Auto Penal Nº 193/2008, A...il de 2008

Última revisión
29/04/2008

Auto Penal Nº 193/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 253/2008 de 29 de Abril de 2008

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 4 min

Orden: Penal

Fecha: 29 de Abril de 2008

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON

Nº de sentencia: 193/2008

Núm. Cendoj: 36038370022008200476

Resumen:
ESTAFA

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2

PONTEVEDRA

AUTO: 00193/2008

AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Sección nº 002

Rolo: 253/2008 A

Procedencia: XDO. INSTRUCION N. 7 de VIGO

Proc. de orixe: DILIXENCIAS PREVIAS PROC. ABREVIADO nº 4375 /2007

ILMOS/AS SRS/AS MAXISTRADOS/AS

D. Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente

Dª Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza

Dª Rosario Cimadevila Cea

A U T O Nº 193

Pontevedra, 29 de abril de 2008.

Antecedentes

Primeiro.- Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrucción nº 7 de Vigo ditou un auto con data do 27 de marzo de 2008 que desestima o recurso de reforma interposto contra auto do 5 de febreiro de 2008 , no que acordaba o sobresemento libre e arquivo.

Segundo.- Contra o dito auto a representación procesual de Isidoro , formulou recurso de apelación, e admitido a trámite, remitíronse as actuacións a este Tribunal para a súa resolución.

Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don Juan Ramón Barreiro Prado.

Fundamentos

Único.- Isidoro recorreu contra o auto do 5 de febreiro de 2008 , polo que se decretaba o sobresemento libre e o arquivo das actuacións. De xeito conxunto efectuaba o recurso de reforma e, subsidiariamente, de apelación.

Rexeitado o intento de reforma ( auto do 27 de marzo de 2008 ), por ningures consta que aproveitase o trámite do artigo 766.4 da Lei de axuizamento criminal, para efectuar as alegacións que estimase pertinentes.

Descoñécese así en que discrepa o agora apelante dos argumentos fácticos e xurídicos da instancia, en consideración aos cales xa veu desestimada idéntica pretensión ca a que formula agora na alzada. E precisamente por tal descoñecemento, e por este tribunal compartir o xa argumentado e resolto polo maxistrado xuíz a quo, é que procedería, sen máis, a confirmación do sobresemento libre que se impugna.

Só debemos engadir, polo tanto, que o denunciante-querelante non ten máis dereito que a unha resposta xudicial razoada, que ben pode ser a do sobresemento ou arquivo das actuacións e, incluso, a inadmisión da denuncia-querela presentada. Non existe a favor da parte ningún ius procedatur nos casos nos que o órgano xudicial entenda razoadamente que a conduta ou os feitos imputados, suficientemente descritos na denuncia, carecen de ilicitude penal, suposto no cal o dereito á xurisdición que exerce o denunciante-querelante non leva consigo o da apertura dunha instrución. E se o xuíz, entón, aprecia de xeito evidente que os feitos denunciados carecen de relevancia penal, á maior présa posible debe levar a cabo as actuacións necesarias para o inmediato arquivo da causa (por todas, as SSTC 217/1994, do 18 de xullo, e 138/1997, do 22 de xullo ).

No caso que nos ocupa, o maxistrado xuíz da instancia admitiu a trámite a querela formulada por Isidoro polos supostos delitos de estafa, apropiación indebida e administración desleal; recibiu as declaracións do querelado Juan Manuel , e máis dunha testemuña ( Ramona ); e, tras elas e o exame da documental achegada a autos, chegou á conclusión de que non existía manipulación falsaria das actas das xuntas, nin apropiación do diñeiro da comunidade, nin unha administración desleal, asemade que os restantes particulares que se pretendían delituosos non eran propios deste eido penal e si, se é o caso, do civil, do xeito que polo miúdo se reflectía na primeira das resolucións xudiciais impugnadas.

Se xa ad limine o xuíz podía rexeitar a querela, abofé que igualmente podía sobreser as actuacións, logo de recibir as declaracións que estimou pertinentes e examinar devagar a documental á luz daquelas manifestacións. Non existe pois obrigación de realizar máis dilixencias de proba, por moi propostas que estivesen no escrito de querela, cando se acada a firme convicción xudicial, apoiada polo Ministerio Fiscal, de non seren delituosos os feitos en base aos cales se formulara aquela.

Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación,

Fallo

Desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de don Isidoro contra o auto do 27 de marzo de 2008 do Xulgado de Instrución nº 7 de Vigo , e confirmar a devandita resolución.

Devólvanselle as actuacións ao xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución, contra a que non cabe recurso ningún, para a súa notificación e cumprimento.

Únase un testemuño desta resolución aos autos correspondentes e ao rolo de Sala.

Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.