Última revisión
26/06/2008
Auto Penal Nº 321/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 406/2008 de 26 de Junio de 2008
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 4 min
Orden: Penal
Fecha: 26 de Junio de 2008
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 321/2008
Núm. Cendoj: 36038370022008200526
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
AUTO: 00321/2008
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección nº 002
Rolo: 406/2008 - A
Procedencia: XDO. 1A. INST. E INSTRUCION N.2 de CAMBADOS
Proc. de orixe: DILIXENCIAS PREVIAS PROC. ABREVIADO nº 176 /2008
ILMOS/AS SRS/AS MAXISTRADOS/AS
D. Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente
Dª Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza
Dª Rosario Cimadevila Cea
A U T O Nº 321
Pontevedra, 26 de xuño de 2008.
Antecedentes
Primeiro.- Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrución nº 2 de Cambados ditou un auto con data do 25 de marzo de 2008 que desestima o recurso de reforma contra o auto de 1 de marzo de 2008 que acorda incoar dilixencias previas e inadmitir a trámite a querela.
Segundo.- Contra o dito auto a representación procesual de Raúl , formulou recurso de apelación, e, admitido a trámite, remitíronse as actuacións a este Tribunal para a súa resolución.
Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don Juan Ramón Barreiro Prado.
Fundamentos
Único.- O auto contra o que se recorre nin infrinxe o artigo 248.2 da Lei orgánica do poder xudicial , nin vulnera o artigo 24.1 da Constitución española , como alega o apelante Raúl . Ao non admitir a trámite a querela formulada por este, correctamente obrou o xuíz da instancia ao incoar para tal efecto unhas novas dilixencias previas en troques de facelo noutras xa existentes, nas que se pretendía constituír en parte o referido Raúl . Abondan en tal corrección as razóns que dá o xulgador a quo para frontalmente rexeitar toda posible conexidade entre os feitos narrados na querela e as dilixencias previas que se tramitan, con amparo así no artigo 300 da Lei de axuizamento criminal . E incluso a incoación dunhas dilixencias previas distintas daquelas nas que coa querela pretendía mostrarse parte o apelante en nada impediría que, se é o caso, rematasen na acumulación das novas ás antigas. Rexéitase así tanto a suposta falla de fundamentación da resolución impugnada como a non menos existente denegación de tutela xudicial efectiva que, para colmala, non se pode facer equivalente á inevitable estimación de toda pretensión de parte, como semella que se pretende.
Ningunha infracción dos artigos 17 e 18 da Lei de axuizamento criminal se aprecia na resolución contra a que se recorre, por canto que, explicitamente, se razoa na primeira das resolucións xudiciais da instancia ( auto do 1 de marzo de 2008 ) que os feitos nos que se basea a querela non son obxecto de instrución nas dilixencias previas que se levan no xulgado a quo, engadíndose que, por moito que os que se pretendían querelados prestaron declaración como imputados, isto debeuse máis ao reforzamento da capacidade defensiva que leva consigo tal condición que ao feito de consideralos incluídos na organización criminal dedicada ao branqueo de capitais que se investigaba, todo isto segundo o propio xuíz da instancia.
Por último, e así como o apelante remata por dar por reproducidas as alegacións do precedente escrito de reforma relativas á non prescrición do delito de apropiación indebida e á infracción do precepto penal no que se contempla esta figura delituosa ( artigos 131, 132, e 252 do Código penal ), este Tribunal tamén se considera autorizado para efectuar idéntica remisión (para os efectos da motivación desta resolución da alzada) aos argumentos fácticos e xurídicos reflectidos nos dous autos ditados na instancia. Só debemos deixar constancia aquí de que, efectivamente, a venda levada a cabo o 21 de novembro de 2003 e inscrita en Las Rozas (Madrid) foi bastante anterior ao ditado do título executivo que ampara a reclamación do apelante por custas; e que na propia querela se vincula aquela venda á apropiación do prezo recibido por parte dos que se querían querelados por non ingresalo nunha sociedade, co conseguinte prexuízo do recorrente e outros acredores da mercantil, tal cal así se reflicte no feito noveno do escrito de querela, de onde se desprende que tampouco lle falte razón ao xuíz da instancia para rematar aludindo á prescrición da suposta apropiación indebida, sen esquecer a fundamental falla de competencia territorial do Xulgado de Cambados.
Rexéitase o recurso se apelación e confírmase a resolución xudicial impugnada.
Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación,
Fallo
Desestimar o recurso de apelación interposto pola representación procesual de Raúl contra o auto do 25 de marzo de 2008, dictado no procedemento de dilixencias previas núm. 176/2008 do Xulgado de Instrución núm. 2 de Cambados , e confirmar a devandita resolución.
Devólvanselle as actuacións ao xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución, contra a que non cabe recurso ningún, para a súa notificación e cumprimento.
Únase un testemuño desta resolución aos autos correspondentes e ao rolo de Sala.
Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.
