Última revisión
16/10/2007
Auto Penal Nº 404/2007, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 460/2007 de 16 de Octubre de 2007
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 4 min
Orden: Penal
Fecha: 16 de Octubre de 2007
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 404/2007
Núm. Cendoj: 36038370022007200446
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
AUTO: 00404/2007
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección núm. 002
Rolo: 0000460/2007
Procedencia: JDO. INSTRUCCION N. 2 de VIGO
Proc. de orixe: PIEZA DE SITUACION PERSONAL nº 0003387 /2007
Maxistrados
Don José Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente
===============================
Dona Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza
Don Celso Joaquín Montenegro Vieitez
AUTO NÚM. 404
Pontevedra, dezaseis de outubro de dous mil sete .
Antecedentes
Primeiro. Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrucción nº 2 de Vigo ditou o auto do 12.09.07 no que acordaba prisión provisional comunicada e sen fianza de Carlos Manuel .
Segundo. Contra o dito auto a representación procesal de Carlos Manuel , formulou recurso de reforma e contra o auto que desestimou a reforma interpuxo recurso de apelación, e admitido a trámite, remitíronse a este Tribunal as actuacións para resolución do mesmo.
Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don José Juan Ramón Barreiro Prado.
Fundamentos
ÚNICO.- O recurso de apelación formulado por Carlos Manuel , logo do rexeitamento da intentada reforma, contra a resolución xudicial da instancia que decretou a súa prisión provisional, comunicada e sen fianza, comeza co anuncio de deber terse por reproducidas as alegacións expostas na impugnación previa sustanciada e resolta polo Xulgado a quo. E a isto xa de entrada cabe contestar que compartindo este Tribunal os razoamentos xurídicos da instancia tamén, entón, cómpre dar por reproducidos aqueles en xusta e recíproca remisión ao que obra nas actuacións.
Engádese con motivo da apelación, iso si, que non se fai mención aos concretos indicios que existen verbo da participación do recorrente nos feitos que se investigan. Mais, porén, abonda con examinar as resolucións da instancia para comprobar como, en concreto, a Carlos Manuel , como axente da garda civil, impútaselle que se dedicaría, en concerto e con coñecemento de toda a trama organizada por outra persoa, a introducir tabaco, por así resultar das intervencións telefónicas e seguementos dos axentes instrutores, e que mesmo levou a cabo operacións de tal carácter no mes de decembro de 2006, e tiña intención de seguir coas mesmas en febreiro, abril, maio, xuño, e agosto de 2007, equiparándose así a participación nos feitos delituosos do apelante á do máximo organizador da estrutura montada con tal finalidade no posto da garda civil no porto de Vigo. Non facía falla unha maior constatación documental dos indicios no seo dunhas dilixencias que, quen as leva, tenas declaradas secretas, por canto que quen acordou a provisional privación de liberdade do recorrente fixo referenza de xeito escueto á concorrencia dos presupostos fácticos (obxetivos e subxetivos) e xurídicos dos motivos que aconsellaban tal medida cautelar, evitando así reflectir máis detalles ou datos que puidesen prexudicar á marcha das investigacións, asemade que permitindo, en cambio, coñecer ao afetado as razóns básicas que determinaron a sá prisión a efectos de facerlle posible proceder a súa impugnación pola vía procesual adecuada ( STC 18/1999, do 22 de febreiro , que lembra a máis recente STC 12/2007, do 15 de xaneiro , xa en vigor, o artigo 506.2 da Lei de Axuizamento Criminal ).
Cúmprense así os requisitos dos que se parte no artigo 503.1º e 2º da Lei de Axuizamento Criminal para poder decretar a prisión provisional do agora apelante. E en canto á finalidade da adopción de tal medida cautelar ( artigo 503.3º LACrim ) tamén aparece xustificado neste momento inicial de tal medida a conxura de todo intento de risco de fuxida pola gravidade das penas derivadas dos delitos supostamente cometidos (contrabando, suborno, e omisión do deber de perseguir delitos, en asociación ilícita, do xeito que máis polo miúdo se especifica nas resolucións do Xulgado a quo), así como a evitación da ocultación, alteración ou destrucción das fontes de proba relevantes por mesmo a condición profesional do apelante, e amais o risco de comisión de novos feitos delituosos como subliña a Maxistrada-Xuíz a quo pola prolongación no tempo dos presuntos feitos delituosos, sen prexuízo do que no seu día resolva a Xulgadora que en realidade leva a instrucción do caso unha vez que definitivamente o agora impugnante se poña a súa disposición.
Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.
Fallo
DESESTIMAR o recurso de apelación interposto por Carlos Manuel E CONFIRMO o auto de data 12.09.07, recaído nas dilixencias previas 3387/2007, seguidas ante o Xulgado de Instrucción nº 2 de Vigo .
Devólvanselle as actuacións ó xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución, contra a que non cabe ningún recurso, para a súa notificación e cumprimento.
Únase un testemuño desta resolución ós autos correspondentes e ó rolo de Sala.
Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.
