Auto Civil Nº 236/2010, A...re de 2010

Última revisión
22/10/2010

Auto Civil Nº 236/2010, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 3014/2009 de 22 de Octubre de 2010

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 7 min

Orden: Civil

Fecha: 22 de Octubre de 2010

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 236/2010

Núm. Cendoj: 36057370062010200095

Resumen:
DIVISION COSA COMUN

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

AUTO: 00236/2010

AUDIENCIA PROVINCIAL

SECCIÓN SEXTA

SEDE EN VIGO

Rolo civil: 3014/09

Procedemento de orixe: Ordinario 15/08

Órgano de procedencia: 1ª Instancia nº 2 de Vigo

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo, composta polos maxistrados D. Julio Picatoste Bobillo D. Juan Manuel Alfaya Ocampo e D. Eugenio Francisco Míguez Tabarés, pronunciou

NO NOME DO REI

o seguinte

AUTO 236/10

Vigo, a vinte e dous de outubro de dous mil dez.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do xuizo Ordinario 15/08, procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 2 de Vigo ós que correspondeu o rolo 3014/09, nos que aparece como parte

apelante e demandante D. Bernardo , representada polo/a procurador/a D./D.ª ALBERTO VIDAL RUIBAL e

asistida do/da letrado/a D./D.ª MARIA FERNANDA MALVAR ARIAS e como parte apelada e demandado Dª Alicia representada polo/a procurador/a D./D.ª CARMEN VÁZQUEZ CUETO e asistida do/da

letrado/a D./D.ª ROSALÍA FRANCO BARREIRO.

É o maxistrado relator D. Juan Manuel Alfaya Ocampo, quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro: Primeiro: O Xulgado de 1ª Instancia Núm. 2 de Vigo, con data do 26/09/08, ditou un auto coa seguinte parte dispositiva:

"Debo acordar y acuerdo el sobreseimiento del presente procedimiento, con archivo de las actuaciones, sin expresa imposición de costas a ninguna de las partes."

Segundo: Contra o dito auto, o/a procurador/a D./D.ª ALBERTO VIDAL RUIBAL, en representación de D./D.ª Bernardo , presentou un recurso de apelación que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de axuizamento civil (LAC ).

Terceiro: Na tramitación desta instancia cumpríronse tódalas prescricións e termos legais.

Fundamentos

Primeiro: Coa preexistencia dun proceso de liquidación da sociedade de gananciais, a parte actora, e agora apelante formula posteriormente a presente demanda de división dun ben común -concretamente unha vivenda- pertecente a esa sociedade, interesando en síntese, e ante a indivisibilidade dese ben, a súa venda en pública subasta para logo repartirse o prezo obtido -e previa deducción dos gastos- entre os copropietarios. E fronte ao auto do xulgado, apreciando a excepción de litispendencia, a argumentación esencial do actor apelante radica na afirmación de que como no convenio regulador da separación xa liquidouse a sociedade respecto dese ben - máis dous fundos-, e como ademáis a vivenda ganancial litixiosa xa foi excluida do inventario de bens gananciais levado a cabo no precedente procedimento de liquidación da sociedade, non procedería a estimación da excepción. Pois ben, a argumentación da parte carece de consistencia polas razóns que pasamos expoñer.

En primeiro termo, a alegación do recorrente, de que a vivenda aparece excluida da dilixencia de inventario de bens gananciais do anterior proceso carece de suficiente apoio probatorio, pois sendo certo que na sentenza recaida xa nese proceso, e aportada nesta alzada, non se inclúe no activo da sociedade a vivenda, non é menos verdade, por unha banda, que tal invocación négase pola contraparte, quen aduce que naquela dilixencia se fala precisamente de "ampliación ou complemento de inventario", en referencia clara e inequívoca a aquela vivenda e aos dous predios do inventario -incompleto loxicamente- feito no convenio regulador; e por outra, e fronte ao mantido polo apelante, que no correspondente escrito de formación de inventario, presentado pola agora apelada, e como primeiro dos bens da súa proposta de inventario, se sinala especificamente a vivenda en discusión (folio 64). Circunstancias que non levan razoablemente a entender entón que a sentenza referida estaba fundamentalmente a decidir -como sucede certamente nestes casos- sobre os puntos de discusión entre os litigantes, máis sen rexeitar que o activo do inventario apareza integrado e completado coa vivenda e os dous fundos.

En segundo lugar, é xurídicamente inasumíbel a realización de varios e estancos procesos liquidatorios da sociedade de gananciais, que é o que realmente propugna o recorrente, defendendo unha primeira e parcial liquidación, a operada no convenio regulador da separación, inventariando tan só tres bens entre outros moitos existentes, e logo facendo outro inventario de bens, este dentro xa do proceso de liquidación da sociedade. Contrariamente, o instituto de liquidación da sociedade de gananciais se presenta conceptualmente como un acto único e indivisíbel, comprensivo por disposición legal das operacións de inventario, de avalúo, de pagamento de débedas hereditarias, de formación de lotes e, en fin, de adxudicacións dos mesmos aos herdeiros, operacións tan fondamente vencelladas que non poden ser entendidas senón dentro dun proceso, que ainda que complexo en non poucos casos, require dunha unidade de actuación ( artºs. 1.396 e seguintes do Código civil e 782 e demáis concordantes da L. A. C .). O que non exclúe, obviamente, que se apareceran novos bens ou débedas se realicen postreiras operacións complementarias e adicionais daquelas primeiras. Reflexións anteriores que vense reforzadas nun suposto como o presente no que existe un importante pasivo, que ten que ser sufragado previamente e por mandato da lei co activo do inventario do proceso de liquidación, activo que se vería artificiosamente mermado co inventario previo -puramente parcial e incompleto- levado a cabo no convenio regulador, co conseguinte prexuizo para os acredores da sociedade de gananciais.

Pero se o dito non fora suficiente -que sí o é- existen, en terceiro lugar e último lugar (e a título de simple abundancia, pois estaríamos entrar en certa medida noutras cuestións alleas ao eido decisorio da excepción de litispendencia discutida) outras tres poderosas razóns que deslixitimarían o recurso. Dunha parte, porque se o que se se está defender é que houbo unha liquidación pactada no correspondente convenio regulador, aprobado xudicialmente dentro do proceso matrimonial, o procedente sería promover o pertinente proceso de execución con basamento nesa titulación executiva, máis non instar unha demanda ordinaria de división dun ben específico, que se afasta así do proceso liquidatorio total. Doutra, porque na demanda reitora deste preito non se ofrece, nin expresa nin implicitamente, que co produto obtido pola venda en pública subasta da vivenda se satisfagan as débedas hereditarias, senón "os correspondentes gastos", que debemos estimar referidos aos propios, simplemente, da subasta a similares. Finalmente, porque a pretensión de fondo da parte non podería ser nin tan siquera analizada pois para poder estimala, no seu caso, sería preciso a chamada ao proceso da sogra do hoxe apelante, como copropietaria da vivenda na súa mitade, nunha palmaria e clamorosa situación de litisconsorcio pasivo necesario.

O recurso non pode, por conseguinte, prosperar.

Segundo: Non atopamos circunstancia ningunha de excepción para prescindir do criterio xeral do vencimento obxectivo, disposto para as custas procesuais desta alzada polo artº 398, en relación co artº 394, ambos da L. A. C ..

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Rexeitámos o recurso de apelación promovido por D. Bernardo representado polo procuradora Sr. Vidal Ruibal contra o auto ditado polo Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Vigo o día 26 de setembro de 2008, con expresa imposición das custas procesuais desta alzada á parte apelante.

Esta é a nosa resolución, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española ; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril ; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia , de normalización lingüística.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes, informándoas de que contra ela non cabe recurso ordinario ningún.

PUBLICACIÓN: En la misma fecha fue leída y publicada la anterior resolución por el Ilmo. Sr/a. Magistrado que la dictó, celebrando Audiencia Pública. Doy fe.

DILIGENCIA: Seguidamente se procede a cumplimentar la notificación de la anterior resolución. Doy fe.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.