Última revisión
14/11/2007
Auto Penal Nº 464/2007, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 513/2007 de 14 de Noviembre de 2007
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 4 min
Orden: Penal
Fecha: 14 de Noviembre de 2007
Tribunal: AP - Pontevedra
Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON
Nº de sentencia: 464/2007
Núm. Cendoj: 36038370022007200461
Encabezamiento
AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2
PONTEVEDRA
AUTO: 00464/2007
AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Sección núm. 002
Rolo: 0000513 /2007 I
Procedencia: JDO.1A.INST.E INSTRUCCION N.2 de CAMBADOS
Proc. de orixe: DILIGENCIAS PREVIAS PROC. ABREVIADO nº 0000958 /2007
Maxistrados
Don José Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente
Dona Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza
Dona Rosario Cimadevila Cea
AUTO NÚM. 464
Pontevedra, catorce de novembro de dous mil sete
Antecedentes
Primeiro. Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrución núm. 2 de Cambados ditou o auto do 13 de agosto de 2007 no que se acordaba incoar dilixencias previas, dando parte da súa incoación ao Ministerio Fiscal e o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións.
Segundo. Contra o dito auto a procuradora Dolores Otero Abella, na representación de SANXENXO DE SERIVCIOS S.L, formulou recurso de reforma, que foi admitido e tramitado conforme á LACr., ditándose auto do 20 de setembro de 2007 , que o desestimaba. Notificada amentada resolución ás partes, formulouse recurso de apelación, remitíndose as actuacións a esta Audiencia para resolver.
Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don José Juan Ramón Barreiro Prado.
Fundamentos
ÚNICO.- No marco dunhas relacións entre unha comunidade de propietarios dun edificio e a entidade que levaba a súa administración xeráronse unha serie de suspicacias que desembocaron, entre outras cousas, na redacción da carta que se achegou coa querela que, formulada polos delitos de inxurias e calumnias ( artigos 205, 206, 208, 209, e 221 do Código Penal ) que, sendo obxeto de incoación das correspondentes dilixencias previas, ad límine foron sobresidas e arquivadas, motivando isto a formulación do recurso de apelación perante esta alzada, previo o rexeitamento da anterior intentada reforma.
Dentro da amentada carta difundida entre os comuneiros do edificio, destacanse polo querelante as expresións que, segundo el, constituirían os delitos de mención. En concreto, "sucias maniobras que pensó que no iban a salir a la luz", sería constitutivo do delito de inxurias; mentres que "les ha cobrado dos veces y lo que ha querido" e a direta imputación dun delito de "malversación de fondos", sería o delito de calumnias.
Pois ben, nin tales destacadas expresións, nin a exacta literalidade que das mesmas obra na carta datada en Portonovo o 11 de decembro de 2006, merecen a reacción penal que se demandaba polo querelante, agás a exacerbación suspicaz e susceptible propia dun apasionado, pero interesado, lector. Así, a alusión a "pensó que todas sus sucias maniobras iban a permanecer ocultas" (sic), pode ser unha expresión todo o desafortunada que se quera, mais que non lesiona a dignidade, menoscaba a fama ou atenta contra a propia estimación da persoa contra a que se profire, en termos penais ( artigo 208 do Código Penal ) e si, en todo caso, merecería a protección de tales dereitos no ámbito civil ( artigo 249.2º da Lei de Axuizamento Civil ), ao abeiro da Lei Orgánica 1/1982, do 5 de maio. Mentres que, "además de cobrarnos en el IVA dos veces, nos ha cobrado lo que ha querido", e "eso significa malversación de fondos", tampouco se pode subsumir dentro do tipo do artigo 205 do Código Penal , pois, cómpre poñelo en relación co que na mesma carta se reflicte verbo dos gastos sen xustificar por parte da querelante, a suposta duplicidade do IVE pola súa presumida incorporación na factura de pagamento ao traballador ou empresa autora dos traballos e, despois, outra vez aos comuneiros por enriba dun importe que xa o abranguería, así como porque a alusión á malversación de fondos notoriamente emparentada con todo o anterior se atoparía, non participaría así das característica do tipo penal de mención (coñecemento da falsidade e temerario desprezo da verdade) alén de discrepancias contables ao respecto, nin parece empregado con intención penal ( artigos 432 á 435 do Código Penal ) e si no que vulgarmente se soe entender ao respecto.
Rexéitase así o recurso de apelación e confírmase a resolución xudicial apelada.
Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.
Fallo
DESESTIMAR o recurso de apelación formulado pola representación procesual da entidade mercantil SANXENXO DE SERVICIOS SL, e confirmar o auto do 13 de agosto de 2007, ditado polo xulgado de Instrucción núm. 2 de Cambados nas diligencias previas núm. 958/07 .
Remítase ó xulgado de procedencia un testemuño da presente resolución, contra a que non cabe ningún recurso, para a súa notificación e cumprimento.
Únase un testemuño desta resolución ós autos correspondentes e ó rolo de Sala.
Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.
