan menos do equivalente a cinco días por semana, dous días (un por semestre) e, se traballan máis, catro (un por trimestre).

Os días por asuntos propios non son acumulables.

h) 1 día (o da voda) de familiares ata o segundo grao de consanguinidade.

i) Os traballadores que presten os seus servizos no día 25 de decembro de cada ano, en favor da conciliación da vida familiar, terán dereito a que se lles compense por un día de traballo equiparable, sen que este último poida cadrar en venres, sábado, domingo ou festivo.

Artigo 25. Excedencias

Aplicarase o artigo 46 do Estatuto dos traballadores na súa integridade.

Artigo 26. Roupa de traballo

A fundación está obrigada a facilitar dous uniformes, dous pares de zocos e pares de luvas ao ano, así como as pezas de protección persoal a todos os traballadores que o necesiten en relación co desempeño dos labores derivados do seu posto de traballo. O traballador estará obrigado a usar durante a realización do seu traballo a roupa e as pezas facilitadas pola empresa, así como a ocuparse do seu coidado.

Artigo 27. Dereitos sindicais

Os delegados do persoal terán, entre outros dereitos e funcións das previstas no ET e na LOLS, os seguintes:

a) Ser informados previamente de todas as sancións moi graves impostas no seu centro de traballo.

b) De vixilancia do cumprimento das normas vixentes en materia laboral e Seguridade Social e ocupación.

c) De vixilancia e control das condicións da Seguridade Social e hixiene no traballo, coas particularidades que prevé o ET no seu artigo 19.

Artigo 28. Salarios

Os salarios do presente convenio serán os que se sinalan na táboa salarial que se xunta como anexo I.

Artigo 29. Pagas extraordinarias

Os traballadores terán dereito a dúas pagas extraordinarias ao ano, pagadoiras nos meses de xullo e decembro, a razón de salario base máis antigüidade. Estas pagas aboaranse no mes de xullo e de decembro.

Artigo 30. Antigüidade

A antigüidade fíxase en trienios, na contía de 24,00 euros mensuais para os traballadores de xornada completa, e de 19,42 euros para os traballadores a tempo parcial.

Artigo 31. Complemento de incentivos para encargados de casa

Establécese incentivo para os encargados de casa na contía de 123,00 euros de pagamento mensual, pagadoiros en doce mensualidades. O encargado de centro con dez anos de antigüidade no cargo equipárase salarialmente ao director de centro.

Artigo 32. Complemento de nocturnidade

Establécese un complemento de nocturnidade para os traballadores de noite de 60 euros/mes, durante os meses de traballo efectivo, para os traballadores que realicen toda a súa xornada de tempo completo na quenda de noite.

Os traballadores de tempo parcial cobrarano en proporción ás horas feitas entre as 22.00 e as 6.00 da mañá.

No caso de non cumprir a totalidade do mes, de acordo co establecido anteriormente, debido a vacacións, traballo a tempo parcial, por non asistir ao traballo ou por non traballar todo o mes por estar en quenda, corresponderalle a parte proporcional da contía total do complemento, polos días traballados.

Artigo 33. Descontos

Todos os traballadores, presentando a nómina do mes anterior, terán dereito ao 50 % de bonificación nos tratamentos de balneario en Caldaria (salvo estética).

Establécense uns prezos especiais nas residencias da Fundación para os traballadores xubilados da Fundación cunha antigüidade igual ou superior aos 20 anos. Estes prezos serán de aplicación aos traballadores que se atopen en activo dende o 1 de xaneiro de 2016, así como nos anos seguintes en que se manteña vixente o presente convenio.

Prezos:

Traballadores cunha antigüidade maior de 20 anos: desconto do 15 % do prezo da praza.

Traballadores cunha antigüidade maior de 30 anos: o traballador xubilado deberá aboar o 80 % da súa pensión sen incluír pagas extraordinarias. (así mesmo, achegará o 100 % das axudas públicas que perciba).

Os traballadores da Fundación indicados previamente terán prioridade de acceso a unha praza no correspondente centro. Establecerase un límite dun 5% de ocupación por estes traballadores en cada centro da Fundación. Tanto a prioridade como o límite previamente citados estarán suxeitos a dispoñibilidade.

Artigo 34. Réxime disciplinario

a) Faltas leves:

1. O atraso e a neglixencia no cumprimento das súas funcións, así como a indebida utilización dos locais, materiais ou documentos da fundación, salvo que, pola súa manifesta gravidade, poida ser considerado como falta grave.

2. A non comunicación coa debida antelación da falta de asistencia ao traballo por causa xustificada, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, de tres a cinco ao mes.

b) Faltas graves:

1. A falta de disciplina no traballo.

2. A falta de asistencia ao posto de traballo sen causa xustificada.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de cinco días e menos de dez ao mes.

4. O abandono do posto de traballo sen causa xustificada.

5. Calquera atentado contra a liberdade sexual das traballadoras ou traballadores por medio de manifestacións de tipo verbal ou físico, falta de respecto contra a intimidade ou dignidade da persoa.

6. A reincidencia na comisión dunha falta leve aínda que sexa de diferente natureza dentro dun mesmo trimestre, sempre que se produza sanción por ese motivo.

c) Faltas moi graves:

1. Dar a coñecer o proceso patolóxico e a intimidade do residente.

2. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas e calquera conduta constitutiva de delito doloso.

3. As faltas de asistencia ao traballo non xustificadas durante máis de tres días.

4. As faltas reiteradas de puntualidade durante máis de 10 días ao mes ou durante máis de 30 días no trimestre.

5. Os malos tratos de palabra ou obra e o abuso de autoridade.

6. A obtención de beneficios económicos ou en especie dos usuarios dos centros.

7. Apropiarse de obxectos, documentos, material, etc., dos usuarios do centro do persoal.

8. A neglixencia na administración da medicación.

9. Os atentados contra a liberdade sexual das traballadoras e traballadores que se produzan valéndose da superioridade laboral ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola súa situación persoal ou laboral.

Sancións:

As sancións que se poderán impoñer en función da cualificación destas faltas serán as seguintes:

- Por faltas leves:

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo durante tres días.

Desconto proporcional das retribucións correspondentes ao tempo real deixado de traballar por faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

- Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes correspondente ao tempo real deixado de traballar por falta de asistencia ou puntualidade non xustificada.

- Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de un a tres meses.

Despedimento.

Artigo 35. Infraccións da empresa

Son infraccións laborais da empresa as accións ou omisións contrarias ás disposicións legais en materia de traballo, ao convenio colectivo e demais normas de aplicación. Sancionarase obstaculizar o exercicio das liberdades públicas e dos dereitos sindicais. Tramitarase de acordo coa normativa vixente.

Artigo 36. Comité intercentros

En aplicación do establecido no artigo 63.3 do Estatuto dos traballadores, acórdase constituír o Comité intercentros:

Recoñécese o Comité intercentros como o único órgano de representación unitaria de todos os traballadores afectados polo ámbito de aplicación deste convenio.

O Comité intercentros estará composto por un máximo de 13 membros, que serán designados de entre os compoñentes dos distintos comités dos centros da empresa.

Na constitución do Comité intercentros gardarase a proporcionalidade dos representantes elixidos polos traballadores, tanto polos sindicatos como polos grupos de traballadores, segundo os resultados electorais considerados globalmente.

O Comité intercentros designará de entre os seus membros un presidente e un secretario, así como os seus respectivos suplentes, tamén de entre os seus membros.

Funcións:

Denunciar, iniciar, negociar e concluír os convenios colectivos que afecten os seus representados, negociación de expedientes de regulación de emprego, así como calquera outra materia que afecte máis dun centro de traballo, como o único órgano representativo de todos os traballadores da fundación afectados polo ámbito de aplicación deste convenio, sen prexuízo das accións e facultades que, neste campo, poidan exercer as seccións sindicais conforme a lexislación en cada caso vixente.

A fundación facilitará ao Comité intercentros os mesmos medios materiais e económicos de que gozan os comités de empresa.

Constituirase un Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral.

Disposición transitoria primeira

Este convenio colectivo é asinado pola Fundación San Rosendo e polos traballadores, a través dos seus representantes, proporcionalmente elixidos de entre os comités de empresa.

ANEXO I

Táboa salarial e de antigüidade

' Táboa salarial:

Médico/a, médico/a psiquiatra: 1.788,61 €.

Diplomado/a sanitario/a (DUE, ATS, fisioterapeuta): 1.543,61 €.

Director/a: 1.416,83 €.

Traballador/a social, educador/a social, terapeuta oc.: 1.379,75 €.

Encargado/a: 1.081,52 €.

Gobernante/a: 1.081,52 €.

Xefe/a de persoal: 1.081,52 €.

Auxiliar de clínica: 875,72 €.

Auxiliar: 875,72 €.

Coidador/a: 875,72 €.

Persoal de cociña: 875,72 €.

Persoal de limpeza: 875,72 €.

Carpinteiro/a: 875,72 €.

Auxiliar de animación: 875,72 €.

' Antigüidade:

A antigüidade compútase por trienios.

- Traballadores a xornada completa: 24,00 €.

- Traballadores a tempo parcial: 19,42 €.

A prestación devindicarase no primeiro mes completo correspondente ao seu cumprimento.