Sentencia Administrativo ...yo de 2016

Última revisión
21/09/2016

Sentencia Administrativo Nº 436/2016, Tribunal Superior de Justicia de Galicia, Sala de lo Contencioso, Sección 3, Rec 7617/2012 de 30 de Mayo de 2016

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 13 min

Orden: Administrativo

Fecha: 30 de Mayo de 2016

Tribunal: TSJ Galicia

Ponente: VILLARES NAVEIRA, LUIS

Nº de sentencia: 436/2016

Núm. Cendoj: 15030330032016100338

Resumen:
EXPROPIACION FORZOSA

Encabezamiento

T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.3

A CORUÑA

SENTENCIA: 00436/2016

RECURSO: PROCEDIMIENTO ORDINARIO 7617/2012

DEMANDANTE: Cesar

Procurador: JAVIER CARLOS SANCHEZ GARCIA

Letrado: JUSTO DIAZ RODRIGUEZ

DEMANDADA: ADMINISTRADOR DE INFRAESTRUCTURAS FERROVIARIAS (ADIF)

Procurador: MARIA LUISA PANDO CARACENA

Letrado: ALICIA RAMIREZ JIMENEZ

SENTENZA

Ilmo. Sr. Presidente:

Julio Cibeira Yebra Pimentel

Ilmos. Sres. Maxistrados :

Blanca María Fernández Conde

Luís Villares Naveira (Relator)

A Coruña, 31 de mayo de 2016.

Antecedentes

Primeiro-. Actividade administrativa impugnada. Posicións das partes.

A parte recorrente presenta unha demanda ante a Sala, que é aquendada a esta Sección, sendo designado Maxistrado Relator Luís Villares Naveira.

A demandante impugna a resolución do ADIF que mediante silencio administrativo rexeita o recurso en alzada contra a resolución de data 5/1/2011 relativa á orde de pagamento de xuros devindicados pola expropiación forzosa 'Proxecto novas instalacións para mercadorías en Gándaras de Piñeiro', con Expediente nº NUM000 sobre as parcelas nº NUM001 ; NUM002 e NUM003 .

Os argumentos en que se fundamenta o escrito da parte demandante son os seguintes:

a. Existe un erro na determinación dos días polos que se deben aboar os xuros, xa que o período de demorar abranguer dende o 24/10/2006 ata o 8/10/2010, data do aboamento efectivo do prezo xusto;

b. A data final é o 8/10/2010 e non o 6/8/2010, xa que é a que consta como de recepción da cantidade;

c. En consecuencia, os xuros de demora na fixación e pago do prezo deben computarse en toda a súa extensión ata o seu completo pagamento.

A demandada oponse ás pretensións actoras polos seguintes motivos: os xuros están ben calculados, porque se descontou determinado exceso no tempo de resolución do xurado, que non resulta imputable á demandada, e a data de pagamento é a que consta no expediente e non a pretendida pola actora.

Segundo-. Tramitación procesual. Proba practicada e contía do procedemento.

Admitida a trámite a demanda e deducida polos trámites do procedemento ordinario, foi practicada proba sen vista, nos termos que obra en autos.

A contía do procedemento fixouse en 40981,49 euros.

Terceiro-. Feitos probados.

Resultou probado neste procedemento que:

- O procedemento para a determinación do prezo xusto foi enviado polo ADIF ao Xurado provincial de expropiación en data 23/4/2008, e a notificación da resolución a este ente, tras a tramitación do recurso de reposición formulado polo interesado, foi de data 2/11/2009;

- A data de aboamento do prezo xusto á propiedade foi a de 8/10/2010;

- O recurso de alzada formulado en relación ás parcelas NUM002 e NUM003 contiña un cálculo de xuros idéntico ao da nº NUM004 , sen que coincida o capital sobre o que se proxectan.


Fundamentos

Primeiro. Sobre a proba dos feitos en que as partes fundamentan cadansúa pretensión procesual.

Da proba documental que consta nos autos, singularmente aos folios 19 e 20 de autos e documento nº 20 do expediente, valorada conforme as regras establecidas nos artigos 60.4. LXCA e 316, 319 e 326 LAC, pode concluírse que:

- A data de aboamento do prezo xusto á propiedade foi a de 8/10/2010.

- O recurso de alzada formulado en relación ás parcelas NUM002 e NUM003 contiña un cálculo de xuros idéntico ao da nº NUM004 , sen que coincida o capital sobre o que se proxectan.

Segundo. Sobre a incorrecta formulación de pretensións procesuais. Existencia de desviación procesual parcial na demanda.

Pon de manifesto a demandada que a actora fai unhas peticións no suplico que difiren substancialmente das formuladas na vía administrativa, concretamente en relación ás parcelas NUM002 e NUM003 , xa que nelas repítese o cadro de xuros previsto para a parcela nº NUM004 , cando realmente isto non podería ser así, dado que son parcelas diferentes e teñen unha valoración diferente, polo que a petición de xuros idéntica nos tres casos non está xustificada. A actora garda silencio na quenda de conclusións sobre este punto.

Isto obríganos en primeiro lugar a indagar no expediente administrativo se a afirmación é certa, o que se comproba positivamente nos correlativos documentais nº 23 de cadanseu expediente incorporado aos autos, no tocante ao recurso de alzada. No contraste entre eles vemos realmente que todos eles teñen erros na individualización das peticións, porque incluso o que está ben calculado consonte coas súas teses, o nº NUM004 , contén a maiores un recadro que se corresponde con outra parcela obxecto doutro procedemento. Así e todo, podemos deducir sen erro cal é a pretensión dese recurso, o que non podemos concluír no caso das outras dúas parcelas, xa que neses casos a cifra nin é a que figura no recadro, nin semella deducible del, ao se tratar de cifras de capital diferentes. Polo demais, o erro é esencial, dado que é o único obxecto da reclamación, polo que non pode admitirse unha simple confusión aritmética, polo demais non alegada polo demandante, que malia o seu extenso escrito de conclusións non fai mención a este particular.

A translación xurídica desta situación fáctica é a concorrencia dunha desviación procesual, que en modo ningún cabe subsumir dentro do art. 56.1. LXCA , porque o que a norma permite é a alegación de motivos novos, pero non a alteración da pretensión, que é o que aquí se deduce do contraste entre a demanda e os recursos de alzada dos procedementos relativos ás parcelas nº NUM005 e NUM006 , polo que non cabe acoller a pretensión por estar indebidamente formulada.

A consecuencia é que só poderá examinarse o contido da pretensión relativa á parcela NUM004 , por referir a demanda unha pretensión congruente coa intentada na vía administrativa.

Terceiro-. Sobre o período de cómputo dos xuros de demora.

En relación xa coa parcela nº NUM004 unicamente, discrepan as partes sobre a cuantificación de xuros de demora en dous puntos, a saber: sobre a determinación do dies ad quem, é dicir, o día final que vén determinado polo momento do pago do prezo xusto, en que se aboa a diferenza entre o consignado no depósito previo e o prezo final resultante; e sobre se sebe computarse todo o tempo transcorrido entre ese feito e a acta de ocupación, ou se se debe descontar algún período de tempo.

A. Período de demora.

Comezando por este último punto, sostén a administración que o lapso de tempo que o Xurado tarde en decidir de xeito definitivo que supere os tres meses non pode ser imputado a ADIF, senón que o devandito período ten un cauce procedimental diferenciado que se lle debe esixir ao Estado.

A Lei de expropiación forzosa (LEF) dispón a este respecto que:

'Artigo 56.

Cando transcorresen seis mesesdesde a iniciación legal do expediente expropiatorio sen que se determinase mediante resolución definitiva o xusto prezo das cousas ou dereitos , a Administración expropiante culpable da demoraestará obrigada a lle aboar ao expropiado unha indemnización que consistirá no xuro legal do xusto prezo ata o momento en que se determinase que se liquidará con efectos retroactivos unha vez que o xusto prezo foi efectuado.' .

No mesmo sentido, e desenvolvemento o tema da responsabilidade por demora enunciada na Lei, o Regulamento de expropiación forzosa (REF) indica:

'Artigo 72.

1. A responsabilidade por demora imputaráselle ao seu causante. Se este for o beneficiario da expropiación, o Xurado decidirá sobre a súa procedencia e contía ao fixar o xusto prezo.

2. Cando o atraso sexa imputable á Administración expropiante ou ao propio Xurado de Expropiación, a responsabilidade esixible quedará comprendida no parágrafo 1 do artigo 121 da lei e farase efectiva de acordo co procedemento previsto neste regulamento para tal suposto.'

Unha vez enviado o expediente ao Xurado, que se produce en data 23/4/2009, este dispón dun período de tres meses para resolver a fixación do prezo xusto, por aplicación do art. 42.3. LRXAP-PAC, de aplicación a este suposto, o que non foi discutido polas partes. Isto implica que tras a superación destes tres meses, a administración responsable da demora é a que infrinxe o prazo máximo para resolver, no caso de autos, o Xurado, en tanto non o faga e dea traslado a ADIF do resultado, o que se produce en data 2/11/2009. En consecuencia, entre o 23/7/2009 e o 2/11/2009 o retardo non lle pode ser imputado a ADIF (o resto, que a demandada non discute, si.

Logo consonte coa normativa de referencia, non todo o período existente entre a acta de ocupación e o pagamento do prezo xusto é computable para os efectos de determinar os xuros de demora, senón que debe excluírse o período de 23/7/2009 ao 2/11/2009. Debe prevalecer así a tese da administración e o recurso ser rexeitadoneste punto, ao non se poder acoller a táboa de liquidación de xuros proposta na demanda e no recurso de alzada.

B. Data do aboamento do prezo xusto.

O seguinte dos puntos litixiosos é a determinación do día final para o cómputo. Aquí a demandante sostén que foi o día 8/10/2010, mentres que a administración afirma que foi o 6/8/2010.

Ambas partes presentan documental sobre este momento, polo que haberá que examinar a contradición existente entre ambas. Vexamos.

Consta no expediente, como Documento nº 23, con 19 folios, entre outros documentos, dous documentos denominados ' ACTA DE PAGO DEL JUSTIPRECIO POR RESOLUCIÓN DEL JURADO' e ' RECIBO RESOLUCIÓN DEL JURADO' (ff. 12 a 14). Ambos documentos, na parte impresa pola administración, conteñen como data do documento a de 6/8/2010. Pola contra, a sinatura do demandante en ambos, no reverso, contén ao pé da sinatura, de forma igualmente manuscrita, a mención da data ' 8/10/2010' . Debemos salientar que estes documentos forman parte do expediente, polo que non puideron ser modificados polo demandante. É importante que no expediente consta a data de 8/10/2010 e ese documento foi recibido e custodiado pola administración -contén sinatura do representante da administración e da beneficiaria, de xeito que ten que admitilo como propio e para facer plena proba debe esta proxectarse sobre a integridade, non sobre o que beneficia a ADIF.

En consecuencia, ante a contradición entre datas de documentos que constan no expediente, e dado que sería estraño que se asinase a acta de pago en data 8/10/2010 se o recibo fose de data 6/8/2010, debemos concluír que o lóxico -e non se alegou nada en contra- é que houbese unha soa data de sinatura de documentos, polo que esta será a de outubro e non a de agosto, xa que a data da sinatura debe prevalecer como incorporación posterior no momento da comparecencia sobre a elaboración do formulario, algo que os demais asinantes parecen avalar cos seus autógrafos concorrentes. Polo tanto, debe ser acollido o recurso neste punto, e dar por data do aboamento o 8/10/2010.

O argumento de que o cheque foi librado o 15/7/2010 non se discute á vista da documental achegada polo propio actor, pero isto non significa que título valor chegase a poder o demandante esa data, sen que conste fehacientemente cando tivo lugar, polo que o argumento da administración, empregado para avalar a tese de que tardou moito en cobrar voluntariamente, non pode acollerse.

O resto de argumentos formulados polas partes deben ser igualmente rexeitados á vista da valoración da documental aquí realizada.

Cuarto. Consecuencias da aplicación do razoamento exposto nesta resolución.

A argumentación exposta no fundamento xurídico anterior debe conducir ao acollemento PARCIAL das pretensións da parte demandante, e proceder así este tribunal a declarar a desconformidade a dereito da resolución obxecto de recurso e, en consecuencia, a anulala ( artigo 63.1. da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común -LRXAP-PAC- e 71.1.a. LXCA).

No seu lugar, recoñecemos o dereito do recorrente a obter unha liquidación de xuros de demora por retardo no pago do prezo, que inclúa, a maiores do xa percibido, e en relación exclusivamente á parcela nº NUM004 , o período concorrente entre o 6/8/2010 e o 8/10/2010 ; ao mesmo tempo condenamos a ADIF á adopción das medidas que sexan necesarias cumprimento deste pronunciamento ( artigos 71.1.a e b LXCA ).

Quinto. Sobre as custas do procedemento.

De conformidade co establecido no artigo 139.1 da LXCA , o acollemento parcial das pretensións determina a non imposición das custas a ningunha das partes.

Logo de ver os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, este Tribunal dita a seguinte

Fallo

Que, con acollemento parcialdo presente recurso contencioso-administrativo PO nº 7617/2012 interposto contra a resolución do ADIF que mediante silencio administrativo rexeita o recurso en alzada contra a resolución de data 5/1/2011 relativa á orde de pagamento de xuros devindicados pola expropiación forzosa 'Proxecto novas instalacións para mercadorías en Gándaras de Piñeiro', con Expediente nº NUM000 sobre as parcelas nº NUM001 ; NUM002 e NUM003 , debemos:

Primeiro:declarar a desconformidade a dereito da resolución obxecto de recurso que, en consecuencia, anulamos, no seguinte sentido: recoñecer o dereito do recorrente a obter unha liquidación de xuros de demora por retardo no pago do prezo, que inclúa, a maiores do xa percibido, e en relación exclusivamente á parcela nº NUM004 , o período concorrente entre o 6/8/2010 e o 8/10/2010; ao mesmo tempo condenamos a ADIF á adopción das medidas que sexan necesarias cumprimento deste pronunciamento ( artigos 71.1.a e b LXCA ).

Segundo-. Non facer expresa imposición das custas causadas no procedemento.

Réxime de recursos:Esta sentenza é firme e contra ela só se poderá interpoñer recurso de casación en interese de Leiestablecido no art.º 100 da Lei 20/1998 , do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso- Administrativa, polas persoas e entidades a que se refire o devandito precepto, dentro do prazo de tres meses seguintes á súa notificación. Así mesmo poderá interpoñer contra ela calquera outro recurso que considere axeitado á defensa dos seus intereses.

Depósito para recorrer:Para admitir a trámite o recurso, ao interpoñer deberá constituírse na conta de depósito e consignacións deste Tribunal (1578-0000-85-7617-12-24), o depósito ao que se refire a Disposición Adicional décimo quinta da Lei Orgánica 1/2009 do 3 de novembro (BOE núm. 266 de 4/11/09), e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACION.- A sentenza anterior foi lida e publicada, polo Ilustrísimo Sr. Maxistrado/a Relator D. Luís Villares Naveira, ao estar a celebrar audiencia pública a Sección 003 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Dou fe. A Coruña,


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.