Sentencia Administrativo ...io de 2015

Última revisión
01/02/2016

Sentencia Administrativo Nº 497/2015, Tribunal Superior de Justicia de Galicia, Sala de lo Contencioso, Sección 3, Rec 7764/2012 de 30 de Junio de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 19 min

Orden: Administrativo

Fecha: 30 de Junio de 2015

Tribunal: TSJ Galicia

Ponente: VILLARES NAVEIRA, LUIS

Nº de sentencia: 497/2015

Núm. Cendoj: 15030330032015100480

Resumen:
EXPROPIACION FORZOSA

Encabezamiento

T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.3

A CORUÑA

SENTENCIA: 00497/2015

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

SALA DO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO

Sección Terceira

Praza de Galicia, S/N CP 15071 A CORUÑA

Tel. 981 185796

Procedemento: PROCEDEMENTO ORDINARIO 7764/2012

Sobre: EXPROPIACION FORZOSA

Parte demandante: C.M.V.M.C. DE ABALO

Letrado/a: MIGUEL ANGEL LAMELA MENDEZ

procurador/a: JUAN ANTONIO GARRIDO PARDO

Parte demandada: JURADO PROVINCIAL DE EXPROPIACION FORZOSA DE PONTEVEDRA; ADIF

Letrado/a: ABOGADO DEL ESTADO; ABOGADO DEL ESTADO

Procurador/a:

Data: A Coruña, 30 de xuño de 2015

SENTENZA

Ilmo Sr. Presidente:

Julio Cibeira Yebra Pimentel

Ilmos.Sres.Magistrados :

Blanca María Fernández Conde

Luís Villares Naveira ( Maxistrado relator)

Antecedentes

Primeiro-.Actividade administrativa impugnada. Posicións das partes.

A parte recorrente presenta unha demanda ante a Sala, que é aquendada a esta Sección, sendo designado Maxistrado Relator Luís Villares Naveira.

A demandante impugna a resolución do Xurado Provincial de Pontevedra de data 5/9/2012 que rexeita en reposición o recurso presentado contra o Acordo de 7/5/2012 que fixa o xusto prezo da finca Nº 061-0, expropiada para a obra 'Eixo Atlántico de Alta velocidade. Tramo: Vilagarcía de Arousa-Catoira', xeral, Concello de Catoira.

Os argumentos en que se fundamenta o escrito da parte demandante son os seguintes:

1. Erro no xurado no valor de capitalización por hectárea, xa que se aplica mal a fórmula prevista na lei, onde se capitalizan gastos pero non ingresos;

2. fixación dun xusto prezo notoriamente superior para as parcelas con ocupación temporal e para algunhas das parcelas expropiadas con imposición de servidume, agás a que é obxecto deste procedemento;

3. vulneración do principio de indemnidade patrimonial, que o propio xurado recoñece na resolución, onde amosa sorpresa polo baixo valor co novo sistema de cálculo indemnizatorio;

4. premio de afección dun 5% sobre a suma resultante, así como responsabilidade pola demora no pagamento do prezo.

A demandada oponse ás pretensións actoras polos seguintes motivos:

1. a demandante fai unha xustificación imprecisa e confusa da súa solicitude, que polo tanto non pode atenderse;

2. as opinións do xurado sobre a reforma legal son irrelevantes xuridicamente.

Tras a práctica ca proba, a demandante ratificouse na súa posición, solicitando subsidiariamente o acollemento das teses do ditame pericial, mentres que a demandada sostivo que o método empregado polo perito xudicial incorreu en varios erros como o da cuantificación da plantación, non consideración de determinadas actividades de mantemento (corta e saca de madeira) que deberían computarse como gasto, a inaplicabilidade do factor de corrección para expropiacións forestais, xa que o regulamento en que se basea é de 2011 e o expediente de 2009, igual que sucede co de localización (aínda que logo o admite na súa cuantificación), e finalmente erro na forma de capitalizar as rendas.

Segundo-. Tramitación procesual. Proba practicada e contía do procedemento.

Admitida a trámite a demanda e deducida polos trámites do procedemento ordinario, ten lugar a vista do xuízo o día 10/2/2015, na que se practica como proba a ratificación da pericial xudicial. Consta ademais a pericial de parte e documental que obra en autos.

A contía do procedemento fixouse en 12187,09euros.

Finalizada a tramitación do procedemento, quedou sinalado para votación e fallo o día 12/6/2015.

Terceiro-. Feitos probados.

Resultou probado neste procedemento que:

· A administración ofreceu en folla de aprecio unha valoración do terreo expropiado de 1,07 €/m2;

· o valor de capitalización da renda potencial do terreo ascende a unha cantidade de 0,65 €/m2.


Fundamentos

Primeiro. Sobre a proba dos feitos en que as partes fundamentan cadansúa pretensión procesual.

Non resultaron controvertidas pola parte demandada as afirmacións fácticas sobre as que se construíu o recurso relativas a que A administración ofreceu en folla de aprecio unha valoración do terreo expropiado de 1,07 €/m2. Por iso, estes feitos téñense como probados en sentenza sen máis necesidade de proba, conforme os artigos 60.4 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (LXCA ) e 281.3 da Lei de axuizamento civil (LAC).

Segundo. Réxime legal de valoración do terreo expropiado en solo rural. Sobre a correcta determinación da capitalización da renda anual potencial.

Téndose iniciado o expediente de expropiación en data 15/1/2009, non é controvertido que para a valoración do terreo expropiado resulta de aplicación o art. 23.1.a) TR 2/2008 da Lei do Solo , que indica que:

' 1. Cando o solo sexa rural para os efectos desta Lei:

a) Os terreos taxaranse mediante a capitalización da renda anual real ou potencial,a que sexa superior, da explotación segundo o seu estado no momento ao que deba entenderse referida a valoración.

A renda potencial calcularase atendendo ao rendemento do uso, desfrute ou explotación de que sexan susceptibles os terreos conforme á lexislación que lles sexa aplicable, utilizando os medios técnicos normais para a súa produción. Incluirá, se é o caso, como ingresos as subvencións que, con carácter estable, se outorguen aos cultivos e aproveitamentos considerados para o seu cálculo e descontaranse os custos necesarios para a explotación considerada.

O valor do chan rural así obtido poderá ser corrixido á alza en función de factores obxectivos de localización, como a accesibilidade a núcleos de poboación ou a centros de actividade económica ou a situación en ámbitos de singular valor ambiental ou paisaxístico, cuxa aplicación e ponderación haberá de ser xustificada no correspondente expediente de valoración, todo iso nos termos que regulamentariamente se establezan.'

Partindo desta regulación normativa, a principal discrepancia entre as partes estriba na atribución concreta de valor a esta forma de cálculo do prezo do solo a expropiar. Para resolvela, debemos analizar a razón de ciencia dada polas partes a través dos diferentes informes periciais que constan en autos, para determinar se o valor asignado polo Xurado resulta axustado a dereito ou non.

a. O informe pericial de parte achegado pola actora na vía administrativa.

O documento no que a demandante basea as súas pretensións económicas é o Informe de Violeta , que obra no expediente administrativo (que foi remitido pola administración sen foliar -contravindo con isto, por certo, o art. 48.4. da Lei 29/1998 , reguladora da Xurisdición administrativa, en diante LXCA- o que dificulta o seu exame e cita nesta resolución).

Nel cífrase o valor potencial conforme a fórmula do método previsto no art. 23.1.a. TRLS da finca nun prezo unitario de 1,07 €/m2.

A este valor engádense no informe unha serie de conceptos, que son os seguintes: valoración do solo polo método de comparación, que se cifra en 11,45 €/m2; valor afectivo do terreo, que se cifra nun aumento dun 25% sobre o resultante; e unha valoración de perdas por valores recreativos cifrada en 0,48 €/m2.

O contraste dos termos do informe coa lei non nos permite asumir a valoración actora, dado que os conceptos engadidos ao cálculo do valor polo método de capitalización de rendas non están previstos legalmente:

· Tal cousa sucede co emprego non xustificado do método de comparación (apartado 2.1.) que se suma ao de capitalización (2.3.) no resultado de conclusión (apartado 3), xa que isto supón o emprego de dous métodos diferentes que se engaden, polo que se inclúe conceptualmente unha mesma valoración realizada por dous métodos distintos (só un dos cales está autorizado legalmente, por certo, no art. 23.1.a. TRLS).

· Tampouco está autorizado legalmente o cálculo dun premio de afección do 25%, xa que o art. 47 da Lei de 16/12/1954 de Expropiación forzosa - en diante LEF- establece un 5%, sen que a perito indique qué xurisprudencia autorice apartarse desta prescrición.

· Finalmente, a norma tampouco prevé, no sistema vixente, unha atribución de coeficientes de corrección por valores recreativos, polo que tampouco pode ser considerado.

O devandito informe, que non foi traído ao procedemento como pericial, para os efectos do seu contraste como tal tipo de proba, resulta en parte contradito implicitamente pola propia demandante, que no FX 9º da demanda sinala que o premio de afección correspondente á cantidade resultante é o 5% e non o 25%.

De todo o anterior dedúcese a imposibilidade de considerar como válido o cálculo pretendido pola demandante en base ao seu informe presentado na vía administrativa, ao apartarse de forma substancial das prescricións legais na materia que nos ocupa.

b. A xustificación de cantidades da acta do Xurado de expropiación.

O seguinte elemento a considerar, por ser o referente sobre o que se move a impugnación e servirá de base de contraste ao informe pericial xudicial que obra en autos, é o Acordo do Xurado de expropiación, tanto na instancia como na reposición.

En relación a el, a demandante denuncia que existe un erro de cálculo na aplicación da fórmula de capitalización da renda potencial, nos Fundamentos Xurídicos 11º a 14º.

Debe recoñecerse, en primeiro lugar, que asiste a razón á demandante parcialmente nunha cousa: a confusa redacción do FX 11º, onde a exposición de datos non é, ao noso xuízo, afortunada, xa que na descrición de valores adóptanse magnitudes non homoxeneas, é dicir, fálase de ingresos 'por turno' (hai catro no cálculo total); de custes por actuacións selvícolas 'nos catro turnos' e finalmente de custes de xestión 'anuais'. Como vemos temos tres conceptos que se miden en unidades de tempo diferentes, o que pode inducir a confusión, licitamente, a quen le o apartado.

Agora ben, feita esa precisión, non existe proba de que partindo do cadro de asignación de valores a estes indicadores, a aplicación da fórmula matemática non sexa a correcta (FX 13º), porque certamente debeu facerse unha conversión de todas as medidas a valores homoxéneos, seguramente, como se di na quenda de conclusións da demandada, a valor de capitalización ao ano 1. En calquera caso, correspondía acreditar ao demandante que tal operación de cálculo estaba mal feita e que non se converteran ben as magnitudes ou non se realizaran correctamente os sumatorios, o que non aparece acreditado por ningures, polo que a ausencia de proba neste punto debe prexudicarlle ( art. 217.2. da Lei 1/2000, de Axuizamento Civil , en diante, LAC) asistíndolle ademais ao Xurado neste sentido presunción de acerto ( vid. entre outras as SSTS de 16/12/2002 ou 9/1/2003 , e a abondosa xurisprudencia desta Sala e Sección, exemplificada entre outras na STSXG nº 275/2015 , de 22 de abril, FX 3º), que non foi rebatida de contrario.

A demandada fai unha consideración en relación á aplicación da fórmula coa que non podemos estar de acordo, que é a irrelevancia da operación, xa que o prezo tomado como referencia non foi o resultado dese cálculo (que para a administración en instancia sería de 0,65 €/m2 e en reposición de 0,52 €/m2, por corrección dun erro aritmético), senón o prezo ofrecido pola administración na Folla de aprecio, que ascendía a 1,07 €/m2. E non podemos estar de acordo porque tal irrelevancia só deriva de que o resultado da aplicación do método é inferior a 1,07, pero se fose superior, si que habería de terse en conta, porque sería máis beneficiosa para o demandante, o que obriga a estudar a corrección ou non da súa operación.

Descartado o valor da proposta do demandante feita na vía administrativa, resta por analizar a pericial xudicial.

c. O informe pericial xudicial de Jose Daniel .

O informe do perito xudicial comeza cunha longa disertación e mesmo con cita de normativa non vixente (a Lei 6/1998) e máis do método de comparación, que tampouco resulta aplicable, recoñecendo este extremo na páxina 10, logo da cal acomoda as súas explicacións ao método de capitación de renda potencial previsto no art. 23.1.a . TRLS.

O informe obtén un valor unitario de 5,71 €/m2, incluíndo o incremento do 10% por custos de expropiación, e coas seguintes variables de interese: en primeiro lugar, considerando un coeficiente de corrección sobre o xuro da débeda pública semestral (en función da táboa correspondente ao Anexo do RD 1492/2011, que desenvolve a Lei neste punto); en segundo lugar, sen considerar ningún traballo de explotación; e en terceiro lugar, aplicando un coeficiente de localización, conforme fórmula prevista no RD 1492/2011.

Existen nos parámetros de cálculo do informe pericial varias críticas suscitadas pola administración en conclusións, que non obstante o demandante acepta plenamente de forma subsidiaria.

Para comezar, a demandada cuestiona o número de pés por hectárea, por consideralo excesivo e conforme con métodos de cálculo xa non empregados hoxe en día para as plantacións de eucalyptus globulus.Igualmente critica o alto prezo da madeira que se calcula para o método. Tales críticas deben ser rexeitadas, primeiro porque a administración non xustifica cal son os datos alternativos que segundo el deberan ser manexados e en segundo lugar, porque finalmente, na súa proposta alternativa de cálculo acepta estes datos do perito (ff. 4 a 6 das conclusións).

En segundo lugar, critica a administración que non se considerase ningún gasto de saca ou corta de madeira, que entende que é indispensable para o tipo de cultivo, e que se calculou coma se non fose por conta da propiedade e non diminuíse o beneficio. Debemos concordar con esta apreciación, que ademais o perito non xustifica no seu informe (páx. 20) sen que dea as razóns de non asignación de valor, o que nos obriga a cuestionar a fiabilidade do valor obtido como renda, que necesariamente haberá de ser inferior a 806,05 €/ha/ano. Constatamos así aquí a infracción do art. 23.1.a. Parágrafo 2 in finedo TRLS.

En terceiro lugar, cuestiona a administración a aplicación do RD 1492/2011 que aínda que desenvolve o art. 23.1. TRLS neste punto, é de aprobación e vixencia posterior á expropiación. Debemos recoñecer este extremo, e de aí que non se poda por exemplo, aplicar, na nosa opinión, o factor de corrección por tipo de cultivo, pois do texto legal non pode desprenderse a existencia ou vixencia do coeficiente aplicado nin outro, tal como se ve do contraste co texto legal, co que tamén aquí se evidencia a infracción da norma aplicable. Pola contra, suscita máis dúbidas o factor de localización, xa que a Lei si se refire a el expresamente, aínda que defire a cuantificación ao naquel momento inexistente regulamento de desenvolvemento. A admisibilidade dalgún tipo de corrección é aceptada implicitamente pola administración, que cando expón as súas alternativas de cálculo considera este factor (f. 6 das conclusións), polo que por coherencia co principio dos propios actos, darémola por boa, tendo en conta o feito principal de que a lei establece a necesidade da súa inclusión.

Finalmente a demandada advirte un erro na forma de realizar o sumatorio de ingresos e gastos mediante o sistema de capitalización de rendas ao ano 1. Realmente ambas partes aplican aquí a fórmula do art. 13.c do RD 1492/2011 , que polas mesmas razóns que no parágrafo anterior admitiremos como válida.

Tamén debe ser obxecto de crítica a inclusión do 10% de custos de expropiación, que se xustifica na páx. 9 en base á Lei 6/1998, que non resulta de aplicación, polo que tamén debe ser desbotado tal corrector neste punto por infracción de norma aplicable.

Pois ben, con este método, aplicado ao conxunto das operacións de determinación da renda potencial (tanto para ingresos como para gastos) a demandada obtén un valor unitario de 0,68 €/m2, ao que engadido o factor de localización previsto pola pericial dá un resultado de 1,02 €/m2. A táboa comparativa de métodos indica os momentos en que resulta relevante a distinta forma de cálculo. En relación a isto, aínda que admitamos a corrección conforme a regra matemática aceptada por ambas partes, debe criticarse da administración que agardase ata a quenda de conclusións para a realización dunha verdadeira oposición ás pretensións actoras, non en relación á crítica á pericial, senón na verdadeira defensa da decisión técnica do Xurado, onde agora se ve, do conxunto do sumatorio de capitalización, a forma de obtención dos resultados reflectidos na acta da reunión do Xurado, e que seguramente tería clarificado moito dende o principio do preito a orixe e certeza dos datos en que se baseou para descartar a aplicación do método por resultar inferior á oferta da administración.

d. Conclusión.

Como se dixo, as críticas á pericia xudicial foron admitidas parcialmente o que determina de seu a nulidade do valor obtido na medida en que se detectaron infraccións en apartados relevantes (consideración de gastos de explotación, inclusión de factores de corrección por tipo de explotación, aplicación do método de capitalización e inclusión de corrección por custos de expropiación), polo que en definitiva, no procedemento carecemos de elementos probatorios que nos permitan destruír a presunción de acerto da resolución do Xurado, que resultou plenamente xustificada, tal como resulta do exame das táboas de capitalización obrantes nas conclusións da demandada.

En consecuencia este motivo do recurso debe ser rexeitado.

Terceiro. Infracción do principio de igualdade no expediente expropiatorio.

Sostén a demandante como segundo motivo impugnatorio que se produciu a fixación dun xusto prezo notoriamente superior para as parcelas con ocupación temporal e para algunhas das parcelas expropiadas con imposición de servidume noutros tramos, agás a que é obxecto deste procedemento.

Debemos rexeitar este argumento por falta absoluta de proba. O demandante invoca os supostos números de expediente onde se realizan as valoracións que considera comparables coa que nos ocupa, pero non achega proba documental do contido deses expedientes, co que o Tribunal carece de elementos de xuízo para decidir se realmente se está infrinxindo o principio de igualdade: non sabemos nin a posición das fincas, nin a súa morfoloxía nin características, nin situación urbanística, nin nada que nos permita acoller a pretensión actora, por esta falta absoluta de proba, o que leva ao rexeitamento do motivo exart. 217.2. LAC, xa que a ela corresponde a carga de probar as alegacións en que funda o seu dereito.

Cuarto. Sobre a vulneración do principio de indemnidade patrimonial. Premio de afección e xuros de demora. Ausencia de contido impugnatorio.

Sostén a demandante que o Xurado entende concorrente esta infracción do principio de indemnidade no FX 20º.

Non se pode concordar con esta tese. Efectivamente o Xurado amosa a súa sorpresa polo resultado que produce a aplicación do método legal vixente, pero tal consideración carece de relevancia xurídica. A simple discrepancia co método non determina a infracción de lei. A consideración administrativa pode enmarcarse nunha crítica á política lexislativa en materia de expropiación, no que concirne ao cambio de método de valoración de terreos, absolutamente lícita, pero carente de eficacia anulatoria.

Nótese que, en puridade, a crítica á Lei non constitúe o motivo da decisión do Xurado. Se o demandante considera que a nova redacción do precepto vulnera o seu dereito de propiedade, ao infrinxir o principio de indemnidade patrimonial implícito no art. 33.3. CE o correcto tería sido a formulación dunha cuestión de inconstitucionalidade, algo que no caso de autos non sucedeu, sen que este Tribunal atope neste litixio tampouco motivos para o seu cuestionamento.

O motivo debe ser rexeitado, pois carece de contido impugnatorio.

Outro tanto debe dicirse con relación ao premio de afección dun 5% sobre a suma resultante, xa que a resolución do Xurado así o recoñece no FX 18º, así como responsabilidade pola demora no pagamento do prezo, que tamén recoñece o FX 19º.

Quinto. Consecuencias da aplicación do razoamento exposto nesta resolución.

A argumentación exposta na fundamentación precedente debe conducir ao rexeitamento total das pretensións da parte demandante, e proceder así este tribunal a declarar a conformidade a dereito da resolución obxecto de recurso ( artigos 68.1.b e 70.1. LXCA ).

Sexto. Sobre as custas do procedemento.

De conformidade co establecido no artigo 139.1 da LXCA , no caso de autos, dados os termos en que se expresou a resolución administrativa recorrida, que licitamente podían conducir a erro interpretativo no lector, como foi indicado nesta resolución, determinan a existencia de dúbida de feito que aconsella a non imposición das custas neste procedemento.

Logo de ver os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, este Xulgado dita a seguinte

Fallo

Que, con rexeitamentodo presente recurso contencioso-administrativo PO nº 7764/2012 interposto contra a resolución do Xurado Provincial de Pontevedra de data 5/9/2012 que rexeita en reposición o recurso presentado contra o Acordo de 7/5/2012 que fixa o xusto prezo da finca Nº 061-0, expropiada para a obra 'Eixo Atlántico de Alta velocidade. Tramo: Vilagarcía de Arousa- Catoira', xeral, Concello de Catoira, debemos:

Primeiro:declarar a conformidade a dereito da resolución obxecto de recurso que, en consecuencia, confirmamos.

Segundo:non facer imposición de custas.

Terceiro:No prazo de dez días, remítase oficio á Administración demandada, ao que se acompañará o expediente administrativo, así como o testemuño desta sentenza, e no que se fará saber á Administración demandada que no prazo de dez días deberá acusar recibo de devandita documentación. Recibido este, arquívense as actuacións.

Réxime de recursos:Esta sentenza é firme e contra ela só se poderá interpoñer recurso de casación en interese de Leiestablecido no art.º 100 da Lei 20/1998 , do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso- Administrativa, polas persoas e entidades a que se refire o devandito precepto, dentro do prazo de tres meses seguintes á súa notificación.

Así mesmo poderá interpoñer contra ela calquera outro recurso que considere axeitado á defensa dos seus intereses.

Depósito para recorrer:Para admitir a trámite o recurso, ao interpoñer deberá constituírse na conta de depósito e consignacións deste Tribunal (1578-0000-85-7764-12-24), o depósito ao que se refire a Disposición Adicional décimo quinta da Lei Orgánica 1/2009 do 3 de novembro (BOE núm. 266 de 4/11/09), e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACION.- A sentenza anterior foi lida e publicada o mesmo día da súa data, polo Ilustrísimo Sr. Maxistrado/a Relator Luís Villares Naveira, ao estar a celebrar audiencia pública a Sección 003 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Dou fe.A Coruña, 30 de xuño de 2015.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.