Auto Penal Nº 47/2008, Au...ro de 2008

Última revisión
01/02/2008

Auto Penal Nº 47/2008, Audiencia Provincial de Pontevedra, Sección 2, Rec 56/2008 de 01 de Febrero de 2008

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 5 min

Orden: Penal

Fecha: 01 de Febrero de 2008

Tribunal: AP - Pontevedra

Ponente: BARREIRO PRADO, JOSE JUAN RAMON

Nº de sentencia: 47/2008

Núm. Cendoj: 36038370022008200024

Resumen:
TRÁFICO DE DROGAS CUALIFICADO

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 2

PONTEVEDRA

AUTO: 00047/2008

AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Sección núm. 002

Rolo: 56/2008 CR

Procedencia: JDO. INSTRUCCION N. 2 de VIGO

Proc. de orixe: DILIGENCIAS PREVIAS PROC. ABREVIADO nº 863/2007

PEZA SEPARADA DE SITUACION PERSOAL DE Modesto

Maxistrados

Don José Juan Ramón Barreiro Prado, Presidente

Dona Mª Mercedes Pérez Martín Esperanza

Dona Rosario Cimadevila Cea

AUTO NÚM. 47

Pontevedra, un de febreiro de dous mil ocho

Antecedentes

Primeiro. Na causa arriba mencionada o Xulgado de Instrucción núm. 2 de Vigo ditou o auto do 10 de decembro de 2007 no que acordaba desestimar a solicitude de libertade provisional do imputado Modesto , formulada pola súa representación letrada, ratificando a medida cautelar privativa de libertade adoptada por Auto de 20 de xullo de 2007 .

Segundo. Contra o dito auto a representación procesual de D. Modesto , formulou recurso de apelación, remitiéndose a este Tribunal para resolución do mesmo.

Expón o parecer da Sala o maxistrado relator don José Juan Ramón Barreiro Prado.

Fundamentos

ÚNICO.- O Xulgado de Instrucción nº 1 dos de Ribeira (A Coruña) ditou auto de data 2 de xullo de 2007 polo que se decretaba a prisión provisional comunicada e sen fianza de Modesto .

Tal resolución foi ratificada polo posterior auto do Xulgado de Instrucción nº 2 dos de Vigo de data 20 de xullo de 2007 .

Formulada solicitude de liberade por parte daquel, denegóuselle polo último dos nomeados Xulgados de Instrucción o 10 de decembro de 2007.

E fronte a esta última resolución é que en apelación, e perante a presente alzada, acude o devandito recorrente.

A existenza duns feitos que presentan caracteres de delito sancionado cunha pena de máximo igual ou superior a dous anos de prisión ( artigo 503.1.1º da Lei de Axuizamento Criminal ) parece fóra de toda dúbida pola evidencia da incautación dun contedor con pezas de barro de artesanía no interior das cales se inseriran uns 392 quilogramos de cocaína. Deste xeito, estaríase en presenza dun delito contra a saúde pública de droga que causa grave dano á saúde, e en cantidade de notoria importancia ( artigos 368 e 369.1.6ª do Código Penal ) con previsión dunha pena en abstracto abranguida entre nove e trece anos e seis meses de prisión.

Do testemuño da causa enviado a esta alzada aparecen motivos bastantes para crer responsable criminalmente de tal delito á persoa contra a que se ditou o auto de prisión e que agora recorre en apelación ( artigo 503.1.2º da LACrim ). Así o reflicte, sobre todo, o auto de prisión primeiramente ditado polo Xulgado de Instrucción de Ribeira, no seu extenso e profusamente fáctico fundamento de dereito que daquela se mantivo á marxe da notificación ao interesado, polas dilixencias estaren baixo secreto. Só polo tanto aludir ao respecto que, o resultado das intervencións telefónicas, o seguemento da persoa do agora recorrente Modesto (a) " Bola "), a devandita incautación de droga, o grupo de persoas que integraba o propio apelante co que preparaba a introducción en España, a través do porto de Vigo daquela droga que viña nun contedor do devandito xeito, o resultado do rexistro no domicilio do apelante con achádego dun correo electrónico dirixido á empresa de importación e exportación que xira co mesmo nome que outro dos coimputados ( Hipolito (a) " Birras ") para quen viñan as pezas de artesanía con droga de notoria importancia no seu interior, así como a axenda de teléfonos que posuía o recorrente cos correspondentes números do último imputado mencionado e mais doutro ( Ruperto (a) " Millonario "), e a preocupación amosada polo paradoiro e remate da operación cando o impugnante da resolución da instancia non coñecía a xa detención do " Birras ", non fai máis que poñer de relevo a indiciaria participación delituosa de Modesto no feito delituoso que determinou a súa constitución en prisión provisional, e o seu papel de facilitador da infraestrutura e medios materiais para o transporte da droga procedente de Cartaxena de Indias (Colombia) e a súa entrada na península a través do porto de Vigo.

Se cumpridos os requisitos esixidos pola nomeada lexislación para decretar tal medida cautelar persoal, a súa finalidade tamén esixida polo artigo 503.1.3º da Lei de Axuizamento Criminal , tamén nun todo se xustificou no presente caso.

En tal sentido, na instancia tense aludido ao risco de fuxida, á evitación da reiteración delituosa, e ao aseguramento do bo fin da instrucción da causa ( artigo 503.1.3º e 2 da Lei de Axuizamento Criminal ). Dos indicados fins perseguidos coa prisión provisional do imputado-apelante, o máis significativo a día de hoxe segue a ser o aseguramento da súa presenza no proceso toda vez que, a importancia da pena anoada á presunta comisión delituosa na que se vé inmerso, a súa nacionalidade colombiana, os seus viaxes e a familia que ten en tal país, as súas meras alegacións de que leva residindo en España oito anos, na que tamén residen dúas irmáns e ten compañeira estable, non resultaron debidamente acreditadas, máis alá da mera presentación dun certificado de empadroamento en Culleredo (A Coruña) dende o 28 de febreiro de 2007.

En conclusión, e polo de agora, debe manterse ao recorrente na situación persoal na que se atopa sen prexuízo, claro está, de ulteriores valoracións ao respecto.

Vistos os artigos de xeral e pertinente aplicación.

Fallo

Que debiamos desestimar e desestimamos o recurso de apelación presentado pola representación procesual de D. Modesto contra o Auto do 10 de decembro de 2007 do Xulgado de Instrucción núm. 2 de Vigo , na PEZA DE SITUACIÓN PERSOAL DE Modesto dos autos de Dilixencias Previas - Proc. Abreviado nº 863/07 (Rolo de apelación núm. 56/08), el cual debemos confirmar e confirmamos.

Devólvanselle as actuacións ó xulgado de procedencia xunto cun testemuño da presente resolución, contra a que non cabe ningún recurso, para a súa notificación e cumprimento.

Únase un testemuño desta resolución ós autos correspondentes e ó rolo de Sala.

Así, por medio deste auto, o acordamos, mandamos e asinamos.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.