Sentencia Administrativo ...io de 2015

Última revisión
01/02/2016

Sentencia Administrativo Nº 629/2015, Tribunal Superior de Justicia de Galicia, Sala de lo Contencioso, Sección 3, Rec 7437/2011 de 29 de Julio de 2015

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico


Relacionados:

Tiempo de lectura: 22 min

Orden: Administrativo

Fecha: 29 de Julio de 2015

Tribunal: TSJ Galicia

Ponente: VILLARES NAVEIRA, LUIS

Nº de sentencia: 629/2015

Núm. Cendoj: 15030330032015100666

Resumen:
EXPROPIACION FORZOSA

Encabezamiento

T.S.X.GALICIA CON/AD SEC.3

A CORUÑA

SENTENCIA: 00629/2015

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

SALA DO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO

SECCIÓN TERCEIRA

Praza de Galicia, S/N CP 15071 A CORUÑA

Tel. 981 185796

Procedemento: PROCEDIMIENTO ORDINARIO 7437/2011

Sobre: EXPROPIACION FORZOSA

Parte demandante: Claudio

Letrado/a: ANA PEREZ GOMEZ

procurador/a: INMACULADA GRAIÑO ORDOÑEZ

Parte demandada: XURADO DE EXPROPIACION DE GALICIA; CONCESIONARIA SANTIAGO-BRION S.A.

Letrado/a: LETRADO DE LA XUNTA DE GALICIA; MARIA JESUS MATOVELLE GOMEZ

Procurador/a: MARIA FARA AGUIAR BOUDIN

Data: A Coruña, 29 de xullo de 2015

SENTENZA

Ilmos.Sres.Magistrados :

Francisco Javier Cambon Garcia

Juan Bautista Quintas Rodríguez.

Blanca Maria Fernandez Conde

Luís Villares Naveira (Relator)

Antecedentes

Primeiro-. Actividade administrativa impugnada. Posicións das partes.

A parte recorrente presenta unha demanda ante a Sala, que é aquendada a esta Sección, sendo designado Maxistrado Relator Luís Villares Naveira.

A demandante impugna a resolución do Xurado de Expropiación de Galicia de data 17/3/2011 que fixa o prezo xusto da parcela nº NUM002 expropiada para o proxecto '00410- Autovía AG-56 Santiago de Compostela (N-550 na Rocha) - Brión (AC-543) e servizos afectados. Clave AC/99/042.01', no Concello de Santiago de Compostela (Expediente nº NUM001 ), que fixa o valor do solo nun prezo unitario de 3,60 €/m2.

Os argumentos en que se fundamenta o escrito da parte demandante son os seguintes:

a. En relación ao solo, a valoración efectuada polo Xurado non resulta correcta porque non ten en conta as concretas circunstancias da parcela no momento de aplicar o método de comparación, xa que presenta unhas condicións de revalorización moi favorables, sen que a resolución combatida resulte suficientemente motivada, e así se expresou noutras resolucións a Sala do contencioso; doutra banda, a valoración do chan debe ter en conta a finalidade expropiatoria, que é a construción dunha autovía, de aí que deba reputarse sistema xeral polo servizo que ofrece á cidade, e polo tanto valorarse como solo urbanizable;

b. No relativo aos eucaliptos, o seu valor debe ascender a 30 €/unidade, fronte os 9,25 aboados;

A Xunta de Galicia oponse ás pretensións actoras polos seguintes motivos: entende que a resolución está suficientemente motivada; que o valor so solo está plenamente xustificado, igual có do demérito da parcela e a valoración das árbores.

Pola súa banda, a concesionaria codemandada adhírese ao escrito da Xunta no relativo á valoración de árbores e do solo, engadindo que a normativa de estradas tamén limita os usos do chan.

Segundo-. Tramitación procesual. Proba practicada e contía do procedemento.

Admitida a trámite a demanda e deducida polos trámites do procedemento ordinario, ten lugar a vista do xuízo o día 12/5/2014, na que se practica como proba a pericial de Segismundo , ademais da documental que obra en autos.

A contía do procedemento fixouse en 6690,87 euros.

Terceiro-. Feitos probados.

Resultou probado neste procedemento que:

- O informe pericial achegado pola actora na vía administrativa non foi ratificado na xudicial. Os testemuños que emprega para a determinación do valor do chan son maioritariamente anos noventa, e non se dá conta do concreto método empregado para achar o resultado.

- O informe pericial de Segismundo realizou un promedio dos valores unitarios achegados como testemuñas.

- O Xurado determinou o valor das árbores da parcela en base aos fluxos de caixa producidos dende a plantación ata a tala prematura coa actualización da taxa interna de rendemento do investimento.


Fundamentos

Primeiro. Sobre a corrección xurídica da valoración do chan feita polo Xurado de expropiación.

O primeiro dos motivos de recurso formulados pola actora vén referido ao valor dado ao solo expropiado, sustentado en dous argumentos: a incorrecta valoración do Xurado, por insuficiente e non atenta ás circunstancias particulares; e a consideración de que a expropiación para unha autovía debe valorarse como terreo urbanizable, xa que aquela debe ter a consideración de sistema xeral. Mesturado co primeiro argumento, a demandante sostén a falta de motivación suficiente da resolución.

A. Suficiencia da motivación do Xurado.

Aínda que as esixencias de motivación das resolucións do xurado parecen máis relaxadas que a dos actos administrativos en xeral, a xurisprudencia admíteas dada a condición cuasixurisdicionaldo órgano de expropiación e da súa composición, o que as configura dunha presunción de validez e acerto sen necesidade dunha xustificación exhaustiva ou acabada dos elementos sobre os que se asentan, sempre que permitan o seu control mediante unha explicación suficiente dos criterios tomados en conta para a decisión (válida a STSXG de 31/12/2010, invocada pola codemandada e as que alí se citan). No caso de autos, aos fff. 4 e 5 dáse conta deses criterios, que se referencian a valoracións impositivas da propia Xunta de Galicia, así coma doutras parcelas o entorno, onde ademais se analizan as propostas metodolóxicas de parte e se dá unha resposta motivada do seu rexeitamento, todo o cal permite concluír que a decisión combatida non se antolla como irracional ou inmotivada, se ben debemos recoñecer certa insatisfacción en relación ao estándar de suficiencia doutras parcelas do dereito administrativo, onde a exhaustividade esixida é maior. Non debemos esquecer, non obstante, que o Acordo do Xurado non é equiparable exactamente a un informe pericial, de aí que os termos da súa redacción e explicación non sexan tampouco idénticos. Rexéitase así este primeiro motivo do recurso.

B. Sobre a consideración da autovía como sistema xeral.

Seguindo polo último motivo, que apoia a demanda e ademais é parte fundamental do informe de parte presentado pola actora en vía administrativa, debe indicarse que non se dan os presupostos esixidos xurisprudencialmente para considerarmos que a finalidade expropiatoria deba ser considerada sistema xeral para os efectos dunha valoración do ben como solo urbanizable en vez de rústico, xa que non contribúe a crear cidade, que é o presuposto que fundamenta a valoración pretendida.

Así o declaramos en numerosas resolucións desta Sala, entre outras na STSXG nº 658/2012, de 23 de maio, FX 3º:

'En sentenza ditada no recurso n.º 7371.07 díxose o seguinte: ...... Recordemos en primeiro lugar, que en principio, as redes viarias, tanto urbanas como interurbanas, se integran no sistema xeral de comunicacións que ha de definir o Plan Xeral e a cuestión consiste en precisar (por todas, STS do 15 de setembro de 2.005 ), cando esa rede viaria ten transcendencia urbana para efectos expropiatorios, independentemente da clasificación asignada polo Plan aos terreos sobre os que se asentan. Xa a STS do 7 de outubro de 2.003 sinalou que só cando tratándose de vía interurbana, esta está integrada dentro do termo municipal na rede viaria de interese do municipio e como tal clasificada no Plan de Ordenación deste, ha de aplicarse o criterio de valoración coma se de chan urbanizable se tratase, mais tal cualificación ha de excluírse nos demais supostos en que, como no caso entón examinado acontecía, o terreo estaba cualificado polo plan do municipio en que radica como non urbanizable e no devandito plan non se considera a construción do devandito vial como integrado na rede viaria de interese municipal. Tal doutrina completouse coa recollida nas SSTS do 3 de decembro de 2.002 e 22 de decembro de 2.003 , segundo as cales a valoración como chan urbanizable de terreos destinados a sistemas xerais, xa veñan clasificados como non urbanizables, xa carezan de clasificación específica , procede naqueles supostos en que esteamos ante sistemas xerais que sirvan para crear cidade, o que no suposto da vía de comunicación é predicable daquelas que integran a armazón urbana, pero non das vías de comunicación interurbanas, pois o contrario levaríanos ao absurdo de considerar como chan urbanizable todas as vías de comunicación, incluídas as autoestradas e estradas nacionais en toda a súa extensión coa posible excepción que se fixa nas Sentenzas do 22 de decembro e 12 de outubro de 2.005 , entre outras, en relación coa vía de comunicación das grandes áreas metropolitanas, aínda cando afecten a termos municipais distintos, en que haberá que acreditar en cada caso concreto se responden a esa finalidade de crear cidade... ...'

Máis recentemente, na STSXG nº 257/2015, de 8 de xullo, dixemos, no FX 3º:

'Todos estes mesmos problemas xa foron tratados e resoltos nas sentenzas desta Sala ditadas nos recursos 8766- 09 -para terreos clasificados como chan rústico e sistema xeral de rede ferroviaria-, e o 8765-09 -para terreos clasificados como adoito rústico apto para urbanizar e sistema xeral de rede ferroviaria na zona máis próxima á vía- cuxos formulacións e solucións poden ser perfectamente aplicables, de xeito combinado, á valoración da leira nº NUM000 deste recurso (Esoutros recursos referíase ás leiras NUM003 e NUM004 comprendidas dentro dese mesmo tramo do AVE que o correspondente a este outro).

Cuarto. - Deste xeito, na sentenza do primeiro recurso citado xa se dixo que '.- O primeiro motivo impugnatorio céntrao a demanda no argumento de que, neste concreto caso, sería de aplicación a doutrina xurisprudencial dos chamados sistemas xerais, de acordo coa cal, -ao tratarse dunha actuación expropiatoria que non formaba parte das vías de tránsito do proxecto, senón que se concretaba na cabeceira ou final da propia liña férrea, integrada na trama ou malla urbana da cidade á que daba servizo o sistema xeral ferroviario, e que significaba un sistema xeral da mesma cidade, creado e renovado por tal obra de ampliación da estación de San Cristóbal desde o polígono de Pocomaco e das súas redes de servizo, manobra e estacionamento-, os terreos afectados debían ser valorados como urbanizables por ese destino en favor do municipio, e a conseguinte necesidade, por ese feito, de facer efectivo o principio de equidistribución de cargas e beneficios no proceso urbanizador relacionado co proxecto expropiatorio.

Pero esta pretensión non pode ser estimada en virtude das consideracións que pasan a expoñerse.

A xurisprudencia que se cita non pode aplicada a este suposto porque non se cumpren os requisitos básicos para iso, singularmente o de que o proxecto signifique creación de cidade mediante a implantación dun sistema xeral establecido polo mesmo que implique cambios estruturais novos na súa configuración e que abra posibilidades urbanísticas de calquera orde que confiran á cidade novas perspectivas de crecemento, o que é perfectamente compatible, con independencia diso, con que a nova obra poida servir á cidade polo feito da súa realización segundo o proxecto. Neste caso, por moito que se queira resaltar que a actuación expropiatoria haxa que vinculala só co remate da cabeceira ou final de liña, desvinculada en certo xeito do resto da rede ferroviaria do tren de alta velocidade e considerada só como un final de obra integrada na malla urbana da Coruña como un sistema xeral propio da mesma, non pode, con todo, descoñecerse, á vista dos planos de situación e do contido do proxecto, que a leira esta situada nun tramo bastante afastado da zona urbana da Coruña e que forma parte do espazo próximo á vía de tránsito normal proxectada, que, por outra banda -e isto é moi importante- transcorre ao bordo da liña férrea antiga en todo o seu percorrido ata a propia estación da cidade, formando un pouco mais adiante un túnel paralelo que acaba xa nas proximidades da estación antiga e únese despois ao entramado de plataformas xa existente desta, que só se ampla co correspondente ao da vía de alta velocidade que se lle engade, sen establecemento polo proxecto de ningún cambio substancial que afecte a ningún espazo de todo o tramo de AVE suxeito ao expediente expropiatorio en canto ás súas posibilidades e configuración urbanística da cidade nin a ningunha outra das súas infraestruturas. Por iso, é evidente que a actuación de que se trata hai que valorala como formando parte dunha vía de tránsito propiamente dita, fóra da malla urbana, e, doutra banda, allea a un verdadeiro sistema xeral distinto ao xa existente antes na estación ferroviaria antiga, ao non ser os pequenos cambios establecidos polo proxecto determinantes dunha configuración urbanística de toda esa zona que puidese significar o que a doutrina e xurisprudencia entende como 'creación de cidade' a efectos da pretendida aplicación desa doutrina dos sistemas xerais, polo que falla o condicionante fundamental para interpretala no sentido proposto na demanda. Todo iso é máis que suficiente para o rexeitamento desta pretensión, pero ha de engadirse que, en todo caso, a clasificación deses terreos como chan rústico e sistema adscrito á protección da estrutura ferroviaria obedece claramente a unhas pautas de normalidade que concordan coas características e situación deses terreos, sen que poida apreciarse en absoluto o que a doutrina chama unha 'singularización indebida'clasificatoria manifestada a través dunha actuación de planeamento municipal discordante coa realidade deses espazos e inxustificadamente contraria aos intereses patrimoniais futuros dos titulares afectados, pois se trataba duns terreos de calidades esencialmente rústicas e dedicados a tal fin, separados xa pola vía férrea do polígono industrial e de servizos situado máis ao sur, e próximos á zona de monte mais elevada ao norte, en todo caso suficientemente afastada da malla urbana da cidade propiamente dita e preservada, xa que logo, momentaneamente e de xeito xusto, de calquera actividade urbanizadora, polo que non cabe considerar axustada a dereito a súa clasificación actual no momento da valoración.'

A aplicación desta doutrina debe levar á desestimación deste motivo do recurso, sen que poda admitirse o argumento exposto de que a modificación posterior do PXOU (logo do inicio do expediente expropiatorio) incluíndo esta infraestrutura dentro do sistema xeral viario da cidade deba facela considerar sistema xeral, pois non abondaría tal inclusión, senón que ten que ter demostrada transcendencia urbana para os efectos expropiatorios (debe demostrarse que crea cidade, no sentido descrito nas resolucións invocadas), como resume a STS de 13 de Outubro de 2009, no Recurso 3274/06 : '..o decisivo é que o sistema xeral estea previsto no planeamento urbanístico, se integre na malla urbana e sirva á ampliación ou mellora da cidade...'. Razóns polas cales o motivo debe rexeitarse.

C. Sobre a destrución da presunción de acerto do Xurado de expropiación na determinación do valor unitario do solo.

Sostén a demandante que o Xurado non tivo en conta as concretas circunstancias da parcela para os seus efectos valoratorios, indicando que a súa situación física debería determinar un maior valor, pola súa proximidade a núcleos de poboación, a zonas consolidadas de núcleo urbano, ou o seu acceso rodado, engadindo a existencia de condicións de revalorización favorables.

Comezando por esta última expresión, que aparece recollida case literalmente da STSXG nº 1961/2008, desta Sección, debe matizarse que a conclusión obtense en base a un concreto informe pericial que foi obxecto de análise e apreciación nese procedemento, de onde -no caso concreto- se extraeu esta conclusión, sen que se acreditasen a concorrencia das circunstancias que naquela ocasión motivaron esa conclusión, tendo en conta, ademais, como subliña unha das codemandadas, a situación da parcela en relación á estrada e polo tanto a súa afección derivada deste feito, así como a súa cualificación urbanística, o que dende logo nun suposto coma este poría en cuestión unha hipótese de revalorización, como a pretendida pola actora, de aí que a simple invocación da resolución non abonde para arrombar co contido da resolución do Xurado e debamos analizar o contido da proba proposta.

A pericial achegada polo demandante na vía administrativa non foi ratificada na vía xudicial, polo que ante a imposibilidade de contradición polas demais partes interesadas, unicamente poderá valorarse como documental. Neste sentido, como dixemos antes, non pode admitirse o presuposto de partida de consideración do solo como urbanizable, polo que en xeral a proposta debe quedar descualificada por este motivo. Ademais, os testemuños que emprega son dos anos noventa, co que a analoxía co suposto estudado ofrece dúbidas na súa fiabilidade en canto ao valor das parcelas ( vid. ff. 47 e ss e 67 e ss do expediente); asemade non aparece acreditado o emprego do método previsto na Orde Eco 805/2003 nin a concreta aplicación das súas fórmulas, de aí que esta pericia non deba ter unha credibilidade que desmereza a presunción de acerto do Xurado, polo que debe ser desbotada.

En canto á pericial xudicial, varias obxeccións deben facerse que cuestionan os resultados obtidos. En primeiro lugar, o número de transaccións achegadas como testemuños de comparación é inferior a seis, que é o esixido na Orde Eco 805/2003; isto non obstante, esta Sala ten admitido periciais que xustificadamente, cun número inferior ofrezan referentes efectivamente comparables, polo que por si só non será empregado como criterio de rexeitamento. En segundo lugar, un dos testemuños empregados está referido á expropiación para a construción dun colector para a EDAR de Silvouta. Pois ben, aínda que a xurisprudencia máis recente do TS rexeita en termos xerais que tal infraestrutura sirva para 'crear cidade' no sentido no que foi construído doutrinalmente este concepto ( STS de 8/5/2015, Recurso: 518/2013 ) existiu unha época en que os pronunciamentos non foron tan elocuentes, polo que a achega do testemuño sen referencia documental impídenos saber se a concreta atribución de valor unitario (o máis alto de todos, 15 €/m2) responde á consideración do solo nesa expropiación como urbanizable por corresponder a un sistema xeral. O descoñecemento deste dato obríganos a unha maior cautela no tratamento do informe. Finalmente, indica o perito na páxina 2 que os testemuños foron obxecto dun promedio, circunstancia criticada polas codemandadas no sentido de que ao que obriga a Orde Eco 805/2003 é á súa homoxeneización, conceptos que no sentido técnico, non son sinónimos, como explicamos de seguido.

O art. 4 da Orde, dentro das definicións do regulamento, indica que:

'Comparables. Son inmobles que se consideran similares ao inmoble obxecto de valoración ou axeitados para aplicar a homoxeneización, tendo en conta a súa localización, uso, tipoloxía, superficie, antigüidade, estado de conservación, ou outra característica física relevante ao devandito fin.

Homoxeneización de prezos de inmobles comparables. É un procedemento polo cal se analizanas características do inmoble que se taxa en relación con outros comparables, co obxecto de deducir, por comparación entre as súas similitudes e diferenzas, un prezo de compravenda ou unha renda homoxeneizada para aquel.'

A comparabilidade é pois un presuposto da homoxeneización, e os factores apuntados (localización, uso, etc.) permítennos verificar que son comparables. Pero o paso seguinte, que é a efectiva homoxeneización é un procedemento complexo de análise, non unha simple operación aritmética de suma de elementos que se divide entre o seu número (promedio).

De feito, cando examinamos os requisitos do emprego do método, vemos igualmente que a pluralidade de testemuños é un presuposto da homoxeneización, simplemente:

'Artigo 21. Requisitos para a utilización do método de comparación.

1. Para a utilización do Método de comparación para os efectos desta Orde será necesario que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A existencia dun mercado representativo dos inmobles comparables.

b) Dispoñer de suficientes datos sobre transaccións ou ofertas que permitan, na zona de que se trate, identificar parámetros axeitados para realizar a homoxeneización de comparables.'

O sistema de obtención do valor explícase a continuación:

'Artigo 22. Procedemento de cálculo do valor por comparación.

1. Para calcular o valor por comparación seguiranse as seguintes regras xerais:

a) Estableceranse as calidades e características do inmoble taxado que inflúan no seu valor. (..)

b) Analizarase o segmento do mercado inmobiliario de comparables e, baseándose en informacións concretas sobre transaccións reais e ofertas firmes apropiadamente corrixidas no seu caso, obteranse prezos actuais de compravenda ao contado dos devanditos inmobles.

c) Seleccionarase entre os prezos obtidos tras a análise prevista na letra anterior, unha mostra representativa dos que correspondan aos comparables, á que se aplicará o procedemento de homoxeneización necesario.

Na selección indicada deberase, previamente, contrastar aqueles prezos que resulten anormais co fin de identificar e eliminar tanto os procedentes de transaccións e ofertas que non cumpran as condicións esixidas na definición de valor de mercado dos bens afectados como, cando se trate dunha valoración para a finalidade prevista no artigo 2.a) desta Orde, os que poidan incluír elementos especulativos.

d) Realizarase a homoxeneización de comparables cos criterios, coeficientes e/ou ponderacións que resulten axeitados para o inmoble de que se trate.

e) Asignarase o valor do inmoble neto de gastos de comercialización, en función dos prezos homoxeneizados, logo de dedución das servidumes e limitacións do dominio que recaian sobre aquel e que non fosen tidas en conta na aplicación das regras precedentes.

2. Ademais das regras xeraissinaladas no apartado anterior, para determinar o valor a que se refire o devandito número teranse en conta, cando proceda, as seguintes regras especiais:

b) No caso de valoración de terreos rústicos, ao utilizar o método de comparación, a homoxeneización prevista neste basearase nos valores unitarios por hectárea existentes no mercado para as distintas clases de terra, ou tipos de cultivos e/ou aproveitamento.'

Do anterior deducimos que a homoxeneización é unha operación complexa que precisa xustificar, no proceso de obtención do valor unitario, a aplicación ou non de criterios, coeficientes ou ponderacións en función das características típicas dos terreos que sirvan para cuantificar o seu maior ou menor valor, corrixindo as desviacións dos testemuños da media mediante un coeficiente ou ponderador, se fose o caso, todo isto establecido sistematicamente de forma xustificada. A equiparación da homoxeneización á operación de promedio só é admisible se se xustifica que todos os elementos que serven para a determinación do valor concreto da parcela en relación ao resto da súa clase son iguais á unidade, é dicir, que non existe desviación en relación ao resto de testemuños escollidos, valorándose singularmente, para terreos rústicos, clase de terra ou tipo de cultivo e/ou aproveitamento, como indica o precepto.

A labor de xustificación da opción simple de promedio non aparece aquí debidamente xustificada, polo que non pode reputarse ben cumprimentada a aplicación do método de comparación previsto no art. 26 LRSV 6/1998 e na Orde Eco 805/2003, polo que en definitiva, o informe do perito xudicial non pode empregarse eficazmente para desvirtuar a presunción de acerto da resolución do Xurado neste punto.

En consecuencia os motivos impugnatorios do valor do solo deben rexeitarse no seu conxunto.

Segundo. Sobre a valoración das árbores existentes na parcela.

En segundo lugar, pretende a demandante a elevación do valor por unidade de eucalyptus globulusata un total de 30 €/m2, pero sen xustificar, como fai notar a administración na quenda de conclusións -concretamente o relativo aos prezos de aserradeiros-, a procedencia desta diferenza coa adxudicada polo Xurado, quen pola contra, dunha forma aquí si completamente exhaustiva, explicou o método de cálculo en base aos fluxos de caixa producidos dende a plantación ata a tala prematura coa actualización da taxa interna de rendemento do investimento, polo que non pode destruír coa pericial que doutra banda non foi presentada nin contradita na vía contenciosa, a presunción de acerto do Xurado. Polo demais, o ditame pericial xudicial coincide na valoración coa da resolución combatida, se ben debemos reprochar a falta de xustificación dos criterios para esa conclusión.

En consecuencia, debe ser rexeitado este motivo.

Terceiro. Consecuencias da aplicación do razoamento exposto nesta resolución.

A argumentación exposta na fundamentación precedente debe conducir ao rexeitamento total das pretensións da parte demandante, e proceder así este tribunal a declarar a conformidade a dereito da resolución obxecto de recurso ( artigos 68.1.b e 70.1. LXCA ).

Cuarto. Sobre as custas do procedemento.

De conformidade co establecido no artigo 139.1 da LXCA na súa versión vixente no momento de se presentar a demanda, non se aprecian circunstancias que determinen a expresa imposición das custas procesuais a ningunha das partes.

Logo de ver os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación, este Xulgado dita a seguinte

Fallo

Que, con rexeitamentodo presente recurso contencioso-administrativo PO nº 7437/2011 interposto contra a resolución do Xurado de Expropiación de Galicia de data 17/3/2011 que fixa o prezo xusto da parcela nº NUM002 expropiada para o proxecto '00410- Autovía AG-56 Santiago de Compostela (N-550 na Rocha) - Brión (AC-543) e servizos afectados. Clave AC/99/042.01', no Concello de Santiago de Compostela (Expediente nº NUM001 ), debemos:

Primeiro:declarar a conformidade a dereito da resolución obxecto de recurso que, en consecuencia, confirmamos.

Segundo:Non facer expresa imposición das custas causadas no procedemento.

Réxime de recursos:Esta sentenza é firme e contra ela só se poderá interpoñer recurso de casación en interese de Leiestablecido no art.º 100 da Lei 20/1998 , do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso- Administrativa, polas persoas e entidades a que se refire o devandito precepto, dentro do prazo de tres meses seguintes á súa notificación. Así mesmo poderá interpoñer contra ela calquera outro recurso que considere axeitado á defensa dos seus intereses.

Depósito para recorrer:Para admitir a trámite o recurso, ao interpoñer deberá constituírse na conta de depósito e consignacións deste Tribunal (1578-0000-85- 7437-11-24), o depósito ao que se refire a Disposición Adicional décimo quinta da Lei Orgánica 1/2009 do 3 de novembro (BOE num. 266 de 4/11/09), e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos.

PUBLICACION.- A sentenza anterior foi lida e publicada o mesmo día da súa data, polo Ilustrísimo Sr. Maxistrado/a Relator D. Luís Villares Naveira, ao estar a celebrar audiencia pública a Sección 003 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Dou fe.


Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.