Sentencia Civil 95/2023 A...o del 2023

Última revisión
07/07/2023

Sentencia Civil 95/2023 Audiencia Provincial Civil de A Coruña nº 5, Rec. 495/2020 de 21 de marzo del 2023

nuevo

GPT Iberley IA

Copiloto jurídico

Relacionados:

Tiempo de lectura: 45 min

Orden: Civil

Fecha: 21 de Marzo de 2023

Tribunal: AP A Coruña

Ponente: XULIO XOXE FERREIRO BAAMONDE

Nº de sentencia: 95/2023

Núm. Cendoj: 15030370052023100134

Núm. Ecli: ES:APC:2023:955

Núm. Roj: SAP C 955:2023

Resumen:
MATERIAS NO ESPECIFICADAS

Encabezamiento

AUD.PROVINCIAL SECCION N. 5

A CORUÑA

SENTENCIA: 00095/2023

AUDIENCIA PROVINCIAL

SECCION QUINTA

A CORUÑA

Modelo: N10250

CALLE DE LAS CIGARRERAS Nº 1 (ENFRENTE A PLAZA PALLOZA) CP 15071

Teléfono: 981 18 20 99/98 Fax: 981 18 20 97

Correo electrónico:

Equipo/usuario: MV

N.I.G. 15030 42 1 2019 0008085

ROLLO: RPL RECURSO DE APELACION (LECN) 0000495 /2020

Juzgado de procedencia: XDO. PRIMEIRA INSTANCIA N. 4 de A CORUÑA

Procedimiento de origen: ORD PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000525 /2019

Aa Sección Quinta da Audiencia Provincial da Coruña, ha pronunciou en nome de El-Rei a siguinte:

SENTENZA Nº 95/2023

Ilmos. Sres. Magistrados:

JULIO TASENDE CALVO

CARLOS FUENTES CANDELAS XULIO XOXE FERREIRO BAAMONDE

Na CORUÑA, a vinteún de marzo de dous mil vinte tres.

No recurso de apelación civil número 495/20, interposto contra a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia 4 de A Coruña, en Xuízo ordinario núm. 525/19, seguido entre partes: Como APELANTE: BANCO SANTANDER S.A. , representada/o pola/lo Procurador/a Sr/a. Covelo Fernández; como APELADA/O: Dª Asunción en nome e representación do seu irmán D. Avelino, representada/o polo/la Procurador/a Sr/a. Ramos Rodríguez Sendo Relator o Ilmo. Sr. DON XULIO XOSE FERREIRO BAAMONDE.

Antecedentes

PRIMEIRO. - Que polo Ilmo. Sr. Maxistrado Xuiz do Xulgado de Primeira Instancia nº 4 da Coruña, con data 11 de marzo de 2020, dictouse sentenza cuxa parte dispositiva di como segue:

" Que estimando parcialmente la demanda presentada por el procurador Sr. Ramos Rodríguez, en nombre y representación de doña Asunción, que a su vez actúa en nombre y representación de don Avelino, debo declarar y declaro la nulidad relativa (anulabilidad) de la orden de valores del año 2.009 (el que hemos denominado primer proceso de contratación) y de la orden de valores de 6 de junio de 2.016, y en consecuencia, debo condenar y condeno a la entidad demandada Banco Santander S.A. a que reintegre al demandante la cantidad de catorce mil seiscientos cuarenta y ocho euros con setenta y cinco céntimos (14.648,75 euros), más los intereses legales correspondientes desde la fecha de adquisición de los respectivos productos contractuales anulados hasta el momento de la restitución; y el demandante deberá devolver a la parte demandada los rendimientos obtenidos de los mencionados productos, más los intereses legales correspondientes desde la fecha del cobro hasta su restitución.

Se deberán compensar las cantidades correspondientes en período de ejecución de sentencia. Sin hacer expresa imposición de costas a ninguna de las partes, debiendo cada una de ellas abonar las causadas a su instancia, y las comunes por mitad"

SEGUNDO. - Notificada dita sentenza ás partes, interpúxose contra a mesma en tempo e forma recurso de apelación pola representación procesual de BANCO SANTANDER S.A. que foi admitido en ambos efectos, e remitidas as actuacións a este Tribunal, e realizado o trámite oportuno, sinalouse para deliberar a Sala o día 7 de marzo de 2023, data na que tivo lugar.

TERCEIRO. - Na substanciación do presente recurso observáronse as prescricións e formalidades legais.

Fundamentos

PRIMEIRO.- O presente recurso ataca dous diferentes pronunciamentos da sentenza apelada. En primeiro lugar, o que declara a nulidade relativa da orde de valores contratada polo demandante á entidade bancaria da que a demandada é sucesora no ano 2009 e, en segundo lugar, a declaración de nulidade dunha segunda orde de valores de 6 de xuño de 2016 contratada entre as mesmas partes. Os motivos para esta impugnación son os seguintes: en canto ao primeiro dos pronunciamentos, a existencia de caducidade da acción, tanto respecto á adquisición orixinaria dos bonos litixiosos, no ano 2009, como do troco realizado en 2012. No relativo ao segundo dos pronunciamentos alégase pola recorrente, en esencia, unha incorrecta valoración probatoria en canto á existencia dun erro invalidante no consentimento dos clientes demandantes no presente pronunciamento provocado pola actuación neglixente da entidade demandada, en canto, di a resolución recorrida, " omisiva dos preceptivos e necesarios deberes de adecuada e correcta información aos clientes". Igualmente alégase unha incorrecta aplicación das normas de carga da proba e do contido dos arts. 38 e 124 TRLMV, así como da doutrina do TS fixada na sentenza de 3 de febreiro de 2016.

SEGUNDO.- Con respecto ao primeiro dos pronunciamentos recorridos, a cuestión a determinar neste recurso é se a acción de anulabilidade estimada na sentenza debeu ou non considerarse caducada. O xulgador de instancia entendeu que non cabía apreciar tal caducidade, en base á doutrina fixada polo Tribunal Supremo (sentenzas de 12 de xaneiro de 2015, 19 de febreiro de 2018, 18 de abril de 2018) e pola Audiencia Provincial da Coruña (sentenzas de 23 de xuño de 2016 e 19 de xullo de 2018), ao afirmar que a consumación e esgotamento do contrato concertado en 2009 se produciu polo troco ou conversión dos bonos en accións, o 11 de decembro de 2015, momento no cal se puido comprobar por parte da demandante cales eran as consecuencias reais da súa contratación. A recorrente alega, porén que a data de consumación do contrato, a efectos da aplicación do art. 1301 CC, segundo o cal "a acción de nulidade só durará catro anos. Este tempo comezará a correr (...) nos casos de erro, dolo, ou falsidade da causa, dende a consumación do contrato", debe ser a de consumación das ordes de subscrición (ano 2009), ao ser o contrato de tracto único, pois este é o momento no que o comprador paga o prezo da inversión e o emisor entrega os títulos do produto contratado. Sería, a xuízo da apelante, este o momento no que se produce o erro, e polo tanto, comeza a computar o prazo de caducidade de catro anos, posto que é cando se fai entrega da documentación e información dos produtos financeiros en cuestión, o que impediría neste primeiro momento a confusión entre este produto e outro calquera, como un depósito. Ademais, a recorrente estima que o troco de bonos realizado con data de 2 de maio de 2012 debería en todo caso ter sido suficiente para vencer o erro e iniciarse o cómputo do prazo de caducidade de catro anos, xa que habería, de non ter ocorrido anteriormente, un coñecemento por parte do cliente das características e riscos do produto realmente contratado. Esta Sala, porén non pode acoller os razoamentos da apelante, senón que debe confirmar o pronunciamento da resolución recorrida.

Un caso semellante ao presente foi resolto por esta Sala en Sentenza 356/2018 de 3 decembro, onde se pode atopar un extenso razoamento que apoia o realizado polo xulgador de instancia. Dicíase nesta resolución que " de acordo coa doutrina xurisprudencial consolidada, a data do inicio do cómputo do prazo de caducidade da acción é a data de consumación do contrato, que coincide co troco dos bonos en accións (...) data na que coñeceu as verdadeiras e esenciais características do produto, polo que a demanda está interposta sen dúbida dentro do prazo legal de catro anos. Non é ata esta data cando o recorrente ten coñecemento do engano sufrido e dos riscos evidentes da operación (...). Son multitude as sentenzas que teñen sido ditadas tralo troco en accións dos bonos litixiosos producido en novembro de 2015, tras terse acollido o criterio do Pleno da Sala Primeira do Tribunal Supremo de 12 de xaneiro de 2015 , isto é, que a consumación do contrato prodúcese coa execución da última das prestacións, isto é, co troco ou no seu caso, coa suspensión do pago de rendementos (...). Doutrina que se reproduce na sentenza 489/2015, de 16 de setembro . Evidentemente, a salvo de que a entidade acredite cumpridamente que o cliente coñeceu con anterioridade o erro, o que non é o caso.

En suma, non existe a caducidade (...) por canto:

1.- É totalmente erróneo identificar o prazo de inicio do cómputo do prazo de caducidade da acción tanto coa data de sinatura do contrato (outubro de 2009) (...) como coa data de recompra ou permuta dos bonos (maio 2012) (...). En dita data o que existiu foi unha permuta ou recompra duns bonos por outros (...). Motivo polo que o actor nunca chegou a coñecer que nese momento o seu investimento xa sufría unha perda oculta do 50%.

Efectivamente, en maio de 2012, anticipándose ao vencemento da inicial emisión (outubro de 2013), realizouse pola entidade bancaria unha emisión de recompra ou permuta dos bonos mediante o seu troco ou cambio por unha nova emisión con vencemento en 2015, substituíndo así á anterior. Isto supuxo que nese momento non se lle entregasen ao recorrente as accións cotizadas no mercado bursátil e, polo tanto, no tivo nin puido ter completo coñecemento da perda efectiva e real, ao non producirse nesa data a conversión do capital inicial en valores cotizables e con valor variable, prestación final do contrato e característica esencial do mesmo. O banco fixo esta substitución dos bonos de 2009 polos de 2012 coa prórroga da emisión precisamente para evitar dar perdas e dar así a posibilidade aos seus clientes para que puidesen obter no ano 2015 a totalidade do capital investido en accións. Sen dúbida para evitar un escándalo semellante ao das participacións preferentes, coincidindo precisamente coa data na que saíu á luz o engano e a supresión de rendementos das mesmas.

En maio de 2012, data do troco duns bonos por outros, os novos bonos ou substitutos dos anteriores teñen o mesmo valor nominal que o investimento inicial, 20.000€. nótese que a dita operación de recompra adheríronse o 95% dos clientes do produto, como consta de xeito público e notorio polos medios de comunicación.

2. Se non houbese a substitución dos bonos emitidos en 2009 e ao seu vencemento en 2013 se realizase a conversión no prazo pactado, é claro que o prazo de caducidade comezaría a computar en dita data, pero o banco decidiu de xeito unilateral, encubrindo perdas derivadas da baixada continua do prezo das accións, realizar unha nova emisión con recompra dos títulos anteriores e, deste xeito, deixar ou pospor a conversión efectiva dos bonos para o ano 2015, coa esperanza de mellorar na cotización bursátil das súas accións e, polo tanto, facer menos gravoso o valor de conversión. Tal actuación supuxo que o resultado efectivo da conversión e, polo tanto, o cabal coñecemento da eficacia e natureza do produto (bonos convertibles), só se puido producir no ano 2015.

3.- O recorrente, só en novembro de 2015, ao producirse a efectiva conversión é cando ten cabal e completo coñecemento da causa que xustifica o exercicio da acción e a enorme perda patrimonial sufrida, pois resulta evidente que se a data de conversión definitiva (2015), o valor da acción convertida non xerase perda patrimonial non se instaría nulidade contractual ningunha. En dito momento, cando se manifestan con claridade os efectos do pactado prezo de conversión, que non do prezo da acción, e a súa relación co prezo de mercado das accións da entidade bancaria. Só cando o bono se convirte en accións é cando ten un cabal coñecemento do erro o recorrente, pois son as accións os títulos que marcan o valor real e final do investimento. Aí descobre que o prezo de conversión non é o prezo da acción, e que tampouco vai recibir 20.000 € en accións a prezo pactado, que era o que el entendera, senón que o número de accións a recibir pendía dunha fórmula na que tiñan influencia multitude de variables só controlables dende a entidade bancaria e que dita fórmula nunca lle foi explicada (...).

4.- Esta idea é moi clara no noso caso, dado que se fixo de xeito expreso unha permuta duns bonos por outros, para evitar un vencemento en 2013 e, por isto, só se pode entender que o comprador dos bonos se convirte en accionista e pasa a coñecer, en función da cotización das accións, do valor de conversión e a súa fórmula de conversión ata ese momento descoñecida e ocultada e, con isto, a perda do capital investido que o foi en case a súa totalidade. Se o mercado foi un bono subordinado convertible, resulta evidente que o prazo de inicio da acción de nulidade dese bono, que inclúe un contrato de tracto sucesivo mentres está vixente, non pode ser outro senón o da efectiva conversión do bono; unicamente nese momento o cliente da entidade pode coñecer a causa do exercicio da acción, que non é outro que o completo e cabal coñecemento da perda sufrida derivada dunhas condicións esenciais do produto completamente descoñecidas e ocultadas.

5.- Ao exercitarse a acción de nulidade porque se sufriu unha perda patrimonial que se considera derivada dun erro - vicio -, a acción só pode nacer coa conversión e co coñecemento cabal e completo da perda patrimonial que é a causa que determina o exercicio da acción (só nese momento o actor coñeceu o erro padecido cuxo causante foi a entidade bancaria). Pero é máis, como dende a conversión se adquire a condición de accionista, unicamente dende ese momento o valor do investimento está sometido ao mercado e é cando se pode coñecer a situación e resultado patrimonial da conversión; o inicial investimento sobre un capital e un interese fixo convértese en variable (característica esencial do produto) e leva consigo risco de perdas en función da flutuación no mercado de valores, situación que ademais, no caso do valor de conversión, accións do Banco Popular, non deixou de empeorar de xeito notorio, cun incremento nas perdas dende o ano 2015 ata a situación actual de perda total, como é de público coñecemento.

6.- Non é ata ese momento, o do troco en accións, cando unha persoa como o recorrente, lega en produtos complexos como o contratado, non ten nin moito menos coñecemento real e efectivo da verdadeira natureza e características concretas dos valores adquiridos. (...)".

Pois ben, da lectura do transcrito e da súa aplicación ao presente caso só se pode concluír que a sentenza recorrida debe ser confirmada neste punto. O prazo relevante para o cómputo da caducidade respecto a acción de anulabilidade da operación de compra de bonos convertibles adquiridos en 2009 debe ser a de 11 de decembro de 2015, momento no que se produce a conversión deses bonos en accións do Banco Popular. O troco realizado en data de 4 de maio de 2012 carece de relevancia a estes efectos, xa que só coa conversión definitiva dos bonos en accións puido o demandante ser consciente das verdadeiras características do produto adquirido e decatarse do seu erro, comezando así o cómputo do prazo legal xa referido, de acordo coa doutrina xurisprudencial citada anteriormente.

TERCEIRO.- Distinta sorte debe correr, porén, o segundo dos pronunciamentos recorridos. A apelante entende que a súa condena a reintegrar as cantidades derivadas da orde de valores de 6 de xuño de 2016, de adquisición de accións do Banco Popular por valor de 2.648,75€ debe ser revogada debido a que aos instrumentos de recapitalización interna e venda da entidade aplicados o 7 de xuño de 2017 polo FROB para a resolución do Banco Popular Español, serían incompatibles coa acción de nulidade contractual prevista no art. 1301 CC, tal e como se estableceu nos acordos de unificación de doutrina alcanzados polas Audiencias Provinciais de Oviedo e Cantabria; a errónea valoración das contas anuais do Banco Popular efectuada na sentenza, e dos efectos das mesmas para a determinación das características da información pública ofrecida durante a ampliación de capital, así como do informe pericial emitido polo Banco de España nas dilixencias previas 42/2017. Inclúense tamén diversas consideracións en canto á carga probatoria, ao entender que non se acreditan os feitos constitutivos da pretensión da actora, así como a improcedencia de aplicar a doutrina da STS de 3 de febreiro de 2016 (Caso Bankia), ao presente suposto.

Noutras ocasións este Tribunal ten confirmado sentenzas de primeira instancia estimatorias de demandas que pretendían a anulación da adquisición de accións do Banco Popular con motivo da ampliación de capital de xuño de 2016, por chegarse á conclusión da incorrección da información facilitada en dita oferta pública sobre a situación económico-financeira do Banco, orixinando un erro, esencial e escusable, viciador do consentimento, prestado polo inversor ao contratar a adquisición das accións de dita ampliación de capital.

Porén, dende a resposta interpretativa vinculante da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (Sala 3ª) de 5 de maio de 2022 (TXCE 2022, 97,C-410/2020) ás cuestións prexudiciais incluídas no auto da Sección 4ª desta Audiencia Provincial da Coruña de 28 de xullo de 2020, tense cambiado de criterio ( sentenza núm. 399/2022 de 14 decembro, por exemplo), seguindo a doutrina sentada polo Tribunal europeo, que declarou o seguinte:

" As disposicións do art. 34, apartado 1, letra a), en relación coas do art. 53, apartados 1 , e 3, e coas do art. 60, apartado 2, parágrafo primeiro, letras b ) e c), da Directiva 2014/59/UE do Parlamento Europeo e do Consello , de 15 de maio de 2014, pola que se establece un marco para a recuperación e a resolución de entidades de crédito e empresas de servizos de investimento e pola que se modifican a Directiva 82/891/CEE do Consello e as Directivas 2001/24/CE , 2002/47/CE, 2004/25/CE, 2005/56/CE, 2007/36/CE, 2011/35/UE, 2012/30/UE e 2013/36/UE, e os Regulamentos (UE) n.º 1093/2010 y (UE) n.º 648/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, deben interpretarse no sentido de que se opoñen a que, con posterioridade á amortización total das accións do capital social dunha entidade de crédito ou unha empresa de servizos de inversión obxecto dun pronunciamento de resolución, exerciten, contra esa entidade ou esa empresa ou contra a entidade que a suceda, unha acción de responsabilidade pola información contida no folleto, como se prevé no art. 6 da Directiva 2003/71/CE do Parlamento Europeo e do Consello , de 4 de novembro de 2003, sobre o folleto que debe publicarse en caso de oferta publica ou admisión a cotización de valores e pola que se modifica a Directiva 2001/34/CE , na súa versión modificada pola Directiva 2008/11/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 11 de marzo de 2008 , ou unha acción de nulidade do contrato de subscrición desas accións, que habida conta dos seus efectos retroactivos, dá lugar a unha restitución do contravalor de tales accións, máis os intereses deivindicados dende a data de celebración de dito contrato".

Pouca marxe de interpretación deixa, como se ve, o Tribunal de Xustiza, razón pola cal o primeiro dos motivos de impugnación da recorrente, con respecto a este particular pronunciamento, debe ser acollido e, en consecuencia, a sentenza revogada neste punto. Os fundamentos esenciais da decisión foron os seguintes:

" 32. É importante lembrar, de entrada, que o art. 34, apartado 1, letras a ) e b) da Directiva 2014/59 establece o principio de que son os accionistas, seguidos polos acredores dunha entidade de crédito ou unha empresa de servizos de inversión obxecto do procedemento de resolución quen deben aturar prioritariamente as perdas sufridas como consecuencia da aplicación de dito procedemento.

33. Cando o procedemento de resolución implique unha recapitalización interna, no sentido do art. 2, apartado 1, punto 57 da Directiva 2014/59 , o artigo 53, apartado 1, desta prevé que a redución de capital ou a conversión o a cancelación permitidas por dita recapitalización interna será vinculante de forma inmediata para os accionistas e acredores afectados. Como se establece no art. 53, apartado 3, de dita Directiva, cando unha autoridade de resolución reduza a cero o principal ou o importe pendente dun pasivo calquera obriga ou reclamación derivada do mesmo que non vencese no momento da resolución consideraranse liberadas a todos os efectos e non poderán oporse á entidade de crédito ou á empresa de servizos de inversión obxecto dunha medida de resolución ou a outra sociedade que a suceda, nunha eventual liquidación posterior.

34. O artigo 60 da directiva 2014/59 , relativo á amortización ou conversión de instrumentos de capital precisa, no seu apartado 2, parágrafo primeiro, letra b) que polo que se refire ao titular dos instrumentos de capital amortizados, en virtude da decisión de resolución, non subsistirá responsabilidade ningunha, excepto cando se trate de pasivos xa deivindicados ou de pasivos resultantes de danos e prexuízos xurdidos con motivo do recurso no que se impugne a legalidade do exercicio da competencia de amortización. Así mesmo, a teor do art. 60 apartado 2, parágrafo primeiro, letra c) de dita Directiva, en principio, non se pagará indemnización ningunha ao titular dos instrumentos de capital pertinentes.

35. Estas disposicións deben interpretarse, en particular, á luz do considerando 49 da Directiva 2014/59 , segundo o cal os instrumentos de resolución deben aplicarse, para solucionar situacións de máxima urxencia, unicamente ás entidades de crédito e ás empresas de servizos de inversión inviables ou con probabilidade de selo e só cando sexa preciso para alcanzar o obxectivo da estabilidade financeira en aras do interese xeral. Así pois, debe aplicarse un procedemento deste tipo cando non sexa posible liquidar a entidade de crédito ou a empresa de servizos de inversión de que se trate no marco dun procedemento de insolvencia ordinario sen desestabilizar o sistema financeiro. O procedemento de resolución, como se indica no considerando 45 de dita Directiva, ten por obxecto reducir o risco moral do sector financeiro, facendo que os accionistas soporten prioritariamente as perdas sufridas como consecuencia da liquidación dunha entidade de crédito ou dunha empresa de servizos de inversión, de xeito que se evite que dita liquidación mingüe os fondos públicos e afecte á protección dos depositantes.

36. Por outra banda, o Tribunal de Xustiza ten subliñado que os obxectivos consistentes en garantir a estabilidade do sistema bancario e financeiro e en evitar un risco sistémico constitúen obxectivos de interese xeral perseguidos pola Unión ( sentenza de 176 de xullo de 2020, Adusbef e outros, C-686/18 , EU:C:2020:567 , apartado 92 e xurisprudencia citada). Así pois, se ben existe un claro interese xeral en garantir en toda a Unión unha protección forte e coherente dos inversores, non pode considerarse que este interese prevaleza en todo caso sobre o interese xeral consistente en garantir a estabilidade do sistema financeiro ( sentenzas de 19 de xullo 2016, Kotnik e outros, C-526/14 , EU:C:2016:570 , apartado 91, e de 8 de novembro de 2016, Dowling e outros, C-41/15 , EU:C:2016:836 , apartado 54).

37. Polo tanto, a Directiva 2014/59 establece o recurso, nun contexto económico excepcional, a un procedemento que pode afectar, en particular, aos dereitos dos accionistas e dos acredores dunha entidade de crédito ou dunha empresa de servicios de inversión, a fin de preservar a estabilidade financeira dos Estamos Membros, ao crear un réxime de insolvencia que constitúe unha excepción ao réxime xeral dos procedementos de insolvencia, cuxa aplicación unicamente se autoriza en circunstancias excepcionais e debe estar xustificada por un interese xeral superior. O carácter excepcional deste réxime implica que cabe descartar a aplicación doutras disposicións do Dereito da Unión cando estas podan privar de eficacia ou obstaculizar a aplicación do procedemento de resolución.

38. A este respecto, no considerando 120 da Directiva 2014/59 puntualízase que as excepcións incluídas nesta Directiva ás normas obrigatorias para a protección dos accionistas e acredores das entidades comprendidas no ámbito de aplicación das directivas da Unión sobre Dereito de sociedades, que poden supor un obstáculo para a actuación eficaz e a utilización de competencias e instrumentos de resolución por parte das autoridades competentes, non só deben ser axeitadas, senón tamén estar definidas de xeito claro e preciso, a fin de garantir a máxima seguridade xurídica para os interesados.

39. Como se desprende, en particular do seu considerando 18, a Directiva 2003/71 tiña como obxectivo a protección dos inversores no momento en que deciden adquirir valores dunha entidade de crédito ou dunha empresa de servizos de inversión. A emisión dun folleto de venda de valores, na medida en que debe ofrecer unha información completa, fiable e doadamente accesible sobre eles, permite aumentar a confianza do público en ditos valores, evitando que se vexan alterados por algunha irregularidade (véxase, neste sentido a sentenza de 17 de setembro de 2014, Almer Beheer e Daedalus Holding, C- 441/12 , EU:C:2014:2226 , apartado 33).

40. Polo tanto, esta Directiva está materialmente comprendida entre as Directivas da Unión sobre Dereito de sociedades, no sentido do considerando 120 da Directiva 2014/59 . Pois ben, esta última permite establecer excepcións ás disposicións do Dereito da Unión, como as da Directiva 2003/71 , sempre que a súa aplicación poda privar de eficacia ou obstaculizar a aplicación dun procedemento de resolución, aínda cando ditas disposicións non estean expresamente mencionadas na Directiva 2014759 No sentido de que poden ser obxecto das excepcións que nela se establecen.

41. Polo que respecta, en particular, á acción para esixir a responsabilidade pola información contida no folleto de venda de valores prevista no art. 6 da Directiva 2003/71 , esta acción, como manifestou o Avogado Xeral no punto 53 das súas conclusións, está comprendida na categoría das obrigas ou créditos que se consideran liberados a todos os efectos, sempre que non vencesen no momento da resolución e que, por conseguinte, non poden opoñerse á entidade de crédito ou á empresa de servizos de inversión obxecto de resolución, ou á entidade de crédito que a sucedese, como resulta do propio teor do art. 53, apartado 3 da Directiva 2014/59 e, implicitamente, do art. 60, apartado 2, parágrafo primeiro, desta Directiva.

42. O mesmo cabe dicir, polo que respecta a unha acción de nulidade dun contrato de subscrición de accións, exercitada contra a entidade de crédito ou a empresa de servizos de inversión emisora do folleto ou contra a entidade que a suceda, unha vez aplicado o procedemento de resolución.

43. En efecto, tanto a acción de responsabilidade como a acción de nulidade equivalen a esixir que a entidade de crédito ou a empresa de servizos de inversión obxecto de resolución, ou o sucesor destas entidades indemnice aos accionistas polas perdas sufridas como consecuencia do exercicio, por parte dunha autoridade de resolución, das competencias de amortización e de conversión dos pasivos de dita entidade ou de dita empresa, ou a esixir que proceda ao reembolso total das cantidades invertidas no momento da subscrición de accións que se amortizaron debido a este procedemento de resolución. Tales accións cuestionarían toda a valoración na que se basea a decisión de resolución, posto que a composición do capital forma parte dos datos obxectivos de dita valoración. Como sinalou o Avogado Xeral nos puntos 82 e 95 das conclusións, frustraríanse, polo tanto, o propio procedemento de resolución e os obxectivos perseguidos pola directiva 2014/59 .

44. Habida conta do anterior, a aplicación dos artigos 34, apartado 1, letra a ), 53, apartados 1 e 3 e 60, apartado 2, parágrafo primeiro, letras b ) e c), da Directiva 2014/59 exclúe que se exercite unha acción de responsabilidade prevista no artigo 6 da Directiva 2003/71 ou unha acción de nulidade do contrato de subscrición de accións, prevista no Dereito nacional, contra a entidade de crédito ou a empresa de servizos de inversión emisora do folleto ou a entidade que a suceda, con posterioridade á adopción da decisión de resolución sobre a base de ditas disposicións.

45. Esta constatación non queda desvirtuada pola sentenza de 19 de decembro de 2013, Hirmann (C-174/12 , EU:C:2013:856 ), apartados 23 e 28, na que o Tribunal de Xustiza declarou, en particular, que as disposicións da Directiva 77/91/CEE do Consello , de 13 de decembro de 1976, Segunda Directiva tendente a coordinar, para facelas equivalentes, as garantías esixidas nos Estados membros ás sociedades definidas no parágrafo segundo do art. 54 TFUE , co fin de protexer os intereses dos socios e terceiros no relativo á constitución da sociedade anónima, así como ao mantemento e modificacións do capital social das sociedades anónimas e a igualdade de trato dos accionistas, non poden opoñerse a unha medida nacional de transposición da Directiva 2003/71 que, por unha banda, prevé a responsabilidade das sociedades emisoras pola divulgación de información inexacta e, pola outra, obrígaas, por razón desa responsabilidade, a reembolsar ao adquirinte o importe correspondente ao prezo de adquisición das accións e a facerse cargo destas.

46. En efecto, no asunto que deu lugar a dita sentenza, discutíanse directivas da Unión sobre o Dereito de sociedades, cuxa aplicación debe conciliarse na medida do posible, mentres que o asunto do litixio principal versa sobre a aplicación da Directiva 2014/59 que, como se expuxo nos apartados 36 e 37 da presente sentenza, establece un réxime de excepción ao réxime xeral dos procedementos de insolvencia, o cal está comprendido no ámbito do Dereito común de sociedades, a fin de preservar o interese xeral consistente en garantir a estabilidade do sistema financeiro.

47. Ademais, é preciso lembrar que nin o dereito de propiedade recollido no art. 17 da Carta dos Dereitos Fundamentais, nin o dereito á tutela xudicial efectiva garantido no art. 47 de dita Carta son dereitos absolutos (véxase neste sentido, en relación co dereito de propiedade, a sentenza de 13 de xuño de 2017, Florescu e outros, C-258/14 , EU:C:2017:448 , apartado 51 e xurisprudencia citada, e, en relación co dereito á tutela xudicial efectiva, a sentenza de 19 de decembro de 2019, Deutsche Umwelthilfe, C-752/18 , EU:C:2019:1114 , apartado 44 e xurisprudencia citada).

48. A este respecto é preciso subliñar que a Directiva 2014/59 tamén establece un mecanismo de salvagarda para os accionistas e acredores dunha entidade de crédito ou dunha empresa de servizos de inversión obxecto de procedemento de resolución. A teor do artigo 73, letra b ), de dita Directiva, ao que remite o artigo 34, apartado 1, legra g) desta, en dito procedemento recoñecese aos accionistas e aos acredores o dereito a un reembolso ou a unha indemnización polos seus créditos que non sexa inferior á estimación do que terían recibido se a totalidade da entidade ou empresa de que se trate fose liquidada de acordo aos procedementos de insolvencia ordinarios.

49. Así pois, o artigo 74 da citada Directiva, interpretado á luz do considerando 51 desta, dispón que, a efectos de valorar se os accionistas e acredores terían recibido mellor trato no suposto de que á entidade de crédito ou á empresa de servizos de inversión de que se trate se lle aplicasen os procedementos de insolvencia ordinarios, é preciso comparar a posteriori o trato que se deu a accionistas e acredores e o trato que recibirían de acordo cos procedementos de insolvencia ordinarios. A tal fin, os Estados membros deben velar por que a valoración a realice o antes posible unha persoa independente unha vez executada a medida de resolución. Cabe a posibilidade de opoñerse a tal comparación de xeito independente á decisión de resolución.

50. O artigo 75 da Directiva 2014/59 precisa que, se se constata que, no marco dun procedemento de resolución, os accionistas e os acredores recibiron como pago ou compensación dos seus créditos, menos do que terían recibido de acordo aos procedementos de insolvencia ordinarios, terán dereito ao pagamento da diferenza. Como sinalou o Avogado Xeral no punto 105 das súas conclusións, unicamente se garante o pago da diferenza entre as persas soportadas no marco da resolución e as que se terían sufrido no marco dun procedemento de liquidación ordinario".

A claridade dos razoamentos transcritos, que non podemos senón aceptar e facer nosos, xustifican sobradamente a decisión a tomar por esta Sala que non é outra, como se sinalou anteriormente, que estimar o recurso no relativo a este pronunciamento da sentenza recorrida.

CUARTO.- No que se refire aos custes procesuais deste recurso, en virtude do sinalado no art. 398 en relación co 394, ambos da LAC, ao terse estimado parcialmente este recurso non cabe facer expresa imposición dos mesmos.

En consecuencia, vistos os preceptos sinalados e demais de pertinente aplicación ao caso,

Fallo

1º. ESTIMAR PARCIALMENTE o recurso de apelación presentado pola representación procesual de Banco de Santander S.A. fronte á sentenza de 11 de marzo de 2020, ditada polo Xulgado de Primeira Instancia nº 4 da Coruña en procedemento ordinario 525/2019.

2º. REVOGAR O PRONUNCIAMENTO DA SENTENZA RECORRIDA que declaraba a nulidade relativa da orde de valores de 6 de xuño de 2016 solicitada na demanda e a conseguinte condena á parte demandada.

3º. CONFIRMAR OS RESTANTES PRONUNCIAMENTOS DA sentenza apelada.

4º. FIXAR A CONDENA á parte demandada Banco Santander S.A. na cantidade de 12.000 euros máis os intereses legais correspondentes dende a data de adquisición do produto contractual anulado ata o momento da restitución, ordenando que os mesmos se reintegren á parte demandante, tendo en conta que esta deberá devolver á súa vez á demandada os rendementos obtidos do mencionado produto, máis os intereses legais correspondentes dende a data de cobro ata a súa restitución. Deberanse compensar as cantidades correspondentes en período de execución de sentenza.

5º. Non facer expresa imposición dos custes procesuais de ningunha das instancias.

Esta sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de casación e, no seu caso, recurso extraordinario conxunto por infracción procesual.

Así, por esta nosa sentenza, o pronunciamos, mandamos e asinamos.

Fórmate con Colex en esta materia. Ver libros relacionados.