Última revisión
10/04/2023
Sentencia Civil 73/2023 Audiencia Provincial Civil de Pontevedra nº 3, Rec. 1013/2021 de 07 de febrero del 2023
GPT Iberley IA
Copiloto jurídico
Relacionados:
Tiempo de lectura: 69 min
Orden: Civil
Fecha: 07 de Febrero de 2023
Tribunal: AP Pontevedra
Ponente: IGNACIO DE FRIAS CONDE
Nº de sentencia: 73/2023
Núm. Cendoj: 36038370032023100029
Núm. Ecli: ES:APPO:2023:125
Núm. Roj: SAP PO 125:2023
Encabezamiento
Modelo: N10250
/ROSALÍA DE CASTRO NÚM. 5-2-IZQ. (PONTEVEDRA)
Equipo/usuario: MC
Recorrente: Esperanza
Procuradora:
Avogado:
Recorrido:
Procuradora:
Avogada:
Pontevedra, 7 de febreiro de 2023
Foron vistos en grao de apelación ante esta Sección Terceira da Audiencia Provincial de Pontevedra os autos de procedemento ordinario núm. 122/2019, procedentes do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 3 de Cambados , aos cales correspondeu o
É o maxistrado relator don
Antecedentes
Fundamentos
Trátase dun recurso extenso, ensarillado e reiterativo, que dificulta a distinción dos aspectos concretos de discrepancia coa resolución de instancia, os cales, non obstante, trataremos de identificar.
A parte demandante oponse ao recurso e manifesta a súa conformidade co contido da sentenza impugnada.
Neste senso, sinala a apelante que a demandante presentou no seu día unha demanda de execución hipotecaria, en cuxo seo a hoxe apelante formulou oposición invocando a nulidade das cláusulas de vencemento anticipado e limitativa de xuro, ou cláusula chan, cuantificando a cantidade indebidamente cobrada pola entidade bancaria en aplicación desta última nun importe de 12 253,35 euros, ao cal habería que sumar os xuros legais desde a data dos cobramentos indebidos. En primeira instancia acolleuse parcialmente a oposición e declarouse a nulidade de ambas as cláusulas. Engade que a Audiencia Provincial desacolleu o recurso de apelación.
Continúa relatando que o 25 de marzo de 2019 a demandante presentou a actual demanda de resolución do contrato de préstamo e afirma que
Sinala que na contestación se alegou compensación e que se liquidaron, conforme ao contrato, mes a mes, as cantidades indebidamente cobradas na aplicación da cláusula chan e mais os xuros legais desde as datas dos cobramentos indebidos, cun resultado de 15 520,97 euros, liquidación que non foi impugnada pola entidade demandante na audiencia previa. Resume, a continuación, os diversos pronunciamentos da sentenza e a fundamentación destes, e destaca que non se efectúa pronunciamento respecto ao punto 5 da solicitude, relativo a que se poida executar a sentenza con cargo á garantía hipotecaria, o que implica, ao seu xuízo, que a petición foi desestimada, e con iso a demanda parcialmente acollida, cos correspondentes efectos na imposición de custas procesuais.
Con estes presupostos invoca seis motivos de apelación que abordaremos nos seguintes fundamentos de dereito.
Sinala que na sentenza se afirma que a reliquidación efectuada pola entidade demandante o 17 de xullo de 2017, dado o longo lapso de tempo transcorrido, implica un incumprimento do préstamo, o que infrinxe os termos do contrato, e deixa ao arbitrio do banco liquidar e compensar "o que lle dá a gana", omitindo o prazo, a quen incumbía a carga de probar a presentación ao cobramento dos recibos do préstamo emitidos desde a declaración de nulidade da cláusula chan, sen que consten cargados na conta dos prestameiros, nin acreditada a falta de saldo para pagalos, nin a notificación da liquidación aos prestameiros.
Nun segundo motivo, alega erro na aplicación do dereito por infracción do artigo 1196 do Código civil, verbo da compensación de débeda, en relación cos artigos 1103, 1101 e 1108, respecto aos efectos da nulidade da cláusula chan e a devindicación de xuros legais das cantidades cobradas en exceso desde as datas dos seus indebidos pagamentos.
Sinala que a sentenza dá por válida a reliquidación efectuada pola demandante sen ningún tipo de motivación ao respecto. E engade que aquela non é válida porque a entidade bancaria non devolveu as cantidades indebidamente cobradas por aplicación da cláusula chan nula desde o 4 de xaneiro de 2010 a xullo de 2014, cuxo importe ascendería a 12 253,35 euros, senón que reliquida pagándose a si mesma mediante amortización de principal e xuros sobre xuros, polo que devolveu unicamente 5064,58 euros e debe a suma de 7188,77 euros; nin devolveu os xuros legais das cantidades indebidamente cobradas, que ascenden a 3267,63 euros. Sinala que, segundo se afirma na demanda, a débeda a prol do banco por xuros ordinarios e principal vencido era de 9625,10 euros, mentres que o banco debía aos prestameiros 7188,77 euros indebidamente cobrados por aplicación da cláusula chan e 3267,63 euros de xuros legais, o que sumaba un importe de 10 456,40 euros, polo que o banco debía aos prestameiros 831,30 euros.
Nun terceiro motivo, alégase infracción dos artigos 1125 e 1129 do Código civil, respecto ás obrigas a prazo con relación ao artigo 1171 e concordantes no atinente ao pagamento, e inexistencia de culpa dos prestameiros, con infracción dos artigos 1104 e 1105 do Código civil, por estar pendentes desde novembro de 2014 a abril de 2017 da validez ou nulidade da cláusula chan.
Neste senso afirma que era o banco o que debía 831,30 euros aos prestameiros, e que, aínda que non fose así, ao estar
Nun cuarto motivo, alégase erro na aplicación do dereito por infracción do artigo 1124 do Código civil e a xurisprudencia que o desenvolve, dado o incumprimento previo do prestamista da súa obriga de emitir novos recibos e cargalos en conta despois de que a Audiencia Provincial confirmase a declaración de nulidade da cláusula chan, o que impide, ao seu xuízo, a resolución anticipada do préstamo por incumprimento ao abeiro do artigo 1124, por inexistencia de proba das liquidacións mensuais consonte o xuro variable pactado, emitindo recibos e cargándoos na conta bancaria asociada ao préstamo, polo que non existe incumprimento da obriga de pagamento nin se infrinxen os artigos 1104 e 1105 do Código civil.
Afirma a apelante que na sentenza, ao sinalar que houbo 43 impagamentos consecutivos desde febreiro de 2014 a agosto de 2017, se omite que en abril de 2017 se declarou a nulidade da cláusula chan, e, loxicamente, todos os cargos ou liquidacións desde a data de aplicación da cláusula chan deberían ser devolvidos e emitidos e cargados os recibos segundo o xuro variable pactado, que se omite tamén que o banco non recalculou consonte a lei e non emitiu novas liquidacións, nin as cargou en conta, nin probou a inexistencia de saldo para o seu pagamento ou negativa ao pagamento, e que se omite que debía 831,30 euros aos prestameiros, e que, aínda que non fose así, ao estar
Nun quinto motivo, alégase erro na aplicación do dereito respecto ao resolto en materia de prescrición dos xuros remuneratorios anteriores ao mes de marzo de 2015 polo transcurso do prazo de cinco anos previsto no artigo 1966.3ª do Código civil, en relación co artigo 1969 e cos artigos 1256 e 7, todos do dito código, sobre a validez e cumprimento dos contratos.
Argumenta que é contrario a dereito situar como o día inicial do cómputo do prazo a data de peche da conta e envío de burofax de reclamación, pois a devindicación do nacemento da obriga de pagamento é mensual, polo que, para os efectos do artigo 1969, o tempo da prescrición comeza desde a liquidación e devindicación de cada cota mensual de xuros. En caso contrario, se o acredor non liquida anticipadamente o préstamo, converte os xuros en imprescritibles á súa vontade. Engade que non existiu nin unha soa comunicación extraxudicial, nin de cumprimento, nin de liquidacións, nin de resolución por incumprimento do pagamento das liquidacións mensuais, polo que non existe causa para
Finalmente, no sexto e derradeiro motivo, alégase infracción do artigo 394 da LAC, en materia de custas procesuais, por entender que o acollemento da demanda non foi total, senón parcial, ao non se acoller o punto quinto da solicitude, dado que foi omitido na sentenza un pronunciamento ao respecto. Aléganse, ademais, dúbidas de feito e de dereito porque foi declarada nula a cláusula chan, sen que conste a acreditación do cargo na conta dos recibos emitidos e a anulación dos anteriores recibos nulos.
Comezaremos por sinalar que non se invoca na demanda como fundamento da acción exercitada a cláusula de vencemento anticipado por falta de pagamento, cuxa nulidade xa foi declarada polo seu carácter abusivo, senón que se alude ao incumprimento grave e esencial da obriga de pagamento ( art. 1124 do Código civil) e á perda do beneficio do prazo ( art. 1129 do Código civil).
Neste senso debe distinguirse entre os pactos contractuais e as normas legais, de forma que a nulidade da cláusula non impide ao acredor dar por resolto o contrato se o debedor incumpre unha obriga fundamental, como é o caso. Todos os ordenamentos xurídicos permiten ao acredor resolver o contrato ante incumprimentos esenciais. O artigo 1124 do noso Código civil prevé a facultade de resolver as obrigas recíprocas para o caso de que un dos obrigados non cumprir o que lle incumbe; e o artigo 1129 fai perder ao debedor o beneficio do prazo concedendo acción ao acredor con carácter preventivo cando existe un risco real de impagamento, canto máis cando o impagamento xa se produciu. E estes son os preceptos legais en que a parte demandante funda a acción exercitada. E a eles se refire a sentenza impugnada.
En supostos como o presente, o incumprimento da obriga esencial de amortización das cotas polo prestameiro, nunha reclamación que se interpuxo tras o impagamento de 43 cotas, faculta, no marco do artigo 1124 do Código civil, para resolver o vínculo, como entende a máis recente xurisprudencia do Tribunal Supremo, tal e como se resolveu na instancia.
Sostiña esta Audiencia Provincial en sentenzas do 26 de maio de 2016, do 23 de xuño de 2016 e do 6 de abril de 2017, entre outras, que a gravidade do incumprimento en relación coa contía e duración do contrato de préstamo, sen a máis mínima vontade de cumprir, xustificaba a perda do beneficio do prazo para o debedor e que o acredor reclamase integramente a débeda pendente, sen que isto supuxese aplicación dunha cláusula nula. O efecto do "vencemento anticipado" produciríase por aplicación do artigo 1129 do Código civil, pois, aínda que, consonte o artigo 1125 do Código civil, a regra xeral é a de que "
Con posterioridade pronunciouse a STS do 11 de xullo de 2018, na cal se admite a aplicación do artigo 1124 do Código civil e a resolución do contrato por incumprimento esencial do prestameiro. Sinalaba o noso alto tribunal na dita resolución o seguinte:
...
En primeiro lugar, os prestameiros non exercitaron acción ningunha. No anterior procedemento de execución hipotecaria, loxicamente, a acción hipotecaria exercitábaa a prestamista, sen que coubese o exercicio de acción ningunha de nulidade de cláusulas contractuais ou condicións xerais á prestameira no ámbito do dito proceso. Isto implica que os efectos da declaración de nulidade da cláusula chan se limitan á súa inaplicabilidade ás cotas aínda non pagadas, pero, respecto ás cantidades aboadas en exceso, resulta necesario o exercicio da oportuna acción polos prestameiros para que lles sexan restituídas. Como non se exercitara a dita acción, non existía débeda ningunha do banco cos prestameiros que puidese ser compensada.
É no ámbito deste proceso, no marco da contestación á demanda, onde se invoca a compensación daquelas cantidades. Pois ben, mesmo non se opoñendo de forma expresa na solicitude da contestación tal excepción de compensación, o certo é que, no feito sexto da contestación, páxinas 8 a 18, se alega a compensación das cantidades indebidamente aboadas en virtude da cláusula chan desde o 4 de xaneiro de 2010 ata o 24 de xullo de 2014, e dos xuros legais das ditas cantidades desde as datas dos seus respectivos cobramentos.
Debemos acudir, pois, ao artigo 408 da LAC, que dispón que "
A cuestión é se a referencia do artigo 408 inclúe só a compensación legal, ou tamén a xudicial.
Xa desde a sentenza do 7 de xuño de 1983, na compensación, como forma de pagamento abreviado por retorno e reciprocidade para a extinción das obrigas, veñen distinguíndose tres clases:
A) A legal, que é a regulada nos artigos 1195 a 1202 do Código civil, que é a que opera por imposición legal cando concorren todos e cada un dos requisitos que se enumeran nos artigos 1195 e 1196 do Código civil. É dicir, o efecto propio da compensación, extinguir ambas as débedas na cantidade concorrente ( art. 1202 do Código civil), só se produce cando as dúas persoas sexan acredoras e debedoras recíprocas e por dereito propio; e os seus créditos e débedas reúnan os requisitos de ser: principais (coa excepción prevista para o fiador), que consistan nunha cantidade de diñeiro (ou, sendo funxibles, da mesma especie e calidade), vencidas, líquidas, exixibles e non exista orde de retención ou contenda.
B) A xudicial, que se produce cando, á falta dalgún dos requisitos da legal, o demandado alega a existencia do crédito que fai valer con ocasión do reclamado na demanda iniciadora do xuízo (normalmente por vía reconvencional). Aínda que na compensación xudicial non se precise que as débedas compensables sexan líquidas e exixibles no momento de presentar o litixio, si resulta imprescindible a realidade do crédito do demandado fronte ao demandante.
C) A contractual, nova especie de compensación acollida ao abeiro da autonomía da vontade e da liberdade de contratación do artigo 1255 do Código civil, sen outros límites que os fixados polo dito precepto.
A alegada pola recorrente non é a compensación contractual, pois non existe ningún pacto de compensar as supostas débedas, nin tampouco a legal, xa que o suposto crédito que posuiría non é líquido, vencido e exixible, ao faltar a declaración xudicial da súa existencia, e dado que non foi reclamado ata este momento pola prestameira, senón a xudicial, pois o que pretende é que na sentenza se declare a existencia do crédito, é dicir, estase a exercitar a acción de restitución das cantidades indebidamente aboadas en virtude dunha cláusula nula. E, cuantificada esa cantidade, opoñer o crédito á demandante. Todo isto por vía de excepción.
Pois ben, como sinala a SAP de Pontevedra (Sección 6ª) do 10 de marzo de 2020, a regulación do artigo 408 da LAC inclúe non só a compensación legal, senón tamén a xudicial:
Pois ben, introducida aquela alegación, o artigo 408.1 da LAC indica a previsión de que se dea traslado ao demandante na forma previda para a reconvención no artigo 407, aínda que, polos termos empregados, que non son taxativos senón facultativos, sen concretar se se refire a que se exixa logo da petición de parte ou á facultade discrecional do tribunal atendendo ao caso concreto. Neste caso, aínda que o xulgado non conferiu aquel trámite, o certo é que a parte demandante puido controvertelo se o considerase oportuno, mais gardou silencio ao respecto, polo que se debe entender introducida a compensación no proceso. Agora ben, isto só para os efectos de reducir ou neutralizar, de ser o caso, a cantidade reclamada, sen que os seus efectos se estendan a momentos anteriores en que, malia a débeda dos prestameiros, non se exercitou acción ningunha fronte á prestamista en reclamación daquelas cantidades.
Así, a inactividade dos prestameiros, que nin sequera ofreceron pagar a cantidade que entendían correcta, malia poder facelo aplicando os xuros remuneratorios pactados, sen o límite mínimo, que entendían nulo, fan irrelevante o invocado incumprimento da obriga de xirar novas liquidacións, que, en todo caso, só se podería entender operativo desde a resolución da Audiencia Provincial.
Neste senso, pronunciada esta en abril de 2017, catro meses despois, en agosto, efectúase a liquidación do saldo que é obxecto de reclamación, con inaplicación da cláusula chan, e sen que procedese descontar as cantidades cobradas en exceso, xa que non exercitou a parte prestameira acción dirixida á súa restitución, e efectuouse reclamación por burofax en setembro de 2017, sen que, malia iso, os prestameiros realizasen pagamento ningún, nin nese momento, nin no ano e medio transcorrido ata a presentación da demanda en marzo de 2019.
A pesar das alegacións do recurso, é sabido que é quen invoca o pagamento o que debe acreditalo. E, se o que se invoca é a renitencia do acredor a aceptar o pagamento, tamén debe acreditalo quen o invoca. Podía e debía a prestameira debedora acreditar non só a existencia de saldo na conta designada para pagar as cotas, achegando o correspondente extracto bancario ou solicitando a súa achega á entidade bancaria, o que non fixo, senón tamén a súa vontade de pagamento, exixindo que lle fosen cargados os recibos, e, se é o caso, como se dicía, acudindo ao ofrecemento de pagamento e á consignación, de ser necesario.
Neste senso, é doutrina constitucional reiterada ( SSTC 82/2000, do 27 de marzo; 145/2000, do 29 de maio; 149/2002, do 15 de xullo; 6/2003, do 20 de xaneiro; 55/2003, do 24 de marzo; 90/2003, do 19 de maio; 191/2003, do 27 de outubro; 43/2006, do 13 febreiro; 161/2006, do 22 de maio; e 93/2009, do 20 de abril) que os actos de comunicación producen plenos efectos cando a súa frustración se debe unicamente á vontade expresa ou tácita do seu destinatario, ou á pasividade, desinterese, neglixencia, erro ou impericia da persoa a que vai destinada, e neste caso non consta que a parte prestameira non recollese a comunicación remitida pola parte demandante e prestamista por algunha causa xustificada distinta da súa propia vontade obstativa á recepción do requirimento, ata o punto de que nin sequera se alegou causa ningunha que lle impedise recoller o burofax. No mesmo senso, cabe citar a sentenza da Sección 1ª desta Audiencia Provincial de Pontevedra do 10 de decembro de 2021.
E na recente STS do 29 de setembro de 2022, con cita doutras anteriores, afírmase:
Arguméntase que é contrario a dereito situar como o día inicial do cómputo do prazo a data de peche da conta e envío de burofax de reclamación, pois a devindicación do nacemento da obriga de pagamento é mensual, polo que, para os efectos do artigo 1969, o tempo da prescrición comeza desde a liquidación e devindicación de cada cota mensual de xuros. En caso contrario, se o acredor non liquida anticipadamente o préstamo, converte os xuros en imprescritibles á súa vontade.
Engade a parte apelante que non existiu nin unha soa comunicación extraxudicial, nin de cumprimento, nin de liquidacións, nin de resolución por incumprimento do pagamento das liquidacións mensuais, polo que non existe causa para
A primeira parte da argumentación do motivo está desconectada do razoado na sentenza contra a que se recorre para non apreciar a prescrición invocada, pois o que se argumenta nesta é que o prazo de prescrición de cinco anos foi interrompido pola remisión dos burofax do 13 e do 18 de setembro de 2017, aos cales aludiamos no fundamento de dereito oitavo, polo que o novo prazo de cinco anos non estaría transcorrido aínda ao se presentar a demanda o 25 de marzo de 2019.
E no que respecta á segunda parte do motivo, debemos remitirnos ao razoado naquel fundamento de dereito respecto á eficacia da reclamación efectuada mediante os ditos burofax, e, tamén, ao razoado con anterioridade sobre a incorrecta interpretación da apelante do acordado polo auto desta Audiencia Provincial no proceso de execución hipotecaria e o comportamento dos prestameiros en canto ao (in)cumprimento das súas obrigas de pagamento.
Procede, pois, desacoller, o motivo de apelación examinado.
Dado que, ao se acoller parcialmente o recurso, se estima parcialmente a demanda, debe acollerse tamén este motivo de apelación, pois, de conformidade co artigo 394 da LAC, isto implica que cada parte aboe as custas causadas á súa instancia e as comúns por metade.
Non obstante, en canto ao alegado no motivo, cabe sinalar que, se ben é certo que na sentenza non existe pronunciamento sobre o punto quinto da solicitude relativo a que poida executarse a sentenza con cargo á garantía hipotecaria, isto non implica que a petición fose desestimada, e, xa que logo, a demanda parcialmente acollida, senón que non se resolveu a cuestión. Se ás partes lles interesaba a resolución expresa de tal cuestión, deberon solicitar o complemento de sentenza consonte o disposto no artigo 215.2 da LAC. Como non o fixeron así, tal pretensión quedou imprexulgada, e, por iso, non foi nin acollida nin desacollida.
No caso litixioso, ao se acoller parcialmente o recurso, non procede impoñer as custas deste a ningunha das partes.
Tras seren vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,
Fallo
Acollemos parcialmente o recurso de apelación interposto pola procuradora Sra. Robes Cabaleiro, en nome e representación de dona Esperanza, contra a sentenza pronunciada con data do 13 de outubro de 2021 polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 3 de Cambados no xuízo ordinario núm. 122/2019 (rolo núm. 1013/2021), a cal revogamos parcialmente, polo que queda redactada a súa parte dispositiva da seguinte forma:
Non se fai imposición das custas derivadas desta alzada.
Procédase á devolución do depósito constituído para recorrer.
Notifíquese esta resolución ás partes e fágaselles saber que esta sentenza poderá ser susceptible de recurso extraordinario por infracción procesual e de casación de concorreren os requisitos legais (arts. 469 e 477 e disposición derradeira décimo sexta LAC), que se interpoñerán, se é o caso, perante o Tribunal no prazo de 20 días, contados desde a notificación desta resolución.
Consonte a disposición adicional décimo quinta da Lei orgánica do poder xudicial, para a admisión do recurso deberase acreditar que se constituíu, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, agás que a parte recorrente sexa beneficiaria de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, comunidade autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.
Unha vez que a sentenza sexa firme, expídase un testemuño que será remitido cos autos orixinais ao xulgado de procedencia para os efectos oportunos.
Así, por esta nosa sentenza, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.
A difusión do texto desta resolución a partes non interesadas no proceso en que foi pronunciada só poderá levarse a cabo logo da disociación dos datos de carácter persoal que conteña o documento e con pleno respecto do dereito á intimidade, dos dereitos das persoas que requiran un especial deber de tutela ou da garantía do anonimato das vítimas ou prexudicados, cando proceda.
Os datos persoais incluídos nesta resolución non poderán ser cedidos nin comunicados con fins contrarios ás leis.

