Auto CIVIL Nº 274/2019, A...re de 2019

Última revisión
17/09/2017

Auto CIVIL Nº 274/2019, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 6, Rec 413/2019 de 20 de Diciembre de 2019

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 19 min

Orden: Civil

Fecha: 20 de Diciembre de 2019

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: ALFAYA OCAMPO, JUAN MANUEL

Nº de sentencia: 274/2019

Núm. Cendoj: 36057370062019200155

Núm. Ecli: ES:APPO:2019:2009A

Núm. Roj: AAP PO 2009:2019

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 6

PONTEVEDRA

AUTO: 00274/2019

N10300

C/LALÍN, NÚM. 4 - PRIMERA PLANTA - VIGO

Tfno.: 986817388-986817389 Fax: 986817387

BN

N.I.G.36057 42 1 2018 0012998

ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000413 /2019

Juzgado de procedencia:XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 1 de VIGO

Procedimiento de origen:MEDIDAS CAUTELARES PREVIAS 0000943 /2018

Recurrente: CORRALEJO SOL S.L EN LIQUIDACION

Procurador: MARIA JESUS NOGUEIRA FOS

Abogado: ENRIQUE ANTONIO ALVAREZ SANTANA

Recurrido: DEUTSCHE BANK AG LONDON BRANCH

Procurador: MERCEDES CARO BONILLA

Abogado: JULIO PARRILLA QUINTIAN

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo,composta polos maxistrados D. JUAN MANUEL ALFAYA OCAMPO Presidente, D. JOSÉ FERRER GONZÁLEZ e D. EUGENIO FRANCISCO MÍGUEZ TABARÉS,pronunciou

NO NOME DO REI

o seguinte

A U T O Nº 274/19

En Vigo, a vinte de decembro de dous mil dezanove.

VISTOS en grao de apelación, ante a Sección Sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os autos do Medidas Cautelares 943/18, procedentes do Xulgado de 1ª Instancia Núm. 1 de Vigo ós que correspondeu o rolo 413/19, nos que aparece como parte apelante e demandante CORRALEJO SOL S.L., representada polo/a procurador/a D./D.ª Mª JESUS NOGUEIRA FOS e asistida do/da letrado/a D./D.ª ENRIQUE A. ÁLVAREZ SANTANA.Como parte apelada e demandado DEUTSCHE BANK AG LONDO BRANCHrepresentada polo/a procurador/a D./D.ª MERCEDES CARO BONILLA e asistida do/da letrado/a D./D.ª JULIO PARRILLA QUINTIAN.

É o maxistrado relatorD. Juan Manuel Alfaya Ocampo,quen expresa o parecer da Sala.

Antecedentes

Primeiro:O Xulgado de 1ª Instancia nº 1 de Vigo, con data do 16 de xaneiro de 2019, ditou un auto coa seguinte parte dispositiva:

'Desestimando en su integridad la solicitud promovida por la representación de Corralejo Sol en liquidación S.L. contra Deutsche Bank AG London Branch, debo denegar y deniego las medidas cautelares solicitadas; con imposición a la actora de las costas procesales del presente incidente.'

Segundo: Contra o dito auto, D/Dª Mª Jesus Nogueira Fos, en representación de CORRALEJO SOL S.L., presentou un recurso de apelación que foi admitido en ámbolos efectos, consonte o disposto no artigo 455 da Lei de Axuizamento Civil (LAC).


Fundamentos

Primeiro:Nos anos 2005 e 2006 a sociedade Corralejo Sol, S. L., en Liquidación -no sucesivo Corralejo Sol- obtivo da que é hoxe Abanca Corporación Bancaria, S. A. catro préstamos (dous, de datas 4 de xaneiro de 2005 e 6 de novembro de 2006, e o terceiro, de 28 de outubro de 2005, que foi subdividido en dous), polo importe total de 34.834.807 euros. Os préstamos aparecían garantizados por avales, hipotecas sobre fundos (cerca de 60) e piñor de accións.

A través de escritura pública de 31 de decembro de 2012 Abanca cede os catro créditos a Sociedad de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria, S. A. (SAREB).

Nos anos 2014 e 2015 se incoan a instancia da cesionaria SAREB tres procesos de execución hipotecaria, seguidos baixo os números 160/2014, 225/2014 e 36/2015 nos Xulgados de Primeira Instancia e Instrucción de Puerto del Rosario (Fuerteventura).

O día 16 de febreiro de 2017 Corralejo Sol formula demanda de xuizo ordinario contra Abanca e SAREB, tramitada no Xulgado de Primeira Instancia nº 50 de Madrid baixo o nº 181/2017, na que se interesa a declaración de nulidade por abusivas e/ou usurarias de determinadas cláusulas dos contratos de préstamo.

En virtude de escritura pública de 24 de agosto de 2018 SAREB transmite a Deutsche Bank AG London Branch os catro créditos. E ese mesmo día este último remite, via notarial, unha comunicación ao liquidador único de Corralejo Sol, expresiva da transmisión dos créditos e na que se indica que calesquera pagamentos que poida realizar Corralejo Sol terán que ingresarse nunha conta de Deutsche Bank que se designa.

O día 4 de setembro de 2018 Corralejo Sol envía unha carta á cesionaria na que se reseña que, estimando que os créditos cedidos teñen a condición de litixiosos, se opta pola facultade concedida ao cedido polo artigo 1535 do código civl, de extinguir a débeda, e como se ignorase, en fin, o importe da mesma, así como os xuros e custas, require a Deutsche Bank para que lle faga chegar todos eses pormenores aos efectos do pagamento.

O día 10 de setembro de 2018 Deutsche Bank remite unha carta a Corralejo Sol na que, despois de recoñecerse efectivamente a condición de litixiosos dos préstamos, así como o dereito deste último a cancelarlos, expresa o importe do adebedado por todos os conceptos (principal, xuros e custes), instando a Corralejo Sol a que ingrese a suma resultante na conta de Deutsche Bank no prazo de 9 días dende a recepción da carta, intre no que este último procederá cancelar os créditos, e estimándose que Corralejo Sol renunciaba ao dereito do artigo 1535 do código civil se non aboaba o importe total nese termo.

Segundo a certificación de Correos que obra ao folio 91 dos autos, a entrega da carta intentou realizarse o día 13 de setembro de 2018, e ante a imposibilidade de facelo, ese mesmo día depositouse no buzón do domicilio do destinatario un aviso de chegada para informarlle de que podería recoller a carta na Oficina Postal, o que tivo lugar o día 9 de outubro de 2018.

O día 17 de outubro de 2018 Corralejo Sol satisface os conceptos indicados e require a Deutsche Bank para que outorgue carta de pagamento e cancele definitivamente os catro créditos, coa cancelación, igualmente, das garantías persoais e reais no seu momento dadas.

Ante a negativa de Deutsche Bank, Corralejo Sol formula a presente demanda de xuizo ordinario día 3 de decembro de 2018 contra aquel primeiro, seguido baixo o nº 806/2018 ante o Xulgado de Primeira Instancia nº 1 desta cidade de Vigo, na que se reproducen os pedimentos de cancelación antes referidos.

Por medio de outrosí á demanda o actor, Corralejo Sol, solicita como medidas cautelares: A) Que se ordene a Deutsche Bank, mentres non se dite sentenza firme nese xuizo ordinario, a abterse de continuar (ou iniciar) co exercicio de accións xudiciais verbo dos catros créditos litixiosos adquiridos do SAREB en virtude da escritura de adquisición de 24 de agosto de 2018. B) Que se acorde a anotación preventiva da demanda tanto en relación coas hipotecas como cos piñores constituidos sobre os fundos e as accións, respectivamente.

O Xulgado de Primeira Instancia rexeita ambas peticións, desestimación que basea en dous pilares: A) Respecto da primeira, porque estima que a norma non autoriza a medida de suspensión do proceso de execución hipotecaria. B) E en canto á segunda porque, por unha banda, a anotación preventiva da demanda entorpecería eses procedimentos; por outra, porque as sumas satisfeitas pola hoxe demandante como consecuencia do exercicio do dereito de retracto dos catro créditos litixiosos resultan inferiores ás cantidades realmente adebedadas e polas que despacháronse as correspondentes execucións; e finalmente, porque as accións dadas en piñor non foron obxecto de pretensión executiva ningunha.

O auto ditado en primeira instancia recúrreo Corralejo Sol, reproducindo agora, nesta alzada, os pedimentos da primeira instancia e solicitando, en todo caso, que non se lle impoñan as custas procesuais desa instancia.

Examinamos as cuestións prantexadas coa debida separación.

Segundo: Para resolver a lite resulta realmente innecesario extenderse en demasía sobre a natureza, finalidade e alcance xerais do instituto das medidas cautelares, ex artigos 721 e seguintes da L. A. C..

Partindo de que non estamos ante unha lista pechada, a acollida dunha medida cautelar, que está adornada das notas de accesoriedade, interinidade, instancia de parte, proporcionalidade, prontitude, eficacia e menor prexuizo para o demandado, require, por parte do solicitante, que ostente un dereito, non coa condición incontestable de certo, senón de apariencia, cunha certa cualificaión, de certeza; e por parte do solicitado, un perigo de mora procesual, no senso de que co seu comportamento, intra proceso ou extraprocesual, poida dificultar ou facer ilusorio aquel dereito. Consecuencia do dito, o órgano xudicial coñecedor da medida acutelar instada debe facer un xuizo prospectivo e provisional sobre a posibilidade de triunfo da pretensión principal, sen que ese labor, non sempre doado ante unha natural e frecuente carencia probatoria, presupoña baixo ningún concepto prexulgar definitivamente.

Cómpre lembrar igualmente que ainda que a enumeración do artigo 727 da L. A. C. é aberta (nº 11), esas normas enunciadoras e reguladoras das medidas cautelares, en canto xenéricas e indiscriminadas, deben ceder ante aquelas outras que sexan máis específicas, ora porque estas exclúan explicitamente as cautelas, ora porque a natureza do proceso principal no que se soliciten resulte incompatible coa adopción das mesmas, so pena de frustar a eficacia do instrumento procesual.

Terceiro: A posibilidade de suspender un proceso de execución hipotecaria como medida cautelar aparece expresa e especificamente proscrita polo artigo 698. 1 da L. A. C.: Calesquera reclamación que o debedor, terceiro posuidor e calesquera interesado poidan formular e que non estean comprendidas nos artigos anteriores, así como as que versen, entre outras materias, sobre a extinción ou contía da débeda, deberán ventilarse no xuizo que corresponda e sen producir nunca, engade de xeito inequívoco e categórico ese precepto, o efecto de suspender nin entorpecer este procedimento de execución, procedimento, por outra banda, de carácter expeditivo e que persigue a inmediata realización do dereito de crédito sobre o ben hipotecado. O precepto é de orde público e, como tal, queda fora da disposición das partes litigantes, e das facultades decisoras, tamén, do órgano xudicial competente para coñecer do asunto principal no que se insta a cautela, e distinto do que coñece do proceso de execución.

En efecto, e neste último senso, resulta xuridicamente impensable que o xuiz coñecedor das medidas cautelares -e lembremos que cabe interesalas antes incluso de formular a pretensión principal por demanda-, poida ordenar a suspensión dun proceso, o de execución hipotecaria, para cuxo coñecemento carece de toda competencia, e cuxos avatares certamente ignora.

Nos procesos de execución hipotecaria a suspensión dos mesmos tan só pode ter lugar, específicamente, polo prantexamento dunha terzaría de dominio (artigo 696), ou por prexudicialidade penal (artigo 697), e tan só pode decretarse polo órgano xudicial que coñece de tales procesos.

O motivo do recurso non pode acollerse.

Cuarto: Cuestión máis polémica é a relativa á procedencia ou non da medida cautelar, igualmente interesada, de anotación preventiva da demanda reitora deste xuizo ordinario, no que Corralejo Sol interesa que a parte demandada, cesionaria dos créditos leitixiosos, sexa condenada a cancelalos, así como a cancelar as garantías.

Admitida legalmente, e con carácter xeral, esta cautela, debemos agora examinar se cabe a mesma, tanto por razóns formais ou procedimentais, como por motivos de fondo, ou se estase preferir, se debemos valorar a través do oportuno e exclusivo xuizo provisorio se concurren efectivamente os requisitos anteriormente reseñados, do periculum in mora e fumus boni iuris, cuestionados pola parte executada.

Quinto: Un dos argumentos polo que o auto recurrido rexeita igualmente a adopción da medida de anotación preventiva da demanda é que con esta anotación entorpeceríase o procedimento hipotecario, o que prohibe o parágrafo primeiro do artigo 698 da L. A. C.

O problema centraríase en realidade, e dende esta vertente procedimental, en determinar o alcance da expresión 'entorpecer'.

Dacordo co Diccionario da Real Academia da Lingua Española, e os diversos diccionarios de sinónimos, entorpecer equivale impedir, retardar ou obstaculizar algo, expresións nas que terían inicialmente cabida unha anotación preventiva de demanda, pois a mesma pode supor un freno ao tráfico xurídico, ao pór en garda inicial aos posibles interesados na adquisición do ben litixioso. A publicidade derivada da anotación preventiva de demanda xera unha natural situación de incerteza, inseguridade, recelo, reserva e cautela para os interesados na adquisición do ben, que tan só desaparecerá unha vez que teña rematado definitivamente o proceso.

Pero ao carón dese inconveniente, a cautela reporta sen embargo indubidables beneficios. Pénsese que a falta de anotación pode provocar que terceiros interesados no ben litixioso procedan adquirilo dentro dunha normalidade xurídica que en realidade non existe, dado que está en disputa algo tan decisivo como a titularidade do ben. Paralelamente, a falta de anotación preventiva da demanda desembocaría nunha situación de irreivindicabilidade fronte aos adquirintes, e en claro prexuizo para o que resulte á postre lexítimo dono.

A venda do ben hipotecado a todo prezo, ou sen ter en conta, no caso que examinamos, a incerteza, fundada, que pode haber sobre a subsistencia mesma da débeda hipotecaria, pois estaría satisfeita polo debedor, e que a venda poida facerse sen informar nin advertir aos licitadores da concurrencia desa polémica e trascendente circunstancia, son posicionamentos que non semellan xuridicamente defendibles, máxime nun contexto no que o acredor hipotecario toma conciencia do dereito do debedor hipotecario a extinguir o crédito, de existir loxicamente este dereito.

Por outra banda, os inconvenientes orixinados normalmente por toda anotación preventiva de demanda, non resultan dabondo para excluir esta medida cautelar, como o proba o feito de que a propia norma a autoriza. E esta medida resultará menos gravosa que as outras, igualmente permitidas como, por exemplo, o embargo preventivo, a intervención ou a administración xudicial de bens produtivos, ou a orde xudicial de cesar provisionalmente nunha actividade, conducta ou prestación que se viña levando a cabo, ex artigo 727 da L. A. C. (artigo 726.1-2ª).

Todas as cautelas implican limitacións de administración, disfrute ou dispoñibilidade pero, a pesar diso, se poden e deben adoptar en razón dun ben superior, como é que os lexítimos dereitos da parte actora non se vexan mermados e ata totalmente ignorados e frustrados polo transcurso do tempo e o comportamento do demandado.

É verdade que a anotación preventiva da presente demanda, na que se interesa a condena da demandada á cancelación das débedas por terse satisfeito as mesmas, a que outorgue entón a pertinente carta de pagamento e a que proceda finalmente a cancelar as garantías hipotecarias dadas, podería dar lugar a que nos procesos de execución hipotecaria non podera realizarse o designio principal deses procesos, da realización pronta e expeditiva do crédito sobre o ben trabado, pois podería non haber licitadores ante a incerteza dominical provocada pola anotación daquela demanda.

Máis estimamos que este óbice resulta de menor peso e consideración que o do prexuizo que se pode derivar para o demandante, para o que pode resultar ilusoria a realización do seu lexítimo dereito, reiterámolo, en caso de transmitirse o ben a terceiros, creándose unha situación de irreversibilidade transmisiva ante a falta da anotación preventiva da demanda. Os bens hipotecados serían irrecuperables, ainda que recaira no proceso principal unha resolución estimatoria das pretensións da parte actora, declarando extinguidas as débedas hipotecarias polo pagamento das mesmas, e acordando a cancelación das trabas. Lexítimas pretensións que, pola contra, estarían protexidas coa cautela dado que, ainda no caso de que se execute a hipoteca e se transmita o ben hipotecado a un terceiro licitador, este sería coñecedor da existencia do proceso e, conseguintemente, da eventualidade do seu dereito, pois non gozaría da protección rexistral. Coa anotación, o terceiro adquirinte non estará protexido ante unha declaración extintiva da débeda hipotecaria, sempre, claro é, de que dease á vez o presuposto da apariencia de bo dereito a favor do solicitante da medida cautelar, que é o logo procedemos analizar.

Fronte á realización do dereito do acredor hipotecario -en realidade inexistente de estimarse a pretensión da hoxe demandante, pagadora da débeda hipotecaria e retrainte do ben gravado-, deben prevalecer os intereses definitivamente lexítimos deste último, á par que os dos licitadores , de tomar postura con pleno coñecemento de causa, ao ser informados pola anotación preventiva da demanda de que estase seguir o procedimento principal, no que no fondo ven discutirse a validez e eficacia, ou se estase preferir, a subsistencia do dereito do acredor hipotecario.

Consideramos entón admisible a medida cautelar da anotación preventiva da demanda -do presente xuizo ordinario, non obviamente das demandas de execución hipotecaria ( artigo 131 da L.H.)-, sempre que concurra, claro é, o presuposto do fumus boni iuris, que o que procedemos examinar seguidamente.

Sexto: Dende logo, e en primeiro termo, non pode servir de amparo para negar que haxa apariencia de bo dereito o argumento do auto de instancia, de que 'a cantidade aboada pola actual actora en pretendido retracto é inferior á cantidade pola que se despacha execución' (fundamento de dereito terceiro, parágrafo sétimo). E é que, sen necesidade de afondar no discurso, se á parte executante da hipoteca, e agora demandada, ante o exercicio do dereito de retracto por parte da executada, notifica a esta última a suma adebedada, comprensiva de principal, xuros e gastos, e a retrainte, en fin, paga a suma expresada, non pode considerarse como razón excluinte do retracto que os despachos de execución se fixeran logo por sumas superiores. Ou dito doutra maneira, a procedencia do retracto e a extinción do crédito litixioso deben resultar dos datos subministrados ao retrainte polo acredor hipotecario, xa que ninguén mellor que el pode saber eses extremos.

Sétimo: A provisoria valoración das probas -documentais- que existen na lite condúcenmos a dar por acreditado ab initio a bondade do dereito do demandante.

Para chegar a esta conclusión resultaría dabondo con examinar o posicionamento da propia demandada, plasmado na carta de data 10 de setembtro de 2018 na que, dito en resumo e para o que para nós ten agora interese: A) Se recoñece a condición litixiosa dos créditos. B) Se reseñan desglosadamente as débedas resultantes dos préstamos. C) Se fai referencia a que as sumas relatadas deben ingresarse na conta bancaria do remitente da misiva. D) E, en fin, se declara explicitamente que a agora actora debe ceñirse ao prazo de nove días para o exercicio, loxicamente, do dereito de retracto e para a cancelación do crédito (folios 87, 88 e 89). Esa postura da demandante de execución, seguida da entrega efectiva dos cartos e da súa aceptación pola hoxe demandada, son expresivas do recoñecemento da existencia da apariencia de bo dereito da parte contraria.

Ocurre, sen embargo, que como a solicitada da medida, e hoxe apelada, sostén que o retracto exercitouse fora do prazo de nove días, debemos examinar inexcusablemente esta cuestión, pois a mesma aparece por igual como determinante da validez e eficacia do pagamento e do exercicio, en fin, temporáneo do dereito de retracto.

Pois ben, ante todo cómpre puntualizar que a data de referencia para o cómputo do prazo de nove días debemos encontrala, non exactamente no parágrafo terceiro do artigo 1535 do código civil -dende que o cesionario reclame o pagamento-, senón dende 'a recepción desta comunicación' ou dende 'a recepción desta carta', nas distintas expresións empregadas na misiva de data 10 de setembro de 2018 (folio 88 volto).

Partindo do prazo de nove días, polo demáis hábiles na vontade expresada pola demandada nesa carta, e a contar dende e recepción da mesma, o únio dado certo e probado é que a recepción efectiva prodúxose o día 9 de outubrode 2018, de conformidade coa certificación oportunamente extendida por Correos (folio 91), co que, nesta función puramente anticipativa e interina na que debemos movermos, estimamos que o dereito de retracto, en canto exercitado o día 17 daquel mes e ano, non foi promovido de xeito intempestivo, non sendo este trámite o momento adecuado para maiores precisións. En efecto: A) Ainda que segundo esa certificación intentouse a entrega do burofax o día 13 de setembro, 'non poido facerse', e ignoramos entón realmente se a causa desa imposibilidade era imputable ao destinatario. B) Sendo verdade que nesa data se deixou aviso de chegada no buzón do domicilio deste último, non é menos certo que non temos a máis mínima constancia das circunstancias que posteriormente sucederon. C) O destinatario non podía coñecer loxicamente o contido do burofax. D) A parte remitente tivo que coñecer o resultado negativo da comunicación e sen embargo non intentou reproducila. E) Fronte ao invocado pola parte demandada, tampoco temos constancia certa de que a demandante tiver cabal e completo coñecemento, por outros medios, do contido da carta, presuposto obrigado para decidirse sobre a promoción do dereito de retracto. F) En fin, a aceptación, que non rexeitamento, por parte da demandada dos cartos, sen devolución en ningún intre dos mesmos, non obstante o longo tempo transcurrido, e sen reserva tampouco de ningunha clase, representa un acto propio da demandada, recoñecedor da bondade do pagamento. G) Derradeiramente, a falta de devolución do diñeiro será un elemento expresivo máis do periculum in mora, ou sexa, do risco certo de que a actora perda os cartos, eta igualmente os bens e hipotecados, se a demandada opta por vendelos no trámite dos procesos de execución hipotecaria, o que semellas moi probable dado que non se deistiu de todos esos procedimentos.

Por todo o dito resulta ponderada, xustificada e adecuada a medida de anotación preventiva de demanda (lóxicamente referida aos fundos hipotecados, pero non ás accións piñoradas pois estas non foron obxecto de procedimento de execución), cautela, en fin, e por unha banda, de utilidade tamén para os posibles adquirinte dos bens, ao coñecer a verdadeira situación xurídica dos mesmos, e que, por outra, aparece como proporcionada, pois o prexuizo que se poida derivar da anotación para o acredor hipotecario resulta relativo ou menor, xa que ten no seu poder todo o diñeiro polo que requeríu de pagamento á actual demandante, no exercicio por esta do dereito de retracto, dereito este último que debemos consideralo, neste primeiro xuizo provisorio, como existente, e ata recoñecido pola demandada, ao aceptar os cartos indefinidamente, sen reservas e sen proceder á devolución de todo ou parte dos mesmos, nunha postura que se compadece mal co mantemento dos procesos de execución, e que presupón naturalmente un comportamento expresivo do periculum in mora.

Oitavo: A estimación e parte do recurso e da solicitude de medidas cautelares conleva que non fagamos unha especial pronuncia sobre a s custas procesuais de ningunha das dúas instancias.

Por todo o exposto, e pola autoridade que a este Tribunal lle outorgan a Constitución e o pobo español,

Fallo

Con estimación en parte do recurso de apelación formulado por CORRALEJO SOL S.L. representado pola Procuradora Sra. Nogueira Fos contra o auto ditado polo Xulgado de 1ª Instancia nº 1 de Vigo o día 16 de xaneiro de 2019, decretamos a medida de de anotación prevetiva da demanda verbo dos fundos hipotecados, e que levarase a fecto previa constitución de fianza de 5.000 euros. Non facemos unha especial declaración sobre as custas procesuais de ningunha das dúas instancias.

Esta é a nosa resolución, que asinamos, e que se redacta en galego consonte o establecido no art. 3.2 e 3 da Constitución española; no art. 5.1, 2 e 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril; e nos arts. 1, 2, 6.3, e 7.2 e 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, da Comunidade Autónoma de Galicia, de normalización lingüística.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, informándoas de que contra ela non cabe recurso ningún.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.