Sentencia Administrativo ...io de 2014

Última revisión
02/02/2015

Sentencia Administrativo Nº 337/2014, Tribunal Superior de Justicia de Galicia, Sala de lo Contencioso, Sección 4, Rec 15547/2013 de 04 de Junio de 2014

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 25 min

Orden: Administrativo

Fecha: 04 de Junio de 2014

Tribunal: TSJ Galicia

Ponente: FERNANDEZ LEICEAGA, FERNANDO

Nº de sentencia: 337/2014

Núm. Cendoj: 15030330042014100295

Resumen:
ADMINISTRACION TRIBUTARIA Y FINANCIERA

Encabezamiento

T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.4

A CORUÑA

SENTENCIA: 00337/2014

-N11600

PLAZA GALICIA S/N

N.I.G:15030 33 3 2013 0018230

Procedimiento: PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0015547 /2013 /

Sobre:ADMINISTRACION TRIBUTARIA Y FINANCIERA

De D./ña. Purificacion

LETRADOJOSE LUIS MANZANERA SERRAN

PROCURADORD./Dª. ANA MARIA TEJELO NUÑEZ

ContraD./Dª. TRIBUNAL ECONOMICO-ADMINISTRATIVO REGIONAL DE GALICIA

LETRADOABOGADO DEL ESTADO

PROCURADORD./Dª.

RELATOR: D. FERNANDO FERNÁNDEZ LEICEAGA

NO NOME DE EL-REI

A Sección 004 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a

SENTENZA

Ilmos./as. Sres./as. D./Dª

JOSE MARIA GOMEZ E DIAZ CASTROVERDE-PTE

JUAN SELLES FERREIRO

FERNANDO FERNÁNDEZ LEICEAGA

DOLORES RIVERA FRADE

A CORUÑA, catro de xuño de dous mil catorce.

No recurso contencioso-administrativo que, co número 15547/2013, pende de resolución ante esta Sala, presentado por Dª Purificacion , representado polo procurador Dª Tejelo Núñez, dirixido polo letrado Dº. Manzanera Serran, contra o acordo de 10.07.2013 do TEAR. É parte a Administración demandada o TEAR, representado polo letrado do Estado

É relator o Ilmo. Sr. D. FERNANDO FERNÁNDEZ LEICEAGA.

Antecedentes

PRIMEIRO. -Admitiuse a trámite o recurso, e practicáronse as dilixencias oportunas, presentado o recorrente a súa demanda, na que solicitou que se acollera integramente o recurso.

SEGUNDO. -Conferido traslado á parte demandada, solicitouse a desestimación do recurso, de conformidade cos feitos e fundamentos de dereito consignados na contestación da demanda.

TERCEIRO.- Recibíndose o asunto a proba e declarado concluso o debate escrito, quedaron as actuacións sobre a mesa para resolver.

CUARTO. -Na sustanciación do recurso observáronse as prescricións legais, sendo a súa contía indeterminada.


Fundamentos

PRIMEIRO. -O acto que se recorre é o acordo de 10.07.2013 does TEAR que rexeita a reclamación contra a liquidación derivada do acta de non conformidade núm. NUM000 anos 2206/2007: non lle admiten que a Sra. Purificacion realice unha actividade empresarial autónoma.

A inspección reflicte: A) o Sr. Felix é socio e administrador único das empresas TRANSPORTES PEDRALONGA SLU- constituida o 10.10.1989- e TRANSPORTES PRADO SLU - constituida o 20.12.2004- que carece de medios de transportes ( ten coma obxecto a actividade de operador de transportes e axencia de transporte ); B) Dª Purificacion foi contratada por Transportes Pedralonga SLU no ano 2002 coma administrativa ( ten dous fillos en común co Don. Felix ); o 17.01.2003 deuse de alta na actividade de Transporte de Mercadorias por estrada - epígrafe 722 IAE- réxime de estimación obxectiva do IRPF e simplificado do IVE. Nese mes traspasaronlle ó seu nome a cabeza tractora 6002CFD - procedente de Transportes Pedralonga SLU- e o condutor Sr. Candido , subrogándose a Sra. Purificacion no contrato de Leasing e sendo fiadora Transportes Pedralonga. O 14.03.2003 transferironlle a cabeza tractora 7526BPY nas mesmas condicións; o 23.12.2003 asina un contrato de leasing para a adquisición dun vehículo, sendo fiador o Don. Felix . C) as facturas de móbiles dos condutores págaos e deduce o gasto Transportes Pedralonga SLU, e a Sra. Purificacion carece de remolques, utilizando os de Transportes Pedralonga SLU sen pagar nada; non declara gastos de administración, luz, auga, teléfono, aluguer de naves para guarda-los vehículos.. os únicos gastos que declara son o gasoil, gatos de persoal e seguros. D) nas contas bancarias a nome da Sra. Purificacion figura coma autorizado o Don. Felix , e misturan ingresos/gastos privados cos da actividade; E) as facturas emitidas pola Sra. Purificacion a TPSLU no ano 2007 non se pagaron a 31.12.2007 e F) non foi ata o 08.05.2008 cando obtén autorización da XUNTA coma empresa para o transporte sin limitación de mercadorias (ata esa data utilizaba o certificado de capacitación profesional do Don. Felix ).

SEGUNDO.-O recorrente discrepa da conclusión da inspección con base en: a) parten de que a Sra. Purificacion está casada - en réxime de gananciais- co Don. Felix cando esto non é certo: non existe matrimonio e só comparten dous fillos en común ( nados en 1991 e 2000 ); b) durante o ano 2002 estivo contratada por TPLSLU adquirindo experiencia e coñecementos do sector e procedendo no ano 2003 a independizarse- alta de 17.01.2003 no epígrafe 722 do IAE, alta coma empresaria de 30.01.2003 e alta de oficio no réxime de autónomos de 11.03.2003: adquire tres vehículos ( dous por subrogación no leasing suscrito por TPLSLU e o terceiro, o 23.12.2003 cun leasinga asinado co Banco de Galicia ); os dous primeiros os vende o 2.04.2008 ( a TPLSLU ) e a Coruñesa Motor SA o 26.04.2007; adquire por leasing outro vehículo o 04.2008 c) para manexa-los vehículos contrata o 30.01.2003 a Dº Martin e Dº Saturnino ; formaliza ata 15 contratacións ( baixas e altas ), c) paga autónomos, contrata a unha empresa externa os servizos de contabilidade, contable e de SSª e recibe denuncias por infraccións de tráfico, d) o 08.05.2008 recibe da Xunta a autorización de empresa de transporte de mercadorais sen limitación por estrada e o 01.04.2008 recibe licenza de T.Internacional de mercadorías, e) as contas dos bancos ETCHEVERRIA, BANCPO POPULAR ESPAÑOL e CAIXA GALICIA ( nas que figura coma autorizado o Don. Felix ) recollen os gastos da actividade ( xestoria, combustible, leasinga, cota de autónomo, impostos, pagos recibidos de Transportes Bernardino Prado SL...) e só na de Caixa Galiza figuran algún gastos persoais; f) utiliza para os vehículos as naves de TPLSLU e o custo se inclúe ( sen mención expresa ) nas facturas xiradas a esta sociedade polos transportes; g) reclamoulle a TPLSLU, nun proceso monitorio, o pagamento das débedas

Alega como actos propios que vincularían á AEAT: a) non se procede á baixa censal da recorrente, b) non se inspecciona o exercicio fiscal 2005 que non estaba presrito, nin o exercicio do ano 2008 cando a inspección iniciárona o 20.03.2009; c) inspeccionaron o ano 2004 da actividade de Dº Felix , reflectindo os pagos á Sra. Purificacion - dilixencia de 13.11.2006- sen poñelos en cuestión; d) inspeccionaron á sociedade TRANSPORTES BERNARDINO PRADO SL - coa quen a Sra. Purificacion mantén unha idéntica relación que con TPLSLU- sen cuestiona-las facturas: a inspección rematou con duas actas de conformidade polo IVE e I.Sociedades dos anos 2006/2007 de escasa relevancia e e) inicio de actuacións de comprobación limitada do IRPF ano 2008 par acomproba-la regularidade da aplicación do réxime de estimación obxectiva.

TERCEIRO.-Con estes datos e outros que resultan do expediente e documentación da parte o que toca é determinar se resulta acreditado que nos anos 2006/2007 a Sra. Purificacion desenvolveu unha actividade empresarial autónoma ou, pola contra, que a simulou co fin de mingua-la tribución de ITPSLU, que era que, realmente, dirixia a actividade de transporte.

Coma indica a consulta 1360/2005 da DXT: para os efectos do Imposto sobre o Valor Engadido, considérase empresario ou profesional a quen realice a ordenación por conta propia de factores de produción materiais e humanos ou dun deles, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos. E estes empresarios ou profesionais así definidos teñen a obriga de expedir factura polas operacións que realicen segundo o disposto no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

É dicir, tanto a alta no censo de contribuíntes como no Imposto sobre Actividades Económicas non son requisitos necesarios para a cualificación dun suxeito como empresario ou profesional. Abonda con que se realice unha actividade que teña o devandito carácter para que se considere que o suxeito que a leva a cabo teña a consideración de empresario ou profesional para os efectos do Imposto sobre o Valor Engadido.

Do dito resulta que o relevante é acreditar que a Sra. Purificacion realizou a ordenación por conta propia dos factores de producción propios dunha actividade de transporte por estrada.

Para resolve-la cuestión un primer elemento a dirimar é a relación que existe entre a Sra. Purificacion e o Sr. Felix ( accionista único e administrador de TPLSLU ).

Sen dúbida, coma indica o letrado da recorrente, non é competencia da inspección de tributos cualificar una relación afectiva e a súa intensidade; mailo dito, si é relevante a estes efectos determinar se falarmos de persoas vinculadas ou, pola contra, persoas que teñen unha simple relación profesional, dado que, no primeiro caso é mais doado construir unha simulación - pola confianza existente.

Concordamos co letrado do Estado na perplexidade que resulta da declaración do IRPF do ano 2006 que o Don. Felix presenta, identificándose coma casado e sendo o seu conxuxe a Sra. Purificacion , con dous fillos menores que conviven con eles, e optando pola declaración conxunta. Comparten, polo tanto, o mesmo domicilio fiscal e nada acreditan os certificados de empadroamento que achega que son do ano 2010.

Este si é un FEITO PROPIO que se ben non é certo: non están casados, evidencia que cualifican a súa relación coma un matrimonio, e sen entrar en calquera outra consideración si é presumible que cumpren coas esixencias do artigo 68 Ccivil e, polo tanto, que se acudiren mutuamente, se apoian e, coma consecuencia, que é posible - pola relación de confianza- a constitución formal de dous negocios cando, na realidade, e un só o existente.

Feita esta primera aproximación compre precisar que a relación existente entre as partes non é, en por si, indicativa de ningún fraude/simulación, e para chegar á mesma conclusión que a inspección son necesarias maiores probas/indicios.

Para estes efectos, debe terse en conta que a mencionada clase de probas indiciarias ou de presuncións non só son idóneas senón que son, mesmo, necesarias e, ás veces, imprescindibles cando se trata de acreditar a simulación, especialmente no que se refire ao elemento subxectivo que a integra. '.

Tendo en conta que a simulación constitúe a confección artificiosa dunha aparencia destinada a velar a realidade que a contradí, é obvio que a proba da simulación encerra unha gran dificultade, pois no negocio simulado adoitan concorrer todos os requisitos externos que constitúen a aparencia xurídica e, polo tanto, a proba ha de basearse en presuncións que fundamenten a convicción da existencia do negocio simulado. Neste sentido, a sentenza da mesma Sala do 11 de febreiro de 2005 , tras poñer de manifesto a dificultade da proba da simulación contractual, acrecentada polo natural empeño que poñen os contratantes en facer desaparecer todos os vestixios da simulación e por aparentar que o negocio é certo e efectivo reflexo da realidade, sinala que,

'a doutrina desta Sala admite como suficiente a proba de presuncións, a cal se configura en torno a un conxunto de indicios, que se ben tomados individualmente poden non ser significativos, e mesmo cabe que sexan equívocos, non obstante, en conxunto e en relación coas circunstancias, son reveladores da actuación simulatoria. ' Mais recentemente, a mesma Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, en sentenza do 17 de maio de 2010 , advirte que:

'Para estes efectos debe terse en conta, como sinala o Avogado do estado, que a mencionada clase de probas indiciarias ou de presuncións non só son idóneas senón que son, mesmo, necesarias e, ás veces, imprescindibles cando se trata de acreditar a simulación, especialmente no que se refire ao elemento subxectivo que a integra,'.

Para estes efectos, o artigo 108 da Lei 58/2003, Xeneral Tributaria , baixo o epígrafe 'Presuncións en materia tributaria', dispón que:

1. 'As presuncións establecidas polas normas tributarias poden destruírse mediante proba en contrario, agás nos casos en que unha norma con rango de lei expresamente o prohiba.

2. Para que as presuncións non establecidas polas normas sexan admisibles como medio de proba, é indispensable que entre o feito demostrado e aquel que se trate de deducir haxa un enlace preciso e directo segundo as regras do criterio humano' ».

Conforme á doutrina deste Tribunal Central consagrada en numerosas resolucións que por reiteradas obvia reproducir, tal enlace dáse cando concorren os requisitos de 'seriedade' naquel nexo entre o feito coñecido e a consecuencia extraida que permita considerar esta nunha orde lóxica, como extremadamente posible; 'precisión', ou, o que é o mesmo, que o feito ou feitos coñecidos estean plena e completamente acreditados e sexan claramente reveladores do feito descoñecido que pretende demostrarse; e, concordancia' entre todos os feitos coñecidos, que deben conducir á mesma conclusión.

Coma recollemos no FX 1º a inspección fai unha relación de indicios que acreditarían que a Sra. Purificacion non realizaba unha actividade empresarial autónoma senón que, na realidade, era unha prolongación da actividade de TPLSLU.

Datos moi relevantes que apoian esta pretensión son: a) TPLSLU e a Sra. Purificacion teñen coma único provedor de servizos a Transportes Bernardino Prado SLU; b) TBPSLU e a Sra. Purificacion comparten a oficina no Lg. LAS TABLAS-14 Oza dos Rios ( recoñece o uso das instalacións nas alegacións ó acta aínda que alega que a oficina a ten na casa - non consta que declare m2 afectos ), onde se estacionan os vehículos da Sra. Purificacion e de TPLSLU; na apertura da conta no Banco Etcheverria SA indica coma enderezo o das Tablas-14. c) a Sra. Purificacion carece - ata o ano 2008- de habilitación - certificado de capacitación profesional- ( Lei 16/1987 ) para o transporte por estrada utilizando o de TPLSLU; d) utiliza os remolques propiedade de TPLSLU - como se recoñecen nas alegacións ó acta de non conformidade- sen que conste pagamento de cantidade ningunha; no recurso de reposición á liquidación muda parcialmente esta alegación e remítese ós movementos da conta de Caixa Galicia para acredita-lo aluguer de remolques.e ) nas contas bancarias que reflicten os pagamentos vinculados coa actividade ( cotas leasing, nóminas, seguros, .. ) figura como AUTORIZADO o Sr. Felix ; f) descoñécese o resultado da reclamación xudicial dos impagos ( moi relevantes ) do ano 2007 ( subliñando, ademáis, que a reclamación é posterior ó inicio das actuacións inspectoras ), g) as cabezas tractoras - subrogamento no leasing e adquisición por leasing- adquírense sempre co aval do Sr. Felix ou das súas empresas.

Fronte a estes datos dos que é posible deducir - como fai a inspección - que o Sr. Felix ( socio único e administrador de TPL SLU e Transportes Bernardino Prado SLU ) no ano 2003 decide - por razóns de aforro fiscal- desagregala súa actividade de transporte en dous: a) TPLSLU e b) Sra. Purificacion , sendo el quen, na realidade, dirixe ámbalas dúas empresas - é o único con capacitación profesional recoñecida para facelo- ( de feito son unha soa, ou mellor dito, a actividade empresarial da Sra. Purificacion é inexistente ), temos que as alegacións e probas que achega a Sra. Purificacion só acreditan a creación dunha apariencia, necesaria para vesti-la simulación: sinatura dos contratos, pagos de cotas da SSª, impostos e multas... sen que achegue proba ningunha de que dirixe a empresa de transportes de que é titular: ordenes ós empregados, relacións co consignatarios, depositarios.. búsqueda de clientes....

CUARTO.-Concordamos coa Inspeccion en que, nos anos obxecto de comprobación, a Sra. Purificacion non realizou unha ordenación por conta propia de medios materias e humanos senón que xerou unha simple apariencia de actividade empresarial co fin de mingua-la tribución de TPL SLU, e esta actuación, tal e coma indica a administración debe ser cualificada de SIMULACIÓN e non de conflicto de norma ou de opción lexítima fiscal.

Coma dixemos na sentenza 427/2013 ( nun suposto moi semellante ó presente): Ante esta formulación, e avanzando o resultado das actuacións inspectoras tal como foron valoradas na vía administrativa polos órganos da inspección tributaria, e agora por este Tribunal, cabe dicir que o que se esconde tras a alta da Sr.a Angelica no IAE, é unha simulación, isto é, a aparencia de dúas actividades económicas distintas, a da Sr.a Angelica e a da entidade da que é socia e administradora, cando realmente o que se viña desenvolvendo era unha única actividade, a da actora, e non a da socia, pretendendo con tal simulación unha menor tributación para a sociedade.

E este comportamento non merece outra cualificación que a de simulación. Non estamos ante un suposto de conflito na aplicación da norma. Se os perfís de actuación da actora e a súa socia non se acomodan ao que representa a práctica dunha fórmula xurídica valida, isto é, dunha opción fiscal válida, tampouco se acomodan ao que se coñece como 'conflito na aplicación da norma'.

En efecto, o artigo 15 da vixente Lei Xeral Tributaria , Lei 58/2003, ofrece unha nova regulación sobre a figura da fraude de lei, que agora se denomina 'conflito na aplicación da norma', aínda que recolle a doutrina xurisprudencial anteriormente existente sobre a materia, centrada no abuso das formas xurídicas tendo en conta a realidade social do momento, como criterio hermenéutico de interpretación da norma ( art.º 3.1 CC ).

O Tribunal Supremo en Sentenza do 20 de setembro de 2012 (recurso número 6231/2009 ), declara ao respecto o seguinte:

'Como puxo de relevo a doutrina actual máis autorizada, en moitas ocasións, as posibilidades de actuación (planificación fiscal) teñen orixe en certas lagoas legais, que son aproveitadas de forma sibilina polo contribuínte 'eludindo' ou 'reducindo' considerablemente a carga tributaria. Estas operacións certamente complexas de 'enxeñaría fiscal' que aproveitan a 'abertura' que deixa a Lei presentan contornos certamente confusos pola dificultade de distinguir na práctica entre negocios xurídicos 'válidos', a través das que se coñecen comunmente como 'economías de opción', doutro tipo de negocios xurídicos que poderiamos chamar 'anómalos', ou con abuso de dereito (tax avoidance empregando a terminoloxía anglosaxona). Estes últimos á súa vez poderían ser de dous tipos:

A.- O conflito na aplicación da norma tributaria (fraude de lei baixo a vixencia da Lei anterior) caracterizado porque a través dunha conduta artificiosa pero con aparencia de legalidade se 'elude' a realización do feito impoñible; a esencia da elusión fiscal é que non se produce vulneración directa de norma ningunha e ten os seus límites coa planificación fiscal lícita.

O que integra a fraude é unha conduta que en aparencia é conforme a unha norma ('norma de cobertura') pero que produce un resultado contrario a outra ou outras ou á orde xurídica no seu conxunto (norma defraudada). E ambas as dúas condutas (en fraude de lei ou en simulación) quedan claramente delimitadas das denominadas economías de opción. Na fraude de lei non hai ocultación fáctica senón aproveitamento da existencia dun medio xurídico máis favorable (norma de cobertura) previsto para o logro dun fin diverso, para o efecto de evitar a aplicación doutro menos favorable (norma principal) e a el co obxecto de diminuír a carga tributaria.

B.- A simulación ou conduta enganosa que de forma indirecta 'evade' a norma tributaria. A simulación a diferenza do 'conflito' caracterízase porque as partes queren un fin distinto da causa típica do negocio. Na simulación se 'evade' a norma, mentres que no 'conflito', non existe 'evasión' senón 'elusión' do precepto aplicable. En efecto, na fraude á lei tributaria, inténtase 'eludir' a realización do presuposto de feito da imposición, poñendo en práctica outros feitos que permiten a consecución de análogo resultado económico.

Viría a supoñer 'a consecución dun resultado económico' por medios xurídicos distintos aos normais, medios xurídicos que natural e primariamente tenden ao logro de fins diversos, que non están gravados ou o están en medida máis reducida que aqueles medios normais ou usuais,'.

A doutrina civilista e tributarista viñeron admitindo que as fronteiras entre o negocio simulado, fraudulento e indirecto son difusas, debendo estarse ás circunstancias do caso concreto.

As dificultades de cualificar condutas como as adoptadas neste caso pola actora e a súa socia (de planificación fiscal, conflito de norma ou simulación) non pasou desapercibida para este Tribunal, que en sentenza do 11 de xullo de 2011 (recurso números 15646/2010 e 15647/2010 ), ante un suposto de feito semellante ao analizado neste procedemento se pronunciou no sentido de que:

'A diferenza dun e outro suposto é dificil, do que é mostra a xurisprudenza comunitaria, así ou resolver vos asuntos acumulados Gemeente Leusden e Holón Groep BV, ou TJCE tivo ocasión de insistir na existencia de supostos en que unha práctica aparentemente abusiva pode resultar lexítima, pois 'non' pódese reprochar a un contribuínte terse beneficiado dunha disposición ou dunha lagoa lexislativa que lle permitía pagar menos impostos' (apartado 79), apuntando así a necesidade de distinguir entre vos supostos en que se aproveita unha determinada disposición ou unha lagoa para reducir a débeda tributaria (planificación fiscal) e aqueles outros en que se desenvolven transaccións artificiosas co propósito de conseguir vantaxes fiscais (elusión fiscal) que constituiría un abuso do Dereito comunitario.

Na sentencia Part Service Srl (Asunto C-425/06), o TJCE aclara que 'pode declararse a existencia dunha práctica abusiva cando a busca dunha vantaxe fiscal constitúa a finalidade esencial dá operación ou operacións de que se trate'.

Respecto ó noso marco legal, o propio TC referiuse á fraude á lei tributaria como un 'rodeo' ou 'contorno' legal, consistente nun 'comportamento que persegue alcanzar o obxectivo de diminuír a carga fiscal do contribuínte aproveitando as vías ofrecidas polas propias normas tributarias, se ben utilizadas dunha forma que non se corresponde co seu espírito' ( sentenza 120/2005, do 10 de maio ).

Como indica o membro do TS Sr. David : O TS delimitou con precisión non só a diferenza conceptual entre as condutas de fraude á lei e simulación, senón que precisou cúal é a que debe aplicarse en cada caso. Así, na sentenza do 30 de novembro de 2007 , o Tribunal entendeu que nin a chamada cualificación económica (o artigo 28.2º, agora artigo 13 da LGT ) nin a norma sobre a simulación (o artigo 25, agora artigo 16 da LGT ), eran suficientes para combater actos ou negocios reais e válidos, levados a cabo para rebaixar ou evitar unha determinada tributación, sendo a fraude de lei o instrumento adecuado se 'existían actuacións artificiosas creadas para obter só vantaxes fiscais, todo iso ao abeiro de normas ditadas con distinta finalidade'.

O TC, na sentenza 120/2005, do 10 de maio , estableceu con claridade a distinción entre fraude á lei e simulación, baseada, esencialmente, na falta de ocultación ou engano que caracteriza a a primeira destas condutas, de modo que 'mentres que a

simulación negocial entraña como elemento característico a presenza dun engano ou ocultación maliciosa de datos fiscalmente relevantes, na fraude de lei tributaria non existe tal ocultamento, posto que o artificio utilizado salta á vista', de modo que a simulación debe quedar sempre excluída cando se actuou con transparencia, realizando negocios cuxos efectos son queridos e se producen realmente, por moito que o seu emprego de lugar a unha menor tributación que se se tería acudido a unha forma negocial alternativa '.

No suposto obxecto de análise nesta litis, a alta da socia na actividade de transporte de mercadorías por estrada, constitúe unha simulación, isto é, unha aparencia negocial creada artificiosamente para esconder a realidade, cual era a actuación dunha única empresa cuxo volume de ingresos impedía a aplicación do réxime de estimación obxectiva.

E aquí, como no suposto analizado na sentenza do 11 de xullo de 2011 , non xustifica a actora que concorran os elementos precisos para poder apreciar a fraude de Lei, ou o que agora se denomina conflito na aplicación da norma, e que, como queda dito, recolle a doutrina xurisprudencial anteriormente existente sobre a fraude da lei tributaria.

Na fraude de lei non se realiza o feito impoñible, de modo que non chega a producirse a débeda tributaria. Aquí pola contra, creouse unha realidade aparente (existencia de dúas empresas distintas) para encubrir ou ocultar maliciosamente unha realidade diferente (existencia dunha única empresa e dunha única actividade dirixida e desenvolvida pola actora), e a el co obxecto de evadir a norma de tributación dos rendementos obtidos coa devandita actividade. E esta conduta representa unha verdadeira simulación.

Idéntico criterio mantemos no actual suposto, polo que, confirmamos que estarmos nun suposto de simulación.

QUINTO.-Compre resolver outros atrancos alegados polo recorrente, en especial, a infracción da doutrina dos actos propios/confianza lexítima. En concreto, sostén que é incongruente que a AEAT non lle dea de baixa no censo de empresarios, que non fose obxecto de comprobación o ano 2005 e, asemade, que realizadas outras inspeccións - en anos antecedentes- ó Sr. Felix e as súas sociedades, nestas non se cuestionou a facturación realizada pola Sra. Purificacion .

Verbo da NON BAIXA no censo de actividades, é dicir, non segui-lo procedemento previsto no art. 144 e ss RDL 1065/2007 e non resolver, expresamente, declarando a rectificación censal, compre indicar que, coma recolle o propio recorrente, na sentenza 225/2013 xa resolvimos que é posible que sexa a inspección, no curso dunhas actuacións de inspección dun tributo, quen realice a comprobación censal, coma acontece- implícitamente- no presente caso; a esto engadimos que non é unha consecuencia necesaria desta inspección que coma resultado ( recollido na decisión ) se reflicta a rectificación censal, xa que esta decisión carece de relevancia practica e está implícita no propio acordo de liquidación. É dicir, o acordo da AEAT declarando a simulación ( empresa ficticia ) supón rectifica-la declaración censal relativa ós anos 2006/2007 sen necesidade de decláralo de xeito expreso e sen necesidade anotación no rexistro correspondente, polo que non concorre irregularidade de ningún tipo poe este motivo.

Tampouco o feito de que non inspeccionaran o IVE do ano 2005 - cando ainda non transcorrera o prazo de prescrición da acción para liquidar- supón que a AEAT admita a validez da facturación dese ano ( ou que recoñeza que nesa ano si existía unha actividade empresarial real ); a doutrina dos actos propios só é de aplicación para os actos positivos e non para a non actividade e a esto engadimos que, coma resulta do expediente, as actuacións seguidas contra a Sra Purificacion son consecuencia dun plan de inspección ( programa 10120) que afecta ás SOCIEDADES Y SOCIOS: SECTOR TRANSPORTES e relativo ós anos 2006/2007; a non ampliación das actuacións a exercicios anteriores - art. 178.5 RD 1065/2007 - non supón a conformidade co declarado e puido ser corrixido polo propio recorrente - art. 179 do Rd citado, polo que tampouco estarmos ante unha causa de nulidade.

Tampouco resulta infrinxida a doutrina dos actos propios/confianza lexítima porque, no decurso doutras comprobacións ó Sr. Felix e ás súas sociedades non se puxera en cuestión a actividade empresarial da Sra. Purificacion .

A eficacia destas comprobacións limitadas é a prevista no art. 140 Lei 58/2003 , e se ben é certo que quizabes fose - no seu momento- convinte unha comprobación coordinada de tódolos contribuintes que formaban o núcleo de actividade do Sr. Felix (coma parece ter acontencido verbo dos anos 2006/2007), ningunha norma a impón.

O feito de que por activa (comprobación ás empresas e o Sr. Felix ) ou pasiva (non inspeccionaron os exercicios 2003/2004/2005) non se cuestionaria se a Sra. Purificacion realizaba ou non unha auténtica actividade empresarial nos anos precedentes só podería ter relevancia - no seu caso- a efectos sancionadores, mais non impiden as actuacións de comprobación e inspección de exercicios tributarios diferentes. En ningunha das actuacións da inspección dos exercicios previos se reflicte un recoñecemento expreso - tras unha inspección polo miudo- de que a actividade da Sra. Purificacion é real, polo que, a actuación da AEAT non infrinxe os principios de confianza lexítima e a doutrina dos actos propios.

O dito carreta que rexeitámo-lo recurso.

SEXTO.-Impoñenselle as custas ata a contía máxima de 1.500 euros para cubri-los custos de representación e asistenza xurídica, de conformidade co disposto no artigo 139 da Lei Xurisdicional .

VISTOS os artigos citados e demais de pertinente aplicación,

Fallo

Que REXEITÁMO-LO recurso contencioso-administrativo presentado por Dª Purificacion contra a resolución de 10.07.2013 do TEAR (Liquidación IVE anos 2006/07, exped. NUM001 ). Impoñenselle as custas ata a contía máxima de 1.500 euros.

Notifíquese ás partes e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución. Contra esta resolución teñen un recurso de CASACION EN INTERESE DE LEI, nos termos - de lexitimación - que establece o art.100.1 LXCA no prazo de TRES MESES a presentar na Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo cos requisitos que establece o art.º 100.3 LXCA .

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACION. - A sentenza anterior foi lida e publicada o mesmo día da súa data, polo Ilmo. Sr. Maxistrado Relator D. FERNANDO FERNÁNDEZ LEICEAGA ao estar a celebrar audiencia pública a Sección 004 da Sala do Contencioso- Administrativo doTribunal Superior de Xustiza de Galicia. Dou fe. A CORUÑA, catro de xuño dous mil catroce.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.