Última revisión
25/03/2008
Auto Penal Nº 126/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 136/2008 de 25 de Marzo de 2008
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 3 min
Orden: Penal
Fecha: 25 de Marzo de 2008
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 126/2008
Núm. Cendoj: 36038370022008200401
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
AUTO: 00126/2008
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección núm. 002
Rolo: 0000136 /2008 MJ
Procedencia: JDO.1A.INST.E INSTRUCCION N.2 de CAMBADOS
Proc. de orixe: DILIGENCIAS PREVIAS PROC. ABREVIADO nº 0001384 /2007
Maxistrados
Don José Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente
Dona Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza
Dona Rosario Cimadevila Cea
A U T O NÚM. 126
Pontevedra, vinte e cinco de marzo de dous mil oito
Antecedentes
Primeiro. Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrución núm. 2 de Cambados ditou o auto do 9 de novembro de 2007 no que se decretaba o sobresemento libre das dilixencias previas coa declaración das custas de oficio por prescripción da infracción criminal.
Segundo. Contra o dito auto a procuradora Raquel Santos García, na representación de Primitivo , formulou recurso de reforma, que foi admitido e tramitado conforme á LACr., ditándose auto do 1 de febreiro que o desestimaba. Admitido o recurso de apelación subsidiariamente interposto, remitíronse as actuacións a esta Audiencia para resolver.
Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don José Juan Ramón Barreiro Prado.
Fundamentos
Único.- Os feitos narrados polo agora apelante Primitivo na querela que formulou contra Saboyal, S.L., e Juan Miguel , atoparíanse viciados do instituto da prescrición.
Por unha banda, porque o propio querelante partía da consideración daqueles como constitutivos dun delito de estafa básico do artigo 248 do Código penal e, en consecuencia, sendo a pena sinalada para tal delito a de seis meses a tres anos de prisión ( artigo 249 do Código penal ), sería aplicable a prescrición de tres anos ( artigo 131, apartado 1, parágrafo sexto, do Código penal ), por tratarse dun delito menos grave ( artigo 33.3.a do Código penal ), e ao ocorreren os feitos o 22 de agosto de 2002, cando se presentou a querela o 5 de novembro de 2007, xa pasaran máis de cinco anos.
E por outra banda, porque a existencia dunha escritura pública de empréstito con garantía hipotecaria sobre a vivenda propia non subsume xa os feitos na estafa cualificada do artigo 250.1.1º do Código penal , para os efectos de poder estender o prazo de prescrición ( artigo 131.1, parágrafo cuarto, do Código penal ), como pon de relevo o Ministerio Fiscal no seu informe de oposición á impugnación do querelante con cita de xurisprudencia do Tribunal Supremo, á que cabería engadir, por máis recente, a SAP de Barcelona 574/2007, do 27 de xuño .
Máis aínda: como apunta o fiscal, por ningures resultou demostrado que o querelado tivese coñecemento do suposto desequilibrio mental do querelante (separado da Garda Civil non por iso, senón por un delito de suborno) para aproveitarse do mesmo, máxime tendo en conta a mediación dun notario no outorgamento da escritura pública, que antes debeu comprobar as circunstancias persoais de Primitivo e, incluso, a formulación da presente querela con outorgamento dos correspondentes poderes.
Confírmase así a resolución xudicial contra a que se apela.
Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.
Fallo
DESESTIMAR o recurso de apelación formulado pola representación procesual de Primitivo , fronte o auto do 9 de novembro de 2007, ditado polo Xulgado de Instrución núm. 2 de Cambados nas dilixencias previas núm. 1384/07 , e confirmar a devandita resolución nos seus termos.
Devólvanselle as actuacións ó xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución, contra a que non cabe ningún recurso, para a súa notificación e cumprimento.
Únase un testemuño desta resolución ós autos correspondentes e ó rolo de Sala.
Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.

