Última revisión
12/09/2007
C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de ICOS, S.C.G. (27001042012007) de Lugo
Empresa Provincial. Versión Validez desde 01 de Enero de 2007 en adelante
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Convenio colectivo para a empresa " ICOS S. C. G. ", da provincia de Lugo (Codigo 2701042) (Boletín Oficial de Lugo num. 178 de 12/09/2007)
Visto o texto do convenio colectivo para a empresa " ICOS S. C. G. " , da provincia de Lugo, asinado o día 2 de xullo de 2007, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, de conformidade co escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais de data 23 de xullo de 2007 e de acordo co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/95, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/81, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.
ESTA DELEGACIÓN PROVINCIAL, ACORDA: PRIMEIRO: Ordenala inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta Delegación, así como o seu depósito.
SEGUNDO: Remitilo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.
TERCEIRO: Dispoñela súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Lugo, 24 de agosto de 2007. O DELEGADO PROVINCIAL, José Miguel Vázquez Calvo.
CONVENIO COLECTIVO DA EMPRESA ICOS S. C. G.
Capítulo I Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto O presente convenio ten por obxecto regular as condicións de traballo entre a empresa, nos seus centros de traballo e unidades, tanto actuais como futuros, dunha parte, e, da outra, o persoal que preste os seus servizos na mesma e que estea incluído no ámbito de aplicación previsto no artigo seguinte.
Artigo 2 Ámbito persoal. Rexeranse polo presente convenio a totalidade dos traballadores e traballadoras que na actualidade ou no sucesivo, presten os seus servizos en ICOS S. COOP. GALEGA.
Quedan excluídos os empregados que ocupen postos de traballo considerados como estrutura xerárquica da empresa, entendéndose por tales os que ostenten cargos directivos, así como os seus directos colaboradores, cando estean suxeitos a unha especial dedicación e responsabilidade, así como o persoal especificamente contratado para proxectos de investigación, deseño e desenvolvemento.
Todo o persoal obrigado por este convenio ten o deber de cumprilo e de esixir o seu cumprimento.
Artigo 3. Ámbito funcional. O ámbito funcional do presente convenio comprende todas as actividades desenvolvidas pola empresa, prestadas nos centros de traballo e unidades, centrais ou periféricas, tanto actuais como futuras.
Artigo 4. Ámbito territorial. O ámbito territorial de aplicación deste convenio comprende todos os centros de traballo e unidades da empresa, tanto actuais como futuras que no sucesivo se establezan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5. Ámbito temporal. A vixencia do presente convenio será desde o un de xaneiro de 2007 até o 31 de decembro do ano 2008, con independencia da data da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o convenio poderá ser denunciado por calquera das partes cun prazo de preaviso dentro dos tres meses anteriores á terminación da vixencia pactada. No caso de non efectuar tal denuncia na debida forma e antelación, entenderase prorrogado de ano en ano. Unha vez denunciado, permanecerá vixente o seu contido normativo até que sexa substituído polo novo convenio.
Artigo 6. Compensación e absorción. As condicións económicas establecidas no presente convenio compensan os diferentes conceptos que con anterioridade viñan rexendo. Toda variación económica que afecte a todos ou algúns dos conceptos retributivos establecidos por futura disposición legal, será absorbida polas melloras pactadas no presente convenio, e unicamente terá eficacia práctica se, considerados en conxunto anual, superan o nivel deste.
Artigo 7. Vinculación á totalidade. As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica, consideraranse globalmente e en cómputo anual. No suposto de que a xurisdición e/ou autoridade laboral competente declarase a nulidade dalgún dos seus artigos, quedará o presente convenio invalidado na súa totalidade, levando a cabo unha nova negociación.
Artigo 8. Exclusión doutros convenios. O presente convenio colectivo anula, derroga e substitúe a todos os acordos, pactos e convenios concertados anteriormente entre a empresa e os traballadores ou os seus representantes. Durante a súa vixencia non será aplicable outro convenio, calquera que sexa o seu ámbito, que puidera afectar ou referirse ás actividades ou traballos desenvolvidos polos traballadores de ICOS S. C. G.
En todo o non previsto neste convenio será de aplicación o Estatuto dos Traballadores e demais normas legais que puideran resultar de aplicación.
Capítulo II Organización do traballo
Artigo 9. Facultade de dirección. A organización técnica e práctica do traballo, con suxeición ás normas e orientación deste convenio e ás disposicións legais, é facultade exclusiva da dirección da empresa, quen poderá establecer cantos sistemas de organización, racionalización, automatización, modernización, estruturación das seccións ou departamentos da empresa que considere oportunos, así como o mando, que exercerá a través das canles xerárquicas que se establezan; todo isto nas condicións dispostas pola vixente lexislación.
Artigo 10. Funcionamento dos centros de traballo.
1. O lugar de prestación dos traballos, ademáis de nos propios centros de traballo, poderá desenrolarse nos lugares onde a empresa exerza a actividade económica recollida nos seus estatutos, e en particular, como máis habitual, poderá levarse a cabo en fincas e instalacións de clientes da empresa.
2. Perante calquera dificultade que se presente na execución do traballo, o traballador deberá solicitar consello ou aclaración ao seu superior inmediato, ao que tamén se dará parte de calquera deficiencia nos produtos, instrumentos de traballo, ferramentas ou máquinas. Toda dificultade apreciada na execución do traballo antes da iniciación do mesmo, deberá comunicarlla ao seu superior inmediato, e cando a importancia desta modificación o requira, farao por escrito, e quedarase cun duplicado asinado por quen o reciba.
3. O traballador coidará das máquinas e útiles que se lle confíen, manteraas en perfecto estado de conservación e funcionamento durante o seu traballo e será responsable dos danos, estragos ou deterioros que se produzan pola súa culpa ou neglixencia.
4. Queda prohibido utilizar, fóra dos centros de traballo, máquinas, ferramentas ou útiles pertencentes á empresa, sen previa autorización desta por escrito. Esta autorización será igualmente necesaria para que o traballador poda empregar ferramentas ou útiles, da súa propiedade nos labores encomendados.
5. Queda prohibido o uso dos vehículos e máquinas da empresa para desprazamentos persoais, exceptuando os que teñan por orixe ou destino o domicilio habitual do traballador para aqueles traballadores que o teñan autorizado. No caso excepcional de seren necesarios outros desprazamentos a autorización destes deberá facerse sempre por escrito e previo á realización do mesmo.
Artigo 11. Mobilidade funcional. No exercicio das súas facultades directivas a empresa poderá acordar a mobilidade funcional entre distintos grupos profesionais. Dita mobilidade, en todos os casos axustarase aos seguintes principios xerais:
A mobilidade tratará de facerse entre categorías profesionais equivalentes.
O traballador terá dereito ás retribucións das funcións que efectivamente realice, agás nos casos de encomenda de funcións con inferiores retribucións, nas que se manterán as retribucións de orixe, sempre e cando non menoscabe a dignidade persoal e profesional do traballador.
A mobilidade deberá estar baseada en necesidades organizativas, técnicas ou produtivas.
Artigo 12. Mobilidade intercentros. Por necesidades organizativas, técnicas ou produtivas a empresa poderá acordar o cambio de centro de traballo de calquera dos seus traballadores sempre que este non implique o cambio de domicilio habitual do traballador. No suposto de que a mobilidade ocasione cambio de domicilio será de aplicación o recollido no Estatuto dos Traballadores.
Os traslados intercentros non terán indemnización ningunha por parte da empresa ao traballador sempre que entre o centro habitual de traballo e o novo proposto pola empresa non medie unha distancia superior aos 15 Quilómetros e a mesma non se prolongue durante máis de catro meses no prazo de un ano.
Artigo 13. Modificación substancial das condicións de traballo.
A empresa poderá acordar modificacións substanciais das condicións de traballo, de carácter individual ou colectivo, cando existan probadas razóns económicas, técnicas, de eficacia organizativa ou de mellor prestación do servizo, de acordo co establecido no artigo 41 do Estatuto dos Traballadores.
Consideraranse como modificacións substanciais das condicións de traballo, entre outras as que afecten ás seguintes materias:
· Xornada de Traballo.
· Horario.
· Réxime de traballo a quendas.
· Sistema de remuneración.
· Sistema de traballo e rendemento.
· Funcións, cando excedan dos límites previstos no artigo 11 do presente convenio.
Artigo 14. Discreción profesional. O segredo profesional deberá gardarse con discreción absoluta, en canto afecte ás actividades propias da empresa, procesos de execución, instalacións, proxectos de estudios, contratos, contabilidade, prezos, custes e toda clase de documentos, así como calquera outra información que polo propio traballo se chegue a coñecer.
Artigo 15. Limpeza. Con independencia da categoría profesional, o persoal responsabilizarase da limpeza e a boa orde no posto de traballo e das máquinas, ferramentas, vehículos, mobiliario e toda clase de elementos de traballo que a empresa lle subministre para a execución do mesmo.
Capítulo III Réxime de traballo
Artigo 16. Xornada de traballo.
1. A xornada de traballo máxima anual durante a vixencia do convenio é de mil oitocentas (1.800) horas de traballo efectivo, distribuídas nuns máximos de 40 horas semanais de media, en cómputo anual.
2. Distínguese entre os horarios de traballo dos empregados e os de apertura e peche da cooperativa. Estes últimos fixaraos en cada momento a dirección, dentro dos límites autorizados.
3. Os horarios concretos de cada traballador comunicaranse ao traballador cunha antelación mínima de dúas semanas. Poderán ser modificados pola empresa, sempre que concorran necesidades técnicas, organizativas ou produtivas, respectando o réxime de quendas.
4. Dada a irregularidade dalgunhas actividades e a súa relativa imprevisibilidade, excepcionalmente a dirección poderá dispoñer, sen previo aviso, que a hora prevista de saída dalgún ou algúns dos traballadores se atrase un máximo dunha hora.
5. A empresa, por necesidades organizativas, técnicas ou produtivas, poderá acordar o traballo a xornada continua naqueles postos que así o requiran e nos períodos de tempo que estime convenientes.
6. O tempo de traballo computarase de modo que tanto ao comezo como ao remate da xornada diaria o traballador se encontre no seu posto de traballo.
7. A estacionalidade das actividades agrarias, o horario solar e o horario das actividades propias dos clientes nas suas explotacións, constituen razóns económicas, técnicas organizativas e de producción, os efectos do art. 41 do E. T. , polo que estará facultada a empresa para realizar a modificación do horario laboral, colectiva ou individualmente, en función das circunstancias antes ditas.
Artigo 17. Horas extraordinarias. Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada de traballo, fixada de acordo co artigo anterior. Optarase por aboar as horas extraordinarias pola contía que se fixa no capítulo de réxime retributivo ou por compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído.
A relación de horas extraordinarias na cooperativa axustarase aos seguintes criterios:
1. Reduciranse as horas extraordinarias ás mínimas imprescindibles.
2. As horas extraordinarias por causa de forza maior realizaranse ás que veñan esixidas para previr e reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, as cales non se terán en conta, nin a efectos de duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas, sen prexuízo do seu abono como se se tratase de horas extraordinarias.
3. Entenderanse como horas extraordinarias estruturais as necesarias para atender pedidos, períodos punta de produción, ausencias imprevistas, cambios de quenda, mantemento e demais circunstancias derivadas da específica natureza das actividades de que se trata. Todo isto, sempre que non sexa posible atender aquelas necesidades por contratacións temporais ou a tempo parcial, previstas pola lei.
Artigo 18. Servizos de campo. A actividade do persoal destes servizos, aínda con suxeición a normas ditadas pola empresa, desenvólvese con relativa independencia, polo que, o ritmo de intensidade do seu traballo depende, en grande medida, do carácter específico e particular do seu labor; por conseguinte, este persoal cubrirá a posible prolongación puntual da súa xornada, debido ás especiais incidencias do seu traballo. Por iso, tal prolongación puntual, aínda debidamente retribuída, non ten carácter de horas extraordinarias nin se verificará cálculo especial por este concepto.
Artigo 19. Traballo nocturno, réxime de quendas e ritmo de traballo
1. Considérase traballo nocturno o realizado entre as dez da noite e as seis da mañá.
2. A xornada de traballo dos traballadores nocturnos non poderá exceder de oito horas diarias de media nun período de referencia de quince días.
3. Considerarase traballador nocturno, e polo tanto con dereito á percepción das indemnizacións correspondentes, a aquel que realice normalmente en período nocturno unha parte non inferior a tres horas da súa xornada diaria de traballo, así como a aquel que se prevexa que pode realizar en tal período unha parte non inferior a un terzo da súa xornada de traballo anual.
4. Considerarase traballo a quendas a forma de organización dos traballos segundo a cal os traballadores ocupan sucesivamente os mesmos postos de traballo, de acordo a un ritmo, continuo ou discontinuo, o que implica que o traballador preste os seus servizos en horarios diferentes nun período determinado de días ou de semanas.
5. A distribución desta xornada farase mediante calendario; os ciclos diarios, incluídos domingos e festivos, serán acordes coas necesidades da produción e negociaranse co comité de empresa ou delegados de persoal.
6. En aqueles servizos que pola natureza da súa actividade deban organizarse quendas de traballo, estes efectuaranse mediante a rotación entre as distintas quendas de todos os traballadores.
7. Especificamente, procurarase que nos servizos nos que a actividade se desenvolva en domingos, festivos ou horas nocturnas, as xornadas traballadas en ditas circunstancias sexan repartidas equitativamente entre todos/as os/as traballadores/as adscritos/as ao servizo.
Capítulo IV Vacacións, licencias e descanso semanal
Artigo 20. Vacacións e festas laborais. 1. Duración das vacacións anuais. As vacacións anuais retribuídas serán de trinta días naturais por cada ano completo de traballo ou en forma proporcional ao tempo de traballo efectivo, disfrutaranse dentro do ano natural.
Con carácter xeral, as vacacións anuais disfrutaranse en períodos semanais, correspondendo a primeira semana ao primeiro trimestre do ano, outra semana ao último bimestre do ano e os días restantes aos meses de xullo e agosto. Non obstante o anterior, se algún empregado o desexa e as necesidades da empresa o permiten, poderanse disfrutar as vacacións noutro período, sempre que non coincida coas campañas extraordinarias.
O período de disfrute de vacacións poderá acumularse ao permiso de maternidade, aínda tendo expirado xa o ano natural a que tal período corresponda.
Ao obxecto de facilitar a súa planificación, dentro do primeiro mes do ano, serán confeccionados os oportunos calendarios. Procurarase comunicar as datas de vacacións cunha antelación mínima de dous meses.
2. Festas laborais. O número de festas laborais non recuperables será, en cada ano, o que indique a lexislación vixente.
3. Outras festas non recuperables. A entidade acordará cos traballadores o disfrute de dúas medias xornadas, a fixar de mutuo acordo, que poderán ser cambiadas por unha completa.
Artigo 21. Permisos retribuídos. O traballador, previo aviso e posterior xustificación, terá dereito a permiso retribuído nos supostos e coa duración seguinte:
1. Quince días naturais en caso de matrimonio.
2. Tres días naturais en caso de nacemento de fillos.
3. Tres días naturais en caso de enfermidade moi grave do cónxuxe, pai ou nai dun ou doutro cónxuxe, fillos, avós ou irmáns, xa sexan consanguíneos ou afíns. Se o feito tivese lugar en distinta provincia á residencia do traballador, a licencia ampliarase a cinco días naturais. A gravidade da enfermidade deberá ser xustificada con certificado médico ou outro medio que o acredite suficientemente.
4. Dous días naturais, ou no seu defecto até o día do enterro, en caso de falecemento de parentes até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
5. Un día por traslado de domicilio. 6. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nalgunha norma legal ou convencional un período determinado, estarase ao que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica. No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.
7. Necesidade de atender persoalmente asuntos propios de xustificada urxencia, até tres días naturais.
8. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. Este dereito, a elección da interesada, poderá substituírse por unha redución da xornada normal en media hora coa mesma finalidade.
As licencias ás que se refiren os apartados 2, 3, 4, 5, 6, e 7 concederanse no acto, sen prexuízo das sancións que podan impoñerse se as causas que se alegan resultasen falsas.
Artigo 22. Permisos sen soldo O traballador poderá obter un permiso sen soldo, cando, cun contrato de antigüidade superior a dous anos na empresa, precise dedicar o seu tempo ao coidado de parentes en primeiro grao de consanguinidade. Este permiso será por un período de tres meses. Non poderá obterse outro permiso do mesmo tipo nun período de cinco anos. Este dereito poderá ser substituído polo anticipo das vacacións a que tivera dereito nun período de dous anos, coas mesmas limitacións no tempo. Para poder disfrutar desta excedencia será preceptivo un certificado médico que ditamine a dependencia do familiar. A empresa procurará dar resposta á solicitude do traballador tan pronto como sexa posible a súa substitución por outra persoa contratada a tal efecto. Durante este permiso a suspensión do contrato laboral será nos mesmos termos e condicións legais que rexen para as excedencias.
Artigo 23. Excepción ao descanso dominical. O persoal necesario para o traballo en domingo e festivos oficiais, poderá quedar exceptuado do descanso dominical e do correspondente aos días festivos gozando, en compensación, dun día completo de descanso noutro día da semana seguinte. Os descansos poderán acumularse por períodos de até catorce días polo que se disfrutarán dous días completos polo tempo acumulado sen descanso.
Capítulo V Formación, clasificación profesional e definicións
Artigo 24. Formación A tal efecto, a empresa, de común acordo cos representantes dos traballadores, elaborará plans de formación anuais que estarán vinculados á planificación integral dos seus recursos humanos e ao desenvolvemento e promoción profesional do seu persoal a través da formación que debe ser considerada como unha necesidade e obriga profesional. En ditos plans de formación, darase preferencia aos traballadores afectados por procesos de reorganización.
A formación que imparta a empresa, ben directamente ou ben a través doutras organizacións públicas ou privadas, articularase a través de dúas modalidades de cursos: de promoción e de adaptación profesional.
Son cursos de promoción aqueles cuxa finalidade básica é o desenvolvemento profesional do persoal da empresa. Terán carácter voluntario e serán preferentemente, fóra da xornada laboral.
Son cursos de adaptación profesional aqueles cuxa necesidade está orixinada por innovacións tecnolóxicas, modificacións de procesos, normas ou procedementos, alteración do contido dos postos de traballo ou outras circunstancias que esixan reciclaxe ou adaptación aos postos de traballo. A asistencia aos cursos de adaptación profesional terá carácter obrigatorio. Se se realizan en distinta localidade, e fóra dos centros de traballo da empresa, percibiranse os correspondentes gastos de desprazamento segundo as cantidades previstas por lei e os xustificantes aportados.
A empresa previa solicitude por escrito por parte do traballador poderá conceder permisos retribuídos, durante o tempo necesario para a celebración, para a concorrencia a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico.
Artigo 25. Clasificación profesional. Os grupos profesionais e os postos de traballo que se detallan e describen son simplemente enunciativos. Así pois, non se pode pretender nin presupoñer a existencia de todos estes grupos profesionais e postos de traballo, nin que en cada grupo profesional dos relacionados, se inclúan tantos postos de traballo como os descritos, atendendo a que a estrutura real da empresa estará determinada pola dirección, en función das necesidades de funcionamento de cada momento.
Artigo 26. Grupo profesional. Enténdese por grupo profesional o que agrupe de xeito unitario as funcións e o contido xeral da prestación coas diversas categorías, aptitudes profesionais e titulacións. Neste sentido o persoal ao servizo de ICOS S. C. G. clasificarase nalgún dos seguintes grupos:
Persoal directivo: o contemplado como tal no artigo segundo, apartado un, letra a) do Estatuto dos Traballadores, sen prexuízo do excluído do ámbito laboral polo artigo primeiro, apartado tres, letra c) do mesmo texto legal.
Persoal administrativo: comprende este grupo a todo o persoal que, dentro das diferentes categorías, efectúa tarefas administrativas.
Persoal de produción: agrupa o persoal que, dentro das diferentes categorías, desenvolven tarefas relacionadas coa actividade de transformación e produción.
Persoal do servizo de campo: agrupa aos traballadores que, dentro das diferentes categorías, realizan servizos á agricultura e gandería con ou sen maquinaria, facendo tarefas para produción de gando e cultivos, recolección e preparación de colleitas e outros servizos agrícolas e gandeiros tales como instalacións de muxido, fontanería, gas, etc. e os seus mantementos así como aos asignados ao servizo de substitución.
Artigo 27. Categoría. Enténdese por categoría cada un dos niveis de responsabilidade, experiencia e esforzo no cumprimento eficaz dos postos de traballo. De maneira simplemente enunciativa defínense as seguintes:
Técnicos superiores: son os que, posuíndo un título profesional oficial de carácter universitario ou de escola técnica de grao superior ou coñecementos equivalentes na materia, recoñecidos pola empresa, realizan na mesma funcións propias de ditos títulos ou coñecementos e que están retribuídos mediante soldo, sen suxeición, por conseguinte, á escala habitual de honorarios da súa profesión. Terán funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de funcións, realizadas por un conxunto de colaboradores nunha mesma unidade funcional.
Técnicos medios: aqueles que, estando en posesión dun título facultativo de grao medio ou de escola universitaria ou coñecementos equivalentes na materia, recoñecidos pola empresa, desempeñan funcións e tarefas complexas e heteroxéneas, con obxectivos globais definidos e alto grao de esixencia en autonomía, iniciativa e responsabilidade, con ou sen mando, e que estarán retribuídos mediante soldo, sen suxeición, por conseguinte, á escala habitual de honorarios da súa profesión.
Técnicos non titulados: son aqueles que, sen necesidade de título profesional, realizan as funcións de carácter técnico que lles sexan encomendadas.
Xefe administrativo: é o empregado que, provisto ou non de poderes, leva a responsabilidade, inspección, revisión ou dirección dun ou varios traballos administrativos da empresa.
Oficial administrativo de primeira: son os empregados que, con iniciativa e responsabilidade, actúan ás ordes dun xefe e que teñen un servizo ou servizos determinados ao seu cargo, organiza e actualiza o arquivo de documentación da área da súa competencia. Atende telefonicamente aos clientes. Realiza tarefas de execución, actualización de bases de datos, follas de cálculo, procesadores de texto, etc. . Atende as queixas e reclamacións dos clientes. Utiliza todos os medios técnicos e materiais necesarios para o desempeño das funcións propias do seu posto. Xestiona a correspondencia que se lle asigne e procesa adecuadamente a mesma. Realiza vendas ou compras que pola súa natureza lle foran asignadas e que non leven directamente os encargados de compras ou vendas ou ben baixo as ordes destes. Encárgase da emisión de facturas e documentos de cobro así como a xestión de cobros e/ou pagamentos e a contabilización dos mesmos. Realizan expedientes administrativos, máis ou menos complexos, e seguen a súa execución até o final. Realizan tarefas de control de stock incluídos os recontos para a xestión óptima destes. Colabora en calquera outro traballo que se lle encomende, relacionado con xestión e facturación, aínda de categorías inferiores, atribuído ao seu grupo profesional inherente ao seu posto.
Oficiais administrativos de segunda: son os empregados que con iniciativa e responsabilidade limitada, realizan traballos de contabilidade, caixa e coadxuvantes das mesmas; transcrición en libros auxiliares, redacción de correspondencia e documentos de trámite; redacción de facturas, expedientes e demais traballos similares; recompilación de datos estatísticos, organización de arquivos e ficheiros. Aplicación de tarifas, liquidacións de comisións, impostos e operacións complementarias para estes traballos de acordo a normas fixas.
Auxiliares administrativos: son aqueles empregados que se dedican, dentro das oficinas, a operacións administrativas básicas e traballos simples, correspondencia sinxela, como envío de talóns, facturas, etc. . Atención telefónica, atención a clientes e provedores así como pedidos e notas de entrega respectivamente e a mecanización das mesmas. O persoal desta categoría poderá, así mesmo, realizar outras funcións non estritamente burocráticas, .
Oficiais de primeira: son aqueles operarios que, coñecendo un oficio, practícano e aplícano con tal grao de perfección que non só lles permite levar a cabo traballos xerais do mesmo, senón aqueles que supoñen especial esmero e delicadeza. Inclúense nesta categoría os mecánicos e instaladores así como os soldadores que pola súa profesionalidade ou práctica teñan demostrada a súa valía.
Oficiais de segunda: integran esta categoría os que, sen chegar á especialización esixida para os oficiais de primeira, executan as correspondentes a un determinado oficio coa suficiente corrección e eficacia.
Peóns: son os traballadores non cualificados, maiores de dezaoito anos, que executan labores para dita realización; primordialmente requírese a contribución da súa actuación e esforzo físico, sen esixencias de coñecementos especiais.
Aprendiz: son os traballadores, que realizan actividades para iniciarse nas funcións peculiares delas, preparándose mediante a súa práctica para o paso á categoría de oficial.
Artigo 28. Asimilación de categorías. Os traballadores que á entrada en vigor deste convenio tivesen unha categoría profesional que non figure no mesmo, quedarán automaticamente clasificados, a todos os efectos, naquelas nas que as funcións se axusten máis ás que realice sen que en ningún caso lles supoña deterioro ou menoscabo dos seus dereitos laborais, tanto económicos como doutra índole.
Capítulo VI Réxime retributivo
Artigo 29. Salario base. Na táboa
ANEXO I descríbense as retribucións que por este concepto corresponden a cada traballador de acordo á súa categoría profesional e rendemento normal durante a xornada de traballo.
Artigo 30. Complementos salariais persoais.
1. Plus de antigüidade a extinguir. Con carácter xeral, todos os traballadores, con calquera contrato en vigor á sinatura deste convenio, percibirán un complemento de antigüidade do 1% do salario base do convenio por cada ano efectivamente traballado e até un máximo do 25% de dito soldo base.
Especificamente, aqueles traballadores que, á data de aplicación do presente convenio, veñan percibindo algunha retribución por este concepto e o seu importe fose superior ao resultante de aplicar o apartado anterior, aplicaráselles o importe que resulte maior, ben entendido que lles será de aplicación o 1% anual até alcanzar o 25% .
Páctase explicitamente que os traballadores contratados con posterioridade á data deste convenio non percibirán este plus, xa que o mesmo virá incluído noutros deste convenio e na propia negociación salarial.
Artigo 31. Complementos salariais de postos de traballo.
1. Plus nocturnidade: O complemento de nocturnidade durante a vixencia do presente convenio será o 25 por 100 sobre o salario base do convenio.
Este plus non se percibirá no caso en que o salario fora establecido atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza.
2. Plus de quendas: Queda establecido un plus de garda rotativa do 10% do salario base do convenio para o persoal que traballe en réxime de quendas. O persoal que traballe ao ano nove meses, como mínimo, a réxime de quendas, terá dereito a cobrar este plus os tres meses restantes.
3. Plus de dedicación exclusiva. Establécese este plus para compensar a aqueles traballadores aos que se lles esixe exclusividade no desempeño dos seus traballos para a empresa e incompatibilidade absoluta co desempeño de calquera outro traballo por conta propia ou allea.
Artigo 32. Complemento por calidade ou cantidade de traballo.
1. Plus de actividade. Atendendo ás características da actividade, responsabilidade ou outras específicas ou xerais do posto ocupado, procederá á retribución complementaria do persoal segundo a estimación dos mesmos a criterio da empresa.
2. Plus de asistencia. Establécese un plus mensual de asistencia de 50,12 euros mensuais, a aplicar a aqueles traballadores que durante o mes no que se cobre, cumpran cos horarios de entrada e saída establecidos pola empresa, calquera que sexa a condición ou categoría profesional do traballador, sen que se compute a efectos de horas extraordinarias e retribucións de días festivos non recuperables.
3. Plus de produtividade. A produtividade está destinada a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria, o interese ou iniciativa no desempeño ou as circunstancias ou feitos concretos de determinados postos de traballo. Así mesmo poderase percibir pola consecución de certos obxectivos establecidos pola empresa para un individuo ou un colectivo e deixará de percibirse no momento en que deixen de alcanzarse os mesmos.
Artigo 33. Complementos salariais de vencemento superior ao mes.
1. Paga extraordinaria de verán: farase efectiva na primeira quincena de xullo.
2. Paga extraordinaria de Nadal: farase efectiva na última quincena de decembro.
En ambos casos incluirán os seguintes conceptos: Salario base ( 30 días) Plus de antigüidade, se o houbera, ( 30 días) As pagas extraordinarias tamén poderán ratearse nas doce mensualidades.
Artigo 34. Remuneracións non salariais. 1. Suplido por achega de medio de transporte.
O traballador terá dereito á percepción do suplido por mantemento e combustible, unicamente polos quilómetros realmente recorridos para o desempeño do traballo asignado. Dito suplido non se percibirá durante o período de vacacións, en situación de incapacidade laboral e en todas aquelas situacións nas que no haxa unha prestación efectiva do servizo. Cando se perciba este plus deberase garantir a achega de medio de transporte para o desempeño do traballo encomendado.
2. Plus de transporte. Para axudar aos gastos de desprazamento dos traballadores desde o seu lugar de residencia ao centro de traballo, e dado que pola dispersión destes non é factible o establecemento dun transporte colectivo, establécese un plus mensual de transporte, segundo o importe que figura na táboa ANEXO I do convenio. Quedan excluídos deste plus os traballadores que usen como medio de transporte os vehículos da empresa.
3. Horas extraordinarias. O importe virá determinado de acordo coa seguinte fórmula de cálculo:
Esta norma contiene tablas, si desea consultarlas pulse AQUI
(Para poder leer los documentos es necesario el lector Adobe Acrobat)
Artigo 35. Traballo en domingos e festivos. Os traballadores non suxeitos a quendas e que tivesen que asistir ao traballo en domingos ou festivos illados percibirán unha gratificación de 60 euros por xornada completa de oito horas ou proporcional ás horas traballadas, en calquera tipo de horas. Esta gratificación é incompatible con calquera outro tipo de retribución polo mesmo concepto. Tampouco será de aplicación para o persoal que traballe en festivo como consecuencia da subscrición dun contrato para a prestación de servizos, precisamente neses días.
Este mesmo plus percibirase pola asistencia a feiras, exposicións ou concursos en representación da empresa cando se deba permanecer nas mesmas en días adicionais á xornada semanal do traballador.
Artigo 36. Pagamento de salarios O pagamento de salarios será mensual. Ao traballador entregaráselle un recibo xustificativo do pagamento, no que se especifiquen todos os conceptos retributivos, os distintos descontos e o mes a que corresponde, servindo como xustificante de pago. Non sendo preciso polo tanto a sinatura do mesmo por parte do traballador sempre que o pago se realice por transferencia bancaria.
Capítulo VII Faltas e sancións
Artigo 37. Incumprimentos, faltas e sancións. Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa en virtude de incumprimento laboral, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se determinan no presente convenio e as que se establezan en disposicións legais; todo isto de conformidade no disposto no artigo 58 do Estatuto dos Traballadores.
As faltas disciplinarias dos traballadores, cometidas con ocasión ou como consecuencia do seu traballo, poden ser leves, graves ou moi graves.
a) Serán faltas leves:
1. Tres faltas de puntualidade na asistencia ao traballo nun prazo dun mes.
2. A incorrección co público e cos compañeiros ou subordinados.
3. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor.
4. O abandono do traballo durante a xornada laboral, de forma reiterada. Se como consecuencia do mesmo se orixinase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo as circunstancias concretas de cada caso.
b) Serán faltas graves:
1. O incumprimento das ordes ou instrucións dos superiores ou das obrigas concretas do posto de traballo, así como as neglixencias das que se deriven ou podan derivarse prexuízos graves para os traballos desenvolvidos. Se calquera de ditos comportamentos implicase quebranto manifesto da disciplina e dela derivase prexuízo notorio para a empresa, la falta poderá ser considerada como moi grave.
2. As discusións violentas cos compañeiros de traballo.
3. Ausencia sen xustificación de ao menos un día. 4. Simular a presenza doutro traballador efectuando o control por el.
5. Os traballos mal realizados por neglixencia, falta de atención ou coidado que orixine avarías, deficiencias na produción ou perdas de materias primas, superiores ao normalmente admisible.
6. Non comunicar, no momento en que se produza, os cambios na situación persoal ou familiar.
7. O litixio demostrado con compañeiros de traballo no desempeño das súas funcións ou recomendacións aos clientes así como a reiterada negación ao traballo en equipo.
8. A neglixencia no uso das ferramentas, vehículos, máquinas e outros usados para a execución do traballo encomendado, que provoquen avarías continuadas dos mesmos ou consumo excesivo.
9. O uso de vehículos da empresa en desprazamentos considerados de carácter persoal.
10. O descoido na conservación e limpeza do material, as ferramentas e os vehículos ou maquinaria asignada para o desempeño do traballo, así como o abandono da roupa de traballo.
11. A falta de coidado ou o abandono das prendas de traballo entregadas pola empresa así como os EPIs recomendados para o posto de traballo na avaliación de riscos.
12. A falta de rexistro, nos partes correspondentes, dos movementos de stock que deben rexistrarse cando calquera traballador retira unha mercadoría dalgún almacén da empresa, ben para uso propio, ben para volver a facturar a algún cliente. Igualmente cando dita mercadoría entra nos almacéns da empresa ou se trata dun servizo que se debe rexistrar, incluso se se trata de traballos para a propia empresa.
13. O despacho de mercadorías a clientes sen a presentación por parte destes da preceptiva nota de entrega ou albará.
14. A cesión de chaves das dependencias da empresa por parte dos traballadores autorizados a outros que non o están, ben sexa para o seu uso ou para facer copia das mesmas.
15. O uso das ferramentas de comunicación da empresa, tales como teléfonos móbiles, correo electrónico ou navegación por internet para uso propio, máxime cando o mesmo se faga en horas de traballo.
16. A reincidencia ou reiteración en faltas leves
c) Serán faltas moi graves: 1. Consideraranse constitutivos de falta moi grave todos os supostos previstos legalmente como causa xustificativa de despido disciplinario, no artigo 54 do Estatuto dos Traballadores.
2. Dedicarse a actividades que a empresa declare incompatibles coas presentes normas. En xeral, e agás autorización expresa, todas as actividades ás que a empresa se dedica.
3. Quebrantar a obriga de exclusividade laboral que se establecera coa empresa.
4. A instalación de software ilegal nos ordenadores da empresa.
5. Descubrir plans de traballo da empresa, sacar documentos, revelar fórmulas, etc., fose cal fose o fin co que se faga.
6. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada; empregar para usos propios ferramentas da empresa, aínda cando isto ocorra fora da xornada de traballo; traballar para outra empresa, infrinxindo o disposto nestas normas. Consideraranse como tales aqueles traballos ou servizos que o traballador deba recoller nos albarás de traballo da empresa para que esta poda facturar os mesmos e non o faga, obteña ou non beneficio o traballador por dita omisión.
7. O falseamento de datos e informacións do traballo realizado e polas cales a empresa debe facturar aos clientes e controlar as horas traballadas polos empregados.
8. Ausencias sen xustificación durante máis de dous días, sexan ou non consecutivos, durante un período de trinta días.
9. As faltas reiteradas de puntualidade sen causa xustificada, durante dez ou máis días nun período de trinta días, ou durante máis de vinte días nun período de noventa días.
10. A simulación de enfermidade ou accidente ou o alegar causa inxustificada á hora de pedir permiso.
11. A inobservancia, ocultación e, en xeral, o incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
12. A utilización, cesión ou difusión indebida de datos dos que se teña coñecemento por razón de traballo en ICOS, que supoña un prexuízo para a empresa e unha transgresión da boa fe contractual, así como o quebrantamento do segredo profesional por parte de quen estea obrigado polo seu cargo a gardar segredo, así como a manipulación e tratamento de datos e programas con ánimo de falsificación. A representación dos traballadores manterá un especial deber de sixilo e confidencialidade, ademais de sobre as materias de obrigado cumprimento expresadas nos arts. 64 e 65 do Estatuto dos Traballadores, sobre todas aquelas respecto das que a Empresa sinale expresamente o seu carácter reservado, sempre que dita cualificación responda a criterios obxectivos.
13. A embriaguez ou a toxicomanía habitual durante a xornada laboral que repercuta negativamente no traballo, ou fóra do mesmo cando o traballador vista o uniforme da empresa.
14. O acoso sexual, exercido sobre un empregado da empresa, dentro ou fóra das súas instalacións. A título ilustrativo, entenderase por acoso sexual toda conduta verbal ou física, de natureza sexual, realizadas por un traballador a outro, que se exteriorice por medio de actos, xestos, ou palabras, non desexada nin tolerada pola persoa destinataria. A conduta deberá ser de carácter obxectivamente grave, capaz de crear un clima laboral ofensivo, hostil, intimidatorio ou humillante.
15. A comunicación ou cesión de datos de carácter persoal, fóra dos casos en que estean permitidos, nos termos fixados na Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
16. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se produza dentro dos seis meses seguintes a terse producido a primeira.
d) Sancións: As sancións máximas que poderán impoñer aos que incorran en faltas serán as seguintes:
1. Por faltas leves: Amoestación verbal ou escrita. Suspensión de emprego e soldo até dous días. 2. Por faltas graves: Suspensión de emprego e soldo de tres días a dous meses.
3. Por faltas moi graves: Suspensión de emprego e soldo de dous meses a noventa días.
Despido disciplinario. Non se poderán impoñer sancións que consistan na redución das vacacións ou outra minoración dos dereitos ao descanso do traballador, ou multa de haber.
Capítulo VIII Disposicións varias
Artigo 38. Prendas de traballo. A empresa entregará as prendas de traballo adecuadas ao labor a realizar, tales como monos, pantalón e chaqueta, gorras, batas, luvas, mandís, etc. ; cando se realicen tarefas á intemperie proporcionaranse as prendas apropiadas. As prendas deberán conservarse e serán substituídas por unhas novas ante sinais de rotura ou desgaste.
O traballador responderá do coidado e correcto uso das prendas que se entreguen.
Artigo 39. Complementos en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria.
Para mellorar a posición dos traballadores en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria, causada por enfermidade ou accidentes, aboaranse sobre as prestacións da Seguridade Social, os seguintes complementos:
a) Nos casos de enfermidade común e accidente non laboral, debidamente comprobados, o traballador enfermo percibirá con cargo á empresa como complemento, a partir do cuarto día de baixa e até o trinta, a diferenza entre o aboado pola Seguridade Social e o 75 por 100 de todos os emolumentos salariais, pactados neste convenio, menos o plus de asistencia e transporte.
b) Cando a incapacidade laboral transitoria, debidamente comprobada, sexa consecuencia de accidente de traballo ou enfermidade profesional, o traballador afectado percibirá a cargo da empresa, a partir do primeiro día, a diferenza entre a cantidade aboada pola Seguridade Social e o salario total pactado neste convenio.
Artigo 40. Contratos eventuais por necesidades da produción.
Ao abeiro do disposto no artigo 15.1 º b) do texto refundido do Estatuto dos Traballadores ( redacción dada pola Lei 63/1997, de 26 de decembro) e do Real Decreto Lei 5/2001, de 2 de marzo, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.
a) Formalización do contrato: formalizarase por escrito consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancia que o motive.
b) Duración e prórrogas: A duración deste non poderá ser inferior a 10 días nin superior a doce meses, dentro dun período de dezaoito meses, contados a partir do momento do contrato inicial.
No caso de que se concerte o contrato nun prazo inferior aos doce meses, poderase prorrogar mediante acordo das partes, por única vez, sen que a duración total do contrato poda exceder de dito límite máximo.
Se ao finalizar o período inicial ou de calquera das súas prórrogas non se comunicara con quince días de antelación a súa finalización, o contrato considerarase prorrogado automaticamente até a súa duración máxima.
Artigo 41. Contrato de interinidade. Utilizarase cando se considere necesaria a substitución de persoal durante as situacións de ausencia por calquera causa que comporte a reserva do posto de traballo. O contrato extinguirase pola reincorporación do traballador substituído, o vencemento do prazo legal ou convencionalmente establecido para a incorporación ou pola extinción da causa que deu lugar á reserva do posto de traballo.
Artigo 42. Xubilación O persoal da empresa xubilarase obrigatoriamente aos sesenta e cinco anos ou no seu caso á idade establecida legalmente.
Disposición final No non previsto ou regulado polo presente convenio, serán de aplicación, sobre as respectivas materias, as normas e disposicións de carácter xeral establecidas pola lexislación vixente en cada momento.
O presente convenio expresa a libre vontade das partes negociadoras que, en proba de conformidade, asínano en Chantada (Lugo) a 27 de xuño de dous mil sete.
Disposición transitoria. Con independencia da data de remuneración ou das cantidades correspondentes á aplicación deste Convenio Colectivo, páctase expresamente que o pagamento efectivo e a adaptación de categorías profesionais, terá lugar con efectos do mes de xaneiro deste ano.
ANEXO I TÁBOA SALARIAL (Euros/mes) a 2007
| Categoría profesional |
Salario base |
Plus de transporte |
| Técnico Superior |
967,69 |
16 |
| Técnico Medio |
883,67 |
16 |
| Técnico non titulado |
825,93 |
16 |
| Oficial Administrat. 1 ª |
780,72 |
16 |
| Oficial de 1 ª |
759,54 |
16 |
| Oficial Administrat. 2 ª |
731,80 |
16 |
| Oficial de 2 ª |
717,55 |
16 |
| Auxiliar Adtivo |
674,05 |
16 |
| Peón |
636,74 |
16 |
| Aprendiz |
570,60 |
16 |
R. 04577
