Última revisión
26/07/2007
Auto Penal Nº 316/2007, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 343/2007 de 26 de Julio de 2007
Relacionados:
Tiempo de lectura: 4 min
Orden: Penal
Fecha: 26 de Julio de 2007
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 316/2007
Núm. Cendoj: 36038370022007200412
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
AUTO: 00316/2007
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección núm. 002
Rolo: 343/2007 A
Procedencia: JDO.1A.INST.E INSTRUCCION N.1 de CALDAS DE REIS
Proc. de orixe: DILIGENCIAS PREVIAS PROC. ABREVIADO nº 0000142 /2005
Maxistrados
Don José Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente
===============================
Dona Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza
Dona Rosario Cimadevila Cea
AUTO NÚM. 316
Pontevedra, vinte e seis de Xullo de dous mil seis.
Antecedentes
Primeiro. Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrucción nº 1 de Caldas de Reis ditou o auto do 25.05.07 no que desestimaba o recurso de reforma contra a providencia de 4.4.07.
Segundo. Contra o dito auto Blas , formulou recurso de apelación, e admitido a trámite, remitíronse a este Tribunal testemuño de particulares para resolución do mesmo.
Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don José Juan Ramón Barreiro Prado.
Fundamentos
Único.- Polo auto do 27 de setembro de 2006 a Xulgadora a quo resolveu, entre outros particulares, que continuase a tramitación das dilixencias previas polos trámites do procedemento abreviado por se os feitos puidesen ser constitutivos dun delito de acusación e denuncia falsa imputado a, entre outros, Blas .
Discrepando este último de tal resolución, na procura dun total arquivo das dilixencias, formulou recurso de reforma que, logo da correspondente tramitación, foi rexeitado polo auto do 9 de marzo de 2007 .
Novamente Blas volveu a disentir do pronunciamento xudicial obtido e, agora en apelación recorría.
Mais como no seu recurso non designaba ningún domicilio en Pontevedra a efectos de notificacións, con outorgamento do prazo de dous días, foi a tal efecto requirido con expreso apercibimentode que, non verificalo, non se lle admitiría a trámite o devandito recurso.
Constando a expresa notificación de tal providencia do 26 de marzo de 2007 á procuradora do pretendido apelante o día 28 do mesmo mes, nin recorreu a mesma, nin fixo caso do na mesma disposto aos efectos de poder así subsanar a falla de designación dun domicilio nesta cidade de Pontevedra para notificacións. E só cando lle foi notificada a nova providencia do 4 de abril pasado pola que non se admitía a trámite a apelación e se declaraba firme a resolución que nun principio se pretendía en alzada recorrer por Blas , foi que formulou recurso de reforma contra a amentada providencia, que foi rexeitado e motivou a presente apelación a resolver.
O artigo 790.2 da Lei de Axuizamento Criminal sinala, como un dos requisitos do escrito de formalización do recurso de apelación, o do sinalamento no mesmo dun domicilio para notificación no lugar onde teña a súa sede a Audiencia Provincial. Non outra cousa foi o que lle advertiu a Xuíz a quo ao recorrente, con concesión do prazo de dous días para subsanar tal omisión e, porén, o apelante en troques de acollerse a tal posibilidade, voluntario e premeditado desprezo fixo do ofrecemento xudicial da instancia, pois, nin impugnou a resolución que inadmtía a trámite o seu recurso en tanto en canto non indicase o amentado domicilio, nin se dignaba en fixar este último como agora últimamente no seu escrito de apelación do 11 de xuño pasado fai en flagrante contradicción co súa conducta procesual anterior.
Por ningures se pode estimar conculcado o principio pro actione nin o dereito da parte aos recursos cando na formulación de tales impugnacións non se observa o prescrito legalmente e, incluso, postas de manifesto as omisións das que aqueles adoecen con prazo para a correspondente subsanación, non se atende ao indicado polo Xuíz, non se combate o por este resolto e, por enriba, non se acolle á posibilidade de cumprimentar o sinalado xudicialmente como omitido para poder dar curso á impugnación perante esta alzada. Se así a parte queda sen contestación na alzada ás súas alegacións, e vé como gaña firmeza o pronunciamento do que discrepaba, dende logo que só a súa propia conducta e forma de compartirse se debe achacar.
Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.
Fallo
Desestimar o recurso de apelación interposto por Blas contra o auto de data 25 de maio de 2007 ditado pola Ilma. Sra. Xuíz do Xulgado de Instrucción nº 1 de Caldas de Reis e confirmar a devandita resolución.
Devólvanselle as actuacións ó xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución, contra a que non cabe ningún recurso, para a súa notificación e cumprimento.
Únase un testemuño desta resolución ós autos correspondentes e ó rolo de Sala.
Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.

